Diario Oficial de Galicia, 02-09-2004, Núm. 171, Páx. 12348
Resolución do 19 de agosto de 2004, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data do 14 de xuño de 2004 relativa ao proxecto sectorial do parque empresarial do Pousadoiro, Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Clave 2003/0308.
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 14 de xuño de 2004, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial do parque empresarial do Pousadoiro, Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Clave 2003/0308, que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2004.
Martín Fernández Prado
Director xeral de Urbanismo
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data 14 de xuño de 2004 relativa ao proxecto sectorial do parque empresarial do Pousadoiro, no concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), promovido por Xestur Pontevedra. Clave 2003/0308.
Antecedentes:
O Consello da Xunta de Galicia, en data 23 de outubro de 2003, acordou declarar o proxecto sectorial obxecto desta declaración como de incidencia supramunicipal, polo tanto tendo en conta o indicado no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, dentro do procedemento de aprobación substantiva que leva a cabo a Dirección Xeral de Urbanismo, en data 30 de xaneiro de 2004, consonte o artigo 10 do Decreto 80/2000, cualificouse o proxecto como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
O proxecto ten como obxecto regular a implantación territorial dun parque empresarial en Vilagarcía de Arousa, cunha superficie de actuación dunhas 21 ha. No anexo I resúmese o contido do proxecto e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data 18 de marzo de 2004 publícase no DOG (nº 55) a Resolución do 9 de marzo de 2004, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se somete a información pública o estudo ambiental do proxecto sectorial do parque empresarial do Pousadoiro, non tendo constancia da presentación de alegacións durante o período de exposición pública.
Con data 5 de marzo de 2004, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Urbanismo, no que se inclúe o certificado de exposición ao público nesa dirección xeral e o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o de Augas de Galicia.
Feita a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 106/2004, do 27 de maio, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto sectorial do parque empresarial do Pousadoiro, no concello de Vilagarcía de Arousa, promovido por Xestur Pontevedra, S.A.
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os sós efectos ambientais condicións adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A) Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese exclusivamente ao proxecto desenvolvido no documento titulado Proxecto sectorial do parque empresarial do Pousadoiro, Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Marzo 2003, e documentación complementaria, localizado no concello de Vilagarcía de Arousa, na zona definida no plano I-1 Situación e localización, incluído no tomo I do antedito proxecto.
O ámbito desta DIA comprenderá tanto a fase redacción do proxecto de urbanización, de obras, de explotación e de abandono do parque, de xeito que o condicionado que segue vinculará a construción deste e o funcionamento das instalacións ou empresas que no futuro se desenvolvan nela.
B) Condicións xerais.
B.1) Fase de redacción do proxecto de urbanización.
1. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, vías auxiliares, etcétera, do xeito indicado no estudo ambiental.
2. O deseño do sistema de iluminación pública realizarase de xeito que se minimice a contaminación lumínica e o consumo enerxético.
3. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística segundo o plan de restauración ao que fai referencia dun modo moi xeral no estudo ambiental, definíndose con detalle os traballos que se van efectuar segundo sexa a zona que hai que revexetar (noiros de desmonte e terraplén, zonas verdes, depósitos de sobrantes, instalacións e vías auxiliares, etcétera) así como os materiais que se van utilizar nestes traballos. Cómpre ter en conta que os acabados finais das actuacións deberán realizarse co deseño e materiais que integren as devanditas obras no contorno.
4. Redactarase un proxecto para o control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do proxecto. Como anexo a este proxecto arqueolóxico, deberase recoller na cartografía empregada polo persoal da obra durante o transcurso dela, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
5. Incluirase o programa de vixilancia ambiental proposto no estudo ambiental, coas modificacións xurdidas ao redactar o proxecto de urbanización, así como as derivadas do cumprimento da DIA. Este programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, incorporando procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, designarase un/s responsable/s desta.
- O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá recoller os labores de restauración e revexetación.
- As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e polo tanto realizaranse naqueles momentos en que poida existir unha afección sobre os aspectos que haxa que controlar.
- A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán vir acompañadas de informe asinado polo técnico competente.
- Incorporaranse nos informes copia da documentación acreditativa da obtención dos permisos que sexa necesario requirir.
B.2) Fase de replanteo.
Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto deberá dispoñerse da autorización emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, segundo o proxecto para o control e seguimento arqueolóxico para as fases de replanteo, obra e explotación ao que se fai referencia no punto B.1.4 desta DIA.
B.3) Fase de obras de explotación.
1. Previamente a calquera afección ao dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía de canles fluviais será preceptiva a autorización outorgada por Augas de Galicia.
2. A vertedura directa ou indirecta de augas e produtos residuais susceptibles de contaminar as augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico deberá contar coa previa autorización outorgada por Augas de Galicia.
3. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na obra; no caso de que isto non sexa posible serán entregados a xestor autorizado.
4. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas.
Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se vaian usar para a urbanización do parque (para bases o subbases das vías, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco esixentes xeotecnicamente, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
5. A corta de vexetación cinguirase á estritamente necesaria para a execución da obra, tal como se especifica no estudo ambiental, protexendo en todo momento a vexetación de ribeira.
Se é tecnicamente posible, os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.
Así mesmo, e tal como se especifica no estudo ambiental, para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira seguirase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.
6. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo.
7. Nos labores de mantemento de fochos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente por medios mecánicos.
8. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, por todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación na maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de ser necesarias adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.
9. Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan utilizadas na execución do proxecto, procedéndose á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.
10. No caso de abandono dalgunha das instalacións que se vaian implantar no parque, procederase, con carácter xeral, á desmontaxe e retirada de calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación, sendo entregados todos estes elementos a un xestor autorizado para unha correcta eliminación.
11. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental ao que se fai referencia no punto B.1.5 desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
C) Condicións expecíficas.
C.1) Fase de redacción do proxecto de urbanización.
1. No estudo ambiental faise referencia ao volume de sobrantes, estimado nuns 109.000 m. Entre os posibles destinos destes sobrantes indícase a existencia dunha canteira abandonada nas proximidades, proposta que, nun principio, esta dirección xeral considera axeitada. Porén cómpre estudar dun xeito máis exhaustivo o estado actual desta canteira, co fin de ver se dispón das características axeitadas para a recepción destes sobrantes (capacidade do vaso, xeometría do oco, etcétera) así como os aspectos ambientais dela e do seu contorno, eliminando esta opción no caso de que se atope naturalizada e perfectamente integrada no seu contorno.
2. Ademais de levar a cabo as medidas correctoras indicadas no documento Memoria técnica: prospección arqueológica intensiva parque empresarial do Pousadoiro, cara a evitar posibles afeccións sobre os elementos do patrimonio arqueolóxico, establecerase unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico, cun raio de 180 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
3. No proxecto de integración paisaxística ao que se fai referencia no punto B.1.3 desta DIA, terase en conta que, co fin de minimizar o impacto visual, a restauración das zonas verdes do parque empresarial previstas no contorno da zona de protección do Pazo de San Antonio de Pousadoiro levarase a cabo con especies arbustivas e arbóreas autóctonas da zona e dispostas de tal xeito que formen masa e non se planten aliñadas, co fin de que permitan ocultar, na medida do posible, as futuras naves industriais.
C.2) Fase de obras.
1. Prohíbese verter na canle de rega, afluente do río Con, restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción. Así mesmo, non se depositará en lugares próximos a estes ningún tipo de material que poida incorporarse a eles por escorregas ou cheas.
2. Os sobrantes dos movementos de terra non están cualificados como residuo, polo tanto o seu depósito non se considera vertedoiro, o que non exime de dispor dos correspondentes permisos para a realización desta actuación.
3. No caso de afectar ao pozo existente no ámbito do parque estableceranse as medidas precisas para procurar manter os seus usos actuais.
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2004.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I: Resumo do proxecto
O obxecto deste proxecto sectorial é definir unha actuación urbanística de tipo industrial sobre uns terreos de titularidade privada cunha superficie de 210.749 m nas proximidades do núcleo urbano de Castrogudín. Linda ao norte e ao oeste con propiedades particulares e ao sur coa estrada C-531 (Caldas-Vilagarcía). Na zona central do ámbito do plan sitúase o Pazo de San Antonio de Pousadoiro, que queda excluído da actuación urbanística.
Neste proxecto descríbense as seguintes actuacións a levar a cabo na urbanización do citado parque empresarial:
- Movemento de terras.
- Rede de saneamento: o saneamento será separativo para as pluviais e as residuais, así:
* Rede de pluviais: prevense colectores por unha das marxes ou centro da calzada recollendo as súas augas por medio duns sumidoiros. A evacuación realizarase conectando os colectores a un pozo areeiro, desde o que por medio dunha canle se conducirán augas abaixo salvando as hortas particulares ata un pontón situado na estrada de Castrogudín.
* Rede de residuais: prevese por unha marxe conectándoa coa rede municipal existente no cruzamento da estrada Caldas-Vilagarcía coa de Castrogudín.
- Rede de abastecemento: formúlase a conexión coa planta potabilizadora de Vilagarcía, por medio dunha rede de impulsión coa estación de bombeo na cabeza, na propia planta, ata un depósito regulador situado ao nordés do polígono.
- Rede de gas.
- Rede de telefonía.
- Pavimentación.
- Dotación de enerxía eléctrica.
- Iluminación pública.
En xeral, todas as redes de infraestruturas e servizos serán subterráneas, localizándose preferentemente polos aparcadoiros e beirarrúas.
ANEXO II: Resumo das medidas protectoras e correctoras
propostas no estudo ambiental
Fase de construción do parque empresarial.
Con carácter xeral toda a maquinaria de obras utilizada nos traballos terá pasado as inspeccións técnicas correspondentes (ITV) e estará ao día no cumprimento da lexislación vixente en materia de mantemento e correcto funcionamento. Durante o tempo en que se realicen obras cumpriranse os períodos de revisión de todos os equipamentos utilizados nela.
Control da composición atmosférica: realizaranse os traballos de movementos de terra e transporte de materiais en condicións atmosféricas favorables, evitando traballar con ventos fortes durante períodos secos. Procederase á rega con auga para estabilización mediante mangueiras e/ou camións cuba das superficies afectadas polos movementos de terra. Contarase coa dispoñibilidade dun camión cisterna de auga.
Control das emisións gasosas: os camións de transporte de terras e materiais contarán con sistemas de protección que minimicen a dispersión de finos e partículas no curso do proceso de transporte e efectuaranse as limpezas periódicas dos vehículos, así como das vías utilizadas para o transporte. Limitarase a velocidade de circulación dos vehículos en pistas de acceso e zonas sen asfaltar a 20 km/h. Prohibirase realizar fogatas e queimas de calquera material.
Control dos niveis sonoros: na fase de proxecto de urbanización revisaranse os resultados do estudo de afeccións sonoras en función do estado do Pazo de Pousadoiro (habitado ou non). Na fase de obra os traballos realizaranse sempre en horario diúrno. Tomaranse medidas na realización de voaduras para minimizar a afección sonora (minimizar a carga de explosivo por unidade de microrretardo, seccionamento de cargas dentro dos barrenos e inicio en tempos distintos, etcétera).
Replanteo e balizamento de todas as zonas de obra: previamente á realización da roza levarase a cabo a marcaxe da zona de ocupación estrita da obra, así como a identificación e sinalización dos exemplares vexetais. Así mesmo, marcaranse as superficies en que se asenten as instalacións auxiliares da obra e os camiños de acceso ata ditas instalacións.
Plan viario e accesos a obra: con anterioridade ao inicio das obras farase unha definición clara das áreas de circulación, estacionamento, almacenamento de materiais, parque de maquinaria, etcétera, para reducir ao máximo as áreas sometidas a alteración. Utilizarase como vía de obra a superficie destinada ás vías do parque empresarial. O parque de estacionamento de maquinaria e a área de almacenamento de materiais localizaranse preferentemente sobre a superficie destinada a vía interior e equipamento industrial, pero sempre o máis afastado posible dos terreos destinados a zona verde, e do leito da canle de rega afluente do río Con. Utilizarase a superficie destinada a vía interior e equipamento industrial, como lugar de amoreamento temporal dos materiais utilizados no proceso produtivo. Na definición do plan viario procurarase aproveitar ao máximo as vías existentes.
Realizarase unha correcta sinalización de aviso das obras e da vía alternativa para resarcir os trastornos na circulación.
Restaurarase ao seu estado orixinal a vía que sufra desperfectos causados polo tránsito de maquinaria pesada da obra.
Sempre que sexa tecnicamente posible, recorrerase a establecementos autorizados para realización do lavado da maquinaria móbil, o mantemento e a repostaxe.
Xestión de residuos e verteduras: as áreas onde se desenvolvan traballos dotaranse de bidóns e outros elementos axeitados de recollida de residuos sólidos e residuos líquidos de obra, así como o lixo xerado polo persoal empregado, de xeito que todos os residuos producidos na obra sexan clasificados e segregados na súa orixe, evitando a súa vertedura incontrolada e a formación de posibles focos de contaminación. Trala recollida os residuos serán tratados en función da súa natureza, entregándose a unha empresa xestora autorizada ou levándoos a un vertedoiro autorizado.
Os residuos asimilables a urbanos almacenaranse en contedores que se instalarán na zona de obras e a súa recollida correrá por conta dos servizos do Concello de Vilagarcía de Arousa.
Todas as actividades de obra que impliquen a xeración de residuos tóxicos e perigosos disporán dos elementos necesarios para a súa correcta xestión en función da lexislación de aplicación. Establecerase un plan de recollida das verteduras, que recolla a disposición de depósitos para o efecto onde poidan almacenarse e a xestión reacionalizada deles. Almacenaranse en zonas convenientemente acondicionadas coas oportunas medidas de seguridade, despois de seren envasados e identificados con etiquetas específicas. O almacenamento non superará os seis meses, sendo entregados a un xestor autorizado.
Para o control das augas sanitarias instalaranse casetas prefabricadas de obra con tratamento químico dos efluentes. Ao longo das obras realizaranse todas aquelas tarefas de mantemento deste tipo de instalacións que resulten necesarias para asegurar un correcto funcionamento delas.
Amoreamento de terra vexetal e rexeneración de solos: planificarase o amoreamento da terra vexetal que se vaia retirar da zona de obra, programando un mantemento axeitado durante o tempo que sexa necesario ata a súa reutilización.
Medidas sobre xeoloxía, erosión e inestabilidade: na fase de redacción do proxecto de urbanización estudarase a necesidade de realizar novos estudos sobre características xeotécnicas.
De xeito previo ao inicio das obras, a empresa construtora deberá localizar os puntos de destino dos materiais sobrantes.
Para os materiais de préstamos recorrerase a canteiras autorizadas en actividade. No caso de apertura de canteiras será necesario proceder á súa legalización.
Medidas sobre a calidade das augas: durante a fase da obra realizarase un seguimento da calidade das augas da canle de rega afluente do río Con, mediante a análise de mostras tomadas periodicamente augas abaixo e augas arriba da zona de obras. Os parámetros e niveis de referencia adaptaranse ao disposto no anexo V do Decreto 130/1997, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.
Antes do inicio efectivo das obras definirase dentro dos terreos afectados polas obras, unha superficie destinada a parque de maquinaria e almacén de materiais. Este parque contará cunha zona de lavadoiro de maquinaria dotado dun sistema de recollida de efluentes, unha zona de seguridade para o cambio de aceite e repostaxe e unha balsa de sedimentación asociada que impida que a auga contaminada chegue directamente ao solo. Disporá de contedores destinados á vertedura de materiais de desfeito que eviten a súa vertedura incontrolada e a formación de focos de contaminación. Estas superficies serán obxecto das oportunas tarefas de mantemento namentres dure a obra. Realizarase un seguimento visual e analítico das augas procedentes da balsa de sedimentación, que deberán cumprir os límites establecidos pola lexislación vixente. De xeito periódico procederase á retirada dos lodos procedentes da balsa, e xestionaranse conforme a lexislación vixente.
Para asegurar a protección das augas do territorio, durante a execución das obras manterase unha vixilancia exhaustiva sobre a calidade ambiental da realización dos traballos. Adquirirase o formigón xa preparado en plantas autorizadas e adoptaranse os sistemas de control necesarios para evitar a vertedura, sexa accidental ou non, de materiais empregados na obra cara á canle de rega.
Durante os movementos de terra evitaranse no posible os períodos chuviosos e revexetaranse inmediatamente as superficies que presenten riscos de erosión.
Accións de mantemento: definirase un plan de labores periódicos de limpeza e conservación dos sistemas de pluviais para asegurar que cumpran perfectamente o seu cometido. A limpeza da vexetación dos fochos realizarase con medios mecánicos.
Medidas sobre a vexetación: reduciranse co mínimo as cortas sobre vexetación autóctona, prestando especial atención ás especies de ribeira da canle de rega. De xeito previo presentarase solicitude de autorización de corta de vexetación de ribeira no Servizo Provincial da Dirección Xeral de Montes.
Medidas sobre a fauna: na fase de proxecto de urbanización estudarase un deseño e localización dos puntos de luz, que intente minimizar a dispersión de luz tanto cara a arriba como cara ao exterior da superficie industrial.
Proxecto de restauración: o acondicionamento e integración paisaxística das superficies do parque empresarial realizarase mediante a execución dun proxecto de restauración. Na fase de proxecto de urbanización redactarase o proxecto de restauración definitivo, onde se definirán exactamente as superficies que se vaian restaurar, así como as especies, número de plantas que se vaian instalar en cada superficie. Este proxecto deberá ir debidamente orzado e contará cun documento de planos e un prego de prescricións particulares de restauración.
Medidas correctoras sobre o medio socioeconómico: farase unha correcta sinalización de aviso de obras e vía alternativa. Recorrerase á utilización preferente da man de obra, recursos materiais e aos materiais de construción do contorno comarcal. Informarase os habitantes da natureza das obras, duración e finalidade. Realizarase a correcta valoración e apurarase o pagamento das expropiacións.
Medidas correctoras sobre o patrimonio cultural: realizarase un seguimento e control arqueolóxico de todos os movementos de terras durante a fase de execución da obra; cunha duración estimada de seis xornadas de traballo de campo.
Con respecto ao patrimonio arquitectónico etnográfico informarase os responsables da obra da súa situación na cartografía do proxecto do Pazo de San Antonio de Pousadoiro, procederase ao balizamento de todo o perímetro de protección do conxunto e realizarase a supervisión periódica do estado xeral do conxunto durante a fase de seguimento arqueolóxico mentres duren as obras no seu contorno.
Fase de funcionamento do parque empresarial.
Control das actividades: establecemento dun rigoroso control sobre a condición de industrias poucos contaminantes para as actividades que se instalen no parque empresarial. Comprobarase que as actividades que soliciten a súa instalación no parque empresarial non se atopen incluídas no Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas (RAMINP). No caso de que se atope dentro destas exixirase un proxecto técnico de instalación que inclúa unha valoración da incidencia ambiental da actividade e onde se desenvolvan e xustifiquen convenientemente as medidas correctoras; deberá incluír a xustificación do cumprimento da lexislación de aplicación en materia de control e prevención da contaminación. Se a industria se inclúe na listaxe do anexo I da Lei 16/2002, de prevención e control integrados da contaminación, ou do derivado da disposición final quinta da dita lei, deberá exixirse que de xeito previo á súa posta en funcionamento conte coa preceptiva autorización ambiental integrada.
Medidas sobre a contaminación atmosférica na fase de funcionamento: as actividades que pretendan instalarse na zona industrial deberán cumprir os criterios de prevención e corrección da contaminación atmosférica reflectidos na lexislación vixente. Así mesmo, deberán cumprir a ordenanza do proxecto sectorial relativa ao control da contaminación atmosférica: artigo 24.-Emisións gasosas.
Control das emisións acústicas en fase de explotación: as actividades deberán cumprir os criterios de prevención e corrección da contaminación acústica reflectidos na lexislación vixente. Considerarase igualmente o disposto na ordenanza do proxecto sectorial relativa ao control das emisións acústicas: artigo 26º.-Ruídos. Durante o primeiro ano de pleno funcionamento do polígono realizarase unha campaña de seguimento acústico da incidencia sonora da explotación das instalacións sobre o seu contorno, adaptando, se é o caso, as medidas de control e/ou corrección necesarias.
Calidade das augas: o polígono ten unha rede xeral de saneamento conectada coa rede de saneamento municipal que conta con depuradora. Cada industria deberá contar cun tratamento previo dos efluentes antes do seu depósito na rede xeral.
O parque empresarial de Pousadoiro conta cunha rede de pluviais. A evacuación das augas realízase conectando os distintos colectores a un pozo areeiro, desde o que por medio do acondicionamento dunha canle de rega xa existente se conducirá augas abaixo salvando as hortas particulares ata o pontón situado na estrada de Castrogudín. Durante a fase de funcionamento do parque aplicarase un plan de mantemento que asegure un correcto funcionamento da rede de pluviais.
Plan de xestión de residuos e verteduras: a xestión de residuos asimilables a urbanos durante a fase de explotación do parque realizarase a través do servizo de recollida do Concello de Vilagarcía de Arousa. No polígono instalaranse elementos axeitados de recollida de residuos sólidos e líquidos, así como lixo xerado polo persoal, de xeito que todos os residuos producidos sexan clasificados e segregados na súa orixe, evitando a súa vertedura incontrolada e a formación de focos de contaminación.
Na fase de proxecto de urbanización habilitarase un sistema de puntos limpos ou zonas de almacenamento temporal de residuos ata a súa recollida polo servizo municipal. Na fase de explotación estudarase a viabilidade de establecer un plan xeral de recollida selectiva de residuos que implique ao conxunto de actividades que se desenvolvan no polígono e permita unha correcta xestión dos ditos puntos limpos.
As industrias que pretendan instalarse no parque deberán estar conectadas ao servizo de saneamento xeral.
Mantemento: para asegurar o correcto funcionamento dos sistemas xerais do parque empresarial será preciso establecer para a fase de explotación un servizo de mantemento que prestará especial atención ao mantemento das zonas verdes, pechamentos e canalizacións.
Medidas correctoras sobre o medio socioeconómico: realizarase o seguimento dos sistemas adoptados para garantir a calidade ambiental do contorno do parque. Primará a utilización de man de obra local. Preferentemente promoveranse as instalación industriais non contaminantes (non incluídas no RAMINP).

Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL