Diario Oficial de Galicia, 28-04-2004, Núm. 81, Páx. 6014
Resolución do 19 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 18 de febreiro de 2004, relativa ao proxecto de trazado da vía de conexión da AC-101-Autovía Ferrol-Vilalba (AC/03/037.01), no Concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave 2004/0020.
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto na Lei 6/2001, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 18 de febreiro de 2004, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de trazado da vía de conexión da AC-101-Autovía Ferrol-Vilalba (AC/03/037.01), no Concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2004.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de data 18 de febreiro de 2004, relativa ao proxecto de trazado da vía de conexión da AC-101-Autovía Ferrol-Vilalba (AC/03/037.01), no Concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave: 2004/0020.
Antecedentes.
A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, deberá someterse a unha avaliación de impacto ambiental.
O presente proxecto deseña un novo trazado para unha vía de conexión da C-641 coa AC-101 para permitir o paso directo á autovía Ferrol-Vilalba, evitando o paso polo núcleo urbano das Pontes. Trátase dunha vía de calzada única con dous carrís dotada de viais de servizo e interseccións para garantir o acceso á estrada desde as marxes. A súa lonxitude é de 3,5 km.
Dado que entre os proxectos previstos no antedito anexo I atópase a construcción de autoestradas e autovías, vías rápidas e estradas convencionais de novo trazado, procédese a formular a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data 11 de setembro de 2003 publícase no DOG (nº 97) a Resolución do 1 de setembro de 2003, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental.
Con data 27 de xaneiro de 2004, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas no que se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias e os informes de Augas de Galicia e das Direccións Xerais de Saúde Pública, Conservación da Natureza e Patrimonio Cultural.
Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula para os sós efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) da vía de conexión da AC-101-autovía Ferrol-Vilalba, promovida pola Dirección Xeral de Obras Públicas.
No anexo I resúmese o proxecto e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.
No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa o seguinte documento:
- Proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da obra: Plan Galicia: Conexión da AC-101-Autovía Ferrol-Vilalba. Tomos II, IV e V: Estudo de Impacto Ambiental. Agosto 2003,
Esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Condicionado.
1. Ámbito da declaración:
1.1. A presente declaración de impacto ambiental refírese ás obras proxectadas no documento Proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da obra: Plan Galicia: Conexión da AC-101-Autovía Ferrol-Vilalba. Tomos II, IV e V: Estudio de Impacto Ambiental. Agosto 2003, no Concello das Pontes de García Rodríguez, na configuración correspondente ao plano nº 2 Localización, recollido no tomo V do antedito documento.
2. Protección da atmosfera.
2.1. Sobre a emisión de po e gases.
2.1.1. Empregaranse captadores de po nos equipos de perforación e levaranse a cabo as medidas necesarias para minimizar as previsibles emisións durante as voaduras.
2.2. Sobre a contaminación acústica.
2.2.1. Adoptaranse as medidas correctoras indicadas no estudo de impacto ambiental, pantallas vexetais, pantallas acústicas altamente absorventes e pantallas acústicas reflectantes transparentes, para garantir que os niveis de presión sonora orixinados nas fases de obra e funcionamento non supoñan unha alteración substancial da presión sonora soportada actualmente no ámbito territorial do emprazamento da nova infraestrutura. Estas pantallas localizaranse no plano solicitado no punto 10.5 desta DIA.
2.2.2. Estarase ao disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.
3. Protección das augas e leitos.
3.1. Previamente a calquera afección ao dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía do río Brixeo, será preceptiva a autorización outorgada por Augas de Galicia.
3.2. Evitarase a deterioración así como calquera influencia negativa sobre os hábitats fluviais, protexendo en todo momento a vexetación de ribeira, poñendo especial precaución no cruzamento do río Brixeo.
Prohíbese a colocación dos piares do viaducto dentro dos leitos e os estribos estarán afastados polo menos 5 m do leito.
Presentarase detalle destas infraestruturas conforme se indica no punto 10.3 da presente DIA.
3.3. Procederase ao balizado ou sinalización axeitada dos tramos do río Brixeo, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.
3.4. As drenaxes transversais do viario realizaranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona.
A tal fin deberase presentar un estudo da localización de todos os dispositivos de drenaxe necesarios, tanto transversais como lonxitudinais, de acordo co requirido no punto 10.5 da presente DIA.
3.5. Non estando definida no estudo presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.
3.6. Prohíbese verter no propio leito do río restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción.
3.7. Non se depositarán na zona de servidume nin en lugares próximos ningún tipo de material que poida incorporarse ao río por escorregas ou cheas.
3.8. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captación de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice á rede de sumidoiros da zona cómpre dispoñer da autorización do xestor da dita rede.
4. Protección dos solos.
4.1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico.
4.2. No que respecta á terra vexetal a utilizar na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras, almacenarase de acordo co indicado no estudo de impacto ambiental. No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.
4.3. No caso de ter que realizar as tarefas de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria na zona de estacionamento desta, protexerase o solo con materiais impermeables e disporanse os medios necesarios para a recollida de posibles vertidos.
5. Protección da vexetación.
5.1. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra. Asemade, procederase ao balizado, ou a sinalización de todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental situadas no contorno afectado polo proxecto, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas. Esta medida levarase a cabo na fase de replanteo.
5.2. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. A corta de vexetación cinxirase á estrictamente necesaria para a execución da obra, e, se é tecnicamente posible, os tocóns non se eli minarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
5.3. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira do río Brixeo rexerá o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.
5.4. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo.
5.5. Nos labores de mantemento de cunetas e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando as labores exclusivamente por medios mecánicos.
6. Protección da fauna.
6.1. Aquelas labores do proceso de obras que impliquen a realización de voaduras levaranse á práctica fóra do período de reprodución e cría das especies faunísticas do contorno.
6.2. No caso de que na traza da vía se afecten a hábitats de anfibios (charcas, terreos húmidos, etcétera) realizaranse pasos para este tipo de fauna.
7. Protección do patrimonio.
7.1. Deberá presentarse perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un proxecto para a realización do control e seguimento das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos. Remitirase o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o mencionado proxecto a estas dependencias tal e como se indica no punto 10.7 desta DIA.
7.2. A aparición de calquera resto arqueolóxico durante a fase de obra ou no seguimento arqueolóxico da mesma poñerase en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que tomará as medidas cautelares oportunas. Deberá consignarse no proxecto definitivo unha partida orzamentaria de imprevistos para o caso de ser necesaria a realización de actuacións arqueolóxicas derivadas do control e seguimento.
7.3. Calquera modificación do proxecto de trazado do vial obxecto desta DIA deberá ser comunicado á maior brevidade posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
8. Protección da paisaxe.
8.1. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies denudadas, procederase á súa revexetación á maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de ser necesarias adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.
8.2. Desenvolverase un proxecto de integración paisaxística, describindo os traballos para efectuar nas diferentes zonas (parque de maquinaria, accesos temporais, desmontes, terrapléns, marxes fluviais, etcétera), tal como se solicita no punto 10.6 da DIA.
9. Protección dos servizos existentes.
9.1. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras é preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse indicar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
10. Documentación adicional.
Previamente ao comezo do proceso construtivo, o promotor remitirá a esta dirección xeral para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puideran derivarse, un (1) exemplar da seguinte documentación:
10.1. Plano onde se sinale o emprazamento das instalacións auxiliares, zonas de amoreamentos de materiais e zonas de almacenamento de residuos. Irá acompañado dunha memoria onde consten os equipamentos destinados a previr a xeración de impactos adicionais de cada unha das instalacións previstas, así como unha definición suficiente das súas funcións.
10.2. Definición, incluíndo cartografía, da localización dos vieiros de obra, xustificando a apertura de novos vieiros no caso de que se precisen. Irá acompañado dunha memoria onde consten os impactos adicionais de cada un dos accesos previstos, así como unha definición suficiente das medidas correctoras que hai que adoptar.
10.3. Detalle da configuración e características do viaducto de paso sobre o río Brixeo.
10.4. Detalle da configuración e características das obras de drenaxe transversal en atención o sinalado no punto 3.4 da DIA
10.5. Plano onde se localicen as pantallas vexetais, pantallas acústicas altamente absorventes e pantallas acústicas reflectantes transparentes que se prevé instalar. Asemade, acompañarase dunha memoria onde se expoñan os criterios utilizados para decidir se se instala ou non medida correctora e o tipo elixido. No caso das pantallas vexetais, indicaranse as especies elixidas e marco de plantación.
10.6. Proxecto de integración paisaxística, no que se describan os traballos para realizar en cada unha das zonas para revexetar (parque de maquinaria, accesos temporais, desmontes, terrapléns, marxes fluviais, etcétera), xa que o presentado na documentación avaliada os describe dun xeito moi xeral. Acompañarase dun plano onde se observe cada unha destas zonas.
10.7. Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o proxecto para a realización do control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos.
10.8. Notificación do responsable ambiental tal e como se require no punto 12.6 da DIA.
Unha vez avaliada a citada documentación, remitirase ao promotor o seu resultado, non podendo proceder ao comezo das obras ata que non conte con informe favorable desta dirección xeral sobre a totalidade da documentación requirida.
Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de comezo das obras actualizada, contendo todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de comezo, remate e a duración prevista.
11. Programa de seguimento e vixilancia ambiental.
O obxecto deste programa será o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Todas as medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Asemade, e tal e como se estipula no punto 12.6 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifiesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Tendo en conta o anterior, a Dirección Xeral de Obras Públicas deberá levar a cabo os seguintes informes:
11.1. Trimestralmente, durante a fase de obras:
11.1.1. Cronograma actualizado das obras.
11.1.2. Memoria do seguimento realizado de acordo co Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental aprobado. Indicaranse no seu caso as variacións producidas con respecto ao proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actua ción, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas que servirán de branco ambiental.
11.1.3. Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.
11.2. Antes da emisión da acta de recepción: Memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de todas as medidas correctoras previstas no estudo así como as impostas na DIA, en concreto:
11.2.1. Informe no que se reflicta o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, especialmente nas zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións e sementeiras, indicando se é o caso un resumo das variacións producidas ao longo das obras con respecto ao proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto 11.1. Incluirá unha reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
11.3. Seguimento ambiental anual, contado desde o inicio da explotación. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:
11.3.1. Memoria resumo do seguimento realizado de acordo co Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental aprobado, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. Incluirá unha reportaxe fotográfica onde se reflicta o a integración paisaxística da actuación, indicando a data e hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano.
12. Condicións adicionais.
12.1. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor. Porén, este poderá solicitar ao órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acadar os obxectivos e metas que se indican na presente declaración de impacto ambiental.
Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración, á esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ao promotor, quen non poderá comezar os traballos antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.
12.2. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e no caso de que poida producir efectos adversos significativos deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando asemade se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.
12.3. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou á solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determinar as causas que xeran os mencionados impactos, e sexan corrixidos.
12.4. Ante a manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá ditar para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais aos que constan na presente DIA.
12.5. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder a adoptar as medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.
12.6. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ao órgano ambiental.
12.7. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

José Manuel Álvarez-Campana Gallo
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I
Resumo do proxecto
O presente proxecto deseña un novo trazado para unha vía de conexión da C-641 coa AC-101 para permitir o paso directo á autovía Ferrol-Vilalba, evitando así o paso polo núcleo urbano das Pontes.
Trátase dunha vía de calzada única con dous carrís dotada de vías de servizo e interseccións para garantir o acceso á estrada desde as marxes.
Proxéctanse tres interseccións:
* Intersección das Pontes-Sur: situada na zona de Vilavella, está constituída por unha glorieta con saídas cara á C-641, ao núcleo das Pontes e ao novo vial.
* Intersección das Pontes-Centro: situada na Casilla, constituída por unha glorieta con saída cara ao núcleo das Pontes.
* Intersección das Pontes-Norte: situada en Alimpadoiros, constituída por unha T con saída cara á zona norte do núcleo das Pontes.
O remate da vía conéctase coa antiga AC-101, substituíndoa como vía de entrada ao núcleo das Pontes. A entrada ao núcleo trala actuación realizarase a través do novo vial por calquera das tres interseccións proxectadas. A AC-101 no seu treito inmediatamente anterior á conexión co novo vial configúrase como unha vía de sentido único cara a Ortigueira.
O novo vial implica a construción dun viaduto que salve a valgada do río Brixeo entre o treito (p.k.: 2+990 - 3+150) e dun paso superior que restitúa o paso de Alimpadoiros no p.k. 2+880.
Para a elaboración do presente estudo tivéronse en conta 3 alternativas, denominadas alternativa 0, alternativa, 1 e alternativa 2. Resultando elixida a alternativa 2 anteriormente descrita.
Alternativa 0:
Nesta alternativa, manteríase a estrada actual, que discorre desde a estrada C-641 en A Vilavella cara ao leste, bordeando a central das Pontes e continúa virando cara ao norte dentro do núcleo urbano das Pontes, ata conectar coa estrada AC-101 ao norte do núcleo urbano. A súa lonxitude total é de 4,7 km.
Alternativa 1:
No primeiro tramo, entre A Vilavella e o inicio do núcleo urbano, mantense a estrada actual, bordeando a central das Pontes. A partir deste punto, discorre bordeando o núcleo urbano polo oeste, pasando sobre a valgada do río Eume, e continúa ata conectar coa AC-101 ao norte do núcleo urbano. A súa lonxitude total é de 5,8 km.
Alternativa 2:
Comeza na Vilavella e discorre cara ao norte, polo límite entre o núcleo urbano das Pontes e a mina de Endesa, ata chegar á Casilla. A partir deste punto, vira cara ao nordés, bordeando o núcleo urbano. A súa lonxitude é de 3,5 km.
Resumo das medidas protectoras e correctoras:
- Aplicación de barreira vexetal nas marxes expropiadas da infraestrutura.
- Instalación de pantallas acústicas altamente absorbentes.
- Instalación de pantalla acústica reflectora transparente.
- Depósito de materiais.
- Localización e acondicionamento do parque de maquinaria, instalacións auxiliares e outras construcións de obra.
- Establecemento dos accesos temporais ao ámbito da obra.
- Recollida selectiva de residuos. Segregación de residuos.
- Amoreamento e xestión de residuos producidos durante a obra.
- Control da producción de residuos de construción e demolición.
- Recollida final de residuos. Limpeza da zona de execución da obra.
- Estado de mantemento da maquinaria de obra.
- Limitacións ao movemento da maquinaria.
- Redución de inmisión de po e partículas en obra e durante o transporte de materiais.
- Mantemento das características do solo vexetal.
- Medidas protectoras contra incendios.
- Restauración e revexetación de zonas degradadas en contornos naturais ou urbanizados.
- Prevención e control de actividades molestas coa regulación da xornada de traballo.
- Protección do patrimonio cultural de Galicia.
- Protección do sistema hidrolóxico.
- Sinalización de zonas de acceso restrinxido.
- Mantemento de vías de comunicación, servizos e servidumes.
- Instalación de balsas de decantación en zonas en que se poida ocasionar contaminación das augas superficiais.
- Barreiras de retención de sedimentos.
- Deseño dos sistemas de drenaxe lonxitudinal e transversal.
ANEXO II
Resumo dos informes
- Augas de Galicia indica:
Do estudo de impacto ambiental, dedúcese que da construción do viaduto puidera xurdir un posible impacto pola vertedura das terras e derramos cara aos leitos fluviais e alteración na calidade das augas, debido ás verteduras de substancias contaminantes durante a execución da obra.
No referente á hidroloxía, observan que as posibles afeccións estudiadas foron as modificacións da hidroloxía dos leitos e dinámica de caudais, e a contaminación das augas.
Polo tanto, entenden que ante tales afeccións débense seguir unha serie de actuacións tales como:
* Durante a fase de construción extremaranse as precaucións coa retirada de cascallo e material de refugallo das marxes, co obxecto de reducir posibles alteracións na calidade da auga circulante ou na capacidade hidráulica da canle.
* De modo especial prohibe verter no leito restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como cambios de aceite de maquinaria de construción. Non se depositarán na zona de servidume nin en lugares próximos ningún tipo de material que poida incorporarse ao río por escorregas ou enchentes.
* Os residuos xerados durante a construción terán que ser trasladados a un vertedoiro de residuos de construción autorizado, debendo presentar xustificante deste traslado antes do recoñecemento final e como requisito previo a este.
* Realizarase un estudo completo de climatoloxía, hidroloxía e drenaxe previa ao deseño, para eliminar o risco de asolagamento.
A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural indica:
- Na documentación existente apréciase que non foi detectada afección ningunha sobre o patrimonio cultural visible, porén considera necesario establecer unha medida correctora de carácter xenérico consistente na realización dun control e seguimento dos traballos de remoción de terras co fin de evitar calquera afección sobre depósitos arqueolóxicos non detectados durante os traballos de prospección ou que polas súas características son imperceptibles a simple vista.
- Deberá presentarse un proxecto para a realización do control e seguimento das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, previamente ao inicio das obras.
A aparición de calquera resto arquelóxico durante a fase de obra ou no seguimento arqueolóxico da mesma poñerase de inmediato en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, quen tomará as medidas cautelares oportunas.
No proxecto definitivo deberá consignarse unha partida orzamentaria de imprevistos para o caso de ser necesaria a realización de actuacións arqueolóxicas derivadas do control e seguimento.
En virtude da citada Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ao financiamento do proxecto.
- Calquera modificación do proxecto obxecto deste informe deberá ser comunicado, á maior brevidade posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza informa:
Analizado o ámbito de estudo obsérvase que non se afecta a ningún espazo natural protexido.
En relación coas formacións vexetais existentes na zona cabe citar as seguintes: ripisilvas, pradaríos de sega e pasteiros naturais, cultivos, mosaicos de vexetación con cultivos e zonas non evolucionadas. Nas proximidades da zona afectada polo trazado atópanse Quercus robur en mosaicos irregulares ademais de Pinus pinaster.
No que respecta á fauna, na documentación presentada recóllese a presenza de especies catalogadas de interese especial, sendo o grupo máis numeroso o das aves.
Os anfibios tamén poden verse afectados pola presenza desta infraestrutura.
No entanto, teranse en conta os seguintes aspectos:
* A execución do proxecto realizarase conforme se recolle na documentación presentada.
* Humectación de materiais poeirentos.
* Os cursos fluviais susceptibles de ser afectados cumprirán en todo momento o preceptuado no artigo 80 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.
* Evitarase a deterioración ou calquera tipo de influencia negativa nos hábitats fluviais, protexendo en todo momento a vexetación de ribeira (poñendo especial precaución no leito do río Brixeo). Cando se afecte a hábitats de anfibios, realizaranse pasos para este tipo de fauna.
* Evitar modificar as zonas de escorrega para non influír en ecosistemas naturais augas abaixo das obras, polo que se realizarán tantas obras de drenaxe como valgadas naturais existan no terreo.
* Integración estética ao medio das obras para executar, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico.
* En caso de corta de vexetación, esta será a estritamente necesaria para a execución da obra conforme as autorizacións pertinentes.
* Delimitarase correctamente o terreo para ocupar polos labores do proxecto co fin de diminuír a perda innecesaria e a alteración de formacións vexetais polo tráfico de maquinaria. Esta medida de corrección é imprescindible e de carácter preventivo
* A roza do trazado da infraestrutura realizarase fóra da época de cría das aves.
Data norma
Organismo
AUGAS DE GALICIA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL