Resolución do 18 de outubro de 2004, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental da L.A.T. 66 kV subestación PE. Touriñán IV-apoio número 7 da L.A.T. SE. Parque Eólico Serra da Loba-SE. Sidegasa, nos concellos de Aranga, Irixoa e Monfero (A Coruña), promovido pola empresa Eólicos Touriñán, S.A. (Clave 2004/0059).

Diario Oficial de Galicia, 03-11-2004, Núm. 214, Páx. 14932
Resolución do 18 de outubro de 2004, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental da L.A.T. 66 kV subestación PE. Touriñán IV-apoio número 7 da L.A.T. SE. Parque Eólico Serra da Loba-SE. Sidegasa, nos concellos de Aranga, Irixoa e Monfero (A Coruña), promovido pola empresa Eólicos Touriñán, S.A. (Clave 2004/0059). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental de Galicia, faise pública a Resolución do 2 de xullo de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do proxecto da liña L.A.T. 66 kV subestación PE. Touriñán IV-apoio nº 7 da L.A.T. SE. Parque Eólico Serra da Loba-SE. Siderais nos concellos de Aranga, Irixoa e Monfero (A Coruña), promovido pola empresa Eólicos de Touriñán, S.A. (Clave 2004/0059) formada polos seguintes documentos: * Antecedentes. * Declaración de impacto ambiental. * Anexo I. * Anexo II. E que se transcriben como anexo a esta resolución. A Coruña, 18 de outubro de 2004. Jesús Espada Martínez Delegado provincial da Coruña Antecedentes Por solicitude da empresa Eólicos Touriñán, S.A., a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dunha liña eléctrica aérea de alta tensión nos concellos de Aranga, Irixoa e Monfero (A Coruña), de 3.571 m de lonxitude. Dentro do referido procedemento de autorización administrativa, o proxecto que está incluído no anexo II da Lei 6/2001, de 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, considerouse sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental. No anexo I resúmese o contido do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental (EsIA) e restante documentación avaliada. Con data 13 de agosto de 2003 (DOG nº 156) publícase o Acordo do 16 de xullo de 2003, da Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña, polo que se somete á información pública a petición de autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e o estudo de impacto ambiental do proxecto de referencia, non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública. Con data 11 de marzo de 2004 recíbese no rexistro da Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña, contendo, xunto co seu informe, os resultados de información pública, os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza e Obras Públicas así como o do organismo autónomo Augas de Galicia. En data 5 de maio de 2004 teñen entrada os documentos titulados «Addenda estudo sobre o patrimonio cultural», «Atención al informe da D. X. de Conservación da Natureza» e copia do informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza en data 3 de marzo de 2004. O 11 de maio de 2004 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas remite copia do escrito presentado polo promotor, no que achegan as coordenadas U.T.M. correctas correspondentes aos apoios da citada liña. Finalmente, complétase o expediente coa entrada, en data 25 de maio de 2004, do documento «Proxecto de restauración ambiental». Feita a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 106/2004, do 27 de maio, (e posterior correción de erros), formula, aos sós efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental do proxecto «L.A.T. 66 kV, S.E. Parque Eólico Touriñán-IV (Serra do Moncoso)-Apoio nº 7 L.A.T. S.E. Parque Eólico Serra da Loba-S.E. Sidegasa». Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto presentado é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente DIA, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar aos sós efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. A presente declaración refírese en exclusiva á instalación dunha liña eléctrica aérea de alta tensión a 66 kV, sobre torres metálicas de celosía con condutor LA-280, de 3.571 m de lonxitude e 19 apoios, con orixe na subestación do Parque Eólico Touriñán IV (Serra do Moncoso) ata o apoio nº 7 da L.A.T. de dobre circuíto a 66 kV sub. Parque Eólico Serra da Loba-sub. Sidegasa, da empresa Gamesa Energía, S.A. acompañado en todo o percorrido por cable OPGW-12F. A traza discorrerá polos concellos de Aranga, Irixoa e Monfero (A Coruña), segundo o reflectido no plano «Plano nº 1. Áreas de Protección e Impacto» da «Addenda: estudo de impacto sobre o patrimonio cultural. L.A.T. 66 kV Parque Eólico Moncoso-apoio nº 7 L.A.T. S.E. Parque Eólico Serra da Loba-S.E. Sidegasa. Agosto 2002». 2. Condicións xerais. 2.1. Sobre a protección das augas e dos leitos fluviais. Durante a fase de construción, e co obxecto de reducir posibles ateracións na calidade das augas circundantes, non se depositará ningún tipo de material en zonas nas que non se garanta a súa incorporación aos cursos fluviais. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outra amparada pola lexislación hidraúlica que poidan atoparse no trazado das obras. 2.2. Sobre a protección do solo. Realizarase unha delimitación das zonas de obra, estando prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente previstos. Para a localización das zonas de instalacións de obras seleccionarase unha localización de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga, zona hidromorfa ou área de protección arqueolóxica. Nos terreos de forte pendente utilizaranse apoios con patas desiguais co fin de minimizar o terreo afectado polas escavacións. 2.3. Sobre a xestión de residuos. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 2.4. Sobre a protección da vexetación. A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ao estritamente necesario. 2.5. Sobre a integración paisaxística. Co obxecto de acadar a integración paisaxísitica do proxecto no contorno, levarase a cabo a unha restauración nas fases de obra e desmantelamento e abandono da liña eléctrica. Para iso, a restauración na fase de obras efectuarase de acordo co proxecto de restauración proposto, que debería completarse cun plan de restauración correspondente ao desmantelamento e abandono da liña contemplando, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada de apoios e condutores, demolición de peanas en superficie, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Neste senso a restauración nesta fase de desmantelamento e abandono efectuarase de acordo a este plan. Deberá realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración en todas as fases, incrementando a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación. Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada. Os labores de restauración comezarán a realizarse no momento en que as superficies que se vaian restaurar acaden o seu estado definitivo, co fin de favorecer desde un principio, a integración paisaxística das zonas alteradas. 2.6. Sobre a protección de infraestruturas ou instalacións preexistentes. No caso de deterioración de camiños ou de calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción e/ou funcionamento da liña, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras. 2.7. Sobre o programa de seguimento e vixilancia ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudo ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Todas as medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental 3. Condicións específicas. 3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural. 1. Levaranse a cabo as medidas correctoras propostas no documento «Addenda: estudo de impacto sobre o patrimonio cultural. L.A.T. 66 kV Parque Eólico Moncoso- Apoio nº 7 L.A.T. S.E. Parque Eólico Serra da Loba-S.E. Sidegasa. Agosto 2002», aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 2. Cara a evitar posibles afeccións, establecerase para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico, de raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas, precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 3. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ambito da L.A.T., así como a sinalización e balizamento con material non perecedoiro dos xacigos arqueolóxicos. Para tal fin, e logo de inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e como anexo a el, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o transcurso dela, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico), o dito plano incorporará os textos necesarios para a súa compresión. 4. Os accesos de nova creación á traza terán que contar cunha prospección arqueolóxica que se realizará no marco do proxecto de control e seguimento. 5. En función dos resultados das actuacións arqueolóxicas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das corrrespondentes medidas correctoras. 6. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. 3.2. Para a fase previa ao inicio das obras. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, o 4% do investimento. Este aval poderá ser revisado se o promotor presenta un orzamento de execución por contrata do plan de restauración nas fases de obra e desmantelamento e abandono da liña eléctrica. Para iso o proxecto de restauración presentado debería conter o descrito no punto 2.5 da presente DIA. 3.3. Para a fase de obras. Levarase a cabo o plan de restauración de acordo co indicado no punto 2.5. desta declaración. Na execución dos accesos deberá terse en conta o descrito nos documentos «Atención ao informe da D. X. de Conservación da Natureza» e «Anexo á atención ao informe da D. X. de Conservación da Natureza». Respecto á avifauna adoptaranse medidas anticolisión e antielectrocución tal como se propón no EsIA, tendo que garantir a súa eficacia. 3.4. Ao final das obras. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor presentará ante o órgano substantivo, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Definición dos imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, en relación a todos os aspectos incluídos nesta DIA, e descrición detallada do estado final da área afectada. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os apoios, estado da rúa de seguridade, limpeza da área, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflitan todas as accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se efectuaron medidas protectoras e/ou correctoras. 3.5. Para a fase de funcionamento. Comprobarase a eficacia das medidas anticolisión e antielectrocución adoptadas na fase de obras, para tal fin levarase a cabo o plan de seguimento da avifauna descrito no estudo ambiental para a fase de explotación tendo en conta que, as visitas para a detección de aves mortas por colisións e/ou electrocucións terán unha frecuencia mensual, revisaranse un número suficientemente representativo de apoios incluíndo aqueles que pola morfoloxía da zona onde se sitúen poidan ter unha problemática engadida. Así mesmo, efectuarase unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna da liña e dos parques eólicos da zona, co obxecto de detectar a aparición ou non de efectos acumulativos e/ou sobre as poboacións de aves. Levarase a cabo o plan de restauración de acordo co indicado no punto 2.5. desta declaración. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, semestralmente durante os dous primeiros anos de funcionamento da liña e anualmente os seguintes e tendo en conta que á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben a proposta motivada do promotor, poderase modificar o contido dos sucesivos informes ou a frecuencia dos controis e informes que se vaian realizar. Este informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido: a) Resultado do plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental tendo en conta o anteriormente descrito neste punto. b) Informe valorativo do seguimento dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos. c) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados das actuacións de integración paisaxística efectuadas, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das rúas de seguridade e labores de mantemento efectuados. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. 3.6. Previamente ao abandono. O promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da liña, e no caso de que o plan de restauración presentado non fose completado con anterioridade tal e como se indica no punto 2.5. desta DIA, ou, no caso de que houbese variacións con respecto ao presentado, un plan de restauración tanto para a fase de obras como para a fase de desmantelamento e abandono da liña. Xunto con esta documentación presentarase o cronograma estimado destas actuacións. 3.7. Para a fase de abandono. Na fase de abandono levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para recuperar a zona ocupada polo proxecto conforme o plan mencionado no punto anterior da presente DIA. 3.8. Posteriormente ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono da liña, remitirase un informe que contenía a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntarase reportaxe fotográfica que reflita o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2004. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I - Resumo do proxecto A liña eléctrica aérea prevista, de 66 kV en simple circuíto, conectará a subestación do Parque Eólico Touriñán IV (Serra do Moncoso) co apoio nº 7 da L.A.T. en dobre circuíto Subestación Parque Eólico Serra da Loba-Subestación Parque Eolico Sidegasa, mediante un tendido de 3.571 m de lonxitude sobre 19 apoios metálicos de celosía. Segundo a documentación avaliada, a formación vexetal que constitúe a maior parte da cuberta da zona de instalación da liña prevista é fundamentalmente pradeira artificial. Na zona de estudo tamén se atopan algunhas manchas de repoboación forestal a base do xénero Pinus, sendo a vocación destes territorios máis forestal que gandeira. ANEXO II - R esumo das medidas correctoras A continuación relátase un resumo das medidas correctoras propostas no estudo de impacto ambiental (EsIA) e restante documentación avaliada. Atmosfera. Fase de construción. - Cando as obras coincidan co estío é recomendable regar con auga para que o po non afecte de xeito substancial a cuberta vexetal. Fase de funcionamento. - Verificarase a nitidez da percepción dos correspondentes sinais nas entidades de poboación que se atopen na zona de afección. Rede hidrolóxica. Fase de construción. - O formigón subministrarase desde planta fóra de obra e contará coa debida autorización. - Os labores de mantemento e reparación da maquinaria realizaranse en talleres autorizado, eliminando así o risco de derrames accidentais que poidan afectar os cursos de auga e o solo. Cando non sexa posible, estas tarefas realizaranse en lugares dispostos para tal fin dentro da zona de obras, protexendo o solo con materiais impermeables. - Os aceites deberán ser recollidos en contedores axeitados e xestionados por un xestor autorizado debidamente acreditado. Mentres non se recollen e se entregan ao xestor, almacenaranse seguindo os criterios establecidos pola lexislación vixente. Fase de funcionamento. - Calquera outro residuo que se xere na fase de funcionamento deberá ser recollido en contedores axeitados e xestionados por un xestor autorizado debidamente acreditado. Destrución do solo. - A dotación de infraestruturas realizarase coidadosamente. Fase de construción. - Control topográfico dos límites de escavación e redución ao mínimo do uso de terras de recheo para non modificar substancialmeante as características do substrato. - Reducirase ao estrictamente necesario o movemento de terras e a ocupación derivada dos labores de obra civil. - Os amoreamentos de terra vexetal e outros materiais de préstamo, realizaranse cunha altura máxima de 1,5 m e con certos criterios de mantemento que garanten a conservación das súas propiedades e grao de humidade. - Procederase a unha humectación continua en períodos secos, tanto dos amoreamentos como das zonas de explanación. - Minimizarase a superficie ocupada para todas as instalacións necesarias durante esta fase. - Adecuarase a superficie de ocupación ás condicións topográficas da zona e reducirase na medida do posible esta superficie. - Minimizarase a compactación en zonas non afectadas inicialmente polas instalacións de forma directa, pero que serán utilizadas para a manobra de maquinaria. - Controlarase o diámetro de perforación nas voaduras, se fose necesaria, e evitarase o sobredimensionamento. Delimitaranse mediante barreiras ou valados. - Recubriranse con materiais procedentes da escavación as bases dos apoios. - Realizarase un control e vixilancia continuados dos labores de obra e especialmente durante a instalación dos apoios, así como o seguimento estrito do Plan de Seguimento e Vixilancia Ambiental proposto. - Realizarase un control de eficacia para verificar que as medidas correctoras propostas son suficientes. Se durante esta fase de construción se comprobase a existencia de formacións que requirisen especial preservación, procederase a un replanteo dos labores de execución de obra civil alí onde sexa necesario coa introdución de medidas. Fase de operación e funcionamento. - Acondicionaranse e rehabilitaranse as zonas que fosen afectadas, procedendo en primeiro lugar a redistribución dos amoreamentos procedentes do movemento de terras. - Recuperación da morfoloxía superficial. Fase de abandono. - Retiraranse os apoios e inutilizarase o cableado. - Acondicionaranse e rehabilitaranse as zonas que fosen afectadas polos labores de desmantelamento da instalación. Vexetación. - Manterase o hábitat existente (vexetación nativa), co imperativo de reducir de forma sistemática o grao de ocupación e compactación derivado da acción de calqueira tipo de obra civil e utilizaranse técnicas axeitadas de roza que favorezan a revexetación poas especies do lugar na áreas afectadas polas obras. - Para maior seguridade durante a fase e inicial do desenvolvemento do Plan de Seguimento e Vixilancia Ambiental, levaríase a cabo un recoñecemento de detalle da evolución estacional das especies e comunidades de interese, co fin de afinar na eficacia das medidas correctoras propostas e evitar os efectos das accións de proxecto que poderán transformalas. - No referente ás especies vexetais singulares, procederase á súa busca, estracción e mantemento en condicións óptimas para a súa posterior reimplantación. Esta operación realizarase antes do comezo das obras. - A roza reducirase ao estritamente necesario. - A corta será selectiva e axustarase ao disposto no Regulmento de montes. - O aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira rexerase pola Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997 que desenvolve o regulamento da devandita lei. Respectarase a vexetación de ribeira. - Na xestión da biomasa vexetal, primarase a súa valorización, non podendo queimar estes restos. Para depositalo no terreo, procederase primeiramente á trituración para posteriorme esparrexela homoxeneamente co obxecto de permitir unha rápida incorporación ao solo. - Manteranse as rúas limpas de vexetación para impedir a propagación do lume e facilitar a súa extinción. - Proxecto de revexetación. Fauna. - Selección na fase de proxecto da tecnoloxía de control e funcionamento para evitar no posible episodios de colisión de aves e quirópteros durante a fase de funcionamento. Paisaxe. - Co obxecto de evitar, na medida do posible, o efecto visual negativo dos apoios, usaranse cores axeitadas, posición apropiada das instalacións na orografía do lugar e coidarase a distribución dos apoios atendendo á perspectiva desde as estradas máis próximas. Residuos. - Os distintos tipos de residuos que se xeren tanto na fase de obra como na de funcionamento, xestionaranse segundo a súa natureza e a través de xestores autorizados. Tráfico aéreo. - Para evitar posibles colisións de aeronaves coa liña, realizarase unha sinalización de acordo coa normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional).
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res18102004.pdf Galego
res18102004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles