Resolución do 17 de marzo de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o día 27 de xaneiro de 2004, relativa ao proxecto de trazado da vía de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos, no concello de Vigo (Pontevedra). Clave: PO/02/048.03.

Diario Oficial de Galicia, 31-03-2004, Núm. 63, Páx. 4554
Resolución do 17 de marzo de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o día 27 de xaneiro de 2004, relativa ao proxecto de trazado da vía de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos, no concello de Vigo (Pontevedra). Clave: PO/02/048.03. En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 27 de xaneiro de 2004, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de trazado da vía de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos, no concello de Vigo (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2004. Agustín Hernández Fernández de Rojas Director xeral de Obras Públicas Declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 27 de xaneiro de 2004, relativa ao proxecto de trazado da vía de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos, no concello de Vigo (Pontevedra). Clave: PO/02/048.03 A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos públicos ou privados consistentes na realización das obras, instalacións ou calquera outra actividade comprendida no anexo I, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental. Este proxecto deseña un novo trazado para unha vía de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos, que presenta unha lonxitude de 660 m. O proxecto pretende tamén a construción dunha rotonda próxima ao polígono e un ramal de acceso de 550 m de lonxitude para a entrada a este. Dado que entre os proxectos contemplados no citado anexo I se atopa a construción de autoestradas e autovías, vías rápidas e estradas convencionais de novo trazado, procedeuse a tramitar o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental. En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data de publicación no Diario Oficial de Galicia do 14 de agosto de 2003, nº 157, publícase a Resolución do 23 de xullo de 2003, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental. O 30 de decembro de 2003 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no cal se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias, copia das alegacións presentadas neste período, e os informes de Augas de Galicia, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e das direccións xerais de Saúde Pública, Conservación da Natureza e Patrimonio Cultural. Cumprida a tramitación, esta dirección xeral, no exercicio das súas competencias, formula, só para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto da vía de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos, promovida pola Dirección Xeral de Obras Públicas. No anexo I fornécese un resumo do proxecto e das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental. No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA. O anexo III inclúe un resumo das alegacións de carácter ambiental recibidas como resultado do trámite de información pública, as cales foron tidas en conta, no que procede, nos puntos 2, 4, 5 e 8 do condicionado da DIA. O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Obras Públicas e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Declaración de impacto ambiental. Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a cal se atopan os documentos: - Estudo de impacto ambiental. Vía de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos. Xuño 2003. - Proyecto de trazado. Vía de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos. Xullo 2003. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre e cando se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das íncluidas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Condicionado. 1. Ámbito da declaración. 1.1. Esta declaración de impacto ambiental refírese ás obras proxectadas no proxecto de trazado. Vía de conexión do segundo cinto de circunvalacón de Vigo co polígono industrial de Balaídos. Xullo 2003; no concello de Vigo (Pontevedra), na configuración correspondente ao plano nº 2, Plano de conxunto; recollido no estudo de impacto ambiental. 2. Sobre o nivel de presión sonora. 2.1. Observarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado pola ordenanza municipal do concello de Vigo. 3. Protección das augas e leiros. 3.1. Previamente a calquera afección do dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía do rego de Presa, será preceptiva a concesión outorgada por Augas de Galicia. 3.2. Procederase ao balizamento ou sinalización axeitada dos tramos do rego de Presa afectados polas obras previstas, co obxecto de preservalos de afeccións innecesarias, quedando prohibido o uso dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades auxiliares das obras que puidesen supoñer un risco de contaminación das augas continentais. 3.3. Non estando definida no estudo presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, granulados ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde unha fábrica ou fábricas de fóra da obra, que contarán coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da fábrica ou fábricas. 3.4. Tal como se proxecta para o parque de maquinaria, as augas procedentes do resto das zonas auxiliares das obras serán derivadas e someteranse a un sistema de decantación ou desbaste de sólidos previos á súa restitución ao medio fluvial, tendo especial coidado en evitar fugas de formigón e cemento ás augas. Así, nos formigonados tamén se habilitarán balsas de decantación ás cales se bombeará a auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga; asemade, non se permitirá que as formigoneiras se desfagan do sobrante de formigón, e soamente poderá procederse á limpeza do contido das cubas nas zonas habilitadas para lavadoiro. No que respecta á zona de cambio de aceite e repostaxe, ademais do solo impermeable e do foxo perimetral drenante, cómpre canalizar as augas caídas neste foxo á balsa de decantación proxectada ou instalar un dispositivo de recolla ou separador de graxas co fin de evitar a afección no caso de verteduras accidentais. 3.5. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captación de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice á rede de sumidoiros da zona, cómpre dispoñer da autorización do xestor da dita rede. 4. Protección dos solos. 4.1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestructuras e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico no que respecta ao rego de Presa. 4.2. Na selección das zonas destinadas á situación das instalacións auxiliares, primará o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes. Achegarase plano á escala axeitada, segundo se solicita no punto 11.1. desta DIA. 4.3. Ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen situadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente ao remate daquelas. 4.4. Previamente ás operacións de movemento de terras retirarase a camada de terra vexetal da zona que será almacenada para estendela despois en todas as zonas contempladas no proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico incluído no estudo de impacto ambiental. 4.5. No que respecta á terra vexetal retirada, almacenarase de acordo co indicado no estudo de impacto ambiental. No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con fornecemento de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6 % de materia orgánica. 4.6. Ao desenterrar o depósito de gasóleo afectado pola traza da vía, terase especial coidado en evitar as verteduras accidentais. No caso de que xa se producisen ou se produzan no movemento do depósito, xestionarase o solo afectado segundo a lexislación vixente. 5. Xestión de residuos. 5.1. A eliminación do depósito de gasóleo soterrado xestionarase segundo a lexislación vixente en materia de residuos. 5.2. Ao rematar as obras, e antes do comezo da fase de explotación, deberá estar retirada e xestionada a totalidade dos residuos de obra. 6. Protección da fauna. 6.1. Aqueles labores do proceso de obras que impliquen a realización de voaduras levaranse á práctica fóra do período de reproducción e cría das especies faunísticas do territorio. 7. Protección da vexetación. 7.1. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira do rego de Presa aplicarase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantación e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos. 7.2. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. A corta de vexetación cinxirase á estritamente necesaria para a execución da obra e, se é tecnicamente posible, os cotos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. 7.3. Tal como se indica no estudo de impacto ambiental, procederase ao balizamento, ou á sinalización de todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental situadas no contorno afectado polo proxecto, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas. Esta medida levarase a cabo na fase de implantación. 8. Protección da paisaxe. 8.1. Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavación e, en xeral, sobre todas aquelas superficies que a consecuencia da realización das obras queden desprovistas de vexetación, procederase á aplicación dos procedementos de restauración o antes posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de seren necesarias, adoptaranse as correspondentes medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser estender mantas de fibras naturais. 8.2. A dotación da semente no proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico incluído no estudo de impacto ambiental será de 300 kg/ha, como mínimo, para aqueles noiros con pendentes suaves. 8.3. A plantación que se realice na restauración das marxes do rego de Presa tentará semellarse ao contorno e buscar a naturalidade, polo tanto nas plantacións liñais evitarase a formación dunha fieira perfecta. 9. Protección do patrimonio. 9.1. Deberase presentar perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un proxecto para a realización do control e seguimento das fases de implantación, de execución da obra e de restitución dos terreos. Remitirase o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o mencionado proxecto a estas dependencias tal e como se indica no punto 11.4. 9.2. A aparición de calquera resto arqueolóxico durante a fase de obra ou no seu seguimento arqueolóxico poñerase de inmediato en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que tomará as medidas cautelares oportunas. Deberá consignarse no proxecto definitivo unha partida orzamentaria de imprevistos para o caso de ser necesaria a realización de actuacións arqueolóxicas derivadas do control e seguimento. 9.3 Calquera modificación do proxecto de trazado da vía obxecto desta DIA, deberá ser comunicado o antes posible á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 10. Protección dos servizos existentes. 10.1. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras é preciso cortar o paso dalgunha vía; deberanse indicar rutas alternativas que presten o mesmo servizo. 10.2. Conservaranse as conducións existentes de abastecemento de auga, tanto públicas como privadas, que conten coa pertinente autorización. No caso de imposibilidade técnica, faranse as necesarias operacións para manter o servizo. 11. Documentación adicional. Previamente ao incio do proceso construtivo, o promotor remitirá ao órgano ambiental, para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puidesen derivar, un (1) exemplar da seguinte documentación: 11.1. Plano a escala 1:4.000, ou maior detalle, onde se sinale a localización das instalacións auxiliares, zonas de acumulación de materiais e zonas de almacenamento de residuos. Irá acompañado dunha memoria onde consten os equipamentos destinados a previr a xeración de impactos adicionais de cada unha das instalacións previstas, así como unha definición suficiente das súas funcións. 11.2. Definición, incluíndo cartografía a escala 1:4.000, ou maior detalle, da localización dos vieiros de obra, incluindo a xustificación da apertura de novos vieiros no caso de se precisaren. Irá acompañado dunha memoria onde consten os impactos adicionais de cada un dos accesos previstos, así como unha definición suficiente das medidas correctoras que se van adoptar. 11.3. Ampliarase o programa de vixilancia ambiental incluído no estudo, cunha proposta de plan de seguimento dos ruídos producidos tanto na fase de obras como na de explotación no contorno do proxecto, baseándose no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. Reflectiranse os puntos de mostraxe nun plano referenciado en coordenadas UTM. 11.4. Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o proxecto para a realización do control e seguimento das fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos. 11.5. Notificación do responsable ambiental tal e como se require no punto 13.2 da DIA. Unha vez avaliada a citada documentación, remitirase ao promotor o seu resultado, non podendo proceder ao comezo das obras ata que non conte con informe favorable desta dirección xeral sobre a totalidade da documentación requirida. Unha vez emitido informe por esta dirección xeral sobre o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de comezo das obras, remitindo, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, un cronograma de obras actualizado que conteña todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de comezo, remate e a duración prevista. 12. Programa de seguimento e vixilancia ambiental. Realizarase o programa de vixilancia e seguimento ambiental ao que se refire o estudo de impacto ambiental, adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta declaración (punto 11.3), incorpo rándose ás correspondentes partidas orzamentarias e remitíndoo ao órgano ambiental para a súa avaliación previa ao comezo das obras. O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Todas as medicións e análises deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán estar asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 13.2 desta DIA deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental. Nos casos en que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislacíón aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Tendo en conta o anterior, o promotor deberá realizar o programa de seguimento e vixilancia ambiental aprobado, que se deberá plasmar nos seguintes informes: 12.1. Trimestralmente, durante a fase de obras: 12.1.1. Cronograma actualizado das obras, xunto cun plano no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte trimestre. 12.1.2. Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de seguimento e vixilancia ambiental aprobado. Indicaranse, se for o caso, as variacións producidas con respecto ao proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas que servirán de albo ambiental. 12.1.3. Representación nun plano, utilizando como base o plano nº 2 Plano de conxunto, incluído no estudo de impacto ambiental dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman. 12.2. Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de seguimento e vixilancia ambiental que reflicta o cumprimento de todas as medidas correctoras contempladas no estudo así como as impostas na DIA e, en concreto: 12.2.1. Informe en que se reflicta o estado da vía e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando, se for o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras con respecto ao proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto 12.1. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. 12.2.2. Estado da restauración, especialmente nas zonas do rego de Presa e onde se leven a cabo plantacións e sementeiras. 12.3. Seguimento ambiental anual, contando desde o inicio da explotación. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos: 12.3.1. Memoria resumo do seguimento realizado de acordo co programa de seguimento e vixilancia ambiental aprobado, no cal se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. Incluirá unha reportaxe fotográfica onde se reflicta o estado de restauración da actuación, indicando a data e a hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano. 13. Condicións adicionais. 13.1. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental son de obrigado cumprimento para o promotor. No entanto, este poderá solicitar ao órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acadar os obxectivos e fins que se indican nesta declaración de impacto ambiental. Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, fornecendo documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ao promotor, que non poderá comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto. 13.2. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano ambiental. 13.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e no caso de que poida producir efectos adversos sobre o ambiente deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando tamén se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental. 13.4. Ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar, só para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos que constan na presente DIA. 13.5. Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determinar as causas que xeran os mencionados impactos e ata estes seren corrixidos. 13.6. O incumprimento total ou parcial, por parte do promotor das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder a adoptar as medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente. 13.7. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia. Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2003. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I Resumo do proxecto O proxecto previsto constitúe un ramal de enlace entre o segundo cinto de circunvalación de Vigo e o polígono industrial de Balaídos, presentando unha lonxitude de 660 m. Preténdese tamén a construción dunha rotonda próxima ao polígono no cal enlaza o ramal anterior e un ramal de acceso de 550 m de lonxitude para a entrada ao polígono. Seccións tipo: A sección tipo do ramal principal é a seguinte: Dúas calzadas por cada sentido de circulación de 3,5 m cada unha. Dúas beiravías exteriores de 2,5 m cada unha. Dúas beiravías interiores de 1,5 m cada unha. Mediana de 2 m. Total plataforma de 24 m. A glorieta ten un raio exterior de 34 m, e un largo de calzada de 15 m. A sección do ramal de acceso ao polígono industrial ten a seguinte sección: Dúas calzadas de circulación de 3,5 m cada unha. Dúas beiravías de 1,5 m cada unha. Total plataforma de 10 m. Resumo das medias protectoras e correctoras. Mentres duren as condicións climáticas adversas realizaranse regas periódicas sobre as superficies afectadas polos movementos de terra, mediante mangueiras e/ou camións cuba. Cubriranse as materias transportadas mediante lonas, transportes cerrados, ou outros métodos. Control das emisións producidas pola maquinaria durante a fase de construción para evitar a contaminación polas emisións dos gases de escape. Os traballos realizaranse sempre en horario diúrno axustándoo o máximo á franxa horaria establecida na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica. En caso de ser precisa a realización de traballos nocturnos, deberá contarse coas preceptivas autorizacións. Na fase de obras evitaranse situacións en que a acción conxunta de varios equipos ou accións cause niveis de ruídos elevados durante períodos prolongados de tempo e/ou durante a noite. Toda a maquinaria de obras públicas utilizada nos traballos terá pasado as inspeccións técnicas correspondentes e contará coa certificación CE. Durante o tempo en que se realicen as obras cumpriranse os períodos de revisión de todos os equipamentos utilizados. Antes do inicio das obras informarase detalladamente os operarios das medidas que se tomarán para minimizar as emisións sonoras. Para minimizar as afeccións en fase de funcionamento propoñen barreiras sonoras conformadas a base de pantallas que terán carácter vexetal ou construtivo en función do espacio dispoñible para a súa localización. Durante as operacións de implantación e balizamento de todas as zonas de obras levarase a cabo unha planificación e delimitación das zonas sometidas a actividade, de forma que soamente se ocupen os terreos estritamente necesarios; poñendo especial interese en que non se aumente a superficie directamente ocupada pola obra respecto da estimada no proxecto construtivo. Con anterioridade ao comezo das obras establecerase un plan viario e de accesos a obra. Utilizarase preferentemente a traza como vieiro de obra, establecendo sobre ela, ou en áreas inmediatamente anexas e de escaso ou nulo valor ambiental, o parque de estacionamento de maquinaria e a área de almacenamento de materiais. Trátase de afectar o menos posible a rede de estradas do territorio. Farase unha correcta sinalización de aviso das obras e das vía alternativas. De forma periódica limparanse de materiais procedentes da obra as estradas por que circule maquinaria. Así mesmo, repoñerase ao seu estado orixinal a rede viaria rural que sufra desperfectos causados polo tránsito de maquinaria pesada da obra . Sempre que sexa tecnicamente posible, acudirase a establecementos autorizados para a realización do lavado da maquinaria, o seu mantemento e repostaxe. Se isto non é posible, adecuaranse, preferentemente sobre a traza, unhas zonas específicas para a realización de actividades de mantemento e reparación de maquinaria, onde se acondicionará un lavadoiro de maquinaria dotado cun sistema de recolla de efluentes, instalarase unha balsa de sedimentación para impedir que a auga contaminada chegue directamente ao solo instalarase unha zona de cambio de aceite e recarga de combustible para a maquinaria da obra. Realizaranse controis periódicos de que as tarefas se realizan nas zonas especificamente creadas para isto. Realizarase un seguimento visual e analítico das augas procedentes da balsa de sedimentación que deberán cumprir os límites establecidos pola lexislación vixente para poder ser vertidas nos leitos; en caso contrario, deberase someter esta auga a un tratamento de coagulación e floculación antes de vertela. Unha vez rematadas as obras, os lodos procedentes da balsa de sedimentación asociada á zona de parque de maquinaria, xestionaranse conforme a lexislación vixente. As áreas onde se desenvolvan traballos dotaranse de bidóns e outros elementos axeitados de recolla de residuos sólidos e líquidos de obra, así como os lixos xerados polo persoal empregado, de maneira que todos os residuos producidos na obra sexan clasificados e separados na súa orixe, evitando a súa vertedura incontrolada e a formación de posibles focos de contaminación. Despois da súa recolla, os residuos serán tratados en función da súa natureza, entregándose a unha empresa xestora autorizada ou levándoos a un vertedoiro autorizado. Os residuos asimilables a urbanos serán almacenados en contedores que se instalarán na zona de obras e se tratarán de maneira semellante á que se dá aos residuos sólidos urbanos xerados no concello de Vigo. Solicitarase ao concello a recolla deste tipo de residuos. Todas as actividades de obra que impliquen a xeración de residuos tóxicos e perigosos disporán dos elementos necesarios para a súa correcta xestión en función da lexislación de aplicación. Establecerase un plan de recolla das verteduras, que contemple a disposición de depósitos para o efecto onde poidan almacenarse, e localizaranse en zonas convenien temente acondicionadas coas oportunas medidas de seguranza, sendo entregados a un xestor autorizado. Para o control das augas sanitarias preferentemente serán instaladas casetas prefabricadas de obra con tratamento químico dos efluentes. Ao longo das obras realizaranse todas aquelas tarefas de mantemento deste tipo de instalacións que resulten necesarias para asegurar o seu correcto funcionamento. Planificarase a acumulación da terra vexetal que se retire da zona de obra; programando un mantemento axeitado durante o tempo que sexa necesario ata a súa reutilización. Farase o fornecemento da terra vexetal amoreada na obra sobre os noiros e outras superficies alteradas da obra. Establecerase un plan de acumulación de materiais de préstamo para que se realice co menor custo ambiental posible, acudindo a canteiras en explotación, material de escavación producido na cidade e na súa área metropolitana pola realización de obras públicas e privadas e utilización de estériles das canteiras existentes na área do Porriño. A idoneidade das ditas opcións deberá valorarse antes do comezo da obra. En principio, a obra non presentará sobrantes, pero no caso de que no curso do proceso construtivo se producise algún tipo de material sobrante que non fose posible reutilizar na propia obra, deberase establecer un plan de relocalización para que o seu almacenamento definitivo se produza coa menor alteración ambiental posible. Para iso realizarase unha selección de posibles vertedoiros, acudindo a canteiras abandonadas, vertedoiros incontrolados, vertedoiros de residuos ou outros terreos degradados do contorno. Prácticas construtivas: en fase de movementos de terra e execución de obras de drenaxe, prestarase especial atención para evitar arrastres por escorrega dos materiais removidos a consecuencia das ditas operacións de obra. No caso de que se detectase risco de arrastres por escorrega, estableceríanse de maneira inmediata os sistemas de control oportunos, que consistirán segundo a magnitude do fenómeno, ben na instalación de balsas de decantación para a recolla das augas de escorrega procedentes das zonas de obra estremeiras ao leito do rego de Presa, ben na implementación de filtros antisedimentos. Evitarase a disposición de materiais de obra nas ribeiras do rego de Presa, cursos de auga estacionais que poidan ocasionarse no contorno da obra e fondos de valgadas. Limitarase o acceso ás marxes do rego de Presa á maquinaria imprescindible para a realización dos traballos de construción da OD.1 tipo Pórtico. O plan viario e de accesos a obra evitará na medida do posible a dispersión de vehículos e maquinaria polas inmediacións das marxes do rego de Presa, cursos de auga estacionais que poidan ocasionarse no contorno da obra e fondos de valgadas. Durante as obras realizarase un seguimento da correcta localización e dimensionamento das drenaxes transversais e lonxitudinais para comprobar o grao de bondade e adecuación ao territorio. Definirase un plan de labores periódicos de limpeza e conservación dos sistemas de drenaxe para asegurar que cumpran dun modo correcto o seu cometido. A limpeza da vexetación dos foxos farase con medios mecánicos. O sistema de drenaxes transversais, complementado con parte do sistema lonxitudinal de drenaxes utilízase para favorecer o paso dunhas zonas a outras. Co obxecto de potenciar a permeabilidade da rede viaria, realizaranse actuacións de restauración específicas no contorno da estructura de drenaxe situada no rego de Presa e na superficie resultante do falso túnel. O acondicionamento paisaxístico do proxecto realízase mediante a execución dun proxecto de restauración. Farase unha correcta sinalización de aviso de obras e vías alternativas. Recorrerase á utilización preferente de man de obra, recursos materiais e materiais de construción do contorno comarcal. Informarase os habitantes do contorno da natureza das obras, duración e finalidade. Realizarase a correcta valoración e celeridade no pagamento das expropiacións e procederase á expropiación total das parcelas que despois do proceso expropiatorio, visen seriamente reducida a súa superficie. Concorre unha afección indirecta das obras sobre un elemento etnográfico: muíño de Sanín, sobre o cal foi preciso establecer como medida correctora o balizamento do elemento e información aos responsables de obra da situación exacta do muíño na cartografía de detalle das obras. Concorre unha afección directa das obras sobre un elemento etnográfico: hórreo nº 2 de Sanín, sobre o cal se presenta unha incerteza, xa que non foi posible realizar unha valoración íntegra do elemento, quedando a proposta de medidas correctoras subordinada a esta unha vez que se poida acceder ao elemento, de xeito previo ao comezo das obras. ANEXO II Resultado das consultas efectuadas A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite informe en que se conclúe: O proxecto non afecta ningún espacio natural protexido. Así mesmo, obsérvase a previsión dunha serie de medidas protectoras e correctoras que teñen como fin a realización das obras coas mínimas afeccións ambientales. Para iso, e co obxecto de previr outras posibles afeccións ao medio natural, desenvólvense unha serie de consideracións: As obras de canalización executadas deberanse reconverter en obras de restauración e protección de marxes que permitan o arraigamento da vexetación de ribeira e así dotar a área de zonas verdes coa vexetación autóctona. Evitaranse durante a execución das obras, as fugas de formigón e cemento ás augas altamente tóxicos para o sistema ecofluvial. Nos formigonados habilitaranse balsas de decantación ás cales se bombeará a auga procedente da obra. Así mesmo, non se permitirá que as formigoneiras limpen as cubas nin tiren restos de formigón nas proximidades de correntes de auga. En definitiva, considera axeitadas as medidas propostas polo promotor. A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable sen detrimento das competencias doutros organismos. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe en que se conclúe: Na documentación existente apréciase que non resulta afectado ningún elemento do patrimonio arqueolóxico visible; porén considera necesario establecer unha medida correctora de carácter xenérico consistente na realización dun control e seguimento dos traballos de remoción de terras co fin de evitar calquera afección sobre xacigos arqueolóxicos non detectados durante os traballos de prospección ou que polas súas características son imperceptibles a simple vista. Deberase presentar un proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento das fases de implantación, de execución da obra e de restitución dos terreos, proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na fase previa ao inicio das obras. A aparición de calquera resto arqueolóxico durante a fase de obra ou no seu seguimento arqueolóxico poñerase en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que tomará as medidas cautelares oportunas. Deberá consignarse no proxecto definitivo unha partida orzamentaria de imprevistos para o caso de ser necesaria a realización de actuacións arqueolóxicas derivadas do control e seguimento. En virtude da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural para Galicia, os traballos arqúeolóxicos faranse con cargo ao financiamento do proxecto. Calquera modificación no proxecto de trazado deberá ser comunicado, o antes posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A Demarcación de Estradas do Estado emite informe en que conclúe: A conexión prevista pola nova vía deberá cumprir as seguintes prescricións. Manter a cota existente de conexión na actual rotonda. Resolver o problema de drenaxe desta nova vía, separándoa da actual prevista da rotonda. Modificar a sinalización na rotonda así como dentro da VG-20 (2 cinto) ao fin de incluír a particularidade da nova incorporación. Augas de Galicia emite informe en que conclúe: A obra obxecto de estudio só ten incidencia con este organismo canto aos impactos sobre as escorregas superficiais, así como o trazado da vía que cruza mediante obra de fábrica o leito do rego de Presa, pertencente á bacía do río Lagares. Considera aceptable o estudo de impacto ambiental, polo que informa favorablemente, advertindo da necesidade de autorización previa a calquera actuación no dominio público hidráulico. ANEXO III Resumo de alegacións Isidro Miguel Fernández realiza a seguinte alegación: Solicita que se prevexa algún tipo de muro para conter as terras da súa parcela xa que estará a unha cota máis elevada que a vía, e que se modifique a traza para que pase sobre terreos da Zona Franca, xa que o uso deste será privado e sen acceso a outros usuarios alleos á Zona Franca. Luis Ricoy Martínez realiza a seguinte alegación: Argumenta que non considera que se persiga o interese xeral nin que se valorase adecuadamente o impacto ambiental, xa que non se tivo en conta na matriz de impacto a afección ás vivendas nin as molestias por ruídos ao resto dos veciños. Luis Otero Fernández realiza a seguinte alegación: Considera que se debe baixar a rasante da vía xa que aumenta enormemente a pendente natural do terreo. Fernando García Costas realiza a seguinte alegación: Solicita que se suprima o paso inferior do p.k. 0+340 e se faga o camiño de servizo ás propiedades abrindo un novo vieiro pola parte leste. Félix Alejandro Lourido Valverde realiza a seguinte alegación: Solicita que se modifique o proxecto en planta e tipoloxía dos noiros co fin de minimizar a afección á súa propiedade. José Davide Seoane realiza a seguinte alegación: Solicita que se modifique o proxecto en planta e se reconstrúan muros en lugar de noiros co fin de minimizar a afección á súa propiedade. José Pintos Alonso realiza a seguinte alegación: Cuestiona desde o principio a utilidade pública da vía xa que non a considera útil nin accesible, igual que outras vías como o segundo cinto de Vigo, a ronda de Vigo, etc., e para iso realiza unha serie de afirmacións sobre as circunstancias que acompañan a construción desta vía e os seus elementos funcionais. Jorge Fernández Costas realiza dúas alegacións co mesmo contido: Indica que de acordo co PXOU vixente os terreos afectados pola vía están catalogados como solo rural e solo de núcleo urbano, coa ordenanza 1.3 B edificación familiar illada de media densidade, polo que esta nova vía, pola que, asegura, circularán vehículos de gran tonelaxe con dirección á Zona Franca de Vigo, provocará unha perda da calidade de vida dos habitantes polo forte impacto acústico e o efecto barreira que se producirá. Considera entón que isto implica un forte impacto ambiental. Enrique Comesaña Carreira realiza a seguinte alegación: Ademais pon en dúbida a utilidade pública da vía e dos seus elementos funcionais, afirmando que é para uso exclusivo de Zona Franca. Julio Costa Fernández realiza a seguinte alegación: Solicita que se modifique o proxecto e propón outra alternativa para dar continuidade ás servidumes das vivendas e terreos da zona.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
RESII17032004.pdf Castellano
RESII17032004.pdf Galego
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles