Diario Oficial de Galicia, 29-03-2004, Núm. 61, Páx. 4417
Resolución do 17 de marzo de 2004, da Delegación Provincial da Coruña, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da liña L.A.T. 66 kV subestación P.E. Serra da Loba-S.E. Sidegasa, nos concellos de Aranga e Curtis (A Coruña), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (Clave: 2003/0315).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental de Galicia, faise pública a Resolución do 6 de febreiro do 2004 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do proxecto da liña L.A.T. 66 kV subestación P.E. Serra da Loba-S.E. Sidegasa nos concellos de Aranga e Curtis (A Coruña), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (Clave: 2003/0315) formada polos seguintes documentos:
- Antecedentes.
- Declaración de impacto ambiental.
- Anexo I.
- Anexo II.
E que se transcriben como anexo a esta resolución.
A Coruña, 17 de marzo de 2004.
Jesús Espada Martínez
Delegado provincial da Coruña
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 6 de febreiro de 2004, relativa ao proxecto da L.A.T. 66 kV P.E. Serra da Loba-S.E. Sidegasa, nos concellos de Aranga e Curtis (A Coruña), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (Clave: 2003/0315)
Antecedentes:
A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no seu anexo II só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso, axustándose aos criterios indicados no anexo III.
Entre os proxectos incluídos no antedito anexo II atópanse as liñas aéreas para o transporte de enerxía eléctrica cunha lonxitude superior a 3 quilómetros.
O obxecto do proxecto é a instalación e explotación dunha liña eléctrica aérea de alta tensión a 66 kV, de 15.524 m de lonxitude, con orixe na subestación do futuro parque eólico Serra da Loba, seguida dun tramo soterrado de 2.160 m de lonxitude que finaliza na subestación de Sidegasa, percorrendo os concellos de Aranga e Curtis (A Coruña), co fin de avaliar a enerxía xerada no parque eólico de Serra da Loba.
Dado que o proxecto está incluído no anexo II da citada Lei 6/2001, e considerando as súas características en relación co anexo III, procédese a formular a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.
Con data do 4 de xuño de 2003 (DOG nº 107) publícase a Resolución do 21 de maio de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se somete a información pública o estudo ambiental do proxecto de referencia, non tendo constancia da presentación de alegacións durante o período de exposición pública.
Con data do 3 de decembro de 2003 recíbese no rexistro da Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Delegación Provincial da Coruña, contendo, xunto co seu informe, os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas, Saúde Pública e Turismo, ademais do emitido polo organismo autónomo Augas de Galicia.
Con data do 14 de xaneiro de 2004 recíbese un segundo informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, sobre documentación relativa á afección a masas arbóreas, presentada polo promotor en resposta ao primeiro informe emitido pola devandita dirección xeral no marco da tramitación administrativa do proxecto.
Con datas do 3 e 4 de febreiro de 2004 recíbense, respectivamente, a listaxe de coordenadas UTM dos apoios, que non figuraban no estudio de impacto ambiental, e o certificado de exposición ao público emitido polo Concello de Curtis.
Cumprida tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental do proxecto L.A.T. 66 kV P.E. Serra da Loba-Sub. Sidegasa, nos concellos de Aranga e Curtis (A Coruña), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A.
O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, e o órgano ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
O anexo I comprende un resumo do proxecto e das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo ambiental (EA).
No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos organismos consultados. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado da DIA.
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:
* Proxecto de execución L.A.T. 66 kV P.E. Serra da Loba-Sub. Sidegasa, do 16-10-2002,
* Estudo de impacto ambiental. L.A.T. 66 kV P.E. Serra da Loba-Sub. Sidegasa. Tomo I. Memoria. Planos. Outubro 2002,
* Estudo de impacto ambiental. L.A.T. 626 kV P.E. Serra da Loba-Sub. Sidegasa. Tomo II. Anexos. Outubro 2002,
* Estudo de afección de masas arbóreas pola traza da L.A.T. Serra da Loba promovida por Gamesa, S.A. Novembro 2003,
* Notificación das coordenadas UTM dos apoios da L.A.T. 66 kV Serra da Loba-Sub. Sidegasa, do 3 de febreiro de 2004.
Esta dirección xeral considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
1. Ámbito da declaración.
A presente declaración refírese en exclusiva á instalación dunha liña eléctrica aérea de alta tensión a 66 kV, con partida proxectada na futura subestación do parque eólico Serra da Loba e remate na subestación Sidegasa, cun tramo aéreo de 15.524 m de lonxitude, en dobre circuíto, con illadores e cable de terra e fibra óptica OPGW, sobre apoios metálicos de celosía, e un tramo final soterrado de 2.160 m.
A traza discorrerá polos concellos de Aranga e Curtis (A Coruña), segundo o reflectido no plano Situación. Plano nº 002 do estudo de impacto ambiental, sendo as coordenadas UTM dos 81 apoios previstos as que figuran na notificación do 3 de febreiro de 2004.
2. Protección da atmosfera.
Na fase de obras levarase a cabo o plan de seguimento do nivel de ruído proposto no EA. Terase en conta que as medicións deben ser efectuadas por unha entidade homologada por esta dirección xeral e os informes de resultados presentaranse asinados por un técnico da entidade realizadora das medicións. Estes resultados incluirán, sen detrimento dos percentís L, L, L, o parámetro Leq.
3. Protección das augas e leitos fluviais.
Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e/ou policía dos cursos de auga (en especial o cruzamento de leitos) así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización do órgano de bacía competente segundo o caso, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
As obras non poderán afectar a calidade e o volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público, tendo prioridade este servizo fronte a calquera outro.
Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación.
Calquera operación de formigonado próxima aos leitos dos ríos deberase realizar en condicións estancas, evitando en todo momento o contacto ou derramo de formigón.
Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume e policía dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.
Non estando previsto no estudo ambiental a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este subministrarase desde a planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.
4. Protección do solo.
Realizarase unha delimitación das zonas de obra, estando prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente previstos.
A circulación de vehículos e maquinaria de obra restrinxirase aos accesos, rúas e zonas acondicionadas para o efecto.
Se tras a finalización das obras existe material sobrante dos movementos de terras, deberá ser retirado e depositado nun lugar autorizado polo órgano competente.
5. Xestión de residuos.
Todos os residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento da L.A.T. deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
6. Protección da fauna e vexetación.
6.1. Sobre a fauna.
Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación na rúa de seguridade, así como as tarefas de mantemento periódico, escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna, en especial das aves rapaces detectadas na campaña preoperacional, pola súa maior sensibilidade a ese tipo de actuacións.
En relación coa avifauna, adoptaranse medidas anticolisión e antielectrocución na liña, que deberán ser descritas e xustificadas conforme ao requirido no punto 9.1 desta DIA. Por outra banda, levarase a cabo o plan de seguimento proposto no estudo ambiental, co fin de comprobar se se producen colisións e/ou electrocucións de aves co tendido.
6.1. Sobre a vexetación.
A eliminación da vexetación, na execución dos accesos aos apoios, reduciranse ao estrictamente necesario atendendo aos criterios de intervención sobre vexetación e medidas preventivas descritas no estudo ambiental.
En relación co manexo da vexetación nas zonas afectadas pola traza, adoptaranse as seguintes medidas:
- As árbores situadas baixo o cableado deberán manter unha distancia en vertical a este dun mínimo de 6 metros, polo que aquelas árbores que deban sufrir un aborto da súa altura deberán manter esta distancia como referencia, podendo oscilar entre os 6±1,5 m.
- Para aquelas árbores que se localicen próximas á traza e que teñan unha altura que no caso de caída poida comprometer a integridade da liña, deberase aplicar unha corta que aborte o crecemento en altura, así como a mesma altura da árbore. Para determinar esta altura de corte, considerarase a área de varrido da árbore nunha suposta caída no caso máis desfavorable, isto é, aquel en que a árbore bascule sobre o nivel do solo e con dirección de caída perpendicular á traza da liña.
En calquera dos casos anteriores só se actuará sobre as pólas que comprometan o cumprimento dos criterios expostos, evitando a corta de pólas sas. Os pés conformaranse de xeito que se aborte o seu crecemento en altura, mediante podas de formación selectivas, como as das árbores ornamentais ou froiteiras con control de altura.
- Calquera poda que se efectúe sobre as árbores non debe supoñer unha reducción superior ao 30% da biomasa serrada polas pólas, deixándose logo un período mínimo sen actuar igual ou maior a tres anos, co fin de que a árbore recupere o equilibrio. De todos os xeitos, aínda que o espaciamento entre podas se poderá determinar cada tres anos, deberase tender a non actuar na copa das árbores, dándolles unha formación que minimice a dependencia antrópica.
- No referente aos rareos é necesario determinar o seu peso, polo que se deberá determinar un índice de Hart-Becking ou similar, co fin de establecer un criterio para un sostemento ecolóxico da masa.
Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira aplicarase o disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arborado realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo.
7. Protección do patrimonio cultural.
Cara a evitar posibles afeccións, establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no cal figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control de seguimiento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
Balizaranse os xacigos Medoña do Porco (GA27022007) e Medoñas do Galiñeiro (GA15003107 e GA15003108), cun elemento estable e facilmente visible.
No caso de ter que acometer obras de modificación das características (firme, área de ocupación ou foxos) da vía de acceso ao Cordal de Montouto, estas obras terán que contar con informe previo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
No caso do impacto sobre o xacigo Medoñas de Abelar (GA15032012, GA15032051 e GA15032052), prohíbese o paso de maquinaria por calquera dos camiños situados preto dos túmulos.
De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.
8. Restauración.
Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (instalación dos apoios, execución de accesos ...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Así mesmo, garantirase o mantemento da vexetación ao longo do tempo.
Para tal fin, levarase a cabo o proxecto de revexetación incluído no estudo ambiental e un seguimento da súa efectividade, a intensidade do cal se incrementará no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación.
Os labores de restauración deberán realizarse conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de favorecer a integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.
Na fase de desmantelamento e abandono da liña, unha vez rematada a súa vida útil, levarase a cabo todas as actuacións necesarias para recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, conforme o plan de restauración presentado, incluíndo a revexetación das zonas afectadas pola desmontaxe.
9. Documentación adicional.
Previamente ao inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen lle dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición das medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, un (1) exemplar da seguinte documentación:
9.1. Descrición detallada, tanto escrita como gráfica, das medidas anticolisión e antielectrocución que se adoptarán na liña, conforme o sinalado no punto 6.1 de DIA. Xustificarase a selección das ditas medidas en función de avifauna potencialmente vulnerable á liña detectada na campaña preoperacional incluída no EA. Xuntarase o protocolo de mantemento periódico e planos en que figuren os lugares de localización.
9.2. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do punto 11.3 da DIA.
9.3. Copia da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do proxecto de control e seguimento arqueolóxico das obras, conforme o indicado no punto 7 da DIA. En ningún caso se poderán iniciar as obras sen contar coa citada autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ao promotor o resultado da dita avaliación, non podendo proceder ao inicio das obras ata que conte co informe favorable desta dirección xeral sobre a totalidade da documentación requirida.
Unha vez informado favorablemente por esta dirección xeral o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicaralle ao órgano substantivo a data de inicio das obras e remitiralle, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, no que figuren todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.
10. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá ao órgano sustantivo, coa periodicidade indicada, a seguinte documentación:
10.1. Durante a execución das obras presentarase, con carácter trimestral, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras ou correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actuación.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento no momento da medición.
c) Informe onde se detallen os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras ou correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos incluídos ou derivados dela.
d) Informe de avance da obra onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Xuntarase de reportaxe fotográfica (con indicación de data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade respecto ao total.
10.2. Ao final das obras, comunicarase a data de posta en servizo da liña e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos tra ballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Definición dos imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, en relación a todos os aspectos incluídos nesta DIA, e descrición detallada do estado final da área afectada.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os apoios, rúas para o tendido dos cables, estado de limpeza da área, en especial das zonas de instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora e xuntarase un plano de localización.
c) Plano en planta, dotado de coordenadas UTM, a escala 1:10.000 ou maior detalle, onde se reflictan todas as accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se efectuaron medidas protectoras e/ou correctoras.
10.3. Informe de seguimento ambiental, de periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de explotación da liña e anual os seguintes. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:
a) Informe que irá acompañado de reportaxe fotográfica, no cal se recollan os resultados do plan de restauración e revexetación, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado e labores de mantemento efectuados nas rúas de seguridade e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e irán acompañadas dun plano de localización.
b) Resultados do plan de seguimento de avifauna e control da operatividade das medidas anticolisión e antielectrocución adoptadas, conforme o sinalado no punto 6.1 da DIA.
Non obstante, á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben por proposta motivada do promotor, poderase modificar o contido dos sucesivos informes anuais ou a frecuencia dos controis que hai que realizar.
10.4. Informe previo ao abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da liña, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no plan de desmantelamento presentado polo promotor, xunto coa súa xustificación.
10.5. Informe posterior ao abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono da liña, remitirase un informe que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Irá acompañado de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
11. Condicións adicionais.
11.1. O órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación de DIA ao promotor.
11.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Porén, o promotor poderá solicitar ao órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acadar os obxectivos e fins que se indican nesta declaración.
Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, e presentará a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá a súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ao promotor, quen non poderá comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.
11.3. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen o comunicará ao órgano ambiental.
11.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e no caso de que poida producir efectos adversos significativos sobre o ambiente deberá ser notificado previamente a esta dirección xeral, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.
11.5. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe de aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de douscentos dezaseis mil setecentos trinta e un euros (216.731), correspondente ao orzamento dos labores de restauración nas fases de obra (90.123,10 euros) e desmantelamento (126.607,91 euros) da liña.
11.6. Ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos que constan na presente DIA.
11.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determinar as causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.
11.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder a adoptar as medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.
11.9. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º. Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2004.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I
Resumo do proxecto
A liña eléctrica prevista, de 66 kV, conectará a subestación do futuro parque eólico Serra da Loba coa subestación eléctrica Sidegasa, mediante un tramo aéreo de 15.524 m en dobre circuíto, sobre 81 apoios metálicos de celosía, e outro soterrado en tubo na zona de chegada á subestación de Sidegasa, cunha lonxitude de 2.160 m.
A traza discorrerá polos concellos de Aranga e Curtis. Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de infuencia da L.A.T. está composta principalmente por matogueira de toxo e breixo e repoboacións de piñeiro e eucalipto. Existe tamén vexetación de ribeira, pequenas mouteiras de arboredo autóctono, vexetación de medios húmidos, prados e cultivos.
Medidas preventivas e correctoras
* Boas prácticas xerais de obra.
* Plan de xestión de verteduras e residuos.
* Deseño da intervención sobre a vexetación para a apertura de accesos e vías. Criterios de manexo da vexetación.
* Deseño de accesos. Minimización da lonxitude de accesos novos.
Aproveitamento de vías existentes.
* Asistencia técnica ambiental e arqueolóxica na fase de replanteo.
* Apoios con patas desiguais.
* Recrecido de apoios.
* Restauración das superficies afectadas.
* Balizamento de cables.
* Reposición e/ou indemnización por danos.
* Medidas para a protección de avifauna.
* Calendario de actuacións acorde coas medidas correctoras.
* Balizamento previo dos elementos que hai que protexer.
* Posta á terra.
* Programa de vixilancia ambiental (ruídos, avifauna...)
ANEXO II
Resumo das consultas a organismos
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ao estudo de impacto ambiental e aos seus anexos, aceptando as medidas correctoras propostas, cos seguintes condicionantes que hai que incluír na correspondente declaración ambiental:
1. Cara a evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito da L.A.T., así como a sinalización e balizamento con material non perecedoiro dos bens do patrimonio cultural, recollidos na memoria de avaliación do impacto arqueolóxico e nos seus anexos. A tal fin, e previo ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
3. Balizamento dos xacigos Medoña do Porco (GA27022007), Medoñas do Galiñeiro (GA15003107 e GA15003108), empregando para isto un elemento estable e facilmente visible.
4. No caso de ter que acometer obras de modificación das características (firme, área de ocupación ou foxos) da vía de acceso ao Cordal de Montouto, estas terán que ser informadas previamente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
5. No caso do impacto do proxecto sobre o xacigo Medoñas de Abelar (GA15032012, GA15032051 e GA15032052), prohíbese o paso de maquinaria por calquera dos camiños situados preto dos túmulos.
6. Segundo os resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
7. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite un primeiro informe en que describe o proxecto e a súa situación con respecto aos espacios protexidos, indicando que o lugar onde están situados non ten ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espacios naturais. A continuación efectúa unha serie de consideracións en relación cos criterios de manexo da vexetación baixo as rúas de seguridade da liña, sobre as rozas e cortas de vexetación arbórea e sobre a afección do proxecto sobre a avifauna, indicando que se deberán adoptar medidas anticolisión e antielectrocución e que o plan de vixilancia proposto deberá solaparse coa vida útil do proxecto.
No segundo informe, sobre o documento estudo de afección de masas arbóreas pola traza da L.A.T. Serra da Loba promovida por Gamesa, S.A. Novembro 2003, estiman adecuadas as medidas propostas para aumentar a conservación das zonas de carballeira e de vexetación de ribeira que son atravesadas pola liña, que foron consensuadas coa Subdirección Xeral de Defensa Contra Incendios Forestais. Porén, consideran que na documentación presentada o desenvolvemento destas medidas non é suficiente, polo que eles mesmos concretan as medidas que se considerarán na presente liña en relación co mantemento da vexetación nas rúas do tendido.
A Dirección Xeral de Obras Públicas indica que a realización do proxecto non afecta a terreos comprendidos na área de influencia das estradas de titularidade autonómica.
A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable ao estudo ambiental.
A Dirección Xeral de Turismo emite informe en que conclúe que a actuación que se pretende levar a cabo posúe unha influencia asumible no que se refire ao turismo específico da zona, e considera que o verdadeiro impacto da actuación é competencia ambiental.
O organismo autónomo Augas de Galicia emite informe favorable, no que indica que en todas as afeccións aéreas aos leitos nos concellos de Aranga e Curtis supérase a altura mínima da liña sobre o leito. Os apoios sitúanse fóra das zonas de servidume. No concello de Curtis existen tres afeccións por cruzamento soterrado baixo o leito, mediante gabia de polo menos 1,5 m de altura entre os conductores e o leito.
Non existe polo tanto, desde o punto de vista da afección ao dominio público hidráulico, inconveniente para a súa realización, sempre que se teña en conta que o cruzamento de liñas eléctricas sobre leitos require da autorización expresa de Augas de Galicia, que deberá ser solicitada polo promotor das obras segundo o establecido no artigo 127 do Regulamento do dominio público hidráulico.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL