Diario Oficial de Galicia, 28-09-2004, Núm. 189, Páx. 13227
Resolución do 16 de setembro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 11 de agosto de 2004, relativa ao proxecto de trazado do acondicionamento da estrada Quiroga-Seoane do Courel. Treito: Quiroga-Folgoso, nos concellos de Quiroga e Folgoso do Courel (LU/01/087.01).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 11 de agosto de 2004, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de trazado do acondicionamento da estrada Quiroga-Seoane do Courel. Treito: Quiroga-Folgoso, nos concellos de Quiroga e Folgoso do Courel (LU/01/087.01), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2004.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas
Declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 11 de agosto de 2004, relativa ao proxecto de trazado do acondicionamento da estrada Quiroga-Seoane do Courel. Treito: Quiroga-Folgoso nos concellos de Quiroga e Folgoso do Courel. (LU/01/087.01), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave: 2004/0201.
A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 17 de decembro de 2003 aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental do acondicionamento da estrada Quiroga-Seoane do Courel. Treito: Quiroga-Folgoso, nos concellos de Quiroga e Folgoso do Courel (Lugo).
A finalidade deste proxecto é o acondicionamento da estrada LU-651, mediante a modificación das características xeométricas do trazado existente, con actuacións tendentes a mellorar os tempos de percorrido, a seguridade vial e, se é posible, o nivel de servizo.
No anexo I resúmese o contido do proxecto de trazado e no anexo II resúmense as medidas correctoras propostas no estudo de impacto ambiental (EsIA).
Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data de publicación no Diario Oficial de Galicia nº 43, do 2 de marzo de 2003, publícase a Resolución do 23 de febreiro de 2003, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental do acondicionamento da estrada Quiroga-Seoane do Courel. Treito: Quiroga-Folgoso.
Con data do 2 de agosto de 2004 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen os certificados de exposición ao público do Servizo Provincial de Estradas de Lugo, da Dirección Xeral de Obras Públicas e dos concellos de Quiroga e Folgoso de Courel, copia das alegacións presentadas neste período, e os informes de Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, e das direccións xerais de Saúde Pública, Conservación da Natureza e Patrimonio Cultural.
Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, de 22 de novembro, formula para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental acondicionamento da estrada Quiroga-Seoane do Courel. Treito: Quiroga-Folgoso, nos concellos de Quiroga e Folgoso do Courel (Lugo), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das citadas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os únicos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan alcanzar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A. Ámbito da declaración.
Esta declaración de impacto ambiental refírese ás obras proxectadas no proxecto de trazado acondicionamento da estrada Quiroga-Seoane do Courel. Treito: Quiroga-Folgoso, nos concellos de Quiroga e Folgoso do Courel (Lugo), na configuración correspondente ao plano nº 4 planta e perfil do p.k. 0 ao p.k. 21610 recollido no estudo ambiental do antedito proxecto.
B. Condicións xerais.
B.1) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Localizaranse as zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.
2. Ademais, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nos formigonados un sistema de recollida, condución e sedimentación da auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.
3. Definiranse as vías auxiliares que se van utilizar no proceso construtivo, primando o uso da traza fronte ás vías locais preexistentes e, de ambos, fronte á apertura de novas vías.
4. Redactarase un programa de vixilancia ambiental co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
Co obxecto de conseguir a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, nomearase un responsable desta.
O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá recoller os labores de restauración e revexetación.
As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas; polo tanto, realizaranse naqueles momentos nos que poida existir unha afección sobre os aspectos que se van controlar.
As tomas de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán vir acompañadas de informe asinado polo técnico competente.
Incorporarase nos informes copia da documentación acreditativa da obtención dos permisos que sexa necesario requirir.
B.2) Fase de replanteo.
1. Procederase ao balizamento, ou, se é o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto, basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles.
B.3) Fase de obras e explotación.
1. Co fin de evitar posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de obras debido á acción da maquinaria e aos movementos de terra, aplicaranse medidas correctoras e minimizadoras consistentes na realización de regas de camiños e zonas de obra. Así mesmo, procederase ao recubrimento cun toldo impermeable dos camións que transporten material e ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Quiroga e Folgoso do Courel.
3. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Confederación Hidrográfica do Norte. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.
4. Prohíbese verter nos propios leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción.
5. Ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se encontren situadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente á finalización daquelas.
6. Non estando definida, no estudo presentado, a reserva dunha zona para a fabricación de formigón ou aglomerado asfáltico, estes serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.
7. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na obra; no caso de que isto non sexa posible serán entregados a xestor autorizado.
8. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas.
9. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se van usar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
10. A xestión das terras vexetais que se van utilizar na restauración das zonas degradadas e retiradas previamente ao proceso de movemento de terras, realizarase conforme as prácticas habituais. No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado, procederase a realizar labores de mantemento consistentes en regas e remocións periódicas, achegas de fertilizantes minerais e sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6 % de materia orgánica.
11. No caso de ter que realizar tarefas de mantemento e reparación da maquinaria non apta para circular por estrada na zona de obras, protexerase o solo con materiais impermeables e dispoñeranse os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.
12. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou a reutilización fronte á vertedura.
Estes residuos almacenaranse en contedores, que estarán situados nas zonas de instalacións auxiliares ás obras e á explotación, ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa situación.
Ao finalizar as obras e antes do inicio da fase de explotación, deberanse ter retirado e xestionado adecuadamente a totalidade dos residuos de obra.
13. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra e, se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os cepos; sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. Así, a corta de vexetación cinguirase á estritamente necesaria para a execución da obra, e co fin de evitar a deterioración así como calquera influencia negativa sobre os hábitats fluviais, protexendo en todo momento a vexetación de ribeira.
14. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo.
15. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa estabilización e revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de seren precisas, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser a extensión de mantas de fibras naturais.
16. Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación.
17. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
18. Realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede hidrolóxica, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos.
19. No caso de que como resultado de levar a cabo o Programa de vixilancia ambiental se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se manifesta a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
20. No caso de producirse ou demostrarse algún imprevisto que ocasione unha afección ao medio natural, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para paliar a dita afección, e o servizo provincial correspondente será quen decidirá sobre a conveniencia da solución que se vai adoptar, así como as actuacións precisas para corrixir os efectos provocados. Así mesmo, calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural requirirá o seu informe correspondente.
C. Condicións específicas.
C.1) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Redactarase unha memoria en que se detalle:
No paso do trazado polo núcleo de Folgoso, no contorno da igrexa parroquial, o acondicionamento dos terrapléns orixinados coa obra, tanto da marxe esquerda como, en especial, o da marxe dereita, así como o espazo residual entre a estrada e o muro do adro parroquial, garantido, en todo momento, a conservación deste muro.
A desmontaxe e o traslado no mesmo contorno, das Alvarizas da Granxa (elemento 31).
A restitución do camiño tradicional do Teso da Rebola (elemento 30).
Esta memoria deberá incluír o control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, para o que se redactará un proxecto de control e seguimento arqueolóxico que deberá ser presentado e aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Ademais, para asegurar a conservación dos bens de patrimonio cultural desenvolveranse as medidas correctoras incluídas na memoria técnica do EsIA, especialmente no relativo á intervención arqueolóxica do p.k. 2+140 ao 2+600, no lugar coñecido como A Gándara Chá, na caseta do Alto do Boi e na caseta de Riba de Vidallón, nas cales se valorou a existencia dun impacto severo.
Calquera modificación do proxecto de trazado obxecto desta DIA terá que ser comunicada, coa maior brevidade posible, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
2. No caso de afectar a fontes e/ou captacións de auga existentes no ámbito da traza, estableceranse as medidas precisas para procurar manter o seus usos actuais.
3. No caso das estruturas de paso sobre a rede fluvial configuradas como obras de fábrica, asegurarase no seu deseño o feito de que non se coloque ningún piar dentro dos leitos e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado daqueles.
4. No deseño das restantes obras de drenaxe transversal c onsideraranse as actuacións de adaptación daquelas ao paso da fauna a través delas, consignadas no EsIA. O deseño destas infraestruturas debe garantir que non se xeran, no punto de paso, láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, ademais de minimizar a lonxitude do paso o máximo posible.
5. Incluirase, así mesmo, o Programa de vixilancia ambiental consignado no EsIA incorporando os cambios derivados desta DIA e modificando o proceso de control e seguimento da contaminación acústica que, ademais de desenvolverse ao longo da explotación da vía, se deberá realizar tamén durante as obras; deben constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites que se van impoñer.
Co fin de realizar o adecuado seguimento ambiental, xunto co Programa de vixilancia ambiental deberá incluírse a seguinte información:
Plano a escala 1/5.000 onde se reflicta o trazado definitivo. Completarase a representación gráfica cunha explicación escrita das modificacións efectuadas respecto do trazado definido no proxecto de trazado.
Plano a escala 1/5.000 ou maior detalle onde se reflicta a localización das zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais e de sobrantes de movementos de terra, almacenamento de residuos, etcétera. Incluirase, no caso de amoreamentos de sobrantes, información sobre os tratamentos de integración visual que se van desenvolver.
Memoria e planos descritivos do equipamento das instalacións auxiliares de acordo co establecido no punto B.1.2 desta DIA.
Plano a escala 1/5.000 ou maior detalle onde se reflicta a localización das vías auxiliares que se van utilizar no proceso construtivo, tal e como sinala o punto B.1.3 desta DIA.
Planos xustificativos da localización de piares e estribos de obras de fábrica para o paso sobre a rede fluvial, de ser o caso, tal e como sinala o punto C.1.3 desta DIA.
Planos das obras de drenaxe proxectadas e xustificación da súa adecuación ao paso da fauna de pequeno tamaño, tal e como sinala o punto C.1.4 desta DIA.
Proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espazos alterados polas obras consignado no EsIA, modificando as especies que se van implantar nas áreas de descanso e miradoiros, no sentido de eliminar as plantacións de Ulex europaeus e, ao mesmo tempo, engadir plantacións de Castanea sativa. Así mesmo, definirase unha restauración integradora dos terrapléns do p.k. 20+960 al 21+000, en relación á igrexa e cemiterio de Sta. María de Folgoso tendo en conta o indicado no punto C.1.1.
C.2) Fase de replanteo.
1. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto deberá dispoñerse da autorización emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos.
2. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico, deberá dispor das autorizacións oportunas emitidas pola Confederación Hidrográfica do Norte.
3. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo que se procederá ao balizamento ou sinalización adecuada dos tramos da totalidade dos cursos fluviais afectados (regos de Carrozo da Viña, de Carballido, de Redomas, de Murias, de Rodelín, de Redeirexa, de Lastras; regueiros do Inferno, Seco, de Polancas, de Paradelas; Carrozo da Armada e Regueiral), co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puidesen supor a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.
C.3) Fase de obras.
1. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases de obra, ou no caso de que aparezan novos elementos non detectados ata o momento, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras que se consideren máis adecuadas. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
Todas as actuacións arqueolóxicas terán que ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo co proxecto autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ao financiamento do proxecto.
Informarase o equipo de control e seguimento arqueolóxico da localización das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar a elementos do patrimonio cultural, deberáselle comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural coa maior brevidade posible.

2. Desenvolveranse labores de integración paisaxística vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.
3. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o Programa de vixilancia ambiental ao que se fai referencia no punto B.1.4 para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan:
a) Trimestralmente:
Cronograma actualizado das obras.
Memoria do seguimento realizado de acordo co Programa de vixilancia ambiental que cumpra cos condicionantes desta DIA. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora.
Representación en plano dos avances dos traballos e a porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman.
b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do Programa de vixilancia ambiental que reflita o cumprimento de todas as medidas correctoras recollidas no estudo así como as impostas pola DIA, en concreto:
Informe no cal se reflita o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras respecto do proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto anterior. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, e deben ir acompañadas dun plano de localización.
Resultados dun plano de seguimento dos ruídos, realizando medidas acústicas nos puntos indicados no Programa de vixilancia ambiental.
Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.
A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.
C.4) Fase de explotación.
A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o Programa de vixilancia ambiental a que se refire o punto B.1.4 desta DIA para esta fase e elaborará anualmente unha memoria resumo do seguimento realizado, no cal se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. Incluirá unha reportaxe fotográfica onde se reflita a integración paisaxística da actuación, indicando a data e hora de toma, así como a localización dos puntos de toma das fotografías nun plano.
Igualmente, incluiranse os resultados dun plano de seguimento dos ruídos, realizando medidas acústicas nos puntos indicados no Programa de vixilancia ambiental que se vai desenvolver de acordo co EsIA e os condicionantes desta DIA.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2004.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I: Resumo do proxecto
Descrición do trazado.
Os parámetros de dimensionamento adoptados, tendo en conta o tráfico ao que serve a estrada, a rede primaria complementaria, e o tipo de relevo accidentado e moi accidentado, recóllense na seguinte táboa:
Velocidade mínima de proxecto:60 km/h.
Sección transversal tipo:7/9 m.
Raio mínimo:50 m.
Rampla máxima:10%.
Kv. convexo (mínimo):694.
Kv. cóncavo (mínimo):971.
Categoría de tráfico:T32.
Tipo de explanada:E-2.
O valor do raio mínimo non cumpre o valor proposto pola Subdirección Xeral de Estradas de 85 m, pola tipoloxía do relevo que obrigaría a executar grandes muros, aumentaría a pendente en xeral, ou faría que o paso polo porto do Alto do Boi tivese fortes desmontes cun impacto ambiental negativo.
Proxéctase unha variante longa desde o p.k. 1+200 ao 1+800 entre San Vitorio e A Ermida, para mellorar o trazado en planta e en alzado, e desde o p.k. 2+100 ao 3+100 para mellora fundamental do trazado en planta.
O desenvolvemento do trazado é de 21.610 m, os raios mínimos adoptados son de 50 m, e as pendentes máximas do 9,52% no Alto do Boi. Os peraltes considerados correspóndense cos indicados na norma de trazado 3.1-IC, sendo o máximo do 7% e bombeo do 2%.
A sección transversal tipo é a seguinte:
Carrís: 2 de 3,50 m = 7.00 m.
Beiravías: 2 de 1,00 m = 2.00 m.
Segundo proxecto obtéñense os seguintes volumes de desmonte e de terraplén.
Desmonte: 757.966 m.
Terraplén en traza: 646.388 m.
Desmonte sobrante (incluída a terra e terra vexetal): 115.578 m.
A composición do firme proxectado é:
25 cm de saburra artificial.
10 cm de macádam bituminoso por penetración de ligantes fluídos.
6 cm de mestura asfáltica en quente grosa, tipo G-20.
5 cm de mestura asfáltica en quente semidensa, tipo S-12.
Considéranse no proxecto as obras de drenaxe transversal de valgadas interceptadas de certa entidade, nos seguintes p.k.:
p.k. 1+800 Regato de Regueiral, marco de 4x3.
p.k. 6+080 Regueiro de Paradelas, marco de 3x2.
p.k. 13+840 Regato do Inferno, marco de 2x1.50.
p.k. 16+820 Regato de Santa Eufemia, marco de 3x2,50.
p.k. 17+780 Regato de Redomas, marco de 2x1,50.
p.k. 20+400 Rego de Carballido, marco de 4x3.
No resto das valgadas interceptadas, proxéctanse tubos de formigón armado de diámetros 150 e 180 cm en función da súa lonxitude.
Para o desaugamento de foxos, proxéctanse tubos colectores de diámetros 60 e 80 cm, cando as lonxitudes exceden da capacidade de transporte dos foxos proxectados.
No tocante á drenaxe lonxitudinal, inclúense no proxecto os foxos revestidos en terra para pendentes menores do 1% e maiores do 4%, os pasos salvafoxos así como a drenaxe subterránea.
ANEXO II - Resumo de medidas correctoras
Expóñense a continuación, descompostas por variables ambientais e aspectos asociados ao proxecto, aqueles aspectos ou operacións para os que se propoñen medidas de corrección:
Atmosfera.
Realizaranse regas con auga para estabilización, control das emisións gasosas e cubrición de transportes.
Niveis sonoros.
Control de operacións de carga e descarga, movementos da maquinaria e do persoal de obra e control de voaduras.
Solos e ocupacións.
Balizamento da zona de obra, das instalacións auxiliares, realización dun plano viario previo ao inicio das obras, amoreamento de terra vexetal e rexeneración de solos.
Xestión de residuos.
Recollida de residuos asimilables a urbanos, recollida e xestión de aceites, lubricantes usados e outros residuos perigosos xerados por maquinaria e actividades de obra e evacuación de augas sanitarias.
Erosión e inestabilidade.
Replanteo, control de amoreamentos de préstamos e da localización de sobrantes.
Calidade das augas.
Sistemas de protección, coidados en operacións de obra e manexo de materiais de risco e protección fronte aos movementos de terras.
Fauna.
Replanteo, control da localización de instalacións auxiliares, parque de maquinaria e zonas de amoreamento e almacenamento.
Realización de estruturas de paso para a fauna terrestre.
Vexetación e paisaxe: proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico.
O acondicionamento paisaxístico das obras de acondicionamento da estrada LU-651 de Quiroga a Seoane do Courel, treiro: Quiroga-Folgoso, realizarase mediante a execución do proxecto de restauración deseñado para o efecto, cos principais obxectivos de conseguir a revexetación de superficies, a integración paisaxística da estrada no contorno que atravesa, en especial no Espazo Natural Ancares O Courel, e a corrección e/ou minimización dos posibles impactos inducidos por ela.
Patrimonio.
Medidas correctoras puntuais para os distintos elementos estudados durante a prospección e que se reflitan na memoria técnica.
Como medida xenérica realizarase un control e seguimento arqueolóxico dos movementos de terras durante a fase de construción.
Medio socioeconómico.
Correcta sinalización de aviso de obras e da vía alternativa, de forma que sexa posible evitar trastornos na circulación xerados polas actividades construtivas e a presenza de maquinaria pesada, durante a fase de construción.
Utilización preferente da man de obra local.
Utilización preferente dos recursos materiais ofrecidos polo medio inmediato á obra.
Utilización preferente dos materiais de construción manufacturados no contorno comarcal.
Establecemento de mecanismos deseñados para informar os habitantes dos concellos afectados polas obras de natureza das obras, alcance, obxectivos, etcétera.
Maximizar a realización dos traballos de movementos de terra e transporte de materiais en condicións atmosféricas favorables, evitando traballar con ventos fortes durante períodos secos, para evitar afecciones nas vías respiratorias, perda de valor das colleitas e calidade estética do contorno.
Regas mediante mangueiras e/ou camións-cuba, das zonas afectadas polos movementos de terra, prestando especial interese ás zonas de carga e descarga das terras e outros materiais que poidan provocar emisións de po.
Maximizar o recubrimento das materias que se van transportar mediante lonas, transportes cerrados ou outros métodos principalmente cando o traxecto se realice nas proximidades de zonas habitadas e/ou cando o transporte do material traspase os límites da superficie de execución.
Restauración da vía rural utilizada no marco das obras.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL