Diario Oficial de Galicia, 01-08-2006, Núm. 147, Páx. 12187
Resolución do 15 de xuño de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Pousadoiro-Fonseca, nos concellos de Riotorto, A Pontenova e A Pastoriza (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (Expediente 043-EOL).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 24 de maio de 2006, relativa ao proxecto do Parque Eólico Pousadoiro-Fonseca, nos concellos de Riotorto, A Pontenova e A Pastoriza (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2006.
Anxo Ramón Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 24 de maio de 2006, relativa ao proxecto do Parque Eólico Pousadoiro-Fonseca, nos concellos de Riotorto, A Pontenova e A Pastoriza (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (clave: 2005/0445).
Antecedentes.
O proxecto do Parque Eólico Pousadoiro-Fonseca, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A., consiste na execución dun parque eólico de 49,5 MW de potencia total constituído por 42 aeroxeradores (30 de 850 kW de potencia nominal unitaria e 12 de 2 MW), que se instalarán nos concellos de Riotorto, A Pontenova e A Pastoriza (Lugo).
Na Resolución do 6 de maio de 2004 da entón Consellería de Innovación, Industria e Comercio, pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2004, incluíuse unha fase (denominada fase I) do devandito parque eólico, outorgándolle unha potencia de 23,5 MW.
Polo anterior, o promotor divide o proxecto en dúas fases de execución, a primeira de 12 aeroxeradores (as máquinas G-87 de 2 MW que se instalarán na zona denominada Pousadoiro) e a segunda cos 30 restantes (os do modelo G-58 de 850 kW da zona de Fonseca). Non obstante, o estudo de impacto ambiental presentado perante a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo para a tramitación do proxecto comprende a totalidade do parque, especificando na epígrafe de descrición do proxecto as instalacións que corresponden a cada unha das dúas fases de construción.
No anexo I resúmense as principais características do parque eólico e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
Dentro do procedemento de autorización administrativa do parque eólico considerouse o proxecto, que está previsto no anexo II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
Mediante Resolución do 13 de maio de 2005, da Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo (publicada no DOG nº 99, do 25 de maio), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial das instalacións que comprende a fase I do referido parque eólico, xunto co estudo de impacto ambiental da totalidade das instalacións que o compoñen, non constando a presentación de alegacións de carácter ambiental durante o período de exposición pública.
O 23 de novembro de 2005 recíbese nesta consellería o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, que contén os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas e Turismo, ademais dos emitidos pola Confederación Hidrográfica do Norte e as delegacións provinciais de Lugo das consellerías de Sanidade e de Innovación e Industria.
Xunto co expediente recíbese un exemplar da documentación ambiental complementaria ao E.I.A. do P.E. Pousadoiro. Maio 2005, elaborada polo promotor para dar resposta ao informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e que orixinou un segundo informe por parte da dita dirección xeral.
O 20 de decembro de 2005, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas completa o expediente cun exemplar do documento novos planos da avaliación de impacto arqueolóxico. Novembro 2004, que o promotor presentara en resposta ao informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e que deu lugar a un segundo informe por parte da dita dirección xeral, e outro da emenda de documentación ambiental complementaria ao E.I.A. do P.E. Pousadoiro. Outubro 2005, presentado polo promotor para dar resposta ao segundo informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza a que se fai referencia no parágrafo anterior.
O informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (o terceiro) sobre esta última documentación, xunto cun escrito de conformidade do promotor ao seu contido teñen entrada, a través do órgano substantivo, o 10 de marzo de 2006.
O 16 de maio de 2006 recíbese un escrito aclaratorio do promotor en relación cos vértices da poligonal do parque e coa potencia total de cada unha das fases de execución.
Finalizada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do Parque Eólico Pousadoiro-Fonseca, nos concellos de Riotorto, A Pontenova e A Pastoriza (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A.
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionamentos adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais desto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, e achegará documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, e non poderá comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese ao proxecto do Parque Eólico Pousadoiro-Fonseca tal e como vén descrito no estudo de impacto ambiental, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 49,5 MW de potencia total nos concellos de Riotorto, A Pontenova e A Pastoriza (Lugo), constituído por un total de 42 aeroxeradores (12 G-87 de 2 MW de potencia nominal unitaria e 30 G-58 de 850 kW).
Está previsto executar o parque en dúas fases, a fase I de 12 aeroxeradores (os do modelo G-87 que se instalarán na zona denominada Pousadoiro, numerados do A-31 ao A-42), e a fase II, constituída polos 30 aeroxeradores restantes, que se correponden cos do modelo G-58, que se instalarán na zona denominada Fonseca e numerados do A-1 ao A-30.
As poligonais que delimitan cada unha das dúas fases están definidas polas seguintes coordenadas UTM:
Zona Pousadoiro (Fase I)
Vértice UTM X UTM Y
1 641.949,462 4.799.000,000
2 642.364,333 4.799.000,000
3 642.431,000 4.798.909,000
4 641.911,000 4.798.489,000
5 641.827,733 4.797.693,069
6 642.001,000 4.797.000,000
7 642.625,090 4.797.468,060
8 642.574,976 4.797.770,147
9 643.047,000 4.797.920,000
10 645.001,000 4.798.346,402
11 645.001,000 4.797.500,000
12 644.001,000 4.797.500,000
13 642.992,500 4.797.000,000
14 642.851,00 4.796.781,000
15 642.056,557 4.795.798,695
16 641.501,000 4.795.493,380
17 641.501,000 4.794.500,000
18 642.001,000 4.794.000,000
19 641.001,000 4.793.250,000
20 642.000,000 4.793.007,500
21 641.501,000 4.792.500,000
22 641.019,645 4.792.500,000
23 640.001,000 4.792.198,010
24 640.001,000 4.792.880,345
25 640.405,985 4.793.041,169
26 640.501,000 4.793.410,000
27 640.501,000 4.795.000,000
28 641.001,000 4.796.000,000
29 641.501,000 4.796.500,000
30 641.251,000 4.797.000,000
31 641.251,000 4.798.000,000
32 641.406,797 4.798.623,188
Zona Fonseca (Fase II)
Vértice UTM X UTM Y
1 644.001,000 4.795.000,000
2 645.001,000 4.796.002,211
3 645.001,000 4.795.460,159
4 644.501,850 4.795.001,700
5 644.501,000 4.794.000,000
6 643.751,000 4.793.000,000
7 643.751,000 4.792.000,000
8 642.892,480 4.791.141,480
9 642.459,280 4.791.458,280
10 643.000,000 4.792.007,500
11 643.000,000 4.792.992,500
12 643.401,000 4.794.000,000
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle nos planos Planta Xeral. Infraestruturas. Planos P-03 e F-03 e sistema colector. Planos P-17 e F-17 do estudo de impacto ambiental.
Así mesmo, se como resultado do procedemento de autorización substantiva da fase II fose necesario introducir algunha modificación significativa para efectos ambientais nas infraestruturas ou instalacións da dita fase respecto do establecido nesta DIA, será preciso o informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
2.1.1. Sobre o po.
1. Co fin de minimizar a emision de po á atmosfera durante a fase de obras, nos períodos de seca procederase á humectación das vías e das zonas onde se estean a realizar escavacións ou movementos de terras.
2. Os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Asemade, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2.1.2. Sobre o ruído.
Os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque eólico non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, de ser o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.
2. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de vías, gabias de cableado...) así como calquera captación ou vertedura se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, neste caso a Confederación Hidrográfica do Norte, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
3. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que na rede viaria do parque deberán dispoñerse as estruturas de drenaxe transversal necesarias, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
A achega das augas de drenaxe cara á rede hidrográfica deberá ser gradual, polo que á saída das drenaxes transversais e nos puntos onde a auga das foxos se incorpore ao terreo, así como nos tramos de foxo en zonas de elevada pendente, disporanse sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, levando a cabo os oportunos labores de mantemento e adoptando as medidas correctoras oportunas no caso de producírense os citados fenómenos. Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento hidrolóxico proposto no estudo ambiental.
4. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, charcas temporais ou permanentes e zonas hidromorfas, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.
5. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas.
6. Cando se realicen obras en zonas de pendente elevada, disporanse mallas antiescorrega ou calquera outra medida apropiada para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.
7. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial.
8. Non está permitido o lavado de maquinaria e útiles nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental.
2.3. Protección do solo.
1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, e está prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
2. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.
3. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
4. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona salvo xustificación previa, en caso de facelos seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao finalizar a obra.
5. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.4. Protección da fauna e da vexetación.
2.4.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído na documentación avaliada, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. Respecto á avifauna e os morcegos, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores.
Para tal fin, levaranse a cabo os plans de seguimento de avifauna e quirópteros propostos na documentación avaliada, coas particularidades sinaladas nos puntos 3.3.2 e 3.6.2 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre as ditas poboacións, adoptaranse as medidas correctoras necesarias para corrixir a dita situación, incluíndo a parada dos aeroxeradores se é o caso.
2.4.2. Sobre a vexetación.
1. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas. En todo caso, calquera actuación de carácter inevitable levará asociada a restitución íntegra do espazo afectado coa maior brevidade posible. Así mesmo, previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións.
2. Non se poderán afectar formacións distintas ás reseñadas na documentación avaliada sen antes facer a correspondente consulta, evitando especialmente calquera afección sobre formacións arbóreas autóctonas e ecosistemas intimamente ligados á auga (turbeiras, vexetación ripícola, sistemas lacustres...).
3. Previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
4. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase a súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.5. Sobre a integración paisaxística.
1. Se na zona existisen afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.
2. Adoptaranse medidas que maximicen a integración paisaxística da subestación transformadora e do edificio de control. A súa tipoloxía construtiva harmonizará coa tradicional da zona e a cor da pintura de exteriores será acorde co contorno e de acabado mate.
3. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o proxecto de restauración incluído no estudo de impacto ambiental, coas condicións sinaladas no punto 3.2 da DIA.
4. Os labores de restauración e revexetación realizaranse, sempre que sexa posible, paralelamente ao avance da obra, conforme as distintas superficies que se restauren alcancen o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr unha meirande integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.
5. Deberá realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración en todas as fases, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras ou plantacións efectuadas. Incrementarase a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación, levando a cabo medidas adicionais de restauración se o éxito desta non é o axeitado.
2.6. Sobre o Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionamento da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes cos novos problemas xurdidos.
Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto no estudo de impacto ambiental, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos desta declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, que o comunicará ao órgano ambiental.
- Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
- Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, a quen lle corresponde o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionamento da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, de ser o caso, do responsable do control do seguimento ambiental.
- No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os umbrais establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
Levaranse a cabo as medidas correctoras recollidas na memoria de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto, aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:
- Para evitar posibles afeccións establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico, cun radio de 200 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
- Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, previamente ao inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o seu transcurso, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
- En relación co impacto do proxecto sobre o xacigo Aira Vella (GA27048018), deberán levarse a cabo as seguintes medidas correctoras:
* Evitarase o tránsito de maquinaria pesada polas proximidades do elemento.
* Prohíbese o uso do Camiño Real, que atravesa o núcleo de Xudán, para o tránsito de maquinaria pesada.
- En relación co impacto sobre o xacigo As Coroas (GA27048008), levaranse a cabo as seguintes medidas correctoras:

* Prohíbese o uso da pista asfaltada que vai a Eirexúa como vía de acceso ao alto do Picato para tránsito de maquinaria pesada.
- No referente á liña de evacuación de enerxía, que foi obxecto da Decisión do 6 de xullo de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sobre a necesidade ou non de avaliación de impacto ambiental, hai que lembrar que se deberá dar cumprimento ao sinalado no artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e teranse que adoptar a totalidade das medidas que a Direción Xeral de Patrimonio Cultural estableza.
- Baseándose aos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
- Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Sobre a integración paisaxística.
1. En relación co plan de restauración presentado, teranse en conta as seguintes consideracións:
- As áreas obxecto de restauración e revexetación incluirán todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras: marxes das vías, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, contorno da subestación e do edificio de control, zonas de instalacións de obra... As plataformas de montaxe dos aeroxeradores deberán ser revexetadas na súa totalidade, podendo deixar un camiño de acceso á porta do aeroxerador para os vehículos de mantemento.
- Nas superficies que se revexeten estenderase unha capa de terra vexetal duns 15 cm de espesura. De precisar achegas externas de terra vexetal por non ser suficiente a retirada previamente á execución das obras, hai que indicar que non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio, e que calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada. As ditas achegas externas deben estar previstos no orzamento da restauración. Así mesmo, será admisible o uso de solos reciclados obtidos de acordo coa Instrucción técnica de residuos ITR/01.0/05, do 29 de xuño, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á elaboración de solos reciclados a partir de residuos.
- No que respecta á sementeira, nas zonas en que se empregue mestura de herbáceas e arbustivas a dose será como mínimo de 30 gr/m (300 kg/ha) e a proporción de cada grupo de especies na mestura axustarase, con carácter xeral, ás seguintes porcentaxes: 70% para o conxunto de gramíneas, 15% para as leguminosas e 15% para as arbustivas. Todas as especies serán autóctonas e existentes na zona.
2. Co fin de mellorar a integración paisaxística do parque eólico e evitar a proliferación de pistas na zona, procederase á restauración daqueles tramos de vía que queden duplicados ou fóra de servizo tras a execución da rede viaria do parque. A non adopción desta medida nalgún tramo concreto deberá xustificarase debidamente, tendo que dispoñer o promotor dunha ratificación por escrito da existencia de limitacións por parte dos seus propietarios.
Os tramos afectados pola dita medida serán os sinalados nos planos localización vías mortas da Documentación ambiental complementaria ao E.I.A. do P.E. Pousadoiro. Maio 2005 e as actuacións que se realizarán serán as descritas na Emenda de documentación ambiental complementaria ao E.I.A. do P.E. Pousadoiro. Outubro 2005. Para o non previsto no antedito documento, observarase o recollido no proxecto de restauración incluído no estudo ambiental e o sinalado nos puntos 2.5 e 3.2.1 da DIA.
3.3. Fase previa ao inicio das obras
1. Levarase a cabo a campaña preoperacional relativa ao plan de control da calidade das augas, de acordo co previsto no correspondente anexo do estudo ambiental. Os resultados da dita campaña incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto os de obra como os de funcionamento se é o caso, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
2. Tendo en conta que entre as aves rapaces cuxa presenza foi detectada na área do parque atópase a tartaraña cincenta (Circus pygargus), que nidifica no solo en ambientes de matogueira e polo tanto é susceptible de verse afectada polas obras, levaranse a cabo as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección das infraestruturas e instalacións do parque.
No caso de detectarse a súa nidificación na zona afectada polas obras, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, incluíndo o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de radio en torno ao niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona do parque) e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán ao máximo posible as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.
3. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 1% do orzamento do proxecto. A dita proposta poderá ser revisada se o promotor presenta un novo orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras que teña en conta as consideracións sinaladas no punto 3.2.1, lembrando que incluirá tamén a restauración de vías sen servizo a que se fai referencia no punto 3.2.2.
Por outra banda, poderase propoñer un aval para cada unha das dúas fases en que se dividiu o proxecto se o dito orzamento se presenta correctamente individualizado para cada fase. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo isto no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval ambiental segundo o citado Decreto 455/1996.
3.4. Fases de replanteo e de obra.
1. O promotor comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de construción do parque.
2. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído que figura no estudo ambiental, nesta fase poderase efectuar unha medición en cada punto de control proposto no momento no que se estean executando obras preto del, e non con carácter trimestral en todos os puntos como se desprende do plan presentado. Nos resultados das medicións que hai que presentar nos informes de seguimento ambiental deberá figurar, sen detrimento dos percentís L90, L50 e L10, o parámetro Leq.
3. O mesmo será de aplicación para o plan de seguimento da calidade das augas, estimándose suficiente tomar mostras cando se estean executando obras na área de influencia de cada punto de control seleccionado, e non con carácter mensual ao longo das obras como se sinala no plan presentado.
4. Prestarase especial atención ao desenvolvemento do Plan de vixilancia de avifauna nesta fase, tendo en conta a presenza na zona de aves rapaces que nidifican no solo, de acordo co sinalado no punto 3.3.2 da DIA.
5. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental o que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do Plan de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas e funcionamento da rede de drenaxe, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.3 e 2.2.8 da DIA.
c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e, se é o caso, de quirópteros.
d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación con todos os aspectos previstos nela.
e) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación con todos os compoñentes do proxecto. Xuntaráselle de reportaxe fotográfica (con indicación da data e a hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no cal se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
3.5. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do indicado no estudo ambiental e no condicionamento desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación con todos os aspectos previstos no estudo ambiental e no condicionamento da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, a subestación e o edificio de control, estado das vías, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, xuntándolles un plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no cal se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
3.6. Fase de funcionamento.
1. O promotor comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación.
2. Tendo en conta que entre a avifauna cuxa presenza foi detectada na área do parque figuran varias especies de aves rapaces (miñato abelleiro Pernis apivorus, aguia cobreira Circaetus gallicus, tartaraña cincenta Circus pygargus, aguia calzada Hieraaetus pennatus...), o desenvolvemento do Plan de seguimento de avifauna será especialmente exhaustivo no relativo a este grupo de aves, moitas de cuxas especies teñen figuras legais de protección (Directiva aves 79/409/CEE e actualizacións posteriores, Catálogo nacional de especies ameazadas -Real decreto 439/1990 e posteriores modificacións-, novo anexo II da Lei 4/1989) ou figuran en diversos catálogos e publicacións (Catálogo provisional de aves nidificantes ameazadas en Galicia, Libro vermello das Aves de España) que poñen de manifesto a importancia da súa conservación.
En relación co mencionado Plan de seguimento de avifauna, terase en conta que en cada visita mensual para a detección de aves mortas por colisión revisarase como mínimo un 30% dos aeroxeradores instalados.
Así mesmo, o radio a inspeccionar baixo os aeroxeradores do modelo G-87 (zona de Pousadoiro) aumentarase ata os 70-80 m, xa que o proposto sería insuficiente para as dimensións do rotor deste modelo. As mesmas consideracións observaranse no desenvolvemento do Plan de seguimento de quirópteros.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor remitirá ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo:
a) Resultados do Plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, do seguimento da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.3 e 2.2.8 da DIA.
c) Resultados dos plans de seguimento de avifauna e quirópteros, tendo en conta o sinalado no punto 3.6.2.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, en que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e xuntaráselles un plano de localización.
En vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben a solicitude motivada do promotor, poderase revisar o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realizarán en anos posteriores.
3.7. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitirá ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, prevendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e a subestación, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Xunto con esta documentación presentarase o cronograma estimado de ditas actuacións.
3.8. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior.
3.9. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntaráselle de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2006.
Joaquín Lucas Buergo del Río.
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I - Resumo do proxecto
O proxecto do Parque Eólico Pousadoiro-Fonseca, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 42 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalarán nos concellos de Riotorto, A Pontenova e A Pastoriza (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse entre as serras do Pousadoiro e de Fonseca, dentro dos polígonos definidos polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
Por cuestións de limitación da potencia anual que se instalarán, o promotor dividiu o proxecto en dúas fases de execución, a primeira con 12 aeroxeradores G-87 e 24 MW de potencia total e a segunda cos 30 restantes, do modelo G-58, que supoñen outros 25,5 MW máis.
As características básicas do proxecto, considerando as dúas fases, son as seguintes:
* Número de aeroxeradores: 42.
* Modelos: Gamesa G-58 e Gamesa G-87.
* Potencia nominal unitaria: 850 kW (G-58, 30 unidades) e 2 MW (G-87, 12 unidades).
* Potencia total instalada: 49,5 MW.
* Altura de torre: 55 m (G-58), 78 m (G-87).
* Diámetro de rotor: 58 m (G-58), 86,6 m (G-87).
O proxecto prevé así mesmo a construción dunha subestación transformadora 20/132 kV cun edificio de control anexo, que albergará os equipos de control e mando, a sala de celas eléctricas, un almacén, un despacho, os vestiarios e un aseo dotado de fosa séptica para o tratamento das augas residuais. As ditas instalacións construiranse xunto coa primeira fase do parque, na zona de Pousadoiro. A liña de evacuación da enerxía producida no parque, a 132 kV, foi obxecto da Decisión do 6 de xullo de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sobre a necesidade ou non de avaliación de impacto ambiental.
A obra civil prevé a execución duns 7.292 m de vías de acceso e de servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento duns 5.864 m de camiños existentes, cunha largura de rodadura de 6 m na zona de Pousadoiro (aeroxeradores de 2 MW) e de 5 m na zona de Fonseca (aeroxeradores de 850 kW). Estarán dotados de foxos e drenaxes transversais para a evacuación de augas pluviais, non puntos onde sexa necesario. Habilitaranse pasos canadenses cando as vías atravesen cercas para o gando, que irán dotados de estruturas de escape da fauna que poida caer ao foxo. Así mesmo, escavaranse uns 12.150 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora e o edificio de control do parque. A duración estimada das obras é duns 6 meses para cada unha das fases de construción.
Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta principalmente por repoboacións de eucalipto e piñeiro, matogueira de toxo, prados e cultivos. Con menor representación aparece vexetación asociada a zonas de afloramentos rochosos e repoboacións pouco desenvolvidas de piñeiro e eucalipto sobre substrato de matogueira.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
Na epígrafe de medidas protectoras e correctoras do estudo ambiental inclúense basicamente as seguintes:
Boas prácticas xerais de obra: na fase de obras adoptaranse unha serie de medidas preventivas para afectar o menos posible a calidade do aire, auga e solos da zona:
- Mecánica preventiva da maquinaria para evitar derrames de aceites ou combustibles.
- Realización de operacións de limpeza e mantemento da maquinaria en talleres, estacións de servizo ou lugares convenientemente acondicionados (coa superficie impermeabilizada) onde os residuos ou verteduras sexan convenientemente xestionados.
- Limitar as operacións de carga e descarga de materiais, escavacións e movementos de terra aos períodos en que a velocidade do vento sexa inferior a 10 km/h.
- Rega previa de materiais, sen que se xere verteduras líquida, para minimizar a dispersión de po e partículas.
- Redución de produtos de combustión mediante mantemento técnico da maquinaria.
Plan de xestión de verteduras e residuos: todos os residuos xerados durante as obras ou na fase de mantemento serán xestionados e almacenados axeitadamente primando, por esta orde, a minimización, a reutilización ou reciclaxe e a vertedura. Plan de xestión de aceites usados.
Outras medidas:
- A auga que se emprege para as regas e lavados de rodas terá a mellor calidade posible.
- Estudo da intervención sobre a vexetación para a apertura de accesos e vías. Minimizarase o máximo posible a corta de árbores. Criterios de manexo da vexetación. Retirada de vexetación mediante roza.
- Asistencia técnica ambiental e arqueolóxica na fase de replanteo.
- Cando se produzan achados de restos históricos de calquera tipo, interromperanse as obras e comunicaráselle ao director de obra, non debendo reiniciar a obra sen autorización previa.
- Restauración das superficies afectadas.
- Evitar sempre a afección directa a leitos, prestando especial atención ás obras que se desenvolvan cerca destes.
- Cumprimento das medidas de protección do solo para evitar erosións e contaminacións das augas.
- Xestionar adecuadamente os residuos sólidos e perigosos e as augas residuais.
- Preservación da vexetación de ribeira.
- Non se acumulará terra nin refugallos de obra nin calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume dos cursos fluviais, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorregas, chuvias ou crecidas do caudal.
- Evitarase a fabricación de formigón na propia obra, co obxecto de diminuír o risco de contaminación das aguas. Así mesmo, evitaranse verteduras derivadas da súa utilización.
- Non se estraerá auga dos regatos para as obras ou abastecemento.
- Calquera alteración ou afección nas zonas de servidume dos cursos de auga precisará da autorización do organismo de bacía competente.
- Xestión de sobrantes de terras.
- Mantemento dos amoreamentos de terra vexetal destinados á restauración.
- Minimizarase o movemento de terras ao máximo. Emprego de vías preexistentes.
- As dimensións das plataformas de montaxe, vías e foxos non superarán as mínimas requiridas.
- Achega gradual da auga procedente das drenaxes transversais cara á rede hídrica, empregando trampas de sedimentos que se limparán con asiduidade, sobre todo na fase de obras.
- En noiros con pendente acusada empregaranse mallas antiescorrega.
- As tarefas de mantemento da maquinaria móbil durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramamentos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, seleccionaranse zonas para a realización destas tarefas, afastadas dos cursos de auga e protexerase o solo con materiais impermeables.
- As augas residuais xeradas no edificio de control levaranse a unha fosa séptica.
- Medidas anticolisión de avifauna e quirópteros. Seguimento de colisións.
- Reposición e/ou indemnización de danos, tanto na fase de obras como na de funcionamento.
- Calendario de actuacións acorde coas medidas correctoras.
- Balizamento previo dos elementos que se van protexer.
- Posta á terra dos aeroxeradores e a subestación para evitar a corrosión.
- Programa de vixilancia ambiental (ruídos, drenaxes, avifauna, revexetación...).
As medidas relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense na Memoria de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto, incluída no tomo II do estudo de impacto ambiental. A documentación ambiental complementaria contén, entre outras cuestións, a proposta de restauración dos camiños que queden sen servizo tras a execución da rede viaria do parque.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL