Resolución do 15 de setembro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de Parque Eólico Chan do Tenón, nos concellos de Viveiro e O Vicedo (Lugo), promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A.

Diario Oficial de Galicia, 18-10-2004, Núm. 202, Páx. 14137
Resolución do 15 de setembro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de Parque Eólico Chan do Tenón, nos concellos de Viveiro e O Vicedo (Lugo), promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A. En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 6 de agosto de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do Parque Eólico Chan do Tenón, nos concellos de Viveiro e O Vicedo (Lugo), promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2004. Ramón Ordás Badía Director xeral de Industria, Enerxía e Minas Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto presentado é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente DIA, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os sos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que aporten unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, aportando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto denominado Parque Eólico Chan do Tenón, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 24,8 MW de potencia total nos concellos de Viveiro e O Vicedo (Lugo), constituído por 31 aeroxeradores modelo G-52 de 800 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM: Vértice X            Vértice Y 606.000,00       4.836.000,00 606.134,10       4.836.000,00 607.182,03       4.836.000,00 607.982,82       4.834.756,93 608.465,21       4.836.000,00 609.000,00       4.836.000,00 609.492,80       4.834,524,37 608.181,56       4.833.233,29 608.181,56       4.831.988,50 607.572,05       4.831.961,36 607.261,35       4.834.141,90 A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano Planta de viais do Estudo de Impacto Ambiental. Parque Eólico Chan do Tenón. (Concello do Vicedo e Viveiro). Cartografía. As coordenadas UTM dos 31 aeroxeradores previstos son as seguintes: Aeroxerador           UTM X                UTM Y 1                     606.209,6050      4.835.874,8690 2                     606.311,5500      4.835.794,2040 3                     606.413,4960      4.835.713.5380 4                     606.742,4080      4.835.831,2090 5                     606.841,0190      4.835.762,5750 6                     606.960,8430      4.835.672,7280 7                     606.759,9531      4.835.206,4025 8                     606.810,5921      4.835.086,6705 9                     606.899,0830      4.834.991,1460 10                   607.007,4050      4.834.919.2690 11                   607.111,4050      4.834.841,2690 12                   607.214,6900      4.834.762,3250 13                   607.317,9750      4.834.683,3810 14                   607.421,2600      4.834.604,4370 15                   607.543,5562      4.834.546,0989 16                   607.654,1465      4.834.487,7010 17                   607.769,0975      4.834.426,9850 18                   607.874,0765      4.834.350,3070 19                   607.723,1020      4.833.931,3950 20                   607.760,7250      4.833.806,9580 21                   607.798,3480      4.833.682,5210 22                   607.835,9710      4.833.558,0840 23                   608.596,6190      4.835.889,2770 24                   608.684,8890      4.835.780,6100 25                   608.773,1590      4.835.671,9430 26                   608.861,4290      4.835.410,8510 27                   608.854,0190      4.835.283,1720 28                   608.905,5120      4.835.146,4430 29                   608.935,9370      4.835.009,7870 30                   608.966,3220      4.834.879,4730 2. Condicións xerais. 2.1. Sobre a protección da atmosfera. Os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. 2.2. Sobre a protección das augas e dos leitos fluviais. Durante a fase de construción, e co obxecto de reducir posibles alteracións na calidade das augas circundantes, non se depositará ningún tipo de material en zonas onde exista risco de incorporación aos cursos fluviais. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outra amparada pola lexislación hidraúlica que poidan atoparse no trazado das obras. Non estando prevista na documentación avaliada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións. 2.3. Sobre a protección do solo. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. Con carácter xeral, no se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. En todo caso, deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada, tendo que restauralos ao finalizar a obra. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase aos viais e zonas acondicionadas para o efecto. No caso de realización de voaduras disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) que eviten a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado. 2.4. Sobre a xestión de residuos. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución do proxecto, en todas as súas fases, deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. De ser necesaria a realización de almacenamentos temporais de residuos, estes disporanse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, na zona de instalacións de obra, atendendo os criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia co obxecto de evitar calquera afección no medio. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos xerados. 2.5. Sobre a protección da fauna e vexetación. 2.5.1. Sobre a vexetación. Previamente á corta de arboradura terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso terá que contar coa previa autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase a súa trituración e esparexamento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo. 2.5.2. Sobre a fauna. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental. No caso de instalar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poden consistir, entre outras, nunha rampla de subida ou foxo con laterais abertos. 2.6. Sobre a protección de infraestruturas ou instalacións preexistentes. No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalacións preexistentes debido aos labores de construción e/ou funcionamento do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras. 2.7. Sobre o programa de seguimento e vixilancia ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudo ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Todas as medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. 3. Condicións específicas. 3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural. Levaranse a cabo as medidas correctoras recollidas no documento titulado Parque Eólico de Chan do Tenón. Estudo de Impacto Arqueolóxico. Informe Final, do que emitiu informe favorable a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e antes do inicio das obras, elaborarase un proxecto arqeuolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. 3.2. Para a fase previa ao inicio das obras. 3.2.1. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 81.444,45 euros correspondente ao orzamento de execución por contrata das labores de restauración asociadas á fase de obras, segundo o plan de restauración incluído no estudo ambiental. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996. 3.2.2. Seleccionaranse os refuxios estivais e de hibernación nos que se levarán a cabo as mostraxes de quirópteros na fase de obras e de funcionamento do parque e realizarase o censo de quirópteros na colonia de cría existente nas proximidades da aldea A Silvarosa, tal como se indica no estudo ambiental. 3.3. Para a fase de obras. Levarase a cabo a restauración de toda as superficies afectadas pola execución das obras (marxes dos viais, cunetas, contorno das obas de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe...) de acordo co plan de restauración presentado no estudo ambiental e tendo en conta as seguintes consideracións: * Os labores de restauración comezarán a realizarse no momento en que as superficies a restaurar acaden o seu estado definitivo, co fin de favorecer desde un principio a integración paisaxística das zonas alteradas. * Os tramos mortos xerados polas rectificacións de curvas nos viais existentes deberán ser integrados correctamente no medio mediante a súa restauración. * Dado que no plan de restauración do estudo ambiental se proxecta a plantación de arborado autóctono, evitaranse aquelas tipoloxías que confiran un carácter lineal á restauración. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, presentarase ante o órgano substantivo, con carácter trimestral, un informe de obras co seguinte contido mínimo: a) Cronograma de obras actualizado, con toda as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización. b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído proposto, con medicións en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento no momento da medición. c) Resultados do funcionamento da rede de drenaxe proposto e do plan de vixilancia da calidade das augas tal como se indica no estudo ambiental. d) Resultado do plan de seguimento de avifauna e quirópteros proposto no estudo ambiental incluíndo no primeiro dos informes os refuxios que foron seleccionados e os resultados que se obteñan do censo indicados no punto 3.2.2. e) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos incluídos ou derivados dela. f) Informe de avance da obra onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación de data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade respecto ao total. 3.4. Ao final das obras. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor presentará ante o órgano substantivo, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obra, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a tódolos aspectos contemplados no estudo ambiental e no condicionado da declaración. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estados dos viais, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografía indicarase a data e a hora. c) Plano as built a escala 1.5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras. 3.5. Para a fase de funcionamento. Á vista da información presentada no estudo ambiental, non se estima necesario levar a cabo o seguimento da calidade das augas proposto para esta fase, sen prexuízo de controlar o correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe, estado dos disipadores de enerxía e condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural tal e como se propón no plan de seguimento e control do sistema de drenaxes do estudo ambiental. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, semestralmente durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anualmente os seguintes e tendo en conta que á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben a proposta motivada do promotor, poderase modificar o contido dos sucesivos informes ou a frecuencia dos controis e informes a realizar. Este informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido: a) Resultado do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición. b) Resultado do plan de seguimento de avifauna e quirópteros proposto no estudo ambiental. Así mesmo, levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos e/ou sinérxicos sobre a avifauna e os morcegos entre este parque e os do Vicedo e Goa, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de proucirse a aparición deste tipo de efectos. c) Informe no que se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado dos viais, plataformas de montaxe, gabias do cableado, drenaxes e cunetas e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verificar a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todo os aspectos previstos nela e acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e a hora da toma das fotografías e plano de puntos de toma). 3.6. Para a fase previa ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, un plan onde se describan todas as actuacións necesarias previstas para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional contemplando, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e transformadores e demais materiais usados na explotación, inutilización do cableado así como a restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado destas actuacións. 3.7. Para a fase de abandono. Na fase de abandono levaranse a cabo toda as actuacións necesarias para recuperar a zona ocupada polo proxecto conforme ao plan requirido no punto anterior da presente DIA. 3.8. Para a fase posterior ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. ANEXO I - Resumo do proxecto O proxecto denominado Parque Eólico Chan do Tenón, promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 31 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, para instalar nos concellos de Viveiro e O Vicedo (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración. As características técnicas do proxecto presentado son as seguintes: * Número de aeroxeradores: 31. * Tipo de aeroxerador: G-52 de Gamesa Eólica. * Potencia unitaria por aeroxerador: 800 kW. * Potencia total instalada: 24,8 MW. * Altura das torres: 55 m. * Diámetro do rotor: 52 m. * Produción neta anual prevista: 67.456 MWh/ano. * Investimento previsto: 14.196.462,74 euros. A subestación transformadora 30/132 kV para a evacuación da enerxía producida neste parque e o futuro parque Pena Ventosa situarase en terreos do polígono deste último, cerca do lugar do Foxo, ao igual que o edificio de control, non sendo necesario abrir pistas para acceder ao lugar proxectado. A obra civil inclúe a execución de 3.043 m de novos viais para o parque; 2.230 serán viais de servizo ao longo das liñas dos aeroxeradores cun largo de 7 m nas plataformas e 2 m de cunetas e 813 m de camiños de acceso ás plataformas cun largo de 5 m e provistos de cunetas de 2 m de largo. Considérase preciso incrementar o raio de curvatura en dous pequenos tramos da estrada local de Riobarba de 129 m de lonxitude. Prevese tamén a execución duns 9.854 m de gabias para soterrar o cableado de conexión dos aeroxeradores. A superficie alterada pola excavación de zapatas e cimentación de aeroxeradores estimase en 18.600 m que serán restaurados na súa totalidade a excepción dun pequeno camiño de 2 m de largo e 6 m de lonxitude. Así mesmo, precísase a preparación de dúas parcelas de 5.000 m de superficie total para o amoreamento de materiais necesarios para a obra e as instalacións que, unha vez finalizadas as obras do parque, serán restauradas. Segundo o estudo ambiental, as formacións que constitúen a maior parte da cuberta vexetal da zona prevista de instalación dos aeroxeradores son eucaliptais e piñeirais de repoboación, matogueiras con especies do xénero Erica e Ulex e zonas de prados e cultivos. No polígono do parque eólico localízase unha turbeira de reducidas dimensións, na cabeceira do Rego do Meixofrío e tamén algunhas manchas de ripisilva ao longo do Rego de Riobarba ou do do Padrón. ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada Medidas protectoras. Sobre a calidade atmosférica. * Regaranse periodicamente as superficies afectadas polo paso da maquinaria, especialmente nos cruzamentos con estradas da rede local ou nas proximidades de núcleos de poboación. Sobre a xeomorfoloxía. * Na fase de replanteo prestouse especial coidado na localización dos aeroxeradores, pistas de acceso e cableado, para non afectar os afloramentos rochosos existentes na área de afección. * Balizarase o contorno dos puntos de interese (afloramentos rochosos existentes na áea de afección) mediante cintas visibles que delimiten unha franxa de protección ao redor dos mesmos evitando así a irrupción da maquinaria ou a realización de calquera outra actividade que poida afectalos. Sobre a flora e vexetación. * Co obxecto de impedir calquera afección derivada da actividade, balizaranse as formacións vexetais de interese ou exemplares valiosos da flora propia da zona que se atopen no contorno da liña dos aeroxeradores e trazado das pistas e cableado. * Modificación da traza inicial dos aeroxeradores 8 e 10 para non afectar a lagoa temporal existente e modificación do trazado da gabia de cableado no tramo entre as máquinas 16 e 31 para cruzar o rego de Riorbarba e non afectar ás formacións arbóreas ripícolas e outras formacións de interese, pasando a discorrer por zonas de baixo valor ecolóxico e degradadas (plantacións de eucaliptos queimadas). * Cambio no trazado da gabia de cableado á altura do cruzamento da estrada de Riobarba e a pista que conduce ao sitio do Cristo da Faladoira, para evitar que atravesase a cabeceira dunha turbeira localizada no leste da devandita estrada. * Localización exacta das superficies destinadas ao amoreamento de materiais de construción en zonas de escaso o ningún valor ecolóxico. Sobre a fauna e os seus hábitats. * Os aeroxeradores situaranse a unha distancia máis que prudencial das zonas potenciais de cría das especies de vertebrados de maior interese presentes no parque. * Procurarase que as obras non coincidan co período crítico de reprodución das aves, especialmente naqueles casos excepcionais en que algún aeroxerador estea situado preto dalgunha zona de nidificación de aves de presa. * Co obxecto de evitar a presenza no parque de aves de presa ou corvos con hábitos preeiros que puideran sufrir risco de colisión, retiraranse inmediatamente os animais de certo porte que puideran aparecer mortos tanto no recinto do parque como nas súas inmediacións. Sobre a paisaxe. Dimensionado de pistas e superficies. * As dimensións dos viais de acceso ao parque e aos aeroxeradores e das superficies de explanación axustaranse ao estritamente necesario para evitar o impacto paisaxístico e reducir os labores de restauración. * Dentro do parque aproveitaranse as estradas e pistas existentes como viais de comunicación. Protección de elementos singulares. * Evitarase afectar a charcas e pequenos cursos de auga temporais que poidan formarse nos períodos de máxima precipitación no lugar do parque ou nas súas proximidades, levando a cabo lixeiras modificacións no trazado de camiños de servizo e das gabias de condutores, ou no lugar dalgún dos aeroxeradores. Deposición de sobrantes. * Empregaranse no firme dos camiños novos e nas plataformas dos aeroxeradores, case na súa totalidade, os materiais procedentes das escavacións das bases dos aeroxeradores. * Calquera sobrante tanto de materiais de construción como de restos de escavacións que en ningún caso serán de terra vexetal, serán trasladados ao vertedoiro controlado de residuos sólidos inertes máis próximo. En ningún caso serán abandonados nas inmediacións do parque eólico. Mantemento da maquinaria. * Os cambios de aceite e lavados da maquinaria efectuaranse en zonas específicas, lonxe das charcas e cursos de auga, onde non exista perigo de contaminación por vertedura de aceites tanto ás augas superficiais como ás subterráneas. Sobre a calidade das augas e sistema de drenaxes. * Especial coidado no deseño e percorrido das gabias de cableado evitando en todo momento o cruzamento de cursos de auga. * Balizado dunha área de cautela na pequena lagoa temporal existente na área dos aeroxeradores 8 e 9 para evitar o paso de maquinaria. * Medidas preventivas nás áreas definidas como de risco no estudo ambiental, para evitar arrastres de finos e afección leitos fluviais. Estas correspóndense coa área próxima á cabeceira do Rego da Costa (área 2), cruzamento do Rego de Riobarba (área 3), cruzamento do Rego do Padrón (área 4) e cruzamento do Rego da Areosa (área 5). * Deseño da rede de drenaxe do parque: - Cunetas de recollida e augas pluviais ao longo de viais e camiños. - Entubados e canalizacións de augas pluviais ou de arroiadas. - Arquetas e sumideiros. - Puntos de evacuación de augas pluviais. - Instalación de filtros de grava e balsas de decantación á entrada e saída das canalizacións e puntos de evacuación. - Instalación de desaugadoiros escalonados, disipadores de enerxía, filtros e balsas de decantación para evitar problemas de erosión, retención de augas ou deposición de sedimentos. * En todas as localizacións dos aeroxeradores, pero especialmente nos incluídos nas zonas consideradas de risco, deberanse acondicionar as cunetas dos camiños de accesos ou do vial de servizo, para permitir a correcta evacuación das augas que se poidan acumular nas escavacións. * Nos traballos de escavación de zapatas e de apertura de viais de acceso ao parque, procurarase reducir a pendente das acumulacións de terra e, en todo caso, disporanse mallas ou barreiras de retención de materiais que poidan ser arrastrados polas precipitacións. * Habilitaranse sistemas de canalizacións de augas pluviais nos tramos de pista de acceso que discorran por vaguadas ou alí onde se observe que poida haber paso de augas en épocas de máximas precipitacións. Prestarase especial atención onde se aprecie un modelado do terreo orixinado polas arroiadas en épocas de máxima precipitación. * Nos traballos de explanación no lugar da subestación eléctrica e edificio de explotación, disporase dun sistema de recollida e evacuación de augas pluviais e de barreiras ou mallas de retención de arrastres na base dos terrapléns, así como de estruturas de disipación que aminoren a forza da auga nas zonas de evacuación. Medidas correctoras. * Recollida, separación e amoreamento dos horizontes orgánicos dos solos onde se vaian realizar obras para a súa posterior utilización nos labores de revexetación. * Amoreamentos da terra vexetal en montículos ou cordóns cunha altura máxima de 2 m. * Restauración da coberta vexetal orixinal abordando a revexetación de noiros, terraplenados e superficies de explanación. * Unha vez rematadas as obras, procederase, nas zonas de ocupación temporal, á descompactación do terreo mediante escarificado para favorecer a revexetación natural do mesmo. * Plan de restauración e revexetación de solos e seguimento da restauración. Medidas de seguimento e control. * Plan de seguimento e control da calidade das augas. * Plan de seguimento e control do sistema de drenaxe. * Plan de seguimento de ruídos. * Campaña inicial e plan de vixilancia e seguimento ambiental de aves. * Caracterización da comunidade de quirópteros existente e plan de vixilancia e seguimento ambiental da mesma.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res15092004.pdf Galego
res15092004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles