Resolución do 15 de setembro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Ourol, no concello de Ourol (Lugo), promovido pola empresa Hidroeléctrica del Ourol, S.L.

Diario Oficial de Galicia, 30-09-2004, Núm. 191, Páx. 13352
Resolución do 15 de setembro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Ourol, no concello de Ourol (Lugo), promovido pola empresa Hidroeléctrica del Ourol, S.L. En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 26 de xullo de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do Parque Eólico Ourol, no concello de Ourol (Lugo), promovido pola empresa Hidroeléctrica del Ourol, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2004. Ramón Ordás Badía Director xeral de Industria, Enerxía e Minas Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto do Parque Eólico Ourol, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 18 mW de potencia total no concello de Ourol (Lugo), constituído por 22 aeroxeradores Gamesa G-52 de 850 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM: Vértice X             Vértice Y 603.000              4.825.500 604.719              4.825.500 605.109              4.827.025 606.057              4.828.925 606.133              4.828.981 606.195              4.828.074 605.745              4.827.317 605.485              4.827.177 605.062              4.826.377 605.055              4.826.036 604.814              4.825.793 604.782              4.825.500 607.750              4.825.500 607.000              4.823.000 603.000              4.823.000 A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle nos planos Estruturas do proxecto. Plano 03 e Gabias. Planta xeral. Plano 04 incluídos, respectivamente, no estudo de impacto ambiental e no proxecto técnico. As coordenadas UTM dos 22 aeroxeradores previstos son as seguintes: Aeroxerador       UTM X           UTM Y 1                    605.494        4.825.474 2                    605.275        4.825.239 3                    605.308        4.825.082 4                    605.367        4.824.936 5                    605.124        4.824.847 6                    605.287        4.824.737 7                    605.271        4.824.562 8                    605.195        4.824.340 9                    605.158        4.824.146 10                  605.225        4.824.004 11                  604.921        4.823.846 12                  604.788        4.823.661 13                  603.925        4.823.627 14                  604.891        4.823.541 15                  605.272        4.823.550 16                  604.649        4.823.456 17                  604.863        4.823.362 18                  604.975        4.823.250 19                  605.052        4.823.116 20                  604.432        4.823.234 21                  604.585        4.823.156 22                  604.732        4.823.082 2. Condicións xerais. 2.1. Protección da atmosfera. Os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. 2.2. Protección das augas e leitos fluviais. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outra amparada pola lexislación hidráulica que poidan atoparse no trazado das obras. A achega das augas das drenaxes á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando ás saídas das drenaxes e nos puntos onde a auga dos foxos se incorpore ao terreo dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía, co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais. Realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, adoptando as medidas correctoras oportunas no caso de producirse os citados fenómenos. Non estando previsto na documentación avaliada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións. 2.3. Protección do solo. Para a localización da zona de instalacións de obra seleccionarase un emprazamento de baixo valor ambiental, escasa pendente e alonxado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas..) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en emprazamento autorizado. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada, tendo que restauralos ao finalizar a obra. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase aos viais e zonas acondicionadas para o efecto. No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras. 2.4. Protección da fauna e vexetación. 2.4.1. Sobre a fauna. No caso de instalar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poden consistir, entre outras, nunha rampla de subida ou foxo con laterais abertos. 2.4.2. Sobre a vexetación. Previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo. 2.5. Sobre a protección do patrimonio cultural. Deberase realizar un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Os traballos arqueolóxicos levaranse a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. 2.6. Sobre o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo. 3. Condicións específicas. 3.1. Sobre a integración paisaxística. 1. En relación co plan de restauración presentado, teranse en conta as seguintes consideracións: - Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse paralelamente ao avance da obra, conforme as distintas superficies que se vaian restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr a integración paisaxística das zonas alteradas o máis pronto posible. - Previamente á revexetación, efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. - Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada. - A dose de sementes proposta incrementarase ata os 20 gr/m (200 kg/ha) e a proporción de cada tipo na mestura pode axustarse, con carácter xeral, ás seguintes porcentaxes: 70% para o conxunto de gramíneas, 15% para o trevo e 15% para as arbustivas. - Respecto das especies de toxo e breixo que se empregarán na sementeira, que non se especifican no plan de revexetación, terán que ser autóctonas e existentes na zona. 3.2. Fase previa ao inicio das obras. 3.2.1. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 100.685,47 euros, correspondente ao orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociadas á fase de obras, segundo o plan de restauración presentado. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996. 3.3. Fase de obras. 3.3.1. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído, seleccionaranse como puntos de control os núcleos de Toxoso de Riba, Toxoso do Medio e A Cernada, nos que só será necesario realizar medicións cando se estean executando obras preto dos ditos puntos. 3.3.2. Á vista da información achegada no estudo ambiental, non se estima necesario levar a cabo o seguimento da calidade das augas proposto, sen prexuízo da necesidade de controlar o funcionamento dos dispositivos de drenaxe e disipación de enerxía e as condicións de incorporación das augas á rede natural, tal e como se establece no punto 2.2 da DIA. 3.3.3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 desta DIA o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo: a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización. b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, tendo en conta as cuestións sinaladas no punto 3.3.1. c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, incluíndo no primeiro dos informes, se se teñen realizado, os resultados de novas campañas preoperacionais. d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos considerados nela. e) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflita a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade. 3.4. Ao final da fase de obras. 3.4.1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque trala finalización destas, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos considerados no estudo ambiental e no condicionado da declaración. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado dos viais, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflita a situación real de todas as instalacións e infraestructuras do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras. 3.5. Fase de funcionamento. 3.5.1. En consonancia co sinalado no punto 3.3.2 da DIA, non se estima necesario levar a cabo o seguimento da calidade das augas proposto, sen prexuízo de controlar o correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe, estado dos disipadores de enerxía e condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural. 3.5.2. En relación co plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, terase en conta que as visitas para a detección de aves mortas por colisión terán unha frecuencia mensual, co obxecto de diminuír a perda de cadáveres por acción dos animais preeiros. Nas anteditas visitas anotaranse tamén as posibles colisións de morcegos, incluíndo estes resultados nos informes do plan de vixilancia ambiental. 3.5.3. Levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos e/ou sinérxicos sobre a avifauna e os morcegos entre este parque e o de Muras II, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos. 3.5.4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes. Terase en conta que, á vista dos resultados obtidos, durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben por proposta motivada do promotor, poderase modificar o contido dos sucesivos informes ou a frecuencia dos controis e informes que se vaian realizar. O dito informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido: a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición. Os puntos de control serán os sinalados no punto 3.3.1 da DIA. b) Resultados do plan de seguimento de avifauna e quirópteros e informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, de acordo cos puntos 3.5.2 e 3.5.3 da DIA. c) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado dos viais, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, control de drenaxes e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto (indicando datas das visitas), así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. 3.6. Fase previa ao abandono. No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, acompañado, se é o caso, dun informe no que se recollan as posibles variacións respecto do previsto no plan de desmantelamento, xunto coa súa xustificación. 3.7. Fase de abandono. Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións necesarias para recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, conforme o plan de restauración presentado. Recollerase, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores, restauración dos viais creados para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. 3.8. Fase posterior ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflita o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. ANEXO I - Resumo do proxecto O proxecto denominado Parque Eólico Ourol, promovido pola empresa Hidroeléctrica del Ourol, S.L., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 22 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará no concello de Ourol (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración. As características básicas do proxecto presentado son as seguintes: - Número de aeroxeradores: 22. - Modelo: Gamesa G-52. - Potencia unitaria por aeroxerador: 850 kW. - Potencia total instalada: 18 mW. - Altura das torres: 55 m. - Diámetro do rotor: 52 m. - Investimento previsto: 17.335.066,25 euros. Para a transformación da enerxía producida no parque empregarase a futura subestación 30/132 kV do Parque Eólico Pena Ventosa, que disporá dun edificio de control anexo que tamén será empregado polo Parque Eólico de Ourol. A obra civil inclúe a execución duns 5.840 m de viais de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento doutros 753 m, cunha anchura de rodadura de 5 m e dotados de foxos e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Así mesmo, prevese a escavación de 6.577 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación e edificio de control, cuxo trazado vai paralelo aos viais na maior parte do percorrido. Segundo o estudo ambiental, a vexetación na área de implantación do parque está composta maioritariamente por matogueira de toxo, breixo e xesta, que da paso a pasteiros nas zonas que é aproveitado polo gando cabalar. En canto á vexetación arbórea, existen repoboacións de piñeiro de certa extensión, que se mesturan nalgunhas ocasións con eucaliptos. ANEXO II - Resumo das medidas preventivas e correctoras recollidas na documentación avaliada Na epígrafe de medidas preventivas e correctoras do estudo ambiental inclúense basicamente as seguintes: - Atmosfera. * Rega das superficies máis afectadas polo paso de maquinaria, cando as obras coincidan co período de estiaxe. * Circulación de maquinaria a velocidades baixas e en horario diúrno, para minimizar as molestias por emisións sonoras. - Solo e vexetación. * Respectar ao máximo a vexetación existente na zona, incluída a vexetación arbustiva, non eliminado ningún pé arbóreo ou arbustivo que non sexa estritamente necesario. * Delimitar as zonas de obra, impedindo a circulación de maquinaria e a realización de obras fóra da área. A zona de obra reducirase ao mínimo imprescindible. Nesta fase realizarase a marcaxe dos pés que se vaian cortar, respectándose os restantes. As zonas e vías auxilares de obra que non formen parte das estruturas do aproveitamento delimitaranse e serán integramente restauradas e revexetadas ao finalizar as obras. * Restauraranse e revexetaranse os terreos afectados polas gabias do cableado e os viais, levando a cabo o plan de revexetación. * Retirada, amoreamento e conservación da terra vexetal, para ser posteriormente empregada nos labores de restauración. - Augas. * As posibles lavadas de cubas de formigón e outras ferramentas non serán nunca realizadas nos leitos. * Realización das obras en épocas de menor precipitación, especialmente os movementos de terras nas zonas de máxima pendente. * Canalización das augas mediante foxos axeitados nos novos viais, realizando cubrimento con formigón nos tramos con maior risco de erosión. * Nos traballos de movementos de terras procurarase reducir a pendente dos amoreamentos de terra e disporanse mallas ou barreiras de retención para evitar que os materiais poidan ser arrastrados polas precipitacións. * Minimización das afeccións á vexetación e inmediata revexetación das zonas afectadas. - Fauna. * Procurarase evitar que as obras coincidan co período crítico de reprodución das aves, e a ser posible, dos mamíferos presentes na área do parque. * Terase especial coidado no caso de que algún aeroxerador se atope emprazado nas proximidades dalgunha zona de nidificación de aves de presa. * Previamente ao inicio das obras realizarase un inventario de niños e refuxios nas zonas que vaian ser afectadas, procedéndose ao seu traslado a zonas adecuadas no caso de ser atopados. - Paisaxe. Tratamento paisaxístico de viais: * Nos viais empregaranse materiais que non supoñan contraste coas gamas cromáticas do terreo. A anchura da pista non superará os 4 m salvo situacións puntuais e necesidades excepcionais. * Reduciranse as modificacións do terreo, evitando a creación de noiros de desmonte e terraplén de considerable altura. * Reduciranse ao mínimo as posibles afeccións a muros de separación de parcelas ou de suxeición de socalcos. En todo caso, se resultasen afectados, serán repostos. * Restauración de noiros dos novos accesos e retirada de todo tipo de sobrantes de explanación e vertedoiro controlado ou emprazamento apto para estes residuos. * As liñas eléctricas no interior do parque irán soterradas, evitándose o impacto paisaxístico, debendo restaurarse a vexetación afectada. Control dos sobrantes de escavacións: * Os sobrantes xerados na construción do parque serán transportados a emprazamento apto para tal fin, distinguindo a xestión entre residuos de obra e terras sobrantes. * En nigún caso se procederá a estender, terraplenar ou verter os sobrantes de escavación en lugares non aptos. Revexetación de noiros: * Restauración de todos os terreos afectados pola obra, recollendo achega de terra vexetal e sementeira con especies adaptadas ao contorno. * Revexetación con arbustivas en zonas de matogueira e plantación dalgún pé de piñeiro nas zonas afectadas que os tivesen con anterioridade. * Plan de restauración que inclúe as fases de obra e desmantelamento do parque. Outras medidas protectoras e correctoras que aparecen dispersas ao longo do estudo ambiental son as seguintes: * A rega de superficies estenderase a cruzamentos con estradas locais, lindes con predios agrícolas e zonas con arboredo de interese. * Procurarase compensar o volume de desmonte co de terrapléns, para evitar sobrantes de terras. A madeira da encofraxe reutilizarase noutras obras. * O mantemento da maquinaria realizarase fóra da obra, ou no caso de que se faga dentro desta, efectuarase en lugares debidamente sinalizados onde non exista risco de contaminación. * Aeroxerador con torre tubular e baixa velocidade de xiro, que minimiza as posibles colisións de avifauna. Separación media entre aeroxeradores de 150 m, que posibilita a permeabilidade do parque ao paso de aves. * Emprego de man de obra local e adquisición de subministracións a empresas da zona.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res15092004.pdf Galego
res15092004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles