Resolución do 13 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 14 de novembro de 2003, relativa ó proxecto de nova conexión da N-120 en Mos, coa PO-331 no Porriño. (Clave PO/02/008.1).

Diario Oficial de Galicia, 27-01-2004, Núm. 17, Páx. 1192
Resolución do 13 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 14 de novembro de 2003, relativa ó proxecto de nova conexión da N-120 en Mos, coa PO-331 no Porriño. (Clave PO/02/008.1). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 14 de novembro de 2003, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de nova conexión da N-120 en Mos, coa PO-331 no Porriño (clave PO/02/008.1). Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2004. Agustín Hernández Fernández de Rojas Director xeral de Obras Públicas Declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 14 de novembro de 2003, relativa ó proxecto de nova conexión da N-120 en Mos, coa PO-331 no Porriño (clave PO/02/008.1), nos concellos de Mos e O Porriño (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas (clave 2002/1123). A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, se deberán someter a unha avaliación de impacto ambiental. O devandito proxecto de trazado prevé as obras de execución dunha nova estrada nos concellos de Mos e O Porriño (Pontevedra). O obxecto da súa construcción é evita-lo paso polo núcleo urbano do Porriño dos vehículos que, vindo desde Vigo ou desde a autovía, se dirixan a Gondomar. Dado que entre os proxectos previstos no antedito anexo I se atopa a construcción de autoestradas e autovías, vías rápidas e estradas convencionais de novo trazado, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia. Con data do 28 de novembro de 2002 (DOG nº 230) publícase a Resolución do 31 de outubro de 2003, da Subdirección Xeral de Estradas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e o estudio de impacto ambiental. Con data do 17 de xuño de 2003, recíbese o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas contendo os certificados de exposición ó público, copia das alegacións e os informes de Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Confederación Hidrográfica do Norte de España, Corporación Loxística de Hidrocarburos, Deputación Provincial de Pontevedra e Concello de Mos. Con data do 29 de outubro de 2003, recíbese o informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Unha vez cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de nova conexión da N-120 en Mos, coa PO-331 no Porriño, nos concellos de Mos e O Porriño (Pontevedra), promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia. No anexo I achégase un resumo do proxecto e as medidas protectoras e correctoras propostas no estudio de impacto ambiental (EIA). No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado desta DIA. O anexo III inclúe un resumo das alegacións recibidas como resultado do trámite de información pública. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, estas foron tidas en conta, no que procede, no punto 8.1 do condicionado da DIA. O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Obras Públicas, e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopan os seguintes documentos, presentados polo promotor: Proxecto de trazado de nova conexión da N-120 en Mos, coa PO-331 no Porriño (clave PO/02/008.1), redactado en xullo de 2002, nos concellos de Mos e O Porriño (Pontevedra). Estudio de impacto ambiental do proxecto de nova conexión da N-120 en Mos, coa PO-331 no Porriño, redactado en setembro de 2002, nos concellos de Mos e O Porriño (Pontevedra). A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, tendo en conta que no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. a) Ámbito da declaración. Esta declaración refírese en exclusiva ás obras proxectadas no proxecto de trazado de nova conexión da N-120 en Mos, coa PO-331 no Porriño, na configuración correspondente ó plano nº 03.01. Trazado. Planta de trazado do documento de nova conexión da N-120 en Mos, coa PO-331 no Porriño (clave PO/02/008.1), redactado en xullo de 2002. b) Condicionado. 1. Protección da atmosfera. 1.1. Sobre as emisións de po e gases. 1.1.1. Os camións irán equipados con lonas ou toldos durante o transporte de materiais, segundo indica o artigo 14.2º do Regulamento xeral de circulación. 1.1.2. Queda prohibida a queima de restos ou calquera tipo de material procedente da obra sen a pertinente autorización. 1.2. Sobre a contaminación acústica. 1.2.1. Adoptaranse as medidas correctoras necesarias para garantir que os niveis de presión sonora orixinados na fase de obra e funcionamento non supoñan unha alteración substancial da presión sonora soportada actualmente no ámbito territorial da localización da nova infraestructura. Para iso, atenderase en todo caso ó establecido na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica, e no Decreto 150/1999, Regulamento de protección contra a contaminación acústica. Así mesmo considerarase, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais dos concellos de Mos e O Porriño (Pontevedra). 1.2.2. En consecuencia, deberán desenvolverse os estudios de detalle necesarios para valora-la afección sonora prevista e propoñe-las medidas correctoras axeitadas. O dito estudio de detalle deberá ser presentado ante o órgano ambiental de acordo co indicado no punto 9.1. 1.2.3. Así mesmo, elaborarase un plan de seguimento de ruídos, tanto para a fase de obra como para a explotación, que se implementará no Programa de seguimento e vixilancia ambiental solicitado no punto 9.9, onde se indicarán os puntos, a metodoloxía e a frecuencia das medicións, así como a maquinaria en funcionamento e as obras que se estean realizando no momento das medicións. Así mesmo, tamén se incluirán os resultados dunha medición preoperacional que servirá de branco ambiental. 2. Protección das augas e dos leitos. 2.1. Previamente a calquera afección ó dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte, debéndose considerar nestas actuacións as normas sinaladas no Plan hidrolóxico norte I. En caso de calquera actuación no dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía, non prevista neste proxecto, deberase presenta-lo documento requirido no punto 9.2 desta DIA. 2.2. Deberanse revisa-las luces do viaducto, tal e como se indica no EIA, aumentando as deseñadas sobre os ríos Louro e Perral. Para tal efecto presentarase un documento onde se reflictan estas modificacións de forma detallada segundo se solicita no punto 9.3. No caso de non ser tecnicamente viable esta modificación, proporanse novas medidas correctoras baseadas nas indicadas para tal efecto no EIA, medidas que se detallarán segundo se solicita no punto 9.3. 2.3. Procederase ó balizado ou á sinalización axeitada dos tramos da rede fluvial inscritos no ámbito de afección da infraestructura, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espacios (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puidesen supoñe-la contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes. 2.4. En fase de obra, disporanse sistemas que impidan ou controlen a chegada, a través de procesos de escorrega superficial, de materiais procedentes dos movementos de terras e escavacións ás augas continentais. Estes sistemas definiranse tal e como se require no punto 9.4 desta DIA. Así mesmo, e tal e como se indica no EIA, nos formigonados habilitaranse balsas de decantación ás que se bombeará a auga mesturada co formigón, sen que se produzan vertidos ós ríos. Estas balsas definiranse tal e como se require no punto 9.4 da DIA. 2.5. As drenaxes transversais da vía realizaranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona. Para tal fin deberase presentar un estudio da localización de tódolos dispositivos de drenaxe necesarios, tanto transversais coma lonxitudinais, de acordo co requirido no punto 9.5 desta DIA. Así mesmo, elaborarase un plan de seguimento da rede de drenaxe, tanto para a fase de obra coma para a explotación, que se implementará no Programa de seguimento e vixilancia ambiental solicitado no punto 9.9. 2.6. Co obxecto de realiza-lo control da calidade das augas durante a fase de obras e a de explotación, realizarase unha proposta de seguimento que se implementará no Programa de seguimento e vixilancia solicitado no punto 9.9. Con respecto ós puntos de toma de mostras, deberanse incluí-los puntos de vertido das balsas de decantación e dos sistemas de control dos procesos de escorrega ó leito, co obxecto de controla-la calidade dos efluentes vertidos ó medio fluvial. Así mesmo, deberanse incluí-los resultados dunha medición preoperacional que servirá de branco ambiental. 2.7. Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, que conten coas debidas autorizacións. 3. Protección dos solos. 3.1. Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, tal e como se indica no EIA, co fin de delimita-las distintas zonas de obra, mediante o seu balizamento, que se deberá manter en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen, e estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. 3.2. Na selección das zonas destinadas á localización das instalacións auxiliares, primará o uso dos espacios ocupados pola traza fronte a calquera outro, evitando, en todo caso, a súa localización sobre, ou no contorno de zonas vulnerables: dominio público hidráulico, bosques climácicos e bens patrimoniais, de maneira que estas se sitúen en espacios carentes de valores ambientais relevantes. Achegarase plano a escala axeitada segundo se solicita no punto 9.6. 3.3. No caso da definición de vías auxiliares do plan viario e de accesos a obra proposto no EIA, primará o uso da propia traza fronte ó de vías locais preexistentes, tal e como se prevé e, de ambos, fronte á apertura de novas vías. Estes deberán ser definidos e reflectidos en planos a escala 1/1.000 tal e como se require no punto 9.7. 3.4. Calquera material procedente de canteira que se precise para o desenvolvemento das obras deberá proceder de canteiras autorizadas. 3.5. Previamente ás operacións de movemento de terras retirarase a capa de terra vexetal da zona, que será almacenada tal e como se indica no EIA, para o seu posterior estendido en tódalas zonas previstas no plan de revexetación. 4. Xestión de residuos. 4.1. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte ó vertido. 4.2. Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, situados na zona de instalacións de obra, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia. A localización dos contedores e bidóns ou almacenamento temporal dos residuos indicados no EIA, deberase reflectir nun plano segundo o indicado no punto 9.6 da DIA. 4.3. Ó finalizaren as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 5. Protección da fauna e vexetación. 5.1. Sobre a fauna. 5.1.1. O deseño de tódolos elementos de drenaxe deberá prever que tódalas especies que caian neles poidan saír. 5.1.2. Extremaranse as precaucións na execución dos piares do viaducto nas épocas de desova, de emerxencia de alevíns e cando se produzan picos nos movementos migratorios das especies do río, especialmente anguía e troita común. 5.2. Sobre a vexetación. 5.2.1. Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes e no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de abril. A corta de vexetación cinguirase á estrictamente necesaria para a execución de obra, e, se é tecnicamente posible, os tocos nunca se deben eliminar, sobre todo se están na ribeira de ríos e regatos. 5.2.2. En fase de replanteo, procederase ó balizamento, ou á sinalización de todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental situadas no contorno afectado polo proxecto, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas. 5.2.3. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente con medios mecánicos. 6. Protección da paisaxe. 6.1. A dotación da semente na hidrosembra considerada no plan de revexetación do EIA deberá ser de 300 kg/ha. Así mesmo, a plantación de salgueiros nas ribeiras dos ríos Louro e Perral non se realizará dunha forma lineal, senón que se buscará a maior naturalidade da plantación. 6.2. Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavacións e, en xeral, sobre todas aquelas superficies que, como consecuencia da realización das obras, queden desprovistas de vexetación, procederase á aplicación dos procedementos de restauración e revexetación proxectados coa maior brevidade posible, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos. En caso de ser necesarias, adoptaranse as correspondentes medidas correctoras adicionais para evita-la erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais. Os labores de restauración e revexetación preverán tódolos espacios ocupados por instalacións ou actividades auxiliares ás obras. 6.3. Vixiarase a evolución da revexetación, de xeito que os clareiros ou calvas que poidan aparecer nas sementeiras ou plantacións de árbores e arbustos deberán ser repostas. 6.4. Os acabamentos finais das actuacións deberanse realizar co deseño e materiais que integren as devanditas obras no contorno. 7. Protección do patrimonio. 7.1. Deberase presentar perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un proxecto para a realización do control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución da obra e de restitución. Remitirase o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o mencionado proxecto a estas dependencias tal e como se indica no punto 9.8. 7.2. A aparición de calquera resto arqueolóxico porase de inmediato en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio, que tomará as medidas cautelares oportunas. Deberase consignar no proxecto definitivo unha partida orzamentaria de imprevistos para o caso de ser necesaria a realización de actuacións arqueolóxicas derivadas do control e seguimento. 8. Protección dos servicios existentes e proxectados. 8.1. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servicios e as servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras cómpre corta-lo paso dalgunha vía, deberanse indicar rutas alternativas que presten o mesmo servicio. 8.2. As obras deberanse compatibilizar coas desenvolvidas no proxecto de desaugadoiro da bacía alta do polígono das Gándaras, do interceptor xeral do río Louro, actualmente en execución pola Confederación Hidrográfica do Norte. 9. Documentación adicional. Previamente ó inicio do proceso constructivo, o promotor remitiralle ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puidesen derivarse, dous (2) exemplares da seguinte documentación: 9.1. Estudio de detalle para valora-la afección sonora prevista pola construcción e o funcionamento da nova infraestructura e, se procede, proposta das medidas correctoras axeitadas. 9.2. Documento que inclúa unha memoria onde se describa con claridade calquera actuación no dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía, non prevista neste proxecto, planos onde se reflictan detalladamente e un orzamento delas segundo se indica no punto 2.1 desta DIA. Presentaranse nesta dirección xeral tres (3) exemplares do devandito documento. 9.3. Documento que reflicta as modificacións das luces do viaducto que conterá unha memoria explicativa, e planos onde se reflicta a nova tipoloxía de forma detallada ou xustificación da súa imposibilidade. Neste último caso, incluiranse novas medidas correctoras. 9.4. Definición dos sistemas destinados a previ-la contaminación das augas a consecuencia dos procesos de escorrega superficial en fase de movementos de terras, e as balsas de decantación dos procesos de formigonado, segundo se indica no punto 2.4. 9.5. Detalle da configuración e características das obras de drenaxe transversal en atención ó sinalado nas condicións 2.5. 9.6. Plano a escala 1/1.000 onde se sinale a localización das instalacións auxiliares ou zonas de amoreamento das obras segundo se prevexa. Irá acompañado dunha memoria onde consten os equipamentos destinados a previ-la xeración de impactos adicionais de cada unha das instalacións previstas, así como unha definición suficiente das súas funcións. Inclúense aquí tanto instalacións auxiliares coma lugares destinados á realización de fornecementos e zonas de almacenamento de residuos. 9.7. Definición, incluíndo soporte cartográfico a escala 1/1.000, da localización das vías de obra, incluíndo a xustificación da apertura de novos accesos en caso de que se precisen. Irá acompañado dunha memoria onde consten os impactos adicionais de cada un dos accesos previstos, así como unha definición suficiente das medidas correctoras que se van adoptar. 9.8. Informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o proxecto de control e seguimento arqueolóxico. 9.9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado no presentado no EIA e os controis derivados das condicións desta DIA. 9.10. Notificación do responsable ambiental tal e como se require no punto 11.4 esta DIA. Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, que non poderá proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Unha vez emitido informe por esta dirección xeral sobre o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicaralle a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, un cronograma de obras actualizado, que conteña tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio, fin e a duración prevista. 10. Programa de seguimento e vixilancia ambiental. Redactarase un novo Programa de seguimento e vixilancia ambiental para o seguimento e control dos impactos e da eficacia das medidas correctoras establecidas no estudio de impacto ambiental e nas condicións desta declaración, que se presentará segundo o indicado no punto 9.9. O obxecto deste programa será o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudio ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Tódalas medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 11.4 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do Programa de vixilancia e seguimento ambiental. Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá, a esta dirección xeral, coas periodicidades que se indican, dous (2) exemplares de: 10.1. Trimestralmente, durante a fase de obras: 10.1.1. Cronograma actualizado das obras. 10.1.2. Memoria do seguimento realizado de acordo co Programa de vixilancia e seguimento ambiental indicado no punto 9.9. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, xuntándolles un plano de localización. 10.1.3. Representación nun plano, utilizando como base o plano nº 03.01. Trazado. Planta de trazado, dos avances dos traballos e a porcentaxe de execución das obras respecto ó total, referido ós distintos elementos que as conforman. 10.2. Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do Programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de tódalas medidas correctoras previstas no estudio así como as impostas na DIA e, en concreto: Informe no que se reflicta o estado da vía e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas con respecto ó proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto 10.1. Incluirá unha reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, xuntándolles un plano de localización. Estado da restauración, especialmente nas zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións e sementeiras. 10.3. Seguimento ambiental anual, que se contará desde o inicio da explotación. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos: 10.3.1. Memoria resumo do seguimento realizado de acordo co Programa de vixilancia e seguimento ambiental indicado no punto 9.9, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. Incluirá unha reportaxe fotográfica onde se reflicta o estado de restauración da actuación, indicando a data e a hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano. 10.3.2. No caso de se xerar algún informe especial definido no Programa de vixilancia e seguimento ambiental do estudio presentado, remitirase coa maior brevidade posible a esta dirección xeral. 11. Condicións adicionais. 11.1. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan. Do mesmo xeito poderase proceder no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración. 11.2. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e para adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente. 11.3. As condicións sinaladas nesta DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Sen embargo, este poderalle solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e as metas que se fixan nesta declaración de impacto ambiental. Nesta circunstancia, o promotor solicitarallo, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada esta declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicándolle o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto. 11.4. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, e notificarlle o seu nomeamento ó órgano ambiental. 11.5. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e ser notificado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental. 11.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan nesta DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras coma durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento. 11.7. Deberase efectua-los trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia. Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2003. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I Descrición do proxecto e medidas protectoras e correctoras 1. Obxecto do proxecto. O proxecto de trazado prevé as obras de execución dunha nova estrada nos concellos de Mos e O Porriño (Pontevedra). O obxecto da súa construcción é evita-lo paso polo núcleo urbano do Porriño dos vehículos que, vindo desde Vigo ou desde a autovía, se dirixan a Gondomar. As molestias que o paso deste vehículos provoca sobre a poboación vense agravadas debido á gran porcentaxe de vehículos pesados existente. Así mesmo, o paso polo núcleo provoca conxestións no tráfico, feito agravado pola existencia dun paso a nivel do ferrocarril nunha liña con grande intensidade de tráfico. 2. Descrición do trazado. O trazado da nova estrada comeza cunha rotonda na avenida de Bos Aires, na zona denominada Cristo de Belén. Logo discorre por unha zona de terreo chan dedicado a hortas, pastos e xardíns cruzando mediante un único viaducto o curso do río Louro e do seu afluente, o río Perral. O seu remate sitúase na estrada N-120 próxima ó actual enlace coa autovía, onde se prevé unha rotonda para regula-las distintas viais que nela conflúen. A lonxitude do treito é de 520 m. 3. Características técnicas. Trátase dunha vía cunha velocidade de proxecto de 60 km/h, con raios mínimos de 135 m e cunha pendente máxima do 4,6%. Prevense calzadas de 3,75 m de largo con beiravías exteriores de 2,5 m. 4. Resumo de medidas protectoras e correctoras. Rega de vías en épocas secas ou de fortes ventos, así como o transporte cuberto dos materiais pulverulentos. Delimitación e balizamento exacto das zonas sometidas a actividade, con control máximo nas zonas próximas ós ríos reducindo ó minimamente posible a superficie afectada. Definición clara das distintas zonas da obra. Establecemento dun plan vía e de accesos a obra. Uso da traza como vía de obra, así como unha estrada local existente. Localización de parque de maquinaria e de almacenamento na traza ou en superficies alteradas. Primarase a utilización de talleres especializados. No caso de non ser posible, habilitarase un espacio de seguridade no parque de maquinaria. Localización de contedores na zona de obra en número suficiente e correctamente sinalizados. Retirada, amoreamento e conservación da terra vexetal, de cara a unha posterior revexetación de tódalas zonas alteradas polas obras. Tódolos residuos xerados en obra serán almacenados e xestionados en función da súa natureza. Se se instalan casetas de obra, deberán contar cun tratamento químico dos efluentes, ou se é necesario, cunha fosa fixa, mobible ou séptica. Os préstamos provirán de canteiras da zona en actividade. Revisión das luces dos vaos da ponte no proxecto constructivo, de forma que se aumente a distancia entre piares e estribos ás marxes dos ríos. Se non se amplían as luces, disporanse 2 barreiras de sedimentos listas para a súa instalación. Imposibilita-lo acceso da maquinaria, sempre que sexa tecnicamente posible a unha franxa de 10 m de largo con respecto ó bordo dos leitos. Evitarase a circulación da maquinaria sobre os ríos. Realizarase un control e seguimento da calidade das augas. Evitarase a destrucción da vexetación de ribeira. Evitarase a realización de formigón en obra, nin que se limpen as cubas das formigoneiras nin as ferramentas nas proximidades das correntes de auga. Se se detectan lixiviados cara ós ríos, recubriranse os materiais con lonas e realizaranse foxos perimetrais que rematen nunha balsa de decantación. Realizarase un seguimento da execución dos sistemas de drenaxe, definindo un plan de labores periódicos de limpeza. Reduciranse ó mínimo as cortas de vexetación autóctona. A escavación dos piares das pontes realizarase durante a época de augas baixas. Se é necesaria a escavación baixo auga, esta realizarase mediante a formación dunha pequena plataforma de material proveniente da escavación que impida o acceso da auga ó oco da escavación. Extremaranse as precaucións en épocas de desova, emerxencia de xuvenís e picos migratorios. Realizarase unha correcta sinalización das obras. Estableceranse mecanismos para informa-la poboación sobre as obras. ANEXO II Resultado da consultas efectuadas A Dirección Xeral de de Conservación da Natureza emite informe no que conclúe: A obra non afecta a ningún espacio natural protexido. Deberase ter en conta o seguinte para minimiza-las afeccións ó medio natural: Deberase respecta-lo perfil natural do río no treito afectado, de xeito que a pendente sexa igual á natural. Recoméndase non utilizar pendentes superiores ó 1%, e procurar que a rugosidade do substrato sexa igual ou similar á do leito do río. Non se debe desnaturaliza-lo leito do río de xeito permanente ó usar estructuras de drenaxe transversal. Os piares do viaducto deberán quedar fóra do leito do río e respectando a vexetación de ribeira. Cando a obra modifica a pendente lonxitudinal ou a rugosidade do tramo de río afectado, débese dimensionar de xeito que non corte a libre circulación dos peixes augas arriba del. Os puntos de interese que se van salientar son: Deberanse restaura-las marxes e os leitos dos ríos afectados tal e como se recolle na memoria. Reconverte-las obras de canalización en obras de restauración e protección das marxes que permitan o arraigamento da vexetación de ribeira, dotando así a zona de obra de zonas verdes da forma máis ecolóxica e económica posible coa vexetación autóctona, fundamental para a subsistencia da fauna piscícola, prioritaria se consideramos que nos atopamos dentro dun couto de pesca. Débense considera-los seguintes aspectos: Utilizar cachotería gavionada (altura inferior a 1 m sobre o nivel mínimo), entulleira de grandes ocos (maiores de 20 cm), cercas, cubertas, mantas ou redes de cobertura biodegradables (coco, palla, etc.) e estructuras mixtas que combinen cimentacións de escolleira (nunca paramentada e con altura menor de 1 m por riba do nivel mínimo), con noiros de pendente máxima 1:1, sobre as que se sustenta unha obra de revexetación con inclinación similar á natural. Reducir ó mínimo posible a perda de capacidade de filtración das marxes do río. Reducirase ó mínimo posible o aumento da escorrega directa. Tódolos movementos de terras tentaranse realizar fóra dos períodos chuviosos, e revexetaranse inmediatamente desmontes e terrapléns que presenten riscos de erosión, reducindo ó mínimo posible o achega de finos. Alterarase o mínimo posible a morfoloxía do leito fluvial polas obras na zona de dominio público hidráulico. Débense restrinxi-las extraccións de grava ás zonas situadas por riba do máximo nivel previsible das augas. Débese ter especial coidado durante os períodos de desova, de emerxencia de xuvenís e cando se produzan picos nos movementos migratorios das especies do río; no noso caso, fundamentalmente anguía e troita común. A corta da vexetación cinguirase estrictamente á necesaria para a execución da obra e conforme as autorizacións pertinentes. Os tocos nunca se deben eliminar, sobre todo se están na ribeira de ríos e regatos. Evita-la creación de obstáculos adicionais ó movemento da fauna acuática. Non se deberán atravesar correntes de auga coa maquinaria, localizando as áreas de mantemento lonxe delas. Evitaranse as fugas de formigóns e cementos ás augas, altamente tóxicos. Nos formigonados habilitarase balsa de decantación á que se bombeará a auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, non permitíndose o vertido desta mestura a correntes de auga. Humectación e/ou esparexemento de materiais pulverulentos. A alteración da rede de drenaxe da conca será a mínima posible, evitando modifica-las zonas de escorrega para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestructura. Neste sentido, deberanse colocar tantos pasos de auga como valgadas teña o terreo. Integración estética ó medio das obras que se van executar, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico. Delimitarase correctamente o terreo que se vai ocupar, co fin de diminuí-la perda innecesaria e alteración de formacións vexetais polo tráfico de maquinaria. Esta medida de corrección é imprescindible e de carácter preventivo. Calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural requirirá o seu informe correspondente. A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable sen detrimento das competencias doutros organismos. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe no que conclúe: Na documentación existente apréciase que non foi detectada afección directa sobre o patrimonio arqueolóxico visible. Deberase realizar un control e seguimento arqueolóxico dos traballos de remoción de terras, para o que se deberá presentar un proxecto para a realización deste control e seguimento das fases de replanteo, execución de obra e restitución de terreos, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na fase previa ó inicio das obras. A aparición de calquera resto, así como calquera modificación de trazado, poranse en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e no proxecto definitivo deberase consignar unha partida orzamentaria de imprevistos derivados do control e seguimento. Os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ó financiamento do proxecto. A Confederación Hidrográfica do Norte emite informe no que conclúe: Deberase compatibiliza-lo proxecto coas obras actualmente en execución por parte da Confederación Hidrográfica do Norte correspondentes ó proxecto do desaugadoiro da bacía alta-polígono das Gándaras, do interceptor xeral do río Louro. A este respecto deberase considera-la situación exacta dos colectores, especialmente no cruzamento do pk 0+300, onde o estribo 1 debería ser construído suficientemente afastado da conducción. Debido a isto, o autor do proxecto deberase pór en contacto coa Confederación Hidrográfica do Norte. O proxecto e a execución das obras deberán considera-las normas sinaladas no Plan hidrolóxico norte I, aprobado polo Real decreto 1664/1998, do 24 de xullo. A Deputación Provincial de Pontevedra emite informe favorable. A Compañía Loxística de Hidrocarburos emite informe no que notifica que non existe ningunha conducción de oleoducto desa compañía que poida verse danada polas obras. O Concello de Mos emite informe no que realiza as seguintes observacións: Treito avda. de Bos Aires-Cristo de Belén. Non se observa alternativa ó camiño asfaltado que enlaza na actualidade Monte coa zona de Cristo de Belén e non se pode conectar á vía proxectada. Se a alternativa é a calella existente, non se tivo en conta que o seu largo impide que accedan camionetas de repartición. Unha alternativa sería desvia-la vía ata o camiño asfaltado local denominado da Estrada, ou realizar unha vía entre o noiro da autovía e a vivenda onde se sitúa a sucursal da caixa de aforros. Existen unha serie de dúbidas respecto a: Conducción das baixantes das augas pluviais ó río. Sinalización da estrada, tanto vertical coma horizontal. Tratamento final e iluminación da rotonda, así como tratamento final do terreo existente entre a rotonda e unha vivenda. Deberanse repoñe-las beirarrúas da estrada, realizándoas tamén na vivenda situada no concello de Mos, e realizar unha perfecta conexión coa estrada local da Estrada. Treito de confluencia con N-120 en Monte. As NSP establecen que a antiga N-120 debe ter un largo de 31 m, polo que as conexións da rotonda con esta vía e coa que conduce ó Porriño e a Gondomar deberán ter este largo. Deberanse ter en conta as escorregas da rotonda evitando novas achegas de auga nas zonas nas que actualmente existen problemas de inundacións. Deberase ter en conta o enlace das beirarrúas existentes coas proxectadas. Deberase ter en conta unha alternativa para os peóns, xa que non se reflicte ningunha sinalización para poder cruza-las rúas modificadas. Non se reflicte nin o tratamento final da rotonda nin a súa iluminación. Non se reflicte a traída veciñal de augas existente na antiga N-120, e que abastece os veciños da zona próxima ó concello do Porriño. Non se prevé a humanización das zonas modificadas, podéndose prever unha zona axardinada baixo a autovía, así como na outra marxe da rúa de servicio da autovía con dirección a Tui. Por isto solicítase: Que se garanta a mobilidade dos peóns na rotonda de Sanguiñeda, no lugar coñecido como Cruzamento do Costilleta, e na outra rotonda do outro extremo da vía. Que examine unha saída directa á autovía. Que doten dos necesarios accesos ós predios limítrofes que queden baixo a rasante da vía que se vai executar. Que prevexan beirarrúas de 1,80 m de largo mínimo e os servicios correspondentes á urbanización esixibles en solo urbano. ANEXO III Resumo de alegacións María Belén Rodríguez Sio alega que o trazado da estrada atravesa transversalmente un predio propiedade da súa filla menor, no que se realizaron melloras (cerramento, enreixado de arame e sebe, caseta de apeiros, rede de sumidoiros e traída de auga potable). Solicita a revisión do trazado para que a afección sexa menor. Alicia Rei Lorenzo alega que no proxecto non se recolle un predio propiedade seu destinado á construcción dunha vivenda. Solicita información sobre o estado final do predio. María Rodríguez Gil alega ser propietaria de dous predios afectados pola construcción da autovía Vigo-Fronteira Portuguesa, quedando sen acceso. Solicita información sobre a posible afección do proxecto ós devanditos predios para toma-las medidas oportunas. Francisco Romero Rodríguez alega que en parcelas limítrofes con predios da súa propiedade se está a construír un edificio que posúe licencia de obra condicionada do Concello de Mos. Solicita que as ditas obras non condicionen un cambio de trazado.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
resIII13012004.pdf Galego
resIII13012004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles