Resolución do 13 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data do 1 de setembro de 2003, relativa ó estudio informativo da nova estrada Ponte Illa de Arousa-Xufre. (Clave N/PO/97.20).

Diario Oficial de Galicia, 26-01-2004, Núm. 16, Páx. 1152
Resolución do 13 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data do 1 de setembro de 2003, relativa ó estudio informativo da nova estrada Ponte Illa de Arousa-Xufre. (Clave N/PO/97.20). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 1 de setembro de 2003, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da nova estrada Ponte Illa de Arousa-Xufre. Clave N/PO/97.20, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2004. Agustín Hernández Fernández de Rojas Director xeral de Obras Públicas Declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 1 de setembro de 2003, relativa ó estudio informativo da nova estrada Ponte Illa de Arousa-Xufre. Clave N/PO/97.20, no concello da Illa de Arousa (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, da Xunta de Galicia. (Clave 1999/0062). A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental. Dado que entre os proxectos considerados no antedito anexo I se atopa a construcción de autoestradas e autovías, vías rápidas e estradas convencionais de novo trazado, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia. Este estudio informativo deseña un novo trazado para a vía de conexión entre a Ponte Illa de Arousa e o porto de Xufre, cos seguintes obxectivos: Conecta-lo porto de Xufre e o continente mellorando as actividades do porto co resto de centros económicos de producción. Evitar que as actuais vías de acceso continúen sendo rúa principal das poboacións da illa. Reduci-lo custo xeneralizado do transporte e aumenta-la seguridade das viaxes así como a capacidade viaria. Reduci-lo impacto sobre o medio ambiente. Con data do 11 de febreiro de 1999 (DOG nº 28) publícase a Resolución do 3 de febreiro de 1999, da Subdirección Xeral de Estradas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, pola que se somete información pública o estudio informativo do proxecto de referencia. Con data do 11 de marzo de 2003 recíbese no rexistro da Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas que contén os certificados de exposición ó público, (tendo constancia da presentación de alegacións), e os informes de Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural (actualmente: Dirección Xeral de Conservación da Natureza), Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Urbanismo, Demarcación de Costas en Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra e do Concello da Illa de Arousa. Con data do 29 de xullo de 2003, recíbese no rexistro da Consellería de Medio Ambiente un informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Unha vez cuberta a tramitación, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudio informativo da nova estrada Ponte Illa de Arousa-Xufre, no concello da Illa de Arousa (Pontevedra), promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia. No anexo I achégase un resumo do estudio informativo e as medidas protectoras e correctoras propostas no estudio de impacto ambiental (EsIA). No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA. O anexo III inclúe un resumo das alegacións recibidas como resultado do trámite de información pública. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, estas foron tidas en conta, no que procede, nos puntos 6.2.4 e 9.1 do condicionado da DIA. O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Obras Públicas e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola Dirección Xeral de Obras Públicas: Estudio informativo da nova estrada Ponte Illa de Arousa-Xufre, clave N/PO/97.20, redactado en decembro de 1997, no Concello da Illa de Arousa (Pontevedra). Estudio de impacto ambiental do estudio informativo da nova estrada Ponte Illa de Arousa-Xufre, redactado en decembro de 1997, no Concello da Illa de Arousa (Pontevedra). A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta de que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. a) Ámbito da declaración. Esta declaración refírese ó proceso de execución e explotación do proxecto desenvolvido no estudio informativo da nova estrada Ponte Illa de Arousa-Xufre, redactado en decembro de 1997, no Concello da Illa de Arousa (Pontevedra). O ámbito desta declaración é o estudio informativo citado e as modificacións xurdidas ó ter en conta os seguintes puntos: . Adoptar como solución definitiva a alternativa presentada no Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU). O paso a través do piñeiral do Furado realízase levando o carril-bici polo exterior deste, mantendo a traza da estrada a configuración recollida no PXOU. Varíase a sección transversal da vía de acordo coas alegacións presentadas polo Concello da Illa de Arousa. Os planos que definen o ámbito da declaración serán os requiridos no punto 10.1 da presente DIA, unha vez que sexan informados favorablemente pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. b) Condicionado. 1. Protección da atmosfera. 1.1. Sobre as emisións de po e gases. 1.1.1. A maquinaria utilizada no proceso constructivo deberá cumprir coa normativa vixente en materia de emisións que lle resulte de aplicación. Así mesmo, contará coa pertinente documentación acreditativa. 1.1.2. Os camións irán equipados con lonas ou toldos durante o transporte de materiais, segundo indica o artigo 14.2º do Regulamento xeral de circulación. 1.1.3. Queda prohibida a queima de restos ou calquera tipo de material procedente da obra sen a pertinente autorización. 1.2. Sobre a contaminación acústica. 1.2.1. Adoptaranse as medidas correctoras necesarias para garantir que os niveis de presión sonora orixinados na fase de obra e funcionamento, non supoñan unha alteración substancial da presión sonora soportada actualmente no ámbito territorial do emprazamento da nova infraestructura. Para iso, atenderase, en todo caso, ó establecido na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica, e no Decreto 150/1999, Regulamento de protección contra a contaminación acústica. Así mesmo, e se as houbese, considerarase o establecido nas ordenanzas municipais do Concello da Illa de Arousa (Pontevedra). 1.2.2. En consecuencia, deberán desenvolverse en fases ulteriores de desenvolvemento do proxecto, os estudios de detalle necesarios para valora-la afección sonora prevista e propoñe-las medidas correctoras axeitadas. O dito estudio de detalle deberá ser presentado ante o órgano ambiental de acordo co indicado no punto 10.2. 1.2.3. Así mesmo, elaborarase un plan de seguimento de ruídos, tanto para a fase de obra como para a explotación, que se implementará no Programa de Seguimento e Vixilancia Ambiental segundo aprobado na presentación da documentación solicitada no punto 10.10. 2. Protección das augas e leitos. 2.1. Previamente a calquera afección ó dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. 2.2. Procederase ó balizado ou sinalización axeitada, dos tramos da rede fluvial inscritos no ámbito de afección da infraestructura, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espacios (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñe-la contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes. 2.3. En fase de obra, disporanse sistemas que impidan ou controlen a chegada, a través de procesos de escorrega superficial, de materiais procedentes dos movementos de terras e escavacións ás augas continentais. Estes sistemas definiranse tal e como se require no punto 10.5 desta DIA. Así mesmo, prohíbese a vertedura de calquera substancia ás augas, en especial, cementos e hidrocarburos, así como a lavada de material nos cursos. 2.4. As drenaxes transversais do viario realizaranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona. Para tal fin deberase presentar un estudio da localización de tódolos dispositivos de drenaxe necesarios, tanto transversais como lonxitudinais, de acordo co requirido no punto 10.6 desta DIA. Así mesmo, elaborarase un plan de seguimento da rede de drenaxe, tanto para a fase de obra como para a explotación, que se implementará no Programa de Seguimento e Vixilancia Ambiental segundo aprobado na presentación da documentación solicitada no punto 10.10. A achega das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á súa saída, coa fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais. 2.5. Evitarase a deterioración, así como calquera influencia negativa sobre os hábitats fluviais e mariños, protexendo a vexetación das ribeiras e da costa. 2.6. Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, que conten coas debidas autorizacións. 3. Protección de costas. 3.1. Previamente a calquera afección ó dominio público marítimo-terrestre, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Dirección Xeral de Costas. Así mesmo, e previo ó inicio das obras, será necesario presentar copia do informe favorable da Dirección Xeral de Costas, tal e como se require no punto 10.9 da presente DIA. 4. Protección dos solos. 4.1. Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, co fin de delimita-las distintas zonas de obra, mediante o seu balizado, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. 4.2. Na selección das zonas destinadas ó emprazamento das instalacións auxiliares, primará o uso dos espacios ocupados pola traza fronte a calquera outro, evitando, en todo caso, a súa localización sobre, ou no contorno de zonas vulnerables: dominio público hidráulico, dominio público marítimo-terrestre, rede fluvial, bosques climácicos, bens patrimoniais e núcleos de poboación, de maneira que estas se sitúen en espacios carentes de valores ambientais relevantes. Achegarase plano a escala axeitada segundo se solicita no punto 10.3. 4.3. No caso da definición de vías auxiliares, primará o uso da propia traza fronte ó de viarios locais preexistentes e, de ambos, fronte á apertura de novas vías. Estes deberán ser definidos e reflectidos en planos a escala 1/5.000 tal e como se require no punto 10.4. 4.4. Calquera material procedente de canteira que se precise para o desenvolvemento das obras, deberá proceder de canteiras autorizadas. 4.5. Ó remata-las obras, tódalas instalacións auxiliares deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen situadas sobre a propia traza, restaurados os espacios ocupados por elas ó seu estado preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de viarios de obra que non vaian ser utilizados posteriormente ó remate daquelas. 4.6. Previo ás operacións de movemento de terras retirarase a capa de terra vexetal da zona que será almacenada para o seu posterior estendido nos noiros xerados na obra e resto de zonas definidas no correspondente proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico. O dito proxecto deberá ser presentado ante o órgano ambiental de acordo co indicado no punto 10.8. A terra vexetal que se vai recuperar será almacenada de modo que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica e disporanse formando cordóns que non superen os 2 m de altura. No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado, realizaranse labores de mantemento consistentes en regas e removeduras periódicas, achegas de abonos minerais e sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con aportes de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6 % de materia orgánica. 5. Xestión de residuos. 5.1. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte a vertedura. 5.2. Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, situados na zona de instalacións de obra, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia. 5.3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. 5.4. Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 5.5. Colocaranse as papeleiras e contedores necesarios para unha correcta xestión dos residuos urbanos durante a fase de explotación da obra. 6. Protección da fauna e da vexetación. 6.1. Sobre a fauna. 6.1.1. Aqueles labores do proceso de obras que impliquen a realización de voaduras lavaranse á práctica fóra do período de reproducción e cría das especies faunísticas do territorio. 6.1.2. Deberase estudia-lo deseño definitivo das obras de drenaxe transversal en relación ó efecto barreira sobre a fauna. No deseño destas obras de drenaxe terase en conta o uso como paso para fauna. No caso de que as obras de drenaxe non sexan suficientes, proxectaranse pasos para a fauna independentes. Este estudio será realizado seguindo o indicado no punto 10.6 da presente DIA. 6.1.3. Deberá xustificarse que as infraestructuras que se vaian instalar garanten que co seu deseño non se xeren no punto de paso láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, e que se minimiza a lonxitude do paso o máximo posible. A totalidade do sistema de drenaxe debe ser considerado como paso bidireccional de fauna, e por tanto, desprovisto de estructuras de caída vertical que impidan o retorno. Así mesmo, o deseño de tódolos elementos de drenaxe deberá prever que tódalas especies que caian neles poidan saír. 6.1.4. Incorporarase ó Programa de Seguimento e Vixilancia Ambiental o seguimento da eficacia das estructuras de drenaxe transversal como puntos de paso para a fauna e, se procede, segundo os resultados do estudio indicado no punto 10.6, dos pasos específicos para fauna. 6.2. Sobre a vexetación. 6.2.1. Previamente á corta de arboreado realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. 6.2.2. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación que non resulte afectada directamente pola execución das obras proxectadas. En fase de replanteo, procederase ó balizado, ou á sinalización de todas aquelas masas e formacións vexetais de carácter climácico e interese ambiental situadas no contorno do trazado, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas. Prestarase especial atención á totalidade do treito obxecto de obra que discorre no ámbito do piñeiral de Furado, Brañas de Veiga e, en xeral, ó longo dos areais e praias, así como aquelas masas conformadoras de comunidades riparias asociadas á rede fluvial e ás representacións do bosque climácico. 6.2.3. No tratamento da vexetación de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente con medios mecánicos. 6.2.4. Con respecto ás zonas húmidas ou outros espacios protexidos deberanse contempla-las consideracións realizadas polos organismos ambientais competentes. Neste sentido presentarase un estudio de detalle do paso da vía sobre As Brañas da Veiga, tal e como se indica no punto 10.7. 7. Protección da paisaxe. 7.1. Procederase a redactar un proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios alterados polas obras con base nas liñas xerais expostas no EsIA, no informe da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural (hoxe Dirección Xeral de Conservación da Natureza) e incluíndo tamén os medios precisos para dar cumprimento a esta declaración de impacto ambiental. No dito proxecto consideraranse tódolos espacios ocupados por instalacións ou actividades auxiliares ás obras. 7.2. Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavacións e, en xeral, sobre todas aquelas superficies que, a consecuencia da realización das obras, queden desprovistas de vexetación, procederase á aplicación dos procedementos de restauración á maior brevidade posible, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos. En caso de seren necesarias, adoptaranse as correspondentes medidas correctoras para evita-la erosión, como pode se-lo estendido de mantas de fibra de coco. 7.3. O paseo e carril-bici proxectados estarán integrados no contorno, evitando cores impactantes. 8. Protección do patrimonio. 8.1. O proxecto constructivo definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante, no que deberá incluírse un plan global de medidas correctoras que se van realizar nas distintas fases de realización das obras, cara á protección e conservación dos elementos do patrimonio cultural, e ó seguimento e control das obras por se deran lugar a novas afeccións. Este plan global de medidas correctoras deber incluír un proxecto arqueolóxico para a realización da prospección arqueolóxica intensiva da variante seleccionada e para o control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución da obra e restitución dos terreos. 8.2. Terase en conta que con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas previstas en cada unha das fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. 8.3. Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como estipula a normativa vixente na materia. 9. Protección dos servicios existentes. 9.1. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servicios e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras cómpre corta-lo paso dalgunha vía, deberanse indicar rutas alternativas que presten o mesmo servicio. 10. Documentación adicional. Previamente ó inicio do proceso constructivo, o promotor remitiralle ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puidesen derivarse, dous (2) exemplares da seguinte documentación: 10.1. Memoria xustificativa analizando os posibles impactos que poidan xera-las modificacións realizadas respecto do trazado orixinal a consecuencia da aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello da Illa de Arousa. 10.2. Estudio de detalle para valora-la afección sonora prevista polo funcionamento da nova infraestructura e, se procede, proposta das medidas correctoras axeitadas. 10.3. Plano a 1/5.000 onde se sinale o emprazamento das instalacións auxiliares ou zonas de amoreamento das obras segundo se prevexa. Irá acompañado dunha memoria onde consten os equipamentos destinados a previ-la xeración de impactos adicionais de cada unha das instalacións previstas, así como unha definición suficiente das súas funcións. Inclúense aquí tanto instalacións auxiliares como lugares destinados á realización de amoreamentos. 10.4. Definición, incluíndo soporte cartográfico a escala 1/5.000, da localización dos accesos de obra, incluíndo a xustificación da apertura de novos accesos en caso de que se precisen. Irá acompañado dunha memoria onde consten os impactos adicionais de cada un dos accesos previstos, así como unha definición suficiente das medidas correctoras que se van adoptar. 10.5. Definición dos sistemas destinados a previ-la contaminación das augas a consecuencia dos procesos de escorrega superficial en fase de movementos de terras. 10.6. Detalle da configuración e características das obras de drenaxe transversal en atención ó sinalado nas condicións 2.4 e 6.1.2. 10.7. Estudio de detalle da solución adoptada no paso da vía sobre As Brañas da Veiga, incluíndo planos e memoria xustificativa. 10.8. Proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico conforme o sinalado nas condicións 4.6 e 7.1. 10.9. Informe favorable da Dirección Xeral de Costas sobre o proxecto constructivo. 10.10. Programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado no presentado no estudio infor mativo e os controis derivados das condicións da presente DIA. 10.11. Notificación do responsable ambiental tal e como se require no punto 12.5 da DIA. Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Unha vez informado por esta Dirección Xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicaralle a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, un cronograma de obras actualizado, que conterá tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio, fin e a duración prevista. 11. Programa de seguimento e vixilancia ambiental. Redactarase un novo Programa de seguimento e vixilancia ambiental para o seguimento e control dos impactos e da eficacia das medidas correctoras establecidas no estudio de impacto ambiental e nas condicións desta declaración, que se presentará segundo o indicado no punto 10.10. O obxecto deste programa será o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Tódalas medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 12.5 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do Programa de vixilancia e seguimento ambiental. Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá, a esta dirección xeral, coas periodicidades que se indican, dous (2) exemplares de: 11.1. Trimestralmente, durante a fase de obras: 11.1.1. Cronograma actualizado das obras, xunto cun plano no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte trimestre. 11.1.2. Memoria do seguimento realizado de acordo co Programa de vixilancia e seguimento ambiental indicado no punto 10.10. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado. 11.2. Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do Programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cum primento de tódalas medidas correctoras contempladas no estudio así como as impostas na DIA, e en concreto: Informe acompañado de reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado da vía e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado. Estado da restauración, especialmente nas zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións. 11.3. Seguimento ambiental anual, contados desde o inicio da explotación, durante os tres (3) primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos: 10.3.1. Memoria resumo do seguimento realizado de acordo co Programa de vixilancia e seguimento ambiental indicado no punto 10.10, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. 11.3.2. No caso de xerarse algún informe especial definido no Programa de vixilancia e seguimento ambiental do estudio presentado, remitirase á maior brevidade posible a esta dirección xeral. 12. Condicións adicionais. 12.1. A Dirección Xeral de Obras Públicas comunicará a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras. 12.2. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan. Do mesmo xeito poderase proceder no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración. 12.3. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-llas medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente. 12.4. As condicións sinaladas na presente DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e metas que se fixan nesta declaración de impacto ambiental. Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada esta declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto. 12.5. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental. 12.6. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental. 12.7. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan nesta DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento. 12.8. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia. Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2003. José Luis Díez Yáñez Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I Descrición do proxecto e medidas correctoras 1. Obxecto do estudio. Este estudio informativo deseña un novo trazado para a vía de conexión entre a Ponte Illa de Arousa e o porto de Xufre, cos seguintes obxectivos: Conecta-lo porto de Xufre e o continente mellorando as actividades do porto co resto de centros económicos de producción. Evitar que as actuais vías de acceso continúen sendo rúa principal das poboacións da illa. Reduci-lo custo xeneralizado do transporte e aumenta-la seguridade das viaxes así como a capacidade viaria. Reduci-lo impacto sobre o medio ambiente. 2. Descrición e estudio de alternativas. Estúdianse cinco alternativas, da que se escolle a alternativa denominada alternativa 1. A alternativa 1 discorre pola franxa costeira, tratando de axustarse no posible á liña de deslindamento do dominio público marítimo terrestre, partindo dunha glorieta que se localizará próxima á saída da ponte. Ten unha lonxitude total de 3.181,4 m. A alternativa 2 diferénciase da anterior na zona do peirao Carbodeiro, zona pola que discorre paralela a un camiño interior. Ten unha lonxitude total de 3.077,9 m. A alternativa 3 coincide coas dúas primeiras no seu tramo inicial e final, discorrendo no seu tramo central polo contorno urbano. Ten unha lonxitude total de 2.470,1 m. A alternativa 4 diferénciase da anterior na súa zona central, na que discorre máis ó oeste. Ten unha lonxitude total de 2.276,5 m. A alternativa 5 discorre polo núcleo urbano aproveitando o trazado da estrada actual. Ten unha lonxitude total de 1.226,6 m. 3. Características técnicas. As seccións tipo da alternativa escollida son as seguintes: Beirarrúa esquerda: 1,35 m. Aparcadoiro esquerdo: 2,50 m. Calzada: 2x3,50 m. Carril-bici: 2,50 m. Beirarrúa dereita: 2,55 m. Trátase dunha vía de velocidade específica de 50 km/h con radios mínimos de 50 m. 4. Resumo de medidas correctoras. Respecta-la época de cría das aves. Rega das superficies núas de vexetación para impedi-lo levantamento de finos. Evita-la vertedura de contaminantes sólidos ou líquidos ás canles existentes. Evitar verter contaminantes directamente sobre o chan. Mante-las lindes das praias e das zonas de litoral libres de obras e de deposición de materiais. Retirarase a terra vexetal, que será debidamente amoreada antes de ser utilizada nas plantacións. Os camiños de acceso á zona de obras intentaranse axustar ós existentes. En fases posteriores redactarase un completo plan de restauración vexetal e adecuación paisaxística, que incluirá tódalas zonas afectadas polas obras. Restablece-lo estado preoperacional das zonas de canteira e achega de préstamos. Non elimina-la vexetación que quede fóra da explanación. Os materiais sobrantes disporanse en zonas ocultas e en terreos non de valgada. O proxecto constructivo será respectuoso coa paisaxe de forma que se consiga a integración da estrada no contorno. Non estacionar maquinaria en vías de circulación. Sinalizar correctamente as obras, establecendo rutas alternativas en caso necesario. ANEXO II Resultado da consultas efectuadas A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural (hoxe Dirección Xeral de Conservación da Natureza) emite informe no que conclúe: Sinalan, que malia que acepta a 1ª alternativa como a máis impactante para o medio físico e biótico, ratifican o subscrito polos redactores do estudio informativo, no cal a valora en conxunto como a menos impactante. Propoñen unha serie de medidas que se vaian contemplar no EsIA definitivo, no caso de escollerse a 1ª alternativa: Deberanse respecta-los cauces dos cursos naturais susceptibles de seren afectados polas obras, garantindo o mantemento do actual réxime de caudais e velocidades. Para isto estableceranse infraestructuras que serán presentadas para a súa avaliación definitiva. Evitarase a vertedura de sustancias contaminantes ós cursos de auga que, en ningún caso, poderán ver afectada a súa calidade físico-química e biótica, cumprindo o disposto na Directiva 78/659/CEE, o Real decreto 927/1988 e o Decreto 130/1997. Os residuos tóxicos que se poidan xerar, deberanse xestionar de acordo co estipulado na lexislación vixente e por entidades autorizadas. A drenaxe transversal das pistas á rede natural farase de xeito que non se modifique en exceso o caudal dos regos. Así mesmo, colocaranse sistemas de disipación de enerxía, tendendo sempre á máxima integración no medio. Vixiaranse os procesos erosivos ocasionados pola drenaxe transversal da vía, tomando as medidas oportunas, realizando un seguimento periódico no plan de vixilancia e durante a explotación da vía. Especificaranse as zonas de afección á rede hidrográfica. Toda a terra vexetal susceptible de ser degradada polas accións do proxecto deberá ser acopiada e conservada, e incluso mellorada. Serán definidas as zonas de amoreamento, programa de mantemento e reutilización das terras vexetais. Os noiros e desmontes resultantes serán convenientemente restaurados, para isto deberá presentarse un plan de restauración e revexetación das zonas afectadas. Este plan contemplará a localiza ción e contía das superficies alteradas, así como as especies e densidades que se van empregar e metodoloxía de repoboación. Dado o uso peatonal da vía, colocaranse papeleiras ó longo do seu percorrido. O trazado da vía non deberá invadir en ningún tramo o dominio de áreas de praia (areais). A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable sen detrimento das competencias doutros organismos. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe no que conclúe: Sinala que ante a falta de traballos arqueolóxicos previos, proposta de medidas correctoras, e programa de vixilancia axeitado con respecto á protección do Patrimonio Cultural, informa desfavorablemente o estudio de impacto ambiental do estudio informativo da nova estrada Ponte Illa de Arousa-Xufre. Posteriormente, e trala aportación de documentación complementaria a este respecto, emite un segundo oficio no que informa favorablemente o estudio informativo e avaliación ambiental para a nova estrada Ponte Illa de Arousa-Xufre. Indica que o proxecto constructivo definitivo deberá ser remitido a esa dirección xeral para o seu informe vinculante, no que se incluirá un plan global de medidas correctoras que se van realizar nas distintas fases de realización das obras, e que conterá: Proxecto arqueolóxico para a realización da prospección arqueolóxica intensiva da variante seleccionada, e para o control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e restitución de terreos. Con base nos resultados, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, e decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Tódalas actuacións arqueolóxicas previstas deberán ser realizadas por un equipo de técnicos arqueólogos, con experiencia demostrada na actividade de que se trate. A Dirección Xeral de Urbanismo emite informe no que conclúe: As alternativas 1, 2, 3 e 4 son as que implican unha maior incidencia no ámbito da ordenanza 9, solo non urbanizable de protección de costas e praias, así como a solo non urbanizable de protección de áreas de cultivo e de parques forestais. A alternativa 5, sen rexeitar ningunha das alternativas, parece que é a máis axeitada pola súa menor incidencia no ámbito natural costeiro da Illa de Arousa e pola súa maior participación estructurante do futuro desenvolvemento urbanístico do núcleo urbano. A Demarcación de Costas en Galicia emite informe no que conclúe: Indica que previamente ó seu informe, deberán remiti-lo proxecto seleccionado. Previamente ó inicio das obras, deberá ser informado favorablemente pola Dirección Xeral de Costas a adscrición dos terreos de dominio público marítimo terrestre que se vai ocupar, e con posterioridade, ese organismo levantará a correspondente acta e plano de adscrición. A Deputación Provincial de Pontevedra informa favorablemente. O Concello da Illa de Arousa emite informe no que conclúe: As alternativas 1 e 2 son as máis axeitadas, apoiando a alternativa 2, xa que é a que máis se axusta ó PXO xa aprobado inicialmente, e garante a presencia do piñeiral do Furado para o que se propón desdobra-la vía, separando a traza da calzada para vehículos a motor das destinadas a carril-bici e paseo de viandantes. Así mesmo, indica unha serie de aspectos que hai que considerar, que de non corrixirse farían inaceptable o proxecto: Modificación da sección transversal da calzada: A beirarrúa interior deberá ter unha largura comprendida entre 1,85 e 2,00 m. Os aparcadoiros deberán ter unha largura de 2,00 m. A largura do carril de circulación dos vehículos a motor deberá reducirse a 3,00-3,25 m. A largura do carril bici deberá aumentarse a 3,00 m. No paso polo piñeiral do Furado, adoptarase o trazado da alternativa 2 para o tráfico motorizado, e o carril-bici e o paseo peatonal discorran polo bordo exterior do bosque de piñeiros. O paso da traza polas Brañas da Veiga non afectará á circulación da auga, polo que o taboleiro deberá descansar sobre pilotes, evitando o recheo. Na praia do Cabodeiro, deberase evitar calquera afección á praia que suporía modificación das súas condicións, reducíndose os largos das beirarrúas, carril-bici e paseo de viandantes exterior e eliminando o aparcadoiro. A rotonda de enlace coa estrada actual deberá ter unhas pequenas correccións que se reflicten nun plano achegado. A valoración económica das beirarrúas, así como a súa execución deberá ser considerada no proxecto. Posteriormente emite informe no que indica que o proxecto deberá xustifica-lo cumprimento das ordenanzas 9, 10, 15, 17 e SAU-5 e SAU-6. ANEXO III Resumo de alegacións O Partido Popular da Illa de Arousa e 25 veciños realizan as seguintes alegacións: Atravésase por medio dunha zona húmida coñecida como Braña da Veiga, botando a perder unha futura actuación de parque público e esparexemento. Prexudican os terreos situados entre a vía e a costa, xa que así quedan limitados por usos urbanísticos que restrinxen a cualificabilidade e accesos destes. Existen vivendas edificadas entre o tramo proxectado e a liña da praia que quedan urbanisticamente illadas. Propoñen un trazado alternativo, do que achega plano, cara ó exterior de maneira que se evite afectar ás Brañas da Veiga, se reduza o número de prexudicados urbanisticamente e as edificacións existentes na zona non queden illadas. Así mesmo, solicitan reduci-lo largo da estrada a uns 4,50 m no tramo comprendido entre o Muro da Vella e o enlace coa estrada do Cabodeiro, bordeando a praia da Sapeira, que se sacarían anulando os 2,50 m do aparcadoiro, reducindo o largo de cada carril 50 cm e a separación do carril-bici da calzada en 1 m. Na zona mencionada, a estrada discorrerá sobre pilotes con voo sobre a praia. José Álvarez Escaloni alega que o trazado da estrada, na zona da Saperia, afecta a un galpón con horta e un predio da súa propiedade que se verán cortados pola metade. Solicita que a estrada discorra pola beira do mar. Dna. Alfonso Vázquez Cores, e 15 veciños, alega que o trazado da estrada afecta a non menos de 35 veciños, dividindo as súas parcelas á metade. Propón dúas alternativas de trazado, dos que achega plano, que afectan menos ás propiedades particulares. Así mesmo, un dos trazados propostos evitan a afección a Braña da Veiga.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
resII13012004.pdf Galego
resII13012004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles