Diario Oficial de Galicia, 02-11-2006, Núm. 211, Páx. 16158
Resolución do 13 de outubro de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Serra das Penas, no concello de Paradela (Lugo), promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A. (Expediente 79-EOL).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 18 de setembro de 2006, relativa ao proxecto do parque eólico Serra das Penas (clave 073-EOL), no concello de Paradela (Lugo), promovido por Endesa Cogeneración y Renovables, S.A. e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2006.
Anxo Ramón Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 18 de setembro de 2006, relativa ao proxecto do Parque Eólico Serra das Penas, no concello de Paradela (Lugo), promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A. (clave: 2005/0281).
Antecedentes.
Por solicitude da empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A., a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico de 48 MW de potencia total no concello de Paradela (Lugo), constituído por 24 aeroxeradores de 2.000 kW de potencia nominal unitaria.
Dentro do referido procedemento de autorización administrativa considerouse o proxecto, que está recollido no anexo II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado polas leis 6/2001, do 8 de maio, 9/2006, do 28 de abril, e 27/2006, do 18 de xullo, como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
Mediante Resolución do 20 de outubro de 2004, da Delegación Provincial da entón Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo (publicada no DOG nº 222, do 15 de novembro), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial e o estudo de impacto ambiental das instalacións que comprende o referido parque eólico, constando durante o período de exposición pública a presentación dunha serie alegacións que, no que respecta ao seu contido ambiental, foron tidas en conta no que procede ao longo da declaración.
O 27 de xullo de 2005 recíbese nesta consellería o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, contendo os certificados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza (ratificado o 12 de xaneiro de 2006), de Obras Públicas e de Turismo, ademais dos emitidos pola Delegación Provincial en Lugo da Consellería de Sanidade e pola Confederación Hidrográfica do Norte. O 8 de setembro de 2005 recíbese copia das alegacións con contido ambiental presentadas durante o trámite de información pública.
O 3 de marzo de 2006 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas remite un escrito do promotor en resposta ao informe emitido pola Dirección Xeral de Turismo no marco da tramitación ambiental do proxecto. O dito escrito remíteselle á antedita dirección xeral, que emite un novo informe de incidencia turística do proxecto, o cal se recibe nesta consellería o 19 de xullo de 2006.
O 31 de agosto de 2006 ten entrada un escrito aclaratorio do promotor en relación coa poligonal do parque que figura no estudo de impacto ambiental.
Rematada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula para os sós efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto do Parque Eólico Serra das Penas, no concello de Paradela (Lugo), promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os sós efectos ambientais, condicionamentos adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que supoñan unha maior protección do medio. Ademais desto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando a documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto do Parque Eólico Serra das Penas, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 48 MW de potencia total no concello de Paradela (Lugo), constituído por 24 aeroxeradores de 2.000 kW de potencia nominal unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice UTM X UTM Y
1 614.000 4.738.000
2 617.000 4.738.000
3 621.000 4.726.000
4 621.000 4.721.000
5 615.000 4.719.000
6 611.000 4.719.000
7 612.000 4.734.000
A localización dos aeroxeradores e a infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano planta xeral del parque. Planos nº 2-I e 2-II, do estudo de impacto ambiental.
En relación coa liña de evacuación da enerxía producida no parque, obxecto de proxecto independente segundo consta no proxecto técnico do parque, hai que sinalar que no caso de que polas súas características ou localización se atope recollida nalgún dos supostos que figuran no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado polas leis 6/2001, do 8 de maio, 9/2006, do 28 de abril, e 27/2006, do 18 de xullo, ou do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, o promotor deberá solicitar a pertinente cualificación ambiental do proxecto.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
2.1.1. Sobre o po.
Co fin de minimizar a emision de po á atmosfera durante a fase de obras, ademais das medidas previstas no estudo ambiental, os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Así mesmo, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2.1.2. Sobre o ruído.
Os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque eólico non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, de ser o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de vías, gabias de cableado...), así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, neste caso a Confederación Hidrográfica do norte, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán, ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.
Así mesmo, respectaranse os mananciais que puidesen existir na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.
3. As augas residuais que se xeren nas edificacións asociadas ao parque deberán ser conducidas ata a fosa séptica prevista, que deberá ser mantida periodicamente para garantir o seu correcto funcionamento.
4. Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento do sistema de drenaxe do parque, dos dispositivos de disipación de enerxía previstos e das condicións de incorporación das augas de drenaxe cara á rede natural, co obxecto de comprobar se se producen fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Neste sentido, levaranse a cabo os oportunos labores de mantemento do sistema e desenvolverase o plan de seguimento hidrolóxico proposto no estudo ambiental, téndose que adoptar as medidas protectoras ou correctoras necesarias, ademais das indicadas no estudo ambiental, no caso de producírense os citados fenómenos.
5. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Cando se executen obras en zonas de elevada pendente, deberán dispoñerse mallas antiescorrega ou calquera outra medida adecuada para evitar arrastre ou rodadura de materiais ladeira abaixo.
6. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume e policía dos cursos fluviais nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial.
7. Non está permitido o lavado de maquinaria e utensilios nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas, ata que se constate a ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental.
2.3. Protección do solo.
1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
2. Procederase á delimitación das distintas zonas de obra mediante o seu balizamento, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras e ser retirado cando estas finalicen.
3. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obras como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.
4. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
5. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona salvo xustificación previa, en cuxo caso se seleccionarán zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao finalizar a obra.
6. A zona destinada a parque de maquinaria, casetas de obra, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, localizarase na explanación da subestación transformadora ou no contorno da planta provisional de formigón, evitando así a ocupación e afección dunha nova localización.
7. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.4. Xestión de residuos.
1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado poderá realizarse nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo os criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza.
3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramamentos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas poderán realizarse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.
4. Antes do inicio da fase de explotación do parque deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos producidos durante a obra.
2.5. Protección da fauna e vexetación.
2.5.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roce de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído na documentación avaliada, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. No caso de que nas vías de acceso se instalen pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, podendo consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos.
3. Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores.
Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, coas particularidades sinaladas nos puntos 3.2.4 e 3.5.2 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre as súas poboacións, adoptaranse as medidas necesarias para corrixir a dita situación, entre elas as recolllidas na documentación avaliada.
2.5.2. Sobre a vexetación.
1. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.
En todo caso, calquera actuación de carácter inevitable levará asociada a restitución íntegra do espazo afectado á maior brevidade posible. Así mesmo, previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións.
2. Previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
3. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.6. Sobre a integración paisaxística.
1. Adoptaranse medidas que maximicen a integración paisaxística do edificio corporativo e de control do parque e da nave-taller. A súa tipoloxía construtiva e o acabado exterior harmonizarán, na medida do posible, co tradicional da zona. No referente á subestación transformadora, limitarase a accesibilidade visual mediante pantallas vexetais que potencien a súa integración no contorno.
2. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o plan de restauración e revexetación incluído no estudo ambiental, tendo en conta as seguintes consideracións:
- As áreas obxecto de restauración e revexetación incluirán, ademais das sinaladas no plan presentado, a zona de casetas de persoal e instalacións temporais de obra.
- Co obxecto de diminuír a superficie que hai que restaurar e a afección sobre o solo e a vexetación, minimizarase a largura da banda de afección prevista para as gabias de cableado.
- Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse, sempre que sexa posible, paralelamente ao avance das obras, conforme as distintas superficies que se restauren acadan o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.
- No caso de necesitar achegas externas de terra vexetal, esta non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio. En todo caso, calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada. Así mesmo, será admisible o uso de solos reciclados obtidos de acordo coa Instrución técnica de residuos ITR/01.0/05, do 29 de xuño, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á elaboración de solos reciclados a partir de residuos.
2.7. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionamento desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes cos novos problemas xurdidos.
Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto na documentación avaliada, deberán incorporarse os controis que sexan necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos desta declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, quen o comunicará ao órgano ambiental.
- Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
- Os informes de seguimento ambiental resultantes do desenvolvemento deste programa, a que se fai referencia ao longo do condicionado da declaración, serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, correspondéndolle a este o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionamento da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, de ser o caso, do responsable do control do seguimento ambiental.
- No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilos. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
Levaranse a cabo as medidas correctoras recollidas no documento informe final. Estudo de impacto arqueolóxico. Parque eólico de Serra das Penas, aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:
1. Para evitar posibles afeccións, establécese para esta obra unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio arqueolóxico cun radio de 200 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
No caso do impacto compatible sobre o elemento Modorra das Cruces (YA040329N01), establécese unha área de exclusión de obras de 167 metros de radio, medidos desde o límite exterior do ben. A realización de calquera tipo de obra nesta área precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, previamente ao inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o seu transcurso, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
3. En relación coa liña de evacuación da enerxía do parque, previamente á súa execución deberase contar cun estudo que avalíe o seu impacto (así como o dos accesos) sobre os elementos do patrimonio cultural.
4. Como medida compensatoria, deberase levar a cabo a limpeza vexetal e documentación topográfica e planimétrica dos xacigos arqueolóxicos localizados no ámbito de afección do parque. Para tal fin, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e que deberá incluír o compromiso por parte da empresa promotora do parque do mantemento dun programa de limpeza periódica da vexetación nestes xacementos durante o período de explotación do parque. Neste sentido, o proxecto de limpeza deberá incorporar cronograma de actuacións e orzamento previsto.
5. Baseándose os resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
6. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Fase previa ao inicio das obras.
1. Co fin de mellorar a integración do proxecto cos valores turísticos que hai que preservar e fomentar na zona prevista para a súa implantación, o promotor elaborará unha proposta de medidas compensatorias que minimicen a incidencia sobre os ditos valores e axuden a manter as liñas turísticas dos establecementos creados e das administracións locais, así como potenciar o contorno desde un punto de vista principalmente turístico.
Todo o relativo á elaboración e posterior desenvolvemento da dita proposta de medidas deberá estar consensuado coa Dirección Xeral de Turismo. O promotor deberá contar, previamente ao inicio das obras de construción do parque, coa aprobación da proposta por parte da devandita dirección xeral.
2. Levaranse a cabo as campañas preoperacionais previstas nos plans de seguimento do nivel de ruído e o de control da calidade das augas. Os resultados das ditas campañas incorporaranse aos informes de seguimento ambiental (tanto os de obra como os de funcionamento) para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
3. No que respecta á planta provisional para a fabricación de formigón en obra, deberán implementarse todas as medidas necesarias (impermeabilización do solo, canles perimetrais, balsas de decantación, etcétera) para garantir a non afección ao solo e aos cursos de auga por derramamentos ou verteduras accidentais. En canto rematen as obras deberá ser desmontada e retirada, procedendo á correcta xestión de todos os residuos orixinados e á limpeza da parcela ocupada, que pasará a formar parte da infraestrutura do parque segundo se sinala no estudo ambiental.
4. Dado que entre as aves rapaces inventariadas na área do parque figuran dúas especies de rapinas do xénero Circus: tartaraña cincenta (Circus Pygargus) e gatafornela (C. Cyaneus), que nidifican sobre o solo en ambientes de matogueira e polo tanto son susceptibles de verse afectadas polas obras, levaranse a cabo as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección directa das infraestruturas e instalacións do parque.
No caso de detectarse a súa nidificación na zona afectada polas obras, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, incluíndo o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de raio en torno ao niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona do parque) e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán ao máximo posible as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.
5. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 423.645,7 euros, dos cales 131.756,9 A corresponden aos labores de restauración asociados á fase de obras e 291.888,83 A aos da fase de desmantelamento e abandono do parque.
3.3. Fases de replanteo e obra.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de construción do parque.
2. Extremaranse as precaucións na execución de obras nas cinco zonas identificadas no estudo ambiental como de potencial afección á rede hidrolóxica, adoptando o conxunto de medidas protectoras e correctoras propostas, así como calquera outra que resulte necesaria para a súa preservación. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental o que se refire o punto 2.7 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído (cuxas medicións se realizarán con frecuencia trimestral, en plena actividade, e indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a medición), control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe, seguimento de avifauna e control da presenza de parellas reprodutoras de rapinas do xénero Circus, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.4, 2.2.7, 3.2.2 e 3.2.4 da DIA.
c) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.
d) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no cal se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
3.4. Ao final da fase de obras:
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.7 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos o promotor presentará ante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do indicado no estudo ambiental e no condicionado desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos recollidos na documentación avaliada e no condicionamento da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, a subestación e o edificio de control, estado das vías, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra e planta provisional de formigóns), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no cal se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
3.5. Fase de funcionamento.
1. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación.
2. En relación co plan de seguimento de avifauna incluído no estudo ambiental, teranse en conta as seguintes consideracións:
- O raio que hai que revisar baixo os aeroxeradores nas visitas para a busca de exemplares mortos por colisión aumentarase ata os 70-80 m, tendo en conta o tamaño do aeroxerador que se vai instalar no parque.
- O tempo de revisión por aeroxerador non será inferior aos 20-25 minutos.
- Nas anteditas visitas tamén se anotarán, de existiren, as colisións de morcegos, incluíndo eses datos nos informes do plan de vixilancia ambiental.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.7 desta DIA, o promotor remitirá ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e tendo en conta o sinalado no punto 3.2.2 da DIA. A frecuencia das medicións será mensual durante o primeiro semestre, podéndose logo variar en función dos resultados obtidos.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.4 e 2.2.7 da DIA.
c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e, se é o caso, de quirópteros, tendo en conta o sinalado no punto 3.5.2 da DIA.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no cal se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
En vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realizarán en anos posteriores.
3.6. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitirá ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, prevendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e a subestación, demolición de zapatas en superficie, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado das ditas actuacións.
3.7. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior.
3.8. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2006.
Joaquín Lucas Buergo del Río
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I - Resumo do proxecto
O proxecto do Parque Eólico Serra das Penas, promovido pola empresa Endesa Cogeneración y Renovables, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 24 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se vai instalar no concello de Paradela (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
* Número de aeroxeradores: 24.
* Modelo: Gamesa G-90.
* Potencia nominal unitaria: 2.000 kW.
* Potencia total instalada: 48 MW.
* Altura de torre: 78 m.
* Diámetro de rotor: 89,6 m.
* Orzamento: 29.188.883,40 euros.
O proxecto prevé así mesmo a construción dunha subestación transformadora 31/220 kV cun edificio anexo para as instalacións de interior, unha nave-taller para reparacións e almacén de residuos, e un edificio corporativo e de control do parque, con varias dependencias que inclúen despachos, aseos e vestiarios, almacéns, sala de control, etcétera. O conxunto estará dotado de fosa séptica para o tratamento das augas residuais. Así mesmo, reservouse unha zona anexa á explanación onde se localizarán estas edificacións para a instalación dunha planta provisional para a fabricación de formigón. A evacuación da enerxía producida no parque realizarase a través dunha liña eléctrica a 220 kV, obxecto de proxecto independente segundo consta no proxecto técnico do parque.
A obra civil inclúe a execución duns 4.640 m de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento doutros 1.450 m, cunha largura de rodadura de 6 m e dotados de foxos e drenaxes transversais para a evacuación de augas pluviais. Cando as vías atravesen cercas para o gando disporanse pasos canadenses. Así mesmo, escavaranse uns 8.155 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora e o edificio de control. A duración estimada da fase de obras é duns 7 meses.
Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta por un mosaico de matogueira (con toxo, breixo e xesta) e prados e pasteiros, que se alternan con algúns piñeirais de repoboación e pequenas manchas de arborado caducifolio, que non se verá afectado polas instalacións ou infraestruturas do parque.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
No punto de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
- Rega das superficies afectadas polas obras, especialmente nos cruzamentos coas estradas ou nas proximidades dos núcleos de poboación, co fin de evitar o levantamento de po.
- As obras non suporán afección directa aos afloramentos rochosos existentes na zona. Non obstante, esta cuestión comprobarase durante a fase de replanteo definitiva. Así mesmo, balizarase con cinta o contorno das áreas consideradas como puntos de interese, co fin de evitar a irrupción de maquinaria ou a realización de calquera outra actividade que poida afectalas.
- Balizamento previo de zonas con vexetación de interese ou exemplares valiosos de flora, para evitar calquera afección.
- Os aeroxeradores situaranse a unha distancia prudencial das zonas potenciais de cría das especies de vertebrados de maior interese. Procurarase evitar que as obras coincidan co período crítico de reprodución das aves, especialmente naqueles casos en que algún aeroxerador poida estar situado nas proximidades de zonas de cría de aves rapaces.
- Aproveitaranse pistas e estradas existentes como vías de comunicación do parque.
- As dimensións de vías e explanacións axustaranse ao mínimo imprescindible, co fin de minimizar o impacto paisaxístico e reducir os labores de restauración.
- Evitarase afectar charcas e pequenos cursos temporais de auga que poidan formarse en períodos de máxima precipitación.
- Os materiais procedentes das escavacións aproveitaranse na propia obra. No caso de existir sobrantes, trasladaranse ao vertedoiro de inertes máis próximo. En ningún caso se abandonarán sobrantes nas inmediacións do parque eólico.
- Os noiros e terrapléns das explanacións onde se situarán as edificacións terán as menores dimensións posibles e serán restaurados ao finalizar as obras.
- Os cambios de aceite e lavados de maquinaria efectuaranse en zonas específicas afastadas de charcas e cursos de auga, onde non exista perigo de contaminación por vertedura de aceites.
- Restauración da cuberta vexetal orixinaria, empregando a terra vexetal previamente recollida e almacenada adecuadamente.
- Retirada dos cadáveres de animais de certo tamaño no contorno do parque, para minimizar as posibilidadades de colisión de aves preeiras.
Nos plans de control da calidade das augas e do funcionamento da rede de drenaxes, así como no plan de restauración e revexetación, inclúense máis medidas protectoras e correctoras específicas para cada un destes factores ambientais.
As medidas relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense na separata titulada informe final. Estudo de impacto arqueolóxico. Parque Eólico Serra das Penas. Na separata estudo de impacto arqueolóxico (Impacto visual e paisaxístico). Addenda á memoria técnica analízase a posible incidencia visual do parque sobre os monumentos románicos máis próximos, neste caso o de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela, concluíndo que non haberá impacto visual sobre este, polo que non se fai preciso propoñer medidas correctoras ao respecto.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL