Resolución do 13 de marzo de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico de Codesas, nos concellos de Toques, Melide, Sobrado e Boimorto (A Coruña), promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. (Expediente IN0661A 01/10).

Diario Oficial de Galicia, 24-04-2006, Núm. 78, Páx. 6511
Resolución do 13 de marzo de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico de Codesas, nos concellos de Toques, Melide, Sobrado e Boimorto (A Coruña), promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. (Expediente IN0661A 01/10). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 30 de xaneiro de 2006, relativa ao proxecto do parque eólico de Codesas, nos concellos de Toques, Melide, Sobrado e Boimorto (A Coruña), promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2006. Anxo Ramón Calvo Silvosa Director xeral de Industria, Enerxía e Minas ANEXO - Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 30 de xaneiro de 2006, relativa ao parque eólico de Codesas, nos concellos de Toques, Melide, Sobrado e Boimorto (A Coruña), promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. (clave: 2005/0290). Antecedentes. Por solicitude da empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico de 49,50 MW de potencia total nos concellos de Toques, Melide, Sobrado e Boimorto (A Coruña), constituído por 55 aeroxeradores de 900 kW de potencia unitaria. Na Resolución do 6 de maio de 2004, da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos, admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2004, limitouse a potencia deste parque a 18 MW. Tendo en conta o anterior, o promotor presentou para o procedemento de autorización substantiva a documentación técnica referida a unha primeira fase, denominándoa Parque Eólico Codesas. 1ª Fase -conformada por 20 aeroxeradores e unha potencia total de 18 MW- e o estudo de impacto ambiental do parque tal e como se proxectaba antes da limitación de potencia, isto é, constituído polos 55 aeroxeradores e 49,50 MW de potencia. Posteriormente, presentou unha modificación do modelo de aeroxerador que empregar para a primeira fase do parque, que comporta a diminución da potencia instalada nesta fase, pasando dos 18 MW a 17 MW. Dentro do procedemento de autorización administrativa da primeira fase do parque eólico Codesas, o órgano substantivo determinou someter á tramitación de avaliación de impacto ambiental a totalidade do parque eólico previsto inicialmente, afectado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental (anexo I (grupo 3.i)). Mediante Acordo do 23 de decembro de 2004, da Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña (publicado no DOG nº 13, do 20 de xaneiro de 2005), someteuse a información pública a solicitude de autorización, aprobación do proxecto sectorial, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, estudo de impacto ambiental e declaración de utilidade pública do referido parque eólico, non constando durante o período de exposición pública a presentación de alegacións. Con data do 4 de agosto de 2005 recibiuse na Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, contendo os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas, Saúde Pública e Turismo, ademais do emitido polo organismo autónomo Augas de Galicia. Posteriormente, con data do 12 de agosto de 2005, recibiuse un segundo informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. O expediente completouse o 24 de xaneiro de 2006 coa recepción do informe de ratificación da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula para os únicos efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico de Codesas, nos concellos de Toques, Melide, Sobrado e Boimorto (A Coruña), promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. No anexo I resúmense as características do parque eólico e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental. Declaración de impacto ambiental. Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o parque é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou a solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. A presente declaración refírese en exclusiva ao parque eólico de Codesas -tal e como vén desenvolvido no estudo de impacto ambiental-, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 49,50 MW de potencia total nos concellos de Toques, Melide, Sobrado e Boimorto (A Coruña), constituído por 55 aeroxeradores, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM: Vértice X Vértice Y 577.000 4.758.000 577.000 4.763.000 585.000 4.763.000 585.000 4.761.000 584.000 4.758.000 A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada a este parque será a que se recolle no plano Planta xeral. Escala 1:5.000, incluído no estudo de impacto ambiental de xuño de 2004, coas seguintes modificacións: - Desprazamento da posición dos aeroxeradores A-31 ao A-38 ao leste da estrada local existente -segundo se representa no plano Unidades de vexetación e hábitats. Aliñación A-31 - A-38 incorporado na addenda do estudo de impacto ambiental de xullo de 2005- co obxecto de evitar a afección á zona húmida Montes de Bocelo. - Aquelas que poidan derivar do cumprimento do estipulado no punto 3.1.1, relativo ao trazado definitivo dos vieiros do parque. A liña de evacuación de enerxía non se considera incluída no ámbito da presente declaración dado que é obxecto de proxecto independente, tendo que ser autorizada e aprobada polo órgano substantivo, estando suxeita, de ser o caso, á tramitación ambiental que lle sexa de aplicación. Finalmente cómpre sinalar que, se co motivo do procedemento de autorización substantiva de posteriores fases de execución do parque resultase necesario introducir algunha modificación significativa nas infraestruturas ou instalacións respecto do establecido na presente declaración, será preciso -para efectos ambientais- o informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. 2. Condicións xerais. 2.1. Protección da atmosfera. Sobre a emisión de po. 1. Ademais da rega de superficies e demais medidas previstas no estudo ambiental, e co fin de minimizar as emisións de po, os camións de transporte de materiais poirentos deberán ir cubertos con lonas ou similar. Asemade, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras. Sobre a contaminación acústica. 1. Os niveis de presión sonora nas vivendas máis próximas aos aeroxeradores non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, de ser o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto. 2.2. Protección das augas e leitos fluviais. 1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de vieiros, gabias cableado, ...), así como calquera captación e/ou vertido, precisará da autorización do organismo de conca competente, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. 2. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que nos vieiros de acceso deberán preverse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación. A achega das augas destas drenaxes á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía nas súas saídas e nos puntos onde a auga das cunetas se incorpore ao terreo, co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais. Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, téndose que adoptar as medidas correctoras oportunas no caso de producirse os citados fenómenos. A frecuencia destes controis será mensual durante a execución das obras e semestral na fase de funcionamento, intensificando o seguimento despois de períodos de fortes chuvias. 3. Respectaranse os mananciais, podendo ser parcialmente encanado o seu curso para a execución de pistas provisionais ou definitivas. Os afloramentos de augas subterráneas deberán ser debidamente conducidos ás correntes superficiais máis próximas e a ceo aberto, sempre que as obras definitivas o permitan. 4. A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos ou incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega ou calquera outra medida necesaria para evitar o arrastre de materiais ladeira abaixo. 5. No caso de ter que executar pistas provisionais ou definitivas sobre os leitos dos ríos, formaranse os pasos con pontes ou lousas que non deberán tocar o leito e, de ser o caso, os estribos deixarán expedita a zona de servidume de 5 m. 6. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. 7. Non se permitirá o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que tras as obras a súa clasificación non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. 8. Non estando prevista na documentación presentada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto dende planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións. 9. As augas residuais que se xeren no edificio de control deberán ser conducidas ata unha fosa séptica ou calquera outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento, debendo ser mantido periodicamente para garantir o seu correcto funcionamento. 2.3. Protección do solo. 1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. 2. Procederase, tal e como se proxecta, á delimitación das distintas zonas de obra mediante o seu balizamento. Este deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen. 3. A circulación de vehículos e maquinaria, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase aos vieiros e zonas acondicionadas para o efecto. 4. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado. 5. Nos movementos de terras equilibrarase ao máximo o volume de desmonte co de terraplén. O material sobrante das escavacións, tal e como se prevé, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. A selección das posibles zonas de depósito realizarase con criterios ambientais e tendo en conta que en ningún caso se depositarán en zonas con valores ambientais relevantes. 6. No estudo da localización de lugares para préstamo que está previsto realizar terase en conta que, con carácter xeral, estes non se efectuarán na zona salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao finalizar a obra. 7. Para a localización da zona de instalacións temporais de obra (casetas de obra, parque de maquinaria, zonas de amoreamentos de materiais e almacenamento de residuos...), seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica. 8. De producirse deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras, tal e como se prevé. 2.4. Xestión de residuos. 1. Tal e como se propón, todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte ao vertido. 2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado poderá realizarse nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a presenza destes residuos. 3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo dos medios necesarios para a recollida de posibles vertidos. 4. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberanse ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 2.5. Protección da fauna e vexetación. 2.5.1. Sobre a fauna. 1. Adoptaranse as medidas previstas para a protección da fauna en relación coa corta e roza de vexetación e co deseño, no caso de se empregar, das cancelas canadenses. 2.5.2. Sobre a vexetación. 1. Previamente á corta de arborado terase que realizar a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. 2.6. Protección do patrimonio cultural. 1. No que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, observarase o disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tanto no relativo á localización final de infraestruturas e instalacións como ás medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias, as de control e seguimento arqueolóxico e calquera outra que haxa que adoptar ao longo das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución de terreos, en todo o ámbito do parque eólico. 2.7. Sobre a integración paisaxística. 1. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, contorno das obras de drenaxe e da subestación, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. 2. Para tal fin, levarase a cabo o plan de restauración e revexetación incluído no estudo de impacto ambiental, tendo en conta as seguintes consideracións: - Co fin de evitar fenómenos erosivos e acadar o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras, os labores de restauración realizaranse paralelamente ao avance das obras, conforme as distintas superficies para restaurar acadan o seu estado definitivo, sempre que as condicións climatolóxicas e a época do ano sexan apropiadas para a revexetación. - As plataformas de montaxe deberán ser revexetadas na súa totalidade, podéndose deixar un camiño de acceso á porta do aeroxerador para os vehículos de mantemento. - No caso de necesitar aportes externos de terra vexetal, estes deberán provir de amoreamentos ou zonas debidamente autorizadas. Será admisible, así mesmo, o uso de solos artificiais obtidos baixo autorización administrativa da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. - No caso de que como consecuencia da execución da rede viaria do parque quede algún camiño ou sendeiro morto que non vaia dar ningún servizo na fase de funcionamento, salvo xustificación en contra deberase reintegrar na paisaxe, revexetándoo en toda a súa extensión. Así mesmo, na fase de desmantelamento reintegraranse na paisaxe as vías creadas para uso exclusivo do parque. - Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar e procederase á restauración da zona afectada, do mesmo xeito que nas restantes zonas incluídas no plan de restauración. 3. Conforme o previsto, realizarase o seguimento da efectividade dos labores de restauración en todas as fases, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puideran aparecer nas hidrosementeiras e/ou plantacións efectuadas. Incrementarase a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación, levando a cabo medidas adicionais de revexetación se o éxito desta non é axeitado. 4. Na fase de abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións descritas para desmantelalo e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación. 2.8. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas previstas e correctoras contempladas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os umbrais establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais profundos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: - Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidades de inspección e laboratorios acreditados, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. - Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo. 3. Condicións específicas. 3.1. Sobre infraestruturas. 1. As vías do parque aproveitarán, ao máximo tecnicamente posible, a rede viaria existente na zona, evitándose paralelismos e duplicidades. Con este fin, e previamente ao inicio das obras, consensuarase co Servizo de Conservación da Natureza da Coruña o seu trazado definitivo. 3.2. Fase previa ao inicio das obras. 1. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 1% do orzamento previsto. Esta proposta poderá ser revisada se o promotor presenta un orzamento de execución por contrata (que inclúa xustificación de medicións, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais e orzamento total de execución material) dos labores de restauración asociadas á fase de obras para a configuración final do parque, adaptada ás modificacións que resulten do condicionado desta declaración. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta tal fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo isto no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996. 2. Adoptaranse as medidas previstas no estudo de impacto ambiental e na súa addenda para a preservación das zonas húmidas. 3. Tendo en conta que entre as aves rapaces cuxa presenza foi detectada na área do parque figura a tartaraña cincenta (Circus pygargus), que nidifica sobre o solo en ambientes de matogueira e polo tanto é susceptible de verse afectada polas obras, levaranse a cabo as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección das infraestruturas ou instalacións do parque. No caso de detectar a súa nidificación na zona afectada polas obras, adoptaranse as medidas protectoras oportunas, que poden incluír o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de radio en torno ao niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (continuando as obras noutra zona do parque), e outro perímetro de seguridade de 500 m onde se limitarán as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves. 3.3. Fase de obras. 1. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas nas que se poida afectar á rede hidrolóxica, charcas, zonas hidromorfas ou húmidas (río Ameneiro, río Furelos ou montes do Bocelo), adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. 2. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído proposto no estudo ambiental, nesta fase considérase suficiente efectuar unha medición en cada punto de control cando se estean executando obras preto del, e non con carácter trimestral en todos os puntos como se propón no plan presentado. 3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.8 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo: a) Cronograma de obras actualizado con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización. b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído e do control do funcionamento da rede de drenaxe, tendo en conta as especificacións realizadas ao respecto ao longo desta declaración. c) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos previstos nela. d) Informe de avance da obra, en que se describa o desenvolvemento dos traballos en relación con todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e a hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade. 3.4. Ao final da fase de obras. 1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.8 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras co seguinte contido mínimo: a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e no establecido nesta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación con todos os aspectos incluídos no estudo ambiental e no condicionado da declaración. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se adoptaron medidas protectoras e/ou correctoras. 3.5. Fase de funcionamento. 1. Respecto á avifauna, efectuaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores. En relación co plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, terase en conta que: - O radio que se revisará baixo cada aeroxerador nas visitas para a busca de aves accidentadas por colisión estará sobre os 50 m, tendo en conta o tamaño do aeroxerador que se prevé instalar. Así mesmo, nestas visitas anotaranse tamén as posibles colisións de morcegos, incluíndo estes resultados nos informes do plan de vixilancia ambiental. - O tempo de revisión rondará os 20-30 minutos. - En cada visita mensual revisaranse un 25-30% dos aeroxeradores. 2. En relación coa proposta de control do plan de seguimento do nivel de ruído, considérase conveniente realizar medicións, ademais de nos puntos de medida propostos no estudo, tamén no lugar do parque, co fin de caracterizar axeitadamente a posible influencia sonora dos aeroxeradores. 3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.8 desta DIA, o promotor remitirá ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes. Este informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido: a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición. A frecuencia das medicións será mensual durante o primeiro semestre. b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e do plan de seguimento de avifauna (incluíndo posibles colisións de quirópteros). c) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, en que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, cunetas, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase modificar o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realicen en anos posteriores. 3.6. Fase previa ao abandono. No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitirá ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para o seu desmantelamento e para a recuperación á situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, recollendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada das diferentes estruturas, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado de tales actuacións. 3.7. Fase de abandono. Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior. 3.8. Fase posterior ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2006. Joaquín Lucas Buergo del Río Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I - Características do parque e da área de estudo. Características do parque. O parque eólico denominado parque eólico de Codesas, promovido pola empresa Enel Unión Fenosa Renovables, S.A., consiste -segundo se describe no estudo de impacto ambiental- na instalación e explotación dun parque eólico composto por 55 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará nos concellos de Toques, Melide, Sobrado e Boimorto (A Coruña), nos lugares coñecidos como Monte do Bocelo e Couto de Codesás. Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración. As características básicas do parque eólico inicialmente presentado son as seguintes: * Número de aeroxeradores: 55. * Modelo: NEG MICON. * Potencia nominal unitaria: 900 kW. * Potencia total instalada: 49,50 MW. * Altura da torre: 72,3 m. * Diámetro de rotor: 52 m. Indicar que durante o trámite o promotor presenta unha modificación do modelo de aeroxerador que se empregará para a primeira fase do parque (constituída por 20 aeroxeradores, correspondentes con: A2, A3, A9, A10, A11, A12, A16 ao A25, e do A38 ao A41) consistente na substitución do NEG MICON de 900 kW polo VESTAS V-52 de 850 kW. Neste modelo a altura da torre é de 65 m e o diámetro do rotor de 52 m. As vías internas do parque acadarán unha lonxitude total de 15,51 km, dos que 8,69 km son vías novas e 6,82 existentes que serán acondicionadas. Prevense cunha largura de 4 m, e contarán con cunetas de desaugamento de 0,40 m de largura e 0,20 m de profundidade. A evacuación de enerxía eléctrica realizarase a través dunha liña de alta tensión de 66 kV con orixe na subestación deste parque eólico e chegada na subestación eléctrica de Sidegasa, propiedade de Unión Fenosa. A liña ten unha lonxitude duns 20 km e constará de 82 apoios. Tamén están previstas as instalacións e infraestruturas seguintes: rede de drenaxe, cimentación dos aeroxeradores, gabias de cableado, canalización da rede de terras, edificio de control e subestación eléctrica. Características da área de estudo. A área de estudo localízase na Serra do Bocelo, un sistema montañoso con orientación SO-NE e cunha altitude media de 727 m. A divisoria está constituída por unha sucesión de elevacións (Cruz do Bocelo-770 m, O Espiño-766 m, O Corisco-762 m) con planicies ou suaves outeiros entre elas mesmas. A morfoloxía que presenta o conxunto da serra está conformada por unha ladeira norte de escarpes pronunciados, mentres que numerosas dorsais de estribación, de suave pendente, se desenvolven cara ao SE, entre as cales se suceden os vales interiores de serra e as bacias de recepción (río de Ameneiros, regato Pedriña, rego das Cancelas e rego do Couso), algunhas das cales forman alvéolos. No que respecta ás unidades fisiográficas de vexetación, no estudo ambiental preséntanse como maioritarias nas zonas as seguintes: prados e cultivos, matogueiras, repoboación, frondosas, breixeiras húmidas e turbeiras. Entre os diversos usos dos solos poden distinguirse zonas destinadas a pasto e zonas dedicadas á repoboación. ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada. Na epígrafe de medidas preventivas e correctoras do estudo ambiental inclúense basicamente as seguintes: 1. Fase de deseño e construción: * Rega con auga para evitar a xeración de po. * Cobertura dos camións de transporte de materiais poirentos. * Control das emisións gasosas producidas pola maquinaria. * Control de emisións sonoras en fase de obra. * Selección e mellora do deseño dos aeroxeradores. * Estudo da localización de lugares para préstamo e vertedura. * Retirada, amoreamento, conservación e recuperación da terra vexetal. * Optimización da ocupación do solo por maquinaria e elementos auxiliares. * Minimización das superficies de vexetación afectadas e solo compactado. * Laboreo de terreos compactados. * Construción e adecuación dos novos vieiros. * Traslado de exemplares de vexetación singular susceptibles de ser afectados. * Protección da vexetación, minimizando a superficie afectada polas obras. * Limitación do número de exemplares arbóreos que talar. * Triturado de residuos de tala e roza. * Conservación das breixeiras húmidas afectadas polas obras. * Xestión dos residuos xerados atendendo á súa natureza. * Almacenamento específico para os residuos perigosos. * Control das augas sanitarias dos traballadores. * Construción de canles de intercepción nas inmediacións dos aeroxeradores próximos aos cursos de auga, de existiren zonas desprovistas de vexetación e con risco de erosión. * Mellora no deseño dos aeroxeradores, para evitar colisións de aves e diminuír o impacto visual. * Adecuación das edificacións á tipoloxía construtiva da zona. * Melloras socioeconómicas na comunidade da zona. Creación de postos de traballo. * Control arqueolóxico durante a roza e obras que impliquen remoción de terras. * Balizamento de xacementos arqueolóxicos. * Mellora das cancelas canadenses en caso de existiren ou de seren de nova creación. 2. Fase de explotación: * Revexetación das superficies afectadas. * Xestión de aceites usados. * Programa de recuperación e tratamento paisaxístico. * Comprobación de afeccións á avifauna. * Restitución de camiños, infraestruturas ou calquera outra servidume afectada e elementos rurais tradicionais como valados, sebes... * Adopción de medidas oportunas no caso de interferencias cos sinais de radio, TV e outros sinais de comunicación. Para cada medida proposta o estudo ambiental inclúe unha táboa na que se indica o impacto ao que se dirixe, a definición da medida, o seu obxectivo, descrición detallada, entidade responsable da xestión, precaucións na execución e xestión e as necesidades de mantemento.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
resII13032006.pdf Galego
resII13032006.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles