Resolución do 11 de novembro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 18 de outubro de 2004, relativa ao estudo informativo da vía de alta capacidade Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito: San Sadurniño-O Barqueiro (AC/00/62.0).

Diario Oficial de Galicia, 25-11-2004, Núm. 230, Páx. 16234
Resolución do 11 de novembro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 18 de outubro de 2004, relativa ao estudo informativo da vía de alta capacidade Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito: San Sadurniño-O Barqueiro (AC/00/62.0). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 18 de outubro de 2004, relativa ao estudo informativo da vía de alta capacidade Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito San Sadurniño-O Barqueiro (AC/00/62.0), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2004. Agustín Hernández Fernández de Rojas Director xeral de Obras Públicas Declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 18 de outubro de 2004, relativa ao estudo informativo da vía de alta capacidade Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito San Sadurniño-O Barqueiro (AC/00/62.0), nos concellos de Mañón, Ortigueira, Cerdido, Cedeira, Moeche, San Sadurniño e Narón (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Antecedentes. A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa resolución do 3 de xuño de 2003, aprobou provisionalmente o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito San Sadurniño-O Barqueiro, nos concellos de Mañón, Ortigueira, Cerdido, Cedeira, Moeche, San Sadurniño e Narón (A Coruña). O citado estudo informativo ten como obxecto unir a autovía do Cantábrico ao seu paso por Barreiros con Ferrol, en concreto trátase do treito entre San Sadurniño e O Barqueiro, tendo a alternativa escollida finalmente unha lonxitude de 48 km. No anexo I resúmese o contido do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental. Dado que o proxecto se encontra comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese a trámite de avaliación de impacto ambiental. En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data 1 de agosto de 2003 publícase no DOG nº 148 a Resolución do 24 de xullo de 2003 da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8), treito San Sadurniño-O Barqueiro. Durante este período foron presentadas alegacións por parte dos concellos de Ortigueira, Cerdido, Cedeira, Moeche, San Sadurniño, Narón e Cariño, de diversos particulares, grupos políticos, asociacións e comunidades de veciños. Destas alegacións, as que teñen carácter ambiental, foron tidas en conta, no que procede, no condicionado da DIA. Con data do 6 de agosto de 2004 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen os certificados de exposición ao público do Servizo Provincial de Estradas de Lugo, da Dirección Xeral de Obras Públicas e dos concellos de Narón, Ortigueira, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Cedeira, copia das alegacións presentadas e os informes dos citados concellos, da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, das direccións xerais de Conservación da Natureza, Saúde Pública, Patrimonio Cultural e Recursos Mariños, de Augas de Galicia e outros informes que se considera non teñen carácter ambiental. Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula para os sós efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudo informativo e estudo de impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros. Treito: San Sadurniño-O Barqueiro, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Declaración de impacto ambiental. Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a alternativa proposta pola Dirección Xeral de Obras Públicas para o trazado da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8), para o treito entre San Sadurniño e O Barqueiro, é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das citadas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os sós efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. A) Ámbito da declaración. O trazado ámbito desta DIA para a VAC Ferrol-Barreiros, no treito O Barqueiro-San Cibrao perfílase como a combinación das alternativas A2, B1 (trasladando o enlace do p.k. 7+200 ao 8+500), C12, D3 e E3, definidas no documento Estudo informativo e impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8). Treito: San Sadurniño-O Barqueiro (clave AC/00/62.0). Setembro 2002, de acordo coa configuración reflectida no plano nº 2 Proposta de aprobación de estudo informativo. Treito San Sadurniño-O Barqueiro recollido no documento de aprobación. Estudo informativo e impacto ambiental da VAC Ferrol-Barreiros (conexión A-8). Treito O Barqueiro-San Cibrao (clave LU/00/63.0). Xuño 2004. B) Condicións xerais. B.1) Fase de redacción do proxecto construtivo. 1. Co obxecto de cumprir o estipulado no punto 8 do artigo 4 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, deberá adaptarse o estudo acústico á traza definitiva. Definiranse con detalle as medidas correctoras para implantar naqueles puntos nos que, segundo o estudo acústico, se superen os límites establecidos tanto na citada lei como, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos afectados, que garantan o cumprimento dos anteditos límites. O estudo de impacto acústico realizarase con base no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. 2. Localizaranse as zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, así como das vías auxiliares, utilizando para a súa elección os criterios indicados no estudo de impacto ambiental. 3. Deseñarase un sistema de recollida, condución e decantación das augas procedentes da zona de instalacións auxiliares, de lavado de camións e maquinaria e dos formigonados. 4. Evitarase modificar as zonas de escorrega para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestrutura. Neste sentido, deberanse colocar tantos pasos de auga como valgadas teña o terreo e dimensionaranse axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación. 5. No caso das estruturas de paso sobre a rede fluvial levadas a cabo como viadutos ou pontes, asegurarase no seu deseño o feito de que non se coloque ningún piar dentro dos leitos e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado daqueles, medidos a partir do bordo ocupado polas augas nas máximas crecidas extraordinarias. Ademais, retiraranse todos os recheos temporais efectuados para a execución dos piares. As restantes obras de drenaxe transversal serán de tipo pórtico evitando, na medida do posible, adoptar pasos tipo marco ou tubo. O deseño destas infraestruturas debe garantir que non se xeran, no punto de paso, láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, ademais de que se minimice a lonxitude do paso ao máximo posible. Esta medida será utilizada como paso pola microfauna, tal como se indica no estudo de impacto ambiental, polo que os ditos pasos se deseñarán co ancho suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, debe ser considerado como paso bidireccional da fauna, polo tanto estará desprovisto de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, prevendo que todas as especies que caian poidan saír. 6. Definiranse pasos exclusivos para fauna, proxectándoos de tal xeito que favorezan a aceptación desta, dispoñan das dimensións axeitadas para as especies ás que van dirixidos e se localicen en zonas frecuentemente utilizadas por elas. 7. No caso de existencia de sobrantes procedentes dos movementos de terra, localizaranse as zonas de depósito destes. Para a elección destas zonas utilizaranse os criterios indicados no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. 8. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, e evitaranse as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno. 9. Redactarase un proxecto de integración paisaxística no que se desenvolvan detalladamente os labores de restauración vexetal e integración paisaxísticas descritas, dun xeito moi xeral, no estudo de impacto ambiental, así neste proxecto definiranse os traballos segundo sexa a zona para revexetar (noiros de desmonte e terraplén, enlaces, beiras dos leitos fluviais afectados, instalacións e vieiros auxiliares, etcétera), así como os materiais que se van utilizar nestes traballos. Se é o caso, incluiranse neste proxecto o desmantelamento, revexetación e integración paisaxística dos treitos das actuais vías de comunicación que coa construción da VAC queden en desuso. Ademais, no que respecta ás especies para utilizar na revexetación, incluiranse, sempre que sexa técnica e economicamente posible, arbustos e árbores autóctonos da zona afectada, sobre todo no referente á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza co fin de protexer o ecosistema e mellorar a integración paisaxística da actuación. 10. Desenvolverase un novo programa de vixilancia ambiental, baseado nas liñas xerais expostas no proposto no estudo de impacto ambiental e adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta declaración. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso. Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: - O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá prever os labores de integración paisaxística. - As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo tanto realizaranse naqueles momentos nos que poida existir unha afección sobre os aspectos que se van controlar. - As tomas de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán vir acompañadas de informe asinado polo técnico competente. B.2) Fase de replanteo. Realizarase o balizado e sinalización das zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, o que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. B.3) Fase de obras e explotación. 1. Co fin de evitar posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera debido á acción da maquinaria e dos movementos de terra aplicaranse medidas correctoras consistentes na realización de regas de camiños e zonas de obra. Así mesmo, procederase ao recubrimento cun toldo impermeable dos camións que transporten material e ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras. 2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoña delas, nas ordenanzas municipais dos concellos sobre os que discorre o trazado. 3. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede. 4. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.7 desta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos. 5. Non estando definida, no estudo presentado, a reserva dunha zona para a fabricación de formigón ou aglomerado asfáltico, estes serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da DIA coa inclusión da planta ou plantas. 6. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera), sexan reciclados co fin de utilizalos na obra. En caso de que isto non sexa posible serán entregados a xestor autorizado. 7. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais a usar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición. 8. No caso de ter que realizar labores de mantemento e reparación da maquinaria non apta para circular por estrada na zona de obras, protexerase o solo con materiais impermeables e disporanse os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. Esta mesma medida levarase a cabo na zona de lavado de camións e maquinaria. 9. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a súa reutilización fronte á vertedura. Estes residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, que estarán situados na zona de instalacións auxiliares ás obras, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa situación. Ao rematar as obras e antes do inicio da fase de explotación, deberanse ter retirados e xestionados adecuadamente a totalidade dos residuos de obra. 10. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra, e, se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os cepos; sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. 11. Os restos vexetais que se xeren deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos sobre o terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo. 12. Para garantir a protección e asegurar o éxito reprodutivo da fauna existente a roza do trazado da infraestrutura realizarase, na medida do posible, fóra da época de cría. 13. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe evitarase o emprego de herbicidas, realizando os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos. 14. Tal como especifica no estudo de impacto ambiental, naquelas zonas afectadas por movementos de terra, excavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación á maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de que sexan precisas, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais. 15. Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. 16. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística indicados no punto B.1.9 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas. 17. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo. 18. No caso de afectar fontes e/ou captacións de auga existentes no ámbito da traza, estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais. 19. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental indicado no punto B.1.10 desta DIA se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. C) Condicións específicas C.1) Fase previa á redacción do proxecto construtivo. Realizarase una prospección arqueolóxica intensiva da totalidade da superficie que se verá afectada polo trazado e nun ámbito de 200 m a cada lado desde o límite exterior da zona de ocupación. O dito traballo terá que ser levado a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo cun proxecto que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. No caso de que, por calquera razón, se seleccione calquera outra alternativa das recollidas no estudo informativo, deberanse levar a cabo as modificacións do trazado necesarias para evitar a afección sobre calquera elemento do patrimonio cultural e o seu ámbito de protección legal. C.2) Fase de redacción do proxecto construtivo. 1. Incluír no proxecto construtivo os resultados da prospección arqueolóxica intensiva, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio cultural. O dito plan deberá prever a necesidade de levar a cabo un control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos. Este plan debe ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O proxecto de construción definitivo deberá serlle remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante. 2. No caso de que se realicen recheos na zona marítimo-terrestre, redactarase unha memoria detallada da zona afectada e unha valoración das posibles afeccións ao medio mariño. Neste caso remitiráselle copia do proxecto construtivo á Dirección Xeral de Recursos Mariños co fin de que emita informe. 3. Dada a existencia de numerosas entidades de poboación no contorno do proxecto, co obxecto de minimizar as afeccións sobre a poboación; no deseño das voaduras, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos. 4. Realizaranse estudos de asolagamento e estudos sobre o réxime de enchentes de cada un dos once viadutos proxectados para os distintos períodos de retorno considerados en cada caso, de maneira que se xustifique que non existirán afeccións. Estes estudos deberán serlle remitidos a Augas de Galicia para o seu informe. 5. No caso concreto dos viadutos sobre os ríos Xubia, Mera e Esteiro, todos eles asociados a Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais e propostos para a súa inclusión na Rede Natura 2000, definiranse os detalles construtivos e o procedemento de execución dunha forma exhaustiva. Ademais, no proxecto de integración paisaxística indicado no punto B.1.9 da DIA detallaranse os labores de restauración para levar a cabo nas zonas dos anteditos espazos protexidos que se verán afectadas polas obras, tendo en conta que no caso de afectar os hábitats protexidos polas anteditas figuras (91EO Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior, 8220 Pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica, 6430 Megaforbios eutrofos higrófilos das orlas de chaira e dos pisos montano a alpino, 1330 Pasteiros salinos atlánticos) se deberá restaurar a mesma superficie, como mínimo, e con ese mesmo hábitat. Remitiráselle o proxecto construtivo á Dirección Xeral de Conservación da Natureza co fin de que informe sobre a incidencia da actuación sobre os ditos espazos protexidos. 6. Ademais de cumprir os condicionados indicados no punto B.1.10, o programa de vixilancia ambiental deberá recoller especificamente os seguintes aspectos: - Plan de seguimento da calidade das augas das rías de Ortigueira, Ladrido e O Barqueiro durante a fase de obras. As análises para realizar deberán incluír todos os parámetros establecidos no Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, polo que se establecen as normas de calidade das augas e da produción de moluscos e outros invertebrados mariños vivos. - Plan de control da calidade de auga dos cursos fluviais afectados polas obras, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona do curso fluvial co fin de analizar os seguintes parámetros: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade e aceites e produtos lubricantes. - Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da vía, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites a impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. - Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación del, de xeito que cumpra a súa función dun modo efectivo. En todos os casos, situaranse os puntos de mostraxe propostos nun plano a escala 1:5.000, ou maior detalle. C.3) Fase de replanteo. 1. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto deberase dispoñer da autorización emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización do seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos. 2. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico e do dominio público marítimo terrestre polo que se procederá ao balizado ou sinalización axeitada dos treitos da totalidade dos cursos fluviais e das rías afectadas co obxecto de preservalas de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parque de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puidesen supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes. En concreto, tal como se especifica no estudo de impacto ambiental, procederase ao balizamento de todos os elementos de interese situados no contorno do proxecto, basicamente os límites dos espazos declarados como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais e propostos para a súa inclusión na Rede Natura 2000 (Xubia-Castro, Ortigueira-Mera e Estaca de Bares) e todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. 3. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico e dominio público marítimo terrestre deberase dispoñer das autorizacións oportunas emitidas por Augas de Galicia e pola Dirección Xeral de Costas. C.4) Fase de obras. 1. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza (río Guntín, río Porto do Cabo, rego Aceiteiro, etcétera) debe considerarase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos. 2. Nos leitos desviados, durante a fase de obras, non se deberá modificar nin a pendente, nin o itinerario da auga, conservando en todo momento a continuidade do leito. 3. Prohíbese verter nos propios leitos dos cursos fluviais afectados (río Guntín, río Porto do Cabo, rego Aceiteiro, etcétera), así como sobre as marxes e láminas de auga asociadas ás rías de Ortigueira, Ladrido e O Barqueiro, restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite de maquinaria de construción. 4. Debido á difícil orografía da zona cómpre realizar grandes desmontes e terrapléns, polo tanto levaranse a cabo dun xeito rigoroso e estrito as medidas indicadas no estudo ambiental para garantir a estabilidade destas estruturas. Estas actuacións serán obxecto dun especial seguimento. 5. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental desenvolto no proxecto construtivo segundo o indicado nos puntos B.1.10 e C.2.6 para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan: a) Trimestralmente: - Cronograma actualizado das obras. - Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental que cumpra cos condicionantes desta DIA. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas mariñas e continentais. - Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman. b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflicta o cumprimento de todas as medidas correctoras previstas no estudo así como as impostas pola DIA, en concreto: - Informe no que se reflicta o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras respecto do proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto anterior. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización. - Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. C.5) Fase de explotación. A Dirección Xeral de Obras Públicas elaborará anualmente un informe, incluíndo o seguinte: - Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolto no proxecto construtivo segundo o solicitado nos puntos B.1.10 e C.2.6 desta DIA. - Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora de toma, así como a localización dos puntos de toma de fotografías nun plano. - Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución. A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa. Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2004. José Manuel Álvarez-Campana Gallo Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I - Resumo do estudo informativo O obxecto deste estudo informativo é estudar as posibles alternativas para mellorar as comunicacións da zona norte de Galicia, unindo a autovía do Cantábrico ao seu paso por Barreiros con Ferrol, no treito entre San Sadurniño e O Barqueiro. O treito obxecto deste estudo subdivídese á súa vez en catro subtreitos, establecendo diferentes alternativas para cada un deles: - Subtreito A: variante de San Sadurniño (3 alternativas). - Subtreito B: San Sadurniño-Campo do Hospital (4 alternativas). - Subtreito C: Campo do Hospital-San Claudio (6 alternativas). - Subtreito D: San Claudio-Espasante (4 alternativas). - Subtreito E: Espasante-O Barqueiro (4 alternativas). As características principais das alternativas trazadas resúmense na seguinte táboa. Preséntanse alternativas en vía rápida (VR100) e en estrada convencional (C80, C100), con velocidade de proxecto 100 e 80 km/h. - Subtreito: Variante San Sadurniño Alternativa: A1    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 6,1 km    * Nº de enlaces: 2    * Nº de viadutos: 2 (100m)    * Nº de túneles: 0 Alternativa: A2    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 5,2 km    * Nº de enlaces: 2    * Nº de viadutos: 2 (200m)    * Nº de túneles: 0 Alternativa: A3    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 6,1 km    * Nº de enlaces: 2    * Nº de viadutos: 3 (250m)    * Nº de túneles: 0 - Subtreito: San Sadurniño-Campo do Hospital Alternativa: B1    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 13,9km    * Nº de enlaces: 3    * Nº de viadutos: 2 (175m)    * Nº de túneles: 0 Alternativa: B2    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 13,8km    * Nº de enlaces: 3    * Nº de viadutos: 2 (175m)    * Nº de túneles: 0 Alternativa: B3    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 14,8km    * Nº de enlaces: 3    * Nº de viadutos: 0    * Nº de túneles: 0 Alternativa: B12    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 13,2km    * Nº de enlaces: 3    * Nº de viadutos: 2 (175m)    * Nº de túneles: 0 Subtreito Campo do Hospital-San Claudio Alternativa: C1    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 7,4 km    * Nº de enlaces: 1    * Nº de viadutos: 3 (625m)    * Nº de túneles: 0 Alternativa: C2    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 8,5 km    * Nº de enlaces: 1    * Nº de viadutos: 4 (1.200 m)    * Nº de túneles: 0 Alternativa: C3    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 6,5 km    * Nº de enlaces: 1    * Nº de viadutos: 5 (975m)    * Nº de túneles: 2 (450 m) Alternativa: C12    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 8,0 km    * Nº de enlaces: 1    * Nº de viadutos: 2 (650m)    * Nº de túneles: 0 Alternativa: C23    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 4,5 km    * Nº de enlaces: 1    * Nº de viadutos: 2 (550m)    * Nº de túneles: 0 Alternativa: CR    * Tipo de vía: C80    * Lonxitude: 8,6 km    * Nº de enlaces: 0    * Nº de viadutos: 0    * Nº de túneles: 0 Sutreito: San Claudio-Espasante Alternativa: D1    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 9,3km    * Nº de enlaces: 4    * Nº de viadutos: 3 (425m)    * Nº de túneles: 0 Alternativa: D2    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 9,4 km    * Nº de enlaces: 3    * Nº de viadutos: 3 (425m)    * Nº de túneles: 0 Alternativa: D3    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 9,9 km    * Nº de enlaces: 2    * Nº de viadutos: 3 (425m)    * Nº de túneles: 0 Alternativa: D13    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 10,4km    * Nº de enlaces: 2    * Nº de viadutos: 3 (425m)    * Nº de túneles: 0 Subtreito: Espasante-O Barqueiro Alternativa: E1    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 10,7km    * Nº de enlaces: 2    * Nº de viadutos: 3 (650m)    * Nº de túneles: 1 (450 m) Alternativa: E2    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 11,7km    * Nº de enlaces: 2    * Nº de viadutos: 3 (775m)    * Nº de túneles: 1 (450 m) Alternativa: E3    * Tipo de vía: VR100    * Lonxitude: 11,0km    * Nº de enlaces: 3    * Nº de viadutos: 2 (550m)    * Nº de túneles: 1 (450 m) Alternativa: ER    * Tipo de vía: C80    * Lonxitude: 11,6km    * Nº de enlaces: 0    * Nº de viadutos: 0    * Nº de túneles: 0 Conformando finalmente seis opcións de trazado: - Opción 1: A3+B1+CR+D13+ER. - Opción 2: A3+B1+C1+D13+E3. - Opción 3: A1+B1+C1+D1+E1. - Opción 4: A3+B2+C2+D2+E2. - Opción 5: A3+B3+C3+D3+E3. - Opción 6: A1+B12+C23+D3+E3. No estudo de impacto ambiental estúdanse todas as opcións, concluíndo que a opción preferible desde o punto de vista ambiental é a 2. Porén, como consecuencia da análise de informes, observacións e alegacións presentadas durante a exposición pública, a Dirección Xeral de Obras Públicas propón a aprobación dun trazado conformado do seguinte xeito: - Subtreito A variante de San Sadurniño: alternativa A2. - Subtreito B San Sadurniño-Campo do Hospital: alternativa B1, trasladando o enlace do p.k. 8+200 ao 9+500. - Subtreito C Campo do Hospital-San Claudio: alternativa C12. - Subtreito D San Claudio-Espasante: alternativa D3. - Subtreito E Espasante-O Barqueiro: alternativa E3. Todas as alternativas se onciben con características de corredor (vía rápida desdobrable a autovía) de velocidade de proxecto de 100 km/h, limitando a pendente máxima ao 5% para permitir a velocidade de proxecto no seu desdobramento. Así, as características principais do trazado proposto son as seguintes: - Lonxitude: 48 km. - Nº de enlaces: 11. - Nº de viadutos (lonxitude, m): 11 (1.900). - Nº de túneles (lonxitude, m): 1 (450). ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental Medidas protectoras xerais. * Restricións á localización de instalacións, servizos, préstamos e vertedoiros: clasificación de zonas, para a xestión de obra. Así, considerando os valores ambientais, a capacidade de absorción do impacto e a súa recuperabilidade, defínense tres tipos de zonas: - Zonas prohibidas: impídese que se utilicen para as instalacións auxiliares e camiños de acceso. - Zonas con restricións: pódense usar para as instalacións auxiliares e camiños de acceso, sempre que non exista unha alternativa opcional mellor, véndose obrigada a súa utilización por causas técnicas incuestionables e sempre e cando se adopten as medidas necesarias para minimizar a afección no posible. - Zonas libres: permítese a súa utilización para as instalacións auxiliares ou camiños de acceso. * Programa de prospección e control arqueolóxicos. * Balizamento de protección de áreas sensibles (espazos naturais, áreas de biotopos e vexetación de interese e áreas arqueolóxicas e de patrimonio cultural). * Exixencias ás instalacións, tarefas e procesos da obra: - Xestión de residuos tóxicos e perigosos de acordo coa lexislación vixente. - Axeitado deseño das instalacións que permita a contención e canalización dos posibles escapes ou derramos. - Recuperación ambiental da zona ocupada. - Para as entulleiras e vertedoiros xustificarase axeitadamente a súa localización, o amoreado de entullos someterase a compactacións sucesivas e tratarase axeitadamente mediante a achega de terra vexetal, sementeiras e plantacións. - Para reducirlle as molestias á poboación próxima proponse o seguinte: - Garantirase que a maquinaria e vehículos motores están homologados no referente ás directivas europeas sobre emisión de ruídos destas fontes. - Posta a punto e control da maquinaria e vehículos motores para minimizar as emisións dos gases de combustión. - Rega das superficies en obra para prever as emisións de po. - Información ás poboacións próximas sobre a obra e a súa duración. - Plan de voaduras controladas. - Plan de traxectos alternativos durante as obras para minimizar o efecto barreira. - Plan de circulación e sinalización da maquinaria e vehículos pesados polas zonas urbanas. - Redución no posible de camiños de obra, evitando ao máximo a compactación do solo polo paso da maquinaria, a destrución da vexetación e a alteración dos cursos de auga. Pecharanse e restituiranse ás súas condicións iniciais aquelas que non sexan estritamente de servizo unha vez finalizada a obra e posta en funcionamento da nova estrutura. - Evitarase o entubamento de calquera masa acuosa e a caída de material aos leitos. - Manterase unha franxa de vexetación autóctona nas marxes da estrada, que axudará a minimizar o efecto psicolóxico do impacto sonoro, molesto tanto para as poboacións humanas como animais. * Tarefas de recuperación ambiental da obra: proxecto de recuperación ambiental da vía rápida e daquelas superficies ocupadas temporalmente durante a obra. Este proxecto desenvolverase con detalle no proxecto de trazado. Porén danse unhas directrices xerais: - Recollida, amoreamento e tratamento da terra vexetal retirada co fin de usala nos procesos de revexetación e acondicionamento paisaxístico. - Evitar que grandes superficies queden en descuberto durante longo período de tempo pois incrementaríase a erosión eólica. - Ao finalizar as obras retiraranse todos os residuos e materiais sobrantes, teñan ou non o carácter de residuos tóxicos ou perigosos. - Unha vez finalizadas as obras procederase á descompactación das superficies ocupadas temporalmente mediante o laboreo delas, restituirase o solo orixinal e levaranse a cabo os labores de revexetación. * Programación das tarefas ambientais e a actividade de obra. * Control paleontolóxico da obra. Medidas correctoras xerais: * Medidas de estabilización de noiros: - Desmontes: - Adopción de bermas cada 6 m de altura e noiros tendidos de acordo coa natureza e estabilidade do material local. - Para os desmontes de pendentes altas recorrerase ás modernas técnicas de suxeición e hidrosementeira. - Terrapléns: - Aseguraranse co procedemento de escalonar a superficie de asento do terraplén sobre a ladeira natural, con banquetas de 1 m de altura e ancho de 3 m, cada 4-5 m de altura. - Prevese unha pendente máxima de 3H:2V para todas as unidades xeotécnicas, polo que se poderá revexetar toda a superficie do terraplén. - Asegurarase o pé do terraplén. * Medidas de corrección hídrica. Establécense as seguintes obras hidráulicas: - Canalizacións laterais dos cursos afectados lonxitudinalmente. - Obras de drenaxe transversal que garantan a permeabilidade dos eixes hídricos interceptados. - Obras de paso de acequias e canles de auga, mediante arquetas dobres, sifóns e outros elementos hidráulicos de paso. - Dispositivos de captación e tratamento de verteduras (balsas de tratamento) nas saídas de drenaxes lonxitudinais co fin de evitar a vertedura directa ao medio de contaminantes (aceites, graxas, etcétera). * Pasos de animais: adecuaranse as drenaxes como pasos para fauna para mellorar a permeabilidade da vía. De xeito xeral deseñaranse tendo en conta o tamaño da especie, para a súa localización estudarase o comportamento da fauna e crearanse corredores verdes que resulten atractivos para os animais evitándose a instalación de especies invasoras que colonicen en exceso a boca do túnel. * Compensación por expropiación de edificacións. * Pantallas antirruído: despois de realizar estimacións cos niveis de tráfico e en hipótese de propagación libre proxéctase a instalación destes dispositivos de atenuación en diversas zonas. * Plan de recuperación ambiental. Medidas protectoras específicas nos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC): Fase de obras. -O ámbito do LIC atoparase recollido na categoría de zona prohibida para a actividade da obra, onde non se poderá actuar en ningún caso. - Establecemento dun balizamento de protección. Fase de explotación. - Instalaranse balsas de tratamento (catro ao final de cada cuneta e drenaxe lonxitudinal) co fin de que recollan tanto os contaminantes resultantes do lavado da calzada como as posibles verteduras accidentais que se producisen na vía. Operarán como dispositivos de tratamento das verteduras, mediante retención e decantación previa á vertedura nas marxes do curso.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res11112004.pdf Galego
res11112004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles