Resolución do 10 de abril de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Farrapa I, nos concellos de Abadín, Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (Expediente 065-EOL).

Diario Oficial de Galicia, 25-04-2006, Núm. 79, Páx. 6557
Resolución do 10 de abril de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Farrapa I, nos concellos de Abadín, Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (Expediente 065-EOL). En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 29 de marzo de 2006, relativa ao proxecto do Parque Eólico Farrapa I, nos concellos de Abadín, Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía S.A. (expediente 065-EOL) e que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 10 de abril de 2006. Anxo Ramón Calvo Silvosa Director xeral de Industria, Enerxía e Minas ANEXO - Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 29 de marzo de 2006, relativa ao proxecto do Parque Eólico Farrapa I, nos concellos de Abadín, Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. (clave: 2005/0306). Antecedentes. O proxecto do Parque Eólico Farrapa I, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A., consiste na execución dun parque eólico de 50 MW de potencia total nos concellos de Abadín, Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo), constituído por 25 aeroxeradores de 2.000 kW de potencia unitaria. Na Resolución do 6 de maio de 2004, da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2004, incluíuse o Parque Eólico Farrapa I (fase I), cunha potencia de 20 MW. Polo anterior, o promotor divide o proxecto en dúas fases de execución, a primeira de 10 aeroxeradores (do A-1 ao A-10) e a segunda cos 15 restantes (B-1 a B-15). Non obstante, o estudo de impacto ambiental presentado perante a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo para a tramitación do proxecto comprende a totalidade do parque eólico, especificando na epígrafe de descrición do proxecto as instalacións que corresponden a cada unha das dúas fases de construción. Dentro do procedemento de autorización administrativa do parque eólico, o proxecto sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental, dado que está recollido no grupo 3 i) do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental. No anexo I resúmense as características do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada. Mediante Resolución do 4 de abril de 2005, da Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo (publicada no DOG nº 72, do 15 de abril), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial das instalacións que comprende a fase I do referido parque eólico, xunto co estudo de impacto ambiental da totalidade das instalacións que o compoñen, non constando a presentación de alegacións de carácter ambiental durante o período de exposición pública. Con data do 17 de agosto de 2005 recíbese nesta consellería o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, contendo os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas e Turismo, ademais dos emitidos polo organismo autónomo Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica do Norte e as delegacións provinciais de Lugo das consellerías de Sanidade e de Innovación e Industria. O 23 de novembro de 2005 recíbese un novo informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, sobre a «Documentación ambiental complementaria ao E.I.A. do P.E. Farrapa I. Maio 2005», presentada polo promotor en resposta ao primeiro informe emitido pola citada dirección xeral. Con data do 29 de novembro de 2005 recíbese un novo informe da Dirección Xeral de Turismo. O 24 de xaneiro de 2006 a Dirección Xeral de Conservación da Natureza ratifica o contido do seu primeiro informe e o 3 de febreiro de 2006 ten entrada un terceiro informe da dita dirección xeral, sobre o documento «Corrección de documentación ambiental complementaria ao E.I.A. do P.E. Farrapa I. Outubro 2005» -cunha fe de erratas de novembro de 2005-, presentado en resposta aos requirimentos do seu segundo informe. Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do Parque Eólico Farrapa I, nos concellos de Abadín, Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo), promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A. Declaración de impacto ambiental. Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito de declaración. Esta declaración refírese ao proxecto do Parque Eólico Farrapa I tal e como vén descrito no estudo de impacto ambiental, e que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 50 MW de potencia total nos concellos de Abadín, Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo), constituído por 25 aeroxeradores G-87 de 2.000 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM: Vértice X Vértice Y 626.937,409 4.806.000,000 636.000,000 4.806.000,000 633.287,743 4.802.284,193 626.937,409 4.801.056,938 Está previsto executar o parque en dúas fases, a fase I de 10 aeroxeradores (do A-1 ao A-10) e 20 MW de potencia total, e a fase II, con 30 MW de potencia, constituída polos 15 aeroxeradores restantes, que van numerados do B-1 ata o B-15. A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano «Planta xeral. Plano nº 01» incluído no tomo II do estudo ambiental. Así mesmo, se como resultado do procedemento de autorización substantiva da 2ª fase fose necesario introducir algunha modificación significativa nas infraestruturas ou instalacións da dita fase respecto do establecido nesta DIA será preciso, para efectos ambientais, o informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. 2. Condicións xerais. 2.1. Protección da atmosfera. 2.1.1. Sobre o po. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies e demais medidas previstas no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. 2.1.2. Sobre o ruído. Os niveis de presión sonora debidos á construción e ao funcionamento do parque eólico non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, de ser o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto. 2.2. Protección das augas e leitos fluviais. 1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de vías, gabias de cableado...) así como calquera vertido ou captación se é o caso, precisarán da autorización do organismo de conca competente en cada caso, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. 2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras. 3. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que nas vías do parque deberán preverse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación. A achega das augas de drenaxe cara á rede hidrográfica deberá ser gradual, polo que á saída das drenaxes transversais e nos puntos onde a auga das cunetas se incorpore ao terreo, así como nos tramos de cuneta en zonas de elevada pendente, disporanse sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais. Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, levando a cabo os oportunos labores de mantemento e adoptando as medidas correctoras oportunas no caso de producirse os citados fenómenos. Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento hidrolóxico proposto no estudo ambiental. 4. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar á rede hidrolóxica, charcas temporais ou permanentes e zonas hidromorfas, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. Prestarase especial atención ao balizamento destas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra. 5. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. 6. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida que sexa necesaria para evitar o arrastre de materiais ladeira abaixo. 7. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. 8. Non está permitido o lavado de maquinaria e útiles nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental. 2.3. Protección do solo. 1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. 2. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto. 3. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado. 4. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa, en cuxo caso, se seleccionarán zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao finalizar a obra. 5. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras. 2.4. Protección da fauna e vexetación. 2.4.1. Sobre a fauna. 1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna. 2. No caso de que nas vías de acceso se instalen pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo. Estas medidas poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos. 3. Respecto á avifauna e aos morcegos, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores. Para tal fin, levaranse a cabo os plans de seguimento de avifauna e quirópteros propostos na documentación avaliada, coas particularidades sinaladas nos puntos 3.3.2 e 3.6.2 da DIA. No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre estas poboacións, adoptaranse as medidas correctoras necesarias para corrixir tal situación, entre elas as sinaladas na documentación avaliada. 2.4.2. Sobre a vexetación. 1. A roza e/ou eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras. En todo caso, calquera actuación de carácter inevitable levará asociada a restitución íntegra do espazo afectado na maior brevidade posible. Así mesmo, previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar as afeccións. 2. Non se poderá afectar a formacións distintas ás citadas na documentación avaliada sen antes facer a correspondente consulta, evitando especialmente calquera afección sobre formacións arbóreas autóctonas e ecosistemas intimamente ligados á auga (turbeiras, vexetación ripícola, sistemas lacustres, ...). 3. No caso de que sexa precisa a corta de arboradura, previamente terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. 4. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas. 2.5. Sobre a integración paisaxística. 1. Se na zona existisen afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras, tanto as de execución de vías e gabias do cableado como as de instalación dos aeroxeradores. 2. Adoptaranse medidas que maximicen a integración paisaxística da subestación transformadora e do edificio de control. A súa tipoloxía construtiva harmonizará coa tradicional da zona e a cor da pintura de exteriores será acorde co contorno e de acabado mate. 3. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o proxecto de restauración incluído no estudo de impacto ambiental, coas condicións sinaladas no punto 3.2 da DIA. 4. Os labores de restauración e revexetación realizaranse, sempre que sexa posible, paralelamente ao avance da obra, conforme as distintas superficies que se restauran acadan o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr unha meirande integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio. 5. Deberá realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración en todas as fases, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras ou plantacións efectuadas. Incrementarase a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación, levando a cabo medidas adicionais de restauración se o éxito desta non é o axeitado. 2.6. Sobre o Programa de vixilancia e seguimento ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais profundos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: - Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán estar asinados por un técnico da dita entidade. - Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, que o comunicará ao órgano ambiental. 3. Condicións específicas. 3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural. Levaranse a cabo as medidas correctoras propostas na memoria de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto, aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes: - Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, previamente ao inicio das obras elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso desta, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión. - En relación co impacto do proxecto sobre o elemento Indicio II, e de cara á realización dunha axeitada avaliación sobre o patrimonio cultural, previamente ao inicio das obras nesta zona deberanse realizar estudos complementarios (sondaxes arqueolóxicas) que permitan valorar a potencialidade arqueolóxica do dito elemento. - No referente á liña de evacuación de enerxía, que foi obxecto da Decisión do 31 de maio de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sobre a necesidade ou non de avaliación de impacto ambiental, cómpre lembrar que se deberá dar cumprimento ao sinalado no artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, téndose que adoptar a totalidade das medidas que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural estableza. - Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras. - Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. 3.2. Sobre a integración paisaxística. 1. En relación co plan de restauración presentado, teranse en conta as seguintes consideracións: - As áreas obxecto de restauración e revexetación incluirán todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras: marxes das vías, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, contorno da subestación e do edificio de control, zonas de instalacións de obra... As plataformas de montaxe dos aeroxeradores deberán ser revexetadas na súa totalidade, podéndose deixar un camiño de acceso á porta do aeroxerador para os vehículos de mantemento. - Nas superficies que se revexeten estenderase unha capa de terra vexetal duns 15 cm de espesor. De precisar achegas externas de terra vexetal por non ser suficiente a retirada previamente á execución das obras, cómpre indicar que non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio, e que calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada. Estas achegas externas deben ser previstas no orzamento da restauración. Así mesmo, será admisible o uso de solos reciclados obtidos de acordo coa Instrución Técnica de Residuos ITR/01.0/05, do 29 de xuño, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á elaboración de solos reciclados a partir de residuos. - No que respecta á sementeira, nas zonas en que se empregue mestura de herbáceas e arbustivas a dose será como mínimo de 30 gr/m (300 kg/ha) e a proporción de cada grupo de especies na mestura axustarase, con carácter xeral, ás seguintes porcentaxes: 70% para o conxunto de gramíneas, 15% para as leguminosas e 15% para as arbustivas. Todas as especies serán autóctonas e existentes na zona. 2. Co fin de mellorar a integración paisaxística do parque eólico e evitar a proliferación de pistas na zona, procederase á restauración daqueles tramos de vía duplicados ou que queden sen servizo trala execución da rede viaria do parque. Os tramos afectados por esta medida serán os sinalados no plano «Localización vías mortas» da «Documentación ambiental complementaria ao E.I.A. do P.E. Farrapa I. Maio 2005». A non adopción da medida nalgún tramo concreto xustificarase debidamente, debendo o promotor dispoñer dunha ratificación por escrito da existencia de limitacións por parte dos seus propietarios. As actuacións que se realizarán serán as descritas na «Corrección de documentación ambiental complementaria ao E.I.A. do P.E. Farrapa I. Outubro 2005». Para o non previsto no antedito documento observarase o sinalado no proxecto de restauración do tomo II do estudo ambiental e nos puntos 2.5 e 3.2.1 da DIA. 3.3. Fase previa ao inicio das obras. 1. Levarase a cabo a campaña preoperacional relativa ao plan de control da calidade das augas, de acordo co previsto no correspondente anexo do estudo ambiental. Os resultados da dita campaña incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto os de obra como os de funcionamento se é o caso, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento. 2. Tendo en conta que entre as aves rapaces cuxa presenza foi detectada na área do parque figura a tartaraña cincenta (circus pygargus), que nidifica sobre o solo en ambientes de matogueira e polo tanto é susceptible de verse afectada polas obras, levaranse a cabo as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección das infraestruturas e instalacións do parque. No caso de detectarse a súa nidificación na zona afectada polas obras, adoptaranse as medidas protectoras oportunas, que poden incluir o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de raio en torno ao niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (continuando as obras noutra zona do parque) e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves. 3. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 1% do orzamento do proxecto. Esta proposta poderá ser revisada se o promotor presenta un novo orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras que teña en conta as consideracións sinaladas no punto 3.2.1, lembrando que incluirá tamén a restauración de vías sen servizo á que se fai referencia no punto 3.2.2. Por outra banda, poderase propoñer un aval para cada unha das dúas fases en que se dividiu o proxecto se o dito orzamento se presenta correctamente individualizado para cada fase. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta esta fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo isto no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996. 3.4. Fases de replanteo e obra. 1. O promotor comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras de construción do parque. 2. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído proposto no estudo ambiental, nesta fase considérase suficiente efectuar unha medición en cada punto de control cando se estean executando obras preto del, e non con carácter trimestral en todos os puntos como se indica no plan presentado. Nos resultados das medicións que se presentarán nos informes de seguimento ambiental deberá figurar, sen detrimento dos percentís L, L e L, o parámetro Leq. 3. O mesmo será de aplicación para o plan de seguimento da calidade das augas, estimándose suficiente tomar mostras cando se estean executando obras preto de cada punto de control seleccionado, e non con carácter mensual ao longo das obras, como se sinala no plan presentado. 4. Prestarase especial atención ao desenvolvemento do plan de vixilancia de avifauna nesta fase, tendo en conta a presenza na zona de aves rapaces que nidifican no solo, de acordo co sinalado no punto 3.3.2 da DIA. 5. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo: a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización. b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas e funcionamento da rede de drenaxe, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.3 e 2.2.8 da DIA. c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e, se é o caso, de quirópteros. d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela. e) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e a hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade. 3.5. Ao final da fase de obras. 1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do indicado no estudo ambiental e no condicionado desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos recollidos no estudo ambiental e no condicionado da declaración. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, a subestación e o edificio de control, estado das vías, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, en que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras. 3.6. Fase de funcionamento. 1. O promotor comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación. 2. En relación co plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, terase en conta que en cada visita mensual para a detección de aves mortas por colisión revisarase un 50% dos aeroxeradores instalados (12 aeroxeradores por visita). O raio que se revisará baixo cada aeroxerador aumentarase ata os 70-80 m, tendo en conta o tamaño do aeroxerador que se vai instalar. As mesmas consideracións observaranse no desenvolvemento do plan de seguimento de quirópteros. 3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor remitirá ao órgano substantivo, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes, un informe de seguimento ambiental co seguinte contido mínimo: a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición. b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, do seguimento da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.3 e 2.2.8 da DIA. c) Resultados dos plans de seguimento de avifauna e quirópteros, tendo en conta o sinalado no punto 3.6.2. d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, en que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e as incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, cunetas, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización. Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase modificar o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realicen en anos posteriores. 3.7. Fase previa ao abandono. No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitirá ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, prevendo, con carácter xeral, o desmantelamento e retirada dos aeroxeradores e subestación, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas polo desmantelamento. Xunto con esta documentación presentarase o cronograma estimado destas actuacións. 3.8. Fase de abandono. Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado na epígrafe anterior. 3.9. Fase posterior ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2006. Joaquín Lucas Buergo del Río Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I - Resumo do proxecto O proxecto do Parque Eólico Farrapa I, promovido pola empresa Gamesa Energía, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 25 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se instalará nos concellos de Abadín, Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse entre os montes da Rocha, das Peneliñas e da Farrapa, dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración. Por cuestións de limitación da potencia anual que se vai instalar, o promotor dividiu o proxecto en dúas fases de execución, a primeira de 10 aeroxeradores e 20 MW de potencia total e a segunda cos 15 restantes, que supoñen outros 30 MW máis. As características básicas do proxecto, considerando as dúas fases, son as seguintes: - Número de aeroxeradores: 25. - Modelo: Gamesa G-87. - Potencia nominal unitaria: 2.000 kW. - Potencia total instalada: 50 MW. - Altura de torre: 78 m. - Diámetro de rotor: 86,6 m. O proxecto prevé asemade a construción dunha subestación transformadora 20/132 kV cun edificio de control anexo, que albergará os equipos de control e mando, a sala de celas eléctricas, un almacén, un despacho, os vestiarios e un aseo dotado de fosa séptica para o tratamento das augas residuais. Estas instalacións construiranse xunto coa primeira fase do parque. A liña de evacuación da enerxía producida no parque, a 132 kV, foi obxecto da Decisión do 31 de maio de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sobre a necesidade ou non de avaliación de impacto ambiental. A obra civil inclúe a execución duns 8.140 m de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento duns 1.394 m de camiños existentes, cun largo de rodadura de 6 m e dotados de cunetas e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais, non puntos onde sexa necesario. Habilitaranse pasos canadenses cando as vías atravesen cercas para o gando. Así mesmo, escavaranse uns 10.790 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora e o edificio de control do parque. A duración estimada das obras é duns 6 meses para cada unha das fases de construción. Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta maiormente por uceiras, que presentan características de uceira húmida ou seca en función da situación topográfica e da humidade do terreo, matogueira de toxo, prados, cultivos e comunidades asociadas a charcas e turbeiras. Con menor representación, fóra da área de implantación directa das instalacións, aparecen repoboacións de piñeiro e eucalipto e pequenas formacións de arboredo autóctono (carballeiras, bidueirais e ameneirais). ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada Na epígrafe de medidas protectoras e correctoras do estudo ambiental inclúense basicamente as seguintes: Boas prácticas xerais de obra: na fase de obras adoptaranse unha serie de medidas preventivas para afectar o menos posible a calidade do aire, auga e solos da zona: - Mecánica preventiva da maquinaria para evitar derramos de aceites ou combustibles. - Realización de operacións de limpeza e mantemento da maquinaria en talleres, estacións de servizo ou lugares convenientemente acondicionados (coa superficie impermeabilizada) onde os residuos ou vertidos sexan convenientemente xestionados. - Limitación das operacións de carga e descarga de materiais, escavacións e movementos de terra aos períodos en que a velocidade do vento sexa inferior a 10 km/h. - Rega das superficies sen xeración de vertido líquido, para minimizar a dispersión de po e partículas. - Redución de produtos de combustión mediante mantemento técnico da maquinaria. Plan de xestión de vertidos e residuos: todos os residuos xerados durante as obras ou na fase de mantemento serán xestionados e almacenados axeitadamente primando, por esta orde, a minimización, a reutilización ou reciclaxe e o vertido. Plan de xestión de aceites usados. Outras medidas: - A auga que se empregue para as regas e lavados de rodas terá a mellor calidade posible. - Estudo da intervención sobre a vexetación para a apertura de accesos e vías. Minimizarase ao máximo posible a corta de árbores. Criterios de manexo da vexetación. Retirada de vexetación mediante roza. - Asistencia técnica ambiental e arqueolóxica na fase de replanteo. - Cando se produzan achádegos de restos históricos de calquera tipo, interromperanse as obras e comunicaráselle ao director de obra, non debendo continuar a obra sen previa autorización. - Restauración das superficies afectadas. - Evitar sempre a afección directa a cauces, prestando especial atención ás obras que se desenvolvan cerca destes. - Cumprimento das medidas de protección do solo para evitar erosións e contaminacións das augas. - Xestionar adecuadamente os residuos sólidos e perigosos e as augas residuais. - Preservación da vexetación de ribeira. - Non se acumulará terra nin refugallos de obra nin calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume dos cursos fluviais, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorregas, chuvias ou crecidas do caudal. - Evitarase a fabricación de formigón na propia obra, co obxecto de diminuír o risco de contaminación das aguas. Así mesmo, evitaranse vertidos derivados da súa utilización. - Non se extraerá auga dos regatos para as obras ou abastecemento. - Calquera alteración ou afección nas zonas de servidume dos cursos de auga precisará da autorización do organismo competente. - Xestión de sobrantes de terras. - Mantemento das moreas de terra vexetal destinados á restauración. - Minimizarase o movemento de terras ao máximo. - As dimensións das plataformas de montaxe, vías e cunetas non superarán as mínimas requiridas. - Achega gradual da auga procedente das drenaxes transversais cara á rede hídrica, empregando trampas de sedimentos que se limparán con asiduidade, sobre todo na fase de obras. - En noiros con pendente acusada empregaranse mallas antiescorrega. - As tarefas de mantemento da maquinaria móbil durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, seleccionaranse zonas para a realización destas tarefas, afastadas do cursos de auga e protexendo o solo con materiais impermeables. - As augas residuais xeradas no edificio de control levaranse a unha fosa séptica. - Medidas anticolisión de avifauna e quirópteros. Seguimento de colisións. - Reposición e/ou indemnización de danos, tanto na fase de obras como na de funcionamento. - Calendario de actuacións acorde coas medidas correctoras. - Balizamento previo dos elementos que se protexerán. - Posta á terra de aeroxeradores e subestación para evitar a corrosión. - Programa de vixilancia ambiental (ruídos, drenaxes, avifauna, revexetación ...). As medidas relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense na memoria de avaliación do impacto arqueolóxico, incluída no tomo II do estudo de impacto ambiental.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
RES10042006.pdf Galego
RES10042006.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles