Diario Oficial de Galicia, 31-08-2005, Núm. 167, Páx. 14956
Resolución do 12 de xullo de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico ampliación Xiabre, nos concellos de Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), promovido por Engasa (Energía de Galicia, S.A.).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 22 de xuño de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de Parque Eólico ampliación Xiabre, nos concellos de Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa, promovido por Engasa (Energía de Galicia, S.A.), que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2005.
P.D. (Orden do 30 de xuño de 2005 (DOG nº 126, do 1 de xullo)
Jesús Vázquez San Luis
Secretario xeral da Consellería de Innovación, Industria e Comercio
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto do Parque Eólico ampliación Xiabre, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 12 MW de potencia total nos concellos de Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), constituído por 8 aeroxeradores NEG-MICON 72C/1500 de 1.500 kW de potencia nominal unitaria. Segundo a formulación inicial, os aeroxeradores localizaríanse dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice X Vértice Y
524.227 4.720.092
523.484 4.718.872
524.071 4.718.678
524.610 4.719.828
524.352 4.720.219
523.832 4.720.432
522.317 4.720.011
522.601 4.719.229
Malia o anterior, e como queira que o promotor renuncia á posición B6 co fin de compatibilizar o proxecto cunha concesión mineira existente na zona, dentro da antedita poligonal só se localizarán 7 dos 8 aeroxeradores proxectados.
O aeroxerador que se tiña previsto instalar na antedita posición B6 trasladarase á posición libre A1 do Parque Eólico Xiabre (que non se chegou a utilizar tras a presentación por parte do promotor dun modificado do proxecto no que se reducía o número de aeroxeradores por cambio a un modelo con maior potencia nominal unitaria), séndolle polo tanto de aplicación o condicionado da DIA do dito parque, formulada por esta dirección xeral en data 19 de xullo de 2004.
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano Planta Xeral. Ampliación do Parque Eólico Xiabre incluído na documentación complementaria recibida o 2 de maio de 2005.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección da atmosfera.
1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies e outras medidas previstas no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar.
2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de viais, gabias de cableado...), así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización do organismo de conca competente, neste caso Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Tanto na fase de obras como na de funcionamento, realizarase un control do correcto funcionamento da rede de drenaxe e dos dispositivos de disipación de enerxía previstos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, co obxecto de comprobar se se producen fenómenos erosivos, deposicións de sólidos ou asolagamentos nestes puntos. De se produciren estes, adoptaranse as medidas correctoras previstas no estudo ambiental e calquera outra que resulte necesaria.
3. A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terrapléns resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos ou a incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega ou calquera outra medida necesaria para evitar o arrastre de materiais ladeira abaixo.
4. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate a ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental.
5. Non estando previsto na documentación presentada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.
2.3. Protección do solo.
1. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
2. A circulación de vehículos e maquinaria, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase aos viais e zonas acondicionadas para o efecto.
3. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao finalizar a obra.
4. Para a localización da zona destinada a casetas de obra, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica.
5. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.4. Xestión de residuos.
1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado realizarase nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza.
3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.
4. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
2.5. Protección da fauna e vegetación.
2.5.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.
2. No caso de que nos viais de acceso se instalen pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, podendo consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer un foxo cun ou os dous laterais abertos.
2.5.2. Sobre a vegetación.
1. Previamente á corta de arboradura terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
2. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.6. Protección do patrimonio cultural.
1. No que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, rexerá o disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tanto no relativo á localización final de infraestruturas e instalacións como ás medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias, as de control e seguimento arqueolóxico e calquera outra para adoptar ao longo das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución de terreos, en todo o ámbito do parque eólico.
2.7. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificándolle o seu nomeamento ao órgano substantivo.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a integración paisaxística.
1. De igual xeito que para o previsto no Parque Eólico Xiabre, e de acordo co sinalado no estudo ambiental, nos aeroxeradores que constitúen a ampliación obxecto desta DIA levarase a cabo a proposta de pintado artístico das torres recollida no documento anexo ao estudo de impacto ambiental do Parque Eólico Monte Xiabre. Análise do pintado artístico das torres dos aeroxeradores, co fin de dotar o parque dun novo valor cultural.
2. Levarase a cabo o plan de restauración e revexetación incluído no estudo de impacto ambiental, coas seguintes matizacións:
- As áreas obxecto de restauración e revexetación incluirán todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes dos viais, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais e de instalacións de obra...). Neste sentido, non se ve xustificado restrinxir a restauración ao 20 % da superficie alterada como se propón no plan presentado.
- Na restauración das marxes dos viais con perfil 1V:2H considérase factible e necesario o emprego de terra vexetal co obxecto de garantir unha adecuada revexetación destas zonas. No caso de necesitar achegas externas de terra vexetal, estes deberán provir de amoreamentos ou zonas debidamente autorizadas. Se a pesar do anterior a cantidade de terra vexetal necesaria para a restauración resulta deficitaria, poderá substituírse por solos artificiais obtidos baixo autorización administrativa da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
- Co fin de evitar fenómenos erosivos e acadar o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras, os labores de restauración deberán realizarse paralelamente ao avance destas, conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, sempre que as condicións climatolóxicas e a época do ano sexan apropiadas para a revexetación.
- Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada.
3.2. Fase previa ao inicio das obras.
1. Levaranse a cabo as campañas preoperacionais previstas nos plans de control da calidade das augas e o de seguimento de avifauna, así como a medición preoperacional de ruído nos núcleos de Busto e Souto da Vila, de acordo co sinalado no punto 3.5.1 da DIA.
Os resultados das ditas campañas incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto os de obra como os de funcionamento, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
2. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 1% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de 133.524,19 euros. A dita proposta poderá ser revisada se o promotor presenta un orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociadas á fase de obras que teña en conta as cuestións sinaladas no punto 3.1.2 desta DIA e que ademais estea adaptado á configuración final do parque reflictida no plano ao que se fai referencia no ámbito da declaración.
Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituilo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996.
3.3. Fase de obras.
1. Á vista das conclusións do estudo acústico incluído no estudo ambiental e sempre que se leve a cabo un mantemento preventivo da maquinaria para minimizar posibles molestias por emisións sonoras, non se considera necesario a realización de medicións dos niveis de ruído durante esta fase.
2. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.7 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe, plan de control da calidade das augas e seguimento de avifauna, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.2.2, 2.2.4 e 3.2.1 da DIA.
c) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos previstos nela.
d) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a tódolos compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
3.4. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.7 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e o establecido nesta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos previstos no estudo ambiental e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado dos viais, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano «as built», a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
3.5. Fase de funcionamento.
1. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído, e tendo en conta que para a posición A1 é de aplicación o sinalado no punto 3.6.1 da DIA do Parque Eólico Xiabre (co que se controlará a posible incidencia sonora sobre o núcleo do Condado) para os restantes 7 aeroxeradores o plan de seguimento poderá restrinxirse aos puntos de control propostos nas poboacións de Busto e Souto da Vila, así como á obtención dos niveis sonoros a distancias de 0, 50, 100 e 200 m do aeroxerador B1, o máis próximo aos ditos puntos, co obxecto de verificar as predicións do estudo acústico e obter datos de campo do nivel de ruído xerado polo modelo de aeroxerador que se vai instalar neste parque.
2. Tendo en conta que o parque eólico obxecto desta DIA constituirase como unha ampliación do Parque Eólico Xiabre, ocupando o mesmo ámbito xeográfico e compartindo infraestruturas como a subestación e a liña de evacuación, levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a avifauna entre estes dous parques, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.7 da DIA, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes.
Terase en conta que á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase modificar o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se van realizar en anos posteriores. O dito informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido:
a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e tendo en conta o sinalado nos puntos 3.2.1 e 3.5.1 da DIA. Realizaranse dúas medicións durante o primeiro semestre, podéndose logo variar dita frecuencia en función dos resultados obtidos.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.2 e 2.2.4 da DIA.
c) Resultados do plan de seguimento de avifauna (incluíndo posibles colisións de quirópteros, se é o caso) e informe dos posibles efectos acumulativos, tendo en conta o sinalado no punto 3.5.2.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado dos viais, cunetas, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
3.6. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, prevendo, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores, así como a restauración dos viais creados para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando esta documentación presentarase o cronograma estimado das ditas actuacións.
3.7. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior.
3.8. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas.
Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
ANEXO I: Resumo do proxecto
O proxecto denominado Parque Eólico ampliación Xiabre, promovido pola empresa Energía de Galicia, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 8 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, para instalar nos concellos de Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:
- Número de aeroxeradores: 8.
- Modelo: NEG-MICON 72C/1500.
- Potencia nominal unitaria: 1.500 kW.
- Potencia total instalada: 12 MW.
- Altura de torre: 78 m.
- Diámetro de rotor: 72 m.
- Investimento previsto: 13.352.419,61 euros.
A obra civil inclúe a execución duns 1.400 m de viais de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento de 1.000 m de camiños existentes, cunha anchura de rodadura de 5 m e dotados de cunetas e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Nos viais disporanse pasos canadenses cando sexa necesario. Asemade, escavaranse uns 5.200 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora 20/66 kV e o edificio de control pertencentes ao Parque Eólico Xiabre, co que tamén compartirá a liña de evacuación de enerxía, e cuxo trazado vai paralelo e lindante aos viais en case todo o seu percorrido.
Segundo o estudo de impacto ambiental, a vexetación na área de implantación do parque está composta maiormente por matogueira de toxo, xesta e breixo (sometida a pastoreo polo gando cabalar en liberdade) e repoboacións de piñeiro e eucalipto, formando masas puras ou mesturas de ambas as dúas especies.
ANEXO II: Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada
No apartado de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
- Previamente ao inicio da construción do parque procederase á marcaxe (cada 50 ou 25 m segundo as zonas) das distintas áreas de afección.
- Tanto na fase de construción como na de funcionamento, no caso de derrama de combustibles ou lubricantes, extraerase o terreo afectado e xestionarase adecuadamente.
- Durante o funcionamento realizarase unha adecuada xestión de aceites e residuos da maquinaria, entregándose a xestor autorizado.
- Retirada e conservación da terra vexetal. Descompactación do terreo para permitir a adecuada revexetación.
- Respectaranse os leitos naturais susceptibles de ser afectados, garantíndose que se manteña o réxime de caudais e a velocidade do fluxo hídrico.
- Non se acumulará nos cauces naturais nin nas zonas de servidume terra, entullos, material sobrante da construción ou calquera outro tipo de substancia contaminante que puidera incorporarse aos cursos de auga por escorrega ou crecidas do caudal.
- Evitarase na medida do posible o arrastre de sólidos en supensión.
- Prohibirase o lavado de utensilios e materiais de obra nos ríos e regatos.
- Vixiarase con especial atención os posibles procesos erosivos ocasionados polas drenaxes dos viais, tomándose as medidas oportunas para solventar impactos non valorados con anterioridade.
- Drenaxes transversais en viais, en puntos xa determinados, colocando elementos disipadores de enerxía á saída para evitar a erosión.
- No caso de aparecer taxóns florísticos de especial interese, introduciranse desvíos puntuais en viais ou gabias de cableado para evitar a afección, e, no caso de que non sexa posible, procederase á retirada e traslado de exemplares, actuación que será supervisada por especialistas botánicos.
- Emprego dos sobrantes e estériles na propia obra. Non se crearán entulleiras incontroladas, nin se abandonarán materiais de construción ou restos de escavacións nas proximidades das obras. No caso de existir sobrantes, levaranse fóra da zona a vertedoiro autorizado.
- En relación coa protección da avifauna, o modelo de aeroxerador seleccionado reduce o número de máquinas que se van instalar. Asemade, teñen unha menor velocidade de xiro que os aeroxeradores máis pequenos.
- A separación entre aeroxeradores é dun mínimo de 150 m, de xeito que non se limite o tránsito de avifauna entre eles.
- O tendido eléctrico entre aeroxeradores será soterrado.
- Limitarase na medida do posible o acceso incontrolado de persoas ao parque.
- Eliminaranse os cadáveres detectados co fin de evitar colisións de aves preeiras.
- Plan de restauración, desenvolvido nun anexo do estudo ambiental.
- Limitación da posibilidade de incendios forestais, mediante limpeza e roza da vexetación. Adoptarase o plan de seguridade contra lumes forestais que se estableza para o Parque Eólico Xiabre.
- Medidas compensatorias para as poboacións cinexéticas, restaurando o hábitat afectado mediante o plan de restauración.
Outras medidas protectoras e correctoras que aparecen dispersas ao longo do estudo de impacto ambiental, así como outras previstas en función dos resultados do plan de vixilancia nas fases de obra e funcionamento do parque son as seguintes:
- O acceso ao parque efectuarase aproveitando en gran parte os viais e camiños existentes na zona.
- Compensación de volume de desmonte e terraplén para evitar sobrantes de terras.
- Restitución de cercas para o gando que precisen ser desmontadas.
- Disposición de cunetas e drenaxes respectando as concas hidrográficas.
- Colocación de pasos de auga nos puntos de potencial afección á rede hidrolóxica.
- Colocación de elementos disipadores de enerxía.
- Rega das superficies potencialmente produtoras de po (viais, amoreamentos temporais...).
- Reducir a velocidade de circulación dos vehículos.
- Vixilancia das operacións de carga-descarga e transporte de materiais.
- Instalación de pantallas antivento nos casos de niveis moi elevados de po.
- Os noiros e terrapléns terán unhas proporcións alto-ancho de 1V:2,5H.
- A pé de noiro e na parte superior dos terrapléns construiranse cunetas para a evacuación de augas de chuvia, co fin de evitar erosión dos camiños e zonas adxacentes.
As medidas protectoras e correctoras relativas á protección dos elementos do patrimonio cultural recóllense no informe final do estudo de impacto arqueolóxico, que se presenta como separata ao estudo de impacto ambiental.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL