Orde do 9 de maio de 2007 pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2007 as axudas para o fomento das frondosas caducifolias.

Diario Oficial de Galicia, 15-05-2007, Núm. 93, Páx. 7913
Orde do 9 de maio de 2007 pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2007 as axudas para o fomento das frondosas caducifolias. A Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, adaptando este texto ao disposto na Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, a Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 aproba os orzamentos para este ano. A Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 27.10 do Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva en materia de montes e aproveitamentos forestais. A Consellería do Medio Rural, segundo o establecido no Decreto 232/2005, do 11 de agosto (DOG nº 155, do 12 de agosto) polo que fixou a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e no Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, é o organismo competente para a xestión destas axudas que teñen como obxectivos os seguintes: a) Fomentar a plantación de frondosas caducifolias, cun obxectivo preferente de produción de madeira de calidade. b) Favorecer o aumento da biodiversidade. c) O cambio de especie en masas de eucalipto e ou acacias en mal estado vexetativo ou afectadas polo Gonipterus scutellatus por frondosas caducifolias. d) O aumento da densidade en terreos onde existan frondosas caducifolias. e) A diminución do risco de incendio mediante a creación de devasas con frondosas caducifolias. f) A protección dos núcleos rurais contra os incendios forestais mediante a creación de devasas naturais con frondosas. g) Incidir na mellora da paisaxe. h) Contribuír a incrementar a cuberta forestal a longo prazo e ao mantemento ou recuperación da biodiversidade e dun ecosistema forestal san, así como contribuír á función protectora dos bosques. O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Por outro lado, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ten por obxecto a regulación do réxime xurídico xeral das subvencións, outorgadas polas administracións públicas. O Decreto 105/2006, do 22 de xuño, regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais. De conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. En consecuencia de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e demais normativa concorrente, DISPOÑO: Artigo 1º.- Obxecto. Constitúe o obxecto desta orde establecer as bases e convocar para o ano 2007 as axudas para o fomento das frondosas caducifolias, mediante a súa plantación, o aumento da densidade delas onde xa existan ou ben polo cambio de especie forestal en masas de eucalipto e/ou acacias (acacia sp.) en mal estado vexetativo ou sen porvir por mor de pragas, enfermidades, danos de xeada ou estación inadecuada onde exista unha masa secundaria de frondosas caducifolias. Artigo 2º.- Ámbito de aplicación. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio forestal da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión de: - Os bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica. - Os bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa. - Os bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50% do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas. Artigo 3º.- Beneficiarios. Poderán ser beneficiarios das axudas expostas nesta orde dos propietarios particulares, as agrupacións dos ditos propietarios, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, as comunidades de bens e as comunidades de montes veciñais en man común. Non poderán ser beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas que non sexan propietarios dos terreos obxecto de axuda. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro. Artigo 4º.- Actuacións obxecto de axuda e importes de investimento. As especies a empregar nas actuacións abaixo indicadas e os traballos a realizar son os indicados nos anexos II e III desta orde. Os importes de subvención corresponderán, como máximo, co 70 % do valor máximo de investimento (ver anexo III). 1º Epígrafe. Cambio de especie forestal en masas de eucalipto e/ou acacias (acacia sp.) en mal estado vexetativo ou sen porvir por mor de pragas, enfermidades, danos de xeada ou estación inadecuada onde exista unha masa secundaria de frondosas caducifolias. O valor máximo de investimento por hectárea de actuación é de 1.800 € e neste importe inclúese o tratamento químico ou eliminación dos cepos, a roza, tratamentos silvícolas dos pés existentes de frondosas caducifolias e a plantación de frondosas caducifolias para incrementar a densidade. Non se poderá solicitar esta axuda naqueles terreos que foron obxecto de axuda ao abeiro da distintas ordes de axudas a medidas forestais na agricultura ou ao fomento da forestación de terras agrícolas e que aínda se atopan dentro período de mantemento (15-20 anos), é dicir, dentro do período de compromiso da axuda, non só das primas de mantemento. 2º Epígrafe. Aumento da densidade en terreos onde existan frondosas caducifolias. O valor máximo de investimento por hectárea de actuación é de 1.100 € e neste importe inclúese a roza previa, os traballos de plantación e a planta empregada e os tratamentos silvícolas. 3º Epígrafe. Plantación de frondosas caducifolias. O valor máximo de investimento por hectárea de actuación é de 2.103 € e neste importe inclúese o tratamento da vexetación preexistente (roza, ou roza e fresado), a preparación do terreo (sempre aburatado con retoescavadora, aburatado mecánico con riper modificado, nunca subsolado só, sempre acompañado de aburatado agás subsolado cruzado), plantación manual, a planta e a fertilización. No caso de aproveitamentos silvopastorais, plantación de castiñeiros en marcos amplos ou no caso doutro aproveitamento na superficie o valor máximo de investimento por hectárea de actuación é de 1.050 €. No caso de os pro indivisos, as comunidades de bens, as cooperativas agrícolas, C.M.V.M.C. ou agrupacións de propietarios poderase subvencionar ademais o peche da plantación realizada, sempre e cando a superficie de actuación supere as 10 hectáreas e se xustifique a súa necesidade (gando, fauna cinexética, ...). A colocación de protectores poderase subvencionar independentemente do tipo de beneficiario, sempre e cando se xustifique a súa necesidade (gando, fauna cinexética, ...). No caso de plantación de frondosas caducifolias (epígrafe 3º deste artigo), en terreos agrícolas abandonados, pagaranse 5 primas de mantemento, contadas a partir do ano seguinte ao do pagamento da forestación con frondosas caducifolias e a pagar nos anos 1, 2, 3, 4 e 5, esta prima de mantemento está destinada aos coidados culturais mínimos e mantemento da forestación realizada e o importe de cada prima de mantemento será de 300 €/ha. Son terras agrícolas abandonadas aqueles terreos de ermo, terreo con arbustos e matos ou arboredo cunha fracción de cabida cuberta inferior ao 20%, que tradicionalmente tiveron un aproveitamento agrícola / gandeiro e que na actualidade esta actividade foi abandonada. Artigo 5º.- Distribución do crédito. 1. Por tipo de beneficiario: - Propietarios particulares de xeito individual: 20%. - Agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens e outros: 40% - C.M.V.M.C.: 40%. 2. Por tipo de actuación: - Cambio de especie forestal en masas de eucalipto e/ou acacias (acacia sp.) en mal estado vexetativo ou sen porvir por mor de pragas, enfermidades, danos de xeada ou estación inadecuada onde exista unha masa secundaria de frondosas caducifolias: 30 % - Aumento da densidade en terreos onde existan frondosas caducifolias: 30%. - Plantación de frondosas caducifolias: 40% No caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se cubra a totalidade do importe especificado nas epígrafes, os importes sobrantes das epígrafes pasará aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados, se é o caso. Artigo 6º.- Superficies mínimas e máximas para solicitar axudas. 1. Para solicitudes realizadas por propietarios particulares de xeito individual a superficie mínima continua de actuación é de 0,5 hectáreas e a máxima de 3 hectáreas non admitíndose máis dun couto redondo por solicitude e concello. 2. No caso de comunidades de montes veciñais en man común, cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens ou agrupacións de propietarios particulares, a superficie mínima continua de actuación será de 1 hectárea e a máxima 15 hectáreas admitíndose máis dun couto redondo por solicitude, sempre e cando supere a superficie mínima. Artigo 7º.- Criterios de prioridade. Cando as solicitudes presentadas superen as dispoñibilidades orzamentarias previstas nesta orde, atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación, dentro de cada unha das epígrafes 1, 2 e 3 segundo o baremo seguinte: Predios onde se van realizar os traballos con: - Linde con zona húmida (valgada, etc..): 10 puntos. - Parcelas en Rede Natura 2000: 3 puntos. - Linde con masa de frondosas caducifolias existentes: 10 puntos. - Linde zona agrícola (pastos, ...): 5 puntos. - Linde con autopista, autovía ou estrada nacional: 7 puntos. - Zona concentración parcelaria de uso forestal: 3 puntos. - Explotación prioritaria: 10 puntos. - Parcela obxecto dos traballos lindante con infraestrutura forestal (pista forestal, devasas ...): 10 puntos. - No caso de que a superficie de actuación conte cun plan de xestión ou ordenación: 5 puntos. - No caso de cambio de especie forestal en masas de eucalipto e/ou acacias (acacia sp.) en mal estado vexetativo ou sen porvir por mor de pragas, enfermidades, danos de xeada ou estación inadecuada onde exista unha masa secundaria de frondosas caducifolias, 20 puntos se se atopa a menos de 50 metros dun núcleo rural ou casa habitada e supoña un perigo no caso de incendio. - Por cada beneficiario que realizase un curso de formación en tratamentos silvícolas de frondosas: 2 puntos por beneficiario, ata un máximo de 8 puntos por solicitude de axuda. - Superficie obxecto dos traballos nos concellos máis afectados pola vaga de lumes (ver anexo VI): 20 puntos. - Agrupacións de propietarios legalmente constituídas: 15 puntos. - Por cada membro da agrupación de propietarios, do pro indiviso (copropietarios) ou da comunidade de bens: 5 puntos. - No caso de montes veciñais en man común que invistan como mínimo o 15% dos seus ingresos nos últimos 3 exercicios fiscais (2003, 2004 e 2005) en melloras do monte, aplicarase a puntuación maior das tres epígrafes seguintes: * Investimentos dun 15% a un 30% dos seus ingresos nos últimos 3 exercicios fiscais: 10 puntos. * Investimentos de máis dun 30% a un 50% dos seus ingresos nos últimos 3 exercicios fiscais: 15 puntos. * Investimentos de máis dun 5 % dos seus ingresos nos últimos 3 exercicios fiscais: 20 puntos. - No caso de montes veciñais en man común que investisen nos últimos 3 exercicios fiscais (2003, 2004 e 2005) un mínimo do 15% dos seus ingresos noutros investimentos, que non sexan no monte pero que vaian abdicadas ao s veciños ou teñan un fin social: 5 puntos. - No caso de montes veciñais en man común sen ingresos nos últimos 3 exercicios fiscais (2003, 2004 e 2005): 10 puntos. Para todos os casos, de existir empate, prevalecerá o número máis baixo formado polas catro últimas cifras do DNI ou CIF do titular do terreo. Artigo 8º.- Condicións técnicas dos investimentos. 1. Xunto co solicitude de axuda presentarase un documento descritivo das actuacións a levar a cabo, no caso dos propietarios particulares será suficiente con presentar o anexo VII, e no caso de comunidades de montes veciñais en man común, cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens ou agrupacións de propietarios particulares cando a axuda solicitada sexa aprobada, presentarase un proxecto, cos mesmos datos que o documento descritivo, asinado por enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal e visado polo correspondente colexio oficial, no caso de enxeñeiro técnico forestal deberá estar visado no colexio da Comunidade Autónoma de Galicia e en todo caso nomearase un director de obra. O documento descritivo das actuacións deberá conter como mínimo o seguinte: - Estado legal do predio obxecto de solicitude de axuda: superficie, localización, estremeiros, accesos, ... - Descrición das actuacións a levar a cabo. - Especies a empregar, densidade final, .... - Cartografía: planos sobre mapas oficiais, e ficha SIXPAC. - Indicación de se os terreos se atopan en Rede Natura 2000, en zonas de protección lateral do Camiño de Santiago ou se existen obxectos ou restos materiais que formen parte do rexistro de bens de interese cultural de Galicia. A planimetría do proxecto visado, que haberá que presentar no caso de aprobarse a solicitude de axuda, presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29, con referencia ao datum de traballo, en ficheiro DXF, obtido a partir dun plano de escala mínima 1:10.000, e preferentemente 1:5.000. O ficheiro DXF deberá estar estruturado da seguinte maneira: Ver referencia pdf "09300D009P061.PDF" 2. A desidade inicial e final será: - No caso de cambio de especie forestal en masas de eucalipto e/ou acacias (acacia sp.) en mal estado vexetativo ou sen porvir por mor de pragas, enfermidades, danos de xeada ou estación inadecuada onde exista unha masa secundaria de frondosas caducifolias e no caso de aumento da densidade en terreos onde existan frondosas caducifolias: densidade inicial máxima 100 pés/ha; densidade final mínima: 250 pés/ha. - No caso de plantación de frondosas caducifolias: a densidade final mínima será de 625 pés/ha (4 por 4 metros) existindo a posibilidade de facer mesturas pé a pé, ata un máximo de 3 especies. - No caso de plantación de frondosas caducifolias para aproveitamentos silvopastorais, castiñeiros en marco amplo, plantacións con clons híbridos, planta mellorada, micorrizada ou enxertada ou casos doutro aproveitamento na superficie permítese que a densidade final sexa inferior os 250 pés/ha, deberán xustificarse debidamente os motivos desta densidade. 3. Características planta: - A planta empregada deberá cumprir os requisitos de procedencia e calidade exterior exixidos polo Real decreto 289/2003 e sanitarios, regulados polo Real decreto 58/2005, de 21 de xaneiro. - No caso de planta en contedor a planta deberá ser dun ou máis zumes e o tamaño mínimo do contedor será de 300 cc e de 200 cc para alnus sp. e bétula sp. - No caso de empregarse planta a raíz núa esta deberá ser de dous ou máis zumes, excepto no caso de clons híbridos. En calquera caso a planta que se vai empregar deberá ser de procedencia galega, excepto xustificación técnica de non dispoñibilidade de planta autóctona, e excepto os híbridos. 4. Traballos: - No caso de realizarse subsolado, este sempre de deberá ir acompañado dun aburatado. - O aburatado deberá ter unha profundidade mínima de 50 cm e unhas dimensións mínimas de 50 X 50 cm. - O tratamento químico dos cepos realizarase segundo a lexislación vixente e normativa de aplicación de produtos fitocidas. - A gradadura / fresado só poderá realizase en pendentes inferiores ao 15%. - No caso de plantación de frondosas caducifolias na preparación do terreo farase sempre aburatado con retoescavadora, aburatado mecánico con riper modificado, nunca subsolado só, sempre acompañado de aburatado agás subsolado cruzado. 5. Durante a vixencia da prima de mantemento (5 anos) realizarase obrigatoriamente o control da vexetación de competencia e a reposición de faltas e en caso de que a plantación así o requira: - Podas de formación e calidade. - Fertilización cando o estado da planta o demande. - No caso de agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens, ou comunidades de montes veciñais en man común, os propietarios, copropietarios, membros da comunidade de bens, cooperativa ou comuneiros están obrigados a solicitar e realizar un curso de formación en silvicultura de frondosas caducifolias antes de que remate o período de vixencia da prima de mantemento. 6. As axudas para a plantación de frondosas caducifolias só poderán pedirse en terreos clasificados no SIXPAC como: forestal (FO), pasto con arboredo (PA, densidade inferior a 150 pés/ha) e pasto arbustivo (PR). 7. Nos terreos obxecto de solicitude de axuda deberá cumprirse en todo caso o disposto no Decreto 105/2006, do 22 de xuño, regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais. Artigo 9º.- Solicitudes. As solicitudes das axudas deberán ser cubertas nos modelos formalizados para o efecto (anexo I) e facilitados polos órganos da Consellería do Medio Rural. Estas solicitudes presentaranse nas oficinas da consellería, nas súas delegacións provinciais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e irán dirixidas ao conselleiro do Medio Rural. Artigo 10º.- Documentación. Os impresos debidamente cubertos deberán ir acompañados da seguinte documentación: 1. En xeral: a) Fotocopia do DNI, NIF ou CIF do beneficiario. b) Documento descritivo das actuacións ou anexo VII no caso de propietarios particulares. c) Declaración do beneficiario da axuda do conxunto de todas as solicitudes percibidas, solicitadas ou autorizadas para o mesmo proxecto ou actividade que a axuda solicitada ao abeiro da presente orde, ante as administracións públicas competentes ou doutros entes públicos. d) Ficha SIXPAC das parcelas obxecto de solicitude de axuda e anexo IX debidamente cuberto. 2. Para todo tipo de titulares de terreos, excepto Comunidades de Montes Veciñais en Man Común: 2.1. No caso de ser propietario dos terreos: fotocopia do título de propiedade ou declaración xurada ou baixo a súa responsabilidade do titular da propiedade. Nesta declaración farase constar: nome, apelidos e DNI do propietario, nome dos predios, superficie e lindeiros obxecto dos traballos e localización destes. No suposto de que o terreo sexa propiedade de varios copropietarios (pro indiviso), ademais presentarase documento privado en que se acredite o consentimento de todos os codonos e a designación dun solicitante - representante. No caso de concentracións parcelarias sen títulos, presentarase un certificado do Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias e no caso de non dispor deste certificado presentarase unha declaración xurada de propiedade e unha fotocopia da solicitude do dito certificado. 3. Para Comunidades de Montes Veciñais en Man Común: 3.1. Certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan o presidente da comunidade a pedir axudas á Consellería do Medio Rural, para a execución das accións obxecto da solicitude. 4. Para agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, pro indivisos, comunidades de bens e comunidades de montes veciñais en man común: - Anexo VIII: debidamente cuberto en que os propietarios, copropietarios, membros da comunidade de bens, cooperativa ou comuneiros solicitan e se comprometen a realizar un curso de formación en silvicultura de frondosas caducifolias antes de que remate o período de vixencia da prima de mantemento. 5. Documentación complementaria 5.1. No caso de explotación prioritaria: - Documento xustificativo de ser titular dunha explotación prioritaria. 5.2. Para agrupacións de propietarios particulares: - Anexo IV desta orde debidamente cuberto. - No caso de agrupacións legalmente constituídas: CIF e documento acreditativo de constitución desta onde consten as persoas que forman parte da agrupación. - No caso de cooperativas agrarias: copia dos estatutos. - No caso de comunidades de bens: documentación acreditativa, documento asinado por todos os membros da comunidade de bens de cumprir todos os compromisos e obrigas establecidos nesta orde, así como na demais normativa concorrente e nomeamento dun representante. 6. Documentación adicional. 6.1. Montes veciñais en man común que invistan como mínimo o 15% dos seus ingresos en melloras do monte ou noutros investimentos que vaian dedicadas aos veciños, teñan un fin social nos últimos 3 exercicios fiscais (2003, 2004 e 2005) ou non teñan ingresos: anexo V debidamente cuberto. 6.2. No caso de plantación de frondosas caducifolias en terreos agrícolas abandonados: anexo XI debidamente cuberto. Artigo 11º.- Prazos. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación no DOG da presente orde. Deberá empregarse un impreso de solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos. Cada titular poderá pedir axuda en cada solicitude para unha soa epígrafe do artigo 4º. Un titular poderá presentar un máximo de 2 solicitudes por concello e para dúas epígrafes distintas do dito artigo. Os traballos obxecto de solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da aprobación da axuda. Artigo 12º - Tramitación. 1. Unha vez presentada a solicitude revisarase a súa documentación e no caso de que conteña defectos en omisións non esenciais, seralle requirida ao solicitante a emenda, outorgándolle un prazo de 10 días hábiles para facelo, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, con indicación de que e así non o fixer teráselle por desistido da súa petición arquivándose o expediente sen máis trámite cos efectos previstos no artigo 42 da Lei 0/1992, modificada pola Lei 4/1999. 2. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais. Os servizos provinciais de Montes e Industrias Forestais proporanlle ao órgano colexiado composto polo subdirector xeral de Recursos Forestais, polo xefe de servizo de Produción e Industrias Forestais e por un funcionario da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais que actuará como secretario, a aprobación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde; o órgano colexiado valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios de prioridade establecidos no artigo 7 e formulará proposta de concesión ao director xeral de Montes e Industrias Forestais que, pola súa vez, a elevará ao conselleiro do Medio Rural. O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación. 3. A Consellería do Medio Rural notificará no prazo máximo de 6 meses, podéndose ampliar segundo o indicado no artigo 49 da Lei 30/1992, a aprobación e contía das axudas ou a denegación razoada da solicitude 4. No caso de non recaer resolución expresa nun prazo de 6 meses a partir da data de entrada en vigor desta orde, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. Estas resolucións serán notificadas a cada un dos solicitantes dentro do prazo de 10 días seguintes á toma do acordo. Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, cabe a interposición do recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999 e o artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Artigo 13º.- Execución e xustificación. 1. Na resolución indicarase o prazo para a execución dos traballos que, con carácter xeral, non será inferior a 2 meses. 2. No caso de comunidades de montes veciñais en man común, cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens ou agrupacións de propietarios particulares, nun prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución de aprobación deberase presentar o correspondente proxecto e o nomeamento do director de obra segundo o indicado no artigo 8º desta orde. En cumprimento do disposto no artigo 31 punto 3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, dentro do devandito prazo dun mes, cando o importe do investimento supere os 30.000 euros o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas a diferentes provedores e presentalas xunto co proxecto. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable. 3. Realizarase unha inspección no campo por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, para verificar as superficies, comprobar os datos da solicitude e comprobar a viabilidade dos traballos. Esta inspección poderase realizar antes da resolución de aprobación. A modificación do investimentio deberá ser xustificada e exixirá autorización previa da Consellería do Medio Rural por proposta da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais logo de proposta dos servizos de Montes e Industrias Forestais, de conformidade co disposto no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. 4. A axuda definitiva será a resultante da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, un deles distinto dos que realizaron a inspección en campo. Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas. Poderán admitirse certificacións parciais, por petición por escrito do solicitante, para importes de certificación superiores a 12.020,24 €. 5. As prórrogas serán solicitadas motivadamente e cun mes de antelación á terminación do prazo para a execución dos traballos. Terán unha duración máxima de 6 meses e serán propostas polos servizos de Montes e Industrias Forestais, ao director xeral de Montes e Industrias Forestais quen elevará proposta ao conselleiro do Medio Rural,que resolverá. 6. Xunto coa notificación de remate dos traballos achegarase a seguinte documentación: - Facturas polo importe total do investimento, de conformidade co disposto no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. No caso de que o beneficiario realice os traballos polos seus propios medios deberá presentar un documento xustificativo de ter realizado os traballos polos seus propios medios e os xustificantes dos gastos polo importe total do investimento, no caso de propietarios particulares que realizaron os traballos polos seus propios medios será suficiente a presentación dun documento xustificativo de ter realizado os traballos polos seus propios medios e de posuír a maquinaria empregada na realización dos traballos. - Facturas da planta empregada que deberá ser preferentemente de procedencia galega, excepto os híbridos. - Certificación bancaria a nome do titular do terreo, no caso de agrupacións nesta conta deberán ser titulares conxuntos todos os titulares que formen parte da agrupación, excepto agrupacións legalmente constituídas. Nas agrupacións permítese a sinatura mancomunada da conta bancaria nun membro da agrupación. - Declaración doutras axudas solicitadas ou percibidas para os mesmos fins. - Aval bancario no caso de pagamento parcial (anticipos) no caso de axudas totais aprobadas maiores de 30.050,61 €, que deberá axustarse ao regulado no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas. 7. Pagamentos das primas de mantemento. A) Os importes correspondentes ás primas de mantemento poderán ser aboados, logo de solicitude (anexo X) anterior ao 30 de xuño de cada ano en que se xunta factura ou no caso de que o beneficiario realice os traballos polos seus propios medios deberá presentar un documento xustificativo de ter realizado os traballos polos seus propios medios e os xustificantes dos gastos polo importe total do investimento, no caso de propietarios particulares que realizaron os traballos polos seus propios medios será suficiente a presentación dun documento xustificativo de ter realizado os traballos polos seus propios medios e de posuír a maquinaria empregada na realización dos traballos, a partir do ano seguinte ao que se efectuou o aboamento da certificación final dos traballos da reforestación, durante 5 anos, sempre e cando se axusten ao disposto no artigo 8º punto 5. B) Os pagamentos correspondentes ás primas de mantemento dos expedientes solicitados ao abeiro desta orde efectuaranse sempre que o estado da masa sexa satisfactorio de acordo co Plan de Controis. Artigo 14º.- Comprobacións. 1. O beneficiario comprométese a someterse ás actuacións de control que deba efectuar a entidade concedente e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvenciones e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto no artigo 78.4º d) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime xeral e orzamentario de Galicia, e o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. 2. A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario, mentres non exista resolución favorable á petición. 3. O órgano colexiado, composto polo subdirector xeral de Recursos Forestais, polo Xefe de Servizo de Produción e Industrias Forestais e por un funcionario da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais que actuará como secretario, antes de levar a cabo a valoración das solicitudes de axuda, comprobará que os beneficiarios cumpren coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, nas agrupacións de propietarios todos os membros cumprirán as estas obrigas. No caso de concesión da axuda, esta comprobación tamén se levará a cabo antes de cada pagamento. Artigo 15º.- Reintegros 1. A axuda poderá revogarse, total ou parcialmente, se se dá algún dos seguintes supostos: a) Execución de menos do 80% das accións previstas, sen autorización previa ou causa xustificada de forza maior. b) Incumprimento dos prazos para realizar os traballos subvencionados fixados na notificación de aprobación do expediente ou, se é o caso, da prórroga concedida. c) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde. d) Por incumprimento das disposicións legais de aplicación, ocultar ou falsear datos ou destinar as axudas a fines distintos aos sinalados na solicitude. e) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión. f) Incumprimento do dictado en calquera dos artigos desta orde que impliquen obrigas por parte do beneficiario. g) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención. h) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou axuda pública. i) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na Lei 14/2006. j) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables rexistrais ou de conservación de documentos, cando signifique a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade remitidas de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. k) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro. l) Non presentar nun prazo de 1 mes contado a partir da notificación da resolución de aprobación o proxecto visado e o nomeamento do director de obra segundo o especificado no artigo 8º. Nestes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de demora devengados desde o seu pagamento, sen prexuízo das responsabilidades a que houbese lugar. 2. Nos casos de anulación ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros peticionarios de acordo coa relación de prioridades e orde establecido. 3. Naqueles supostos nos cales o importe das subvencións recibidas polo beneficiario excedan os custos da actividade procederase a solicitar a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade. 4. O réxime sancionador aplicable a esta orde é o disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Artigo 16º.- Financiamento. As accións previstas na presente orde financiaranse por parte da Consellería do Medio Rural con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.551C.770.0, no ano 2007 cunha dotación inicial de 1.000.000,00 € e no ano 2008 cunha dotación inicial de 3.500.000,00 €, o que fai unha dotación total de 4.500.000,00 €, dotación que poderá ser ampliada con fondos propios ou comunitarios. No suposto de procederse á dita ampliación, terase en conta as previsións contidas no artigo 12 modificación das resolucións de concesión do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Para facer fronte ás primas de mantemento destínase unha partida global de 4.500.000,00 €, distribuídos nas anualidades 2009, 2010, 2011, 2012 e 2013, 900.000,00 € por anualidade con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.551C.770.0. Artigo 17º.- Alteración de condicións. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Artigo 18º.- Compromisos. O titular dos terreos comprométese a manter o investimento realizado durante a quenda da especie. No caso de agrupacións de propietarios e comunidades de bens, os membros da agrupación ou da comunidade de bens, comprométense a cumprir todos os compromisos e obrigas establecidos nesta orde, así como na demais normativa concorrente. No caso de agrupacións de propietarios, pro indivisos, cooperativas agrícolas, comunidades de bens e comunidades de montes veciñais en man común, os membros da agrupación, os copropietarios, os membros da comunidade de bens, cooperativa ou os comuneiros están obrigados a solicitar e realizar un curso de formación en silvicultura de frondosas caducifolias antes de que remate o período de vixencia das primas de mantemento. Artigo 19º.- Limitacións. 1. As actuacións indicadas nas epígrafes 1ª, 2ª e 3ª do artigo 4º desta orde non se poderán solicitar para unha mesma superficie. 2. O IVE non é subvencionable. 3. Os traballos obxecto de solicitude de axuda non se poderán iniciar antes da aprobación da axuda. Disposicións adicionais Primeira.- As axudas concedidas nesta orde son incompatibles con outras subvencións de calquera Administración pública e con calquera outro réxime de axudas comunitarias. Segunda.- De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso. Terceira.- A resolución de concesión das axudas reguladas nesta orde quedará condicionada á decisión positiva da Comisión Europea sobre compatibilidade destas co mercado común, de acordo co establecido no artigo 88.3º do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Disposición derradeira Primeira.- Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais para ditar todas as disposicións necesarias para a execución da presente orde. Segunda.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 9 de maio de 2007. Alfredo Suárez Canal Conselleiro do Medio Rural
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO RURAL
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
ESPAZOS NATURAIS E PATRIMONIO FORESTAL
AXUDAS E SUBVENCIÓNS