Diario Oficial de Galicia, 27-03-2007, Núm. 61, Páx. 4923
Orde do 8 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2007 axudas para a mellora do hábitat da perdiz rubia.
A perdiz rubia é unha das especies cinexéticas tradicionais en Galicia. O progresivo descenso da actividade agrícola no medio rural supuxo o abandono de amplas zonas de cultivo, provocou a expansión do mato, a desaparición dos lindeiros vexetais e, como consecuencia, a perda da calidade do medio vital para esta especie contribuíndo, así, á regresión das súas poboacións.
Partindo da necesidade de que o colectivo de cazadores se implique na conservación e na xestión dos recursos cinexéticos, e da obriga dos poderes públicos de garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais, considérase necesario poñer en marcha un programa de axudas que, incentivando actuacións racionais no medio natural, propicien a recuperación das poboacións de perdiz rubia.
O artigo 148.1º.11 da Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, confire á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de caza.
O Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, en relación co Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, atribúen á mesma consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.
Por outra banda, a Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, establece a competencia na planificación, ordenación, fomento, vixilancia e control da caza á citada consellería, que realizará cantas actuacións considere precisas para acadar os fins da lei. Entre elas, e co fin de conservar, preservar e mellorar o hábitat natural das diferentes especies cinexéticas, a Xunta de Galicia poderá acordar as oportunas medidas de axuda para o logro do dito obxectivo e cantas outras de caracter limitativo, correctoras ou restauradoras persigan idéntica finalidade. Deste xeito, xunto coa creación dun instrumento xurídico regulador da caza en Galicia, posibilitouse a creación dun instrumento financeiro orientado ao fomento daquelas actividades que procuren a conservación e mellora do recurso cinexético por medio dun aproveitamento sustentable.
A Comunidade Autónoma de Galicia procedeu a través da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, á adaptación do actual tratamento das subvencións, recollido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia ao contido das disposicións de carácter básico da Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, mantendo plenamente aplicable e vixente o resto da regulación que define o réxime das subvencións.
A Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; que regula a concesión de axudas e subvencións que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma.
En virtude do anterior, en consonancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo 1º.- Obxecto das axudas.
Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable aos terreos cinexéticos para a recuperación das poboacións de perdiz rubia (Alectoris rufa) a través da mellora da calidade do seu hábitat.
Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, así como o de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados nesta orde e de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, con sometemento en todos os seus extremos ao previsto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo e o previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.
Artigo 2º.- Actuacións subvencionables.
1. Son obxecto das axudas reguladas por esta orde as seguintes actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados (Tecores):
- A roza e trituración mecánica do mato.
- A decrúa, emenda e/ou fertilización, sementeira de cereal de inverno e/ou leguminosa.
- A limpeza e adecuación de fontes e mananciais.
2. Estas actuacións deberán respectar as condicións técnicas especificadas no anexo III desta orde.
Artigo 3º.- Beneficiarios.
1. Poderán acollerse a estas axudas tanto os titulares de Tecores galegos como as agrupacións destes que, aínda carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso os terreos cinexéticos deberán ser colindantes e estar situados nunha mesma provincia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Artigo 4º Contía dos investimentos e das axudas.
1. Establécense as seguintes contías máximas subvencionables para cada unha das actuacións que se realice:
- Roza e trituración mecánica: 360 A por hectárea.
- Decrúa, emenda e/ou fertilización, sementeira: 600 A por hectárea.
- Limpeza e adecuación de fontes e mananciais: 50 A.
2. O importe final das axudas será do 50% do investimento subvencionable, fixándose un máximo para este concepto de 18.000 euros por beneficiario. O IVE non se subvencionará.
3. Para os efectos do disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 28 de novembro, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non forneza valor engadido ao contido dela.
Artigo 5º.- Solicitudes e documentación.
1. Os interesados presentarán as súas solicitudes de subvención conforme os modelos dos anexos I ou II, segundo se trate de titulares individuais ou de agrupacións de titulares respectivamente.
2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:
En todos os casos:
- Fotocopia do CIF/NIF dos solicitantes da subvención.
- Se o titular fose unha sociedade, acordo do órgano competente dela polo que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, e no cal deberá figurar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos da solicitude. Xuntarase o DNI da persoa designada.
- No caso de agrupacións de titulares, acordos dos órganos respectivos competentes polos que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes con indicación da porcentaxe de subvención e do compromiso de execución correspondente a cada unha delas. Así mesmo, debe figurar o nome da persoa designada como representante delas para efectos desta solicitude, xuntándose o seu DNI e o nome do titular en cuxa conta bancaria se realizará o ingreso.
- Memoria valorada, que se adecue ás indicacións do anexo III e que deberá incluír como mínimo: datos do solicitante ou solicitantes; datos dos terreos cinexéticos en que se localizarán as actuacións; descrición da problemática actual do terreo cinexético en relación coa especie, xustificando a adopción das medidas propostas; descrición das actuacións a realizar con indicación das datas previstas, a maquinaria e man de obra que se vai empregar, o tipo de roza previa e especies a sementar; orzamento detallado en que figuren os custos unitarios por hectárea; orzamento total; plano de situación 1:25.000 e fotografía do SIXPAC ou plano catastral en que se identifiquen perfectamente as parcelas sobre as cales se actuará.
- Certificación bancaria de ter aberta unha conta a nome do beneficiario da axuda, con expresión do seu CIF/NIF e o número de conta (vinte díxitos).
- Declaración do conxunto das solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas competentes (anexo IV).
- Declaración responsable da dispoñibilidade dos terreos para a realización das actuacións (anexo V).
3. Para a acreditación dos criterios de avaliación establecidos no artigo 8º e que fosen alegados, deberán presentarse:
- Punto c: facturas, asentos contables ou calquera outro documento que poida xustificar a realización destas actuacións nos últimos 5 anos. Será válida como xustificante a certificación do técnico ou axente do servizo provincial que comprobase no seu momento a realización das actuacións.
- Punto d: plano 1:25.000 sobre o cal se localicen as zonas vedadas do Tecor. Estas deberán estar correctamente sinalizadas sobre o terreo, conforme o disposto na normativa vixente.
- Puntos e e f: táboas de resultados das xornadas cinexéticas segundo o modelo do caderno de caza dispoñible nos servizos de Conservación da Natureza; informe de resultados ou estudo, cando for o caso.
- Punto g: memoria en que se recolla a metodoloxía empregada e os resultados obtidos no estudo levados a cabo;.
- Punto h: documentos xustificantes da realización da actividade (convocatoria, anuncio publicitario, documentación entregada..) dos cales se deduza o seu contido e duración.
4. No caso de solicitar axudas por un importe subvencionable superior a 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou entrega do ben, segundo o recollido no artigo 31.3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Artigo 6º.- Prazo de presentación de solicitudes.
1. As solicitudes de subvención irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, segundo o modelo que figura nos anexos I e II desta orde e presentaranse no rexistro da consellería, nos das súas delegacións provinciais ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. O prazo para a súa presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado, segundo o artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras. A dita comprobación efectuarase antes de resolverse a concesión e antes de proceder á tramitación do pagamento. En todo caso, o solicitante deberá estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Non obstante, só será necesaria a comprobación deste feito para as axudas que se concederán por importe superior a 1.500 A ao abeiro do disposto no artigo 41.1º g) da citada lei.
Artigo 7º.- Inspección previa.
En todas as solicitudes de actuacións consideradas subvencionables, o persoal técnico realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción proxectada e recollida na memoria presentada se axusta á realidade física e técnica, que cumpre cos requisitos recollidos no anexo III e que os investimentos non están realizados con data anterior á de publicación desta orde.
Artigo 8º.- Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas.
1. A orde de prelación para a concesión das subvencións basearase na puntuación acadada por cada solicitude segundo o seguinte baremo:
Criterios de avaliación das actividades subvencionables: Puntos
a) Superficie do Tecor ou agrupación de Tecores cunha superficie mínima de 5.000 ha: 0,5 puntos/5.000 ha
b) Melloras do hábitat da perdiz recollidas expresamente no plan de ordenación e que se axusten ás subvencionables segundo esta orde: Ata 10 puntos
c) Melloras do hábitat da perdiz, coincidentes coas subvencionables segundo esta orde, realizadas nos últimos cinco anos: Ata 3 puntos/ano de actuación
d) Superficie de melloras para as cales se solicita a axuda que estean situadas en zonas vedadas do Tecor: 1 punto/ha
e) Participación en programas de seguimento das especies cinexéticas de caza menor en, polo menos, unha das dúas últimas temporadas: Ata 15 puntos
f) Grao de execución das previsións do plan de ordenación cinexética respecto das especies de caza menor ao longo das temporadas de vixencia do plan: Ata 15 puntos
g) Realización de estudos sobre a situación das poboacións de calquera especie cinexética do Tecor, nos últimos cinco anos (só se valorará un estudo no períod): Ata 15 puntos
h) Realización de xornadas, cursos de formación e información aos cazadores orientados a divulgar os criterios básicos para o aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e a normativa aplicable:
Duración ' 3 h: 10 ptos.
Duración 3-6 h: 15 ptos.
Duración > 6 h: 20 ptos.
i) Por non ter percibido axudas en convocatorias anteriores: 10 puntos
2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de sociedades, puntuarase cada un dos criterios referidos nas letras b, c, e, f, g, h e i, do parágrafo anterior, coa media dos puntos que lles corresponde para cada alínea a cada unha das sociedades de forma independente.
Unha vez establecida a orde de prelación pola comisión de valoración determinada no artigo 9º.3, e determinados os importes subvencionables para cada solicitante, o criterio de repartición atenderá ás solicitudes ordenadas de maior a menor puntuación ata esgotar o crédito.
Os posibles casos de empate resolveranse dando prioridade a aquelas solicitudes de sociedades que, a título individual ou en agrupación, non lles fosen concedidas axudas para os mesmos conceptos nos derradeiros tres anos con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia; se isto non for suficiente para desfacer o empate, daráselle prioridade á solicitude cunha menor contía subvencionable.
3. Non serán subvencionables as actuacións localizadas nas zonas de caza permanente, zonas de adestramento de cans, ou áreas en que se realicen competicións de caza. Tampouco serán valoradas, segundo os criterios anteriores, as actuacións de anos anteriores localizadas nestas zonas.
Artigo 9º.- Órganos de xestión e resolución.
1. A avaliación da documentación presentada xunto coa solicitude realizarana os servizos provinciais de Conservación da Natureza.
Se a solicitude de subvención non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, o servizo provincial requirirá ao solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa petición e se arquivará sen máis trámites, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza remitirán os expedientes xunto co seu informe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no prazo máximo de 40 días naturais, contados a partir da data límite de presentación das solicitudes.
3. Atendendo ao disposto nos informes dos servizos provinciais e aos criterios establecidos na orde, os expedientes serán valorados por unha comisión creada para tal fin que establecerá a puntuación acadada polos solicitantes, determinará os importes subvencionables e fará a proposta de resolución segundo o criterio de repartición que atenderá ás solicitudes ordenadas de maior a menor puntuación ata esgotar o crédito.
Esta comisión será presidida polo subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas ou persoa en quen delegue, o xefe do Servizo de Caza e Pesca Fluvial e o xefe da Sección de Caza e Pesca.
4. A comisión de avaliación elevará as súas propostas de resolución ao director xeral de Conservación da Natureza, a quen lle corresponderá ditar a resolución do procedemento por delegación expresa do conselleiro.
5. A proposta de resolución fará mención aos solicitantes para os cales se propón a concesión da subvención e a contía desta de modo individualizado, especificándose a súa avaliación segundo a aplicación dos criterios seguidos para efectuala. As solicitudes para as cales se propoña a súa denegación relacionaranse con indicación da súa causa, segundo o disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 10º.- Prazo de resolución.
1. O prazo máximo en que se debe notificar a resolución será de 6 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se ditase e notificase a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente, conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999.
3. Na resolución que se dite especificaranse os gastos subvencionables, a porcentaxe de subvención, o importe da subvención concedida, os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da subvención.
Artigo 11º.- Publicidade.
1. De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.
2. Así mesmo, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida ao abeiro do disposto no artigo 18.4º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Artigo 12º.- Modificación da resolución.
Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 13º.- Obrigas dos beneficiarios.
1. As actuacións obxecto de subvención deberán contar no momento do seu inicio coas licenzas e autorizacións preceptivas.
2. A aprobación da subvención implicará o compromiso dos solicitantes de executar as accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberá realizarse na extensión e coas condicións técnicas recollidas na memoria e, en todo caso, axustaranse aos termos recollidos na resolución.
3. Os investimentos obxecto de subvención deberán realizarse antes do 15 de outubro. Excepcionalmente, cando isto non sexa posible, por causas debidamente xustificadas de forza maior, o director xeral de Conservación da Natureza poderá conceder, por delegación do Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, unha prórroga dentro dos límites establecidos no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4. Os beneficiarios deberán de conservar polo menos durante 5 anos os documentos acreditativos da aplicación dos fondos recibidos.
Artigo 14º.- Modificación das actividades subvencionadas.
Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades inicialmente previstas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa do director xeral de Conservación da Natureza, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Para tal efecto, a proposta de modificación deberase presentar con quince días hábiles de anticipación á súa realización.
Se por causa xustificada o importe final dos gastos for menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.
Artigo 15º.- Prazo de xustificación dos gastos.
Con carácter xeral, e salvo que a resolución de concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes a elas deberá realizarse antes do 15 de outubro de 2007.
Artigo 16º.- Aceptación da axuda.
1. Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda e, para percibir o importe da axuda, o beneficiario deberá presentar antes do vencemento do prazo de xustificación, nos lugares e formas sinalados no artigo 6º desta orde, orixinal e copia da seguinte documentación:
a) Escrito de aceptación da axuda conforme as condicións recollidas na resolución xunto cos anexos VI, VII e VIII debidamente cubertos.
b) Documentación que acredite a efectiva realización dos pagamentos: extractos de contas, ordes de transferencia, talóns, certificacións bancarias ou documentos equivalentes. No caso de acudirse á contratación externa, á anterior documentación xuntaráselle copia das facturas emitidas polos provedores.
c) Declaración xurada, con achega documental, se é o caso, doutras subvencións concedidas ou solicitadas para o financiamento das actividades.
2. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas á documentación que serviu de base para o outorgamento da axuda.
3. Unha vez realizado o anterior, o expediente remitirase xunto cunha proposta de pagamento á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
Artigo 17º.- Pagamento.
O pagamento corresponderase co importe que resulte de aplicar a porcentaxe da axuda aos gastos subvencionables. Excepcionalmente, por resolución do director xeral, poderá subvencionarse só unha parte dos gastos aprobados, sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do gasto e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente. Neste caso, aplicarase a correspondente minoración. No entanto, cando a realización e xustificación da acción subvencionada for inferior nun 50% ou mais á proposta, agás por causa de forza maior, suporá a revogación da subvención concedida, logo da correspondente valoración polos técnicos dos servizos provinciais.
Artigo 18º.- Crédito.
As axudas previstas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.541B.781.0 do exercicio orzamentario 2007 (código do proxecto 2007-00642), dotada cun crédito inicial de cen mil euros (100.000 A) correspondentes a fondos propios na súa totalidade.
O devandito importe inicial poderase incrementar con achegas adicionais após a oportuna tramitación orzamentaria.
Artigo 19º.- Control das actividades subvencionadas.
A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas.
Artigo 20º.- Compatibilidade.
As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos.
Artigo 21º.- Reintegro.
1. Os beneficiarios destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, así como nos supostos de incumprimento da obriga de xustificación, de obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, e incumprimento da finalidade para a cal foi concedida, conforme o artigo 19 do Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
2. Aos beneficiarios seralles de aplicación, nos seus propios termos, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.
Artigo 22º.- Obriga de facilitar información.
Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir aos órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control.
Artigo 23º.- Recursos.
A resolución do director xeral de Conservación da Natureza porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor perante este, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo; ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, e o artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional.- Delégase no director xeral de Conservación da Natureza o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 9º.4, consonte o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Disposicións derradeiras
Primeira.- Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar todas as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.
Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2007.
Manuel Vázquez Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
ANEXO III - Condicións técnicas ás que se deben axustar as actuacións previstas
- A zona do Tecor en que se localicen as actuacións deberá ter unha superficie mínima de 200 ha de mato.
- As rozas realizaranse en pequenas parcelas de 0,5 a 1 ha dispersas pola superficie.
- Os restos da roza serán triturados mecanicamente ou, se non for tecnicamente posible, serán amoreados.
- Estas rozas deben ir acompañadas da sementeira dun cereal de inverno nunha porcentaxe mínima do 50% da superficie total rozada. A preparación do terreo após a roza consistirá nunha pasada de grade de discos e un encalado coa maior anticipación posible á sementeira. A colleita obtida quedará no monte para o seu aproveitamento pola fauna.
- Respectaranse pés illados de mato alto (por exemplo, de máis de 1 m de altura) e pequenas croas de mato de pouca altura coa finalidade de fornecer heteroxeneidade e refuxio nas zonas de actuación.
- Nas limpezas e acondicionamento de fontes evitarase que estes queden totalmente despexados de cobertura vexetal coa finalidade de non favorecer a predación sobre as aves nestes lugares.
- Evitaranse as actuacións en superficies xeométricas de lindeiros lineais.
- As actuacións obxecto de axuda non poderán realizarse nos meses de xuño, xullo e agosto para evitar posibles prexuízos tanto á cría da perdiz como doutras especies animais presentes na zona.
- As actuacións en terreos incluídos nun espazo natural protexido, segundo a normativa vixente, non poderán ser contraditorias co determinado na norma reguladora que o atinxa e, en todo caso, deberán contar co informe favorable do Servizo Provincial de Conservación da Natureza logo da a aprobación da axuda. En ningún caso serán aprobadas actuacións previstas nos hábitats prioritarios establecidos no anexo I da Directiva 92/43, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Orde
Clasificación
PROTECCIÓN DA FAUNA E DA FLORA
AXUDAS E SUBVENCIÓNS

| TÍTULO | DATA PUBLICACIÓN | Sen datos dispoñibles |
|---|
| TÍTULO | DATA PUBLICACIÓN |
|---|---|
| Orde do 8 de novembro de 2007 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión de axudas para mellora do hábitat da perdiz rubia convocadas pola Orde do 8 de marzo de 2007. | 08/11/2007 |