Orde do 6 de agosto de 2007 pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2007, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Diario Oficial de Galicia, 13-08-2007, Núm. 156, Páx. 13741
Orde do 6 de agosto de 2007 pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2007, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. O Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego ten como obxecto ofrecerlles aos traballadores, tanto ocupados como desempregados, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo e que atenda aos requerimentos de produtividade e competitividade das empresas e as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal dos traballadores, de forma que os capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e para o acceso ao emprego. Entre as iniciativas que recolle o citado real decreto, figuran as accións complementarias e de acompañamento á formación, que se regulan nesta orde de convocatoria. A disposición transitoria primeira do Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, establece que os procedementos de concesión de subvencións en materia de formación ocupacional e continua, iniciados con anterioridade á entrada en vigor da normativa de desenvolvemento deste real decreto, se rexerán pola normativa anterior que lles sexan de aplicación. A Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización das accións complementarias e de acompañamento á formación. Son obxecto de subvención nesta convocatoria as accións de estudo e investigación de carácter xeral e sectorial destinadas a analizar os factores que estruturan a demanda de formación continua, as accións destinadas á elaboración e experimentación de produtos, técnicas e ferramentas de carácter innovador para mellorar os sistemas pedagóxicos, organizativos e de avaliación da formación profesional continua dos diferentes sectores de actividade económica e aquelas de promoción e difusión destinadas a xerar redes de coñecemento da formación profesional continua. O Regulamento (CE) nº 1081/2006, do 5 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo, polo que se aproban as disposicións de aplicación relativas ao Fondo Social Europeo, sinala que o fondo apoiará, entre outras, as accións nos estados membros encamiñadas a facilitar o acceso ao emprego e a inserción no mercado de traballo, as políticas de formento e mellora da formación profesional e da formación en xeral. Estas accións, que contribuirán a mellorar a extensión e eficacia do sistema de formación continua, son obxecto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, de acordo coas decisións da Comisión Europea C(2001)24, do 16 de xaneiro de 2001, e C(2001)100, do 23 de xaneiro de 2001, polas que se aproban os programas operativos de iniciativa empresarial e formación continua, correspondentes aos marcos comunitarios de apoio de España para as rexións de obxectivos 1 e 3, durante o período 2000-2006. O obxecto dos proxectos que se van financiar neste exercicio mediante esta orde de convocatoria ademais de mellorar a calidade das accións formativas de FPC e estender o subsistema de formación profesional continua cara a ámbitos nos que aínda non está plenamente introducido, especialmente ás pequenas e medianas empresas co fin de facilitar o acceso á formación dos seus traballadores. Trátase tamén non só de incorporar novas tecnoloxías nas ferramentas utilizadas para a impartición, seguimento e avaliación das accións formativas, senón de darlles un enfoque específico, de forma que melloren a calidade e eficiencia dos procesos de relación na formación, e aceleren a transmisión do coñecemento de e para os traballadores das pequenas e medianas empresas que participan na experiencia. Preténdese con isto facilitar a adaptación e evolución das profesións e os contidos dos postos de traballo, así como conseguir unha mellora nas competencias e cualificacións, indispensables para manter e fortalecer a situación competitiva das empresas e dos traballadores ocupados. En virtude do establecido na sentenza do Tribunal Constitucional do 22 de outubro de 2002, o Real decreto 1046/2003, do 1 de agosto, a Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, así como a Orde TAS /2783/2004, do 30 de xullo, e a Orde TAS/2943/2004, do 10 de setembro, configuran un novo modelo de formación profesional continua no que un dos principios fundamentais é a incorporación á súa xestión das comunidades autónomas. De conformidade co disposto no novo marco competencial, en concreto da Orde TAS/2782/2004, a Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencia para a xestión das accións complementarias e de acompañamento á formación que se desenvolvan exclusivamente no seu ámbito territorial. O Plan galego de formación profesional establece entre os seus obxectivos no ámbito da formación dirixida a traballadores ocupados a consecución da adecuada transparencia do mercado de traballo e o axuste entre a oferta e a demanda do factor traballo, mediante o efectivo acceso ás certificacións do Sistema de Cualificacións; proporcionarlles ás persoas unha maior motivación para o progreso na súa cualificación profesional; recoñecer de forma fiable, con carácter oficial e alcance sectorial, a competencia adquirida durante a vida laboral; verificar que a preparación conseguida por calquera vía e, en particular, mediante os programas formativos, acade o nivel de competencia establecido nas cualificacións profesionais. Inclúe, así mesmo, un plan de incremento da cualificación da poboación ocupada, así como de fomento da formación continua. O Acordo galego de formación continua, asinado o 29 de marzo de 2004 entre a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e os axentes sociais, ten como un dos seus obxectivos principais a mellora da competencia profesional e a actualización dos coñecementos e capacidades dos traballadores e traballadoras, segundo as necesidades de evolución do seu emprego como consecuencia dos cambios tecnolóxicos e organizativos dos procesos de produción. Polo Decreto 7/2005, do 13 de xaneiro, créase a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, como órgano tripartito e paritario entre a Administración autonómica e os axentes sociais máis representativos de Galicia, co obxecto de poñer en funcionamento a formación profesional continua en Galicia dentro do novo ámbito competencial e de xestión. O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, en aplicación do disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aos que se axusta esta disposición. A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, polo que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos do programa 16.03.323b.481.0 (1.900.000 €), que figura nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2007, e 100.000 € para o ano 2008, rexistrados cos códigos de proxecto 2007.00656 e 2004.00519. Este importe será obxecto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo. Na súa virtude, consultada a Comisión Galega de Formación Profesional Continua e o Consello Galego de Relacións Laborais, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, DISPOÑO: Capítulo I Disposicións xerais Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria. 1. Esta orde ten como obxecto a aprobación da convocatoria de subvencións destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico. 2. Para os efectos desta convocatoria, enténdese por accións complementarias ou de acompañamento á formación aquelas que teñen por obxecto a investigación e prospección do mercado de traballo para anticiparse aos cambios nos sistemas produtivos, a análise da repercusión da formación continua na competitividade das empresas e na cualificación dos traballadores, a elaboración de produtos e ferramentas innovadores relacionados coa formación continua e, en definitiva, a determinación das necesidades de formación precisas para coadxuvar ao progreso económico dos sectores produtivos no conxunto da economía. Artigo 2º.-Finalidade e principios que rexen a concesión de subvencións. 1. Os proxectos obxecto de financiamento nesta convocatoria terán como finalidade o desenvolvemento de accións de investigación, prospección do mercado do traballo, determinación das necesidades de formación, análise da repercusión da formación profesional continua na competitividade das empresas e dos traballadores, a realización de estudos de carácter sectorial e multisectorial, e produtos e ferramentas innovadores relacionados coa formación continua, dirixidas ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. 2. Os proxectos financiados por esta convocatoria deberán estar destinados á mellora e eficacia da formación continua dos traballadores ocupados, non podendo dirixirse especificamente ao ámbito da Administración pública. 3. Os produtos formativos que se financien deberán ser reproducibles e ter autonomía propia para seren utilizados con posterioridade noutros ámbitos empresariais de características similares a aquel no cal foron experimentados, sen necesidade de modificacións ou adaptacións. 4. A concesión de subvención que se regula nesta convocatoria realizarase de acordo cos principios de concorrencia competitiva, obxectividade e publicidade. Artigo 3º.-Requisitos das entidades solicitantes, acreditación e límites de participación. 1. Poderán ser solicitantes das subvencións as entidades ou organizacións sen ánimo de lucro que se encontren inscritas na Seguridade Social, que inclúan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades tipificadas como accións financiables ou relacionadas coa formación continua, e que observando as bases e criterios establecidos, se axusten ás modalidades de accións financiables e requisitos que regula esta norma. Non poderán ser solicitantes destas subvencións as administracións públicas. 2. A entidade solicitante deberá acreditar experiencia na realización de estudos, investigacións ou proxectos de natureza similar aos solicitados durante un período de polo menos tres anos, coa realización de dous traballos, como mínimo, similares ou relacionados co proposto. 3. Con independencia do número de proxectos nos que actúe como solicitante, unha mesma entidade non poderá propoñer a súa colaboración como participante en máis de catro solicitudes nesta convocatoria. O incumprimento deste límite implicará a denegación do proxecto ou proxectos que fosen solicitados en último lugar. Se os proxectos tivesen igual data de presentación, denegarase o proxecto ou proxectos rexistrados en último lugar. Para os efectos desta limitación, non se terán en conta aquelas cuxa participación se limite ás xornadas de difusión do proxecto. 4. As entidades que non acreditasen un cadro de persoal medio de polo menos dez traballadores non poderán solicitar máis dunha acción nesta convocatoria. En calquera caso unha mesma entidade non poderá ser solicitante de máis de catro accións. O incumprimento de calquera destes límites implicará, para o solicitante que o superase, a denegación do proxecto ou proxectos que fosen en último lugar. Se os proxectos tivesen igual data de presentación, denegarase o proxecto ou proxectos rexistrados en último lugar. Entenderase por cadro de persoal medio dunha entidade, para os efectos desta convocatoria, a media do número de traballadores asalariados que cotizan á Seguridade Social polo concepto de formación profesional nos doce meses anteriores ao mes da publicación desta orde. 5. De conformidade co establecido no artigo 11, puntos 2º e 3º, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte do plan de formación en nome e conta dela terán igualmente a consideración de beneficiarios. Terán así mesmo a condición de beneficiarias as agrupacións formadas polas entidades previstas no punto 1 deste artigo con entidades vinculadas a elas, que teñan entre os seus fins o desenvolvemento das actividades formativas. O representante ou apoderado único da agrupación deberá pertencer a algunha das entidades beneficiarias previstas no punto1 deste artigo. 6. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades nas que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 13, apartados 2º e 3º, da Lei 38/2003, do 17 de novembro. Capítulo II Accións financiables e documentación técnica Artigo 4º.-Accións financiables. 1. Accións de estudo e investigación.- Estas accións irán destinadas a analizar os factores que estruturan a demanda de formación continua do sistema produtivo, co fin de anticiparse aos cambios nas cualificacións profesionais derivados do progreso técnico e da organización do traballo, profundar no coñecemento dos problemas e necesidades específicas de formación nos distintos sectores económicos ou ámbitos territoriais e desenvolver iniciativas e alternativas sobre a adecuación da oferta de formación continua á evolución dos contidos das ocupacións. Así mesmo, estas accións terán entre os seus fins coñecer as necesidades formativas dos traballadores con maiores dificultades de acceso á formación e das pequenas e medianas empresas. Os estudos realizaranse prioritariamente nos sectores e ámbitos que se relacionan no anexo I desta convocatoria. Para a presentación dos resultados realizarase unha xornada de difusión na que as entidades que desenvolvan o proxecto deberán presentarlles as técnicas utilizadas e os resultados da análise, a proposta metodolóxica elaborada e as súas posibilidades de utilización ás empresas, entidades e persoal técnico relacionados coa temática analizada. 2. Accións destinadas á elaboración e experimentación de produtos, técnicas e/ou ferramentas de carácter innovador para mellorar os sistemas pedagóxicos, organizativos e de xestión da formación profesional continua. Terán especial consideración aquelas accións referidas á elaboración e/ou experimentación de ferramentas e metodoloxías de aprendizaxe baseadas nas novas tecnoloxías de información e comunicación que estendan a formación aos traballadores de pequenas empresas, as accións destinadas á sensibilización e incorporación de boas prácticas ambientais no sector de turismo e hostalaría, así como as accións de formación en idiomas para o transporte. As fases que se deberán seguir na realización do proxecto comprenderán: a planificación dun conxunto de accións que dean resposta ás necesidades de formación das pequenas e medianas empresas dun segmento determinado de actividade e ás súas dificultades de acceso a ela, a selección das estruturas e equipamentos máis adecuados para a impartición de formación continua, o desenvolvemento dos produtos formativos e a impartición das accións coa finalidade de validar o propio proxecto. 3. Accións de avaliación da formación profesional continua. Estas accións irán destinadas a realizar procesos de avaliación da formación continua dos diferentes sectores de actividade económica ou ámbitos territoriais e a desenvolver procedementos e técnicas de avaliación para que poidan ser aplicados polos que participan e xestionan a formación, co fin de que poidan mellorar a súa calidade. Terán prioridade os proxectos destinados á elaboración de técnicas de avaliación, control e seguimento da formación profesional continua. 4. Accións de promoción e difusión destinadas a xerar redes de coñecemento da formación continua mediante centros virtuais de traballo, bases documentais de consulta, foros de discusión en liña ou presenciais, guías de boas prácticas e calquera outra medida que favoreza a promoción e difusión de estudos, ferramentas e produtos de formación continua entre as empresas, as organizacións empresariais e sindicais e os distintos axentes que participan na formación, así como a promoción de agrupacións de pequenas e medianas empresas para a organización e xestión dos seus programas de formación. Artigo 5º.-Xornadas técnicas de difusión dos produtos finais. Todos os proxectos subvencionados con cargo a esta orde poderán incluír a realización dunha xornada técnica que teña por obxecto a difusión dos seus produtos finais, así como a xeración de propostas, alternativas e suxestións sobre os seus resultados. Os proxectos deberán comprometer a súa realización na solicitude. Na fase de execución definirán as condicións finais do seu desenvolvemento. Durante a realización das xornadas de difusión, as entidades que desenvolvan o proxecto deberán presentarlle a metodoloxía, resultados e produto final ás empresas, entidades e persoal técnico relacionados coa temática e o ámbito da acción. Capítulo III Iniciación do procedemento Artigo 6º.-Prazo para a presentación de solicitudes. O prazo para a presentación de solicitudes para o financiamento de accións complementarias e de acompañamento á formación con cargo a esta convocatoria será dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Artigo 7º.-Solicitudes. 1. As solicitudes faranse no modelo normalizado que se publica como anexo II a esta orde, e que se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou en calquera das oficinas administrativas de Información ao Cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e deberá ir acompañada da seguinte documentación: a) Nome e razón social do solicitante. b) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude. c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade e do documento de identidade da persoa que actúa en nome e representación da persoa xurídica solicitante. d) Copia compulsada dos estatutos da entidade debidamente legalizados. e) Unha ficha por cada unha das accións no modelo normalizado, segundo o anexo III. f) Unha memoria-proxecto na que se fará referencia, polo menos, aos seguintes puntos: -Xustificación da proposta. -Obxectivos xerais e específicos. -Descrición da planificación e desenvolvemento do proxecto. -Descrición do ámbito multisectorial do proxecto. -Contidos e temas para tratar e indicadores para a análise. -Universo obxecto do estudo e fontes das cales se obteñen datos. -Técnicas de recollida dos datos e unidades mostrais. -Descrición concreta e exhaustiva da información que se pretende obter con cada unha das técnicas para utilizar, indicando, así mesmo, as fases en que se aplicarán. -Descrición da metodoloxía de análise. -Experiencia e cualificación dos recursos humanos e descrición do equipamento técnico previstos no desenvolvemento da acción. -Memoria xustificativa da capacidade técnica do solicitante para a xestión da acción que se solicita, indicando os recursos de que dispón a entidade solicitante e, no seu caso, os da entidade ou entidades que participan no desenvolvemento do proxecto. -Valoración económica. g) Declaración de non ter concedida ningunha outra axuda pública para a mesma acción. h) Relación dos principais traballos realizados pola entidade solicitante, nos últimos tres anos, que sexan similares ou moi relacionados co obxecto da acción para a cal solicitan a subvención. i) Documentos acreditativos da inscrición da entidade no rexistro administrativo da Seguridade Social correspondente e de reunir os requisitos establecidos para ser entidade beneficiaria da subvención que solicita. j) Declaración de non atoparse incurso en ningunha das circunstancias establecidas no artigo 13, puntos 2º e 3º, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, que impiden obter a condición de beneficiario. 2. As solicitudes dirixiranse al conselleiro de Traballo e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. 3. A presentación da solicitude de concesión polo interesado das subvencións reguladas nesta orde comportará a autorización á Consellería de Traballo para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. 4. A ausencia dalgún dos datos a que fan referencia os puntos anteriores determinará o requirimento da documentación. A emenda de erros deberá efectuarse polo interesado no prazo de 10 días, contados a partir do seguinte á recepción do requirimento, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992. 5. No seu caso, deberán identificarse as entidades participantes que está previsto colaboren no desenvolvemento do proxecto, incluíndo tanto as empresas provedoras de servizos que se prevexa contratar para o desenvolvemento dalgunha das súas fases, como as entidades que participen noutras modalidades de execución e/ou difusión do proxecto. Para estes efectos, deberase cubrir o anexo de colaboración, no que se especificarán os seus termos. O solicitante deberá presentar o anexo de colaboración coa sinatura orixinal da entidade que colabora por cada unha das entidades participantes. 6. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Capítulo IV Instrución do procedemento Artigo 8º.-Procedemento. 1. Recibidas as solicitudes procederase ao estudo e á cualificación destas pola comisión de valoración, e, unha vez analizada a documentación achegada polos solicitantes, informará os expedientes aplicando os criterios de valoración establecida nesta orde. 2. Unha vez baremados os expedientes pola comisión de valoración, serán informados pola Comisión Galega de Formación Profesional Continua. 3. Á vista do expediente e dos informes preceptivos que se emitan, o órgano instrutor, a Dirección Xeral de Formación e Colocación, formulará proposta de resolución. 4. A comisión de valoración estará composta pola subdirectora xeral de Formación Ocupacional e Continua, que a presidirá, e serán vogais os/as xefes/as dos servizos de Planificación de Formación Ocupacional e Continua e de Observatorio Ocupacional, actuando o primeiro como secretario, e dous técnicos da Dirección Xeral de Formación e Colocación. 5. Se, por calquera causa, cando a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o director xeral de Formación e Colocación. Artigo 9º.-Valoración técnica das accións. 1. A Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá á valoración técnica das solicitudes que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria para o seu tipo de acción, propoñendo a denegación daquelas que non os cumpran. 2. A selección das solicitudes para financiar realizarase tendo en conta a puntuación obtida logo de valoración técnica e económica do proxecto. 3. Para os efectos da valoración técnica e para garantir a concorrencia, só se terá en conta a información incluída no expediente no prazo de presentación de solicitudes. 4. A Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá propoñer non financiar ningún proxecto para algún dos tipos de accións, se ningunha das solicitudes acada a valoración técnica mínima que determine a Comisión de Valoración. 5. Os criterios de valoración técnica serán os seguintes: Punto 1º: Solicitude de accións prioritarias. 1. Por solicitar accións prioritarias: 50 puntos. 2. Por outras accións: 0 puntos. Punto 2º: Plantexamento xeral e deseño da acción. 1. Presentar unha metodoloxía de traballo ben definida e axeitada ao obxecto da investigación (45 puntos). -Descrición da planificación e desenvolvemento do proxecto, descrición do ámbito da investigación, obxectivos xerais e específicos (ata 10 puntos). -Fontes documentais e institucionais para consultar, e información que se pretende obter (ata 5 puntos). -Descrición da metodoloxía de análise, especificando as técnicas que aseguren a coherencia dos resultados cos datos recollidos (universo obxecto de estudo nas accións que proceda) (ata 25 puntos). -Calendario de execución (ata 5 puntos). 2. Mellora da planificación das accións de difusión- páxinas web, prensa, radio... e calquera outra medida que sirva para difundir os resultados a maiores da obrigada xornada de presentación dos resultados (ata 5 puntos). Apartado 3º: Entidades que desenvolven o proxecto e o equipo técnico. 1. Proxectos de iguais ou similares características realizados pola entidade solicitante e/ou colaboradora, de existir esta e cumprir cos requisitos para a súa participación: (25 puntos). -1 a 3 proxectos: 10 puntos. -3 a 6 proxectos: 20 puntos. -Máis de 6 proxectos: 25 puntos. 2. Adecuación do perfil do persoal técnico da entidade solicitante e/ou colaboradora, de existir esta, e cumprir cos requisitos para a súa participación: (25 puntos). -Coordinador do proxecto: 10 puntos. -Por cada membro do equipo que presente un perfil axeitado, 5 puntos máis ata un máximo de 15 puntos. Para a valoración deste punto é imprescindible presentar currículos, ou ben, perfís profesionais perfectamente detallados. O orzamento solicitado non puntuará en positivo, senón que terá carácter penalizador nos casos nos que se considere que é excesivo con relación aos outros proxectos presentados de igual natureza, ou con relación a accións complementarias de anos anteriores. Poderá outorgárselle un valor negativo de ata un máximo de 15 puntos. Artigo 10º.-Determinación da subvención. 1. Ordenadas as solicitudes en función da súa valoración técnica, a subvención para outorgar a cada acción calcularase tendo en conta o custo estimado das actividades e conceptos solicitados, o número de proxectos para financiar e da dispoñibilidade orzamentaria. 2. Se se detectasen fases, actividades ou puntos de custos non elixibles descontaríanse do orzamento solicitado para calcular a subvención do proxecto. 3. Para os efectos desta convocatoria, consideraranse financiables os seguintes custos directos e asociados: a) Custos directos das accións complementarias: 1. As retribucións de persoal interno e externo podéndose incluír salarios, seguros sociais e, en xeral, todos os custos imputables ao persoal no exercicio das actividades de que forman parte da execución das accións aprobadas. Os gastos de amortización de equipos e plataformas tecnolóxicas utilizados, calculados con criterios de amortización aceptados nas normas de contabilidade, así como o aluguer ou arrendamento financeiro deles, excluídos os seus xuros, soportados na execución das accións aprobadas. 2. Gastos en bens consumibles utilizados na realización das accións aprobadas, incluíndo o material de protección e seguridade. 3. Os gastos de aluguer, arrendamento financeiro, excluídos os seus xuros, ou amortización dos locais utilizados expresamente no desenvolvemento das accións aprobadas. 4. Gastos de transporte, manutención e aloxamento que se realicen no territorio nacional, cos límites fixados na Orde do Ministerio de Facenda do 22 de febreiro de 2001 (BOE do 27 de febreiro), imputables ao persoal que participa na execución das accións aprobadas. 5. Custos directamente ocasionados pola execución das accións complementarias, que non se recollan no resto dos puntos, tales como publicidade, difusión, comunicación, entre outros, cando estas actividades estean recollidas na correspondente solicitude. b) Custos asociados das accións complementarias: 1. Custos asociados ao desenvolvemento de accións complementarias, en particular luz, auga, calefacción, teléfono, mensaxaría, correo, limpeza e seguridade. 2. En calquera caso, os custos asociados deben responder a custos reais, efectivamente realizados, pagados e xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente. 3. A suma dos custos asociados non poderá superar o 10% do total dos custos directos das accións complementarias. 4. Das accións financiables reguladas no artigo 4º, serán excluídos aqueles proxectos que se encontren nalgunha das situacións seguintes, e tramitarase o resto do proxecto se reúnen os requisitos exixidos nesta convocatoria: ­Que o produto non reúna as características exixidas na documentación técnica que corresponda. ­Que exista un produto formativo similar. ­Que exista un produto similar, solicitado no mesmo prazo de presentación, que obteña maior valoración técnica. 5. No caso de que dúas ou máis propostas para o desenvolvemento do mesmo produto final obteñan igual valoración técnica total, seleccionarase a que solicitase menor financiamento, e se este fose idéntico, a que obtivese maior puntuación no segundo bloque de valoración. 6. Unha mesma entidade non poderá ser beneficiaria de máis de tres accións en cada unha das modalidades comprendidas no artigo 4º. No caso de que algunha entidade reunise os requisitos para ser beneficiaria dalgún proxecto máis, seleccionaranse os tres de financiamento máis elevado. Capítulo V Terminación do procedemento Artigo 11º.-Resolución. 1. A resolución dos expedientes de axudas corresponderalle ao director xeral de Formación e Colocación, por delegación do conselleiro e deberá serlles notificada ás persoas interesadas no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas entenderán desestimada a súa solicitude. 2. Contra as resolucións ditadas ao amparo desta orde, que esgotan a vía administrativa, poderase interpoñer recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora desta xurisdición. 3. Non obstante, poderase optar por interpor contra estas resolucións recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non caberá interpor o recurso contencioso-administrativo antes citado mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, de acordo co disposto na Lei 4/1999, modificadora da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Artigo 12º. Pagamento das subvencións. 1. O aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma: a) Ata o 65 por 100 do total do orzamento de gastos de cada acción subvencionada, en concepto de anticipo, no momento no que a Dirección Xeral de Formación e Colocación reciba comunicación da entidade impartidora na que se notifique o inicio da acción. b) O importe restante, unha vez rematadas todas as accións subvencionadas e xustificados os gastos realmente efectuados en cada unha. c) Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida. 2. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias, e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, o Servizo de Xestión Administrativa de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Colocación emitirá certificación para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida. 3. As entidades beneficiarias deberán presentar, antes do aboamento da liquidación final, declaración complementaria do conxunto de todas as axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución) para a mesma acción, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. 4. No caso de que a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, se é o caso, a reclamar o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida. Artigo 13º.-Condicións para adquirir e conservar o dereito á subvención. 1. A adquisición e conservación do dereito á subvención implica para o beneficiario cumprir coas seguintes obrigas: a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, de acordo coas condicións e requisitos formais e materiais desta orde, así como coas condicións de aprobación que serviron de base para determinar a valoración técnica e a subvención para conceder. b) Achegar a información e documentación que se requira durante a fase de instrución do procedemento e execución do proxecto. c) Presentar a xustificación do cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión da subvención, así como da realización e dos custos da actividade que fundamenta a concesión. d) Ter realizado ou, no seu caso, garantido as devolucións de cantidades concedidas e pagadas en convocatorias anteriores e cuxa devolución lle fose exixida mediante reclamación previa á vía executiva ou mediante resolución de procedencia de reintegro, salvo que se acordase a suspensión do acto. e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específico de todos os ingresos e gastos de execución das accións complementarias e de acompañamento á formación profesional continua. f) Comunicarlle á Administración competente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Estes ingresos serán incompatibles coa subvención que corresponda, polo que esta será minorada na cantidade xa percibida. g) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas ou polo órgano competente da Unión Europea, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas. h) Non incorrer no falseamento de datos contidos na solicitude ou nos documentos e certificados presentados aos órganos competentes na tramitación das solicitudes e na concesión das subvencións. i) Facer constar o carácter público do financiamento da actividade subvencionada e, no seu caso, o cofinanciamento do Fondo Social Europeo. Neste último suposto, a entidade beneficiaria deberá incluír nos produtos finais, nas actividades de difusión e información das accións complementarias e nas publicacións o logotipo do Fondo Social Europeo. j) O beneficiario deberá asumir, en todo caso, a execución do deseño da acción subvencionada, a elaboración final de resultados e informes, así como a coordinación de todas as fases de realización do proxecto, non podendo delegar nin contratar con terceiros o desenvolvemento total nin parcial destas actividades. A execución de calquera outra actividade necesaria para o desenvolvemento do proxecto poderá ser subcontratada con outra entidade. 2. Os beneficiarios das subvencións deberán incluír nos produtos finais, nas accións de difusión e información do proxecto aprobado e nas publicacións que se deriven destes, o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Traballo). 3. O beneficiario e as entidades colaboradoras de cada proxecto serán responsables solidarios do cumprimento das obrigas anteriormente mencionadas. Capítulo VI Execución, xustificación de custos e liquidación Artigo 14º.-Prazo para a realización das accións. As accións complementarias e de acompañamento á formación que se financien con cargo a esta convocatoria deberán executarse nos doce meses seguintes contados a partir do mes da publicación desta orde e deberán estar xustificados todos os gastos no prazo dun mes desde o seu remate. Artigo 15º.-Execución da acción. 1. A subvención outorgada destinarase á realización do proxecto nos termos establecidos na solicitude e na resolución do conselleiro de Traballo. A súa percepción e contía quedarán suxeitas ao cumprimento de cantos requisitos, condicións e obrigas correspondan ao solicitante de acordo co previsto na Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo de 2004, nesta convocatoria e na correspondente resolución de concesión da subvención. 2. Para manter o financiamento concedido será necesario que non se alteren a natureza do produto final nin as condicións que motivaron a aprobación da solicitude. O incumprimento das ditas condicións, ou do contido da solicitude, poderá supoñer a minoración da cantidade certificada polo tanto da liquidación do expediente. Artigo 16º.-Obrigas das entidades beneficiarias. 1. Contar con recursos humanos e materiais propios para a realización das funcións que lle corresponden, e, en todo caso, asumir a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración, debendo asegurar, tanto aquela como o colaborador, o desenvolvemento satisfactorio das funcións dos organismos de seguimento e control. 2. Para o obxecto de garantir o efecto transferible dos proxectos subvencionados, o beneficiario da subvención deberá cederlle á Xunta de Galicia os dereitos de explotación do material elaborado como resultado da acción financiada, con reserva destes a favor do beneficiario, dentro dos termos establecidos polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual. A cesión de dereitos anteriormente descrita entenderase referida aos resultados ou produtos da acción subvencionada. Non se poderá obter beneficio económico ningún da utilización nin do exercicio dos dereitos da súa explotación. 3. Remitir copia en papel e soporte informático de todos os instrumentos e soportes para utilizar nos proxectos susbvencionados (enquisas, cuestionarios, guións de entrevista, de grupos de discusión ou similares) en canto estes sexan deseñados e con anterioridade á súa aplicación. 4. Facilitarlle á Consellería de Traballo o acceso á plataforma e software necesarios para a utilización dos produtos formativos durante o seguimento e a comprobación do desenvolvemento de todas as fases do proxecto. 5. Entregar o guión de cada un dos produtos formativos, con anterioridade ao inicio do seu desenvolvemento informático para que efectúe as indicacións que estime oportunas. 6. Cando algunha das empresas que tendo confirmada a súa participación na solicitude decida non continuar colaborando no proxecto, a entidade beneficiaria deberá propoñerlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación a súa substitución por outra de similares características, que autorizará ou non o cambio coas observacións oportunas. 7. A entidade beneficiaria deberá remitir os documentos e probas necesarias para a comprobación do texto final con anterioridade á edición deste. 8. Antes da realización das xornadas de difusión de produtos finais, deberáselle remitir á Dirección Xeral de Formación e Colocación con polo menos un mes de antelación á data de realización destas, o informe de planificación das xornadas técnicas de difusión cos contidos. No caso de que se detecten carencias de información, discrepancias ou inadecuación respecto das prescricións técnicas, a Dirección Xeral de Formación e Colocación comunicarallo á entidade beneficiaria para o efecto de permitir a súa emenda para conservar o dereito á subvención. 9. Comunicarlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación calquera incidencia ou cambio respecto do indicado na solicitude de financiamento que se produza no desenvolvemento do proxecto, e que supoña unha adaptación nos procesos sen alterar as condicións da resolución de concesión. Estas incidencias deberán comunicarse en todo caso cunha antelación mínima dun mes á finalización do prazo de execución establecido. 10. Os datos da xestión das accións complementarias e de acompañamento á formación deberán introducirse en liña a través da aplicación informática que a Dirección Xeral de Formación e Colocación poñerá a disposición dos centros. Para que este proceso en liña poida realizarse, os centros solicitantes deberán dispoñer de saída a internet a través dunha liña RDSI, ADSL ou outra de calidade equivalente ou superior. No caso de detectarse desviacións de carácter non admisible na execución, seranlle comunicadas ao beneficiario debendo reaxustarse o proxecto ás condiciones iniciais de aprobación. 11. Con independencia do anterior, a entidade beneficiaria está obrigada a facilitarlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación cantos datos e documentos lle sexan solicitados sobre o proxecto durante a súa execución e unha vez finalizado este, co obxecto de permitir a adecuada verificación do seu desenvolvemento, o uso do financiamento concedido e a avaliación dos resultados obtidos. 12. Os datos e informes obtidos durante a realización das accións, así como os seus resultados finais, terán para a entidade solicitante o carácter de confidencial. Cando a citada entidade desexe utilizar os resultados parciais ou finais, en parte ou na súa totalidade, para a súa difusión ou publicación como artigo, conferencia, etc., deberá solicitar a conformidade da Dirección Xeral de Formación e Colocación por escrito. Artigo 17º.-Xustificación dos custos. 1. O beneficiario deberá xustificar os custos en que incorrese á hora de executar as diferentes fases do proxecto aprobado desde a aceptación da proposta de resolución e que o gasto xustificado será o efectivamente pagado. Para isto deberá ter en conta a relación de custos financiables e os seguintes criterios de xustificación: a) Deberá xustificar os custos en que incorrese na execución das accións complementarias e de acompañamento á formación. Para isto, deberá ter en conta a relación de custos financiables establecidos no artigo 10º desta orde. b) Os custos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio, en orixinal ou fotocopia compulsada logo de selado do orixinal, co detalle suficiente para acreditar a correcta aplicación dos fondos. Os ditos documentos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación. Cando de acordo coas normas de contabilidade xeralmente aceptadas se admita a xustificación de custos mediante notas de cargo, estas deberán acompañarse cos documentos xustificativos que soportan o gasto ou as súas imputacións. c) Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas. d) O beneficiario da subvención estará obrigado a conservar os xustificantes da realización da actividade que fundamenta a concesión da subvención, así como da aplicación dos fondos recibidos. O prazo será de 5 anos e computarase a partir do momento en que finalice o período establecido para presentar a citada xustificación por parte do beneficiario. No suposto de accións cofinanciadas con fondos comunitarios, aplicarase a este respecto o que estableza a normativa comunitaria. As entidades que, sen ter transcorrido o citado período, decidan suspender a súa actividade ou disolverse, deberán remitirlle copia da citada documentación á Dirección Xeral de Formación e Colocación. 2. Cando o importe do gasto subvencionable por subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultaría o asistencia técnica supere a contía de 12.000 euros, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía. Xunto coa xustificación dos custos do proxecto deberán presentarse as ofertas indicadas no parágrafo anterior e unha memoria xustificativa da elección. No caso de que polas especiais características dos bens ou servizos contratados non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren ou presten, deberá xustificarse tal circunstancia. 3. As entidades beneficiarias poderán subcontratar as accións complementarias e de acompañamento á formación, sempre que a Dirección Xeral de Formación e Colocación lles dea autorización, logo de comunicación, e sempre axustándose á Lei 38/2003, do 17 de novembro. 4. No caso de subcontratación, as facturas que emitan as/os subcontratistas deberán conter unha desagregación suficiente para identificar os custos imputados a cada acción complementaria e de acompañamento á formación. Artigo 18º.-Liquidación das subvencións. 1. O beneficiario deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Formación e Colocación, dentro do prazo máximo dun mes tras a finalización do prazo de execución correspondente ao proxecto, a súa realización cubrindo e remitindo a seguinte documentación: a) Produtos finais íntegros. b) Documentación xustificativa dos custos relativos á execución do proxecto aprobado e documentos normalizados facilitados para o efecto cubertos, de conformidade cos custos financiables e criterios establecidos. c) Xustificante de ter ingresado o importe correspondente á diferenza entre a cantidade xustificada e a recibida en concepto de anticipo, no seu caso. d) Acreditación da participación das entidades que colaboraron no proxecto e na súa difusión. 2. O beneficiario deberá presentarlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación cantos datos e documentos lle sexan solicitados, no prazo de 10 días, para o obxecto de permitir a adecuada verificación do desenvolvemento da acción, o uso do financiamento concedido, a avaliación dos resultados obtidos e a mellor adecuación dos produtos aos obxectivos da convocatoria. 3. A Dirección Xeral de Formación e Colocación practicará a proposta de liquidación, baseada nos custos xustificados da acción subvencionada así como na cantidade certificada, unha vez examinada a documentación presentada e avaliados os resultados obtidos e a calidade do produto final. 4. Cando a documentación xustificativa presentada fose suficiente para considerar correctamente xustificada a subvención concedida, ou se emendasen as insuficiencias detectadas, a Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá á ordenación do pagamento correspondente. Artigo 19º.-Incumprimento de obrigas e reintegro. Cando se produza incumprimento de calquera das obrigas previstas nesta orde ou se dea calquera dos supostos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, procederá o reintegro total ou parcial da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados na citada lei. Capítulo VII Seguimento, control e avaliación das accións complementarias Artigo 20º.-Seguimento, control e avaliación. A Dirección Xeral de Formación e Colocación realizará as actuacións de seguimento, control e avaliación que garantan o establecido nesta orde, tanto no referido á execución coma á transferecia de resultados. Disposicións adicionais Primeira.-A realización das accións previstas nesta orde e a conseguinte concesión de subvencións estará supeditada á existencia de crédito suficiente na aplicación 16.03.323b.481.0 que figuran nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2007 e na aplicación 16.03.323b.481.0 dos orzamentos xerais para o ano 2008. Segunda.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións reguladas nesta orde, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación das resolucións de concesión. Terceira.-En todo o non previsto nesta orde, será de aplicación o establecido na Orde TAS/2782/ pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, e a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, quedando os beneficiarios das axudas reguladas nesta orde suxeitos ao réxime disciplinario previsto nas citadas disposicións. Cuarta.-Poderán efectuarse resolucións complementarias no caso de que haxa incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma que deberán provir de incorporacións, ampliacións, remanentes ou xeracións de crédito, e debendo ser obxecto de publicación no DOG. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das tidas en conta para a resolución inicial. Quinta-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo no director xeral de Formación e Colocación para a autorización, disposición, recoñecemento de obrigas, propostas de pagamento das subvencións reguladas nesta orde e resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias, das que traen causas, ditadas por delegación do conselleiro. Sexta. 1. A información contida nas comunicacións realizadas polas entidades solicitantes, e por aquelas que resulten beneficiarias, á Dirección Xeral de Formación e Colocación ao amparo desta convocatoria, quedará sometida á normativa vixente en materia de protección de datos. 2. Os datos identificativos das entidades solicitantes, beneficiarias e participantes, integraranse en ficheiros informáticos para os efectos oportunos, e poderán os interesados exercer os dereitos recoñecidos con carácter xeral na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais normativa de desenvolvemento. Sétima.-A Dirección Xeral de Formación e Colocación publicará as contías das subvencións que se outorguen ao amparo desta convocatoria, así como os seus beneficiarios. Disposicións derradeiras Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición. Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2007. Ricardo Jacinto Varela Sánchez Conselleiro de Traballo ANEXO I 1. Estudos territoriais. A área territorial básica vai ser a comarca. Pódense considerar agrupacións de ámbito superior á comarca, sempre e cando se xustifique unha homoxeneidade socioeconómica e laboral que permita emprender un estudo de maior envergadura. En ningún caso será valorable un estudo provincial ou de ámbito xeográfico superior a este. O obxectivo: determinación das necesidades formativas na área xeográfica seleccionada en función da incidencia da evolución do sistema produtivo e das innovacións tecnolóxicas nas ocupacións existentes e nas noticias emerxentes nos sectores económicos estratéxicos locais. Debe presentarse unha metodoloxía que inclúa as seguintes fases e permita obter os produtos solicitados aplicando técnicas cualitativas e cuantitativas: 1º. Determinación dos sectores económicos estratéxicos no ámbito xeográfico obxecto de estudo. -Fase documental previa. -Configuración socioeconómica e laboral da área obxecto de estudo. Elaboración de indicadores laborais e económicos. -Consulta con expertos e profesionais que coñezan a realidade económica e laboral da zona: empresarios, sindicatos, organismos públicos e demais profesionais que conten con coñecemento e experiencia axeitada. -Elaboración da Matriz DAFO da zona obxecto de estudo. 2º. Análise socioeconómico, laboral e formativo dos sectores estratéxicos determinados na fase 1ª. Fase 1: -Evolución produtiva e económica do sector. -Clasificación da poboación por colectivos. -Fluxos migratorios dos traballadores no ámbito xeográfico para estudar. -Estrutura do emprego na zona. -Situación actual e futura da demanda empresarial das ocupacións segundo sector de actividade. Fase 2: -Análise dos postos de difícil cobertura. -Actividades e/ou ocupacións emerxentes. -Actividades e/ou ocupacións en retroceso. -Principais necesidades formativas actuais e futuras (horizonte de 5 anos) por ocupación. Fase 3: -Análise do actual mapa de recursos da formación ocupacional. Qué especialidades sería necesario homologar e cales eliminarían (causas da dita eliminación: reiteración dos mesmos contidos, programas formativos obsoletos, ...). -Análise do actual mapa de recursos da formación profesional regrada. Qué ciclos serían necesarios e cales eliminarían da actual oferta. -Análise das actividades formativas efectuadas polas empresas. Implantación da formación continua na zona. -Presentar conclusións sobre a valoración empresarial e dos traballadores da formación ocupacional e continua. A metodoloxía presentada para o desenvolvemento do punto 2 Análise dos sectores estratéxicos debe desenvolver, ao longo das fases da análise, técnicas cualitativas e cuantitativas: -Fontes documentais específicas do sector. -Enquisas a traballadores e mandos intermedios. (Realizarase unha mostra estratificada segundo tamaño de empresas e sector de actividade). -Entrevistas a profesionais e expertos dos distintos sectores. -Paneis de expertos onde se inclúan organismos empresariais e sindicais. -Calquera outra que poida ser de interese a xuízo da empresa solicitante. 2. Estudos sectoriais. -Industrias transformadoras de produtos ecolóxicos. -Novas fontes de enerxía (enerxías renovables, carburantes ecolóxicos). -Tecnoloxías industriais: robótica e automatización; control de procesos. -Tecnoloxías para a innovación: biotecnoloxía. -Tecnoloxías da información e comunicación: servizos multimedia e interactivos, aproveitando o desenvolvemento da banda ancha e da televisión dixital interactiva; fogar dixital (electrodomésticos e dispositivos conectados en rede); lecer e entretemento dixital; seguridade informática; servizos de mobilidade (acceso inalámbrico, tecnoloxía móbil de terceira xeración). 3. Estudos intersectoriais. -Análise das competencias e habilidades necesarias, e do soporte tecnolóxico requirido, para impulsar o desenvolvemento do teletraballo nas empresas galegas. -Seguridade industrial: formación, xestión e difusión. -I+D+i nos sectores estratéxicos galegos, e a súa repercusión na formación continua. -Estudo da incidencia da formación en novas tecnoloxías na capacidade de innovación das empresas galegas. -Estudo de como abordar a xestión do cambio organizativo para facilitar a implantación nas novas tecnoloxías, incorporando a formación e a motivación dos empregados como un aspecto determinante para o éxito deste tipo de proxectos. -Ocupacións emerxentes e novas profesións en Galicia. Análise prospectiva e avaliación do impacto das novas tecnoloxías. -Ocupacións en recesión en Galicia e análise da súa posible reciclaxe profesional. -Proxecto de elaboración de créditos formativos vinculados ás cualificacións profesionais do catálogo nacional de cualificaciones profesionais, de acordo coas bases metodolóxicas establecidas polo Instituto Galego das Cualificacións, nalgunha das seguintes familias profesionais: -Instalación e mantemento. -Electricidade e electrónica. Enténdese por crédito formativo a división do módulo formativo das cualificacións profesionais en unidades formativas máis pequenas, tanto en contidos como duración. Proxecto de elaboración dunha metodoloxía para o establecemento de correspondencia entre as unidades de competencia das cualificacións profesionais do catálogo nacional de cualificaciones profesionais e os postos de traballo e as clasificacións profesionais establecidas na negociación colectiva. Aplicación práctica da citada metodoloxía na familia profesional de fabricación mecánica. 4. Análise dos perfís profesionais e a súa implantación na realidade socioeconómica galega nas seguintes actividades: -Animadores e guías turísticos. -Atención á infancia. -Atención xeriátrica. -Loxística. -Servizos de medio natural. -Xestión de residuos. -Dinamizadores de innovación no tecido empresarial galego. Estas análises deberán incluír as posibles innovacións e cambios que poidan influír na mellora da súa profesionalidade de cara ao futuro. Ver referencia pdf "15600D006P041.PDF"
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE TRABALLO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AXUDAS E SUBVENCIÓNS

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
Or06082007.pdf Galego
Or06082007.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles