Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e as condicións de subvencións para a contratación de técnicos ambientais no ámbito dos sectores produtivos galegos e se fai pública a convocatoria para 2007.

Diario Oficial de Galicia, 14-06-2007, Núm. 114, Páx. 10207
Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e as condicións de subvencións para a contratación de técnicos ambientais no ámbito dos sectores produtivos galegos e se fai pública a convocatoria para 2007. O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece, no seu artigo 27, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación básica do Estado en materia ambiental. En exercicio das súas competencias constitucionalmente atribuídas, esta Comunidade Autónoma promulgou, como normativa adicional sobre protección do ambiente, a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia. Entre os obxectivos da devandita Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, está configurar o sistema de defensa, protección, conservación e restauración do ambiente en Galicia, así como o de reforzar a necesidade de integrar a prevención ambiental nos sistemas de xestión da empresa, facendo compatibles a defensa dos valores ambientais co desenvolvemento económico e o progreso técnico. Isto fai necesario instrumentar mecanismos para os sectores produtivos ou extractivos que lles faciliten non só dar cumprimento da normativa ambiental, senón que é preciso ir máis alá, artellando a prevención como actividade integrada no conxunto de actuacións e decisións da empresa. Para iso, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible establece unha liña de axudas para a contratación de técnicos ambientais que contribúan a lograr estes obxectivos. As axudas previstas nesta orde teñen como obxectivo, desde unha perspectiva ambiental, facilitar a contratación de técnicos dotados da formación necesaria para o desempeño das funcións propias da actividade ambiental nos sectores produtivos ou extractivos que estean organizados e que exerzan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, impulsando a presenza de recursos ambientais preventivos nas empresas e fomentando unha auténtica cultura ambiental. Neste mesmo sentido é conveniente sinalar que a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, pola que se regula o réxime xurídico xeral de subvencións outorgadas polas administracións públicas, establece uns preceptos básicos nesta materia e motivou a adaptación do réxime xeral de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia ao seu contido básico a través da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, que procede, nos seus artigos 12 e 13, á modificación da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no que respecta ao réxime xeral de axudas e subvencións, infraccións, sancións e réxime de responsabilidades. Na súa virtude, e no uso das atribucións que me confiren o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, modificada polas leis 12/1989, do 4 de outubro, 7/2002, do 27 de decembro, e 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia, e o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, DISPOÑO: Capítulo I Ámbito e réxime das axudas Artigo 1º.-Obxecto e finalidade. A presente orde, en consonancia coa Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, ten por obxecto fixar as bases reguladoras, cun período de vixencia de tres anos, así como a convocatoria para o ano 2007, das axudas e subvencións para a contratación, por parte dos beneficiarios previstos no artigo seguinte, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios de publicidade, transparencia, igualdade e non-discriminación, de técnicos ambientais, no ámbito dos plans, programas, acordos ou convenios das administracións públicas, como instrumento para promover a mellora ambiental dos sectores empresariais organizados que exercen a súa actividade ou teñen as súas unidades de traballo ou empresas no ámbito xeográfico de Galicia. Artigo 2º.-Beneficiarios e os seus requisitos. 1. Poderán ser beneficiarios dos apoios recollidos nas presentes bases os sectores empresariais organizados, os clúster, as asociacións, as federacións ou confederacións, todos eles sen ánimo de lucro e que integren, exclusivamente, empresas ou centros de traballo do mesmo sector produtivo, que exerzan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o que será acreditado de conformidade co establecido no número 7. 2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas: *As empresas ou centros de traballo a título individual. *As administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación derive de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial. *As entidades especializadas acreditadas como servizos de auditoría, externos ás empresas e aquelas que, entre as súas actividades principais, inclúan a de xestión e intervención ambiental. *As entidades especializadas acreditadas para desenvolver a actividade de auditoría do sistema de prevención ambiental. *As entidades autorizadas para desenvolver e certificar actividades ambientais pola autoridade laboral competente. *As organizacións sindicais e os colexios profesionais. 3. Esta orde de subvencións acóllese ao Regulamento (CE) nº 69/2001, da Comisión, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOCE L nº 10, do 13-1-2001), onde a axuda total de minimis concedida a calquera empresa non deberá exceder de 100.000 € nun período de 3 anos. Así mesmo, quedarán excluídas destas axudas as empresas do sector do transporte, as empresas relacionadas coa produción, transformación e comercialización dos produtos que figuran no anexo I do Tratado CE e as actividades relacionadas coa exportación (artigo1 do Regulamento (CE) 69/2001). Capítulo II Modalidades de subvención Artigo 3º.-Tipo de axuda. 1. Será subvencionable a contratación, por parte dos beneficiarios previstos no artigo 2, de técnicos ambientais, a tempo completo e vinculados á actuación concreta que se vai desenvolver segundo a memoria descritiva presentada, para a mellora ambiental das empresas encadradas no sector produtivo solicitante e destinados a realizar estudos de situación, elaboración de plans, programas de autoavaliación, implantación de sistemas de xestión ambiental e proposta de medidas correctoras encamiñadas a perfeccionar o cumprimento da normativa ambiental. 2. Os técnicos ambientais, por cuxa contratación se solicite a axuda prevista nesta orde, deberán: -Ser persoa física. -Dispoñer de título académico ou da certificación habilitadora para o exercicio das funcións de técnico ambiental. 3. Para os efectos da axuda recollida nesta orde, terán a consideración de técnicos ambientais os licenciados en ciencias ambientais e aqueloutros titulados con formación de postgrao ou especialización ambiental, con competencia técnica, formación e capacidade acreditada. No caso de parados, estes deberán figurar inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, á vez, carecer de ocupación, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social. 4. Os técnicos ambientais contratados en virtude desta orde serán a tempo completo para facer estudos, realizar propostas e asesorar as empresas correspondentes ao sector beneficiario da axuda, para os efectos da execución, no seu tempo efectivo de traballo, das accións programadas segundo a memoria, que non supere as vinte páxinas de extensión, da actuación prevista, que acompañará a solicitude. 5. Non se considerarán as contratacións realizadas con infracción da normativa laboral ou da Seguridade Social. Artigo 4º.-Subvencións para a contratación de técnicos ambientais polos sectores produtivos ou extractivos organizados. 1. Será subvencionable a contratación de técnicos ambientais de nivel medio ou superior. 2. A contratación do técnico ambiental terá unha duración mínima de 3 anos. 3. Por cada contrato, realizado ao abeiro desta orde concederanse as seguintes axudas: Para técnicos superiores: -Ata o 75% do custo total do contrato cun máximo de 22.500 euros no primeiro ano, o 60% do custo total do contrato no segundo ano cun máximo de 18.000 euros e o 50% do custo total do contrato o terceiro ano cun máximo de 15.000 euros. Para técnicos medios: -Ata o 75% do custo total do contrato cun máximo de 18.000 euros no primeiro ano, o 60% do custo total do contrato no segundo ano cun máximo de 14.400 euros e o 50% do custo total do contrato o terceiro ano cun máximo de 12.000 euros. -No caso de que o técnico ambiental contratado non se atopase no paro ou xa estivese contratado para realizar as funcións previstas nesta orde, a axuda será do 50% do custo total do contrato no período de tres anos, cun máximo anual de 15.000 euros no caso de técnico superior ou de 12.000 euros no caso de técnico medio. Para os efectos deste parágrafo, entenderase por custo total a suma do salario bruto da persoa contratada e os custos sociais a cargo da empresa. 4. A súa concesión estará condicionada á xustificación polo solicitante das accións de traballo que se realizarán coa participación directa do técnico contratado e co obxecto da subvención. Xustificarase con ela que, coa contratación obxecto de subvención, se suplen carencias para o desenvolvemento das actividades financiables. 5. En concreto entenderanse como accións de traballo preferentes aquelas que impliquen a integración da mellora ambiental na xestión xeral das empresas e se encadren nos grupos seguintes: -Elaboración de estudos de fortalezas e debilidades ambientais do sector produtivo ou extractivo. -Elaboración de informes da situación de cada unha das empresas e propostas de mellora ou redución de impactos. -Estudos de contaminación dos solos ocupados e do contorno das empresas do sector. -Estudos de adecuación de equipos, insumos, emisións. -Estudos necesarios que permitan a implantación de tecnoloxías limpas. -Estudos de eficiencia enerxética e substitución de fontes enerxéticas por outras menos contaminantes. -Estudos e propostas de redución de COV, GEI, ou calquera outro contaminante regulado pola normativa ambiental. -Elaboración de propostas de minimización e redución de verteduras, efluentes e residuos. -Elaboración de propostas de recuperación de espazos degradados e descontaminación de solos. -Elaboración e implantación de plans de ecoxestión e ecoauditoría. -Implantación de sistemas de xestión de riscos ambientais. -Implantación de programas de recuperación do contorno ou das lesións causadas ao ambiente. -Implantación de cadros de indicadores de ecoeficiencia. -Realización de auditorías internas de comportamento ambiental das empresas. -Calquera outra que supoña mellora ambiental no sistema de xestión cotián do sector produtivo ou extractivo en xeral e das empresas en particular e aqueloutras que se xustifiquen polo interese e a novidade da proposta. 6. Para os efectos da graduación, as propostas ou os proxectos ou as accións presentados, para realizar por parte dos técnicos que se pretenden contratar, teñen que estar claramente definidos, tanto desde punto de vista técnico como do seu desenvolvemento temporal. Deben ser perfectamente cuantificables, avaliables e controlables na fase de seguimento. Artigo 5.º-Criterios de admisión. Establécese o seguinte baremo para aplicarlles ás solicitudes de subvencións obxecto desta orde, respecto do cal os solicitantes deberán obter como requisito imprescindible de admisión un mínimo de 12 puntos: a) Os sectores empresariais organizados, os clúster, as asociacións, as federacións ou confederacións sen ánimo de lucro de ámbito autonómico: 10 puntos. b) Os sectores empresariais organizados, os clúster, as asociacións, as federacións ou confederacións sen ánimo de lucro de ámbito provincial: 5 puntos. c) Os sectores empresariais organizados, os clúster, as asociacións, as federacións ou confederacións sen ánimo de lucro de ámbito comarcal: 2 puntos. d) Os sectores empresariais organizados, os clúster, as asociacións, as federacións ou confederacións sen ánimo de lucro de ámbito local: 1 punto. e) Representatividade da entidade solicitante respecto ao sector da actividade no ámbito xeográfico en que a desenvolva: 10 puntos no caso de representar máis do 75% e 7 puntos no caso de ter unha representación de entre o 50 e o 75%. f) Impacto ambiental que o sector provoca no medio: de 1 a 3 puntos de menor a maior impacto. g) Número de técnicos contratados: 1 punto por cada técnico ata un máximo de 4 puntos. Artigo 6º.-Criterios de valoración. 1. Obtida a puntuación mínima establecida no artigo anterior, valoraranse as solicitudes tendo en conta os seguintes criterios de graduación, de maior a menor importancia, ata un máximo de 23 puntos: 1º Accións que se van desenvolver por sectores de empresas de produción de bens ou servizos, extractivas, xeración eléctrica e as que produzan gases de efecto invernadoiro: 6 puntos). 2º Accións que contribúan directamente á substitución de materias primas ou elementos de produción por outras que teñan un menor impacto ambiental. (5 puntos). 3º Accións que contribúan a reducir as verteduras, efluentes e residuos: 4 puntos. 4º Accións de recuperación de espazos degradados por motivo da actividade das empresas: 3 puntos. 5º Accións de eficiencia enerxética e redución de consumos enerxéticos: 3 puntos. 6º Calidade e detalle na formulación do proxecto, obxectivos e metas propostas e idoneidade da documentación e información presentada: 2 puntos. Se o orzamento dispoñible non alcanzase para cubrir as solicitudes que superasen a puntuación mínima, propoñeranse para a súa aprobación aquelas empresas, por orde de prelación, que teñan maior puntuación, ata esgotar o orzamento dispoñible. No caso de empate, terase en conta a puntuación obtida segundo a orde establecida nos puntos anteriores. 2. Quedan excluídos desta axuda os contratos realizados cos titulares ou socios das empresas que constitúen a entidade beneficiaria. Capítulo III Competencia e procedemento Artigo 7º.-Competencia. 1. A competencia para a instrución dos procedementos tramitados ao amparo desta orde corresponderalle á Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental. 2. A competencia para a resolución das solicitudes de subvencións presentadas en virtude desta orde, corresponderalle ao director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Artigo 8º.-Solicitudes e prazo. 1. As solicitudes de subvencións dirixiranse á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible, e presentaranse no Rexistro Xeral desta consellería, nas súas delegacións provinciais, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. 2. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado do anexo I, xuntándolle a documentación prevista no artigo seguinte. O prazo de presentación das solicitudes será o que se fixe en cada convocatoria, sen prexuízo de que para o ano 2007 será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde. 3. De conformidade cos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade. 4. O modelo de solicitude e demais anexos da presente orde están dispoñibles na páxina web desta consellería no seguinte enderezo: http://medioambiente.xunta.es/formularios.jsp. 5. De conformidade co establecido no artigo 41.f) da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, as entidades sen fins de lucro están exentas de presentar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias co Estado, a Comunidade Autónoma e a Seguridade Social. Artigo 9º.-Documentación. As solicitudes deberán ir acompañadas de orixinal ou copia cotexada da documentación que se relaciona a seguir: a) Instancia da solicitude asinada e debidamente cuberta, segundo modelo do anexo I. b) Escrituras de constitución ou calquera outra documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade e poder do representante legal da entidade e última declaración do imposto de sociedades ou correspondente, dilixenciado pola Axencia Tributaria. c) CIF da entidade. d) DNI do representante legal da entidade e asinante da solicitude. e) Xustificación de non acharse incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, tal como se prevé no seu número 7, segundo o modelo establecido no anexo II. f) Certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta en que se farán efectivos os correspondentes pagamentos, segundo modelo establecido en anexo V. g) Memoria técnica descritiva da actuación do técnico que se vai contratar, que dará conta en detalle das actividades e obxectivos que se van desenvolver así como as funcións que realizará en relación coa categoría profesional, prevista no punto 4 do artigo 3º. h) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, incluíndo as resolucións correspondentes, de conformidade co modelo do anexo III desta orde. Artigo 10º.-Documentación complementaria. Ditada a resolución de concesión da subvención, o beneficiario presentará, no prazo dun mes desde a súa notificación, a seguinte documentación, mediante orixinal ou copia cotexada: a) Aceptación da axuda segundo o modelo establecido no anexo IV e coas condicións específicas da presente orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que renuncia á súa solicitude de axuda. b) DNI do técnico contratado e, cando proceda, certificación da súa condición de desempregado inscrito no Servizo Público de Emprego, así como dos períodos de inscrición como demandante de emprego. c) Acreditación mediante o correspondente certificado da formación do técnico ambiental contratado. d) Compromiso, por parte do técnico contratado, de asunción da memoria técnica e execución do programa, así como as posibles melloras que poidan propoñerse. e) Contrato de traballo e alta na Seguridade Social. Artigo 11º.-Tramitación. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xuntase a documentación exixida, a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, encargada da tramitación do expediente, requirirá o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou anexe os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, se entenderá desistida a súa petición, en virtude do preceptuado nos artigos 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e 23.5º da Lei 38/2003, xeral de subvencións, e ditarase resolución para tal efecto. Artigo 12º.-Comisión de valoración. 1. Para o estudo e selección das solicitudes de axudas constituirase unha comisión de valoración, presidida polo subdirector xeral de Avaliación Ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e composta polos seguintes membros: * O subdirector xeral de Tecnoloxía e Control Ambiental. * O subdirector xeral de Calidade Ambiental. * O xefe do Servizo de Prevención Ambiental. * O xefe do Servizo de Xestión e Intervención Ambiental, que tamén actuará como secretario. 2. Cando por calquera causa, no momento en que a comisión teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e, sempre que sexa posible, este nomeamento deberá recaer noutro funcionario da mesma subdirección xeral. 3. A Comisión de Valoración rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigo 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados. 4. A Comisión de Valoración, á vista da documentación presentada e dos criterios de valoración establecidos no artigo 6, emitirá un informe proposta que lle servirá de base ao director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para dictar a correspondente resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada. Artigo 13º.-Resolución. 1. As resolucións serán ditadas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e deberán ser notificadas aos interesados no prazo de dez días a partir da data en que o acto foi ditado, de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas. 2. Ao abeiro do disposto no artigo 78.8º do Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, por resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental publicaranse no DOG as subvencións concedidas e expresarase a convocatoria o programa e o crédito orzamentario ao cal se lle imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e finalidade da subvención. Cando non sexa necesaria a publicación no devandito diario oficial, segundo a precitada normativa, publicarase tal información no taboleiro de anuncios dos servizos centrais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. 3. O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude. 4. As resolucións que se diten neste procedemento poñen fin á vía administrativa e contra elas cabe interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada; ou recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, en virtude do disposto nas leis 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Artigo 14º.-Xustificación do pagamento. 1. O pagamento das axudas poderá realizarse mediante dous pagamentos parciais na anualidade correspondente, de conformidade co establecido no artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e coas garantías previstas no seuartigo 17 e concordantes do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Para a tramitación do pagamento en que se inclúa o mes de decembro, será necesario que os xustificantes se presenten antes do día 10 dese mes, no cal se substituirán a nómina e o resto de documentación correspondente a este mes, por unha certificación en que conste que o técnico contratado continúa en activo. 2. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación polos beneficiarios da seguinte documentación, orixinal ou copia cotexada: a) Memoria xustificativa das accións realizadas e obxectivos acadados no período certificado. b) Nóminas salariais así como dos boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) do técnico contratado, correspondentes ao período certificado. 3. En calquera caso, antes do pagamento, o peticionario tamén presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. 4. Logo da recepción procederase á revisión e valoración dos documentos xustificativos da execución, e se é o caso, da documentación adicional solicitada e realizarase o pertinente informe para a tramitación do pagamento. 5. O solicitante verase obrigado á comunicación de calquera das modificacións que foron tidas en conta para ditar a resolución de aprobación da subvención solicitada e, en especial, as relativas ao previsto no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. 6. Xustificación de que o pagamento foi realmente realizado, será válido para estes efectos o xustificante de transferencia bancaria. 7. Para a tramitación do pagamento final, remitiranse, nas mesmas condicións que o previsto nos casos anteriores, os documentos xustificativos do gasto correspondente ao último período. Capítulo IV Compatibilidades e obrigas Artigo 15º.-Compatibilidade das axudas e concorrencia. 1. A axuda contida nesta orde é compatible con outras subvencións ou axudas de calquera Administración pública, dentro dos límites establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, en que se sinala que o importe das axudas non poderá, en ningún caso, illada ou conxuntamente con outras, superar o custo da actividade que vaia desenvolver o beneficiario. 2. Os mencionados incentivos serán compatibles, de ser o caso, con axudas ao fomento do emprego e bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social, sempre que iso non comporte que o importe total recibido supere o custo real do contrato. Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios. Son obrigas dos beneficiarios das subvencións: a) Presentar unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, incluíndo as resolucións correspondentes. b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións que foron tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional. c) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Medioambiente e Desenvolvemento Sostible, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ao Consello de Contas, así como a obriga de facilitar información, tal como establece o artigo 78.8º j) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. d) Manter no cadro de persoal o técnico contratado, como mínimo, o tempo da contratación subvencionada, quedan obrigados a substituílo por un técnico de similares características (de igual nivel formativo e desempregado, entre outras) ata completar o período de contratación subvencionado (3 anos en cómputo global) e a manter as condicións de contratación previstas nesta orde, así como o previsto na resolución da axuda. Neste caso achegaríase a documentación correspondente á nova contratación realizada. e) Presentar no prazo dun mes a partir da fin do programa financiado: -Copias das nóminas salariais así como dos boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) do técnico contratado, correspondentes ao período subvencionado e que non foran entregadas con anterioridade. -Memoria xeral e comparativa da situación de comezo e final da actividade realizada ao longo do programa, logros obtidos e situación global do sector, así como propostas para unha maior eficiencia ambiental e propostas de corrección. Artigo 17º.-Modificación da resolución de concesión. Toda alteración das condicións que foron tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que dean lugar a que se supere o custo real da contratación, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación. Artigo 18º.-Revogación. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social. Artigo 19º.-Seguimento e control. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión. Artigo 20º.-Réxime de axudas. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Artigo 21º.-Crédito orzamentario. 1. As axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que, en cada un dos anos de vixencia desta orde, sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma. As convocatorias anuais rexeranse polas bases e condicións establecidas nesta orde e, se é o caso, pola normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto. Para tal efecto, cada ano realizarase unha convocatoria independente, con publicación no Diario Oficial de Galicia, que deberá conter os extremos indicados no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. 2. Para o exercicio do ano 2007 destinaranse 150.000 € do programa 541D da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, aplicación 15.03.541D.481.1 Axudas para a posta en marcha de programas de xestión ambiental e control de residuos do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.Para os anos 2008 e 2009 destinaranse 90.000 € e 75.000 €, respectivamente, con cargo á mesma aplicación orzamentaria. A devandita contía poderá incrementarse, logo da tramitación do oportuno expediente de modificación orzamentaria, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia da orde da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, sen que a devandita publicación, en ningún caso, supoña a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes. Esta orde de subvencións acóllese ao Regulamento (CE) nº 69/2001, da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE, ás axudas de minimis (DOCE L nº 10, do 13-1-2001), onde a axuda total de minimis concedida a calquera empresa non deberá exceder de 100.000 € nun período de 3 anos. Disposición adicional Deléganse no director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental as atribucións para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde. Disposicións finais Primeira.-En todo o non regulado nesta orde aplicarase de forma supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da comunidade Autónoma de Galicia. Segunda.-Facúltase o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde. Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2007. Manuel Vázquez Fernández Conselleiro de Medio Ambiente eDesenvolvemento Sostible
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AXUDAS E SUBVENCIÓNS

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
Or05062007.pdf Galego
Or05062007.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles