Diario Oficial de Galicia, 17-07-2006, Núm. 137, Páx. 11348
Orde do 5 de xullo de 2006 pola que se regulan as axudas en materia de conservación dos recursos naturais e o fomento de accións da poboación local para o desenvolvemento sustentable dos parques naturais.
Os parques naturais teñen como obxectivos prioritarios e fundamentais a conservación do patrimonio natural, o aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos naturais, o seu uso e gozo e a mellora da calidade de vida da poboación que os habita. O patrimonio natural dos parques naturais está constituído polos seus hábitats, a súa flora, a súa fauna e a súa paisaxe rural. A paisaxe rural galega, a súa distribución en mosaico, foi desde sempre depositaria dunha extraordinaria diversidade biolóxica pola presenza de ecotonos moi diferentes e contrastados. Neste contexto acentúase o carácter integrador e globalizador do medio, no que o labor da Administración autonómica, entre outros, é adoptar un enfoque preventivo na xestión ambiental, intentando harmonizar simultaneamente o fomento das actividades económicas sustentables coa conservación dos valores que se pretende protexer.
A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, prevé a posibilidade do establecemento dun réxime de axudas para a poboación residente no espazo natural protexido ou na súa área de influencia socioeconómica. Desta maneira, xunto coa creación dun instrumento xurídico regulador da conservación da natureza, posibilitouse a creación dun instrumento financeiro orientado ao fomento daquelas actividades ou accións que melloren e promocionen as zonas incluídas nos espazos naturais para o incremento da calidade de vida dos moradores.
A presente convocatoria faise de acordo co establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou a Lei de réxime financeiro e orzamentario desta comunidade autónoma e, como se dispón no seu artigo 78.8º a), baixo os principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.
Por outra parte, tamén se axusta aos preceptos do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Polo que atinxe á normativa comunitaria, a presente convocatoria é conforme co establecido no artigo 33 do Regulamento (CE) 1257/1999, da comisión, sobre a axuda ao desenvolvemento rural con cargo ao FEOGA; así como co Regulamento (CE) 1260/1999, do Consello, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estruturais.
En virtude de todo o exposto, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo 1º.- Obxecto das axudas.
1. A presente orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas no ámbito dos parques naturais encamiñadas á realización de accións que contribúan á protección e conservación dos recursos naturais, ao incremento de benestar dos habitantes dos parques naturais e ás súas áreas de influencia, a través de accións de apoio e fomento do desenvolvemento socioeconómico sustentable e á mellora da calidade de vida das poboacións locais.
2. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación, segundo o establecido no artigo 78.8º a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 2º.- Actividades subvencionables.
1. Son actividades obxecto das axudas reguladas pola presente orde as seguintes accións segundo a seguinte clasificación:
Grupo I: conservación e recuperación das paisaxes rurais e a biodiversidade:
I.1. Accións encamiñadas á conservación das poboacións de especies protexidas, defensa, restauración e mellora de hábitats.
I.2. Corrección de impactos ambientais e paisaxísticos. Eliminación de vertedoiros e entullos, obras de saneamento e depuración de augas residuais, accións de recuperación e restauración de áreas degradadas, etc.
I.3. Recuperación das paisaxes agrarias tradicionais e as súas infraestruturas asociadas. Limpezas e rozas de predios agrícolas; mantemento de sebes e valados; recuperación de pozas, regas e levadas, etc.
I.4. Recuperación de soutos, fragas e outras masas autóctonas arborizadas. Limpezas e rozas; tratamentos silvícolas e fitosanitarios, plantacións e reposicións, etc.
Grupo II: fomento do desenvolvemento sustentable e da mellora da calidade de vida:
II.1. Accións de mellora das explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais que se axusten aos contidos dos instrumentos de planificación e xestión do parque natural.
II.2. Mellora e mantemento das infraestruturas rurais. Limpeza e mellora de camiños e outras infraestruturas viarias, recuperación de fontes e mananciais, etc.
II.3. Mellora de vivendas e anexos con máis de quince anos de antigüidade. Mellora de cubertas, recuperación de muros e paredes exteriores, hórreos, cobertizos e palleiros, etc. Accións de recuperación de elementos de carácter arquitectónico civil, cultural e etnográfico. Nesta liña será subvencionable o acondicionamento exterior das vivendas rurais e a substitución de elementos ou materiais alleos á tipoloxía rural da zona.
II.4. Axudas á transformación e comercialización de produtos tradicionais da zona.
II.5. Fomento do emprego. Apoio ás iniciativas empresariais e outras dirixidas á posta en valor dos recursos endóxenos do territorio. Creación e posta en marcha de iniciativas de traballos ambientais, transformación de produtos e fomento do turismo compatibles cos instrumentos de planificación do parque natural.
Grupo III: fomento do uso público, promoción, educación e investigación:
III.1. Actividades de educación ambiental e edición de material pedagóxico.
III.2. Obras de restauración do patrimonio edificado: cruceiros, capelas, fornos, petos, etc.
III.3. Mellora de equipamentos e servizos turísticos.
III.4. Creación e mellora de infraestruturas de uso público tales como creación de rutas, áreas recreativas e zonas de esparexemento.
III.5. Acción de fomento e ordenación da riqueza cinexética.
III.6. Investigación, estudos, inventarios e publicacións.
III.7. Divulgación, difusión e promoción dos valores naturais e patrimoniais do espazo.
III.8. Accións encamiñadas á formación e ao fomento da sensibilización ambiental.
III.9. Intercambio de experiencias e colaboración.
2. Non se subvencionarán os gastos de adquisición de edificios e terreos, nin os gastos xerais de funcionamento ou equipamento dos solicitantes, senón os propios do desenvolvemento das actividades e actuacións obxecto das axudas.
3. Todas as accións, obras ou traballos deberán atoparse situadas dentro do perímetro do parque natural ou da zona de influencia socioeconómica, priorizaranse as accións que se realicen dentro do perímetro do parque sobre aquel outras que estean fóra.
Artigo 3º.- Contía das subvencións.
1. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible subvencionará os investimentos que se efectúen ata un máximo de 18.000 euros por proxecto e un proxecto por beneficiario.
2. O importe máximo subvencionable será do 75% do custo da obra ou acción.
3. O IVE non será subvencionable na medida na que sexa recuperable da Facenda pública. A porcentaxe definitiva da subvención fixarase de acordo cos criterios sinalados nos artigos 6º e 7º.
4. Os prezos máximos que se aplicarán para valorar as accións son os establecidos no anexo IV.
5. Ao abeiro do disposto no artigo 31.3º da Lei 38/2003, do 18 de novembro, xeral de subvencións, cando o gasto subvencionable supere os 30.000 A, no caso de obras, ou 12.000 A nos restantes supostos, o solicitante deberá achegar tres orzamentos.
Artigo 4º.- Beneficiarios.
1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde:
a) As persoas físicas que residan e/ou que sexan propietarios de terreos nalgunha das parroquias total ou parcialmente incluídas no parque natural; titulares, propietarios ou arrendatarios de explotacións agrarias, gandeiras ou forestais situadas dentro do parque natural. Tamén poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares dos dereitos referidos na zona de influencia socioeconómica, segundo as dispoñibilidades orzamentarias.
b) As comunidades de montes veciñais en man común situadas total ou parcialmente no parque natural, legalmente constituídas e inscritas no rexistro xeral existente para o efecto.
c) As asociacións con sede social ou, como mínimo, co 50% dos socios con residencia nalgún dos concellos onde se sitúe o parque natural, o que deberá xustificarse documentalmente.
d) As empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúe o parque natural, constituídas con anterioridade á publicación desta orde, priorizándose aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural.
2. Non poderán obter a condición de beneficiario das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Artigo 5º.- Presentación de solicitudes e documentación.
1. As solicitudes de subvención dirixiranse á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e presentaranse debidamente asinadas, no modelo que figura como anexo I, en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.
Xunto coa solicitude de subvención presentarase por duplicado a seguinte documentación (anexo II):
2.1. Para todo interesado:
a) Copia do DNI ou NIF, compulsada, do solicitante e, se procede, acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito, de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
b) Certificado de empadroamento.
c) Certificación bancaria orixinal.
d) Dúas copias do anteproxecto ou memoria técnica asinado polo técnico competente xustificativa das accións, que conterá como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, planos de situación e detalle, orzamento polo miúdo, calendario e prazo aproximado de execución.
e) Autorizacións ou permisos correspondentes para levar a cabo a intervención ou, polo menos, a súa solicitude.
f) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas.
2.2. Deberase achegar, ademais, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza do beneficiario:
a) Acreditación da titularidade dos predios ou certificación do titular para a súa dispoñibilidade.
b) No caso de arrendatarios, documento que acredite esta condición.
c) No caso de montes veciñais en man común, certificación do acordo da Asemblea Xeral conforme autoriza a Xunta Reitora para solicitar axudas e certificado do Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común de posuír os estatutos en regra, figurando a composición da Xunta Reitora actualizada.
d) No caso de asociacións, acordo da Xunta de Goberno ou figura similar para solicitar axudas á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, certificación de estar inscritos no Rexistro de Asociacións e certificación do concello ou documento semellante que acredite que máis do 50% dos socios residen nalgún dos concellos do parque natural.
e) No caso de empresas ou autónomos:
- Documento acreditativo que xustifique estar de alta no IAE, cando proceda. No caso que proceda, certificado do concello conforme realiza a súa actividade no parque natural correspondente.
- Acreditación de posuír a sede social nalgún municipio do parque natural correspondente.
f) No suposto de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varios copropietarios, deberá presentar:
- Acreditación da titularidade do terreo de cada propietario.
- Documento que acredite o consentimento de todos os copropietarios.
- Representación do solicitante para realizar a acción obxecto da subvención.
g) Se a construción está catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio, deberán presentar autorización por parte desa dirección xeral da dispoñibilidade para realizar as obras solicitadas.
3. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá requirir motivadamente consonte prevé o artigo 54 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, calquera documentación aclaratoria necesaria en relación coas subvencións que se van outorgar, que considere conveniente.
4. Consonte co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de RXAP e PAC, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados, requirirase ao interesado que nun prazo de 10 días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.
5. A presentación da solicitude de concesión da axuda ou subvención polo interesado segundo o artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras. A dita comprobación efectuarase tanto antes de ditar a resolución de concesión como na tramitación do pagamento.
Artigo 6º.- Criterios xerais de valoración.
1. Os criterios de avaliación e baremación de proxectos serán os seguintes:
Criterios de avaliación das actividades subvencionables // Puntos
1. Ben en función do interese xeral e social do proxecto ou actividade, ben segundo os beneficios ambientais que poidan obterse ou o número de beneficiarios receptores da axuda ou do nivel de sustentabilidade e mellora da calidade de vida que se vai acadar coas accións propostas // Ata 15 puntos
2. Consonte cos obxectivos sinalados para cada un dos grupos de actividades subvencionables // Grupo I // Ata 30 puntos
Grupo II // Ata 20 puntos
Grupo III // Ata 10 puntos
3. Consonte co ámbito territorial de aplicación, se a acción proposta está // Dentro do territorio do parque natural // 15 puntos
Fóra do parque natural pero no ámbito xeográfico de parroquias con territorio incluído total ou parcialmente no parque natural // 10 puntos
4. Consonte coa residencia ou titularidade dos terreos // Se o solicitante é residente ou propietario de terreos dentro do parque natural // 15 puntos
Se o solicitante é residente nalgunha das parroquias con territorio incluído total ou parcialmente no parque natural // 10 puntos
2. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza, logo da valoración da Xunta Consultiva do parque natural, emitirán un informe no que se determine o alcance e contido das repercusións ambientais da acción ou proxecto, a complementariedade e integración do proxecto ou actuación solicitada, coas previstas no Plan de Ordenación dos Parques Naturais, da incidencia no desenvolvemento sustentable do parque natural e a súa contorna e das accións realizadas na zona de influencia socioeconómica. Neste informe valorarase especialmente a incidencia das accións nos hábitats, na flora e na fauna, a repercusión sobre o emprego na contorna do parque natural e no fomento do turismo sustentable.
Artigo 7º.- Baremación.
1. As axudas solicitadas serán baremadas segundo os criterios xerais de valoración establecidos no artigo 6º desta orde e unicamente se terán en conta aquelas que acaden unha puntuación igual ou superior a 35 puntos.
2. A puntuación máxima que poderán acadar os solicitantes da axuda é de 75 puntos. Os puntos acadados na baremación transformaranse nunha porcentaxe equivalente ao correspondente da subvención.
3. A dispoñibilidade orzamentaria asignada a esta convocatoria limitará o número de expedientes que se van aprobar. Neste senso, ordenaranse os investimentos solicitados de acordo cos criterios do baremo indicado, aprobándose estes investimentos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento.
4. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza, tras a consulta previa ao órgano correspondente da Xunta Consultiva do parque, procederán a avaliar e propoñer unha baremación das solicitudes presentadas en cada parque natural.
5. Unha vez recibidos estes informes na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, procederase á súa baremación definitiva por unha comisión de valoración composta polo director xeral de Conservación da Natureza, que a presidirá, actuando como vogais o subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade e o xefe do Servizo de Conservación de Espazos Naturais que, ademais, fará de secretario.
Artigo 8º.- Distribución do crédito.
1. A distribución do crédito dispoñible realizarase entre os distintos parques naturais da comunidade, segundo criterios de superficie e poboación residente e, nun segundo termo, segundo a poboación da área de influencia.
2. Se nalgún dos parques non se esgotase o crédito, este será repartido entre os outros parques.
Artigo 9º.- Inspección previa.
En todas as solicitudes consideradas subvencionables, o persoal técnico do Servizo Provincial de Conservación da Natureza realizará unha inspección previa, na que se observará se a acción ou p proxecto se axustan á realidade física e económica.
Artigo 10º.- Resolución das solicitudes de axudas.
1. As solicitudes das axudas serán resoltas polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
2. O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezarán a contar desde o mesmo día da publicación da convocatoria. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente de acordo co disposto no artigo 42.1º do mencionado texto legal.
3. A resolución que se dite poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose; ou ben impugnar directamente o acto ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses.
4. Na resolución de concesión da subvención, o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá formular directrices previamente determinadas ou establecer condicións para a execución dos investimentos, con motivo dun mellor cumprimento do fin da subvención e da adecuación aos obxectivos de conservación do espazo natural.
5. Para os efectos do disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 28 de novembro, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achegue valor engadido ao seu contido.
Artigo 11º.- Aceptación.
O beneficiario, dentro dos dez días seguintes á notificación da resolución de concesión, deberalle notificar, a súa vez, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a aceptación da subvención concedida nos termos sinalados na resolución (anexo III). Se así non o fixese no indicado prazo entenderase que renuncia a esta.
Artigo 12º.- Publicidade.
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza publicará, no taboleiro de anuncios dos servizos centrais da consellería, a relación que conteña os extremos indicados no artigo 78.8º do Decreto lexislativo 1/1999. Ademais, esta dirección xeral procederá a publicar no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas que, individualmente consideradas, superen os tres mil euros.
Artigo 13º.- Requisitos.
1. As obras obxecto de subvención deberán axustarse á lexislación vixente, e en particular aos instrumentos de planificación e xestión dos parques naturais en cuestión. Neste mesmo senso, o interesado deberá contar no momento do inicio coas licenzas e autorizacións preceptivas.
2. A finalidade ou función da actividade ou obra deberá manterse durante un prazo mínimo de 10 anos, cando proceda.
3. Os investimentos obxecto de subvención de carácter anual deberán realizarse no prazo que se indique na resolución da adxudicación. Excepcionalmente, o director xeral de Conservación da Natureza poderá conceder, por delegación do conselleiro, unha prórroga que non poderá exceder da metade do prazo concedido, de conformidade co disposto no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4. Os beneficiarios deberán colocar no lugar onde se realicen as obras, un cartel ou placa resistente á intemperie, que indique que a obra se está a levar a cabo cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e que se atopa cofinanciada pola Unión Europea, cos respectivos anagramas conforme o anexo V.
O cartel será por conta do beneficiario e, unha vez rematada a obra, deberá permanecer en lugar visible por un prazo non inferior a un ano.
5. De acordo co disposto nos artigos 37, 38 e 39 do Regulamento 1257/1999, de 17 de maio, do consello, as axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra destinada aos mesmos fins, sempre que o total das subvencións non superen o custo total do investimento solicitado. Na concesión destas axudas respectaranse os límites máximos declarados pola Unión Europea en sectores específicos.
Artigo 14º.- Xustificación do gasto e aboamento.
1. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza deberán certificar, na inspección final, que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada.
2. No momento da xustificación da execución total ou parcial do proxecto, con anterioridade ao pagamento, o beneficiario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.
3. A xustificación dos investimentos obxecto de axuda deberase realizar mediante facturas orixinais ou mediante calquera dos medios previstos no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, non admitíndose como xustificación certificacións das accións realizadas polos propios beneficiarios agás as recollidas no anexo IV desta orde.
Ademais, o beneficiario haberá de achegar xustificación, xunto coa acreditación do investimento, do pagamento efectivo dos gastos nos que incorreu, a través de copia da transferencia bancaria, extracto da conta corrente a través da que se realizou o pagamento, ou documento probatorio de valor equivalente.
Artigo 15º.- Pagamento das subvencións.
1. A tramitación do pagamento das axudas realizarase tras a inspección previa do persoal técnico dos servizos provinciais de Conservación da Natureza e emisión da certificación correspondente, unha vez cumpridos todos os requisitos establecidos na presente orde.
2. Poderanse realizar pagamentos parciais, de acordo co previsto no artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.
Artigo 16º.- Control.
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá realizar as actuacións de inspección e control necesarias para garantir o cumprimento do establecido na presente orde, así como a comprobación dos investimentos realizados, podendo requirirse aos beneficiarios toda a documentación e información que lles sexa solicitada en cada momento relativa á actividade obxecto da subvención concedida.
Artigo 17º.- Revogación.
1. Son causas de revogación:
a) O destino das axudas concedidas a unha finalidade diferente daquela para a que foron concedidas, logo da súa comprobación.
b) A non-realización da obra ou traballos obxecto da subvención.
c) A non-presentación ou presentación fóra de prazo, de calquera documentación requirida en calquera momento da tramitación.
d) A existencia de modificacións das accións previstas de forma que desvirtúen os obxectivos descritos na presente orde.
e) A ocultación, manipulación, falseamento de datos ou entorpecemento de forma deliberada ao labor de inspección e control.
f) A perda da titularidade dos terreos ou a perda de personalidade xurídica das empresas ou asociacións, se o novo titular non se subrogase expresamente.
g) O incumprimento polo beneficiario de calquera das condicións establecidas tanto nesta orde como no resto da normativa aplicable.
h) O incumprimento de calquera dos prazos establecidos na presente orde.
i) O incumprimento de calquera das disposicións legais vixentes.
2. O incumprimento total ou parcial das obrigas asumidas polo beneficiario levará consigo o reintegro, total ou parcial, do importe recibido, xunto cos xuros de demora, ao abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Artigo 18º.- Obriga de facilitar información.
Ademais da documentación complementaria que os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza lles poidan exixir durante a tramitación do procedemento, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde, teñen a obriga conforme o artigo 78.11º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.
Artigo 19º.- Aplicacións orzamentarias.
1. As axudas reguladas na presente orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 15.02.342-A 770.0 e 15.02.342-A 780.0 -axudas para medidas compensatorias no contorno dos espazos naturais protexidos- dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, cunha dotación inicial de 339.000 A para o ano 2006 e 1.125.000 A para o ano 2007, distribuídos segundo a seguinte táboa:
Ano // A na aplicación 15.02.342-A 770.0 // A na aplicación 15.02.342-A 780.0 // Total
2006 // 188.000 A // 665.000 A // 853.000 A
2007 // 151.000 A // 460.000 A // 611.000 A
Total // 339.000 A // 1.125.000 A // 1.464.000 A
2. Estas dotacións orzamentarias poderán incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións. A presente orde de axudas cofinánciase con cargo ao Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agraria, sección Orientación.
3. No caso de que as axudas se concedan para máis dun exercicio orzamentario, o prazo para a finalización e xustificación das actuacións será o indicado na resolución da concesión.
Disposicións derradeiras
Primeira.- Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións complementarias precisas para o desenvolvemento e cumprimento do establecido na presente orde.
Segunda.- A presente orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2006.
Manuel Vázquez Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
ANEXO IV - Prezos que se aplicarán para valorar as accións, equipamentos ou subministracións:
Roza manual de terreos: 1.000 A por hectárea.
Roza con maquinaria: 360 A por hectárea.
Buratos manuais para plantacións: 0,90 A por burato.
Estes prezos establecen o tope máximo na aplicación polos propios beneficiarios das subvencións.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Orde
Clasificación
ESPAZOS NATURAIS E PATRIMONIO FORESTAL
PROTECCIÓN DA FAUNA E DA FLORA
AXUDAS E SUBVENCIÓNS