Orde do 25 de abril de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento de técnicas de produción agraria respectuosas co ambiente a través de programas de defensa sanitaria dos cultivos, agrupacións para tratamentos integrados en agricultura (Atrias), técnicas de produción integrada e técnicas de agricultura ecolóxica, e se convocan para o ano 2007

Diario Oficial de Galicia, 09-05-2007, Núm. 89, Páx. 7465
Orde do 25 de abril de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento de técnicas de produción agraria respectuosas co ambiente a través de programas de defensa sanitaria dos cultivos, agrupacións para tratamentos integrados en agricultura (Atrias), técnicas de produción integrada e técnicas de agricultura ecolóxica, e se convocan para o ano 2007. O Regulamento (CE)1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural é o cadro normativo previsto para as axudas ao desenvolvemento rural para o período 2007-2013. Esta normativa en Galicia asemade estará delimitada polo Marco Nacional de Desenvolvemento Rural 2007-2013, (na actualidade en fase de borrador), así como o Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia ( PDR de Galicia). Dentro do eixo primeiro (aumento da competitividade do sector agrícola e forestal) do devandito regulamento, establécese como unha das medidas subvencionables a implantación de servizos de xestión, substitución e asesoramento das explotacións agrícolas. O sistema de recoñecemento destas novas entidades aínda non atinxiu rango normativo, polo que en canto este non se determina, cómpre seguir apoiando a implantación dos técnicos que asesoran os agricultores, xa sexa a través dos programas de defensa sanitaria (ADV), as agrupacións para o tratamento integrado na agricultura (Atrias) ou ben aqueles outros que apoian o desenvolvemento e a implantación das técnicas de produción integrada ou ecolóxica. A través das axudas a estes grupos de agricultores búscase acadar a redución de custos de produción e a mellora da súa eficacia, promovendo unha agricultura sustentable para conseguir mellores produtos, máis rendibles para os agricultores e cun menor impacto ambiental. Asemade, cómpre apoiar os agricultores que están a reconverter as súas explotacións á agricultura ecolóxica aínda que non acadasen o título de produtores por estaren nun período de transición. Por outra banda o Regulamento (CE) nº 1320/2006, permite un réxime transitorio da implantación das axudas co fin de non paralizar os programas de desenvolvemento rural xa en marcha, desenvolvidos ata o de agora a través das medidas 7.8.1.5 e 7.8.1.7 do Programa operativo integrado 2000-2006. Por tanto, os fondos para a aplicación deste programas proceden do FEOGA-Orientación que financia o 75% destas axudas. Asemade tamén se terá en conta a normativa estatal de axudas ás Atrias que se estableceron na Orde do 26 de xullo de 1983 e que despois modificou a Orde do 17 de novembro de 1989. En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, DISPOÑO: Artigo 1º.- Obxecto. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2007 das seguintes líñas de axudas para: 1. Programas de defensa sanitaria dos cultivos (ADV). 2.Agrupacións para tratamentos integrados en agricultura (Atrias). 3. Técnicas de produción integrada (PI). 4. Técnicas de agricultura ecolóxica (AE). 5. Adaptación á agricultura ecolóxica. Sección primeira Bases reguladoras das axudas Capítulo I Disposicións xerais Artigo 2º.- Obxecto. Esta sección ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras das axudas para os diferentes programas de desenvolvemento de técnicas de produción agraria respectuosas co ambiente que se especifican no artigo 1º desta orde. Artigo 3º.- Beneficiarios e principios de concesión. 1. Poderá acollerse a estas axudas, con carácter xeral, calquera entidade vinculada ao sector agrario galego que cumpra os requisitos xerais e específicos detallados nesta orde para cada liña de axudas. 2. As axudas e subvencións reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e, en todo caso, con suxeición aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, e estarán supeditadas á existencia de crédito adecuado e suficiente nas correspondentes partidas orzamentarias. 3. Se un socio pertencese a varias entidades subvencionadas, soamente poderá acollerse ao programa realizado por unha delas. Nestes casos, as agrupacións farán constar tal circunstancia, para o cal presentarán por escrito a conformidade do devandito socio co programa a que se acolle. En caso contrario, excluirase de todos os programas a que fose acollido. Capítulo II Disposicións especiais 1. Programas de defensa sanitaria dos cultivos (ADV) Artigo 4º.- Obxecto. O obxecto dos programas de defensa sanitaria dos cultivos é o control fitopatolóxico dos cultivos agrícolas, a través de entidades de carácter agrario formalmente constituídas, mediante programas técnicos ben definidos, de xeito que exista certa periodicidade no uso de métodos de control fitobiolóxico e que, ademais, se recorra ao emprego racional de produtos químicos, usándoos só naqueles casos en que sexa a única forma eficaz de erradicar ou manter os axentes nocivos nuns límites tolerables, empregando métodos de control integrado de pragas. Artigo 5º.- Beneficiarios. Poderán ser beneficiarios destes programas as asociacións ou agrupacións de agricultores e as súas federacións recoñecidas oficialmente, as entidades relacionadas coa agricultura formalmente constituídas, así como outras entidades sen ánimo de lucro. O número mínimo de agricultores para poder solicitar as axudas é de 10. Artigo 6º.- Clase e contía das axudas. As axudas previstas nesta sección consistirán en: 1. Axudas á contratación dos servizos técnicos dun enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola encargado da redacción e seguimento dun programa anual fitopatolóxico: ata 9.000 euros por asociación para ambos os servizos dependendo das características técnicas do programa, duración, dificultades para o seu seguimento e o seu grao de cumprimento. Excepcionalmente, e no caso de proximidade xeográfica das entidades solicitantes e en función da capacidade do técnico que fai o seguimento, un mesmo profesional poderá levar dous programas, sempre que a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria coide que estes se poderán desenvolver integramente de acordo coas memorias presentadas. Neste caso, a suma das axudas previstas nos programas, redactados e dirixidos por un só técnico, non poderá superar a cantidade de 12.600 euros que se aboarán ao 50% entre ambas as dúas entidades. 2. Para demostracións e ensaios con medios culturais e biolóxicos de control dos organismos nocivos dos cultivos: 2.1. Adquisición de trampas e feromonas para o seguimento e confección de curvas de voos de insectos que permitan prever o posible grao de ataque e o momento óptimo de control das pragas con produtos fitosanitarios, se son necesarios: ata o 70% do investimento. Máximo subvencionable por ha ao aire libre 90,15 euros e por ha de invernadoiro 180,30 euros. 2.2. Adquisición de equipamento de protección humana para a divulgación de boas practicas de seguranza no traballo durante a realización de tratamentos fitosanitarios ata o 35% do investimento. O máximo subvencionable é 50 euros por agricultor participante 2.3. Adquisición de organismos vivos, dos seus subprodutos e produtos biorracionais para a aplicación de técnicas de control biotecnolóxico: ata o 70% do investimento. Máximo subvencionable por ha ao aire libre 90,15 euros e por ha de invernadoiro 180,30 euros. 3. Para o desenvolvemento de programas piloto de técnicas innovadoras de control fitopatolóxico para a redución de tratamentos fitosanitarios en interese xeral do sector, para combater os organismos nocivos: ata o 70% do investimento. En todo caso, a contía da axuda por este concepto poderá chegar ata 128,79 € por ha ao aire libre, que poderá incrementarse ata 257,58 €/ha no caso de cultivos baixo cuberta ata un máximo de 5 ha ao aire libre e 3 ha baixo abrigo (pódense pedir as dúas). 4. Ensaios, demostracións, estudos de campo ou laboratorio: subvención de ata o 75% do proxecto, para un máximo de 2 proxectos a razón de 16.000 euros por cada un deles. Artigo 7º.-Compromisos dos beneficiarios. Os beneficiarios das axudas de programas de defensa sanitaria dos cultivos deberán cumprir os seguintes compromisos: 1. Informar, visitar as explotacións participantes e comprobar as actuacións ou resultados en calquera fase de execución do programa, a requerimento da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. O informe da visita será asinado conxuntamente polos técnicos da entidade agraria e do Servizo Técnico Agrario Provincial ao seu remate. 2. Manter informado o Servizo Técnico Agrario Provincial das variacións do calendario de actividades que vaia desenvolver e doutras variacións que poidan xurdir respecto ao programa inicialmente aprobado. 2. Programas de control integrado dos patóxenos dos cultivos a través de agrupacións para tratamentos integrados na agricultura (Atria) Artigo 8º.- Obxecto. O obxecto destes programas de axuda é o de fomentar o control integrado contra as pragas e enfermidades mediante a constitución de asociacións para tratamentos integrados en agricultura (Atria) que teñan por finalidade aplicar nun cultivo ou grupo de cultivos asociados, en razón das rotacións anuais da zona, as técnicas de loita integrada. As actuacións para a aplicación das técnicas de loita integrada oriéntanse a estudar a fenoloxía do cultivo, a bioecoloxía das pragas e fauna útil, os métodos de tratamento máis rendibles e menos lesivos para o ecosistema e o axuste de limiares económicos de tolerancia das pragas e enfermidades. Artigo 9º.- Beneficiarios. Poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións para tratamentos integrados en agricultura (Atria) que reúnan os seguintes requisitos: 1. Constituírse como unha entidade con personalidade xurídica que poida ter capacidade de contratación. 2. Constituírse cun número mínimo de 10 agricultores, que integran unha superficie mínima suficiente para a mellor eficacia das técnicas de loita que van aplicar, e para que resulte económico o mantemento do técnico e demais equipamento utilizado pola asociación. 3. Os agricultores afectados subscribirán un regulamento de réxime interno no cal se exprese a aceptación das condicións que se establecen para cada cultivo ou grupo de cultivos asociados, e a súa decisión de constituírense nunha Atria. Así mesmo, indicaranse as superficies de cultivo proporcionadas por cada un dos membros, xunto co ámbito de actuación sinalado por escrito e un mapa que delimite as zonas. 4. Constituír unha xunta xestora que rexerá a Atria, formada, como mínimo, por un presidente un secretario e un tesoureiro. 5. Elaborar un programa técnico quinquenal, de acordo coas directrices establecidas pola Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, concretando o ámbito de actuación, os cultivos afectados e as distintas actuacións que se levarán a cabo. 6. Subscribir un contrato laboral a tempo total co técnico que dirixirá a loita contra as pragas nos cultivos que agrupa a Atria. O técnico deberá estar en posesión do título de enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola. Artigo 10º.- Clase e contía das axudas. As axudas consistirán: 1. Nunha subvención destinada ao pagamento dos soldos dos técnicos contratados polas agrupacións para elaborar e dirixir o programa de control integrado dos cultivos, de ata 10.818,22 euros por Atria. Esta axuda poderá complementarse ata chegar ao 70% do custo do contrato por Atria naqueles casos en que estea xustificado, ben pola pequena superficie da explotación individual polo excesivo número de parcelas dos propietarios, ben pola insuficiencia de recursos das agrupacións a consecuencia da estrutura produtiva do sector. O máximo subvencionable será de 25.000 euros. 2. Nunha subvención daquelas técnicas de control que poidan fornecer unha innovación e mellora nas técnicas de loita integrada contra os organismos nocivos dos cultivos do programa, que poderá atinxir un máximo de 751,27 euros por agrupación. 3. Técnicas de produción integrada (PI) Artigo 11º.- Obxecto. O obxecto desta liña de axuda é promover as actuacións produtivas coa utilización de técnicas de produción integrada que supoñan un maior compromiso ambiental e permitan compatibilizar a rendibilidade económica coa protección do ambiente, a calidade das producións e a seguranza alimentaria. Artigo 12º.- Beneficiarios. Poderán ser beneficiarios destas axudas: 1. As agrupacións de produción integrada (Apria) que cumpran os mínimos establecidos pola normativa estatal e autonómica sobre produción integrada e recoñecidas como tales pola Administración de acordo coa Orde do 30 de maio de 2005 (DOG nº 117, do 20 de xuño). 2. As entidades agrarias que por si soas poidan asumir os compromisos a que se refire o artigo 14º e contar co numero mínimo de hectáreas para o cultivo de que se trate e que estean fixadas nos correspondentes regulamentos técnicos. Artigo 13º.- Clase e contía das axudas. As axudas consistirán en: 1. Certificación por entidade de control e certificación: ata o 50% dos custos. 2. Para asesoramento e divulgación dos medios culturais e biolóxicos de control dos organismos nocivos dos cultivos: 2.1. Adquisición de trampas e feromonas para o seguimento e confección de curvas de voos de insectos que permitan prever o posible grao de ataque e o momento óptimo de control das pragas con produtos fitosanitarios, se son necesarios: ata o 70% do investimento. O máximo subvencionable por ha ao aire libre é de 90,15 euros por ha de invernadoiro 180,30 euros. 2.2. Adquisición de equipamento de protección humana para a divulgación de técnicas de protección para a realización de tratamentos fitosanitarios: ata o 35% do investimento. Maximo subvencionable, 50 euros por agricultor participante. 2.3. Adquisición de organismos vivos, dos seus subprodutos e produtos biorracionais para a aplicación de técnicas de control biotecnolóxico: ata o 70% do investimento. Máximo subvencionable por ha ao aire libre 90,15 euros e por ha de invernadoiro 180,30 euros. 3. Para o desenvolvemento de programas piloto de técnicas innovadoras de control fitopatolóxico para a redución de tratamentos fitosanitarios en interese xeral do sector, para combater os organismos nocivos: ata o 70% do investimento. En todo caso a contía da axuda por este concepto poderá chegar ata 128,79 € por ha ao aire libre, que poderá incrementarse ata 257,58 €/ha no caso de cultivos baixo cuberta ata un máximo de 5 ha ao aire libre e 3 ha baixo cuberta (pódense pedir as dúas). 4. No caso de asistencia técnica, o investimento máximo subvencionable para a contratación dun enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola é de 25.000 euros e ata un máximo de 70% de subvención, no caso de que a contratación signifique un compromiso de máis de tres anos, e o 50% cando teña caracter eventual ou de temporada. Asemade, cando a contratación se realice a través dunha empresa de servizos o importe será tamén do 50%. 5. Ensaios, demostracións, estudos de campo ou laboratorio: subvención de ata o 75% do proxecto, para un máximo de 2 proxectos a razón de 16.000 euros por cada un deles. Artigo 14º.- Compromisos dos beneficiarios. Os beneficiarios destas axudas deberán cumprir os seguintes compromisos: 1. Inscribirse no rexistro oficial de produción integrada da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria establecido para tal efecto, cumprindo ademais con todos os requisitos e normas técnicas especificados para a produción integrada do sector de que se trate. 2. Contar coa asistencia técnica adecuada e suficiente. 3. Comprometerse a manter os procesos produtivos un mínimo de 5 anos. 4. Técnicas de agricultura ecolóxica (AE) Artigo 15º.- Obxecto. O obxecto desta axuda é incentivar a produción ecolóxica como o sistema produtivo de máximo nivel de exixencia nos compromisos ambientais e maior repercusión na calidade e salubridade das producións. Artigo 16º.- Beneficiarios. Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de produtores formalmente constituídas, compostas por un mínimo de 6 produtores inscritos no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (en diante Craega). Artigo 17º.- Clase e contía das axudas. As axudas consistirán en: 1. Axudas aos custos de certificación da calidade efectuados por entidade de control e certificación: ata o 50% dos custos. 2. Para asesoramento e divulgación dos medios culturais e biolóxicos de control dos organismos nocivos dos cultivos: 2.1. Adquisición de trampas e feromonas para o seguimento e confección de curvas de voos de insectos que permitan prever o posible grao de ataque e o momento óptimo de control das pragas coas técnicas admitidas en agricultura ecolóxica: ata o 70% do investimento. Máximo subvencionable por ha ao aire libre 90,15 euros e por ha de invernadoiro 180,30 euros. 2.2. Adquisición de equipamento de protección humana para a divulgación de técnicas de protección: ata o 35% do investimento. Máximo subvencionable 50 euros por agricultor participante. 2.3. Adquisición de organismos vivos, dos seus subprodutos e produtos biorracionais admitidos en agricultura ecolóxica: ata o 70% do investimento. Máximo subvencionable por ha ao aire libre 90,15 euros e por ha de invernadoiro 180,30 euros. 3. Para o desenvolvemento de programas piloto de técnicas ecolóxicas innovadoras de control fitopatolóxico de interese xeral do sector, para combater os organismos nocivos: ata o 70% do investimento. En todo caso a contía da axuda por este concepto poderá chegar ata 128,79 €/ha, que poderá incrementarse ata 257,58 €/ha no caso de cultivos baixo cuberta ata un máximo de 5 ha ao aire libre e 3 ha baixo cuberta (pódense solicitar as dúas). 4. No caso de asistencia técnica, o investimento máximo subvencionable para a contratación dun enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola é de 25.000 euros e ata un máximo de 70%, no caso de que a contratación signifique un compromiso de máis de tres anos e o 50% cando teña carácter eventual ou de temporada. Asemade, cando a contratación se realice a través dunha empresa de servizos, o importe será tamén do 50% . 5. Campos de ensaio para a divulgación e asesoramento en técnicas de agricultura ecolóxica, demostracións e posta a punto de técnicas ecolóxicas de control de pragas e a súa difusión entre os agricultores: ata o 75% dos custos, cun máximo de 16.000 euros por proxecto e máximo de dous proxectos. Artigo 18º.- Compromisos dos beneficiarios. Os beneficiarios destas axudas deberán cumprir os seguintes compromisos. 1. Cumprir con todos os requisitos e compromisos establecidos no Regulamento 2092/1991, do Consello, do 24 de xuño, sobre produción agrícola ecolóxica, e disposicións complementarias. 2. Contar con asistencia técnica adecuada e suficiente ou ben solicitar a súa contratación. 3. Garantir a comercialización das producións con etiquetaxe de agricultura ecolóxica. 4. Comprometerse ao mantemento dos procesos produtivos un mínimo de 5 anos. Artigo 19º.- Documentación complementaria. Ademais da documentación a que se refire o artigo 25º.2 desta orde, á solicitude de axuda xuntarase: - Certificado de inscrición no rexistro oficial do Craega, especificando os cultivos e parcelas. - Certificado de cumprimento do programa segundo o Regulamento 2092/1991 expedido polo Craega. 5. Adaptación á agricultura ecolóxica. Artigo 20º.-Obxecto. Esta liña de axudas ten por obxecto o apoio a aqueles grupos de agricultores que para poderen desenvolver unha actividade de agricultura ecolóxica teñen solicitaron a súa inscrición no Craega, pero non obtiveron aínda o seu recoñecemento como tales por precisaren as súas parcelas un período de transición despois de ter practicado nelas técnicas de agricultura convencional. Artigo 21º.-Beneficiarios. Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de produtores formalmente constituídas, compostas por un mínimo de 6 produtores que solicitasen a súa inscrición no Craega. Artigo 22º.- Clase e contía das axudas. A axuda consistirán en: 1. Unha subvención á contratación dunha asistencia técnica, dun enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola. O investimento máximo subvencionable para a contratación é de 25.000 euros e ata un máximo do 70%, no caso de que a contratación signifique un compromiso de máis de tres anos e o 50% cando teña carácter eventual ou de temporada. Asemade, cando a contratación se realice a través dunha empresa de servizos, o importe será tamén do 50%. 2. Campos de ensaio para a divulgación e asesoramento en técnicas de agricultura ecolóxica, demostracións e posta a punto de técnicas ecolóxicas de control de pragas e a súa difusión entre os agricultores: ata o 75% dos custos, cun máximo de 8.000 euros por proxecto e máximo de dous proxectos. Artigo 23º.- Compromisos dos beneficiarios. 1. Manter a actividade produtiva ata obter o recoñecemento do Craega como produtores de agricultura ecolóxica. 2. Contar con asistencia técnica adecuada. Artigo 24º.- Documentación complementaria. Xunto coa solicitude de axuda debe presentarse a solicitude de inscrición no Craega dos produtores acollidos á axuda. Capítulo III Tramitación e resolución Artigo 25º.- Solicitudes e documentación complementaria. 1. Os interesados en acceder ás axudas previstas nesta orde deberán presentar unha solicitude axustada ao modelo do anexo I, á cal xuntarán debidamente cubertos os anexos II e III. 2. Ademais da documentación complementaria que se sinala para cada tipo de programa agrario, a solicitude irá acompañada da seguinte documentación: a) Memoria técnica con clara especificación do programa de actuación que se pretenda desenvolver, obxectivos, orzamento pormenorizado e prazo de execución e unha memoria xustificativa que conteña o número de explotacións e superficie de cada un dos cultivos a que se vaia dar servizo, así como xustificación das horas que cada tarefa implica por unidade de superficie e/ou explotación, de xeito que se poida concluír a necesidade total da contratación. Neste programa especificarase por separado cada un dos conceptos polos cales se solicita axuda e a súa xustificación. b) Copia da tarxeta de identificación fiscal ou DNI e da acta de constitución da entidade, así como as súas normas de funcionamento. c) Certificado orixinal da conta bancaria. d) Certificación do secretario da agrupación que recolla a totalidade dos seus socios e unha relación nominal dos socios acollidos ao programa co seu DNI. Esta mesma información se subministrará nun soporte dixital. e) Relación de técnicos e outro persoal contratado responsable da execución do programa. Deberase acreditar a formación axeitada para o fin demandado dos técnicos propostos polo solicitante, e será valorada polos servizos técnicos agrarios provinciais previamente á aprobación da axuda. f) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas. g) Documentación acreditativa de non ter pendente de pagamento ningunha débeda por calquera concepto coa Administración da Comunidade Autónoma, así como de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social. Non obstante, a presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria e aos servizos técnicos agrarios das delegacións provinciais para pedir as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellaría de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. h) Cando o importe do investimento subvencionable supere os 12.000 euros para fornecemento en bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica o beneficiario deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben ou a adquisición do compromiso para a prestación do servizo, ágas nos casos en que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Artigo 26º.- Tramitación e resolución. O órgano de instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción, Industrias, e Calidade agroalimentaria. Por proposta desta dirección xeral, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado presidido polo subdirector xeral de Produción Agraria Sustentable e Fomento Asociativo e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, o conselleiro do Medio Rural, resolverá sobre as solicitudes presentadas, no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen se ditar e notificar a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo. Artigo 27º.- Criterios de selección. Para a avaliación das solicitudes presentadas empregaranse os seguintes criterios xerais de selección: 1. Número de agricultores implicados no programa: por cada 10 agricultores 1 punto ata un máximo de 5 puntos. 2. Tipo ou modalidade do programa: ata 3 puntos. -Por solicitar axuda para asistencia técnica: 1 punto. -Por accións de apoio técnico: 1 punto. -Por solicitar axudas para custos de certificación: 1 punto. 3. Entidades agrarias con explotacións sitas maioritariamente en zonas de montaña, desfavorecidas ou Rede Natura: ata 3 puntos. 4. Entidades agrarias que engloben explotacións cualificadas maioritariamente como prioritarias: ata 2 puntos. 5. Aplicación de técnicas de respecto ambiental: -Programas de defensa sanitaria (ADV): 3 puntos. -Agrupacións de tratamento integrado (Atrias): 5 puntos. -Técnicas de produción integrada (PI): 7 puntos. -Técnicas de agricultura ecolóxica ou adaptación (AE): 10 puntos 6. Polas características do técnico contratado: -Maior de 25 anos e que leve máis de doce meses en paro: 1 punto. -Menor de 25 anos: 1 punto. Os datos necesarios para a aplicación dos ditos criterios serán debidamente documentados polo solicitante para xustificar os puntos reclamados no axexo II. Artigo 28º.- Execución do programa e certificación. 1. A data límite para a finalización das actuacións previstas nos programas aprobados será o 31 de outubro de 2007. 2. Só serán auxiliables os investimentos ou traballos que se realicen con posterioridade á data da solicitude, sempre que se dite resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos. Para poder proceder ao pagamento, o programa subvencionado deberá estar executado suficientemente de xeito que se execute polo menos o 60% do investimento solicitado, excluído o investimento na contratación dos técnicos. 3. Unha vez realizados os investimentos previstos, os interesados deberán comunicar a finalización da execución do programa, por escrito, preferentemente aos servizos técnicos agrarios provinciais, con anterioridade ao remate do prazo concedido para a súa execución. Coa dita comunicación xuntaranse os xustificantes do investido tales como facturas pagadas, copia dos contratos, TC1, TC2 e as nóminas dos traballadores ou ben o contrato coa empresa de servizos. 4. As facturas acreditativas dos investimentos deberán ter data a partir da solicitude de axuda, cumprindo, en xeral, as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto do 1496/2003), acompañándose do xustificante que verifique o pagamento efectivo delas, a sinatura e recibín ou pago da entidade que facture, ou ben, o comprobante da transferencia bancaria selado. 5. Desde o comenzo dos programas deberá: 5.1. Remitirse mensualmente aos servizos técnicos agrarios provinciais: -Ficha sobre evolución fitosanitaria dos cultivos e seu estado fenolóxico. -Descrición do traballo de campo coa indicación das parcelas e socios visitados. -Actividades formativas levadas a cabo. -Estado de execución das medidas propostas na memoria técnica. -Incidencias importantes en materia de sanidade vexetal. 5.2. Existe a obriga de presentar trimestralmente unhas fichas de estado fitosanitario dos cultivos. 5.3. Asemade, o técnico contratado terá a obriga de colaborar cos servizos da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, na recolla dos datos necesarios para a optimización da aplicación dos programas de detección do risco de pragas e enfermidades, a través da rede de avisos que a Consellería ten en funcionamento. Esta colaboración será requirida polos servizos técnicos agrarios provinciais e terá caracter semanal. 5.4. Todas as explotacións acollidas a calquera das liñas desta orde deberán cubrir un caderno de explotación, que poderá ser requirido en calquera momento da execución do programa polos STA provinciais. Os contidos mínimos deste caderno serán os especificados na Orde APA/326/2007, do 9 de febreiro, (BOE nº 43, do 19 de febreiro), pola que se establecen as obrigas dos titulares das explotacións agrícolas e forestais en materia de rexistro da información sobre o uso de produtos fitosanitarios, agás aquelas explotacións acollidas á produción integrada que cubrirán os cadernos cos contidos aprobados nas ordes que regulan os cultivos correspondentes. Estes cadernos están dispoñibles na páxina web da Consellería do Medio Rural no enderezo electrónico: http://mediorural.xunta.es/agricultura/prod_int/cadernos.php ou nos STA das delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural. 5.5. Os beneficiarios terán a obriga de colaborar co programa de revisión e control de maquinaria de tratamento de produtos fitosanitarios. 6. Xunto cos xustificantes de pagamento presentarase un informe final cos resultados acadados pola entidade. Cando se teñan solicitado axudas para calquera tipo de proxecto, ensaio, plan piloto ou estudo, presentarase separadamente un informe cos resultados obtidos para cada un deles, para a súa valoración polos STA provinciais. Os resultados dos programas piloto poderanse poñer ao dispor dos outros operadores do sector. 7. Se se solicita axuda para a colocación de trampas e feromonas, a agrupación presentará no servizo técnico agrario provincial, un informe completo sobre os resultados obtidos. 8. Unha vez comprobada a execución do programa, os técnicos dos servizos técnicos agrarios provinciais realizarán as correspondentes certificacións previas ao pagamento das axudas. 9. A falta de comunicación ou de realización dos investimentos entenderanse como renuncia ás axudas concedidas, quedando sen efecto a resolución de concesión da axuda. Artigo 29º.- Concorrencia e acumulación de axudas. 1. As axudas reguladas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das outorgadas polas distintas administracións públicas, referidas aos mesmos investimentos, e en particular, coas axudas para a mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias. 2. Ademais do previsto na alínea f) do artigo 25º.2 desta orde respecto da declaración que se vai presentar coa solicitude de axuda, os beneficiarios presentarán coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final da axuda, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Artigo 30º.- Obriga de facilitar información. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea. Artigo 31º.- Modificación da resolución de concesión. 1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. 2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran as condicións previstas no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. Artigo 32º.- Reintegro das axudas. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda e os xuros de demora producidos desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Artigo 33º.- Recursos administrativos. As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou da respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos: 1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999. 2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa. Artigo 34º.- Infraccións e sancións. Ademais do disposto no Regulamento (CE) 1260/1999, do 21 de xuño, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estruturais e demais regulamentación comunitaria de aplicación, seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Sección segunda Convocatoria para o ano 2007 Artigo 35º.- Obxecto. Esta sección ten por obxecto a convocatoria para o ano 2007 das axudas para o desenvolvemento de técnicas de produción agraria respectuosas co ambiente, segundo as bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde. Artigo 36º.-Presentación de solicitudes. As solicitudes de axuda para a convocatoria de 2007 presentaranse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde, preferentemente nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Artigo 37º.- Financiamento para o ano 2007. As axudas reguladas nesta orde estarán financiadas no exercicio 2007 con cargo a aplicación orzamentaria 2007 11 03 713C 7730, do proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, por un importe de 100.000, euros, sen prexuízo de poder utilizar outros remanentes dispoñibles. Disposicións adicionais Primeira.- Quedan exentos de presentar os xustificantes de cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as axudas especificadas no artigo 41 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007. Segunda.- No non previsto nesta orde observarase o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web. Disposición derrogatoria.- Queda derrogada a Orde do 4 de abril de 2006 (DOG nº 73, do 17 de abril) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas agrarios de mellora técnica e desenvolvemento sustentable dos procesos produtivos agrícolas e se convocan para o ano 2006. Disposicións derradeiras Primeira.- Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde. Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 25 de abril de 2007. Alfredo Suárez Canal Conselleiro do Medio Rural
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO RURAL
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AGRICULTURA ECOLÓXICA
AXUDAS E SUBVENCIÓNS

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
O25042007.pdf Galego
O25042007.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles