Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2006 subvencións a Pemes, en réxime de concorrencia competitiva, para o impulso de actuacións de sensibilización e difusión en materia de responsabilidade social corporativa e de apoio ás accións de responsabilidade social na promoción da igualdade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Diario Oficial de Galicia, 06-07-2006, Núm. 130, Páx. 10910
Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2006 subvencións a Pemes, en réxime de concorrencia competitiva, para o impulso de actuacións de sensibilización e difusión en materia de responsabilidade social corporativa e de apoio ás accións de responsabilidade social na promoción da igualdade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Preámbulo A importancia actual de definir e implantar modelos de xestión innovadores acordes coas necesidades que teñen as organizacións e as empresas galegas, fan necesaria a promoción e o desenvolvemento de plans de mellora empresarial a través da utilización de instrumentos para a xestión integral, a ética e o fomento da responsabilidade social corporativa. É responsabilidade dos poderes públicos galegos sensibilizar ás empresas e organizacións empresariais sobre os beneficios que achega a implantación de novos modelos de xestión encamiñados a facer evolucionar ás empresas e organizacións cara á mellora continua, con actuacións en materia de cooperación, promoción industrial, sensibilización e divulgación, igualdade de oportunidades de mulleres e homes e conciliación entre a vida familiar e laboral das mulleres e dos homes nas empresas. Con esta finalidade, a Consellería da Innovación e Industria a través da súa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, acorda realizar unha convocatoria de axudas a Pemes, para o impulso de actuacións de sensibilización e difusión de responsabilidade social corporativa, apoiando deste xeito as iniciativas que pretendan fomentar un comportamento socialmente responsable na promoción da igualdade. Por todo isto, e no uso das facultades que me foron conferidas, DISPOÑO: Artigo 1º.- Obxecto. Nesta orde establécense as bases reguladoras e convócanse para o ano 2006 subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para apoiar a realización de actuacións no ámbito da responsabilidade social corporativa nas que se leven a cabo, entre outras, accións de conciliación entre a vida familiar e laboral e a igualdade de oportunidades de mulleres e homes co fin de sensibilizar as Pemes galegas sobre a cultura de xestión ética e socialmente responsable. Artigo 2º.- Aplicación orzamentaria. Para a concesión das axudas, propias das actuacións que se convocan para o exercicio de 2006, que terán a modalidade de subvención, destinarase o crédito correspondente á aplicación orzamentaria seguinte: Aplicación // Denominación // Ano 2006 (euros) 10.04-712-B-772.0 // Fomento da promoción, a cooperación, excelencia e calidade empresarial // 300.000 Total: 300.000 Esta cantidade poderá ser incrementada en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, estas axudas están acollidas ao réxime de mínimis, establecido no Regulamento (CE) nº 69/2001, da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis (DOCE do 13-1-2001), en virtude do cal a contía global de axudas de mínimis non porá superar o límite de 100.000 euros nun período de tres anos. O período de referencia presenta un carácter móbil, é dicir, que para toda nova axuda de mínimis que se conceda haberá que calcular a contía de todas as axudas de mínimis outorgadas durante os tres anos anteriores. Artigo 3º.- Beneficiarias. Poderán ser beneficiarias as empresas de carácter industrial ou de servizos con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, xa sexan persoas físicas ou xurídicas que reúnan a condición de pequena e mediana empresa (PEME). Para estes efectos considerarase PEME a empresa que empregue menos de 250 traballadores, e cuxo volume de negocio anual non exceda de 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non exceda de 43 millóns de euros, así como que cumpra co criterio de independencia segundo os criterios definidos na recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003. Para o cómputo e límites sinalados no caso de empresas asociadas ou vinculadas efectuarase tal e como dispoñen as liñas 2 e 3 do artigo 6 do anexo da antedita recomendación. Artigo 4º.- Actuacións subvencionables. As actuacións subvencionables obxecto desta orde estrutúranse en tres liñas de actuación. A) Implantación de sistemas de xestión de RSC nas empresas con accións que favorezan a igualdade de oportunidades de mulleres e homes (igualdade na selección, formación, valoración dos postos de traballo e política retribuída e/ou profesional) e favorezan a conciliación familiar e laboral (sistema de organización do traballo). As axudas destinaranse a cubrir: Os gastos de consultoría e asistencia de apoio para a implantación do sistema de xestión de RSC. B) Elaboración de memorias anuais de sustentabilidade que integren a información económica, social e ambiental seguindo como referencia o marco establecido na guía GRI (Global Reporting Iniciative). As axudas destinaranse a cubrir: Os gastos de consultoría e asistencia de apoio para a elaboración das memorias de sustentabilidade. C) Elaboración de estudos que teñan por obxectivo analizar a viabilidade de realizar unha reorganización do traballo para facilitar a conciliación familiar e laboral de homes e mulleres da empresa como documento de aplicación e complementario da guía GRI. As axudas destinaranse a cubrir: Os gastos de consultoría e asistencia de apoio para a elaboración dos estudos. Artigo 5º.- Gastos subvencionables. Terán a consideración de subvencionables aqueles gastos que de xeito indubitado respondan á natureza da actividade presentada na solicitude, e se realicen no período establecido no artigo 7º desta orde. Non terán carácter subvencionable os gastos correntes de persoal nin calquera outro derivado da actividade habitual da solicitante. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado dentro do prazo de finalización do período de xustificación. Os gastos inherentes a cada actuación deberán ter unhas contías que estean acordes aos valores do mercado. Segundo o artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á presentación da solicitude de subvención, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegase xunto coa memoria de solicitude, realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Artigo 6º.- Subcontratación das actividades subvencionadas polas beneficiarias. A subcontratación de actividades realizarase de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, podendo acadar o custo total da actividade proposta. Artigo 7º.- Ámbito temporal. Poderán acollerse a esta orde as actuacións que se describen no artigo 4º desta orde, sempre que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2006 e a data de xustificación dos investimentos establecida no artigo 18º desta orde. Artigo 8º.- Criterios de avaliación. Os criterios de avaliación relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes: 1. Ámbito de repercusión territorial e social das actuacións, valorando o número de mulleres e homes que vaian resultar beneficiarias/os da acción. 2. Ferramentas de seguimento e avaliación de resultados previstos. 3. Os elementos innovadores do proxecto presentado en relación co obxectivo a acadar a igualdade de oportunidades de mulleres e homes. 4. Grao de adecuación das actuacións aos obxectivos da convocatoria (coherencia, definición, metodoloxía, ...). 5. Repercusión do proxecto en actuacións futuras. 6. Certificación que acredite a existencia de sistemas de calidade, excelencia ou ambientais. A comisión de avaliación, á vista das solicitudes presentadas, poderá considerar como non subvencionables ou limitar a porcentaxe da subvención naqueles conceptos que non se consideren directamente ligados ao desenvolvemento da actuación obxecto da axuda. Artigo 9º.- Contía das axudas. As axudas poderán acadar con carácter xeral, unha contía máxima do 70% do investimento subvencionable para cada proxecto. Asígnase o crédito de 100.000 A para as actuacións de cada epígrafe tendo en conta que, cando non se esgote aquel por carencia de proxectos adecuados ao obxecto, o remanente poderase acumular ás contías das restantes epígrafes. Artigo 10º.- Obtención dos formularios normalizados de solicitude. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde cubriranse e obteranse necesariamente pola solicitante a través da aplicación informática Internet expres (procedemento IN530A) establecida na Oficina virtual desta consellería sita no enderezo da internet: http//www.xunta.es/conselle/in/ da Xunta de Galicia. Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas solicitantes. Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través do teléfono 981 54 55 53 ou 981 54 55 55, do número de fax 981 54 47 06 ou do enderezo de correo electrónico axudas2006.dxpisi*xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes. Artigo 11º.- Documentación. As empresas solicitantes deberán presentar orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación: 1. Documentación técnica: 1.1. Formularios normalizados de solicitude (composto polos anexos I e II) obtidos a través da aplicación informática sinalada no artigo anterior debidamente asinados pola persoa ou persoas que teñan a representación legal da entidade. Estes formularios presentaranse sen engadir novos datos e sen realizar emendas nin riscadelas no seu formato orixinal, o que será causa de inadmisión a trámite. 1.2. Informe da entidade solicitante na que se reflicta o obxecto social, data de constitución, número de empregados/as, certificacións de calidade que posúe e obxectivos perseguidos co proxecto. 1.3. Memoria explicativa, na que se consignarán todos os elementos que serán obxecto de valoración competitiva conforme o artigo 8º, incluíndose un orzamento desagregado e detallado ao máximo dos diferentes gastos necesarios para a correcta execución do proxecto presentado, e a data de finalización do proxecto. 1.4. Orzamentos e ofertas desagregadas de cada un dos/as provedores/as que deberán cumprir co disposto no último parágrafo do artigo 5º desta orde. Estes orzamentos presentaranse na mesma orde que a utilizada na relación presentada na memoria. 2. Documentación xurídico-administrativa que deberá estar en vigor: 2.1. Escritura pública de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente. 2.2. CIF da entidade solicitante. 2.3. Documento público acreditativo do poder suficiente para actuar ante a Administración pública da/s persoa/s física/s que actúe/n en nome e representación dunha persoa xurídica. 2.4. Fotocopia do DNI/NIE da persoa ou persoas que ostenten a representación. De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa se atope en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude ou procedemento administrativo para o que foi presentada; esta identificación leva consigo a autorización para que o órgano xestor teña acceso a esta documentación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases desta convocatoria. Así mesmo, comporta a autorización ao órgano xestor, para comprobar de oficio o cumprimento das obrigas tributarias e sociais coa AEAT, Consellería de Economía e Facenda e Seguridade Social, de acordo co establecido no artigo 43 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, sobre protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Innovación e Industria garante a confidencialidade dos datos recollidos na documentación contemplada para as solicitudes de axuda. Artigo 12º.- Presentación de solicitudes e documentación. O prazo para a presentación de solicitudes será de un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Para formalizar a solicitude, logo de obter e cubrir os formularios de acordo co artigo 10º desta orde, o/a interesado/a presentará a documentación sinalada no artigo anterior (orixinal ou copia compulsada), dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria, no rexistro xeral dos servizos centrais da Consellería de Innovación e Industria, no das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Artigo 13º.- Emenda de solicitudes. Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase a/ao solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con advertencia de que, se non o fixese será tido por desistido/a da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e cos efectos previstos no artigo 42.1º da citada lei. Artigo 14º.- Instrución e selección de solicitudes. Correspóndelle á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución. Co obxecto de cumprir o principio de concorrencia competitiva as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración que estará constituída polos seguintes membros: - Presidenta: a subdirectora xeral da Subdirección Xeral de Promoción Industrial e Comercio Exterior. - Dous/dúas vogais: dous/dúas xefes/as de servizo, un/unha pertencente á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información e outro/a pertencente á Secretaría Xeral da Igualdade. - Secretario/a: un/unha funcionario/a, pertencente á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información. Os/as suplentes serán designados/as polas direccións xerais correspondentes. Esta comisión, tendo en conta os criterios de avaliación recollidos no artigo 8º, formulará a proposta de resolución no que se concreta o resultado da avaliación efectuada. A Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información elevará a proposta de resolución ao conselleiro de Innovación e Industria que actúa como órgano concedente. Artigo 15º.- Resolución. Á vista da proposta de resolución, o conselleiro de Innovación e Industria ditará a resolución que proceda, motivada, con indicación do obxecto e importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe de axuda concedida e a contía desta. Esta resolución poderá establecer condicións técnicas e económicas de obrigada observancia para a realización do proxecto. O prazo máximo para resolver e notificarlles aos interesados a resolución expresa será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que finalice o prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o/a interesado/a para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo. As resolucións de concesión serán publicadas no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario ao que se imputen, beneficiario/a, cantidade concedida e finalidade da subvención. Artigo 16º.- Modificación da resolución. Segundo o artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axuda e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia: Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do/a beneficiario/a, debendo cumprirse os seguintes requisitos: a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto este comprendida dentro da finalidade desta orde. b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros/as. c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención. Por outra banda, o/a beneficiario/a deberá solicitar a modificación con tempo suficiente para a súa avaliación antes do desenvolvemento do proxecto. A conformidade expresa da Consellería de Innovación e Industria ás mencionadas modificacións, requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información. Artigo 17º.- Obrigas dos/as beneficiarios/as. Os/as beneficiarios/as das axudas quedan obrigados/as a: a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención. b) Acreditar, ante a entidade concedente, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamente a axuda así como dos requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou excepcionalmente o que se sinale na resolución cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso potestativo de reposición. c) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte a Lei 7/2005, do 29 de decembro, dese como resultado que o/a solicitante ou o/a beneficiario/a ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións requirirase o/a solicitante ou beneficiario/a para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado. d) Someterase ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo. e) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao/a beneficiario/a en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. h) A entidade beneficiaria comprométese a dar publicidade do cofinanciamento por parte da Consellería de Innovación e Industria-Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información e da colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar-Secretaría Xeral da Igualdade en todos os eventos, no material promocional ao que dean lugar a eles, e cada un dos informes e manuais xerados. i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no punto 10 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Artigo 18º.- Xustificación das actuacións. A entidade beneficiaria terá que xustificar as actuacións subvencionadas antes do 30 de novembro de 2006. Para o libramento da subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar nos servizos centrais da Consellería de Innovación e Industria a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención. Poderase tamén presentar a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esta documentación xustificativa constará dos seguintes documentos, que poderán ser orixinais ou copia compulsada: a) Solicitude de libramento da subvención (modelo dispoñible no enderezo da internet http://www.xunta.es/conselle/in/index.htm no punto impresos). b) Memoria na que se constate a realización da actividade realizada. c) Copia en formato electrónico dos relatorios ou contidos da actuación realizada. d) Xustificante dos investimentos: facturas dos/as provedores/as en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. e) Xustificación dos pagamentos: transferencia bancaria, certificación bancaria orixinal ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados os/as receptores/as e os/as emisores/as do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. f) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismos ou entes públicos ou privados (modelo dispoñible no enderezo da internet sinalado no punto a) deste artigo). g) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento na que conste a razón social e o CIF da entidade subvencionada así como o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente. h) Calquera outro documento que se requira durante a tramitación do expediente para a verificación do proxecto. i) Documentación que acredite a publicidade do cofinanciamento da Xunta de Galicia segundo o sinalado no artigo 17º desta orde. Artigo 19º.- Pagamento das axudas. A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servizos técnicos da Consellería de Innovación e Industria verifiquen a documentación xustificativa e, se é o caso, a materialización do cumprimento da realización do proxecto subvencionado e dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión. Procederase a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto. Artigo 20º.- Incompatibilidades. Concorrencia de axudas públicas. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para a mesma finalidade. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 75% do custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza. Artigo 21º.- Reintegro da axuda. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora percibidos desde o seu pagamento nos supostos establecidos no punto 10 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Así mesmo, procederase ao reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable que se estableza. O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. As cantidades que as entidades beneficiarias deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Artigo 22º.- Fiscalización e control. A concesión das axudas reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo. As entidades beneficiarias e os/as terceiros/as relacionados/as co obxecto da subvención ou a xustificación estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro, que para este fin terán as facultades que lle outorga o punto 11º do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Artigo 23º.- Réxime sancionador. As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas e subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. Artigo 24º.- Réxime de recursos. As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá: a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto. E todo isto sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente. Artigo 25º.- Normativa aplicable. En todo o non recollido nesta orde, aplicarase o disposto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que resulte de aplicación. Disposición derradeira Única.- Facúltase a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do establecido nesta orde. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación na Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2006. Fernando Xabier Blanco Álvarez Conselleiro de Innovación e Industria
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AXUDAS E SUBVENCIÓNS

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
o21062006.pdf Galego
o21062006.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles