Orde do 21 de xullo do 2006 pola que se establecen e regulan axudas para a mellora do hábitat da perdiz rubia.

Diario Oficial de Galicia, 31-07-2006
A perdiz rubia é unha das especies cinexéticas tradicionais en Galicia. O progresivo descenso da actividade agrícola no medio rural supuxo o abandono de amplas zonas de cultivo, provocou a expansión do mato, a desaparición dos lindeiros vexetais e, como consecuencia, a perda da calidade do medio vital para esta especie contribuíndo así á regresión das súas poboacións. Partindo da necesidade de que o colectivo de cazadores se implique na conservación e na xestión dos recursos cinexéticos, e da obriga dos poderes públicos de garantir a compatibilidade dos usos e das actividades humanas coa conservación dos recursos naturais, considérase necesario poñer en marcha un programa de axudas que, incentivando actuacións racionais no medio natural, propicien a recuperación das poboacións de perdiz rubia. O artigo 148.1º.11 da Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, confire á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de caza. O Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, en relación ao Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia atribúen á mesma consellería, dentro de súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos. Por outra banda, a Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, establece a competencia na planificación, ordenación, fomento, vixilancia e control da caza á citada consellería, que realizará cantas actuacións considere precisas para acadar os fins desta lei. Entre elas e co fin de conservar, preservar e mellorar o hábitat natural das diferentes especies cinexéticas, a Xunta de Galicia poderá acordar as oportunas medidas de axuda para o logro do dito obxectivo e cantas outras de carácter limitativo, correctoras ou restauradoras persigan idéntica finalidade. Desta maneira, xunto coa creación dun instrumento xurídico regulador da caza en Galicia, posibilitouse a creación dun instrumento financeiro orientado ao fomento daquelas actividades que procuren a conservación e mellora do recurso cinexético por medio dun aproveitamento sostible. A Comunidade Autónoma de Galicia procedeu a través da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, á adaptación do actual tratamento das subvencións, recollido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia ao contido das disposicións de carácter básico da Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, mantendo plenamente aplicable e vixente o resto da regulación que define o réxime das subvencións. A Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que regula a concesión de axudas e subvencións que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma. Esta orde de axudas acóllese ao establecido no artigo 33 do Regulamento (CE) número 1257/1999, sobre a axuda ao desenvolvemento rural con cargo ao Feoga e polo que se modifican e derrogan determinados regulamentos, e conforme o Regulamento (CE) número 1260/1999, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estruturais. En virtude do anterior, en consonancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, DISPOÑO: Artigo 1º.- Obxecto das axudas. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable aos terreos cinexéticos para a recuperación das poboacións de perdiz rubia (Alectoris rufa) a través da mellora da calidade do seu hábitat. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación así como o de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados neste orde e de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, con sometemento en todos os seus extremos ao previsto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo e o previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro. Artigo 2º.- Actuacións subvencionables. Son obxecto das axudas reguladas por esta orde as actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados (Tecor), coa finalidade de mellorar o hábitat para a perdiz rubia. Estas actuacións consistirán na obtención de manchas heteroxéneas de vexetación mediante a roza e a trituración do mato (toxo, queirogas, xestas, carqueixa...) e a posterior sementeira con cereal de inverno; así mesmo subvencionaranse os acondicionamentos de fontes e a instalación de bebedoiros. Dada a natureza dos investimentos subvencionables, estes han de manterse afectos á fin para a que se lle concedeu a subvención, como mínimo durante dous anos. As condicións de realización destas actuacións deberán axustarse ás especificacións recollidas no anexo III. Artigo 3º.- Beneficiarios. 1. Poderán acollerse a estas axudas tanto os titulares de Tecores galegos, de carácter particular ou societario, como as agrupacións destes que, aínda carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso os terreos cinexéticos deberán ser lindantes e estar situados nunha mesma provincia. 2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde, as persoas ou entidades nas que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Artigo 4º.- Importe das axudas. 1. Establécense as seguintes contías máximas para cada unha das actuacións que se realicen: - Roza e trituración mecánica: 360 A por hectárea. - Decrúa, emenda, sementeira: 600 A por hectárea. - Limpeza e adecuación de fontes e mananciais: 50 A. - Instalación de bebedoiros: 100 A. 2. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible subvencionará investimentos ata un máximo total de 18.000 euros por beneficiario. O importe das axudas será do 50% do investimento. O IVE será subvencionable na medida que este non sexa recuperable por ningún medio. 3. Para os efectos do disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 28 de novembro, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achegue valor engadido ao contido desta. Artigo 5º.- Solicitudes e documentación. 1. Os interesados presentarán as súas solicitudes de subvención conforme os modelos dos anexos I ou II, segundo se trate de titulares individuais ou de agrupacións de titulares respectivamente. 2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación: - Fotocopia do CIF/NIF dos solicitantes da subvención. - Certificación bancaria de ter aberta unha conta a nome do beneficiario da axuda, con expresión do seu CIF/NIF e o número de conta (vinte díxitos). - Se o titular fose unha sociedade, acordo do órgano competente desta polo que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, e no que deberá figurar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos da solicitude. Xuntarase o DNI da persoa designada. - No caso de agrupacións de titulares, acordos dos órganos respectivos competentes polos que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes con indicación da porcentaxe de subvención e do compromiso de execución correspondente a cada unha de elas. Así mesmo, debe figurar nestes acordos o nome da persoa designada como representante delas para os efectos desta solicitude, xuntándose o DNI desta, e o nome do titular en cuxa conta bancaria realizarase o ingreso. - Memoria valorada, que se adecúe ás indicacións do anexo III e que deberá incluír como mínimo: datos do solicitante ou solicitantes; datos dos terreos cinexéticos nos que se situarán as actuacións; descrición da problemática actual do terreo cinexético en relación coa especie, xustificando a adopción das medidas propostas; descrición das actuacións que se vaian realizar con indicación das datas previstas, a maquinaria e a man de obra que se vai empregar, o tipo de roza previa e especies que se van sementar; orzamento detallado no que figuren os custos unitarios por hectárea; orzamento total; plano de situación 1:10.000 e fotografía do SIXPAC ou plano catastral no que se identifiquen perfectamente as parcelas sobre as que se actuará. - Declaración do conxunto das solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas competentes (anexo IV). - Acreditación dos criterios recollidos no artigo 8º, que foran alegados: a) Listado actualizado dos socios integrantes da sociedade ou sociedades solicitantes. b) Facturas, asentos contables ou calquera outro documento que poida xustificar a realización destas actuacións nos últimos 5 anos. Será válida como xustificante a certificación do técnico ou axente do servizo provincial que comprobara no seu momento a realización das actuacións. c) Plano 1:25.000 con indicación exacta da localización das zonas vedadas do Tecor, que deberán estar correctamente sinalizadas sobre o terreo. - Declaración responsable da dispoñibilidade dos terreos para a realización das actuacións (anexo V). Artigo 6º.- Prazo de presentación de solicitudes. As solicitudes de subvención irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e presentaranse, debidamente asinadas por duplicado, nas delegacións provinciais, directamente ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado, segundo o artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras. A dita comprobación efectuarase tanto antes de ditar resolución de concesión como da tramitación do pagamento. Artigo 7º.- Inspección previa. En todas as solicitudes de actuacións consideradas subvencionables, o persoal técnico realizará unha inspección previa, na que se observará se a acción proxectada se axusta á realidade física e técnica e que os investimentos non están realizados. Artigo 8º.- Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas. 1. A orde de prelación para a concesión das subvencións basearase na puntuación acadada por cada solicitude, segundo o seguinte baremo, e ata onde alcance o crédito dispoñible: Criterios de avaliación das actividades subvencionables // Puntos Superficie do Tecor ou agrupación de Tecores cunha superficie mínima de 5.000 ha // 0,5 puntos/5.000 ha ou fracción Melloras do hábitat da perdiz recollidas expresamente no plan de ordenación e coincidentes coas subvencionables segundo esta orde // 10 puntos Melloras do hábitat da perdiz, coincidentes coas subvencionables segundo esta orde, realizadas nos últimos cinco anos // 2 puntos/ano de actuación Superficie das melloras para as que se solicita a axuda situadas dentro do perímetro do terreo vedado do Tecor // 1 punto/ha 2. Non serán subvencionables as actuacións localizadas nas zonas de caza permanente, zonas de adestramento de cans, ou áreas nas que se realicen competicións de caza. Tampouco serán valoradas, segundo os criterios anteriores, as actuacións de anos anteriores situadas nestas zonas. Artigo 9º.- Órganos de xestión e resolución. 1. A avaliación da documentación presentada xunto coa solicitude realizarana os servizos provinciais de Conservación da Natureza. Se a solicitude de subvención non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, o servizo provincial requirirá ao solicitante para que, no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixese, poderase considerar desistida da súa petición e arquivala sen máis trámites, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. 2. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza remitirán os expedientes xunto co seu informe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no prazo máximo de 20 días naturais, contados a partir da data límite de presentación das solicitudes. 3. Os expedientes serán valorados por unha comisión de avaliación creada para tal fin. Esta comisión presidiraa o director xeral de Conservación da Natureza ou persoa en quen delegue. Ademais, serán membros da devandita comisión o subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, o xefe de servizo e o xefe de sección competentes en materia de recursos cinexéticos nos servizos centrais. O xefe de sección actuará como secretario desta. 4. A comisión de avaliación elevará as súas propostas de resolución ao secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a quen lle corresponderá ditar a resolución do procedemento por delegación expresa do conselleiro. 5. A proposta de resolución fará mención aos solicitantes para os cales se propón a concesión da subvención e a contía desta de modo individualizado, especificándose a súa avaliación segundo a aplicación dos criterios seguidos para efectuala. As solicitudes para as cales se propoña a súa denegación relacionaranse con indicación da súa causa, segundo o disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Artigo 10º.- Prazo de resolución. 1. O prazo máximo no que se debe notificar a resolución será de 3 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. 2. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se ditase e notificase a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente, conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999. 3. Na resolución que se dite especificaranse os gastos subvencionables, a porcentaxe de subvención, o importe da subvención concedida, os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da subvención. Artigo 11º.- Publicidade da resolución. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza ordenará a publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas con expresión da convocatoria, do programa e o crédito orzamentario a que se imputan, da beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención. Artigo 12º.- Aceptación da axuda. Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da recepción da notificación, para lle remitir á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible un escrito de aceptación da axuda e das condicións particulares que na resolución se establezan, entendéndose, en caso contrario, que o beneficiario renuncia a esta. Artigo 13º.- Modificación da resolución. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Artigo 14º.- Obrigas dos beneficiarios. 1. As actuacións obxecto de subvención deberán contar no momento do seu inicio coas licenzas e autorizacións preceptivas. 2. A aprobación da subvención implicará o compromiso dos solicitantes de executar as accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberá realizarse na extensión e coas condicións técnicas recollidas na memoria. 3. Os investimentos obxecto de subvención deberán realizarse antes do 15 de outubro. Excepcionalmente cando isto non sexa posible, por causas debidamente xustificadas de forza maior, o director xeral de Conservación da Natureza poderá conceder, por delegación do conselleiro, unha prórroga dentro dos límites establecidos no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. 4. Os beneficiarios deberán conservar os documentos acreditativos da aplicación dos fondos recibidos. Artigo 15º.- Modificación das actividades subvencionadas. Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades inicialmente previstas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa do secretario xeral, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Para tal efecto, a proposta de modificación deberase presentar con quince días hábiles de antelación á súa realización. Artigo 16º.- Prazo de xustificación dos gastos. Con carácter xeral e salvo que a resolución de concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes a elas, deberá realizarse antes do 15 de outubro de 2006. Artigo 17º.- Solicitude de pagamento. 1. Para percibir o importe da axuda a beneficiaria deberá presentar, antes do vencemento do prazo de xustificación, nos lugares e formas sinalados no artigo 6º desta orde, orixinal e copia da seguinte documentación: a) Solicitude segundo o modelo que figura no anexo VI desta orde, xunto cos anexos VII, VIII e IX debidamente cubertos. b) Documentación que acredite a efectiva realización dos pagamentos: extractos de contas, ordes de transferencia, talóns, certificacións bancarias ou documentos equivalentes. No caso de acudirse á contratación externa, á anterior documentación xuntaráselle copia das facturas emitidas polos provedores. c) Declaración xurada, con achega documental, se é o caso, doutras subvencións concedidas ou solicitadas para o financiamento das actividades. 2. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas á documentación que serviu de base para o outorgamento da axuda. 3. Unha vez realizado o anterior, o expediente remitirase xunto cunha proposta de pagamento á Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Artigo 18º.- Pagamento. O pagamento corresponderase co importe que resulte de aplicar a porcentaxe da axuda aos gastos subvencionables. Excepcionalmente, por resolución do secretario xeral, poderá subvencionarse só unha parte dos gastos aprobados sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do gasto e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente. Neste caso, aplicarase a correspondente minoración. Nembargantes, cando a realización e xustificación da acción subvencionada fose inferior nun 50% ou máis á proposta, agás por causa de forza maior, suporá a revogación da subvención concedida, logo da correspondente valoración polos técnicos dos servizos provinciais. Artigo 19º.- Crédito. As axudas previstas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342.A.780.1 do exercicio orzamentario 2006, dotada cun crédito inicial de cen mil euros (100.000 A). A dotación orzamentaria poderá incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións. Esta orde de axudas está cofinanciada con fondos Feoga-Orientación. Esta circunstancia deberá facerse constar sempre que se facilite algún tipo de información, en calquera soporte gráfico, sobre as actividades subvencionadas, tendo en conta a normativa de aplicación. Artigo 20º.- Control das actividades subvencionadas. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas. Artigo 21º.- Compatibilidade. 1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos. 2. Sen prexuízo do anterior, estas axudas son incompatibles con calquera outro réxime comunitario de axudas. Artigo 22º.- Reintegro. 1. Os beneficiarios destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, así como nos supostos de incumprimento da obriga de xustificación, de obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, e incumprimento da finalidade para a que foi concedida, conforme o artigo 19 do Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. 2. Aos beneficiarios seralles de aplicación, nos seus propios termos, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora. Artigo 23º.- Obriga de facilitar información. Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control. Artigo 24º.- Recursos. A resolución do secretario xeral da consellería porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo; ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 e o artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Disposición adicional Única.- Delégase no secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 9.4º, consonte ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Disposicións finais Primeira.- Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar todas as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde. Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2006. Manuel Vázquez Fernández Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible ANEXO III - Condicións técnicas ás que se deben axustar as actuacións previstas - A zona do Tecor na que se localicen as actuacións deberá ter unha superficie mínima de 200 ha de mato. - As rozas realizaranse en pequenas parcelas de 0,5 a 1 ha dispersas pola superficie. - Os restos da roza serán triturados mecanicamente ou, se non fose tecnicamente posible, serán amoreados. - Estas rozas deben ir acompañadas da sementeira dun cereal de inverno nunha porcentaxe mínima do 50% da superficie total rozada. A preparación do terreo tras a roza consistirá nun pase de grada de discos e un encalado coa maior antelación posible á sementeira. A colleita obtida quedará no monte para o seu aproveitamento pola fauna. - Respectaranse pés illados de mato alto (por exemplo, de máis de 1 m de altura) e pequenas manchas de mato de pouca altura coa finalidade de achegar heteroxeneidade e refuxio nas zonas de actuación. - Nas limpezas e acondicionamento de fontes ou na instalación de bebedoiros evitarase que estes queden totalmente despexados de cobertura vexetal coa finalidade de non favorecer a predación sobre as aves nestes lugares. - As rozas e sementeiras faranse en superficies non xeométricas, de lindeiros irregulares. - As actuacións obxecto de axuda non poderán realizarse nos meses de xuño, xullo e agosto para evitar posibles prexuízos tanto á cría da perdiz como doutras especies animais presentes na zona. - As actuacións en terreos incluídos nun espazo natural protexido, segundo a normativa vixente, non poderán ser contraditorias co determinado na norma reguladora que o atinxa e, en todo caso, deberán contar co informe favorable do Servizo Provincial de Conservación da Natureza previo á aprobación da axuda. En ningún caso serán aprobadas actuacións previstas nos hábitats prioritarios recollidos no anexo I da Directiva 92/43, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AXUDAS E SUBVENCIÓNS
CAZA, PESCA E MARISQUEO

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
14600D009P030.PDF Galego
14600D009P030_ES.PDF Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles