Diario Oficial de Galicia, 29-05-2006, Núm. 101, Páx. 8473
Orde do 16 de maio de 2006 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas correspondentes ás accións dos programas sectoriais de Recursos Naturais, Tecnoloxías para a Innovación e Servizos ao Cidadán do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e se procede á súa convocatoria para o ano 2006.
A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º, establece, como obxectivo xeral, o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de marzo de 2002 aprobou o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2002-2005) (prorrogado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión 1 de decembro de 2005). Este plan ten como obxectivos principais articular, desenvolver e fortalecer o Sistema Galego de Innovación, actuando sobre os seus puntos débiles e tratando de optimizar os recursos dispoñibles, así como favorecer o desenvolvemento dos sectores económicos e sociais de interese para Galicia, fomentando o incremento das actividades de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (I+D+I).
O plan consta, entre outros, dun programa de Promoción Xeral da Investigación e trece programas sectoriais agrupados en tres bloques: Recursos Naturais, Tecnoloxías para a Innovación e Servizos ao Cidadán. Estes programas sectoriais perseguen como obxectivos potenciar a investigación aplicada no sistema público de I+D, aumentar as actividades de I+D+I nas empresas e impulsar a Innovación Tecnolóxica e a competitividade nos sectores económicos e sociais de interese para Galicia.
O bloque de programas de Recursos Naturais serve de apoio á I+D+I relacionada cos sectores primarios de Galicia, é dicir, Recursos Agropecuarios, Biodiversidade e Recursos Forestais, Recursos Mariños e Recursos Enerxéticos e Mineiros. Con este grupo de programas preténdese identificar os principais recursos naturais de Galicia, establecer e mellorar as súas características, racionalizar a súa explotación e mellorar a súa comercialización.
O bloque de programas de Tecnoloxías para a Innovación serve de apoio á I+D+I que ten relación coas áreas científico-tecnolóxicas que se consideran máis relevantes para o desenvolvemento dos sectores produtivos de Galicia. O devandito bloque está formado polos seguintes programas: Biotecnoloxía e Tecnoloxía Farmacéutica e de Ciencias da Saúde, Tecnoloxías da Alimentación, Tecnoloxías Ambientais, Tecnoloxías dos Materiais, Tecnoloxías da Construción e a Conservación do Patrimonio, Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e Tecnoloxías de Deseño e Produción Industrial. Neste último programa, e pola súa importancia estratéxica, establécese unha modalidade específica para as tecnoloxías de deseño e produción industrial para a automoción. Estes programas perseguen como obxectivo avanzar nas tecnoloxías necesarias para o desenvolvemento dos sectores produtivos máis importantes de Galicia, así como aplicar os avances á innovación tecnolóxica das empresas.
O bloque de Servizos ao Cidadán está formado por dous programas, Ciencias Sociais e Sociedade da Información, que serven de complemento a todas as actividades de I+D+I que teñen lugar en Galicia dado que contribúen á aproximación da investigación e os seus resultados aos cidadáns, así como á consideración dos aspectos sociais da I+D+I. O programa de Ciencias Sociais inclúe unha modalidade específica para o turismo. Son principais obxectivos do bloque de programas de Servizos ao Cidadán contribuír ao desenvolvemento do sector servizos en Galicia, desenvolver solucións innovadoras e impulsar a penetración das novas tecnoloxías nos servizos e no conxunto da sociedade.
Para cada un destes programas sectoriais o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación nomeará un xestor, persoa de recoñecido prestixio no ámbito de aplicación do programa correspondente, así como avaliadores externos con experiencia investigadora demostrada na súa área de coñecemento, que serán nomeados a proposta do xestor de cada programa, en función da temática específica dos proxectos presentados a esta convocatoria.
Co fin de pór en marcha os instrumentos previstos no plan para a execución dos seus programas, esta orde aproba as bases que rexerán as convocatorias de axudas correspondentes ao grupo de programas sectoriais e procede á convocatoria do ano 2006.
Polo que antecede esta consellería
DISPÓN:
Primeiro.- Solicitantes e modalidades de axuda.
Convocar en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva as modalidades de axudas que a continuación se indican con destino aos beneficiarios que igualmente se especifican, como instrumentos ordinarios dos programas sectoriais:
A. Equipos de investigación de universidades, organismos públicos de investigación e centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia: proxectos de investigación aplicada.
B. Centros tecnolóxicos da Comunidade Autónoma de Galicia: proxectos de investigación aplicada.
C. Empresas privadas, agrupacións de empresas de carácter privado ou empresas públicas que teñan entre os seus fins ou realicen actividades de investigación:
1. Proxectos de investigación industrial.
2. Proxectos de innovación tecnolóxica.
3. Proxectos de desenvolvemento precompetitivo.
4. Proxectos de demostración.
5. Dotación de laboratorios e departamentos de I+D.
D. Proxectos coordinados: co fin de potenciar a articulación do sistema ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia poderán presentarse proxectos coordinados entre equipos de investigación dos diferentes axentes do sistema galego de innovación, sempre que teñan capacidades complementarias en relación co proxecto e tendo en conta os seguintes supostos:
1. Equipos de investigación de universidades, organismos públicos de investigación e centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia: poderán presentar proxectos coordinados entre eles. Cada subproxecto debe estar a cargo dun equipo de investigación vinculado a diferente organismo, ou ao mesmo sempre que pertenzan a áreas de coñecemento diferentes.
Poderán solicitarse proxectos coordinados con equipos doutras comunidades autónomas sempre que estas se comprometan a financiar os subproxectos correspondentes.
2. Centros tecnolóxicos da Comunidade Autónoma de Galicia: poderán presentar proxectos coordinados con outros centros e/ou con empresas. Neste último caso, obrigatoriamente o centro tecnolóxico desenvolverá o papel de líder, presentando o proxecto completo na modalidade de centros tecnolóxicos no programa que corresponda. No caso de polo menos tres participantes a función do centro tecnolóxico pode quedar limitada ás tarefas de coordinación, non podendo ser superior ao 10% do custo total do proxecto.
Nestes proxectos a participación dos equipos de investigación de universidades, organismos públicos de investigación e centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia terá a consideración de colaboración externa do proxecto.
3. Empresas: poderán presentar proxectos coordinados con outras empresas e/ou con centros tecnolóxicos. Neste último caso o centro tecnolóxico desenvolverá o papel de líder, presentando o proxecto completo na modalidade de centros tecnolóxicos no programa que corresponda. No caso de polo menos tres participantes a función do centro tecnolóxico pode quedar limitada ás tarefas de coordinación, non podendo ser superior ao 10% do custo total do proxecto.
Un dos membros do proxecto coordinado terá a condición de líder e coordinará todos os traballos facéndose responsable do seu cumprimento e da presentación do proxecto completo perante a Administración. O incumprimento dun dos socios considerarase incumprimento total do proxecto.
A coordinación do proxecto non eximirá do cumprimento dos requisitos incluídos nos puntos A, B, e C do punto segundo.
As axudas do apartado B enmárcanse no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.
Como anexos I, II, III, IV, V, VI, VII, VIII, IX, X, XI, XII e XIII a esta orde recóllense as prioridades dos trece programas que integran os tres bloques dos programas sectoriais:
Programa Sectorial de Recursos Naturais:
I. Recursos Agropecuarios.
II. Biodiversidade e Recursos Forestais.
III. Recursos Mariños.
IV. Recursos Enerxéticos e Mineiros.
Programa Sectorial de Tecnoloxías para a Innovación:
V. Biotecnoloxía e Tecnoloxía Farmacéutica e de Ciencias da Saúde.
VI. Tecnoloxías da Alimentación.
VII. Tecnoloxías Ambientais.
VIII. Tecnoloxías dos Materiais.
IX. Tecnoloxías da Construción e a Conservación do Patrimonio.
X. Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
XI. Tecnoloxías de Deseño e Produción Industrial.
Modalidade A. Deseño e Produción Industrial.
Modalidade B. Deseño e Produción na Automoción.
Programa Sectorial de Servizos ao Cidadán:
XII. Ciencias Sociais.
Modalidade A. Sociedade e Cultura.
Modalidade B. Turismo.
XIII. Sociedade da Información.
Segundo.- Requisitos dos beneficiarios.
Os posibles beneficiarios das axudas citadas no punto primeiro deberán reunir os requisitos que a continuación se indican para cada caso.
A) Equipos de investigación.
Os beneficiarios das axudas citadas no punto primeiro serán os equipos de investigación das universidades do Sistema Universitario de Galicia ou equipos de investigación de centros/organismos públicos de investigación de Galicia.
Para os efectos destas axudas enténdese por equipo de investigación o conxunto de investigadores pertencentes a un mesmo organismo, coa excepción do establecido no punto 1.c) e 1.d), que baixo a dirección dun deles desenvolven un proxecto de investigación concreto. Non se admiten equipos unipersoais, e na composición do equipo deberán figurar como mínimo dous doutores con dedicación a tempo completo ao organismo.
O investigador principal, que exerce a dirección do proxecto, deberá ser doutor e pertencer a algunha das categorías que figuran no punto 1.a) e ter dedicación a tempo completo ao correspondente organismo, agás nos centros sanitarios que poderá ter dedicación a tempo parcial.
No caso dos centros sanitarios e centros públicos de investigación da Xunta de Galicia, a condición de doutor, tanto para o investigador principal como para os membros do equipo, pode substituírse por titulación superior, sempre que o investigador posúa vinculación estable ao organismo e dedicación parcial ao mesmo no caso de centros sanitarios e dedicación completa no caso de centros públicos de investigación da Xunta de Galicia.
Estes titulados deberán acreditar experiencia investigadora mediante publicacións, participación en proxectos e convenios de investigación con resultados avaliables, que no caso do investigador principal será dun mínimo de catro anos.
1. O equipo de investigación poderá conformarse a partir do seguinte tipo de persoal:
a) Persoal investigador con vinculación estable: persoal numerario, contratado laboral indefinido ou fixo, e outras figuras equivalentes, que realiza tarefas de investigación. Inclúese tamén o persoal investigador contratado con cargo ao programa Ramón y Cajal, ao programa Isidro Parga Pondal, ou a outros programas equiparados, así como o persoal contratado baixo as figuras da LOU de profesor contratado doutor, profesor colaborador e profesor axudante doutor ou figuras similares tanto nas universidades como nos organismos públicos de investigación.
b) Outro persoal investigador que inclúe titulados superiores con relación contractual temporal ou que gozan dunha bolsa predoutoral ou postdoutoral de convocatorias competitivas.
c) Investigadores asociados: cando para a viabilidade do proxecto se considerase relevante a participación dalgún investigador vinculado a outro organismo de investigación, este poderá ser incorporado ao equipo como investigador asociado.
d) Calquera outro persoal, que realice tarefas de investigación, non previsto nos puntos anteriores.
2. Requisitos e limitacións.
2.1. Para os efectos da solicitude da axuda, os investigadores que constitúan o equipo deberán ter en conta os seguintes requisitos e limitacións:
a) O persoal doutor con dedicación a tempo completo ao correspondente organismo poderá participar con dedicación única a un só proxecto e con dedicación compartida a un máximo de tres proxectos dos que só de un deles poderá ser investigador principal.
b) O persoal doutor con dedicación a tempo parcial ao correspondente organismo, poderá participar con dedicación única como máximo nun proxecto, e con dedicación compartida en dous proxectos.
c) Os restantes membros do equipo non incluídos nalgún dos dous puntos anteriores só poderán participar nun proxecto.
d) As referencias feitas neste punto ao persoal doutor entenderanse válidas para os titulados superiores dos centros de investigación da Xunta de Galicia e centros sanitarios.
2.2. Ningún equipo, e polo tanto cada un dos seus membros, poderá ter vixente máis dun proxecto financiado con cargo a un programa sectorial do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.
Con base neste criterio, e tendo en conta as limitacións específicas descritas no punto anterior, cada investigador poderá solicitar como máximo aquel número de proxectos que lle poidan ser concedidos.
Exclúense do cómputo de proxectos vixentes: i) todos os proxectos internacionais; ii) todos os proxectos do Plan Nacional; iii) os proxectos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica que rematen no mesmo ano no que se solicita a axuda; iv) os subproxectos dos proxectos coordinados liderados por centros tecnolóxicos da comunidade autónoma.
A participación en proxectos anteriores do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica que non rematen no ano da convocatoria, terá a consideración de participación a tempo parcial.
2.3. Os contratados ao abeiro dos programas Ramón y Cajal e Isidro Parga Pondal ou equivalentes, se o seu contrato remata antes da finalización do proxecto para o que se solicita a axuda coa conseguinte perda de vinculación co organismo, poderán ser membros do equipo de investigación ata a data de finalización do seu contrato. Neste caso deberá figurar na solicitude, como mínimo un terceiro investigador que cumpra os requisitos necesarios para que unha vez substituído o investigador cesante non se vexa alterada de forma significativa a estrutura e a capacidade científico-técnica do equipo e se cumpran os requisitos mínimos requiridos na composición dos equipos.
B) Empresas privadas, agrupacións de empresas de carácter privado ou empresas públicas que teñan entre os seus fins ou realicen actividades de investigación.
Deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.
c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
d) Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.
e) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvención pública ou para contratar co Estado, as comunidades autónomas e outros entes públicos.
f) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 13.2º da Lei 38/2003 de 17 de novembro, xeral de subvencións.
g) Os demais exixibles en virtude de normas de dereito necesario.
C) Centros tecnolóxicos.
Poderán concorrer equipos de investigación dos seguintes centros tecnolóxicos:
* Centro de Innovación e Servizos-CIS Tecnoloxía e Deseño.
* Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira).
* Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT).
* Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC).
* Centro Tecnolóxico Armando Priegue (AIMEN).
* Centro Tecnolóxico da Carne.
* Centro Tecnolóxico Nacional de Conservación de Produtos de Pesca (ANFACO-CECOPESCA).
* Instituto de Cerámica.
* Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
* Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR).
* Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).
* Centro Tecnolóxico Galego de Acuicultura (CETGA).
* Instituto de Electrónica Aplicada Pedro Barrié de la Maza.
* Centro Tecnolóxico da Pesca de Celeiro (CETPEC).
* Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia.
* Centro Tecnolóxico da Lousa de Galicia.
Terceiro.- Contía das axudas e conceptos subvencionables
Estas axudas concédense para a realización de proxectos que se inicien no ano da convocatoria e que teñan unha duración máxima de tres anos, contado desde a data de concesión. Admitiranse custos do proxecto nos cales se incorren desde o 1 de xaneiro do ano de concesión da axuda.
A) Equipos de investigación.
Para os proxectos a realizar por equipos de investigación a contía máxima da axuda ascenderá a 120.000 euros, tanto para proxectos individuais como para subproxectos de proxectos coordinados. En xeral, as axudas solicitadas deberán referirse a algún dos conceptos seguintes, que en ningún caso serán considerados como subcontratación:
1. Persoal contratado especificamente para colaborar nas actividades de investigación do proxecto. Estes contratos serán incompatibles coa percepción de calquera outra remuneración. A contratación realizarase conforme os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.
Excepcional e unicamente para o caso de títulos obtidos no estranxeiro que estean en proceso de homologación polo Ministerio de Educación e Ciencia, admitirase, durante un período máximo de dous anos, a substitución do contrato por unha bolsa.
O importe mínimo para a contratación será de 21.000 euros por persoa e ano.
2. Material inventariable, indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificado. O material inventariable adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo ao que pertence o investigador principal do proxecto.
3. Material funxible debidamente xustificado.
4. Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.
5. Outros gastos (especificaranse no modelo de solicitude).
6. Custos indirectos: imputarase por este concepto un 15% do custo total do proxecto, co fin de resarcir o correspondente organismo dos gastos que a execución do proxecto leva implícitos.

B.1) Proxectos (todas as modalidades).
Para que a solicitude poida ser considerada, será necesario que o importe do custo total solicitado do proxecto sexa como mínimo de 50.000 euros, agás nos proxectos de demostración para os que non se establece custo mínimo. A contía das axudas terá as seguintes limitacións:
1. Proxectos de Investigación Industrial: ata un 70% do custo do proxecto.
Enténdese por investigación industrial a investigación planificada ou os estudos críticos que teñan por obxecto a adquisición de novos coñecementos que poidan resultar de utilidade para a creación de novos produtos, procesos ou servizos ou contribuír a mellorar considerablemente os produtos, procesos ou servizos existentes.
2. Proxectos de Desenvolvemento Precompetitivo: ata un 50% do custo do proxecto.
Enténdese por actividade de desenvolvemento precompetitivo a materialización dos resultados da investigación industrial nun plano, bosquexo ou deseño para produtos, procesos ou servizos novos, modificados ou mellorados, destinados á súa venda ou á súa utilización, incluída a creación dun primeiro prototipo non comercializable. Pode abarcar tamén a formulación conceptual e o deseño doutros produtos, procesos ou servizos.
3. Proxectos de Innovación Tecnolóxica: ata un 50% do custo do proxecto.
Enténdese por proxectos de innovación aquelas actividades que teñen por obxecto a obtención (produción) directa de novos produtos ou procesos ou melloras substanciais coñecidas nos xa existentes.
4. Proxectos de demostración: ata o 40% do custo do proxecto.
Son proxectos destinados ao desenvolvemento de experiencias piloto ou demostracións para aplicacións industriais ou para a súa explotación comercial.
As solicitudes destes proxectos poden incluír os conceptos seguintes que, agás os do punto 7 (colaboracións externas) non teñen a consideración de subcontratación:
1. Persoal técnico da empresa preciso para a realización do proxecto. O devandito persoal e a súa vinculación ao proxecto deberán quedar definidos na proposta.
2. Persoal adicional técnico-científico que contrate a empresa para a realización do proxecto e que no momento da contratación non teña vinculación laboral coa empresa nin a tivese nos dous últimos anos. Na solicitude deberá figurar o perfil requirido para a persoa que se contrate.
Nos conceptos sinalados nos puntos 1 e 2, non se admiten custos de persoal financiados con fondos europeos.
3. Material inventariable: adquisición de equipos e instrumental precisos para a realización do proxecto, na medida na que se dediquen ao proxecto en cuestión, e que estean debidamente xustificados. Admitiranse os alugamentos de equipos só en casos específicos e debidamente razoados. Non se admitirán custos de utilización nin amortizacións.
4. Servizos tecnolóxicos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, debidamente xustificados.
Entenderase por servizos tecnolóxicos aquelas actividades, diferentes á investigación proposta que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como:
* Análises e ensaios de laboratorio.
* Enxeñaría para a montaxe e operación.
* Estudos e actividades complementarias.
Non se admitirán servizos tecnolóxicos externos realizados por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial que a solicitante.
Se a actividade que se vai realizar forma parte da propia investigación deberá ser considerada como colaboración externa, e non como servizo tecnolóxico externo (ver punto 7).
5. Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.
6. Viaxes relacionadas coa execución do proxecto (os gastos de manutención non poderán superar a contía de 55 euros por persoa e día). Será preciso xustificar a necesidade da viaxe para a correcta execución do proxecto.
7. Colaboracións externas con universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos ou outras empresas, precisas para o proxecto e específicas para o seu desenvolvemento, debidamente pormenorizadas e xustificadas. O custo da colaboración poderá incluír calquera dos conceptos sinalados nos puntos anteriores e no caso de colaboracións con universidades, centros públicos de investigación ou centros tecnolóxicos será incrementado nun 10% en concepto de custos indirectos.
Co fin de incentivar a colaboración entre os distintos axentes do Sistema Galego de Innovación o custo total das colaboracións externas poderá acadar o 70 % do custo total do proxecto.
B.2) Dotación de laboratorios e departamentos de I+D.
Estas axudas poderán alcanzar como máximo o 70% do custo total do investimento que se vai realizar. As axudas poderán referirse a:
1. Adquisición de equipos para investigación, sempre que non supoñan duplicidade inxustificada de equipamento existente no Sistema Galego de Innovación. Xuntaranse á solicitude tres orzamentos dos equipos correspondentes.
2. Instalacións e acondicionamentos imprescindibles para o funcionamento dos equipos adquiridos.
3. Consumibles relacionados coa posta en marcha do laboratorio ou departamento de I+D sempre que non superen o 5% do investimento que se vai realizar.
Para este tipo de axudas será imprescindible que a empresa teña recursos humanos especificamente dedicados a I+D e deberá xustificar que actividades e proxectos se van levar a cabo. Terán prioridade aquelas empresas que realizasen proxectos de I+D+I con anterioridade.
Non se financiarán dotacións de laboratorio para control de calidade.
C) Centros Tecnolóxicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
As solicitudes destes proxectos poden incluír os conceptos seguintes:
1. Persoal técnico do centro, que non estea financiado con fondos públicos e que sexa preciso para a realización do proxecto. O devandito persoal e a súa vinculación ao proxecto deberán quedar definidos na proposta.
2. Persoal adicional técnico-científico que contrate o centro tecnolóxico para a realización do proxecto e que no momento da contratación non teña vinculación laboral co centro nin a tivese nos dous últimos anos. Na solicitude deberá figurar o perfil requirido para a persoa que se contrate. A contratación nos centros tecnolóxicos públicos realizarase conforme os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.
Excepcional e unicamente para o caso de títulos obtidos no estranxeiro que estean en proceso de homologación polo Ministerio de Educación y Ciencia, admitirase, durante un período máximo de dous anos, a substitución do contrato por unha bolsa.

3. Material inventariable: adquisición de equipos e instrumental precisos para a realización do proxecto, na medida na que se dediquen ao proxecto en cuestión, e que estean debidamente xustificados. Admitiranse os alugamentos de equipos só en casos específicos e debidamente razoados. Non se admitirán custos de utilización nin amortizacións. O material inventariable adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do centro ao que pertence o investigador principal do proxecto.

Entenderase por servizos tecnolóxicos aquelas actividades diferentes á investigación proposta, que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como:
- Análises e ensaios de laboratorio.
- Enxeñaría para a montaxe e operación.
- Estudos e actividades complementarias.

6. Viaxes relacionados coa execución do proxecto (os gastos de manutención non poderán superar a contía de 55 euros por persoa e día). Será preciso xustificar a necesidade da viaxe para a correcta execución do proxecto.
7. Colaboracións externas con universidades ou outros centros públicos de investigación, precisas para o proxecto e específicas para o seu desenvolvemento, debidamente pormenorizadas e xustificadas. O custo da colaboración poderá incluír calquera dos conceptos sinalados nos puntos anteriores, e será incrementado nun 10% en concepto de custos indirectos.
8. Custos indirectos: imputarase por este concepto un 15% do custo total do proxecto, co fin de resarcir o correspondente centro dos gastos que a execución do proxecto leva implícitos.
D) Proxectos coordinados.
A cada un dos subproxectos aplicaráselle a contía e conceptos subvencionables correspondentes a cada tipo de solicitante (equipos/empresas/centros tecnolóxicos).
Cuarto.- Formalización e presentación de solicitudes.
Os formularios de solicitude das axudas seguirán os formatos normalizados dos que, a título exclusivamente informativo, figuran como anexos as respectivas carautas (do XIV ao LXI), e que se deberán obter e cubrir necesariamente a través da aplicación informática establecida nos enderezos da internet http://www.dxid.org, http://www.xunta.es/servizos ou http://www.xunta.es/conselle/in. Para a correcta formalización dos formularios de solicitude, nos citados enderezos da Internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas polos solicitantes.
Rexeitarase calquera solicitude que non se formalice segundo o indicado no parágrafo anterior.
No caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a través do teléfono 981541071, do número de fax: 981 54 10 93, ou do enderezo electrónico dxid.informatica*xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.
As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.
Co obxecto de garantir a igualdade nun procedemento en concorrencia competitiva non serán admitidas a trámite as solicitudes que non inclúan a memoria científico-técnica sen que sexa admitida nestes supostos a emenda de documentación á que alude o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.
Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG.
Segundo o artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a presentación da solicitude de concesión de axudas ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.
A solicitude constará dos seguintes documentos:
A) Equipos de investigación.
a) Formularios normalizados de solicitude, por triplicado, obtidos a través da aplicación informática sinalada anteriormente, impresos sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal. Estes formularios deberán ser asinados polo investigador principal do proxecto e presentaranse co visto e prace do representante legal do organismo correspondente.
b) Os curricula vitae de todos os membros do equipo investigador poderán ser obtidos pola Dirección Xeral de I+D+I do Rexistro de Investigadores de Galicia (RIGA), no caso de non seren engadidos na propia aplicación informática de xeración de solicitudes, como documentos de texto en formato Word ou PDF. Neste último caso deberá utilizarse o formato normalizado da Dirección Xeral de I+D+I que se poderá obter na páxina web http://www.dxid.org ou na propia aplicación. En ambos os dous casos non será precisa a súa presentación en papel.
c) As solicitudes das axudas que se convocan nesta orde que procedan de persoal pertencente a hospitais que xestionen as súas actividades de investigación a través de fundacións de interese galego (Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego), deberán contar coa autorización do representante legal da devandita fundación e co visto e prace do responsable do hospital.
d) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude.
e) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
f) Informe de autorización emitido polo Comité Ético de Investigación Clínica nos proxectos que impliquen investigación en humanos ou utilización de mostras biolóxicas de orixe humana.
B) Empresas, agrupacións de empresas de carácter privado ou empresas públicas que teñan entre os seus fins ou realicen actividades de investigación.
a) Formularios normalizados de solicitude, por triplicado, obtidos a través da aplicación informática sinalada anteriormente, impresos sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal. Estes formularios deberán de ser asinados polo representante legal da entidade.
b) Curricula vitae de todos os membros do equipo investigador en formato normalizado da Dirección Xeral de I+D+I que se poderá obter na páxina web http://www.dxid.org, ou na propia aplicación no punto de outros. Este documento deberá ser engadido na propia aplicación como documento en formato Word ou PDF a través do mecanismo habilitado para tal efecto, polo que non é precisa a súa presentación en papel.
c) Unha copia compulsada do CIF da entidade solicitante, ou NIF no caso de empresario individual.
d) Unha copia compulsada do xustificante de alta na Seguridade Social.
e) Unha copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal da entidade solicitante.
f) Unha copia compulsada do documento nacional de identidade do representante legal da entidade.
g) Unha copia compulsada da escritura de constitución da entidade e modificacións, se é o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.
h) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude.
i) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
j) No caso de proxectos con colaboración externa achegarase unha copia compulsada do contrato de colaboración, asinado polos representantes legais das partes contratantes ou, no seu defecto, unha carta de intencións asinada polo responsable do proxecto na empresa ou agrupación de empresas, e o investigador principal do equipo de investigación da entidade que colaborará no proxecto.
k) No caso de dotacións de laboratorios e departamentos de I+D de empresas privadas ou agrupacións de empresas:
1. Descrición do material solicitado: indicando os accesorios principais de que consta a marca e o modelo. Se existen varias opcións, indicalas. A ser posible acompañar folleto/s con características técnicas.
2. Tres orzamentos dos equipos solicitados, utilizando para iso as correspondentes facturas proforma. Os orzamentos deberán estar detallados en función das diferentes unidades que constitúen o equipo.
l) Informe de autorización emitido polo Comité Ético de Investigación Clínica nos proxectos que impliquen investigación en humanos ou utilización de mostras biolóxicas de orixe humana.
C) Centros Tecnolóxicos.
a) Formularios normalizados de solicitude, por triplicado, obtidos a través da aplicación informática sinalada anteriormente, impresos sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal. Estes formularios deberán de ser asinados polo investigador principal do proxecto e presentaranse co visto e prace do representante legal do centro correspondente.

c) No caso de proxectos con colaboración externa achegarase unha copia compulsada do contrato de colaboración, asinado polos representantes legais das partes contratantes ou, no seu defecto, unha carta de intencións asinada polo investigador principal do proxecto do centro tecnolóxico e o investigador principal do equipo de investigación da entidade que colaborará no proxecto.

Ademais, os Centros Tecnolóxicos de carácter privado presentarán a documentación especificada para empresas nos puntos c), d), e), f), e g) do punto anterior.
D) Proxectos coordinados.
O responsable de cada subproxecto que integra o proxecto coordinado cubrirá a súa solicitude como queda reflectido nos puntos A, B e C (segundo sexa equipo de investigación, empresa ou centro tecnolóxico). O título de cada subproxecto estará composto de dúas partes: un acrónimo común a todos e un título diferente para cada un deles.
Quinto.- Tramitación.
A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.
Se a documentación achegada estivese incompleta, por parte da Dirección Xeral de I+D+I, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias con advertencia de que de non facelo considerarase desistido da súa solicitude, procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.
Se na tramitación e validación formal da solicitude por parte do persoal técnico da Dirección Xeral de I+D+I, se constatase o incumprimento por parte dos solicitantes dos requisitos e limitacións establecidos no punto segundo (requisitos dos beneficiarios), a solicitude sería excluída e non avaliada, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.
Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación ou falsificación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.
Cando a temática do proxecto o aconselle, despois do informe do xestor do programa e audiencia ao solicitante, o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación poderá determinar o transvasamento de solicitudes presentadas entre diferentes programas do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.
Sexto.- Avaliación e selección.
O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación nomeará avaliadores que realizarán dúas avaliacións científicas de cada solicitude, e unha terceira no caso de discrepancia significativa.
O xestor de cada programa, tendo en conta os informes de avaliación, realizará un informe sobre a idoneidade das solicitudes presentadas.
A selección das solicitudes e a determinación da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección constituída polos seguintes membros:
- O subdirector xeral de Innovación Empresarial ou persoa en que delegue, que actuará como presidente.
- O subdirector xeral de Xestión do PGIDIT.
- O xestor do programa sectorial correspondente.
- Un funcionario da Dirección Xeral de I+D+I, que actuará como secretario con voz e voto.
- Tres vogais designados polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación que, de ser o caso, representarán as direccións xerais con competencias no ámbito sectorial ao que se refiran as axudas.
Para a selección dos beneficiarios das axudas de investigación, teranse en conta os seguintes criterios:
A) Equipos de investigación.
a) A valoración científico-técnica realizada polos expertos externos terá un máximo de 70 puntos, sendo causa de exclusión a obtención dunha valoración inferior a 20, e nela teranse en conta os seguintes aspectos:
- Calidade e metodoloxía do proxecto: máximo 30 puntos (teranse en conta a orixinalidade da proposta e da metodoloxía, así como da súa viabilidade; grao de coñecemento dos antecedentes; e claridade, precisión e factores críticos dos obxectivos).
- Capacidade de I+D do equipo de investigación: máximo 20 puntos (terase en conta a experiencia en dirección de equipos e participación en proxectos do investigador principal; o nivel científico técnico; e a adecuación de tamaño e a composición do equipo de investigación).
- Interese innovador do proxecto e potenciais beneficios: máximo 10 puntos (teranse en conta a aplicabilidade e posibilidade de transferencia dos resultados; e o interese para o sector e posibles beneficios).
- Plan de traballo: máximo 5 puntos (teranse en conta a compatibilidade e coherencia cos obxectivos; e os factores de risco).
- Adecuación do orzamento: máximo 5 puntos (terase en conta o grao de xustificación).
b) A valoración realizada pola comisión de selección na que se terán en conta os seguintes aspectos (máximo 30 puntos):
- O interese, relevancia e oportunidade dos obxectivos do proxecto para a resolución de problemas do sector, así como a posibilidade de transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo de Galicia: máximo 10 puntos.
- Equipos multidisciplinares, presenza significativa de investigadoras e incorporación de doutores novos (menos de catro anos de experiencia posdoutoral): máximo 8 puntos.
- A valoración dos resultados obtidos polos investigadores que forman o equipo en proxectos financiados anteriormente pola Xunta de Galicia: máximo 5 puntos.
- Proxectos coordinados: 5 puntos.
- A coherencia dos obxectivos do proxecto coa Política Científica e Tecnolóxica da Xunta de Galicia: máximo 2 puntos.

B.1) Proxectos.

- Metodoloxía: máximo 20 puntos (teranse en conta a orixinalidade, así como a viabilidade e a adecuación).
- Interese innovador do proxecto e potenciais beneficios: máximo 20 puntos (teranse en conta a aplicabilidade e posibilidade de transferencia dos resultados; e o interese para o sector e posibles beneficios).
- Calidade do proxecto: máximo 10 puntos (teranse en conta a orixinalidade da proposta; grao de coñecemento dos antecedentes; e claridade, precisión e factores críticos dos obxectivos).
- Capacidade de I+D do equipo de investigación: máximo 10 puntos. Teranse en conta:
i. A valoración científico-técnica da empresa para desenvolver o proxecto, así como a experiencia da empresa e o seu equipo de investigación na dirección de proxectos de I+D+I anteriores e a transferencia de resultados ao seu sector produtivo.
ii. No caso de haber colaboración externa, terase en conta a experiencia en dirección de equipos e participación en proxectos do investigador principal; o nivel científico-técnico; e a adecuación de tamaño e a composición do equipo de investigación.

- Proxectos coordinados: 7 puntos.
- A coherencia dos obxectivos do proxecto coa política científica e tecnolóxica da Xunta de Galicia, así como o interese, importancia e oportunidade dos obxectivos do proxecto para a resolución de problemas do sector con repercusión en Galicia: máximo 6 puntos.
- A valoración dos resultados obtidos pola empresa en proxectos financiados anteriormente pola Xunta de Galicia: máximo 5 puntos.
- A capacidade da empresa para desenvolver os proxectos solicitados: máximo 4 puntos.
- Proxectos que se realicen en colaboración con organismos públicos de investigación ou con centros tecnolóxicos da Comunidade Autónoma de Galicia: 4 puntos.
- Presenza significativa de investigadoras no equipo de investigación: máximo 2 puntos.
- Empresas cualificadas como IEBTS (Iniciativas Empresarias de Base Tecnolóxica) pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo: máximo 2 puntos.
Así mesmo, a comisión poderá fixar o número máximo de proxectos que poden financiarse a unha mesma empresa ou grupo empresarial.

- Capacidade científico-técnica do persoal responsable do equipamento: máximo 40 puntos.
- Técnicas metodolóxicas desenvolvidas e interese e beneficios que proporciona á empresa a infraestrutura solicitada: máximo 20 puntos.
- Adecuación do orzamento: máximo 10 puntos.

- A capacidade da empresa para rendibilizar o investimento na dotación do laboratorio: máximo 10 puntos
- Vinculación da dotación do laboratorio aos proxectos aprobados: máximo 10 puntos.
- A valoración dos resultados obtidos pola empresa en proxectos financiados anteriormente pola Xunta de Galicia: máximo 10 puntos.

i. A valoración científico-técnica do centro para desenvolver o proxecto, así como a experiencia do centro e o seu equipo de investigación na dirección de proxectos de I+D+I anteriores, e a transferencia de resultados ao seu sector produtivo.

- Adecuación do presuposto: máximo 5 puntos (terase en conta o grao de xustificación).

- A coherencia dos obxectivos do proxecto coa política científica e tecnolóxica da Xunta de Galicia, así como o interese, importancia e oportunidade dos obxectivos do proxecto para a resolución de problemas do sector con repercusión en Galicia: máximo 10 puntos.
- Proxectos coordinados ou con colaboración externa: 10 puntos.
- A valoración dos resultados obtidos polo centro tecnolóxico en proxectos financiados anteriormente pola Xunta de Galicia: máximo 5 puntos.
- Incorporación de doutores no equipo de investigación (máis do 20%): máximo 3 puntos.

Así mesmo, a comisión poderá fixar o número máximo de proxectos que poden financiarse a un mesmo beneficiario.
Sétimo.- Resolución.
As comisións de selección elevarán a súa proposta, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, para a súa resolución, ao conselleiro de Innovación e Industria. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificarase aos interesados.
Para tal efecto a comisión, tendo en conta toda a información pertinente, elaborará unha proposta de concesión para cada modalidade na que se incluirá:
a) Relación priorizada dos proxectos que se propoñen para ser financiados, na que se incluirá unha proposta de orzamento, relación de proxectos avaliados positivamente en lista de espera e relación de proxectos que se consideran non financiables, de ser o caso.
b) No caso dos proxectos que se consideran non financiables, deberán indicarse as razóns de tal consideración.
No caso de que a comisión de selección propoña o financiamento de solicitudes correspondentes a centros de investigación dependentes da Xunta de Galicia, unha vez ordenadas por orde de prioridade decrecente, a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación estudará o seu financiamento, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias. De ser o caso, procederá a realizar unha retención de crédito na aplicación orzamentaria correspondente da dita Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación coa finalidade de que a consellería correspondente poida levar a cabo a oportuna ampliación de crédito do seu orzamento para realizar a execución das actividades de investigación.
O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da correspondente convocatoria será de 6 meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no devandito prazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.
Contra as resolucións expresas ou presuntas que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.
De non estimar a presentación deste recurso poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Oitavo.- Libramento da subvención.
A) Equipos de investigación.
A subvención será librada a través do organismo ou centro ao que pertenza o investigador principal do equipo, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.
Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade, organismo ou centro correspondente expida, na data límite do 30 de setembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a certificación expresiva dos gastos correspondentes á subvención outorgada.
Os beneficiarios das axudas poderán ser convocados, se fose preciso, a unha entrevista en relación coa execución do proxecto e os resultados obtidos.
Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Para poder percibir as axudas correspondentes, será preciso presentar, na data límite do 30 de setembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, os seguintes documentos:
a) Un resumo da execución da subvención no que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gastos.
b) Documentación acreditativa de realización do investimento ou gasto, que consistirá en orixinal e unha copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento posteriores ao 31 de decembro do exercicio correspondente.
c) No caso dos custos de persoal, tanto técnico propio como adicional contratado, con destino específico ao proxecto, deberá achegarse:
- Certificación emitida polo responsable de persoal co visto e prace do xerente ou director da empresa ou agrupación de empresas, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ó proxecto que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa, data de pagamento da S.S. e custo total imputado ao proxecto (retribucións + S.S.) segundo a dedicación de cada traballador a este.
Poderanse requirir xustificantes de pagamento relativos aos datos que figuran na devandita certificación.
- Un parte de traballo no que figure a dedicación de cada persoa ao proxecto, que deberá recoller as horas de dedicación mensual ao proxecto e as sinaturas dos traballadores co visto e prace do investigador principal do proxecto e do responsable de persoal da empresa ou agrupación de empresas.
- Copia compulsada do contrato de traballo, no caso do persoal adicional contratado, con destino específico ao proxecto.
- No caso de gastos de viaxes relacionados coa execución do proxecto deberá achegarse unha certificación por cada viaxe realizada que deberá incluír os seguintes datos: lugar de destino, data de ida, data de volta e motivo da viaxe, apelidos, nome, DNI e cargo na empresa das persoas desprazadas, facturas de ser o caso, concepto e importes imputados; asinado polo traballador e co visto e prace do investigador principal do proxecto e do responsable da empresa ou agrupación de empresas.
d) No caso de colaboracións con universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos ou outras empresas deberá achegarse:
- Copia compulsada do contrato no que se estableza a devandita colaboración, asinado polos representantes legais das partes contratantes, se non fora presentado coa solicitude.

- Orixinal e unha copia das facturas emitidas pola entidade colaboradora na que figure o título do proxecto financiado, acompañadas dos seus correspondentes xustificantes de pagamento.
e) Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale o número de conta do beneficiario onde se deba realizar o pagamento.
f) No caso de proxectos plurianuais con importe superior a 30.050,61 euros, xustificante de depósito de aval bancario ou de entidade aseguradora depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, que deberá cubrir o importe da correspondente anualidade xunto cos xuros deste calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro, vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto.
g) Un resumo, en formato normalizado facilitado pola Dirección Xeral de I+D+I, no que se reflectirán de forma sucinta os datos de execución do proxecto.
h) Unha memoria, en formato libre, na que se detallará de forma máis extensa o desenvolvemento científico-técnico do proxecto así como os resultados parciais obtidos.
Todos os datos incluídos nos dous documentos anteriores, excepto cando explicitamente se indique, formarán parte dunha base de datos, serán confidenciais e non se poderá facer uso deles salvo autorización expresa dos seus propietarios.
i) Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.
Poderán realizarse pagos parciais a conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.
Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobro desta anualidade.
C) Centros tecnolóxicos.
C.1) Os centros tecnolóxicos de carácter público presentarán a mesma documentación que a indicada para equipos de investigación (punto A deste mesmo punto), mais a documentación especificada para empresas no caso de colaboracións externas (punto d).
C.2) Os centros tecnolóxicos de carácter privado presentarán a documentación especificada para empresas (punto B deste mesmo punto).
D) Proxectos coordinados.
Cada un dos membros do proxecto coordinado cubrirá a documentación da anualidade de que se trate como queda reflectido nas epígrafes A, B e C deste punto, se ben a memoria científico-técnica de carácter libre será única para todo o proxecto, sendo responsable da súa coordinación o líder do proxecto.
A achega perante a Administración desta documentación centralizarase a través do líder de cada proxecto. O incumprimento dun dos socios considerarase incumprimento do total do proxecto.
Noveno.- Modificación da resolución de concesión de axudas.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión de axuda, que será ditada pola Consellería de Innovación e Industria, tal e como se especifica no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos seguintes supostos:
1. Cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.
2. Pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.
3. Cando se modifiquen as circunstancias que alteran a solicitude presentada inicialmente, o beneficiario deberá solicitar a devandita modificación, mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria, na que se indiquen as devanditas circunstancias, con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento.
As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das que poida conceder esta consellería para o mesmo proxecto.
Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra destinada ao mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que a conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total do proxecto. Non obstante, nos casos das empresas, o conxunto das axudas acadadas non poderán exceder, en termos de subvención neta equivalente, á porcentaxe do 40% sobre o investimento subvencionable, agás nos casos das Pemes, no que poderá acadarse ata o 50%. Enténdese por pequena e mediana empresa a que cumpre cos seguintes requisitos: que ocupa menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede 50 millóns de euros ou o seu balance anual non excede 43 millóns de euros. Para o cálculo dos efectivos e os importes financeiros mencionados rexerá o disposto na Recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003 sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE L 124, do 20 de maio de 2003).
Décimo.- Reintegro da axuda.
Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro da presente Orde deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime orzamentario de Galicia na súa vixente redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.
Undécimo.- Renuncia ás axudas.
No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme ao establecido no artigo anterior.
Duodécimo.- Seguimento dos proxectos.
A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación poderá utilizar os procedementos que considere precisos para coñecer o desenvolvemento da acción financiada e o investimento das cantidades achegadas. En calquera caso, e para proxectos, solicitaranse informes parciais ou finais, de ser o caso, que acrediten o proceso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento e ademais, no caso de proxectos empresariais ou de centros tecnolóxicos, poderanse realizar visitas coa mesma finalidade.
O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, poderá coñecer a marcha das actuacións financiadas e propor a suspensión da axuda se da análise se derivase unha mala utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos previstos.
Nas axudas de dotación de laboratorios e departamentos de I+D, enviaráselles ás empresas beneficiarias un requirimento para que, no prazo máximo dun mes, remitan un informe destinado a coñecer a utilización dos equipos adquiridos.
Décimo terceiro.- Dotacións orzamentarias.
As axudas imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican no seguinte cadro, nas que existe crédito axeitado e suficiente no orzamento da comunidade autónoma para o ano 2006.
As aplicacións sinaladas cun asterisco (*) están cofinanciadas nun 75% con fondos Feder.
Décimo cuarto.- As bases que rexen a concesión das axudas e todos cantos actos administrativos se deriven da súa aplicación, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de marzo.
No entanto, tódalas cantidades antes citadas poderán incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.
Disposición derradeira.- En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas a subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que resulte de aplicación.
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2006.
Fernando Xavier Blanco Álvarez
Conselleiro de Innovación e Industria
ANEXO I
* Recursos Agropecuarios (RAG).
Este programa ten como finalidade desenvolver as actividades de I+D+I nos sectores agrario e gandeiro., , Neste senso, son de interese aqueles proxectos que perseguen a diversificación e o aumento da eficiencia e da calidade dos sistemas da produción nos sectores agrario e gandeiro mediante a incorporación de novas especies propias atendendo á demanda de novos produtos ou mellorando as variedades e a calidade dos produtos vexetais e gandeiros como lácteos e carne e fixando, en definitiva, man de obra cualificada no medio rural. Estas melloras poden derivar da utilización de técnicas de produción máis avanzadas, de novos inputs (por exemplo fertilizantes orgánicos, forraxes, alimentos gandeiros), dos avances na mellora das condicións sanitarias da produción animal e vexetal (por exemplo, novos métodos de diagnose e tratamento de patoloxías, novas estratexias no control e erradicación de enfermidades e control integrado de pragas). Pode tamén orientarse a proxectos de I+D+I relacionados coa mellora da organización produtiva. Serán de interese os proxectos de desenvolvemento de novas tecnoloxías de mecanización e automatización de procesos produtivos, de aplicación de biotecnoloxías aos sistemas de produción e o desenvolvemento de produción sustentable baseada na utilización dos recursos naturais, así como o manexo e conservación do solo e a diminución do impacto ambiental mediante o uso racional dos insumos.
ANEXO II
* Recursos Mariños (RMA).
Este programa persegue a utilización óptima dos recursos mariños renovables, incluíndo as bases técnicas da xestión e da ordenación e o estudo dos procesos biolóxicos e ambientais con repercusión sobre os recursos. Son de interese aqueles proxectos relacionados cos seguintes aspectos: a) o coñecemento do medio mariño como soporte da produción biolóxica explotable e dos factores que afectan á súa calidade; b) os recursos pesqueiros e marisqueiros, incluíndo a obtención de coñecementos para a ordenación e xestión sustentable dos ecosistemas; c) a acuicultura, incluíndo o cultivo de novas especies, a mellora das existentes, as patoloxías, o desenvolvemento de tecnoloxías ou procesos de produción e manipulación destinadas ao incremento da produtividade e a minimización do impacto ambiental; d) o procesado industrial encamiñado a posibilitar a comercialización das especies capturadas ou cultivadas; e) a trazabilidade dos recursos mariños e dos seus derivados, incluíndo a identificación e autenticación da súa orixe.
ANEXO III
* Biodiversidade e Recursos Forestais (RFO).
Este programa ten como finalidade desenvolver as actividades de I+D+I no sector forestal. Así mesmo está orientado a fomentar os recursos forestais de Galicia así como a súa mellor utilización, baixo criterios de Xestión Forestal Sustentable. Son de interese os proxectos de composición, estrutura e funcionamento dos ecosistemas forestais, mellora da súa competitividade, conservación da diversidade xenética forestal, técnicas de xestión forestal sostíbel, modelización forestal, impacto do cambio climático nos ecosistemas forestais, avaliación e mellora da capacidade de fixación do carbono polas masas forestais, mellora da saúde forestal, técnicas de protección contra incendios forestais e recuperación de áreas queimadas, producións complementarias do monte e avaliación económica da silvicultura e ordenación forestal.
Outra finalidade deste programa é desenvolver os aspectos relacionados coa conservación da biodiversidade dun modo xenérico mediante traballos de restauración, con especial interese sobre as especies existentes en Galicia que figuren no Catálogo Galego de Especies Ameazadas ou nos anexos das directivas comunitarias 79/409/CEE e 92/43/CEE, proxectos de investigación relacionados coa análise da riqueza biolóxica dos espazos naturais galegos, en especial os incluídos na Rede Natura 2000 e proxectos de investigación sobre o impacto das actividades humanas na biodiversidade.
ANEXO IV
* Recursos Enerxéticos e Mineiros (REM).
A finalidade deste programa é mellorar a utilización dos recursos enerxéticos e mineiros. O sector enerxético presta un servizo imprescindible para a vida dos cidadáns e cobre un amplo espectro da actividade económica, dende a explotación dos recursos naturais até a súa utilización final na industria, servizos e transporte.
En relación aos recursos enerxéticos, son de interese os proxectos relativos á produción de enerxía a partir de recursos fósiles mediante sistemas máis limpos e eficientes. Teñen grande importancia os proxectos relacionados coa avaliación de recursos de enerxías renovables, investigación e desenvolvemento de bioenerxías (en particular os relacionados co uso da biomasa e dos biocombustíbles), mellora de compoñentes e sistemas fotovoltaicos, mellora dos sistemas de xeración de enerxía eólica, obtención de combustibles líquidos a partir de residuos sólidos e o desenvolvemento de tecnoloxías asociadas á enerxía do mar e do hidróxeno. En relación cos recursos mineiros, o interese céntrase en proxectos relacionados coa mellora nos procesos de localización, extracción e elaboración de materias primas, fundamentalmente granito e lousa. E, en conxunto, todas aquelas accións favorecedoras do aforro enerxético.
ANEXO V
* Biotecnoloxía e tecnoloxía farmacéutica e de ciencias da saúde (BTF).
Este programa ten por finalidade a investigación nos diversos ámbitos do sector sanitario, co fin último de acadar unha asistencia sanitaria de excelencia e a mellora da calidade de vida da poboación. Inclúe desde a xenómica e a medicina preditiva ou rexenerativa, até a saúde ambiental, pasando pola bioenxeñaría, as neurociencias e a saúde internacional. O eixo central é a investigación na saúde humana nos seus diferentes niveis: investigación biomédica aplicada; investigación en medicina clínica; investigación epidemiolóxica, en saúde pública (educación para a saúde, estilos de vida, envellecemento poboacional, seguridade e hixiene no traballo) e en servizos de saúde e investigación en tecnoloxías (bioinformática, biotecnoloxía, avaliación de tecnoloxías sanitarias, por exemplo na telemedicina).
O primeiro obxectivo deste programa é promover a investigación que permita afondar no coñecemento de mecanismos moleculares, bioquímicos, celulares, xenéticos, fisiopatolóxicos e epidemiolóxicos das enfermidades e problemas de saúde, establecendo ao tempo estratexias de prevención e tratamento, nomeadamente nas áreas prioritarias do Plan de Saúde de Galicia, como nos ámbitos do cancro, cardiovascular, mental e respiratorio.
Nun segundo termo, preténdense fomentar o desenvolvemento de tecnoloxías para a saúde e o benestar que contemplen os aspectos curativos, preventivos e de apoio para permitir a participación dos cidadáns na sociedade do benestar. A focalización en diferentes grupos de poboación: infancia, adolescencia, xuventude, maiores, muller, discapacidade, familia e estilos de vida, calidade e saúde no traballo, debe permitir un achegamento máis axeitado destas tecnoloxías ás diferentes necesidades e expectativas.
Son de interese os proxectos relacionados coas liñas estratéxicas de política de investigación sanitaria da comunidade autónoma, os orientados á solución de problemas sanitarios con impacto na poboación galega e os detallados no Plan de Saúde de Galicia. Tamén serán de interese actuacións relacionadas coa biotecnoloxía farmacéutica, incluso aquelas que non están directamente ligadas á biotecnoloxía. A instrumentación médica como, por exemplo, a aplicación de detectores e aceleradores de partículas e núcleos á medicina. Investigación básica e clínica en enfermidades, ensaios clínicos, epidemioloxía, saúde pública, servizos para a saúde, investigación farmacéutica, desenvolvemento e avaliación de medicamentos, tecnoloxías de apoio a sectores da poboación sensibles, tecnoloxías sanitarias e seguridade e saúde no traballo son liñas de actuación prioritarias deste programa.
ANEXO VI
* Tecnoloxías da Alimentación (TAL).
O obxectivo deste programa é favorecer o desenvolvemento do sector da alimentación galego, utilizando a I+D+I como vía para impulsar a investigación, a transferencia de tecnoloxía e a innovación nas empresas que permita o aproveitamento da gran diversidade agrícola, gandeira, pesqueira e acuícola galega. Ademais, preténdese xerar unha oferta variada e competitiva de produtos de gran calidade, que dea resposta ás demandas da sociedade actual, relacionadas coa calidade, saúde e seguridade, ao longo de toda a cadea de produción e que, ao mesmo tempo, permita o desenvolvemento do medio rural, costeiro e que potencie a competitividade das empresas alimentarias, para acadar unha maior dimensión internacional. Con carácter xeral, son de interese os proxectos que teñan por finalidade a diversificación e diferenciación na oferta de produtos de calidade, seguros e saudables; novas formas de presentación; a caracterización e viabilidade de novas materias primas; a produción de alimentos e aditivos; a automatización e robotización de procesos de produción e o desenvolvemento de novos sistemas de envasado, como os envases activos.
Co fin de asegurar a calidade dos produtos que chegan ao consumidor é necesario facer un seguimento dos produtos, establecendo a orixe das materias primas e aditivos, a detección de posibles contaminacións presentes nas materias primas, durante o procesamento e nos produtos finais até chegar ao consumidor (trazabilidade). É de gran interese o establecemento de novas técnicas moleculares rápidas para a determinación da orixe, autenticidade das materias primas e produtos transformados, o desenvolvemento de novos métodos de análise de contaminantes ambientais, de substancias responsables de alerxias e intolerancias alimentarias, axentes canceríxenos, microorganismos patóxenos ou substancias procedentes dos materiais que estean en contacto cos produtos.
Merecen atención os proxectos relacionados con produtos de especial presenza en Galicia como as conservas e outros transformados de produtos do mar, o leite e os seus derivados, o viño, a carne e tamén outros produtos de alto potencial como as castañas ou os cogomelos, grelos, etc.
ANEXO VII
* Tecnoloxías Ambientais (TAM).
Este programa ten por finalidade favorecer a innovación tecnolóxica como factor clave para o desenvolvemento económico sustentable. Inclúe desde a química verde até a investigación en mobilidade sostible, pasando pola valorización de residuos e a xestión e tratamento de augas. Por tanto, son de interese os proxectos de investigación e desenvolvemento relacionados coa incorporación das Mellores Técnicas Dispoñibles e de tecnoloxías limpas ao proceso produtivo das empresas para reducir o seu impacto ambiental, co fin de obter unha maior eficiencia no consumo de materias primas e unha redución de emisións e residuos xerados. Preténdese fomentar tamén o sector dedicado á enxeñaría e desenvolvemento de equipos de uso ambiental.
Son de interese os proxectos relacionados coa xestión integral de residuos (por exemplo, aplicación da biotecnoloxía na valorización, tratamentos para redución de toxicidade, tecnoloxías para depuración de lixivias ou recuperación de materiais depositados en vertedoiros). Atenderanse proxectos de redución das emisións á atmosfera e ás augas (por exemplo, tratamentos avanzados fisicoquímicos e biolóxicos como tecnoloxías de membranas e oxidación, tecnoloxías de nitrificación/desnitrificación e eliminación de fósforo de alta eficacia, sistemas avanzados de tratamento de olores ou o deseño de equipos de corrección ambiental do ruído).
ANEXO VIII
* Tecnoloxías dos Materiais (TMT).
A finalidade deste programa é fomentar a investigación en relación aos novos materiais, co obxectivo de atender as necesidades doutros sectores produtivos nos que estas tecnoloxías teñen grande relevancia. En xeral, considéranse fundamentais a xeración de materiais compostos, o desenvolvemento de aceiros de alta resistencia, as tecnoloxías de recubrimento e tratamento térmico superficial e a caracterización de novos procesos que dean lugar a materiais de características específicas de dureza, resistencia, elasticidade, condutividade ou transmisión térmica. Tamén son proxectos de interese para este programa os que atinxen á mellora e desenvolvemento de materiais cerámicos (por exemplo, cerámicas funcionais, revestimentos cerámicos, novos tipos de tellas e tellados, biomateriais cerámicos e cementos para cirurxía reconstrutiva); proxectos de desenvolvemento e mellora de polímeros e materiais compostos (por exemplo, para estruturas reforzadas, novas fibras poliméricas, illantes térmicos, acústicos e ignífugos) e proxectos relacionados cos materiais metálicos, en canto á súa resistencia e vida útil e outras propiedades que lle confiren maior valor engadido (por exemplo avances cara a purificación de metais e no desenvolvemento de aliaxes especiais, técnicas contra a corrosión de metais, aliaxes lixeiras, etc.). Así mesmo, terán especial interese os proxectos relativos a materiais semicondutores e outros derivados do silicio; refractarios e acumuladores de calor; nanomateriais; tratamentos superficiais de materiais metálicos (térmicos, bombardeo iónico, etc); recubrimentos superficiais poliméricos (pinturas, vernices, etc); madeira e tratamentos; proxectos de tecnoloxías da unión con obxecto principal os materiais base e de achega; sistemas construtivos acordes coa prevención de riscos laborais; formigón e pavimentos de propiedades especiais.
ANEXO IX
* Tecnoloxías da Construción e Conservación do Patrimonio (CCP).
Este programa ten un dobre obxectivo, por un lado, pretende dotar ao sector da construción de novas solucións baseadas no uso de tecnoloxías avanzadas. Este programa diríxese, por exemplo, a proxectos de minimización do consumo enerxético das construcións, optimización da calidade da construción e maximizar a súa vida útil, uso de novos materiais e novos tipos de construción, métodos para a avaliación do estado de estruturas, sistemas construtivos que faciliten o mantemento e a substitución.
Son liñas de especial interese: rochas ornamentais (granitos e lousas) e os seus sistemas de ancoraxe, tecnoloxías de unión (soldadura, adhesivos ...), sistemas construtivos acordes coa prevención de riscos laborais, formigón e pavimentos de propiedades especiais e sistemas de ancoraxe de rochas ornamentais. Por outro lado, trátase de desenvolver técnicas, procedentes da construción, que poidan ser aplicadas na conservación do patrimonio e que supoñan unha mellora significativa respecto das utilizadas na actualidade.
Tamén son de son de interese os proxectos que melloren as tecnoloxías de restauración, os de inventario e estudo de elementos históricos, artísticos e arqueolóxicos e os proxectos de busca de novas fórmulas para rendibilizar de modo sostible o patrimonio cultural.
ANEXO X
* Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).
Este programa ten como finalidade estimular o avance no sector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, pero tamén favorecer a incorporación de solucións innovadoras xeradas por este sector aos demais sectores da economía galega. Inclúe dende a investigación básica en fotónica para a súa aplicación en comunicación óptica até novas tecnoloxías audiovisuais en rede ou realidade virtual, pasando por aplicacións concretas na biomedicina, no sector aeroespacial ou no educativo. Son de interese os proxectos relacionados co desenvolvemento de novos equipos baseados nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións para aplicación nos sectores empresariais, sociais ou para o seu uso cotián (pesca, transporte, automoción, audiovisual, teleensino, telemedicina, etc) e aqueles proxectos que se orienten a introducir melloras como a automatización na produción e miniaturización de compoñentes, aumento das posibilidades de interconexión entre equipos, aumento do tempo de autonomía de aparellos portátiles, novas posibilidades da intelixencia artificial, etc. Acóllense tamén a este programa os proxectos relacionados coa mellora das comunicacións (equipos, sinais, transmisións, novos protocolos para redes, etc.).
Tamén os novos servizos multimedia baseados nas infraestruturas da televisión dixital (con especial fincapé nas aplicacións da televisión dixital interactiva baseadas no MHP), da terceira xeración móbil, posicionamento global e outras, precisan de novos equipamentos para operadores e usuarios empresariais e residenciais, cuxo deseño, integración e explotación, requiren de proxectos avanzados dentro do sector das TIC para acadar un maior valor engadido nos procesos e nos produtos.
Non son obxecto deste programa os proxectos que teñan por única finalidade desenvolver aplicacións informáticas, xa que os ditos proxectos teñen cabida no programa de Sociedade da Información.
ANEXO XI
* Tecnoloxías de Deseño e Produción Industrial (DPI).
Este programa está dirixido a un número limitado de sectores de tipo industrial que, pola súa natureza, necesitan das tecnoloxías procedentes de moi diversas áreas científicas e tecnolóxicas. Incorporan, polo tanto, un conxunto de ámbitos de coñecemento que conflúen para dar lugar a procesos competitivos, fortes, flexibles e sostibles ambientalmente. A nova estratexia en infraestrutura exixe realizar operacións áxiles e integrar a cadea de subministración, sendo imprescindibles no novo escenario o control informático, a intelixencia concorrente, a automatización, a simulación, a visión por computador ou a elaboración rápida de prototipos. Estes sectores son: madeira e moble, téxtil e confección, construción naval, bens de equipo e maquinaria, loxística, artes gráficas e química.
Os proxectos de interese para este programa son os que teñen por finalidade a mellora dos procesos produtivos ou de deseño, non mediante a adquisición de equipos, senón mediante a definición de procesos novos ou mellorados, desenvolvendo novos equipos para incorporar a estes procesos ou adaptando outros xa existentes. Tamén son de interese os proxectos que perseguen a definición de novos compoñentes para o proceso produtivo, o aproveitamento de subprodutos, as melloras significativas do produto ou a definición de novos produtos, así como a incorporación do criterio ambiental na concepción e deseño de procesos e produtos (por exemplo, uso eficiente da enerxía, ecodeseño, alternativas ao uso de substancias químicas disolventes, desenvolvemento de plásticos e envoltorios biodegradables, monitorizar o uso de enerxía e a produción de residuos).
En concreto, serán de interese os proxectos relacionados con sistemas de corte (plasma, láser, chorro de auga, etc); ferramentas, útiles e moldes; sistemas de mecanizado en seco; mecanizados de precisión; métodos de ensaio e inspección non destrutivos (raios X, holografía, ultrasóns, metroloxía óptica, visión artificial, etc); control intelixente de procesos; técnicas de simulación e modelado aplicadas a produtos e procesos; biomecánica, ergonomía, interfaces persoa-máquina; fabricación flexible e cambios rápidos; dispositivos loxísticos de produción. Pola súa importancia estratéxica establecerase unha modalidade específica para as tecnoloxías de deseño e produción industrial para a automoción.
ANEXO XII
* Ciencias Sociais (CSO).
Este programa destínase á investigación, o desenvolvemento e a innovación no ámbito das ciencias sociais e culturais e en relación aos temas que a continuación se sinalan:
* Educación, é dicir, proxectos relacionados coa innovación e a investigación educativa e aplicación de novas tecnoloxías dirixidas, entre outros obxectivos, á diminución do fracaso escolar e á integración de minorías.
* Dereito, economía e empresa, é dicir, investigación relacionada con materias xurídicas, económicas e de xestión empresarial que afecten a calquera dos sectores económicos e sociais relevantes na Comunidade Autónoma galega, facendo fincapé no mercado laboral, mellora das condicións de vida e desenvolvemento de economía sustentable, así como a adaptación, incidencia e aplicación das políticas europeas en Galicia.
* Xestión da I+D+I, é dicir, traballos destinados a coñecer e mellorar a situación da I+D e da innovación en Galicia, dende o punto de vista dunha xestión máis axeitada.
* Coñecer os procesos culturais, sociais ou económicos que definen as claves da sociedade galega actual e os seu problemas cara o futuro. Demografía, despoboamento e envellecemento da poboación, os procesos migratorios, o proceso de industrialización. A historia de Galicia, a memoria da sociedade actual e a construción da sociedade civil.
* Desenvolvemento de industrias culturais.
* Estudos da lingua galega e do multilingüismo.
* A cultura galega e a investigación multicultural. O sistema cultural galego-portugués e a súa universalización.
Tamén son obxecto deste programa o turismo, o lecer e o deporte, é dicir, proxectos relacionados co estudo da demanda turística e de motivación do ocio, relación entre o turismo e a conservación da paisaxe e do patrimonio, saturación, novos destinos turísticos e espazos turísticos emerxentes. A análise, a diferentes escalas, de centros turísticos, diversificación da oferta turística, etc. Impacto paisaxístico e social das formas masivas de turismo e lecer e o deseño de fórmulas que garantan o uso sustentable dos recursos turísticos, co obxectivo de deseñar unha oferta turística acorde co modelo paisaxístico e o desenvolvemento sustentable.
ANEXO XIII
* Sociedade da Información (SIN).
A finalidade deste programa é atender proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica relacionados coa extensión da Sociedade da información en Galicia, fundamentalmente en tres áreas:
* Relacións coa Administración, é dicir, proxectos destinados á creación tecnoloxicamente innovadora de contidos dixitais ou audiovisuais e aplicacións informáticas relacionados coa Administración pública e en particular coas relacións entre os cidadáns e a Administración.
* Calidade de vida, é dicir, proxectos destinados á creación de contidos dixitais ou audiovisuais e aplicacións informáticas en áreas tales como a sanidade, a educación, o turismo, o lecer ou os deportes, co obxectivo último de mellorar a calidade de vida da comunidade.
* Aplicacións a sectores económicos, é dicir, proxectos destinados á creación de aplicacións informáticas, relacionados con todos os sectores económicos da comunidade autónoma e, en particular, con aqueles nos que poidan contribuír en maior medida ao seu desenvolvemento, tales como transportes, pesca, comercio, audiovisual, etc. ou que teñan impacto en aspectos transversais como o ambiente.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Orde
Clasificación
INVESTIGACIÓN AMBIENTAL