Diario Oficial de Galicia, 26-05-2005, Núm. 100, Páx. 9060
Orde do 16 de maio de 2005 pola que se establecen e regulan axudas para a conservación e recuperación das poboacións de coello de monte autóctono.
O coello de monte é o principal obxectivo da caza menor en Galicia. Este lagomorfo sufriu nos últimos anos o progresivo descenso da actividade agrícola no medio rural e o paulatino abandono dos cultivos que constituían unha parte importante da dieta destes animais e, a maiores, a azouta da enfermidade hemorráxica vírica e da mixomatose, polo que diminuíron dramaticamente as súas poboacións.
Co obxecto de reforzar estas poboacións deficitarias recorreuse a repoboar os nosos montes con coellos híbridos, procedentes de granxas cinexéticas, que están a poñer en perigo a calidade xenética das poboacións cunícolas autóctonas.
Os poderes públicos deben garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais por medio do seu uso prudente e racional. Neste sentido, o labor da Administración autonómica, entre outros, é intentar harmonizar as actividades tradicionais e económicas coa conservación e o aproveitamento sostible dos recursos.
Por todo iso, faise necesario poñer en marcha un programa de axudas que incentivando actuacións racionais no medio natural propicien a recuperación do noso coello autóctono.
Esta orde pretende establecer unha liña de axudas económicas para fomentar a contrución de instalacións de produción e cría en semiliberdade do coello de monte, propiciar o restablecemento das súas poboacións, naqueles espacios en que xa non queden efectivos ou se atopen en niveis moi baixos, ao tempo que se reforza a presenza de exemplares autóctonos en substitución dos coellos híbridos utilizados nas repoboacións dos montes nos últimos anos.
O artigo 148.1º.11 da Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia confírelle á nosa Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de caza.
O Decreto 106/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, en relación ao Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 23/2002, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, atribúenlle á citada consellería, dentro de súas competencias o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.
Por outra parte, a Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, establece a competencia na planificación, ordenación, fomento, vixilancia e control da caza á consellería, a cal realizará cantas actuacións considere precisas para acadar os fins da lei. Entre elas, e co fin de conservar, preservar e mellorar o hábitat natural das diferentes especies cinexéticas, a Xunta de Galicia poderá acordar as oportunas medidas de axuda para o logro do dito obxectivo e cantas outras de carácter limitativo, correctoras ou restauradoras persigan idéntica finalidade. Desta maneira, xunto coa creación dun instrumento xurídico regulador da caza en Galicia, posibilitouse a creación dun instrumento financeiro orientado ao fomento daquelas actividades orientadas á conservación e mellora do recurso cinexético por medio dun aproveitamento sostible.
A Comunidade Autónoma de Galicia procedeu a través da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, á adaptación do actual tratamento das subvencións, recollido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia ao contido das disposicións de carácter básico da Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, mantendo plenamente aplicable e vixente o resto da regulación que define o réxime das subvencións.
A Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que regula a concesión de axudas e subvencións que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma.
Esta orde de axudas é conforme co establecido no artigo 33 do Regulamento (CE) número 1257/1999, sobre a axuda ao desenvolvemento rural con cargo ao FEOGA e pola que se modifican e derrogan determinados regulamentos, e conforme co Regulamento (CE) número 1260/1999, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estruturais.
En virtude do anterior, en consonancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo 1º.- Obxecto das axudas.
Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable aos terreos cinexéticos para a conservación e recuperación do coello de monte (Oryctolagus cuniculus), mediante a construción das instalacións necesarias para a súa produción e cría en semiliberdade. Para tal fin a Consellería de Medio Ambiente desenvolverá un programa de actividades de divulgación das técnicas precisas para a construción destas instalacións.
Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación así como o de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados nesta orde e de eficiencia na asignación e utlización dos recursos públicos, con sometemento en todos os seus extremos ao previsto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, e o previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.
Artigo 2º.- Actuacións subvencionables.
Son obxecto das axudas reguladas por esta orde a construción ou a reforma das instalacións necesarias (tobeiras, cerrados e sementeiras) para a produción e cría do coello de monte en semilibertade.
Artigo 3º.- Beneficiarios.
Poderán acollerse a estas axudas os titulares, particulares ou societarios, de terreos cinexeticamente ordenados (Tecor).
Artigo 4º.- Importe das axudas.
A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.
A Consellería de Medio Ambiente subvencionará investimentos ata un máximo de 9.000 euros por beneficiario e o importe máximo das axudas será do 75% do investimento.
O IVE non será subvencionable.
A porcentaxe definitiva da subvención fixarase de acordo cos criterios sinalados no artigo 9º.
As axudas desta orde serán compatibles con calquera outra destinada para os mesmos fins, sempre que o total das subvencións non superen o custo total do investimento solicitado.
Artigo 5º.- Solicitudes e documentación.
Os interesados presentarán as súas solicitudes de subvención segundo o modelo do anexo I, xunto cos respectivos proxectos ou memorias de actividades ou obras que se pretende executar.
As solicitudes de subvención irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e presentaranse, debidamente asinadas e por duplicado, nas delegacións provinciais, directamente ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, no prazo de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:
- Fotocopia do CIF/NIF do beneficiario da subvención.
- Certificación bancaria de ter aberta unha conta a nome do beneficiario da axuda, con expresión do seu CIF/NIF e o número de conta (vinte díxitos).
- Se o titular fose unha sociedade, acordo do órgano competente desta polo que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, e no cal deberá figurar, así mesmo, a persona designada como representante daquela para os efectos da solicitude. Xuntarase o DNI da persoa designada.
- Memoria do proxecto, realizada por un técnico competente, que se adecúe as indicacions do anexo II e que deberá incluír: descrición das instalacións, plan de captura ou adquisición dos reprodutores, programa orzamentario, orzamento detallado, calendario e prazo aproximado de execución. O plan de manexo do cerrado, programa sanitario que se aplicará acomodarase ás especificacions do anexo III.
- Certificacións que acrediten que o beneficiario está ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou presentar o anexo IV desta orde, debidamente cuberto.
- Declaración do conxunto das solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas competentes.
- Acreditación dos méritos observados no artigo 5º e que fosen alegados.
- Acreditación da dispoñibilidade dos terreos para a realización das obras, mediante autorizacións ou permisos dos propietarios dos predios correspondentes ou, polo menos, a súa solicitude. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá requirir calquera documentación complementaria que considere conveniente.
Artigo 6º.- Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais que comezarán a contar desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. A solicitude presentada por representación deberá estar acompañada do documento acreditativo correspondente.
Artigo 7º.- Mellora e corrección das solicitudes.
Iniciado o procedemento, os servizos provinciais de Conservación da Natureza examinarán as solicitudes e documentos anexos presentados. No caso de que fosen observadas faltas ou omisións, requirirase ao interesado para que o expediente sexa emendado ou completado, nos 10 días hábiles seguintes ao da súa notificación, con indicación de que se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, arquivándose o expediente sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.
Artigo 8º.- Inspección previa.
En todas as solicitudes de actuacions consideradas subvencionables, o personal técnico realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica.
Artigo 9º.- Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas.
A orde de prelación para a concesión das subvencións basearase na puntuación acadada por cada solicitude, de acordo coas seguintes prioridades:
Criterios de avaliación das actividades subvencionables: Puntos
Acreditación de que se dispón de persoal que se ocupe do manexo das instalacións. Terase en conta a súa cualificación profesional e a dotación de efectivos: De 0 a 30
Compromiso de peche definitivo, acordado pola asemblea xeral de socios, das instalacións do Tecor dedicadas á cría en gaiola do coello de monte, nun período taxado: 20
Todas as actuacións realizadas no couto ou Tecor, no ano anterior á publicación desta orde, encamiñadas a acadar a recuperación e mantemento das poboacións do coello de monte: valorarase a calidade e cantidade das rozas; instalación de comedeiros, control de depredadores, instalación de tobeiras, sementeiras para o mantemento das especies cinexéticas e similares: De 0 a 50
Valoración técnica da calidade da memoria do proxecto: De 0 a 20
Presentación e valoración dun plan de recuperación do coello no Tecor: De 0 a 20
Aptitude dos hábitats do Tecor para o coello de monte: De 0 a 20
Non se terán en conta as solicitudes que non acaden un mínimo de 50 puntos. As que acaden ou superen a dita cantidade subvencionaranse cun máximo do 35% para aquelas que acaden os 50 puntos, ata un máximo do 50% as que acaden os 70 puntos, aumentando un 2% por cada punto do baremo, ata esgotar o crédito orzamentario previsto nesta orde, cun tope do 75% do investimento.
A Administración autonómica procurará unha repartición xeográfico equilibrado dos cerrados, para propiciar o efecto divulgador da eficacia deste tipo de instalacións. Terase en conta este criterio para resolver as posibles situacións de igualdade, que puidesen darse entre as solicitudes que se presenten.
Os servizos provinciais de Medio Ambiente emitirán un informe relativo ás solicitudes presentadas, facendo unha valoración das prioridades alegadas e propoñendo a puntuación correspondente a cada unha delas.
Unha vez recibidos estes informes na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, procederá á súa baremación definitiva unha comisión composta polo director xeral de Conservación da Natureza, a subdirectora xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, e máis o xefe do Servizo de Caza e Pesca Fluvial, á cal poderán ser citados os xefes dos servizos provinciais que elevará unha proposta de adxudicación ao conselleiro de Medio Ambiente.
A proposta de resolución expresará a persoa solicitante para a que se propón a subvención e máis a súa contía, expresando a aplicación dos criterios de avaliación contidos nesta orde. Relacionaranse de igual xeito as persoas para as que se propón a denegación da axuda con expresión das causas de denegación.
Artigo 10º.- Obrigas dos beneficiarios.
As obras obxecto de subvención deberán contar no momento do seu inicio coas licenzas e autorizacións preceptivas, se estas fosen necesarias.
A finalidade ou función da actividade ou obra deberá manterse durante un prazo mínimo de 5 anos.
Os investimentos obxecto de subvención de carácter anual deberán realizarse no prazo que se indique na resolución de adxudicación. Excepcionalmente o director xeral de Conservación da Natureza poderá conceder por delegación do conselleiro unha prórroga dentro dos límites establecidos no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Os beneficiarios terán que conservar os documentos acreditativos da aplicación dos fondos recibidos.
Os beneficiarios deberán colocar no lugar onde se realicen as obras un cartel ou placa resistente á intemperie, que indique que a obra se está levando a cabo cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente e que é cofinanciada pola Unión Europea cos respectivos anagramas.
O cartel será por conta do beneficiario e, unha vez rematada a obra, deberá permanecer en lugar visible por un prazo non inferior a 5 anos. O modelo deste cartel será facilitado polo correspondente servizo provincial de Conservación da Natureza.
Os beneficiarios facilitaranlles o acceso ás instalacións ás persoas que estivesen interesadas en coñecer a experiencia, unha vez identificadas como pertencentes a outras asociacións cinexéticas.
Artigo 11º.- Resolución.
O conselleiro de Medio Ambiente, nun prazo máximo de seis meses, contados a partir da publicación no DOG desta convocatoria, resolverá conceder ou denegar as axudas solicitadas, en atención aos criterios preferentes contidos nesta e ás dispoñibilidades orzamentarias. Despois de seis meses desde a publicación da orde, as solicitudes que non fosen expresamente resoltas poderanse considerar denegadas, sen prexuízo da obriga legal de resolver establecida nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.
Remitiráse ao DOG unha relación dos beneficiarios destas axudas facéndose indicación da orde de convocatoria, da partida orzamentaria a que se imputan, da cantidade concedida e da finalidade para a que se concede.
Artigo 12º.- Notificación aos interesados.
As resolucións serán notificadas a cada un dos solicitantes, dentro dos dez días seguintes á sinatura da resolución.
Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer o recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da recepción da notificación.
Unha vez recibida a notificación, os beneficiarios deberán comunicar por escrito necesariamente á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a súa aceptación ou renuncia segundo as condicións que se indiquen, nun prazo de 15 días. A aceptación das axudas suporá a conformidade do interesado no cumprimento nos termos que se expresen na súa comunicación.
Artigo 13º.- Xustificación do gasto.
A Consellería de Medio Ambiente comprobará a realización efectiva das instalacións e asistirá tecnicamente os adxudicatarios para que sexan aplicadas coa maior corrección as técnicas de reprodución e de cría.
O Servizo Provincial de Conservación da Natureza, logo da correspondente inspección final, deberá certificar que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada.
A xustificación do investimento obxecto de axuda deberase realizar mediante facturas orixinais ou as certificacións de obra correspondentes.
No momento da xustificación da execución total ou parcial do proxecto, e con anterioridade ao pagamento, o beneficiario deberá xustificar que se atopa ao día nas súa obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social ou cubrir o impreso do anexo IV, e deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.
No referente aos certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria e Economía e Facenda da Xunta de Galicia, o solicitante poderá cubrir o impreso do anexo IV ou acudir individualmente a estas axencias para solicitar a expedición do certificado correspondente.
Vista a certificación final das obras coa documentación presentada e o informe do servizo provincial correspondente, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza fará proposta de aboamento da subvención concedida.
En ningún caso procederán aboamentos a conta ou pagamentos anticipados.
Artigo 14º.- Disposicións xerais.
Poderanse conceder subvencións nas cales o prazo de execución sexa de carácter bianual.
Se se solicita unha execución bianual, deberá especificarse unha proposta de execución detallada, por unidades e orzamento, para cada anualidade.
Nas subvencións bianuais, se por motivos xustificados non se puidesen realizar as accións completas correspondentes a unha das anualidades, o beneficiario debe solicitar por escrito a modificación da resolución co fin de que a obra se poida completar na anualidade seguinte.
O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, e no establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da comunidade autónoma.
Artigo 15º.- Revogación.
Poderán revogarse:
a) Cando se comprobe que as axudas foron destinadas a unha finalidade diferente daquela para a que foron concedidas.
b) Pola non realización da obra ou traballos obxecto da subvención.
c) A non presentación, ou presentación fóra de prazo, de calquera documentación requirida en calquera momento da tramitación.
d) Cando existan modificacións das accións previstas de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.
e) Por ocultar, manipular, falsear datos ou entorpecer de forma deliberada o labor de inspección e control.
f) Por perda da titularidade dos terreos, ou por perda de personalidade xurídica das empresas ou asociacións, se o novo titular non se subrogase expresamente.
g) Cando o beneficiario da subvención incumpra calquera das condicións establecidas tanto nesta orde como no resto da normativa aplicable.
h) Por incumprimento de calquera dos prazos establecidos nesta orde.
i) Por incumprimento de calquera das disposicións legais vixentes.
En todos os supostos anteriormente citados, e por proposta do director xeral de Conservación da Natureza, tras o informe previo do servizo provincial, e trala audiencia previa ao interesado, o conselleiro de Medio Ambiente poderá revogar, total ou parcialmente as axudas que foron concedidas no seu día e declarará a obriga de reintegrar á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora fixados pola lei.
No referente aos reintegros totais ou parciais, revogacións, infraccións ou sancións, aos beneficiarios das axudas seralles de aplicación o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa. Neste sentido, conforme o disposto no artigo 78.7º da mencionada lei, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Os beneficiarios quedan obrigados ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimiento das condicións establecidas para a súa concesión.
Artigo 16º.- Alteración das condicións da subvención.
Toda alteración das condiciones tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. No caso de producirse unha minoración dos investimentos previstos, mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional correspondente, sempre que o conxunto do investimento cumpra os fins previstos inicialmente.
Artigo 17º.- Obriga de facilitar información.
Ademais da documentación complementaria que os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza lles poidan exixir durante a tramitación do procedemento, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde, teñen a obriga conforme o artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.
Artigo 18º.- Financiamento.
As axudas concedidas ao abeiro desta orde teñen carácter bianual e financiaraas a Consellería de Medio Ambiente con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.342 A. 780.1, código de proxecto 15.00.705, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, ata un importe máximo de 40.000 euros para este exercicio e 80.000 euros para o exercicio orzamentario do ano 2006, sendo susceptible de ampliación con cargo a outras partidas orzamentarias.
Estas dotacións orzamentarias poderán incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo á mesma aplicación. Esta orde de axudas é cofinanciada polo FEOGA-Orientación.
O prazo para a finalización e xustificación das actuacións será o indicado na resolución da concesión, quedando condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axeitado e suficiente.
Disposicións derradeiras
Primeira.- Facultase o director xeral de Conservación da Natureza para modificar os prazos indicados e, en xeral, para ditar todas as disposicións complementarias para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2005.
José Manuel Barreiro Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente
ANEXO II
Indicacións xerais básicas ás cales deben axustarse os proxectos de produción e cría de coellos de monte en réxime de semiliberdade:
Os terrenos dedicados á cría de coellos en semiliberdade terán entre 2.500 e 3.500 m, incluíndo os cerrados de produción principal e de apoio.
Os cerrados estarán rodeados por un valo dunha altura non inferior aos dous metros, que impida tanto a entrada doutros animais, especialmente predadores, ou persoas, como a saída dos coellos. Ademais débese enterrar no chan máis de medio metro, ou ata atopar un substrato dificilmente escavable. A gabia escavada encherase cunha cimentación de formigón, ou ben enterrarase unha malla metálica.
O cerrado de produción principal terá dúas partes, unha de alimentación e outra de refuxio, separadas por un valado con pasos que poidan pecharse á vontade.
A zona de alimentación, ocupará o 90 % do cerrado e disporá dun prado para a alimentación dos coellos, en que se instalarán bebedoiros e comedeiros e que contará con algunha estrutura de refuxio provisional que faciliten a captura dos animais. O prado sementarase unicamente con gramíneas perennes de porte baixo, evitando as especies propias de prados de sega. Disporá necesariamente dun sistema de rega.
Na zona de refuxio instalaranse polo menos 6 tobeiras artificiais, onde os coellos poidan construír as súas goridas de acubillo e cría. As tobeiras artificiais terán unha estrutura piramidal, duns 20-30 m de base e uns 2 m de altura, composta de pedras ou raíces de árbores co tamaño suficiente como para deixar ocos entre elas e cubertas de terra en abundancia. A terra empregada debe ser rica en materia orgánica.
O cerrado de apoio terá unha superficie mínima de 500 metros cadrados, cunhas características similares á zona de alimentación do cerrado principal.
ANEXO III
Indicacións básicas ás cales deben axustarse os programas de manexo e saniatario dos centros de cría de coello de monte en semiliberdade:
A densidade de reprodutores deberá manterse arredor de 1 macho por cada 200 m de superficie e 1 femia por cada 100 m de superficie. Admitiranse variacións dun 20% destes valores.
A procedencia dos reprodutores debe asegurar que se trata de coellos de monte procedentes de Galicia, nunca hibridados con coellos domésticos.
Deberá contarse cun sistema de identificación dos coellos e cun sistema de rexistro documental que permita un axeitado manexo. Estes sistemas deberán detallarse no plan de manexo.
Deberá establecerse un réxime de capturas (mínimo 1 ao mes, durante os meses de actividade reprodutora) que permita a revisión dos reprodutores e o seu tratamento veterinario se fose preciso, e a captura dos novos individuos para a súa marcaxe, revisión, tratamento e traslado ao peche de apoio.
O programa sanitario incluirá un protocolo de vacinación fronte á mixomatose e á enfermidade hemorráxica vírica e medidas de loita contra os parasitos internos e externos, entre outras cuestións. Prestarase especial atención á coccidiose.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Orde
Clasificación
PROTECCIÓN DA FAUNA E DA FLORA
AXUDAS E SUBVENCIÓNS