Orde do 15 de marzo de 2007 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de subvencións en melloras ambientais aos centros autorizados de reciclaxe e descontaminación de vehículos de Galicia, Sector de desmantelamentos de Galicia, e se fai pública a convocatoria para o ano 2007.

Diario Oficial de Galicia, 23-03-2007, Núm. 59, Páx. 4704
Orde do 15 de marzo de 2007 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de subvencións en melloras ambientais aos centros autorizados de reciclaxe e descontaminación de vehículos de Galicia, Sector de desmantelamentos de Galicia, e se fai pública a convocatoria para o ano 2007. O sector industrial de reciclaxe e descontaminación de vehículos de Galicia, denominado en diante Sector de desmantelamentos de Galicia, supón case un centenar de instalacións distribuídas nas catro provincias galegas. A decisión da Comisión, do 27 de febreiro de 2003, establece as normas de codificación dos compoñentes e materiais para vehículos en aplicación da Directiva 2000/53/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, relativa aos vehículos ao final da súa vida útil (a decisión da Comisión do 10 de xuño de 2005, modifica o anexo II da Directiva 2000/53/CE). As instalacións de desmantelamentos tivéronse que adaptar recentemente ao estipulado no Real decreto 1383/2002, do 20 de decembro, sobre xestión de vehículos ao final da súa vida útil. Estas instalacións deben xestionar todos os residuos perigosos e non perigosos que producen, axustándose á normativa en vigor sobre xestión de residuos. No ano 2005 a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible realizou un estudo técnico da mellora ambiental nos centros autorizados de reciclaxe e descontaminación de vehículos (Sector de desmantelamentos) de Galicia. Os investimentos ambientais e melloras nestes centros orientaranse nas seguintes liñas: lugares de recepción e almacenamento previo á descontaminación dos vehículos ao final da súa vida útil; zonas de descontaminación: zonas cubertas, pavimentación, colectores, equipamento, volume e porcentaxe de recuperación /reciclaxe/reutilización; instalacións de reciclaxe, fragmentación posterior e descontaminación: volume e porcentaxe de recuperación/reciclaxe/reutilización. As empresas do Sector de desmantelamentos de Galicia, cumprindo coas normativas ambientais en vigor, deben levar a cabo novas iniciativas para que o seu desenvolvemento sexa máis respectuoso co medio, mellorando e incrementando a tecnoloxía, alcanzando mellores niveis de calidade da incidencia ambiental, e aumentando a porcentaxe de recuperación /reciclaxe/reutilización. Disponse dunha serie de instrumentos e medidas para influír sobre as decisións que toman as empresas, impulsando o establecemento de actuacións que permitan alcanzar un maior nivel de protección do medio, considerado no seu conxunto e, en particular, en Galicia. Para a consecución destes obxectivos ambientais, e para fomentar que os centros autorizados de reciclaxe e descontaminación de vehículos en Galicia adopten melloras ambientais, a Administración autonómica de Galicia, no ámbito das súas competencias, pode establecer instrumentos de carácter económico e medidas de incentivos. A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, pola que se regula o réxime xurídico xeral de subvencións outorgadas polas administracións públicas, modificada pola Lei 24/2005, do 18 de novembro, establece uns preceptos básicos nesta materia, e motivou a adaptación do réxime xeral de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia ao seu contido básico a través da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, que procede, nos seus artigos 12 e 13, á modificación da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no que respecta ao réxime xeral de axudas e subvencións, infraccións, sancións e réxime de responsabilidades. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, consciente da importancia que supoñen as melloras ambientais nos centros autorizados de reciclaxe e descontaminación de vehículos de Galicia Sector de desmantelamentos de Galicia, establece unha liña de subvencións para a súa implantación e mantemento. Na súa virtude, e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30º do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, DISPOÑO: Capítulo I - Disposicións xerais Artigo 1º.- Obxecto e ámbito de aplicación. 1. Esta orde ten por obxecto, conforme os principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, a concesión de subvencións a empresas do Sector de desmantelamentos de Galicia, que realicen investimentos en: zonas de recepción e/ou almacenamento; descontaminación; reciclaxe/fragmentación e descontaminación, co fin de minimizar a contaminación sobre o medio, e obter melloras ambientais a través da reciclaxe dos residuos xerados. 2. Estas subvencións concederanse para a realización de investimentos en instalacións para a prevención e redución da contaminación do medio exclusivamente no Sector de desmantelamentos de Galicia. 3. Serán susceptibles de subvención as actuacións comezadas a partir do 1 de xaneiro de 2007. As actuacións obxecto desta orde deberán estar finalizadas antes do 30 de setembro de 2007. Artigo 2º.- Beneficiarios. 1. Poderán acollerse a estas subvencións as empresas do Sector de desmantelamentos de Galicia, que estean autorizadas pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible con data límite ao de entrada en vigor desta orde, e que cumpran os seguintes requisitos: a) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e materializar o proxecto obxecto de subvención no ámbito territorial de Galicia. b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social. c) Non ter contraídas débedas coa Xunta de Galicia. d) Posuír personalidade xurídica propia, suficiente capacidade para obrar e non estar inhabilitadas para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos. e) Non ter ningunha sanción imposta mediante resolución en firme en materia ambiental, no último ano. 2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das subvencións previstas nesta orde, as persoas ou entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. 3. Así mesmo, esta orde acóllese ao establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 27-12-2006). Artigo 3º.- Solicitudes e prazos. 1. As solicitudes, segundo o modelo normalizado que figura como anexo I desta orde, irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de subvención presentaranse preferentemente no rexistro da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en Santiago de Compostela, ou no das respectivas delegacións provinciais. 2. As solicitudes deberán ser presentadas no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. 3. Unha vez presentada a solicitude revisarase a súa documentación e se esta non reunise os requisitos exixidos requiriráselle o solicitante para que, no prazo de 10 días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixese, poderase considerar que desistiu da súa petición e arquivala sen máis trámites, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Artigo 4º.- Documentación xeral que hai que presentar. Coas solicitudes xuntaranse os seguintes documentos: 1. Acreditación da personalidade (orixinal ou copia compulsada): 1.1. Persoas xurídicas: a) Certificación do rexistro en que conste a súa constitución e os estatutos vixentes. b) Documento acreditativo do poder con que actúa o representante en nome da entidade, en caso de que tal poder non conste na certificación, e copia compulsada do seu documento nacional de identidade. c) Tarxeta de identificación fiscal. 1.2. Persoas físicas (orixinal ou copia compulsada): a) Documento nacional de identidade do titular ou titulares solicitantes, así como do seu representante, de ser o caso. b) Declaración censual de alta en obrigas tributarias (modelo 037) na Axencia Estatal Tributaria, referida a todos os titulares, de ser o caso. 2. Declaración xurada de cumprimento da lexislación ambiental e sectorial vixente. O cumprimento desta lexislación ten que ser previo á publicación desta orde. 3. Certificación expedida pola entidade bancaria, que acredite a existencia da conta da empresa, indicando o número de conta en que se deberá facer o ingreso de subvención en caso de ser concedida. 4. Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes. 5. Certificados emitidos pola Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas con ningunha delas; de non presentar os certificados, autorízase o órgano xestor para solicitalos segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras. 6. Declaración de todas as axudas de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. 7. Documentación técnica requirida no artigo 8 desta orde. 8. Declaración, segundo o modelo do anexo II, de non se atopar afectado por ningún dos supostos considerados no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Esta declaración deberá ser presentada coa solicitude e coa xustificación do investimento realizado. Capítulo II - Obxecto, documentación e avaliación Artigo 5º.- Actuacións subvencionables. 1. Concederanse subvencións a aqueles investimentos destinados aos centros autorizados pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de reciclaxe e descontaminación de vehículos de Galicia Sector de desmantelamentos de Galicia, na prevención e redución da contaminación do medio. Poderán ser beneficiarios de subvención aqueles proxectos que ambientalmente propoñan: a) Melloras ambientais nas zonas de recepción e almacenamento. b) Melloras ambientais nos sistemas de descontaminación. c) Melloras ambientais de sistemas de reciclaxe e fragmentación. d) Melloras nos procesos de descontaminación. Os investimentos que se subvencionen, e que se orienten ao almacenamento de pezas de recambio e residuos, á pavimentación impermeable en zonas das instalacións distintas ás que se recollen no punto 6 do artigo 6º desta orde, á adquisición de sistemas informáticos (hardware e software), deberá xustificarse que se orientan a unha mellora ambiental da instalación, presentando un proxecto integral que verifique e demostre: 1. Mellora ambiental que se pretende alcanzar. 2. Eficacia e eficiencia da reutilización e/ou reciclaxe dos residuos xerados. 3. Valoración ambiental das melloras que se pretenden alcanzar. Tamén son obxecto de subvención o uso de pantallas, preferentemente vexetais, que permitan reducir ou minimizar o impacto paisaxístico e visual das instalacións. Expresamente non é obxecto de subvención o peche ou valado das parcelas en que están estas instalacións. 2. Cando o importe do gasto que se subvenciona supere os 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario, segundo dispón o artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción de compromiso para a prestación do servizo ou á entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos que se subvencionen non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude de subvención, realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, quedando xustificada expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. 3. Para a realización das actividades subvencionadas, permitirase a subcontratación da totalidade das actuacións, agás as que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao contido desta. Artigo 6º.- Gastos non subvencionables. Non se considerarán subvencionables os seguintes conceptos: 1. IVE satisfeito pola adquisición de bens e, en xeral, calquera outro imposto pagado pola entidade. 2. Gastos financeiros derivados do investimento. 3. Gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, como poden ser estudos, proxectos, etc., así como gastos non imputables directamente ao investimento. 4. Gastos de adquisición de terreos e adquisición ou construción de naves, así como aluguer de maquinaria ou leasing. 5. Gastos de persoal, tanto propio como externo. 6. Gastos imputables ao cumprimento de requisitos exixidos no Real decreto 1383/2002, do 20 de decembro, así como o que exixe a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para a autorización ambiental destas instalacións. Artigo 7º.- Contía. 1. As subvencións poderán alcanzar ata un 50% do investimento que se subvenciona. En ningún caso esta subvención poderá ser superior a 60.101 euros. 2. Así mesmo, segundo o establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión. do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 28-12-2006), a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Artigo 8º.- Documentación técnica que hai que presentar. a) Memoria técnica explicativa e proxecto, que incluirá como mínimo, os seguintes puntos: - Antecedentes e descrición da situación ambiental de partida e evolución ata o momento actual. Nos últimos cinco anos: situación inicial; evolución, situación actual; previsións futuras a curto e medio prazo: investimentos económicos realizados en melloras ambientais. - Obxecto do investimento, e descrición das actuacións para a que se solicita a subvención. - Obxectivos ambientais que se queren alcanzar. - Orzamento detallado dos traballos que se queren realizar. - Proxecto ambiental, indicado no punto 1 do artigo 5º. b) Factura pro forma de cada un dos conceptos orzamentarios. c) Calendario de prazos de execución. d) Así mesmo, farase constar se a empresa dispón dun sistema de xestión ambiental mediante adhesión ao sistema EMAS ou certificado conforme as normas internacionais ISO 14001. No suposto de que a memoria técnica exceda de 50 páxinas de extensión deberase entregar un documento de síntese. Artigo 9º.- Criterios de avaliación. 1. As solicitudes avaliaranse en réxime de concorrencia competitiva e para avaliar a prioridade entre elas teranse en conta os seguintes criterios enumerados por orde decrecente de importancia: 1.1) Reciclaxe. 1.2) Descontaminación. 1.3) Fragmentación. 1.4) Recepción/almacenamento. 2. Considerando os anteriores criterios, a comisión de valoración creada polo artigo 10º desta orde estudará as solicitudes presentadas avaliaras tendo en conta as alíneas a), c), e d) da documentación a que se refire o artigo 8º, puntuando do seguinte xeito: Alínea a): ata un máximo de 10 puntos. Alínea c): ata un máximo de 2 puntos. Alínea d): ata un máximo de 2 puntos se a empresa dispón dun sistema de xestión ambiental mediante adhesión ao sistema EMAS e de 1 punto se dispón dun certificado conforme as normas internacionais ISO 14001. As solicitudes que non obtivesen unha puntuación mínima de 7 puntos entenderanse desestimadas. 3. A porcentaxe subvencionable de cada proxecto, tendo en conta que a contía máxima non poderá superar o establecido no artigo 7º, determinarase do seguinte modo: 3.1. Adscribirase cada solicitude admitida a un dos grupos definidos no número 1 deste artigo, adxudicando, segundo ao grupo ao que pertenza, un coeficiente de ponderación polo que se multiplicará a puntuación obtida en valoración de cada solicitude. Deste modo asignarase á totalidade dos proxectos, a orde de prioridade establecida no punto 1 deste mesmo artigo. Grupo de priorización: Coeficiente de ponderación Reciclaxe: 1 Descontaminación: 0,80 Fragmentación: 0,60 Recepción/almacenamento: 0,40 3.2. Para realizar o cálculo da porcentaxe que se subvencionará de cada solicitude, establecerase unha relación lineal de proporcionalidade, considerando as puntuacións máximas e mínimas do conxunto de solicitudes, e asignando a porcentaxe máxima de subvención á solicitude que obteña a máxima puntuación. A porcentaxe mínima será asignada ao proxecto que logre a cualificación mínima ponderada na valoración, e pertencente ao grupo de priorización máis baixo. Finalmente, calcularanse as porcentaxes correspondentes aos restantes proxectos con cualificacións intermedias de tal forma que a cantidade orzada indicada no artigo 18º sexa distribuída na súa totalidade entre todas as solicitudes de subvención admitidas. Capítulo III - Comisión de valoración, tramitación, resolución, xustificación e pagamento Artigo 10º.- Comisión de valoración. 1. Para o estudo e selección das solicitudes de axudas constituirase unha Comisión de Valoración, presidida polo subdirector xeral de Tecnoloxía e Control Ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e composta polos seguintes membros: O subdirector xeral de Avaliación Ambiental. O subdirector xeral de Calidade Ambiental. O xefe do Servizo de Tecnoloxía Ambiental, que actuará como secretario. 2. Cando por calquera causa, no momento en que a comisión teña que examinar as solicitudes, algún das súas compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e, sempre que sexa posible, este nomeamento deberá recaer noutro funcionario da mesma subdirección xeral. 3. A comisión de valoración rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigo 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXAP e PAC), relativo aos órganos colexiados. 4. A comisión de valoración, á vista da documentación presentada e dos criterios de valoración establecidos no artigo 9º, emitirá informe proposta que servirá de base ao director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para ditar resolución. 5. Esta comisión de valoración formulará a correspondente proposta de concesión ou denegación das axudas; proposta que se axustará ao disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. 6. Se na consulta que realice esta Administración para comprobar a ausencia de débedas tributarias, coa Axencia Tributaria Estatal, a Seguridade Social, e Xunta de Galicia, se obtivese informe negativo por constar débedas pendentes con algún dos citados organismos, comunicarase ao solicitante, concedéndoo un prazo de vinte días para a corrección de tal defecto, procedéndose ao arquivo da solicitude se, transcorrido o devandito prazo, non consta por medio do correspondente certificado que o defecto detectado fose emendado. Artigo 11º.- Resolución de concesión. 1. As solicitudes de subvención serán resoltas polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nos termos previstos no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo máximo de catro meses desde a publicación da convocatoria, segundo o disposto no artigo 42.3º a) da dita lei. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, conforme o disposto no artigo 2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente as devanditas solicitudes conforme prevé o artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común. 2. O outorgamento da subvención debe ser aceptado polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas nesta orde. En caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, a subvención outorgada considerarase desestimada. Artigo 12º.- Alteracións das condicións da subvención. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión. Artigo 13º.- Publicidade das axudas. 1. Coa finalidade de garantir o cumprimento dos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, de conformidade co previsto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas outorgadas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario ó que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención. 2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web. 3. Ademais a solicitude de axuda implicará a autorización á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para incluír os datos dos posibles beneficiarios nos rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, desenvolvidos polo Decreto 132/2006, do 27 de xullo. 4. Por outra banda, o beneficiario deberalle dar a publicidade axeitada ás actuacións subvencionadas, ao abeiro do disposto no artigo 18.4º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, de modo que quede claro que estas as financia a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, na antedita publicidade deberase indicar que as actuacións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Artigo 14º.- Control e seguimento. 1. Constitúese unha comisión de seguimento integrada polos mesmos membros da comisión de valoración, que se encargará do control da execución da actividade obxecto da subvención. 2. A referida comisión poderá solicitar, en calquera momento e de xeito motivado, cantas aclaracións e informes sexan necesarios e convenientes e, no suposto de non ser cumpridos nun prazo de 10 días a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme prevé o artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, considerarase decaído no seu dereito ao trámite correspondente, segundo prevé o parágrafo 3º deste artigo 76. Artigo 15º.- Acreditación de traballos realizados. Para proceder ao cobramento das subvencións será indispensable a presentación, antes do 30 de setembro de 2007, de dúas (2) copias da seguinte documentación: a) Informe final dos traballos realizados e investimento. b) Copia compulsada das facturas, xustificantes bancarios dos pagamentos realizados ou outros xustificantes do investimento solicitado previstos, que deberán estar debidamente acreditados ante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que outorgará a súa conformidade. c) No momento da xustificación da execución do proxecto o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para un mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Resolución do 30 de novembro de 1999, en que se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación das subvencións públicas). d) De non autorizar a consulta de estar ao día das súas obrigas tributarias coa Axencia estatal Tributaria, coa Seguridade Social e coa Xunta de Galicia, achegará as correspondentes certificacións de non ter débedas pendentes cos devanditos organismos ou administracións. e) Declaración de non se achar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. f) Deberá acreditar o beneficiario da subvención o compromiso de manter o investimento de que se trate ou emprego ligado a este durante o período mínimo de 5 anos, así como non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas pola normativa europea. Artigo 16º.- Pagamento. Acreditados os traballos realizados, no prazo e na forma prevista no artigo anterior, procederase a tramitar o pagamento correspondente, tendo en conta que o beneficiario, deberá atopar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e non ter débedas coa comunidade autónoma, tanto no momento de ditarse proposta de resolución de concesión coma con anterioridade ao seu pagamento. Artigo 17º.- Redución do pagamento. No suposto de que o investimento ou a actividade realizada tivesen un custo inferior ao inicialmente previsto, a subvención concedida verase diminuída nunha porcentaxe proporcional. Artigo 18º.- Aplicación orzamentaria. Para a concesión das subvencións convocadas nesta orde destinaranse ata un máximo de 300.000 euros, que se imputarán na aplicación orzamentaria 15.03.541D.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2007. Artigo 19º.- Compatibilidade de subvencións. 1. As subvencións desta orde só serán compatibles, polo que atinxe ás concedidas pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, coas convocadas por esta para a implantación dun sistema de xestión ambiental mediante adhesión ao sistema EMAS comunitario ou certificado conforme as normas internacionais ISO 14001. 2. No caso de solicitar ou obter outras subvencións doutros organismos, estas fixaranse tendo en conta os límites establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, en que se sinala que o importe das subvencións non poderá en ningún caso, illada ou conxuntamente con outras, superar o custo do investimento que vai desenvolver o beneficiario, e de conformidade cos límites establecidos na normativa comunitaria. Artigo 20º.- Reintegro. 1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións reguladas nesta orde e dos xuros de mora reportados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro e o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, modificada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo. 2. Non se poderá exixir o pagamento da subvención ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de mora devengados desde o pagamento, nos casos seguintes: a) Incumprimento da obriga de xustificación. b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión. c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención. d) Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou subvención pública. 3. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas subvencións a que se refire o artigo 19, supere o custo do investimento que vai desenvolver o beneficiario. Artigo 21º.- Obriga de facilitar información. Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, os beneficiarios das subvencións previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control, segundo o indicado no artigo 78.11º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo, e o artigo 46 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Artigo 22º.- Recursos. A resolución da axuda porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor consonte dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo; ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Disposición adicional.- Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seranlles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo, así como as previsións contidas no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o citado decreto lexislativo. Disposicións derradeiras Primeira.- Facúltase o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para ditar cantas disposicións complementarias sexan precisas para o desenvolvemento desta orde. Segunda.- En todo o non previsto nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, coas particularidades introducidas a través da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, pola que se adapta o tratamento xurídico aplicable ás subvencións segundo o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Terceira.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2007. Manuel Vázquez Fernández Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Clasificación
CONTAMINACIÓN
AXUDAS E SUBVENCIÓNS
RESIDUOS PERIGOSOS