Orde do 14 de maio de 2004 de fomento da mellora da calidade na comercialización de produtos silvícolas.

Diario Oficial de Galicia, 28-05-2004, Núm. 102, Páx. 7592
Orde do 14 de maio de 2004 de fomento da mellora da calidade na comercialización de produtos silvícolas. O Regulamento (CE)1257/1999 do Consello, do 17 de maio, establece no seu artigo 30 a posibilidade de outorgar axudas para a transformación e comercialización de produtos forestais, e no artigo 33 para a diversificación de actividades relacionadas co sector primario no contorno rural. O Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, aprobado por Decisión da Comisión do 7-3-2001, recolle na medida 1.2 as melloras na transformación e comercialización de produtos agrícolas e forestais. A conveniencia de repercutir no sector primario forestal os beneficios dun mercado dinámico e non intervido dos produtos da madeira, precisa non só dispor de empresas competitivas de aproveitamentos, senón que tamén sexan capaces de lle transmitir ao sector forestal os valores que a sociedade demanda á madeira a través do mercado. A competencia internacional e a crecente demanda de novos requisitos cualitativos nos produtos de consumo fai prioritario o desenvolvemento e a implantación de melloras nas condicións laborais, adaptacións ambientais e innovacións na xestión empresarial que permitan dinamizar a cadea comercializadora, reducir ineficiencias e adaptarse a futuros criterios exixibles á cadea de custodia. Por iso, considérase conveniente incentivar non só melloras nos medios de produción, senon tamén, e con maior prioridade, melloras na calidade empresarial. Coa finalidade de lograr unha boa execución dos recursos dispoñibles e asegurar a calidade dos investimentos que se subvencionan, prevese a plurianualización das axudas, penalizacións por non execución de investimentos aprobados, así como a adaptación das resolucións de axuda a modificacións dos proxectos investidores, todo iso garantindo os criterios de concorrencia competitiva aplicados na concesión das axudas e dentro do marco normativo establecido polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. En virtude do anterior, ao abeiro do Decreto 287/2000 citado anteriormente, de acordo co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, DISPOÑO: Artigo 1º.- Obxecto das axudas e beneficiarios. 1. Investimentos produtivos Poderán ser subvencionables os investimentos en activos fixos produtivos relativos ás operacións de aproveitamentos forestais, acondicionamento e transformación dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais e residuos forestais do monte), realizados por empresas do sector forestal, comunidades de montes veciñais en man común ou agrupacións, legalmente constituídas, de propietarios forestais con máis de 100 ha arborizadas. No relativo á madeira só se preverán as operacións anteriores á serradura industrial da madeira, así como investimentos en serras realizados por empresas en activo, radicadas no contorno rural, con menos de 10 empregados. Non se considerarán substitucións de investimentos subvencionados anteriormente, salvo diferencial de custo. Consideraranse con carácter exclusivo os seguintes: 1.1. Equipamentos persoais de seguridade para o traballo no monte, ata o dobre do número de empregados que figuren no TC2, sen superar o 30% do total dos investimentos, sempre que non se subvencionasen anteriormente. 1.2. Procesadoras, autocargadores e arrastradores forestais, así como as adaptacións e implementos. 1.3. Equipamentos tractocargadores completos e implementos forestais deles (os tractores deberán ter cabinas adaptadas para o xiro do operario no asento, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, con guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción). Consideraranse tamén os equipamentos orientados á recolla de biomasa, debendo cumprir os tractores os mesmos requisitos. 1.4. Apeiros e implementos forestais que permitan un primeiro tratamento dos produtos forestais: rozadoras, peladoras móbiles, esteladoras, empacadoras, e outros para fins similares, en número non superior aos equipamento de saca de madeira propiedade da empresa. 1.5. Góndolas, camións e plataformas para o transporte da madeira ou biomasa e guindastres que se instalen nelas. O número de camións, plataformas e guindastres limitarase ao número de equipamentos de saca (tractocargadores ou autocargadores) subvencionados á empresa. Só se subvencionará unha góndola por empresa sempre que esta dispoña de máquina procesadora. 1.6. Instrumentos de medición de masas forestais, en número non superior á maquinaria de saca de madeira (máximo auxiliable 3.000 euros/empresa). 1.7. Básculas, pas cargadoras de rolla, liñas de pelado, instalacións de clasificado de rolla e trituradoras/esteladoras de puntal. 1.8. Obra civil relacionada co movemento de volta (deberán presentar licenza municipal ou informe urbanístico favorable do concello): - Preparación do patio de amoreamento e cargadeiros de rolla (máximo auxiliable 18 euros/m). - Galpóns para almacenamento de rolla (máximo auxiliable 120 euros/m). - Instalacións de parque húmido de rolla (máximo auxiliable 40 euros/m). 1.9. Bens de equipo, instalacións e obra civil (cos máximos auxiliables xa sinalados) en empresas de recolla, manexo, comercialización e transformación de produtos forestais non madeireiros (cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais e residuos forestais do monte). 1.10. Maquinaria e instalacións, homologadas e con informe de seguridade da súa instalación realizado por empresa autorizada, en serras en activo de menos de 10 empregados. Toda a maquinaria que se vai subvencionar deberá cumprir os requisitos legais (certificado de homologación, ficha técnica da ITV e certificado de empresa autorizada de cumprimento da normativa de seguridade industrial das instalacións ou modificacións realizadas, segundo corresponda). 2. Plans e ferramentas de xestión empresarial. Poderán ser beneficiarios as empresas dos sectores indicados no punto anterior. Consideraranse os servizos externos de diagnóstico, seguimento e certificación para a realización das seguintes actuacións: 2.1. Adaptación das cabinas tractoras e instalacións produtivas á normativa de seguridade industrial e laboral, incluso a execución de medidas correctoras incluídas no plan de adaptación, salvo cambio de liñas produtivas, incluso actualización de licenzas. 2.2. Plans empresariais de prevención de riscos laborais. 2.3. Plans correctores e preventivos de riscos ambientais, de adaptación á normativa fitosanitaria e implantación de códigos ou normas de boas prácticas ambientais, incluso a execución de medidas correctoras incluídas no plan de adaptación, salvo cambio de maquinaria. 2.4. Implantación na empresa de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade para o control de custos, calidade, mantemento, avarías. Incluso equipamentos informáticos con conexión á Internet, ata un máximo subvencionable de 1.500 euros/empresa. 2.5. Preparación do proceso produtivo para unha futura adaptación á cadea de custodia de madeira certificada, e/ou normativa de calidade. 3. Os beneficiarios deberán acreditar a súa viabilidade económica, e deberán ter, polo menos, o 35% do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 35% de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 60.102 euros. No caso de empresas con menos de 10 traballadores, a porcentaxe de estabilidade laboral mínima exixida reducirase ao 33%. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de ser o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione. De xeito excepcional e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autorizar a non exixencia da porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración da axuda, do que se dará coñecemento á comisión de seguimento dos acordos de apoio á promoción. Artigo 2º.- Exclusións. Non será subvencionable: a) A adquisición de terreos e mobiliario. b) A adquisición de maquinaria usada. c) Os tributos recuperables polo beneficiario, como o IVE. d) A renovación de maquinaria que non implique melloras tecnolóxicas, produtivas ou de seguridade. Considerarase neste caso o diferencial de custo. e) Os gastos de reparación e mantemento. f) Os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro ou calquera outra figura análoga. g) Os investimentos destinados á manipulación ou comercialización de produtos de países non comunitarios. h) Os investimentos iniciados antes da solicitude de axudas ao abeiro deste programa operativo, así como os investimentos en instalacións fixas e obra civil sen constancia oficial de non se ter iniciado anteriormente. i) Investimentos destinados ao comercio polo miúdo. j) Investimentos e actuacións con axudas financiadas con fondos comunitarios distintos do FEOGA. Artigo 3º.- Prazo de presentación de solicitudes e convocatorias. As solicitudes poderanse presentar a partir do día seguinte ao da publicación da orde. O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes que se presenten con posterioridade a esta data, así como os expedientes que non completen axeitadamente a documentación requirida no artigo 6º no prazo establecido, quedarán excluídos podendo considerarse na convocatoria seguinte por instancia do interesado e cando cumpran os requisitos exixidos na dita convocatoria. Artigo 4º.- Importe das axudas. Os investimentos en bens de equipamento, recollidos no artigo 1º.1, terán unha subvención básica dun 30%, que poderá incrementarse ata o 40% (30% para empresas que non cumpran a condición de pequenas e medianas empresas: Pemes), segundo os criterios indicados no anexo II, salvo para camións e obra civil, que se limitarán ao 25%. Os investimentos en plans e ferramentas de xestión empresarial recollidos no artigo 1º.2 subvencionaranse cunha axuda dun 45%. A axuda máxima por solicitante limitarase a 180.000 euros. Artigo 5º.- Criterios de selección. A concesión de axudas axustarase aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, segundo o artigo 3 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. A dispoñibilidade orzamentaria asignada a cada convocatoria limitará o número de expedientes que se van aprobar. Para iso, ordenaranse cada un dos investimentos solicitados de acordo co criterio de priorización e baremo que se indica a continuación. Aprobaranse os investimentos así ordenados, de maior a menor orde de prioridade, e dentro da mesma prioridade, de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento. A) Criterios de priorización das solicitudes: 1º Seleccionaranse os plans e ferramentas de xestión empresarial citados no artigo 1º.2. 2º Continuarase cos investimentos en activos fixos produtivos citados no artigo 1º.1, aplicando a baremación indicada de cada investimento solicitado, que será a suma da aplicación dos criterios indicados nos puntos B.1 e B.2. 3º En penúltima orde de prioridade consideraranse as obras civís, e en último lugar os camións. B) Para puntuar os investimentos dentro da priorización anterior, aplicarase a baremación que se indica: B.1 Segundo o obxecto de investimento // Baremo Equipos de protección individual // 200 Procesadoras forestais, autocargadores, arrastradores // 150 Equipos tractocargadores completos, equipamentos completos para colleita de biomasa // 130 Investimentos en bens de equipo de empresas de transformación e acondicionado comercial de produtos silvícolas non madeireiros // 70 Instrumentos de medición de masas forestais // 120 Implementos forestais de maquinaria de desembosque // 110 Instalacións de parque húmido, peladoras, instalacións de clasificado e cubicación de de rolla, pas cargadoras, básculas // 80 Maquinaria e instalacións en serras de menos de 10 empregados // 60 Implementos forestais (góndolas, plataformas, guindastres) de transporte por estrada // 40 Parque de rolla e obra civil // 80 Vehículos para o transporte de madeira por estrada // 5 B.2 Segundo o obxecto de investimento // Baremo Por cada punto porcentual de incremento de ayuda, segundi o anexo II // 5 Por cada unidade resultante da aplicación da seguinte fórmula: [(V+50T)/I -1]] T: volume de contratos de saca; I: investimentos solicitados; V: volume de vendas da empresa // 5 (max. 30) Serras e empresas de comercialización de produtos silvícolas non madeireiros con instalacións adaptadas (ou en proceso) á normativa de seguridade industrial e laboral // 70 Empresas de comercialización conxunta (mínimo 3 empresarios do sector con actividade nos últimos 3 anos), agrupacións de propietarios forestais con máis de 100 ha arborizadas, ou comunidades de montes veciñais) // 100 Empresas con, ou en proceso de certificación da cadea de custodia. Xustificación mediante certificado de órgano representativo de sistema de certificación forestal // 70 Artigo 6º.- Solicitudes e documentación. Os interesados deberán presentar, perante a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, a seguinte documentación: a) Instancia-solicitude, dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente, segundo modelo que figura no anexo III desta orde (único documento que se terá que presentar se se trata de renovar unha solicitude, polos mesmos investimentos, non atendida en convocatorias anteriores). b) Ficha cos datos da empresa solicitante, segundo o anexo V da orde. c) Memoria onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo IV desta orde e, especialmente, o estudo de viabilidade da empresa e do investimento. d) Copia dos seguintes documentos: - Último imposto de sociedades ou, no seu defecto, do IRPF. - Declaración de operacións con terceiros (modelo 347). - Copia cotexada do NIF ou CIF. - TC1 e TC2 da empresa do mes de decembro 2003. e) Xustificación de que os produtores de base participarán nas vantaxes económicas do investimento. Pódense presentar copias de contratos de compra de madeira, compromisos de adquisición, declaracións de interese de agrupacións e asociacións forestais, ou documentación equivalente. f) No caso de obra civil, serras e empresas de transformación de produtos silvícolas: licenza municipal ou informe urbanístico favorable e bosquexo das instalacións. g) No caso de comunidades de propietarios forestais de máis de 100 hectáreas arborizadas: certificación ou documentación xustificativa da superficie arborizada. 2. Recibidas as solicitudes examinaranse os documentos presentados. No caso de que sexan detectadas faltas ou omisións, requirirase, conforme o artigo 71 da LRXAP e PAC, ao interesado que emende os erros ou achegue a documentación preceptiva no prazo de dez días hábiles, con advertencia de que, de non se ater ao requirimento, se terá por desistido da súa solicitude. 3. Todos os expedientes presentados polo mesmo solicitante serán considerados como un só para efectos de tramitación. De acordo co artigo 43 da Lei 8/2002, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, non se exixirá a presentación dos documentos que consten en poder da Xunta de Galicia, debendo o solicitante indicar para iso o órgano e procedemento administrativo ante o que presentou tal documentación. Artigo 7º.- Distribución do orzamento. As axudas fixadas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma: 15.02.614C.770.0, con 684.852,22 euros para o ano 2004, e 2.090.666 euros para o ano 2005, podendo verse incrementadas a través das oportunas modificacións orzamentarias. Artigo 8º.- Tramitación e concesión de axudas. A distribución das anualidades nas axudas individuais realizarase con base nas previsións de execución comunicadas polos beneficiarios e nos condicionantes orzamentarios indicados no artigo 7º. O conselleiro de Medio Ambiente resolverá os expedientes de cada convocatoria por proposta da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, que deberá axustarse ao disposto na sección 3ª, capítulo 2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas. A resolución individual e motivada notificaráselle ao interesado. As solicitudes denegadas por exclusión no proceso de selección poderanse considerar na seguinte convocatoria de axudas por instancia do solicitante se cumpren os requisitos exixibles na seguinte convocatoria. As solicitudes que, unha vez transcorridos seis meses desde a convocatoria á que se acolleron, non tivesen unha comunicación de aprobación de axuda, poderán entenderse desestimadas conforme o establecido no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, sen prexuízo da obriga legal de resolver pola Administración. Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, consonte o disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro, e o artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Artigo 9º.- Posibilidade de modificación da resolución e reintegros da axuda. 1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas, o solicitante precisase introducir modificacións a este, solicitará autorización da Consellería de Medio Ambiente, xustificando as razóns do cambio e xuntando a oportuna actualización do expediente que recolla as variacións do proxecto orixinal. Poderanse modificar as resolucións individuais de axuda, sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida derivar en criterio discriminatorio respecto a terceiros. A modificación realizarase mediante resolución do conselleiro de Medio Ambiente, logo de proposta motivada do director xeral de Montes e Industrias Forestais e instrución do correspondente expediente de modificación aplicando os criterios de selección do artigo 5º. As renuncias da subvención, na totalidade ou en parte, por parte do beneficiario, non precisarán resolución modificatoria da axuda. 2. Toda alteración das condicións consideradas na concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. 3. No caso de incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de subvención, procederase á revogación parcial ou total da axuda. Se o beneficiario percibise pagamentos parciais ou anticipos e a execución parcial non cumprise os obxectivos iniciais previstos, así como as condicións da resolución, procederase á tramitación do expediente de reintegro da subvención percibida máis os xuros de demora. 4. No caso de que se reducisen os investimentos executados, sempre que estes sexan susceptibles de avaliación independente e cumpran os fins previstos inicialmente, a subvención que se vai pagar será proporcional aos investimentos xustificados, cunha penalización equivalente ao 20% da axuda concedida para os investimentos non xustificados en prazo. Non se penalizará se o beneficiario comunica a imposibilidade de executar estes investimentos cunha antelación superior a dous meses antes do remate do prazo de execución. Esta penalización aplicarase tamén para as accións do anexo II non xustificadas. 5. As resolucións sobre modificacións de prazos non serán recorribles. Artigo 10º.- Procedemento de pagamento e xustificación. 1. O prazo de xustificación finalizará o 15 de outubro de 2004 e o 31 de maio de 2005, segundo a anualidade que corresponda. Poderanse conceder prórrogas de cada anualidade, de acordo co artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, logo de solicitude razoada realizada cunha antelación superior a dous meses antes do remate do prazo de execución. 2. Para a percepción dos pagamentos, sexan parciais ou totais, deberá presentarse a seguinte documentación: a) Solicitude de cobramento da subvención. b) Xustificación dos investimentos realizados mediante: - Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados (anexo VII). - Copias cotexadas das facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, así como copias dos documentos bancarios de pagamento. c) Certificacións do cumprimento formal das obrigas coa Seguridade Social e fiscais e de non ter débedas pendentes de liquidación coa Comunidade Autónoma. Estas dúas últimas poderanse substituír pola autorización, segundo o modelo do anexo I, baseándose no disposto na cláusula 3ª do Convenio de Colaboración entre a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de subministración de información para finalidades non tributarias. d) Certificado bancario de conta corrente e ficha bancaria. e) Declaración xurada do beneficiario sobre axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos. f) No último pagamento presentaranse os seguintes documentos: f-1: memoria (anexo VI), indicando as actuacións executadas, as medidas correctoras implantadas e a importancia delas na actividade futura da empresa. f-2: actualización da ficha cos datos da empresa, segundo o anexo V da orde. f-3: xustificantes das accións recollidas no anexo II para incrementar a porcentaxe de axuda. f-4: copia dos seguintes documentos: - Último imposto de sociedades ou, no seu defecto, do IRPF. - Declaración de operacións con terceiros (modelo 347). - Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral da empresa desde o inicio do ano en que se solicitou a axuda ata a data de xustificación final dos investimentos, coa relación de traballadores e as datas de alta e baixa, ou certificado de non ter traballadores no réxime xeral, se é o caso. g) Específicas dos investimentos obxecto de subvención: g-1: plans e ferramentas de xestión: para o pagamento parcial da primeira anualidade deberase presentar o contrato asinado. Para o pagamento final presentarase informe de seguimento do plan con detalle das accións correctoras. g-2: bens de equipamento: certificado de fabricación con indicación da data, nº de bastidor e homologación e certificado de conformidade coa normativa vixente das instalacións/modificacións realizadas. g-3: maquinaria móbil: ficha técnica e permiso de circulación de vehículos e apeiros de transporte con rodas, seguro do vehículo ou de responsabilidade civil da empresa con indicación expresa do vehículo. Ademais, deberán presentar a mesma documentación dos equipamentos subvencionados anteriormente ou dos que os substituíron. A non xustificación dos equipamentos anteriores suporá a redución no investimento subvencionable do importe do investimento subvencionado anteriormente. g-4: vehículos e implementos de transporte de madeira por estrada: documentación indicada no punto anterior, tanto dos bens obxecto de subvención como dos equipamentos de saca que condicionan a súa subvención. g-5: obra civil: para o pagamento da última anualidade, planos de planta, licenza municipal de obra ou documentación xustificativa da súa tramitación con informe favorable do técnico municipal. g-6: serras: planos de planta e de distribución da maquinaria, certificado de homologación da maquinaria e informe de seguridade da súa instalación. 3. Unha vez comprobada a documentación presentada, e realizada a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais emitirá a correspondente proposta de pagamento. De acordo co Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime xurídico de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse realizar pagamentos parciais. Os pagamentos parciais non superarán o 80% da subvención concedida. 5. Os pagamentos parciais, cando a axuda total supere os 30.000 euros, serán garantidos mediante aval bancario ou de entidade aseguradora suficiente, que se depositará por tempo indefinido á disposición da Consellería de Medio Ambiente na Tesourería Xeral da Xunta de Galicia. O referido aval garantirá a cantidade anticipada máis os xuros, calculados ao xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e por un prazo que medie entre a data de solicitude e, como mínimo, dous meses tras o remate do prazo de xustificación previsto. O certificado de depósito de aval bancario devolveráselle ao interesado unha vez que se comprobe, mediante inspección in situ, a realización material do obxecto da subvención, así como as restantes condicións da subvención. Estes avais poderán ser liberados no suposto de que se constitúan para pagamentos parciais correspondentes a fases ou partes do investimento susceptibles de avaliación independente e se comprobe a realización do investimento. 6. O pagamento da porcentaxe adicional aos investimentos en activos produtivos, recollido no artigo 4º, queda condicionado á execución das accións que incrementan a axuda e ao seu seguimento por parte da empresa. Artigo 11º.- Disposicións comúns. 1. As axudas serán compatibles con calquera outra destinada aos mesmos fins procedente de administracións públicas, salvo fondos comunitarios distintos do FEOGA, ata un límite de subvención neta equivalente do 40%, 55% para as Pemes, de acordo coa Decisión da Comisión Europea nº 773/1999, do 17-5-2000, na cal se establece o mapa de axudas de finalidade rexional para España no período 2000-2006. 2. En calquera fase do proceso de tramitación, o órgano xestor da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais poderá solicitar do interesado as aclaracións ou xustificacións oportunas con respecto aos datos da documentación exixible. 3. O beneficiario quedará obrigado a manter o investimento subvencionado, e o emprego ligado a este, durante un período mínimo de 5 anos. 4. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería de Medio Ambiente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas. Artigo 12º.- Información e publicidade. Na resolución individual de concesión da axuda indicarase a contía ou porcentaxe de participación dos fondos FEOGA-O e da Xunta de Galicia. Os bens de equipamento financiados con estas axudas identificaranse con adhesivos que informarán do seu financiamento con fondos FEOGA-O e levarán o logotipo da Unión Europea e da Xunta de Galicia. Disposicións derradeiras Primeira.- Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais para ditar cantas disposicións complementarias coide oportunas para o desenvolvemento desta orde. Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 14 de maio de 2004. José Manuel Barreiro Fernández Conselleiro de Medio Ambiente
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AXUDAS E SUBVENCIÓNS

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
O14052004.pdf Galego
O14052004.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles