Diario Oficial de Galicia, 18-05-2004, Núm. 94, Páx. 6947
Orde do 10 de maio de 2004 pola que se regulan axudas en materia de conservación dos recursos naturais e fomento de accións da poboación local no ámbito territorial da zona de ampliación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
Os parques naturais teñen como obxectivos prioritarios e fundamentais a conservación do patrimonio natural, o aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos naturais, o seu uso e goce e a mellora da calidade de vida da poboación que os habita. Neste contexto acentúase o carácter integrador e globalizador do medio, en que o labor da Administración autonómica, entre outros, é adoptar un enfoque preventivo na xestión ambiental, intentando harmonizar simultaneamente as actividades económicas coa conservación dos valores que se pretende protexer.
Os poderes públicos deben garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais por medio dun uso prudente e racional deles. Por este motivo, apoiándose no principio de solidariedade colectiva, prevese unha distribución equitativa dos custos sociais que estes procesos producen mediante a aplicación de medidas de apoio económico ás accións que contribúen á consecución dos obxectivos expostos, axudas que, por unha parte, poderán paliar o reaxuste das actividades da poboación no territorio e por outra, mellorar as condicións socioeconómicas e a calidade de vida dos habitantes.
Seguindo as formulacións dunha política ambiental europea, a salvagarda dos valores ambientais debe ir paralela ao benestar das comunidades rurais, garantindo os mecanismos para que os espazos naturais promovan a integración da poboación, potenciando beneficios económicos e sociais.
No labor de protección dos espazos naturais é fundamental a participación da poboación local. Os habitantes que residen nestes espazos son os xestores naturais do territorio, polo que a información e formación ambiental deben ser ferramentas útiles que potencien os recursos humanos e naturais. Conseguir a práctica de actitudes e comportamentos correctos desde un punto de vista ambiental debe ser un obxectivo a lograr.
Para protexer, conservar e manter os procesos que condicionan a diversidade biolóxica destes espazos existen instrumentos de planificación e xestión que se deseñan especificamente, nos cales se establece a normativa necesaria para orientar e adecuar os usos e as actividades sobre o territorio.
A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, prevé a posibilidade do establecemento dun réxime de axudas para a poboación residente no espazo natural protexido ou na súa área de influencia socioeconómica. Desta maneira, xunto coa creación dun instrumento xurídico regulador da conservación da natureza, posibilitouse a creación dun instrumento financeiro orientado ao fomento daquelas actividades ou accións que melloren e promocionen as zonas incluídas nos espazos naturais para o incremento da calidade de vida dos moradores.
O Real decreto 2225/1993, do 17 de decembro, aproba o Regulamento estatal de subvencións, establecendo como criterio xeral o réxime de concorrencia competitiva entre os solicitantes, de acordo cos criterios de outorgamento que figuren na norma de convocatoria das axudas. Por outra parte, a Lei de réxime financeiro e orzamentario desta comunidade autónoma dispón, no seu artigo 78.6º, que os criterios de adxudicación das axudas deberán axustarse aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.
Por outra parte, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, regula os distintos procedementos que se deben articular na xestión das axudas e subvencións, e a Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, regula no seu artigo 6 o réxime das axudas e subvencións públicas, e modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
En virtude de todo o exposto, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente
DISPOÑO:
Artigo 1º.- Obxecto das axudas.
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable á zona de ampliación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés encamiñadas á realización de accións que contribúan á protección e conservación dos recursos naturais, o incremento de benestar dos cidadáns con intereses nesa zona e a súa área de influencia, a través de accións de apoio e fomento do desenvolvemento socioeconómico das poboacións locais.
2. O ámbito de aplicación desta orde é a zona de ampliación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e a súa zona de influencia socioeconómica, e en concreto, os concellos de Quintela de Leirado, Verea, Bande, Calvos de Randín e Lobeira.
3. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia e obxectividade, tal como vén establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario.
Artigo 2º.- Actividades subvencionables.
1. Son actividades obxecto das axudas reguladas por esta orde:
a) Accións encamiñadas á corrección de impactos paisaxísticos e ambientais. Creación de pantallas vexetais con especies integradas no contorno, accións de restauración do medio, limpeza de vertedoiros incontrolados, etc.
b) Accións encamiñadas a ordenar adecuadamente e facilitar o uso público tales coma creación de rutas, áreas recreativas e zonas de esparexemento e uso público, etc.
c) Actuacións de mellora de hábitats, que estean incluídas nos instrumentos de ordenación aprobados.
d) Iniciativas de fomento do turismo compatibles cos instrumentos de planificación do parque natural e outras actuacións que contribúan á creación de emprego.
e) Accións de mellora agrícola, gandeira ou forestal que contribúan á conservación da biodiversidade e ao desenvolvemento sustentable.
f) A realización e a mellora de infraestruturas e de equipamentos que teñan por obxecto a protección do espazo incluído na zona de ampliación do parque natural, o uso dos seus valores naturais ou o incremento da calidade de vida dos seus habitantes, exceptuando infraestruturas de carácter urbano, tales como rede de sumidoiros, electrificación, iluminación ou saneamento público.
g) Accións de recuperación de elementos de carácter arquitectónico civil, cultural e etnográfico. Nesta alínea será subvencionable o acondicionamento exterior das vivendas rurais e a substitución de elementos ou materiais alleos á tipoloxía rural da zona.
h) Actividades de divulgación, promoción, formación e sensibilización social sobre os valores ambientais, culturais ou patrimoniais tales coma campañas, xornadas, seminarios, cursos, material divulgativo, etc., encamiñadas a fomentar o coñecemento, conservación, protección e mellora dos parques naturais da comunidade autónoma.
2. A adquisición de terreos non será subvencionable.
3. Todas as accións, obras ou traballos deberán atoparse situadas dentro do perímetro da ampliación do parque natural ou da zona de influencia socieconómica, priorizándose as accións que se realicen dentro do perímetro do parque sobre aqueloutras que estean fóra.
Artigo 3º.- Contía das subvencións.
A Consellería de Medio Ambiente subvencionará os investimentos que se efectúen ata un máximo de 30.000 euros por proxecto e un máximo de tres proxectos diferentes por beneficiario.
O importe máximo subvencionable ao que terán dereito os beneficiarios será do 75% do custo da obra ou acción.
O IVE non será subvencionable na medida en que sexa recuperable da Facenda pública. A porcentaxe definitiva da subvención fixarase de acordo cos criterios sinalados nos artigos 7º e 8º.
Os prezos máximos que se aplicarán para valorar as accións de mellora de hábitats son os que se establecen no seguinte cadro:
Roza manual de terreos: 1.000 euros por hectárea
Roza con maquinaria: 360 euros por hectárea
Buratos manuais para pplantacións: 0,90 euros por burato
Estes prezos establecen o tope máximo na aplicación polos propios beneficiarios das subvencións.
Artigo 4º.- Beneficiarios.
1. Poderán ser beneficiarios das axudas:
a) Particulares con residencia habitual dentro do límite do parque natural establecido no PORN aprobado do parque natural ou que sexan propietarios de terreo nalgunha das parroquias total ou parcialmente incluídas na zona de ampliación do parque natural. Segundo as dispoñibilidades orzamentarias, tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas residentes ou con domicilio fiscal na zona de influencia socioeconómica.
b) Comunidades de montes veciñais en man común situadas total ou parcialmente na zona de ampliación do parque natural, que estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro xeral existente para o efecto, sempre e cando nos seus estatutos estea establecido que no desenvolvemento das súas actividades non existise ánimo de lucro.
c) Asociacións que posúan a súa sede social ou, como mínimo, o 50% dos socios con residencia nalgún dos concellos da zona de ampliación onde se sitúe o parque natural.
d) Agrupacións de veciños incluídas dentro do perímetro da zona de ampliación do parque natural ou na zona de influencia socioeconómica, con personalidade xurídica legalmente constituída, para os efectos de desenvolver accións colectivas de carácter público.
2. Quedan exluídos do ámbito de aplicación desta orde, en calidade de beneficiarios, todo tipo de empresas ou outras entidades que teñan ánimo de lucro.
Artigo 5º.- Presentación de solicitudes e documentación.
1. Os interesados presentarán as súas solicitudes de subvención debidamente asinadas segundo o modelo do anexo I, xunto coas respectivas memorias de actividades ou obras que se pretende executar.
2. Xunto coa solicitude de subvención presentarase a seguinte documentación:
2.1. Para todo interesado:
a) Copia compulsada do DNI ou NIF do solicitante e, se procede, acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito, de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
b) Certificación bancaria orixinal.
c) Memoria xustificativa das accións que conterá, como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, planos de situación e detalle, orzamento detallado, calendario e prazo aproximado de execución. A Consellería de Medio Ambiente poderá solicitar documentación adicional se a considera necesaria para a adxudicación das axudas.
d) Autorizacións ou permisos correspondentes para levar a cabo a intervención ou, polo menos, a súa solicitude.
e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas.
2.2. Deberase achegar, ademais, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza do beneficiario:
a) Acreditación da titularidade dos predios ou certificación do titular para a súa dispoñibilidade.
b) No caso de arrendatarios, documento que acredite a condición.
c) No caso de montes veciñais en man común, certificación de acordo da asemblea xeral conforme autoriza a xunta reitora para solicitar axudas, e certificado do Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común de posuír os estatutos en regra, figurando a composición da xunta reitora actualizada. Así mesmo, deberán presentar unha copia compulsada do seus estatutos.
d) No caso de asociacións, acordo da xunta de goberno ou figura similar para solicitar axudas a Consellería de Medio Ambiente, e certificación de estar inscritos no Rexistro de Asociacións.
e) No caso de agrupacións, escrito de constitución da agrupación no que figuren todos os membros cos datos completos: nome, DNI, enderezo e representante legal elixido.
f) No suposto de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varios copropietarios, deberá presentar:
- Acreditación da titularidade do terreo de cada propietario.
- Documento que acredite o consentimento de todos os copropietarios.
- Representación do solicitante para realizar a acción obxecto da subvención.
g) Se a construción está catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio, deberán presentar autorización por parte desa dirección xeral da dispoñibilidade para realizar as obras solicitadas.
2.3. Consonte o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administacións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados, requerirase do interesado que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, terá por desistido da súa petición, tras a resolución previa que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42.
Artigo 6º.- Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais que comezarán a contar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. A solicitude presentada por representación deberá estar acompañada do documento acreditativo correspondente.
As axudas desta orde serán compatibles con calquera outra destinada aos mesmos fins, sempre que o total das subvencións non superen o custo total do investimento realizado e, en todo caso, terase en conta o disposto no artigo 38 do Regulamento (CE) nº 1257/1999 do Consello, do 17 de maio de 1999, no cal se establece que ningunha medida se poderá beneficiar ao mesmo tempo dos pagamentos establecidos neste regulamento e dos previstos por calquera outro réxime de axuda comunitaria.
Artigo 7º.- Selección de solicitudes.
Os criterios de avaliación e baremación de proxectos serán os seguintes:
Criterios de avaliación das actividades subvencionables:
Repercusións ambientais da acción ou proxecto: De 0 a 5 puntos
Complementariedade e integración do proxecto ou actuación solicitada, coas previstas no Plan de Ordenación dos Recursos Naturais: De 0 a 10 puntos
Incidencia no desenvolvemento sustentable do parque natural e o seu contorno: De 0 a 5 puntos
Residencia ou propiedade:
- Residentes ou propietarios de terreos dentro da zona de ampliación do parque natural. As accións solicitadas realízanse dentro do parque natural: 5 puntos
- Accións realizadas na zona de influencia socioeconómica valorándose segundo a súa proximidade ao perímetro da zona de ampliación do parque: De 0 a 4 puntos
Número de beneficiarios directos e indirectos: De 0 a 10 puntos
Valorarase especialmente a incidencia das accións na flora e na fauna, a repercusión sobre os postos de traballo no contorno do parque natural e o atractivo para os visitantes, fomentando un turismo sustentable.
Artigo 8º.- Baremación.
Non se terán en conta as solicitudes que non acaden un mínimo de 15 puntos. As que superen a dita cantidade subvencionaranse cun mínimo do 35% para aquelas que acaden os 15 puntos, ata un máximo do 75% as que acaden os 35 puntos, aumentando un 2% por cada punto do baremo, ata esgotar o crédito orzamentario previsto nesta orde.
O director do parque, co visto e prace do xefe do Servizo de Espazos Naturais e Biodiversidade, procederá a avaliar e propoñer unha baremación das solicitudes presentadas en cada parque natural.
Unha vez recibidos estes informes na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, procederase á súa baremación definitiva por unha comisión composta polo director xeral de Conservación da Natureza, o subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, e o xefe do Servizo de Conservación de Espazos Naturais, á cal poderá ser citada a directora do parque natural e a xefa do Servizo de Espazos Naturais e Biodiversidade de Ourense.
Artigo 9º.- Inspección previa.
En todas as solicitudes consideradas subvencionables, o director ou pesoal técnico do parque natural realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción ou o proxecto se axustan á realidade física e económica.
Artigo 10º.- Concesión da subvención.
1. A concesión das subvencións farase mediante resolución do conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do director xeral de Conservación da Natureza e segundo as dispoñibilidades orzamentarias.
2. A concesión da solicitude realizarase nun prazo de seis meses, que comezarán a contar a partir da data da convocatoria.
As solicitudes que non estivesen resoltas e notificadas nun prazo de seis meses desde a publicación desta orde entenderanse desestimadas por silencio administrativo, conforme o disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, e sen prexuízo da obriga de resolver expresamente prevista no artigo 42 da dita lei.
3. Contra a resolución pola que se aprobe ou denegue a solicitude de subvención poderase interpor recurso de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose, ou ben impugnar directamente o acto ante a xurisdición contencioso-administrativa.
1. A concesión da axuda notificaráselles aos interesados. Unha vez recibida a notificación, os beneficiarios deberán comunicar por escrito necesariamen te á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a súa aceptación ou renuncia, nun prazo de 15 días.
Artigo 11º.- Requisitos.
1. As obras obxecto de subvención deberán axustarse ao disposto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre, e en particular aos instrumentos de planificación e xestión dos parques naturais en cuestión, e contar no momento do seu inicio coas licenzas e autorizacións preceptivas.
2. No caso de infraestruturas, a finalidade ou función destas deberá manterse durante un prazo mínimo de 10 anos.
3. Os investimentos obxecto de subvención de carácter anual deberán realizarse no prazo que se indique na resolución de adxudicación. Excepcionalmente, o director xeral de Conservación da Natureza poderá conceder, por delegación do conselleiro, unha prórroga dentro dos límites legais establecidos no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que se aterá ao disposto no artigo 49 da mesma lei.
4. Os beneficiarios deberán colocar no lugar onde se realicen as obras un cartel ou placa resistente á intemperie, que indique que a obra se está levando a cabo cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, e que está cofinanciada pola Unión Europea, cos respectivos anagramas e o logotipo do parque natural.
O cartel será por conta do beneficiario e, unha vez rematada a obra, deberá permanecer en lugar visible por un prazo non inferior a un ano. O modelo deste cartel será facilitado polo correspondente parque natural.
Artigo 12º.- Xustificación do gasto.
1. O director do parque natural, en inspección final, deberá certificar que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada.
2. A xustificación do investimento obxecto de axuda deberase realizar mediante facturas orixinais ou as certificacións de obra correspondentes, ou mediante calquera dos medios previstos no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. No momento da xustificación da execución total ou parcial do proxecto, e con anterioridade ao pagamento, o beneficiario deberá xustificar que se atopa ao día nas súa obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.
No referente aos certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria e Economía e Facenda da Xunta de Galicia, o solicitante poderá acudir individualmente a estas axencias para solicitar a expedición do certificado correspondente ou cubrir e asinar debidamente a autorización que se xunta no anexo III para efectos de que este órgano poida solicitala por vía informática.
Artigo 13º.- Pagamento das subvencións.
1. Poderanse emitir certificacións parciais, que se efectuarán de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A tramitación do pagamento das axudas realizarase tras a inspección previa do director do parque natural e emisión da certificación correspondente, unha vez cumpridos todos os requisitos establecidos nesta orde.
Artigo 14º.- Control.
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá realizar as actuacións de inspección e control necesarias para garantir o cumprimento do establecido nesta orde, así como a comprobación dos investimentos realizados, podendo requirirse dos beneficiarios toda a documentación e información que lles sexa solicitada en cada momento.
Artigo 15º.- Revogación.
1. Son causas de revogación:
a) Cando se comprobe que as axudas foron destinadas a unha finalidade diferente daquela para a que foron concedidas.
b) Pola non-realización da obra ou traballo obxecto da subvención.
c) A non-presentación, ou presentación fóra de prazo, de calquera documentación requirida que sexa esencial para a resolución do expediente de subvención en calquera momento da tramitación.
d) Cando existan modificacións das accións previstas de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.
e) Por ocultar, manipular, falsear datos ou entorpecer de forma deliberada o labor de inspección e control.
f) Por perda da titularidade dos terreos, ou por perda de personalidade xurídica das empresas ou asociacións, se o novo titular non se subrogase expresamente.
g) Cando o beneficiario da subvención incumpra calquera das condicións establecidas tanto nesta orde como no resto da normativa aplicable.
h) Por incumprimento de calquera dos prazos establecidos nesta orde.
i) Por incumprimento de calquera das disposicións legais vixentes en materia de concesión destas axudas.
2. En todos os supostos anteriormente citados, e por proposta do director xeral de Conservación da Natureza, tras o informe previo da directora do parque natural, e tras a audiencia previa ao interesado, o conselleiro de Medio Ambiente poderá revogar, total ou parcialmente, as axudas que foron concedidas no seu día e declarará a obriga de reintegrar á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora fixados pola lei.
3. No referente aos reintegros totais ou parciais, revogacións, infraccións ou sancións, aos beneficiarios das axudas seralles de aplicación o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa. Neste sentido, conforme o disposto no artigo 78.7º da mencionada lei, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 16º.- Obriga de facilitar información.
Ademais da documentación complementaria que os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza lles poidan exixir durante a tramitación do procedemento, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga, conforme o artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, do facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.
Artigo 17º.- Aplicacións orzamentarias.
Estas axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.342-A 780.0, axudas para medidas compensatorias no contorno dos espazos naturais protexidos, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, cunha dotación inicial de 300.000 euros.
Esta dotación orzamentaria poderá incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo á mesma aplicación. Esta orde de axudas encóntrase cofinanciada polo Feder.
Disposicións derradeiras
Primeira.- Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar cantas disposicións complementarias considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2004.
José Manuel Barreiro Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Orde
Clasificación
ESPAZOS NATURAIS E PATRIMONIO FORESTAL
AXUDAS E SUBVENCIÓNS