Diario Oficial de Galicia, 11-07-2007, Núm. 134, Páx. 11948
Aviso do 8 de xuño de 2007, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Vileiriz (San Salvador) e Grallás (Santo Estevo) do Páramo (Lugo).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona Vileiriz (San Salvador) e Grallás (Santo Estevo), municipio de O Páramo (Lugo) e que se transcribe no anexo deste aviso.
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2007.
Xosé Carballido Presas
Director xeral de Estruturas e Infraestruturas
Agrarias
ANEXO
Declaración de impacto ambiental formulada pola dirección xeral de calidade e avaliación ambiental do 1 de xuño de 2007 relativa á concentración parcelaria da zona de Vileiriz (San Salvador) e Grallás (Santo Estevo), no concello do Páramo (lugo), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. Clave: 2005/0087.
Antecedentes.
Por solicitude da maioría dos propietarios dos terreos das parroquias de Vileiriz (San Salvador) e Grallás (Santo Estevo) do Páramo (Lugo), a Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias (hoxe Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias) promove o proceso de concentración parcelaria para as devanditas parroquias.
No anexo I desta declaración resúmense as características da zona de concentración e no anexo II as medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental.
A devandita concentración parcelaria, que se atopa entre os proxectos recollidos no anexo II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental atendendo os criterios indicados no anexo III do citado real decreto.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, o 6 de outubro de 2006 publícase no DOG (nº 194) o anuncio do 20 de setembro de 2006, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Vileiriz (San Salvador) e Grallás (Santo Estevo) do Páramo (Lugo). Durante este período non consta a presentación de alegacións.
Con data do 16 de febreiro de 2007 ten entrada, na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, o expediente ambiental remitido pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (órgano substantivo por razón da materia) que se completa coa documentación recibida o 26 de marzo e o 3 de maio de 2007. No expediente inclúense informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza. Segundo indica o órgano substantivo no oficio de remisión do expediente, non consta a emisión de informe por parte do concello do Páramo, da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, nin da Confederación Hidrográfica del Norte.
Cuberta a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) para a concentración parcelaria da zona de Vileiriz (San Salvador) e Grallás (Santo Estevo), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proceso de concentración parcelaria da zona de Vileiriz (San Salvador) e Grallás (Santo Estevo) é ambientalmente viable sempre que:
-Co fin de asegurar que se protexen os valores naturais de interese local -se é o caso-, se conte coa conformidade do concello do Páramo relativa á compatibilidade do proceso de concentración coas zona clasificadas como solo rústico de protección de espazos naturais no Plan Xeral de Ordenación Municipal ou, na súa ausencia, nas normas subsidiarias de planeamento.
-Se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar para os únicos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese exclusivamente ao proceso de concentración parcelaria das parroquias de Vileiriz (San Salvador) e Grallás (Santo Estevo) do Páramo (Lugo), a que se desenvolverá na zona delimitada no plano titulado Situación e localización. Nº 1 do estudo de impacto ambiental avaliado, cuxo perímetro abrangue unha superficie dunhas 555 ha.
B. Condicións xerais.
B.1. Fase de formulación.
1. Co fin de dar cumprimento ao estipulado no punto 8º do artigo 4 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, o proxecto definitivo da concentración parcelaria deberá contar co correspondente estudo acreditativo do seu impacto acústico.
Neste estudo, que se realizará con base no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, definiranse as medidas protectoras e/ou correctoras a adoptar naqueles puntos nos que puideran superarse os límites establecidos no anexo da citada Lei 7/1997, así como, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello do Páramo.
2. Definirase a localización das zonas destinadas a instalacións auxiliares de obra, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc., tendo en conta que non se sitúen excesivamente próximas a áreas poboadas, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria, e procurando que se empracen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.
3. Proxectarase, nas zonas establecidas para realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, un sistema de recollida, condución e sedimentación da auga procedente das zonas de obra, evitando que se produza algunha vertedura destas augas cara ás correntes naturais de auga. Así mismo, nas zonas para a realización das citadas actividades protexerase o solo con materiais impermeables.
4. No caso de existencia de sobrantes procedentes dos movementos de terra, definiranse as posibles zonas para o depósito destes. A selección destas zonas realizarase con criterios ecolóxicos e tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.
5. No deseño da rede viaria aproveitarase ao máximo posible a traza dos camiños existentes, minimizando a execución de novos accesos ás parcelas. Na definición do trazado de novos accesos teranse en conta as seguintes medidas, ademais das sinaladas no estudo ambiental:
-Evitaranse longos tramos de trazado rectilíneo, sendo preferible que a traza se adapte ao relevo natural co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura.
-Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que deberán preverse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionando estas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Á saída destes pasos colocaranse dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
-No caso de ser imprescindible o cruzamento de cursos fluviais, empregaranse pontes sempre que sexa posible (procurando no seu deseño que non se coloquen piares no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado deste) ou, no seu defecto, obras de paso tipo pórtico, evitando adoptar pasos tipo marco ou tubo co fin de manter os cursos no seu estado natural.
6. No caso de que nos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampa de subida ou facer o foxo cun ou cos dous laterais abertos.
7. No deseño do novo parcelario favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese ambiental; lindes arborizadas, valados de pedra, sebes, etc. Para iso, procurarase axustar a maior lonxitude posible de lindes das parcelas de achega aos citados elementos. Neste sentido, promoverase a conservación e posterior traslado dos valados de pedra que queden sen uso no interior dun predio para empregalos como elemento delimitador das novas parcelas.
8. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proxecto definitivo para esta concentración parcelaria, no que se desenvolvan e orzamenten detalladamente os labores de restauración vexetal e integración paisaxística descritos xenericamente no estudo de impacto ambiental. Na elaboración deste proxecto atenderase a criterios de coherencia ecolóxica e paisaxística, e terase en conta o seguinte:
-As especies que se van empregar:
-Serán autóctonas, tendo sempre presentes as circunstancias edafolóxicas e climáticas da zona que se van restaurar para a súa implantación e que estas (sexan árbores, arbustos, matas e/ou herbáceas) procederán da mesma zona ou outra similar, segundo criterios bioxeográficos, litolóxicos, de vexetación potencial e climáticos.
-Deberán ser compatibles co hábitat no que se van implantar. O hábitat, estación ou localización vai estar definido pola interdependencia e interrelación do clima, factores fisiográficos (topografía, pendentes, altitudes, exposición), solo ou substrato (perfil, textura, fauna, flora, ciclos de nutrientes, etc.) e factores bióticos.
-Deben ser compatibles entre si, no espazo e no tempo, aplicándose, se é o caso, os tratamentos oportunos, é dicir, a competencia interespecífica e intraespecífica entre as especies que se implanten debe posibilitar o éxito da restauración, adoptándose, ademais, para acadar este obxectivo os tratamentos que sexan necesarios (rareos, rozas, etc.).
-No caso de ser necesaria a eliminación dalgúns exemplares de especies arbóreas autóctonas, estas deberán ser replantadas, empregándose na restauración. De todos modos, recoméndase a súa preservación, actuando unicamente sobre exemplares mortos ou moi danados.
-Maximizarase a diversidade da zona de restauración, tendo sempre presentes as superficies que se van restaurar e os hábitats presentes (en superficies pequenas e/ou estacións de mala calidade diminúen exponencialmente as posibilidades de acadar esta premisa).
Así mesmo, neste proxecto recolle, sempre que sexa posible, a formación de sebes nos límites das novas parcelas como un elemento máis de integración paisaxística, empregando para iso especies arbustivas autóctonas presentes na zona.
9. Desenvolverase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta incluída no estudo ambiental, no que se incorporarán aqueles aspectos que se van controlar que xurdan ao longo da fase de formulación, así como os derivados do cumprimento do condicionado desta DIA.
O devandito programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo ambiental e o establecido no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.
Na realización do programa de seguimento ambiental terase en conta que:
-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.
-Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por unha entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán estar asinados por un técnico desta entidade.
-As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.
B.2. Fase de obras e explotación.
1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera durante a fase de obras e tal como se recolle no estudo ambiental, procederase á rega de superficies, evitando en todo momento asolagamentos e escorrentas, e os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Así mesmo, procederase aoavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
Ademais, para minimizar a emisión de po debida ao tránsito de vehículos pesados e áafectación da vexetación circundante deberán asfaltarase as pistas con maior tránsito.
2. A maquinaria de obra, ademais de cumprir coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, deberá dispor de documentación acreditativa ao respecto.
3. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello do Páramo ao respecto.
4. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
5. Calquera actuación ou afección sobre o dominio público hidráulico, sobre as zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación de auga e/ou vertido ó medio natural (xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais) precisará da autorización do organismo de conca correspondente, neste caso Confederación Hidrográfica del Norte. No caso de vertidos cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor desta rede.
6. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atopen na zona afectada pola concentración parcelaria.
7. Tendo en conta que no estudo non se prevé fabricar formigón in situ, o necesario deberá proceder dunha estación ou estacións debidamente autorizadas.
Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria de obra realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramas accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a parque de maquinaria, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.
9. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias na zona de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorrega superficial, chuvias ou enchentas do caudal.
10. Co obxecto de previr fenómenos erosivos e/ou incorporación de sólidos ás augas procederase, á medida que avanza a obra, á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou noiros nas zonas afectadas por movementos de terras. Ademais, no modelado dos noiros evitaranse as formas demasiado artificiais, procurando que o cambio de pendentes sexa gradual, integrándose co natural e por extensión coa paisaxe.
11. Prohíbese o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que tras as obras a súa clasificación non diminúa respecto da existente antes do inicio destas.
12. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas nas que se poida afectar á rede hidrolóxica, charcas, e zonas hidromorfas, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. Prestarase especial atención ao balizamento destas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.
13. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites da zona de concentración parcelaria e da localización de todas as infraestruturas previstas, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
14. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etc.) sexan reciclados co fin de utilizalos na propia obra. No caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.
15. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se vaian utilizar na construción de novos camiños (para as bases ou subases ou para a pavimentación) proceda de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
16. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao remate da obra.
17. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.4 desta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos.
18. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira haberá que aterse ao disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arboradura terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
19. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
20. Se na zona existisen afloramentos rochosos singulares con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polo proceso de concentración.
21. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística aos que se fai referencia no punto B.1.8 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación e procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.
22. Previamente á revexetación realizarase un acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.
23. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
24. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
25. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da concentración parcelaria deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a súa reciclaxe ou reemprego fronte á vertedura.
Neste sentido, adoptaranse as medidas correctoras oportunas co obxecto de que os residuos se almacenen en condicións axeitadas de hixiene, seguridade e segregación, garantindo, en todo caso, que se impida calquera afección ao ambiente. En relación con isto e no que respecta aos residuos perigosos, cumpriranse as normas técnicas vixentes relativas á envasaxe, etiquetaxe, almacenamento e traslado establecidas na lexislación vixente.
Ao rematar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, se é o caso, restaurados os espazos ocupados por elas á súa situación preoperacional. Isto é aplicable no caso de vías de obra que non vaian ser empregadas ao remate daquelas.
26. Se durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectan impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. De manifestarse a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comunicarao a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
C. Condicións específicas.
C.1. Fase de formulación.
1. Co fin de promover unha ordenación racional do territorio, no caso de que o PXOM do Páramo sexa aprobado definitivamente antes da execución da concentración parcelaria, adaptarase esta ás directrices do PXOM.
2. En relación coa protección dos elementos do patrimonio cultural, haberá que aterse ao seguinte:
a) Non se poderán realizar obras nin movementos de terras nos ámbitos de protección integral dos elementos do patrimonio cultural.
b) Nas áreas de respecto dos elementos do patrimonio cultural, a apertura de novas pistas, terá carácter excepcional e deberá conta co informe previo e favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, calquera obra ou movemento de terras nestas áreas, terá que ser informada, previamente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
c) No deseño dos proxectos de camiños e de concentración parcelaria, deberanse ter en conta adoptando as medidas oportunas para a súa conservación, preservación e recuperación os antigos camiños e corredoiras, valos de pedra, muros de peche tradicionais, etcétera, que configuran funcional e estruturalmente a paisaxe galega e caracterizan culturalmente o territorio.
d) No deseño dos proxectos de camiños e de concentración parcelaria e logo de inicio das obras, deberá remitirse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o seu informe, unha avaliación do impacto dos ditos proxectos sobre os elementos do patrimonio cultural localizados na zona de concentración parcelaria.
e) É necesario subliñar que o xacigo arqueolóxico O Castriño da Barrosa (GA27043019), non se recolle no Catálogo da memoria técnica da prospección arqueolóxica. Este xacigo, incluído no Arquivo de Xacigos Arqueolóxicos de Galicia, depositado na Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, localízanse fóra do ámbito da concentración parcelaria, aínda que as obras derivadas desta poden ter incidencia sobre o seu ámbito de protección legal (200 m de raio medidos desde o límite exterior do ben). Visto o anterior, a calquera obra que se proxecte neste ámbito, seralle de aplicación o indicado nos puntos a) e b) deste punto.
f) Deberase ter en conta que unha vez informados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural os documentos aos que se fai referencia no punto anterior, deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito dos proxectos de rede de camiños e de concentración parcelaria. Para tal fin e logo do inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico, deberase recoller na cartografía empregada polo persoal da obra durante o transcurso desta, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa compresión.
g) Na fase de replanteo, deberanse revisar os impactos e valorar as medidas correctoras.
h) Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.
i) Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
3. Excluiranse do proceso de concentración as áreas que presenten bosques aluviais residuais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae), hábitat natural prioritario recollido no anexo I da Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, co código 91E0*.
4. Ademais, nesta fase consideraranse elementos e áreas sensibles que se van conservar no proceso de concentración parcelaria as formacións de arboredo autóctono e os cursos fluviais incluíndo a súa vexetación de ribeira e ecosistemas intimamente ligados á auga. Ademais, buscarase a preservación dos corredores ecolóxicos, ecotonos e outros hábitats antropoxénicos de interese natural, cultural ou paisaxístico (sebes, valados de pedra, socalcos, corredoiras, aliñacións de árbores, árbores illadas de interese, especies vexetais e/ou faunísticas endémicas, singulares e/ou protexidas, etcétera).
En concreto, priorizarase a preservación de:
-Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica. (Código 9230), e bosques de Castanea sativa. (Código 9260).
-Áreas identificadas como de campeo (A1, A2 e A3) e de reprodución (Cp3) do Cyrcus pygargus no plano titulado Habitats de Circus pygargus, incluído no documento ampliación do inventario ambiental e medidas protectoras e correctoras. Marzo 2006.
5. Tendo en conta o anterior, e visto que a proposta de vieiros recollida no estudo ambiental:
-Afecta áreas de respecto dos elementos do patrimonio cultural (por exemplo o vieiro B4 á igrexa de Grallás (Santo Estevo); I2 ao Castro; C7 ao muíño de Vileiriz).
-Afecta en numerosas ocasións formacións arbóreas autóctonas.
-Ten unha grande proporción de vieiros rectilíneos que se cruzan octogonalmente entre eles.
-Nalgún tramo as pendentes lonxitudinais son excesivas (do 15%).
-Non se realiza un aproveitamento dos camiños existentes malia presentar traxectorias moi similares.
Cómpre concluír que, desde a perspectiva ambiental, esta proposta non se considera a mellor solución das posibles e por iso deberán estudarse outras alternativas.
No deseño desta rede viaria, así como das parcelas de achega e demais actuacións propias do proceso de concentración parcelaria, adoptaranse todas as medidas necesarias, alén das propostas no estudo de impacto e as establecidas nesta DIA, co obxecto de evitar ou minimizar a afección aos citados elementos. Terase en conta tamén a presenza, se é o caso, de rutas de sendeirismo, áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación para o tempo de lecer.
6. Desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de formulación, como poden ser a aparición de edificacións, abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos e cortas indiscriminadas ante a incerteza pola propiedade das parcelas. As ditas medidas pasan por manter informados os propietarios das parcelas en todo momento e establecer canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso de concentración parcelaria.
7. Ademais de cumprir o sinalado no punto B.1.9 da DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá recoller especificamente os seguintes aspectos:
a) Plan de seguimento do nivel de ruído durante a execución das obras tendo en conta o recollido no punto B.1.1 desta DIA. Nel deberán constar os puntos elixidos para a mostraxe (en que se incluirán as vivendas ou edificacións habitadas máis próximas ás zonas onde se teña previsto a execución das obras), metodoloxía, periodicidade dos controis e límites que se vaian aplicar. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.
b) Plan de control da calidade das augas dos cursos fluviais afectados polas obras, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona afectada. Consideraranse como mínimo os seguintes parámetros: pH, temperatura, materias en suspensión, osíxeno disolvido, condutividade e presenza de hidrocarburos.
Este plan completarase cunha estimación do nivel de colmatación de finos no leito dos tramos de depósito dos ríos, regos e regatos que poidan verse afectados polas obras, que incluirá a realización dunha reportaxe fotográfica que reflicta o seu estado.
c) Plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente, tanto para a fase de obras como para a de explotación.
d) Plan de seguimento anual da poboación reprodutora de Cyrcus pygargus.
Terase en conta que previamente ao inicio das obras deberá contarse coa realización de campañas preoperacionais dos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas e nivel inicial de finos nos leitos dos ríos. Os resultados das ditas campañas incorporaranse nos informes de seguimento ambiental (tanto os da fase de obra como os de explotación) para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
8. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias remitirá a esta dirección xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentración no que se incluirá ademais do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia, un anexo no que se documente a adecuada inclusión no dito proxecto tanto das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental como do condicionado desta DIA. Neste anexo recollerase especificamente o estudo de alternativas realizado para o deseño de vieiros e a xustificación, desde a perspectiva ambiental, da solución elixida, así como o proxecto de restauración que se a levará a cabo.
C.2. Fase de obras.
1. Serán obxecto de especial atención en canto á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias e, polo tanto, obxecto dun intenso seguimento, os elementos e áreas sensibles sinaladas nesta DIA.
2. Tal como se recolle no estudo de impacto ambiental avaliado, o período de obras non deberá coincidir con períodos de cría e/ou nidificación da fauna especialmente sensible presente nesta zona de concentración e máis especialmente do Cyrcus pygargus.
3. Ao finalizar as obras levarase a cabo unha rigorosa campaña de limpeza e desmantelación das instalacións de obra. A área de influencia do proxecto deberá quedar limpa de restos de obra.
4. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, como promotor da concentración responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental ao que se refire esta DIA, e como órgano substantivo haberá que aterse o disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.
Durante a fase de obras elaboraranse os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan a continuación:
a) Semestralmente:
-Informe de avance das obras (incluíndo cronograma actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto, acompañado de plano en planta no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
-Memoria do seguimento realizado en cumprimento do sinalado nesta DIA. Incluiranse os resultados dos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, variacións respecto do proxectado, labores de restauración efectuados, xestión de residuos de obra, sobrantes de terra, etc.
-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial, das ocupadas polos elementos e áreas sensibles. Nas fotografías indicarase a data e hora de realización, debendo ir acompañadas dun plano de localización.
b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:
-Memoria-resumo sobre o seguimento ambiental realizado, no que quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo de acordo co estudo ambiental e co disposto nesta DIA. Describirase detalladamente o estado final da zona de concentración parcelaria, con especial mención ás medidas de protección da vexetación e aos labores de restauración e integración paisaxística efectuadas. Así mesmo, incluiranse na memoria, de ser o caso, as variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como calquera outra incidencia ou imprevisto acontecidos e as solucións adoptadas.
Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona, hábitats naturais e demais formacións e áreas de interese ambiental, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.
-Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración parcelaria e das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras, en especial, as relativas á protección dos elementos e áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.
C.3. Fase de explotación.
1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante criterios ambientais de sustentabilidade no uso das parcelas, tendo en conta a súa asignación final. Os propietarios comprometeranse a manter o uso que se lle teña atribuído a cada parcela ao longo do proceso de concentración.
2. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados dentro dun sistema integrado de xestión de envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.
3. Anualmente elaborarase un informe de seguimento ambiental que como mínimo inclúa:
a) Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Describiranse os resultados do seguimento da poboación reprodutora de Cyrcus pygargus, dos labores de restauración e integración paisaxística, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado dos vieiros da concentración e dos seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra.
b) Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.
c) Se é o caso, incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento poderase modificar o contido e/ou frecuencia dos controis e informes que se van realizar en anos posteriores ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2007. Joaquín Lucas Buergo del Río. Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I
Resumo das características da zona de concentración parcelaria.
Preténdese levar a cabo un proceso de concentración parcelaria nas parroquias de Vileiriz (San Salvador) e Grallás (Santo Estevo), no concello do Páramo (Lugo), co obxecto de establecer unha nova ordenación das explotacións gandeiras e forestais, principalmente, que permita reducir os custos de explotación ao poder ter en produción as praderías durante os meses secos e quentes de verán, permitindo ensilar dúas veces (en primavera e outono), curar a herba en verán e aproveitar a forraxe verde do outono mediante sega ou pastoreo. Así mesmo, esta concentración de explotacións pretende evitar perdas de auga debidas as regas sen control e a atomización das parcelas.
A zona que hai que concentrar ten unha superficie aproximada de 555 ha, sendo o número de propietarios da zona duns 190 e o número actual de parcelas dunhas 1.760, cunha superficie media de 0,31 ha. Espérase que o número de predios de reemprazo, tras o proceso de concentración, sexa de aproximadamente 400, cunha superficie media dunhas 1,39 ha.
Segundo se indica no estudo ambiental, no momento da súa redacción estábase a elaborar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello do Páramo.
Segundo o Inventario Nacional de Hábitats e Taxóns na área de actuación atoparíase o hábitat de interese comunitario: carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaca (código 9230).
No referido estudo identifícanse as seguintes unidades ambientais:
-Masas protectoras. Constituídas fundamentalmente por frondosas como carballos e castiñeiros, ocupan o 15% da superficie estudada cunha superficie dunhas 77 ha (75 con carballos e 2 con castiñeiros).
-Masas produtoras. Formadas fundamentalmente por Pinus radiata, ocupan o 2% da superficie estudada cunha superficie de 14 ha.
-Vexetación de ribeira. Ocupa o 0,5% da superficie estudada cunha superficie dunhas 2,7 ha.
-Matogueira. Ocupa un 8,9% da superficie estudada cunha superficie dunhas 49,3 ha.
-Áreas de prados e cultivos. Ocupan a meirande parte do territorio estudada, 411,55 ha que supoñen un 74% do total da superficie.
-Elementos patrimoniais.
-Núcleos de poboación e diseminados.
Ademais son frecuentes os lindeiros naturais de pequena extensión formados fundamentalmente por especies de frondosas, que xunto coa vexetación de ribeira constitúen corredores naturais de grande importancia ecolóxica.
No estudo tamén se fai unha clasificación atendendo aos hábitats tal e como os define a Directiva 92/43/CEE, localizando na zona que se van concentrar os seguintes:
-Ríos de pisos de penechaira (Basal) montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion. (Código 3260).
-Uceiras secas europeas. (Código 4030).
-Prados de sega de baixa altitude (Alopecurus pratensis, Sanguisorba officinalis). (Código 6510).
-Bosques aluviais residuais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae). (Código 91E0*. Hábitat de interese prioritario).
-Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica. (Código 9230).
-Bosques de Castanea sativa. (Código 9260).
Da fauna da área de estudo destácase o seguinte:
-Mamíferos: das especies de mamíferos presentes na zona, 7 están catalogadas no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas como de interese especial: Galemys pirenaicus, Myotis myotis, Rhinolophus hipposideros, Rhinolophus ferrumequinum, Pipistrelluss pipistrellus, Lutra lutra, Mustela erminea.
-Aves: no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas están clasificadas como vulnerable a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e como de interese especial 39 especies presentes na zona.
-Réptiles: na zona estarían 3 especies cualificadas de interese especial no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas: Lacerta schreiberi, Natrix maura e Natrix natrix.
-Anfibios: hai 4 especies catalogadas como de interese especial no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas: Alites obsteticans, Discoglossus galganoi, Rana iberica e Triturus boscai.
Entre os elementos da rede hidrográfica destacan unha serie de pequenos regatos, Rego de Ribas, Rego de Cardigáns, Rego da Seara, Rego da Barra, Rego de Vileiriz e Rego de Saá, todos eles afluentes do Río Neira.
ANEXO II
Resumo das medidas de integración ambiental propostas.
A) No estudo de impacto ambiental.
Zonas e elementos que se van conservar.
Teranse en conta para determinar os elementos que se van conservar: as masas arbóreas, ríos e vexetación de ribeira e os elementos patrimoniais.
1. Medidas preventivas.
Fase de formulación.
Deseño e execución das obras.
-Desde o inicio das obras e, seguindo as indicacións do director ambiental da obra, levarase a cabo o control e vixilancia efectiva da execución das medidas de protección.
Deseño e distribución dos predios de reemprazo.
-Garantir na medida do posible a persistencia dos principais elementos paisaxísticos, ecolóxicos e culturais de alto valor dentro da área do proxecto.
-Manter e promover os usos tradicionais.
-Manter un grao de diversidade dentro do territorio que permita o seu uso múltiple e o aproveitamento das diferentes oportunidades que ofrece.
-Adxudicación de parcelas aos actuais propietarios.
-Axuste da xeometría das parcelas aos elementos preexistentes.
-Busca do compromiso por parte dos propietarios de respectar as infraestruturas, elementos ecolóxicos e culturais de interese.
Ordenación de usos preferentes para a zona de concentración.
-Mantemento da actividade agrícola sen limitacións especiais. As únicas limitacións de usos son as que impón o código de boas prácticas agrícolas, así como a conservación das infraestruturas existentes, xa sexa construcións agrícolas, muros, etcétera. Naquelas zonas onde os antigos cultivos invadían as ribeiras establecerase unha banda de restauración da vexetación de ribeira dunha largura mínima de 5 m, que en ningún caso será danada, alterada ou eliminada. Este aspecto incide sobre as zonas que se van conservar incluídas nas directrices ambientais.
-Conservar principalmente as zonas incluídas nas directrices ambientais.
Fase de execución.
Atmosfera:
-A maquinaria debe limitarse á zona restrinxida para ela, prohibiranse os traballos nocturnos e os períodos de obras non deben coincidir cos períodos de cría e nidificación da fauna de interese (na maioría dos casos de maio a xuño).
-Ao longo da fase de construción xeraranse emisións de po procedentes dos movementos de terra e dos fumes procedentes dos motores da maquinaria empregada. A dirección ambiental decidirá a posibilidade de realizar regas. As regas realizaranse mediante camións cisterna destinados para tal fin.
Solo.
-As actuacións que impliquen a deterioración do solo deben realizarse en verán, dado que é a época con menor precipitación do ano, tendo en conta as épocas de cría e nidificación das aves.
-Antes da entrada da maquinaria na zona de concentración débese sinalizar a zona por onde se permite o tránsito desta mediante a colocación de marcadores e cintas plásticas, que debe coincidir na medida do posible co trazado actual das pistas.
-Débense informar os operarios dos condicionantes que esta sinalización supón.
-Debe estar sinalizado o parque de maquinaria e os camiños de acceso á obra, así como as superficies que supoñan unha ocupación temporal do solo.
-O contratista queda obrigado a realizar un control e vixilancia nos movementos da maquinaria durante o período de obras.
-As superficies ocupadas pola maquinaria deberán ser restauradas buscando as formas orixinais do terreo.
-Prohíbese o emprego de materiais tóxicos tanto para os operarios como para o medio natural, sendo decisión do enderezo ambiental a definición de tales materiais.
-Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución das obras e da explotación dos novos vieiros deberanse xestionar conforme á súa natureza e á lexislación vixente en cada caso.
Protección das augas e cursos.
-Previamente a calquera afección ao dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía, será preceptiva a autorización administrativa.
-Queda prohibido a utilización das marxes, ribeiras e zonas de servidume como lugar para o depósito de materiais, parques e maquinaria, etcétera e, en xeral, todas aquelas actividades que podan provocar a contaminación das augas. De igual xeito prohíbese a vertedura de calquera substancia ás augas.
Vexetación.
-Co fin de evitar a eliminación da vexetación, especialmente as zonas destacadas desde o punto de vista ecolóxico e paisaxístico, deben tomarse as precaucións debidas para non alterar estas masas, para iso recóllense as distintas zonas nas directrices ambientais da concentración.
Fertilizantes e fitosanitarios.
-Para o uso de fertilizantes recoméndase calcular as cantidades mínimas necesarias para optimizar o rendemento dos produtos, seleccionar os produtos adecuados para cada caso, evitar a aplicación de tratamentos fitosanitarios en días de vento.
Fauna.
-Recoméndanse os meses de agosto e setembro para a realización das obras, pois así evítanse os períodos de cría e nidificación das aves e ademais elúdense os períodos de chuvias.
Medio socioeconómico.
-Realizarase un proceso informativo no que se dará a coñecer aos propietarios a localización das súas novas parcelas, informando dos usos preferentes e das limitacións que se presente en cada un dos casos.
Control dos elementos patrimoniais.
-Información aos responsables da obra da situación exacta do elemento na cartografía de detalle do proxecto, indicando nela a área de ocupación do elemento (área de protección integral) así como a banda de protección establecida no seu contorno (contorno de protección).
-No caso de levarse a cabo algún tipo de obra que xere movemento de terras dentro do contorno de protección será necesaria a elaboración dun proxecto arqueolóxico que recolle o control e seguimento das obras realizadas, logo de autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
-De forma xeral, débese realizar un control e seguimento arqueolóxico da totalidade das obras vinculadas á concentración parcelaria que supoñan remoción de terras, principalmente as existentes, centrándose fundamentalmente nas accións construtivas que se poidan realizar no contorno dos elementos patrimoniais incluídos na memoria.
Fase de explotación.
-Nos solos con pendente maior do 10% realizaranse os labores segundo curvas de nivel.
-Evitarase a queima de rastroxos sendo preferible o seu aproveitamento polo gando.
2. Medidas correctoras.
Fase execución.
Solo.
-Nas zonas nas que se produza compactación procederase á descompactación do solo mediante un proceso de escarificado dos 10-40 cm superficiais.
-Unha vez finalizadas as obras é obrigatorio limpar e acondicionar as zonas alteradas e os seus arredores, devolvéndoas ao seu estado inicial na medida do posible. Débese estender a capa superior de terra vexetal separada previamente na fase de execución das obras.
Nas zonas de maquinaria procederase á limpeza e restauración do lugar onde se situou o parque de maquinaria e outras instalacións complementarias. A limpeza consistirá na retirada de todos os residuos acumulados en vertedoiros controlados.
-Unha vez retirados os residuos procederase á aradura das zonas compactadas, intentando recuperar a estrutura orixinal do terreo, posteriormente pasarase unha grada e estenderase unha capa de terra vexetal, para finalmente realizar a restauración vexetal ata recuperar o seu estado inicial.
Fase de explotación.
Medio socioeconómico.
-É moi importante que se realice a información e asesoramento aos agricultores e gandeiros en materia ambiental para integrar de forma correcta o proceso de concentración parcelaria no medio natural.
3. Medidas compensatorias.
Fomentar o desenvolvemento de lindeiros entre novas parcelas de reemprazo.
-Tras a redistribución de parcelas aparecerán novas liñas agrícolas que serán susceptibles de ser ocupados por vexetación non agrícola. O desenvolvemento de lindeiros delimitará perfectamente as parcelas de reemprazo.
B) No anexo de ampliación do inventario ambiental e medidas protectoras e correctoras.
1. Medidas preventivas complementarias.
Localización de zonas sensibles nos planos de bases definitivas.
Novas plantacións.
-Nas zonas en que se realicen plantacións vexetais co fin de restaurar o terreo, estas realizaranse sempre con especies frondosas autóctonas, e non se permitirá realizar plantacións monoespecíficas.
-Durante a fase de restauración evitarase o emprego de fertilizantes e fitosanitarios e, de ser necesaria a súa aplicación, esta realizarase por persoal especializado prestando especial atención ás zonas próximas a cursos de auga.
-De forma xeral, as plantacións realizaranse nos meses de marzo e abril con exemplares de 1, 2 ou 3 zumes, e realizaranse de xeito que a plantación se adapte o máximo posible ás condicións e requirimentos ecolóxicos da zona que se vai restaurar. As especies recomendadas son:
Zonas de ribeira: Salix atrocinerea, Alnus glutinosa, Betula spp e Fraxinus spp. Deberán ir protexidas con tubos protectores biodegradables e plantaranse con distribución irregular e con marco de 1-2 m en formacións arbustivas e 5-6 m en exemplares arbóreos.
A distribución da vexetación será continua nas zonas con máis do 5% de pendente, mentres que nas zonas con pendente inferior poderá ser dispersa. Neste caso recoméndase a plantación de especies frondosas autóctonas como é o caso do carballo (Quercus robur) e castaño (Castanea sativa), no caso desta útima, para evitar danos producidos polas enfermidades recoméndase o emprego de castañeiros resistentes obtidos por hibridación controlada de castañeiros europeos con chineses (Castanea mollissima) e xaponeses (Castanea crenata).
-De forma xeral, recoméndase a non eliminación das árbores frondosas autóctonas (carballos e castañeiros) de máis de 30 cm de diámetro.
2. Medidas protectoras e correctoras complementarias.
Medidas de conservación de hábitats do Cyrcus pygargus.
-Conservación íntegra do estrato arbustivo de Ulex europaeus, Cytisus sp. e Erica sp. Presentar a viabilidade da recuperación de recuperación do estrato arbustivo.
-Deseño e localización de vieiros que respecten no posible tanto as áreas de reprodución como as de alimentación, e en canto aos camiños existentes nestas zonas, manteranse como están.
-Conservar unha porcentaxe mínima de sebes e muros que manteñan a hetereoxeneidade do medio. Nas zonas de reprodución e alimentación intentarase aplicar esta medida de forma íntegra.
-Conservación das carballeiras de Quercus robur e Quercus pyrenaica, así como os soutos de Castanea sativa. Esta medida deberá ser tomada en toda a área de estudo.
-Definir e regular os futuros usos do solo compatibles coa preservación de Cyrcus pygargus, prestando especial atención á limitación das repoboacións forestais.
-A execución das obras respectará a época de cría (de marzo a setembro).
-Aplicación de medidas agroambientais para manter poboacións presa.
-Campañas de sensibilización, especialmente nas zonas de conflito coa caza menor. Regulación da caza en época de cría nas zonas de reprodución.
-Creación de zonas protexidas que aseguren o futuro da especie.
-Seguimento anual da poboación reprodutora.
Execución dos novos camiños.
-Aproveitar o trazado dos camiños existentes para elixir as trazas dos novos camiños, diminuíndo o movemento de terras.
-Recoméndase que o trazado final da rasante dos novos camiños se acomode na medida do posible á topografía do terreo, compensado desmontes con noiros e evitando zonas de elevada pendente.
-Cando o camiño discorra entre vexetación de interese (principalmente masas frondosas autóctonas) deberanse ter en conta as seguintes consideracións:
-Cando as formacións se localicen só a unha beirado camiño, deberán incluírse no dominio público do camiño, asegurando así a súa persistencia.
-Cando limite a ambos os lados con vexetación natural ou elementos de interese teranse en conta os seguintes criterios para a selección do lateral que non deberá ser alterado e incluílo no dominio público do camiño.
* Os noiros e lindeiros de maior altura, largura e mellor estado de conservación, primarán sobre os de menores dimensións ou máis deteriorados.
* Deberán respectarse preferentemente as marxes que presenten vexetación arbórea e/ou outras formacións arbustivas de destacada importancia que deberán sinalizarse.
* No caso de presentar en ambas as marxes do camiño comunidades vexetais de interese, terá preferencia de ser conservada a de maior nivel evolutivo e mellor estado de conservación.
-Cando non limite a ningún lado con vexetación natural de interese ou con ningún elemento que haxa que preservar poderá optarse pola alternativa máis interesante desde outros puntos de vista ecolóxicos.
-Cando discorra o camiño próximo a cursos fluviais distanciarase deste o máximo posible, incluíndo no trazado do camiño unha franxa de protección de 4 m con vexetación existente ou sen ela, e destinándoa a restauracións.
No caso de incorrer en zonas con pendentes elevadas incluirase no lindeiro superior cando estea composto por vexetación e muros, en cambio incluirase no inferior cando só conteña vexetación. Outra alternativa en zonas de fortes pendentes e con dificultades de acceso consiste na adecuación de camiños tradicionais ou forestais, como vías de acceso aos futuros predios de reemprazo, de xeito que o impacto sobre o contorno sexa o mínimo posible. Esta alternativa persegue minimizar os movementos de terra, compensando o desmonte e o noiro, mediante o acondicionamento do firme existente e a consolidación dun novo a partir de achegas de materiais como o xabre.
Deseño de camiños en valgada e pasos de auga.
-Na fase de formulación do trazado dos camiños definitivos evitarase o trazado por lameiros e proximidades aos cursos fluviais existentes na zona de estudo, procurarase que discorran por terreos saneados sen erosións e sen síntomas de asolagamentos.
Deseño de noiros.
-Se no deseño das trazas dos camiños se teñen en conta os trazados existentes, reducirase en gran medida o movementos de terras. Nos camiños de nova construción recoméndase que a rasante se acomode na medida do posible á topografía do terreo.
-Para favorecer a rexeneración natural dos noiros dos foxos tras o acondicionamento dos camiños, o tratamento da capa superficial do terreo (15-30 cm), cargada dun considerable banco de sementes, debe ser tal que, unha vez terminado o foxo, a terra dese primeiro horizonte se localice superficialmente, favorecendo deste modo a xerminación das sementes e a conseguinte invasión vexetal dun modo sinxelo e natural.
Restauración de marxes de camiños e liñas de drenaxe.
-As marxes tanto de camiños como de gabias acondicionados e creados, restauraranse con vexetación autóctona da zona, buscando a creación de formacións e comunidades vexetais de interese ecolóxico e nunca unha formación mono-específica.
Vexetación asociada aos cursos de auga.
-Recoméndase que a unidade ambiental vexetación de ribeira sexa incluída dentro do largo de ocupación dos cursos de auga de modo que esta non quede incluída nos planos de masas do proxecto de concentración.
Masas de frondosas caducifolias.
-Considerar a exclusión no caso de que as masas protectoras pertenzan a moitos propietarios ou que se atopen no límite da zona de estudo. Cando na súa maior parte estas masas pertenzan a un único propietario, asignar o mesmo propietario.
Lindes arborizados.
Cando existan lindes con formacións vexetais de interese e/ou elementos tradicionais como muros de pedra deberanse respectar e restaurar sempre na medida do posible.
Mouteiras ou pés illados de frondosas autóctonas.
Deberanse conservar na medida do posible informando os propietarios dos predios.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO RURAL
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Outros
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL