Diario Oficial de Galicia, 10-01-2007, Núm. 7, Páx. 442
Aviso do 27 de novembro de 2006, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de San Martiño de Prado (Lalín-Pontevedra).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de San Martiño de Prado, municipio de Lalín (Pontevedra) e que se transcribe no anexo do presente aviso.
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2006.
Xosé Carballido Presas
Director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias
ANEXO - Declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 7 de novembro de 2006, relativa á concentración parcelaria da zona de San Martiño de Prado, no concello de Lalín (Pontevedra), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. (clave: 2004/0183).
Antecedentes.
Por solicitude dos veciños da parroquia de San Martiño de Prado (Lalín, Pontevedra), a Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias (hoxe Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias) iniciou o procedemento de concentración parcelaria para a dita parroquia.
A devandita concentración parcelaria, que se atopa entre os proxectos previstos no anexo II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
No anexo I resúmense as características desta zona de concentración parcelaria e no anexo II as medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental avaliado.
Mediante Resolución do 22 de outubro de 2004, da entón Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias (publicada no DOG nº 230, do 25 de novembro), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria da referida zona, non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.
Con data do 28 de setembro de 2006 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Estruturas e
Infraestruturas Agrarias como órgano substantivo por razón da materia, no cal se inclúen os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, e do organismo autónomo Augas de Galicia. Hai que sinalar que, tal como se indica no escrito do órgano substantivo que acompaña o expediente ambiental, non consta a emisión dos informes solicitados á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e ao Concello de Lalín.
Unha vez cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, só para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) da concentración parcelaria da zona de San Martiño de Prado, no concello de Lalín (Pontevedra), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proceso de concentración parcelaria da zona de San Martiño de Prado é ambientalmente viable sempre que:
- Co fin de asegurar que se protexen os valores naturais de interese local, se conte coa conformidade do Concello de Lalín relativa á compatibilidade do proceso coas zonas clasificadas como solo rústico de protección dos espazos naturais no plan xeral de ordenación municipal.
- Se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, só para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A. Ámbito da declaración.
A presente declaración refírese ao proceso de concentración parcelaria da parroquia de San Martiño de Prado, no concello de Lalín (Pontevedra), que se desenvolverá na zona definida no plano titulado Plano nº 7. Unidades ambientais, cuxo perímetro comprende unha superficie dunhas 265 ha. O referido plano atópase incluído no estudo ambiental avaliado titulado Estudo de impacto ambiental da zona de concentración parcelaria de San Martiño de Prado (Lalín-Pontevedra). Memoria, anexos e planos. Pontevedra, xullo de 2004.
B. Condicións xerais.
B.1. Fase de formulación.
1. Adaptarase o estudo acústico, incluído no anexo I do estudo de impacto ambiental, ao proxecto definitivo de concentración parcelaria, definindo con detalle as medidas protectoras e/ou correctoras necesarias que se van adoptar co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello de Lalín ao respecto.
2. Definirase a localización das zonas destinadas a instalacións auxiliares de obra, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc., cos criterios sinalados no estudo de impacto ambiental, e tendo en conta que non se sitúen excesivamente próximas a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.
3. Proxectarase, nas zonas establecidas para realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, un sistema de recolla, condución e sedimentación da auga procedente das zonas de obra, evitando que se produza algunha vertedura destas augas cara ás correntes naturais de auga. Asemade, nas zonas para a realización das citadas actividades protexerase o solo con materiais impermeables.
4. No caso de existencia de sobrantes procedentes dos movementos de terra, definiranse as posibles zonas para o depósito destes. A selección destas zonas realizarase con criterios ecolóxicos e tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.
5. Tal como se indica no estudo ambiental, no deseño da rede viaria aproveitarase o máximo posible a traza dos camiños existentes, minimizando a execución de novos accesos ás parcelas de achega. De ser necesarios novos accesos, na definición do seu trazado teranse en conta as seguintes medidas, ademais das sinaladas no estudo ambiental:
- Evitaranse longos tramos de trazado rectilíneo, sendo preferible que a traza se adapte ao relevo natural co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura.
- Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que deberán preverse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionando estas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Á saída destes pasos colocaranse dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
- No caso de ser imprescindible o cruzamento de cursos fluviais, empregaranse pontes sempre que sexa posible (procurando no seu deseño que se non se coloquen piares no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado del) ou, no seu defecto, obras de paso tipo pórtico, evitando adoptar pasos tipo marco ou tubo con fin de manter os leitos no seu estado natural.
6. No caso de que nos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou cos dous laterais abertos.
7. No deseño do novo parcelario favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese ambiental; estremas arboradas, valados de pedra, sebes, etc. Para isto, procurarase axustar a maior lonxitude posible de estremas das parcelas de achega aos citados elementos. Neste sentido, promoverase a conservación e posterior traslado dos valados de pedra que queden sen uso no interior dun predio para empregalos como elemento delimitador das novas parcelas.
8. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proxecto definitivo para esta concentración parcelaria, no cal se desenvolvan e orcen detalladamente os labores de restauración vexetal e integración paisaxística descritas xenericamente no estudo de impacto ambiental. Neste proxecto contemplarase, asemade, sempre que sexa posible, a formación de sebes nos límites das novas parcelas como un elemento máis de integración paisaxística, empregando para isto especies arbustivas autóctonas presentes na zona.
9. Desenvolverase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta incluída no estudo ambiental, no cal se incorporarán aqueles aspectos a controlar que xurdan ao longo da fase de formulación, así como os derivados do cumprimento do condicionado desta DIA.
O devandito programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo ambiental e o establecido no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.
Na realización do programa de seguimento ambiental terase en conta que:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.
- Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada e os resultados deberán estar asinados por un técnico da dita entidade.
- As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.
B.2. Fase de obras e explotación.
1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera durante a fase de obras, e tal como se establece no estudo ambiental, procederase á rega de superficies, evitando en todo momento asolagamentos e escorrementos, e os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Asemade, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2. A maquinaria de obra, ademais de cumprir coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, deberá dispor de documentación acreditativa ao respecto.
3. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do concello de Lalín ao respecto.
4. Calquera actuación ou afección sobre o dominio público hidráulico, sobre as zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación de auga, e/ou vertido ao medio natural (xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais), precisará da autorización do organismo de bacía correspondente, neste caso Augas de Galicia. No caso de verteduras cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.
5. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atopen na zona afectada pola concentración parcelaria.
6. Tendo en conta que no estudo non se prevé fabricar formigón in situ, o necesario deberá proceder de factoría ou factorías debidamente autorizadas.
7. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias na zona de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorremento superficial, chuvias ou crecidas do caudal.
8. Co obxecto de previr fenómenos erosivos e/ou incorporación de sólidos ás augas procederase, á medida que avanza a obra, á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén nas zonas afectadas por movementos de terras.
9. Prohíbese o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que tras as obras a súa clasificación non diminúa respecto da existente antes do inicio destas.
10. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, pozas, e zonas hidromorfas, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.
11. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites da zona de concentración parcelaria e da localización de todas as infraestruturas previstas, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.
12. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etc.) sexan reciclados co fin de utilizalos na propia obra. No caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.
13. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se utilicen na construción de novos camiños (para as bases ou subases ou para a pavimentación) proceda de estacións de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
14. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao remate da obra.
15. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.4 desta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos.
16. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira observarase o disposto na lexislación vixente de aplicación. Asemade, previamente á corta de árbores terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.
17. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
18. Se na zona existisen afloramentos rochosos singulares con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polo proceso de concentración.
19. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia no punto B.1.8 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación e procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.
20. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
21. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
22. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da concentración parcelaria deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a súa reciclaxe ou reemprego fronte á vertedura.
Neste sentido, adoptaranse as medidas correctoras oportunas co obxecto de que os residuos se almacenen en condicións axeitadas de hixiene, seguridade e segregación, garantindo en todo caso que se impida calquera afección ao ambiente. En relación con isto, e no que respecta aos residuos perigosos, cumpriranse as normas técnicas vixentes relativas ao envasado, etiquetaxe, almacenamento e traslado establecidas na lexislación vixente.
Ao rematar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etc., deberán ser desmanteladas e, se for o caso, restaurados os espazos ocupadas por elas á súa situación preoperacional. Isto é aplicable no caso de vías de obra que non vaian ser empregadas ao remate daquelas.
23. Se durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se refire o punto B.1.9 desta DIA se detectan impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. De manifestarse a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comunicarallo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
C. Condicións específicas.
C.1. Fase de formulación.
1. Tal e como se indica no estudo de impacto ambiental, co fin de promover unha ordenación racional do territorio consonte os ditames do PXOM do Concello de Lalín, excluiranse deste proceso de concentración parcelaria os seguintes terreos:
- Áreas clasificadas no PXOM como solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable.
- Sectores clasificados como solo rústico de especial protección: áreas de interese paisaxístico -SR-P-2-, (entre os cales se atopa o sector ocupado pola confluencia dos ríos Deza e Asneiro).
Asemade, e conforme co recollido no plano nº 8 do estudo ambiental, excluiranse do proceso de concentración os dous grandes cursos fluviais ao seu paso por esta zona de concentración parcelaria (río Deza e río Asneiro) englobando dentro do largo de ocupación destes ríos a superficie formada pola súa vexetación de ribeira, (que inclúe o hábitat prioritario Senecio bayonensis-Alnetum glutinosae (81E025) recollido no anexo I da Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, co código *91E0).
2. Ademais do anterior, para efectos ambientais considéranse elementos e áreas sensibles a conservar no proceso de concentración parcelaria as formacións de arboredo autóctono, cursos fluviais secundarios e a súa vexetación de ribeira, árbores e grupos singulares, sebes e aliñacións arbóreas de límite entre parcelas, especies vexetais e/ou faunísticas endémicas, singulares e/ou protexidas, e os elementos do patrimonio cultural, tanto arqueolóxico como arquitectónico e etnográfico.
No deseño da rede viaria, parcelas de achega e demais actuacións propias do proceso de concentración parcelaria adoptaranse todas as medidas necesarias, ademais das propostas no estudo de impacto e as establecidas nesta DIA, co obxecto de evitar ou minimizar a afección aos citados elementos. Terase en conta tamén a presenza, se é o caso, de rotas de camiñada, áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación para o tempo de lecer.
3. En relación coa protección dunha das unidades de maior valor ambiental das identificadas no estudo de impacto; Unidade Ambiental Cb, que engloba carballeiras cun alto grao de conservación, de entre as medidas protectoras propostas no estudo ambiental priorizarase a súa exclusión do proceso de concentración fronte á adxudicación a masa común ou a un mesmo propietario, sobre todo para a carballeira mellor conservada e que ocupa unha maior extensión territorial, situada ao sur este da parroquia de San Martiño de Prado.
4. En xeral, para as formacións de interese ambiental identificadas na zona (grupos ou pés illados de frondosas autóctonas, estremas arborizadas e arbustivas, formacións arbóreas como Rusco-quercetum roboris (823013) incluída no anexo I da citada Directiva 92/43/CEE co código 9230, etc., observarase o estrito cumprimento das medidas de integración ambiental propostas no estudo ambiental.
5. En relación coa protección dos elementos do patrimonio cultural, observarase o seguinte:
- Non se poderán executar pistas de nova traza nas áreas de protección integral dos elementos do patrimonio cultural presentes na área, que se corresponden coas reflectidas no plano nº II-1 titulado Elementos patrimoniais contido na memoria da prospección arqueolóxica incluída no estudo ambiental.
- Unha vez que se definan as accións para levar a cabo nesta zona de concentración parcelaria no correspondente proxecto de camiños e proxecto de concentración, e previamente ao inicio das obras, o promotor remitirá á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha avaliación do impacto das accións destes proxectos sobre os elementos do patrimonio cultural localizados na zona, para a emisión do correspondente informe.
- En relación co elemento Ponte de Taboada, Ponte Romana ou Ponte Vella (GA36052048), non se poderán construír pistas de nova traza nas áreas de protección integral e de respecto deste elemento.
- Na fase de deseño do proxecto de rede de camiños e de concentración parcelaria prestarase especial atención á preservación, pola súa relevancia, dos seguintes elementos: pazo de Liñares, pazo de Irixe e igrexa parroquial de San Martiño de Prado.
- Unha vez informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o documento sinalado na entrada segunda deste punto, e durante as fases de implantación, execución de obra e restitución dos terreos, deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico en todo o ámbito do proxecto. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso dela, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
- Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das citadas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
- Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.
6. Desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de formulación, como poden ser a aparición de edificacións, abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos e cortas indiscriminadas ante a incerteza pola propiedade das parcelas. Estas medidas pasan por manter informados os propietarios das parcelas en todo momento, e establecer canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso de concentración parcelaria.
7. Ademais de cumprir o sinalado no punto B.1.9 da DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá considerar especificamente os seguintes aspectos:
- Plan de seguimento do nivel de ruído durante a execución das obras tendo en conta o recollido no punto B.1.1 desta DIA. Nel deberán constar os puntos finalmente elixidos para a mostraxe (nos que se incluirán as vivendas ou edificacións habitadas máis próximas ás zonas onde se teña previsto a execución das obras), metodoloxía, periodicidade dos controis e límites que se van aplicar. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.
- Plan de control da calidade das augas dos cursos fluviais afectados polas obras, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona afectada. Consideraranse como mínimo os seguintes parámetros: pH, temperatura, materias en suspensión, oxíxeno disolto, condutividade e presenza de hidrocarburos.
Este plan completarase cunha estimación do nivel de colmataxe de finos no leito dos tramos de depósito dos ríos, regos e regatos que poidan verse afectados polas obras, que incluirá a realización dunha reportaxe fotográfica que reflicta o seu estado.
- Plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente, tanto para a fase de obras como para a de explotación.
Terase en conta que previamente ao inicio das obras deberá contarse coa realización de campañas preoperacionais dos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas e nivel inicial de finos nos leitos dos ríos. Os resultados das ditas campañas incorporaranse nos informes de seguimento ambiental (tanto os da fase de obra como os de explotación) para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
8. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias remitirá a esta dirección xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentración no que se incluirá, ademais do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia, un informe sobre a adecuada inclusión no dito proxecto tanto das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental como do condicionado desta DIA.
C.2. Fase de obras.
1. Serán obxecto de especial atención canto a súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, e polo tanto obxecto dun intenso seguimento, os elementos e áreas sensibles sinaladas nos puntos C.1.2 ao C.1.4 desta DIA.
2. Tal como se recolle no estudo de impacto ambiental avaliado, o período de obras non deberá coincidir con períodos de cría e/ou nidificación da fauna especialmente sensible presente nesta zona de concentración e identificada no punto 2.2.2 do referido estudo.
3. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, como promotor da concentración, responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se refiren os puntos B.1.9, B.2.23 e C.1.7 desta DIA, e como órgano substantivo observará disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.
Durante a fase de obras elaboraranse os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan a seguir:
a) Semestralmente:
- Informe de avance das obras (incluíndo cronograma actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto, acompañado de plano en planta no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
- Memoria do seguimento realizado en cumprimento do sinalado nesta DIA. Incluiranse os resultados dos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, variacións respecto do proxectado, labores de restauración efectuados, xestión de residuos de obra, sobrantes de terra, etc.
- Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial das ocupadas polos elementos e áreas sensibles sinalados do punto C.1.2 ao C.1.4 desta DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora de realización, debendo ir acompañadas dun plano de localización.
b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:
- Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, no cal quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo de acordo co estudo ambiental e co disposto nesta DIA. Describirase detalladamente o estado final da zona de concentración parcelaria, con especial mención ás medidas de protección da vexetación e aos labores de restauración e integración paisaxística efectuados. Asemade incluiranse na memoria, de ser o caso, as variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como calquera outra incidencia ou imprevisto acontecidos e as solucións adoptadas.
Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona, hábitats naturais e demais formacións e áreas de interese ambiental sinaladas desde o punto C.1.2 ao C.1.4 desta DIA, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.
- Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración parcelaria e das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas á protección dos elementos e áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.
C.3. Fase de explotación.
1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante criterios ambientais de sustentabilidade no uso das parcelas, tendo en conta a súa asignación final. Os propietarios comprometeranse a manter o uso que se lle atribuíse a cada parcela ao longo do proceso de concentración.
Neste sentido, considérase de especial importancia o adecuado desenvolvemento do programa de formación proposto no estudo ambiental, dirixido aos propietarios das parcelas para a mellora ambiental das explotacións e o seu aproveitamento respectuoso co ambiente.
2. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados dentro dun sistema integrado de xestión de envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.
3. Anualmente elaborarase un informe de seguimento ambiental que, como mínimo, inclúa:
- Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Describiranse os resultados dos labores de restauración e integración paisaxística, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das pistas da concentración e dos seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra.
- Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.
- Se é o caso, incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento poderase modificar o contido e/ou frecuencia dos controis e informes que se realizarán en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2006.
Joaquín Lucas Buergo del Río.
Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I - Resumo das características da zona de concentración parcelaria
Preténdese a concentración parcelaria da parroquia de San Martiño de Prado no municipio de Lalín (Pontevedra). A superficie total da zona é dunhas 265 ha que se corresponden aproximadamente nun 45% a parcelas de labradío e pasto, nun 41% a monte arborizado e nun 14% a formacións de ribeira fluvial e bosques de carballo.
A zona en que se efectuará a concentración parcelaria posúe unha importante rede hidrográfica, atopándose ao oeste desta o río Deza e sendo atravesada polo río Asneiro, afluente do anterior. Polo oeste a zona estrema co concello de Silleda (parroquia de Taboada) e polo norte linda coa parroquia de Noceda, polo sur coa parroquia de Cistimil, e polo leste coa de Bendoiro.
Os citados cursos fluviais (o río Deza e o Asneiro) conflúen nesta zona e contan cun nivel de protección a escala municipal, estando catalogados como áreas de interese paisaxístico.
Por outra banda, nesta zona atópanse carballeiras constituídas por pés adultos de carballo (Quercus robur) e rebolo (Quercus pyrenaica), con pés illados de castiñeiro, salgueiro e bidueiro. A carballeira que se atopa en mellor estado de conservación atópase ao sur este da parroquia, practicamente en contacto coa ribeira do río Asneiro.
O proceso de concentración desenvolverase en tres fases (formulación, execución e explotación). As actuacións que implican un maior número de operacións de maquinaria e risco de deterioración de elementos ambientais son o acondicionamento das parcelas de achega e a execución dos camiños de servizo ás ditas parcelas.
ANEXO II - Resumo das medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental
Zonas e elementos para conservar.
Aínda que na parroquia de San Martiño de Prado non existen espazos naturais protexidos, no estudo ambiental destácase o valor ambiental de determinadas unidades ambientais que deben ser obxecto de especial atención canto á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias. Estas unidades incluirían basicamente as seguintes:
- Hábitats incluídos na Directiva 92/43/CEE, algún dos cales se considera prioritario.
- Cursos fluviais.
- Carballeiras.
- Sebes, formacións arborizadas/arbustivas entre parcelas.
- Construcións con interese etnográfico e arquitectónico (muíños, hórreos, fontes...).
- Un xacigo arqueolóxico; A Ponte de Taboada, Ponte Romana ou Ponte Vella.
Fase de formulación.
1. Definición do perímetro da zona de concentración parcelaria (ZCP) de San Martiño de Prado.
Co fin de promover unha ordenación racional do territorio consonte aos ditames do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lalín, recoméndase a exclusión do proceso de concentración parcelaria dos seguintes terreos:

- Sectores clasificados como solo rústico de especial protección: áreas de interese paisaxístico (SR-P-2).
- Ribeiras e dominio público hidráulico en xeral, previa consulta aos organismos competentes na materia.
2. Localización dos enclaves sensibles nos planos de bases definitivas do proxecto de concentración.
3. Alternativas para a conservación dos enclaves de interese ambiental dentro da ZCP.
No estudo identifícanse unha serie de unidades ambientais de escasa aptitude agrícola pero notable interese ambiental, para as cales se propoñen as seguintes medidas:
* Ambientes de ribeira fluvial (unidade ambiental R).
Proponse a exclusión imprescindible do proceso de concentración dos dous grandes cursos fluviais que drenan a zona (ríos Deza e Asneiro).
Con respecto a outros leitos como norma xeral recoméndase que se englobe dentro do largo de ocupación dos cursos fluviais a superficie ocupada pola vexetación de ribeira, de xeito que esta non quede incluída nos planos de masas do proxecto de concentración. Asemade, cando existan cursos de auga con vexetación asociada dentro das parcelas actuais, estes manteranse como estrema no deseño das novas parcelas de achega.
* Carballeiras (Unidade Ambiental Cb).
Para a conservación destes lugares propóñense tres alternativas:
- Asignación dos terreos a un único propietario, para que se manteña o uso actual. Aconséllase esta alternativa como primeira opción se a maior parte destas masas arbóreas pertence a un único propietario.
- Que pasen a formar parte da masa común de titularidade municipal.
- Exclusión, que se podía establecer para as carballeiras situadas máis ao sur da zona.
* Estremas arborizadas e arbustivas:
A conservación destas estremas (fundamentalmente na Unidade Ambiental C) constitúe unha medida esencial para evitar a degradación e monotonización da paisaxe. Asemade, prestarase especial atención a estremas que sigan curvas de nivel nas zonas de maior pendente, pois a súa función antierosiva é importante. Por isto, cando existan estas estremas ou outras de tipo tradicional (muros de pedra, canles...), respectaranse e restauraranse na medida do posible, procurando deseñar as parcelas de achega adecuando os seus límites ás estremas existentes e promovendo, naquelas que queden dentro das novas parcelas a conservación dos elementos máis destacados.
4. Sobre o deseño dos camiños de acceso ás parcelas de achega.
Como norma xeral deberase conservar a maior parte da traza da rede viaria existente, minimizando na medida do posible a execución de novos camiños de acceso aos predios. O largo máximo dos camiños de nova execución non debería superar os 6 m, destinando unha banda duns 4 m a ambos os lados do camiño para protección da vexetación, que pasarán a ser de dominio público ou ben se lles aplicarán medidas correctoras de recuperación de vexetación. Establécense unha serie de larguras de ocupación máxima segundo o tipo de parcela a que lle dea servizo cada camiño.
* Deseño de camiños por zonas de interese ambiental:
Cando un camiño discorra por zonas con vexetación de interese (frondosas caducifolias, vexetación de ribeira...), presentaranse as seguintes posibilidades de actuación, segundo as circunstancias:
- Cando as formacións estean a un só lado do camiño, incluiranse no dominio público do camiño para asegurar a súa persistencia.
- Cando o camiño limite a ambos os lados con vexetación autóctona ou elementos da interese, para a selección do lateral, que non deberá ser alterado e incluído no dominio público de camiños, primaranse os noiros e ribanzos de maior altura, largura e mellor estado de conservación. En xeral, conservaranse as formacións de maior nivel evolutivo e mellor estado de conservación. Asemade, nestes lugares a largura dos camiños reducirase ao mínimo imprescindible.
- Cando non limite con vexetación natural de interese, primaranse outros criterios ecolóxicos, como erosións, proximidades a leitos, etc.
En xeral, os camiños discorrerán por zonas de escasa pendente, sen erosións significativas e axustándose na medida do posible ás estremas existentes, que se incluirán na banda de 4 m de dominio público de camiños. Cando discorran por zonas de pendente, incluirase a estrema superior cando teña vexetación e muros, e o inferior só cando teña vexetación.
Outra alternativa en zonas de elevada pendente é a creación de camiños provisorios realizando exclusivamente operacións de marcaxe.
* Deseño de camiños en valgadas e pasos de auga:
Na fase de formulación evitarase o deseño de novos camiños por terreos alagadizos, como brañas e zonas próximas a cursos fluviais. En xeral, as pistas discorrerán por terreos saneados.
Tampouco deberán cruzar regos nin ríos de importancia, agás que sexa estritamente necesario para os obxectivos básicos da concentración. Nese caso, o camiño distanciarase o máis posible, considerando os 5 m do dominio público hidráulico máis unha banda de protección de 4 m que se destinará a restauracións.
* Deseño de noiros:
Tendo en conta a premisa de máximo aproveitamento de vías existentes, o movemento de terras reducirase moito. Nos camiños de nova execución a rasante axustarase o máximo posible á topografía do terreo, evitando a creación de zonas pendentes sensibles á erosión.
Para favorecer a recuperación de noiros, retirarase e conservarase a capa superficial de solo, que posteriormente será empregada nos labores de restauración. Asemade, procederase á restauración de noiros con vexetación autóctona.
Fase de execución e explotación.
Atmosfera:
Control de ruídos, realización de obras en período diúrno, revisión das emisións de gases e ruído da maquinaria de obra, rega de superficies con camión cisterna.
Recursos hídricos e solos:
- Época de actuación: recoméndase o verán como época de realización das obras, por ser menos frecuentes as precipitacións. Deberanse ter en conta as posibles molestias aos veciños e visitantes da zona.
- Restricións ao paso de maquinaria: o parque de maquinaria e a zona por onde se permita o seu tránsito deberán estar sinalizadas mediante balizas e fitas plásticas. A maquinaria non poderá saír das ditas zonas. Os operarios serán informados ao respecto. As superficies ocupadas por maquinaria durante as obras deberán ser restauradas buscando as formas orixinais do terreo.
Recoméndase establecer o parque de maquinaria en zonas chas, próximas aos núcleos urbanos e arredadas dos cursos fluviais, onde non aparezan comunidades vexetais de interese, se teña un acceso rápido e non se cause impacto paisaxístico. Nas zonas onde se producise compactación debido á estadía ou paso de maquinaria procederase á aradura e posterior restauración.
- Xestión da capa superficial de solo.
- Noiros; os noiros non deberán superar un ángulo de 40º para facilitar os labores de restauración e impedir a erosión e incorporación de sólidos aos leitos. Se fose preciso crear un noiro vertical, protexerase cun muro de cachotaría e restaurarase o bordo superior. Non se permitirá a creación de noiros verticais na parte inferior do camiño.
- Construción de balsas ao pé de noiros para a decantación de sólidos en suspensión arrastrados pola chuvia durante o desenvolvemento das obras. As balsa poden escavarse no solo ou construír barreiras con pólas, troncos, balas de palla...
- Localización axeitada de acumulacións de terra e materiais, en zonas accesibles, chas, lonxe de cursos fluviais e que non teñan vexetación de interese.
Se é posible, os materiais de obra deixaranse baixo cuberto.
- Control de zonas de préstamo, vertedura e parque de maquinaria; as zonas de préstamo restrinxiranse aos noiros dos novos camiños, pero no caso de obterse doutros puntos, logo serán restaurados. Minimizarase o número de puntos de vertedura de sobrantes de terras, que en calquera caso serán acondicionados e revexetados. A limpeza e mantemento da maquinaria efectuarase nunha zona da obra que se denominará punto limpo e estará dotada de todos os medios necesarios para a adecuada xestión dos residuos. Cando as obras finalicen, procederase á limpeza e restauración da zona de parque de maquinaria e outras instalacións complementarias, para logo restaurala.
Vexetación:
- Protección da vexetación: para evitar danos innecesarios na vexetación, procederase á sinalización das zonas de actuación e estadía da maquinaria. Esta sinalización será máis pormenorizada nos sectores con vexetación de interese (Unidades R e Cb), nas facilmente erosionables (Unidades C e R) e nas zonas alagadizas. Prohibirase a eliminación de pés arbóreos autóctonos e sempre que se realice restauración será con especies autóctonas e evitando plantacións monoespecíficas. Con carácter xeral, realizarase a restauración de todas aquelas zonas que fosen alteradas dalgún modo durante a realización das obras. Empregarase sementeira e hidrosementeira cando se busque a restauración inmediata, evitando especies alóctonas na mestura ou nas terras vexetais no caso de procedencia externa.
- Plantacións: realizaranse con árbores e arbustos autóctonos, preferiblemente con semente da zona e en combinación coa hidrosementeira. As especies que se empreguen adaptaranse ás condicións do lugar que se vai restaurar, variando entre salgueiros, amieiros, freixos, piñeiros, carballos e castiñeiros.
Fauna:
- Para evitar posibles afeccións á fauna, realizarase un control e prevención do ruído xerado durante as obras. O período de obras non deberá coincidir con períodos de cría e nidificación da fauna de interese presente no contorno. A este respecto, inclúese no estudo ambiental unha táboa coas especies de interese e os seus períodos de cría. Como conclusión, o período máis apropiado para a realización das obras é o de finais do verán. Non se realizarán voaduras, polo que no caso de seren precisas demolicións, levaranse a cabo por medios mecánicos.
Medio socioeconómico:
- Respecto ao patrimonio cultural, teranse en conta as áreas de cautela sinaladas no anexo de arqueoloxía incluído no estudo ambiental. Establecerase unha vixilancia arqueolóxica nas zonas que impliquen movementos de terras. Durante as obras o contratista está obrigado a informar e entregar calquera obxecto que sexa susceptible de ter interese ao respecto.
- Manterase a toponimia ao longo de todo o proceso de concentración parcelaria.
- Accións de formación: considérase de interese a realización dun programa de formación dirixido aos propietarios para a mellora ambiental das explotacións e o seu aproveitamento respectuoso co ambiente. Establecerase unha canle fluída de comunicación e información entre os propietarios dos predios e todas as administracións.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO RURAL
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL