Anuncio do 25 de outubro de 2006 polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 10 de outubro de 2006 relativa ao proxecto sectorial do Centro de Residuos Industriais de Galicia, no concello das Somozas (A Coruña), promovido pola Xunta de Galicia. (Clave 2006/0176).

Diario Oficial de Galicia, 10-11-2006, Núm. 217, Páx. 16603
Anuncio do 25 de outubro de 2006 polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 10 de outubro de 2006 relativa ao proxecto sectorial do Centro de Residuos Industriais de Galicia, no concello das Somozas (A Coruña), promovido pola Xunta de Galicia. (Clave 2006/0176). Polo presente anuncio faise público o contido da declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial do Centro de Residuos Industriais de Galicia, no concello das Somozas (A Coruña), promovido pola Xunta de Galicia: Antecedentes. O Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, establece a obrigatoriedade de someter a unha avaliación de impacto ambiental os proxectos declarados como de incidencia supramunicipal. En aplicación da referida normativa, procédese a formular a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto sectorial do centro de residuos industriais de Galicia. O estudo de impacto ambiental avaliado engloba as actuais instalacións do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG) e novas infraestruturas anexas ás xa existentes. O anexo I comprende un resumo do proxecto. Con data do 4 de agosto de 2006 (DOG nº 150) publícase o Anuncio do 28 de xullo de 2006, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se somete a información pública o proxecto sectorial para a ampliación do centro de tratamento de residuos industriais de Galicia no termo municipal das Somozas, declarado como de incidencia supramunicipal por acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 27 de xullo de 2006. Este anuncio publícase ademais, na mesma data, no Diario de Ferrol e en La Voz de Galicia na edición de Narón e ao día seguinte na súa edición de Galicia. No expediente consta a presentación de alegacións por parte do alcalde-presidente do Concello das Somozas e polas sociedades Xiloga, S.L., Víctor Toca Grupo Empresarial, S.L. e Recover, S.L. Asemade, no expediente inclúense os informes emitidos pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental desta dirección xeral, polo organismo autónomo Augas de Galicia, pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial para o Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia. Declaración de impacto ambiental. Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo ambiental e na restante documentación avaliada, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do titular, co obxecto de incorporar medidas que proporcionen unha maior protección do medio. Ademais disto, o titular poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o titular remitirá esta solicitude, presentando a documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto sectorial para o centro de residuos industriais de Galicia, que inclúe as seguintes áreas: 1. A área ocupada polas infraestruturas existentes, en explotación desde o ano 1996, que corresponde a unha superficie de 230.000 m (zona de depósito de seguranza e zona de edificacións, principalmente: estación de estabilización, balsa de almacenamento de residuos contaminados con hidrocarburos, parque de almacenamento de lixiviados, balsa de pluviais, oficinas, taller de mantemento e vestiarios. Nesta zona construirase a futura estación de descontaminación de solo e tratamento de residuos contaminados con orgánicos e/ou hidrocarburos e centro de extinción de incendios). 2. Nova área para ocupar con novas construcións que abranguerá unha superficie de 340.000 m, na cal se situarán o novo depósito de seguranza e zona de edificacións comprendida por catro explanacións ou plataformas a distintas cotas; almacenamento de lixiviados; balsa de pluviais; estación de recepción, clasificación, acondicionamento de residuos e tratamento de envases contaminados e estación de recuperación de metais). Tanto os elementos existentes como as futuras actuacións previstas situaranse na superficie definida no plano titulado Parcelario e ámbito territorial afectado. Nº plano: 1.3, do proxecto sectorial. 2. Condicionado. Tanto na redacción do proxecto de construción como nas propias fases de construción e de explotación do CTRIG, deberán observarse as condicións que se recollen a seguir: 2.0. Permisos e autorizacións. - O titular deberá obter a correspondente autorización ambiental integrada (AAI) que establecerá, se for o caso, os valores límite de emisión baseados nas mellores técnicas dispoñibles, as prescricións que garantan a protección do solo e das augas subterráneas, os procedementos e métodos de xestión de residuos, prescricións que garantan a minoración da contaminación a longa distancia ou transfronteiriza, os sistemas e procedementos para o tratamento e control de todo tipo de emisións e residuos, as condicións de explotacións e situacións distintas das normais que poidan afectar o medio ambiente, así como calquera outra medida ou condición establecida pola lexislación. - A AAI debe tramitarse de forma conxunta para o total das actuais instalacións do CTRIG e a ampliación prevista no proxecto sectorial obxecto da presente declaración. 2.1. Protección da atmosfera. 2.1.1. Sobre a emisión de po e gases. a) Condicións xerais. - No caso de que a obra se leve a cabo no verán ou en época de escaseza de chuvias, recoméndase regar o terreo no que se estea traballando e controlar esta rega evitando a formación de asolagamento; con este fin manteranse ao pé da obra os medios necesarios. - Os materiais susceptibles de emitir po á atmosfera transportaranse cubertos. - A maquinaria pesada e os vehículos deberán cumprir coa normativa de emisións de aplicación, debendo dispor da documentación acreditativa. Deberán pasar as inspeccións periódicas obrigatorias e realizar operacións de mantemento, segundo as especificacións técnicas do fabricante. - Na medida do posible, evitarase a concentración de maquinaria e procurarase o espazamento e a non coincidencia das operacións. b) Condicións específicas - Co obxecto de mellorar a dispersión dos contaminantes que se emitan á atmosfera, tal e como se recolle na Orde do 18 de outubro de 1976, sobre prevención e corrección da contaminación atmosférica de orixe industrial, os focos emisores á atmosfera deseñaranse conforme as instrucións recollidas no anexo II da citada orde. Así, elaborarase un proxecto que especifique as características dos focos emisores, no cal se indicará a altura e diámetro interno de cada cheminea (foco emisor), os puntos de toma de mostras de referencia (número de orificios, dimensións e localización) e as plataformas de acceso aos puntos de toma de mostra, que deberá ser presentado ante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental antes do outorgamento, cando for o caso, da AAI. - En todas as fases do proxecto se cumprirá co Real decreto 1703/2002, do 18 de outubro, sobre avaliación e xestión da calidade do aire ambiente en relación co dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, partículas, chumbo, benceno e monóxido de carbono. - Previamente a posta en funcionamento das novas instalacións do CTRIG valorarase a necesidade de adecuar e/ou completar a rede de vixilancia existente de xeito que permita acadar os obxectivos perseguidos de avaliación da calidade do aire na zona de influencia da instalación. Esta rede de vixilancia permitirá comprobar a incidencia real das emisións nos valores de inmisión dos contaminantes co fin de propoñer, en caso de que se superen os criterios de calidade do aire vixentes, as medidas que permitan reducir as emisións. 2.1.2. Sobre o nivel de ruído. a) Condicións xerais. - Cumprirase co establecido na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e a ordenanza municipal de aplicación. - Para minimizar os ruídos limitarase a velocidade de condución da maquinaria pola zona de afección das obras, organizarase o tránsito de maquinaria, debendo manter sempre a punto os motores dos camións e maquinaria. Con carácter xeral, os vehículos deben estar ao día na súa inspección técnica. - Para a redución das molestias adoptaranse medidas tendentes á insonorización, na medida do posible, da maquinaria e instalacións. - Toda a maquinaria empregada durante a explotación das instalacións do complexo debe estar homologada e cumprir a normativa existente en materia de ruídos. b) Condicións específicas. - Unha entidade homologada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible realizará medicións do nivel da presión sonora en horario habitual de obras ou funcionamento (segundo a fase do proxecto), seguindo os procedementos establecidos no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. Os momentos e frecuencias dos anteditos controis serán os indicados a seguir: Durante as obras, unha medición semestral. Durante o funcionamento, semestralmente durante os dous primeiros anos e anualmente do segundo ano en diante. Estes puntos de control situaranse no perímetro do CTRIG (perímetro que deberá incluír a ampliación agora proxectada). 2.1.3. Contaminación lumínica. - A iluminación exterior das instalacións deseñarase de tal xeito que minimice a contaminación lumínica. 2.2. Protección do sistema hidrolóxico e da calidade das augas. a) Condicións xerais. - Non se permitirá a vertedura de entullos, lixo ou refugallos de sólidos no contorno en que se executen os proxectos ou en calquera outro lugar non autorizado. En ningún caso se permitirá a vertedura de arcas aos cursos próximos. - Disporanse zonas para a realización das operacións de mantemento, lavado, repostaxe, etcétera, da maquinaria que estarán provistas dun sistema de recolla de efluentes co fin de evitar a contaminación das augas. - Extremaranse as precaucións sobre verteduras accidentais de materiais de construción e aceites, combustibles e residuos, retirando en caso de accidente o residuo vertido o máis rapidamente posible co fin de evitar a contaminación do solo e das augas. - Se a execución da obra civil coincidir con épocas de chuvias, extremaranse os controis que aseguren a non produción de arrastres cara os cursos fluviais. - Asegurarase a estanquidade dos distintos depósitos que se empreguen durante a explotación das instalacións, como os depósitos de combustible, de materias primas, etc. b) Condicións específicas. - A zona de actuación está enmarcada entre as subbacías dos regatos Pereiro e Marbán, que son afluentes directos do río Mera. Por iso, as obras deben realizarse na consideración de que non poidan chegar verteduras directas a estes dous cursos nin durante a súa execución nin durante a fase de explotación. - Dado que na memoria presentada se afirma que as verteduras xeradas (augas residuais de proceso, lixiviados do depósito de seguranza e augas pluviais) serán xestionados nas instalacións de depuración existentes, terase en conta que as verteduras tratadas que poidan alcanzar estes cursos cumprirán as limitacións establecidas por Augas de Galicia na autorización de vertedura de augas residuais concedida a Sogarisa (concesionaria da explotación do CTRIG) o 1 de setembro de 2004, na cal se inclúen os condicionantes e os controis ambientais co fin de garantir a compatibilidade da vertedura cos usos do medio receptor, así como respecto dos obxectivos de calidade do devandito medio e que deberán seguir efectuándose polo titular do centro. - No caso de efectuar modificacións nas instalacións que afecten os valores autorizados: * Caudal máximo de vertedura. * Calidade do medio receptor. * Coordenadas UTM do punto de vertedura. * Dimensionamento e funcionamento do sistema de depuración de augas residuais. * Etcétera. Deberá comunicarse este feito por escrito ao órgano competente para a súa valoración e, se for o caso, tramitar a correspondente modificación. - Dado que a creación do novo depósito de seguranza supón a execución dun gran noiro na cabeceira dun regato afluente do regato Pereiro, terase en conta que este noiro e todos aqueles de nova creación, deberán revexetarse e consolidarse de forma adecuada, co fin de evitar arrastres e erosións. - Asemade, tendo en conta a proximidade de determinadas obras ao regato Pereiro, colocaranse barreiras de retención de sedimentos ou outros dispositivos análogos co obxecto de evitar o arrastre de terras cara ao seu curso, garantindo que a colocación destes sistemas non supoña a alteración dos valores ambientais que se pretenden protexer, así como a súa posterior retirada unha vez finalizada a súa función. - As conducións da drenaxe do escorregamento natural do terreo disporanse procurando evitar modificar a achega a cada unha das microbacías receptoras, co fin de non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo das infraestruturas. 2.3. Protección do solo e da vexetación. a) Condicións xerais. - Antes do comezo da roza sinalizarase a zona de ocupación estrita das instalacións, co obxecto de minimizar a ocupación do solo e a afección á vexetación. As zonas das instalacións auxiliares e camiños de acceso para a execución da obra civil localizaranse en lugares onde a súa afección sexa a mínima posible e tamén se marcarán para que a circulación de persoal e da maquinaria se restrinxa a zona coutada. - A capa superior de solo vexetal que poida estar directa ou indirectamente afectada polas obras recuperarase para o seu posterior emprego no proceso de restauración. Os solos fértiles así obtidos almacenaranse en áreas inmediatas ás que estean en escavación, cumprindo os requisitos mínimos que garantan a súa calidade para a súa posterior utilización nas operacións de rexeneracións das zonas afectadas. - Non se permitirá a vertedura directa de substancias ou materiais contaminantes sobre o terreo, nin un incorrecto almacenamento deles. Con esta finalidade identificaranse, balizaranse e adecuaranse zonas para o almacenamento de materiais e residuos de obra. - Queda prohibido o lavado de camións e formigoneiras na zona, así como o cambio de aceite da maquinaria e vehículos fóra das instalacións autorizadas para tal fin. - Realizaranse tarefas cotiás de mantemento e de limpeza das distintas áreas que comprenden as obras. - No caso de necesitar materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin, debéndose evitar, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso, deberá atenderse á normativa vixente respecto diso. - Para a realización de cortas de especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, debendo facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. b) Condicións específicas. - Na sinalización da zona de ocupacións en zonas próximas á vexetación de interese (como o LIC Ortigueira-Mera código ES1110001 e a vexetación de ribeira do regato de Pereiro), a marcación realizarase con especial coidado e incluirá a marcación individual dos pés que se deben respectar, para controlar e evitar a súa arrinca ou dano. - Aproveitaranse as vías xa existentes no complexo para o paso da maquinaria, evitándose no posible novas trazas de vieiros, procurando circular exclusivamente por aqueles que estean sinalizadas para o seu uso. - Tendo en conta que como consecuencia das escavacións necesarias para a execución das obras se vai xerar un significativo excedente de terras, no caso de non resultar suficiente para a súa recolocación na área afectada polo proxecto sectorial, este excedente recolocarase noutras superficies dando prioridade á súa utilización en canteiras abandonadas ou outros terreos degradados que poidan precisar de material de préstamo para a súa restauración paisaxística. 2.4. Residuos. a) Condicións xerais. - Fóra da zona de obras non se permitirá o depósito de materiais ou de residuos de ningunha clase. - Os materiais, produtos e residuos sobrantes xerados non deberán quedar depositados fóra das zonas establecidas como almacén destinado para tal fin, debendo ser xestionados en tempo e forma segundo a súa natureza e a lexislación vixente. - Os restos vexetais que se produzan, deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo. b) Condicións específicas. - Para a ampliación e posterior inscrición como xestor de residuos no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, o adxudicatario da xestión achegará as garantías ambientais (seguro de responsabilidade civil e ambiental e fianza) establecidas na lexislación vixente relativas ás actividades, así como o proxecto de explotación delas nos termos establecidos no Decreto 174/2005, do 9 de xuño. - O proxecto de construción das instalacións, que incidirá especialmente no relativo ás medidas correctoras de protección do ambiente, así como as posteriores certificacións de final de obra previas á inspección, incorporaranse no expediente de autorización ambiental integrada da instalación e cumprirán cos requisitos dispostos na lexislación específica ao respecto, e especialmente no caso do vaso, cumprirase o Real decreto 1481/2001, do 27 de decembro, polo que se regula a eliminación dos residuos mediante depósito en vertedoiro. 2.5. Defensa contra a erosión, recuperación ambiental e integración paisaxística. a) Condicións xerais. - As sementeiras e plantacións deseñaranse con especies propias da flora local, tendo en conta as características físicas das unidades de actuación, a litoloxía e a composición da vexetación do seu contorno inmediato. Evitarase o emprego de especies exóticas, en especial daquelas de carácter invasor, e verificarase que todas as especies propostas se encontran comercializadas. - En todo caso levarase a cabo a restauración morfolóxica cara a formas suaves e arredondadas, eliminando arestas e perfís rectilíneos. b) Condicións específicas. - Elaborarase un proxecto de recuperación ambiental e integración paisaxística da instalación, no cal exporá a proposta de actuación e restauración da totalidade dos elementos directamente asociados á obra, como noiros en desmonte e terraplén, etcétera. Así mesmo, contemplará propostas de restauración doutros elementos asociados indirectamente, caso de áreas de préstamos, camiños de obra e zonas de instalacións auxiliares, así como, se for o caso, a definición e localización de pantallas vexetais. - Os noiros deseñaranse seguindo criterios de seguranza e integración paisaxística. - A morfoloxía final dos noiros de desmonte e terraplén será preferentemente 3H:2V, co obxecto de evitar atrincheiramentos e favorecer a revexetación. Noiros máis inclinados poderían xustificarse desde o punto de vista ambiental se os impactos producidos pola maior ocupación do solo dos noiros máis tendidos non compensasen as vantaxes destes. A solución final adoptada deberá contar cunha adecuada xustificación neste senso. 2.6. Sobre o medio socioeconómico. - Co fin de manter a permeabilidade territorial e a continuidade dos servizos existentes, durante as fases de construción e explotación das instalacións asegurarase, mediante a aplicación das medidas oportunas, o nivel actual de permeabilidade transversal do territorio. Todo desvío, sexa provisoria ou permanente, sinalizarase adecuadamente. 2.7. Protección do patrimonio cultural. -Previamente á desmontaxe do elemento hórreo do casarío abandonado de Asadoira, será necesario presentar para o seu informe e autorización pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o correspondente proxecto de traslado, asinado por un técnico competente nesa materia, no que se sinale a nova localización, que será nun lugar próximo, e se definan as actuacións que se van realizar e os criterios técnicos e materiais que se empregarán, que se axustarán, en todo caso, aos tradicionais. 2.8. Para a fase de abandono.ç - As instalacións que queden fóra de servizo deberán ser desmanteladas de forma que se aproveiten todos os materiais posibles co fin de reutilizalos, reciclalos ou valorizalos enerxeticamente o dalgún outro xeito, e a continuación deberase restaurar a zona, ata recuperar -na medida do posible- a situación inicial ou, neste caso, recuperar a parcela de forma acorde co contorno. - Como norma xeral, na restauración dos terreos que se abandonen tentarase recuperar o relevo orixinal e revexetaranse ou reforestaranse as zonas segundo o solo se considere axeitado. - Exclúese do anterior o depósito de seguranza, que deberá contar cun plan de seguimento para a fase postclausura. 2.9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do titular. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que durante o seguimento ambiental se detectasen, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os límites establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por unha entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico desa entidade. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o titular deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo. Tendo en conta o anterior, o titular remitirá á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, coa periodicidade indicada a seguir, a seguinte documentación: a) Durante a execución das obras presentaranse, con carácter trimestral, un informe de obras que como mínimo inclúa os informes indicados no punto 6.1 do estudo de impacto ambiental e que teña en conta os condicionantes impostos na presente declaración. Ademais, o informe trimestral deberá incluír un cronograma das obras actualizado, indicando a porcentaxe de execución respecto do total e a data de actualización, e unha reportaxe fotográfica mensual que virá acompañada dun plano de localización das tomas e a indicación da data en que foron realizadas as fotografías. b) Antes da finalización das obras presentarase o proxecto de recuperación ambiental e integración paisaxística da instalación e a xustificación da morfoloxía final dos noiros de desmonte e terraplén. c) Ao final das obras, comunicarase a data de posta en marcha do parque e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe de fin de obras, co contido do informe final da obra recollido no punto 9.2 do estudo ambiental. d) O contido do informe ambiental, que deberá presentarse desde o inicio da fase de explotación e durante a vida útil do centro, definirase na AAI. e) Informe previo ao abandono: no prazo de seis (6) meses previos ao abandono do CTRIG ou de calquera das súas instalacións, remitirase un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono das instalacións. f) Informe posterior ao abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono das instalacións, remitirase un informe acompañado de reportaxe fotográfica, que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención da xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e da restauración das superficies afectadas. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, se for o caso, do/s responsable/s do control do seguimento ambiental. Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2006. Joaquín Lucas Buergo del Río Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I - Resumo do proxecto sectorial Localización: As infraestruturas do CTRIG atópanse no termo municipal das Somozas, provincia da Coruña, situadas na aba nordés do monte Marbán e próximas ao monte da Solaina. Os vértices aproximados en coordenadas UTM (fuso 29) da zona de actuación deste proxecto, e que inclúe as infraestruturas existentes e as infraestruturas futuras, son: Coordenadas UTM X Y 1 589.231 4.823.240 2 589.246 4.822.978 3 589.578 4.822.942 4 589.958 4.823.150 5 590.188 4.823.069 6 590.306 4.823.116 7 590.413 4.823.761 8 590.169 4.823.851 9 589.762 4.823.836 Características do chan ocupado: Os terreos sobre os que se asentan as actuais infraestruturas do CTRIG son de uso especial de protección de infraestruturas, principalmente destinados á recolla, tratamento e almacenamento de residuos industriais, ocupando unha superficie de 340.000 m. A ampliación das infraestruturas suporía un aumento en superficie de 230.000 m, dos cales, 200.000 m se encontran sobre chan cualificado como de protección de infraestruturas, e 30.000 m como chan rústico de protección forestal. Infraestruturas existentes: Edificio de recepción e pesaxe: situado no punto de acceso no cal se realiza o control de accesos de vehículos e persoas. Consiste nunha caseta prefabricada en chapa pregada e báscula de pesaxe de camións para toma de datos. Planta de estabilización de residuos: contén a maquinaria necesaria para levar a cabo o proceso de estabilización de residuos. Balsas de almacenamento de residuos contaminados con hidrocarburos: no interior da nave atópanse almacenadas 40.000 t de residuos contaminados provenientes do afundimento do petroleiro Prestige, para seren tratados na futura estación de tratamento. Asemade, disponse dunha segunda balsa de almacenamento do mesmo tipo de residuo que conta cunha cuberta flutuante. Ambas as balsas dispoñen dun sistema de impermeabilización en lámina de PEAD. Taller de mantemento e vestiarios: nave de estrutura metálica que se atopa sectorizada en dúas zonas independentes, sendo unha utilizada para o mantemento dos equipamentos existentes nas infraestruturas, tanto equipamentos fixos como equipamentos móbiles, e a segunda zona alberga os aseos e vestiarios do persoal do centro. Oficinas: desde este edificio realízase a supervisión da actividade diaria na estación de estabilización e o DDS, entre outras. Trátase dunha caseta prefabricada en chapa pregada. Balsa de pluviais: balsa de 2.400 m impermeabilizada con lámina PEAD, que ten como misión a recolla e tratamento por sedimentación das augas limpas xeradas na instalación. Infraestruturas proxectadas. Estación de estabilización de residuos: nova estación de estabilización formada por tres naves acaroadas de planta rectangular, acollendo no seu interior as zonas de descarga, de tratamento, de amoreamento e transvase, así como a maquinaria necesaria para levar a cabo os distintos procesos de tratamento. Nave de maduración de residuos: para evitar o efecto adverso da climatoloxía sobre o almacenamento no depósito de seguranza dos residuos tratados na estación de estabilización, proxéctase unha nave de maduración de almacenamento temporal do residuo ata que a climatoloxía permita envialo ao depósito de seguranza. A nave de maduración de residuos será a actual nave de almacenamento de residuos provenientes do afundimento do Prestige, e que quedará libre unha vez finalizado o tratamento deses residuos. Nave de transferencia e tratamento de envases contaminados: esta nave cumprirá unha dobre función, por un lado a de almacenamento, clasificación e transferencia de residuos, e polo outra, a recuperación e valorización dos envases contaminados. Novo depósito de seguranza: infraestruturas para a deposición controlada de residuos industriais sólidos que ocupará unha superficie en estación de aproximadamente 65.000 m. Hidrocarburos: estación de tratamento formada por dúas naves. No interior da primeira nave instalarase a maquinaria para o tratamento dos residuos contaminados con hidrocarburos e/ou orgánicos, que fundamentalmente consiste nunha trituradora para a redución da granulometría do residuo, un trómel, unha mesa vibrante, para escorremento do residuo que sae polo trómel, un deshidratador de areas, unha extrusionadora para a xeración de briquetas destinadas á valorización enerxética, un equipo de centrífugas, así como os tanques de almacenamento e medios de transporte entre distintos puntos do proceso necesarios para o correcto tratamento dos residuos. Nesta mesma nave instalaranse dúas caldeiras de 7.000 KW de potencia total. A segunda nave acollerá unha planta móbil de descontaminación de solos. Nela realizarase o proceso de tratamento de areas e de solos contaminados, de modo que as areas e solos poidan ser reutilizados en usos industriais. No exterior das naves construiranse dous depósitos de 500 m cada un, destinados a almacenar a auga de proceso depurada. Tamén se instalará nas inmediacións delas o depósito de almacenamento do combustible para as caldeiras. Nave de moenda e recuperación de metais: que conterá un alimentador vibrante de frecuencia variable, dúas peneiras dunha soa malla de paso, dous muíños de mandíbulas, dous separadores magnéticos para extraer os posibles metais férricos, un separador por correntes de Focault para extraer os metais non férricos, dous silos de almacenamento do residuo xa tratado, e as correspondentes fitas transportadoras que permitan o correcto funcionamento do proceso. Centro de extinción de incendios: que contará con todo o necesario para cumprir coa lexislación vixente nesta materia. Descrición do contorno: A parcela estrema ao norte coa aba norte do monte Marbán, cunha distancia aproximada duns 250 m ata o curso correspondente ao regato Pereiro. Ao sur linda a estrada CP 7010, a parcela da empresa Xiloga, S.L., xestor de residuos non perigosos e que dispón dun vertedoiro de residuos non perigosos e inertes e un parque eólico. Ao leste coa aba leste do monte Marbán e o monte da Solaina, e finalmente a uns 500 m co curso do regato Marbán, tributario do río Mera. Ao oeste linda coa aba do monte Marbán onde se sitúa un parque eólico. Ao lugar accédese a través da estrada CP 7010, que conecta o monte Marbán co parque empresarial das Somozas, a unha distancia aproximada de 4,5 km e a uns 6 km do núcleo urbano das Somozas. Resumo das medidas protectoras Fase de construción: 1. Calidade do aire. Rega frecuente das zonas de ampliación mediante o emprego de cuba de auga. Debe terse en conta o efecto do vento. Se é preciso, recorrerase a aspersores. Mantemento axeitado das pistas. Os camións que transporten o material deberán someterse a unha limpeza antes da súa entrada na estrada de uso público. Control sobre os niveis de emisión de partículas. A maquinaria empregada deberá cumprir coa lexislación vixente en materia de emisión de fumes e gases de vehículos de motor. A maquinaria defectuosa será inmediatamente reparada. 2. Calidade sonora. Realizarase un mantemento preventivo axeitado dos equipamentos. Verificarase que a maquinaria empregada non emita ruídos por enriba dos niveis que marca a lexislación vixente. En caso de existir algunha queixa veciñal polas emisións de ruídos, realizarase unha inspección da zona e comprobarase o correcto funcionamento dos equipamentos. De non cumprir as exixencias axeitadas, serán inmediatamente reparados. 3. Hidroloxía superficial e subterránea. Instalación de cunetas perimetrais para a captación das augas pluviais. Instalación de cunetas perimetrais interiores que recollan a auga da parcela de actuación, comunicadas a sistemas de sedimentación. A maquinaria utilizada para o transporte deberá pasar todos os controis necesarios para evitar derramo de aceites, graxas, combustibles, etc. Tomaranse todas as medidas oportunas que marque o Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo (texto refundido da Lei de augas). Non se poderán efectuar verteduras ao medio hídrico terrestre sen autorización expresa do organismo competente. 4. Solo. Os primeiros 40 cm de solo da parcela onde se construirá o depósito de seguranza, serán retirados antes de comezar os traballos de escavación e amoreados para o seu uso posterior na restauración/selaxe. Amorearase a terra retirada en dúas pilas, unha co chan de maior calidade e outra con aquel que presente peores condicións. Para a separación de ambos os dous utilizaranse criterios visuais: cor, textura, presenza de raíces, etc. En caso de que deban ser almacenados por un período de tempo prolongado, os solos orgánicos deberán ser tratados para que non perdan as súas características esenciais; manipularanse as terras en seco, evitando o paso da maquinaria pesada por enriba e evitando a formación de grandes montóns que compactarían o solo. O solo extraído estenderase formando camallóns que non deben superar os 2 m de altura. Se é necesario, daranse coidados á terra amoreada para protexela da erosión hídrica e do vento. 5. Vexetación. Os traballos de roza efectuaranse mediante maquinaria adecuada e sen afectar o substrato edáfico. O material de roza resultante será sometido a un proceso de trituración e almacenamento para o seu posterior emprego en labores de selaxe e restauración. Os traballos de escavación axustaranse escrupulosamente ao proxectado co fin de non afectar as comunidades vexetais que aparecen no exterior da parcela. 6. Fauna. A construción dos accesos cinguirase escrupulosamente ao proxectado, poñendo especial coidado en non afectar a fauna. Limitarase a velocidade nos accesos segundo as disposicións internas de seguranza e instalarase a sinalización apropiada se é necesario. Os restos orgánicos xerados durante a realización das obras depositaranse en contedores con sistema de peche. 7. Paisaxe e morfoloxía. Plantación de árbores e arbustos que actúen como pantallas visuais. Distribución dos abastos de terra vexetal, permitindo a formación dunha barreira visual que diminúa xunto coa pantalla natural formada pola vexetación da zona, o impacto visual. Empregos de materiais do lugar e de cores que contribúan a diminuír o contraste co medio (en xeral, mates e escuros). 8. Ámbito socio-cultural. Disposición de carteis avisadores de perigo. Fase de explotación: 1. Calidade do aire. A instalación disporá dun sistema de depuración de gases deseñado para reducir o nivel das emisións gasosas procedentes da planta de descontaminación de chans e tratamento dos residuos contaminados con orgánicos e/ou hidrocarburos, co fin de adecualos ao especificado na lexislación vixente. A maquinaria empregada na fase de explotación debe cumprir coa lexislación vixente en materia de emisión de fumes e gases de vehículos a motor. En caso de que non se cumpran, a maquinaria defectuosa será inmediatamente substituída. Realizarase un mantemento axeitado das pistas. Os camións que transportan os materiais someteranse a unha limpeza antes da entrada á estrada de uso público, en caso de ser necesario. Retirada dos residuos que procedan de verteduras accidentais nas pistas e accesos. Deberase realizar un control sobre o nivel de inspiración de partículas. As estacións en que o proceso de tratamento poida producir a emisión de partículas contarán cos correspondentes filtros de mangas, para minimizar a emisión de partículas. 2. Calidade sonora. Realizarase un mantemento axeitado dos equipamentos. Verificarase que a maquinaria empregada na fase de explotación non emita ruídos por enriba dos límites que marca a lei. En caso de existir algunha queixa veciñal polas emisións de ruído durante algunha fase do proxecto, realizarase unha inspección da zona e comprobarase o correcto funcionamento dos equipamentos. De non cumprir as exixencias axeitadas, serán inmediatamente reparados. 3. Hidroloxía superficial e subterránea. Disposición dun sistema de captación de lixiviados para evitar filtracións ao exterior da parcela onde se sitúa o depósito de seguranza. Todas as augas xeradas nas estacións onde se realiza o tratamento de residuos e o mantemento da maquinaria, procedentes de baldeos ou posibles derramos serán recollidas por unha arqueta e dirixidas a un depósito da estación de estabilización para a súa entrada a proceso. A soleira das naves contará cun sistema de impermeabilización consistente nunha lámina de xeotéxtil sobre solo natural en toda a superficie da soleira, lámina de PEAD de 2 mm de espesor sobre o xeotéxtil en toda a superficie da soleira e lámina de xeotéxtil baixo a soleira en toda a súa superficie. Todos os depósitos de almacenamento de substancias que se poidan derramar contarán cun cubeto de seguranza. A planta de transferencia terá zonas para separar os distintos tipos de residuos e os posibles derramos dirixiranse a unha arqueta común. A maquinaria utilizada para o transporte deberá pasar os controis necesarios para evitar derramos de aceites, graxas, combustibles, etcétera. Tomaranse todas as medidas oportunas que marque o Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo (texto refundido da Lei de augas). Non se poderán efectuar verteduras ao medio hídrico terrestre sen autorización expresa do organismo competente. 4. Solo. Manterase un control visual dos abastos de terra vexetal que se realizaron na fase de construción do novo depósito de seguranza, procedendo a fornecer os coidados pertinentes para que non perdan as súas características esenciais; por iso manipularanse as terras en seco, evitando o paso de maquinaria pesada por enriba, que compactaría o solo e modificaría as súas propiedades e características. 5. Fauna. Instalación dunha barreira perimetral que impida o acceso da fauna terrestre. Acondicionamento axeitado das pistas, retirando as verteduras que de xeito ocasional se poidan ocasionar. 6. Ámbito socio-cultural. Prohibición de acceso ás infraestruturas de persoal non autorizado. Disposición de carteis indicadores de perigo. Fase de abandono: 1. Calidade do aire. Para evitar o po limitarase a velocidade dos vehículos implicados nos traballos de selaxe do depósito de seguranza e dos que realizan o desmantelamento das infraestruturas. A rega das zonas de actuación mediante o emprego de cuba de auga realizarase só en caso de extrema necesidade, co fin de evitar a produción de lixiviados na selaxe do depósito de seguranza. Deberase realizar un mantemento axeitado das pistas. Os camións que transportan os materiais deben de someterse a unha limpeza antes da súa entrada na estrada de uso público. Deberase realizar un control sobre os niveis de inspiración de partículas. A maquinaria empregada deberá cumprir coa lexislación vixente en materia de emisión de gases e fumes de vehículos de motor. En caso de que non se cumpran os límites legais, a maquinaria defectuosa deberá ser inmediatamente reparada. 2. Calidade sonora. Realizarase un mantemento preventivo axeitado dos equipamentos. Verificarase que a maquinaria empregada non emita ruídos por enriba dos niveis que marca a lei. En caso de existir algunha queixa veciñal polas emisións de ruído, realizarase unha inspección da zona e comprobarase o correcto funcionamento dos equipamentos. De non cumprir as exixencias axeitadas, serán inmediatamente reparados. 3. Hidroloxía superficial e subterránea. Manter en correcto estado o sistema de recolla de lixiviados. Manter en correcto estado as cunetas perimetrais da parcela. A maquinaria utilizada para o transporte deberá pasar todos os controis necesarios para evitar derramo de aceites, graxas, combustibles, etcétera. 4. Solo. A terra vexetal que se utilice para a selaxe deberá proceder na medida do posible dos abastos realizados durante o período de construción do depósito de seguranza. O sistema de selaxe deberá asegurar a impermeabilización de residuos, de tal xeito que os lixiviados non se mesturen con augas que proceden de pluviais. Se durante a selaxe se produce algún derramo que poida infiltrarse no chan, tomaranse as medidas axeitadas para emendar o incidente e deixar o chan en óptimas condicións. Todos os materiais que vaian en gabias deberán cumprir os controis de calidade e as especificacións técnicas necesarias. 5. Vexetación. Selección axeitada de especies empregadas no proceso de revexetación tendo en conta factores como climatoloxía, morfoloxía, edafoloxía, etcétera. 6. Fauna. Limitarase a velocidade nos accesos en relación ás normas de seguranza interna. 7. Paisaxe e morfoloxía. Remodelar a topografía alterada de modo que se axuste o máis posible á situación inicial do terreo. 8. Ámbito socio-cultural. Adecuación da zona alterada após a recuperación, de forma que poida manter o seu uso tradicional.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res25102006.pdf Galego
res25102006.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles