Calidade do solo

Unha empresa que non pareza ser potencialmente contaminante do solo mais que está recollida na relación do Anexo I do Real Decreto 9/2005 (CNAE93-Rev1): Debe presentar o informe preliminar de situación?.

Todas as actividades con CNAEs recollidas no anexo I do R.D. 9/2005 deberán presentar o informe preliminar de situación.

No caso daquelas empresas que teñan varios emprazamentos: Cantos informes preliminares de situación deben presentar?.

Deberán presentar un informe preliminar por cada un dos emprazamentos, cando estes estean fisicamente separados. Por exemplo, unha gasolineira que dispón de dous establecementos, a ambas marxes dunha estrada, deberá presentar dous informes preliminares de situación.

Unha empresa que actualmente desenvolve unha actividade que non estea recollida no anexo I do R.D. 9/2005, mais que sabe que nesa parcela se desenvolveu con anterioridade unha actividade potencialmente contaminante do solo: Ten obriga de presentar o informe preliminar de situación?

Si. As actividades que non se encontren en ningún dos supostos que obriga á presentación do informe preliminar de situación, mais que teñan constancia de que no seu emprazamento actual, durante períodos anteriores, se ten desenvolvido algunha actividade potencialmente contaminante do solo, estarán obrigados a presentar un informe de situación, facendo especial fincapé nas actividades históricas.

No caso de que a parcela estea contaminada: Quen ten a obriga de levar a cabo as tarefas de recuperación?

Estarán obrigados a realizar labores de descontaminación dos solos contaminados os causantes da contaminación, que cando sexan varios responderán a estas obrigas de forma solidaria e, subsidiariamente, por esta orde, os posuidores dos solos contaminados e os propietarios non posuidores.

Teñen todas as empresas que desenvolvan unha actividade potencialmente contaminante do solo a obriga de levar a cabo análises de augas e/ou solos?

Non. No artigo 3, apartado 3 do R. D. 9/2005 indica: examinado o informe de situación, a comunidade autónoma correspondente poderá recadar do titular da actividade ou do propietario do solo informes complementarios máis detallados, datos ou análises que permitan avaliar o grao de contaminación do solo, que en todo caso deberá realizarse de acordo cos criterios e estándares que se establecen neste real decreto. Polo tanto, unha vez examinado o informe preliminar de situación a Administración avaliará se é necesario facer caracterizacións físico-químicas en augas e/ou solos, co fin de determinar se existe algún tipo de contaminación e o seu grao de afección.

Pode a empresa elaborar por si mesma o informe preliminar de situación ou necesitará contratar unha empresa externa?

Pode a empresa cumprimentar o informe preliminar de situación ela mesma ou, se o considera necesario, pode contratar os servizos dunha empresa externa.