Resolución do 4 de outubro de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico do Ribeiro, no concello de Ourol (Lugo), promovido por Energías de Ourol, S.L.

Diario Oficial de Galicia, 24-10-2005, Núm. 204, Páx. 17154
Resolución do 4 de outubro de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico do Ribeiro, no concello de Ourol (Lugo), promovido por Energías de Ourol, S.L. En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 5 de agosto de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico do Ribeiro, no concello de Ourol (Lugo), promovido por Energías de Ourol, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2005. Anxo R. Calvo Silvosa Director xeral de Industria, Enerxía e Minas Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou a solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto do parque eólico do Ribeiro, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 7,2 MW de potencia total no concello de Ourol (Lugo), constituído por 4 aeroxeradores ENERCON E-70 de 1.800 kW de potencia nominal unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM: Vértice X Vértice Y 604.782 4.825.500 605.038 4.825.500 605.329 4.824.546 605.229 4.824.151 605.159 4.823.962 604.527 4.823.050 604.285 4.823.194 603.978 4.823.393 604.167 4.823.686 604.631 4.823.498 604.903 4.824.878 605.193 4.824.515 605.003 4.824.875 604.883 4.825.183 604.745 4.825.193 604.660 4.825.379 604.207 4.825.000 603.651 4.824.639 603.457 4.824.881 603.457 4.824.881 603.564 4.825.071 604.155 4.825.500 604.719 4.825.500 604.794 4.825.793 604.814 4.825.793 A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano Estruturas do proxecto. Plano nº 3. Agosto 2004, do estudo de impacto ambiental. 2. Condicións xerais. 2.1. Protección da atmosfera. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. 2.2. Protección das augas e leitos fluviais. 1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de vías, gabias de cableado...), así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización do organismo de conca competente, neste caso Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. 2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras. 3. A achega das augas das drenaxes transversais previstas cara á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía nas súas saídas e nos puntos onde a auga das cunetas se incorpore ao terreo, co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais. Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, téndose que adoptar as medidas correctoras oportunas no caso de producirse os citados fenómenos. Asegurarase o antedito cun correcto dimensionamento do sistema de drenaxe. 4. A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos ou incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega ou calquera outra medida necesaria para evitar o arrastre de materiais ladeira abaixo. 5. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental. 6. Non estando previsto na documentación presentada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións. 2.3. Protección do solo. 1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización das infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. 2. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado. 3. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao finalizar a obra. 4. Para a localización da zona destinada a casetas de obra, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, seleccionarase un sitio de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica. 5. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras. 2.4. Xestión de residuos. 1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. 2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado realizarase nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza. 3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de verteduras accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. 4. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 2.5. Protección da fauna e vexetación. 2.5.1. Sobre a fauna. 1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna. 2. No caso de que nos viais de acceso sexa preciso instalar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, podendo consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo con un ou os dous laterais abertos. 2.5.2. Sobre a vexetación. 1. Preservarase ao máximo posible a vexetación arbórea existente na zona. En calquera caso, previamente á corta de arboradura terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. 2. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas. 2.6. Protección do patrimonio cultural. No que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, rexerá o disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tanto no relativo á localización final de infraestruturas e instalacións como ás medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias, as de control e seguimento arqueolóxico e calquera outra para adoptar ao longo das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución de terreos, en todo o ámbito do parque eólico. 2.7. Sobre a integración paisaxística. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o plan de restauración e revexetación incluído no estudo de impacto ambiental, tendo en conta as seguintes consideracións: - Co fin de evitar fenómenos erosivos e acadar o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras, os labores de restauración deberán realizarse paralelamente ao avance destas, conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, sempre que as condicións climatolóxicas e a época do ano sexan apropiadas para a revexetación. - Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas. - No caso de necesitar achegas externas de terra vexetal, estas deberán provir de amoreamentos ou zonas debidamente autorizadas. Se a pesar do anterior a cantidade de terra vexetal necesaria para a restauración resulta deficitaria, poderá substituírse por solos artificiais obtidos baixo autorización administrativa da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. - Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada. 2.8. Sobre o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que: - Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. - Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo. 3. Condicións específicas. 3.1. Fase previa ao inicio das obras. 1. Levaranse a cabo as campañas preoperacionais relativas ao plan de control da calidade das augas e ao seguimento de avifauna (se é o caso), así como as medicións preoperacionais de ruído nos puntos indicados nos puntos 3.4.1 da DIA. En todos os casos deberase dispoñer do parámetro Leq. Os resultados das ditas campañas incorporaranse aos informes de seguimento ambiental para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento. 2. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 50.801 A, correspondente ao orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras, segundo o plan de restauración presentado. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996. 3.2. Fase de obras. 1. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído, á vista da escasa entidade e duración das obras e sempre que se adopten as medidas propostas no estudo ambiental para minimizar as posibles molestias por emisións sonoras, non se considera necesario a realización de medicións durante esta fase. 2. Salvo razón xustificada, debido á súa importancia na zona, preservaranse as formacións de piñeirais existentes no contorno do parque eólico, concretamente na superficie que se vai afectar pola execución e/ou acondicionamento de pistas. 3.3. Ao final da fase de obras. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.8 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras co seguinte contido mínimo: a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos e o estado final do parque tras a finalización das obras, así como detalle do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos previstos no estudo ambiental e no condicionado da declaración. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras. 3.4. Fase de funcionamento. 1. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído, engadirase á proposta de puntos de control que figura no estudo ambiental un punto no núcleo de Fragachá, ao suroeste do aeroxerador A4 e outro localizado entre os núcleos do Coucegordo e O Merán, ao norte dos aeroxeradores A1 e A2. 2. En relación co plan de seguimento de avifauna proposto no estudo ambiental, terase en conta que as visitas para a detección de aves mortas por colisión terán unha frecuencia mensual, co obxecto de diminuír na medida do posible a perda de cadáveres por acción de animais preeiros. No caso de que se efectúen experimentos para o cálculo dunha tasa de desaparición propia para a zona do parque, poderá revisarse a dita frecuencia. O raio que se vai revisar baixo cada aeroxerador será de 70 m, tendo en conta o tamaño do aeroxerador que se ten previsto instalar. Nas anteditas visitas anotaranse tamén as posibles colisións de morcegos, incluíndo estes resultados nos informes do plan de vixilancia ambiental. 3. Tendo en conta que o parque eólico obxecto desta DIA e o de Ourol situaranse no mesmo ámbito xeográfico (compartindo incluso infraestruturas) e que no seu contorno existen actualmente outros parques en funcionamento (Muras I e II...) ou cuxa construción está prevista a medio prazo (Sabucedo, Couteiro, Pena Ventosa, Vilachá, O Chao...), levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a avifauna e os morcegos entre o conxunto das instalacións mencionadas no estudo de efectos sinérxicos incluído no estudo ambiental, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos. 4. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes. Terase en conta que á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben a solicitude motivada do promotor, poderase modificar o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se van realizar en anos posteriores. O dito informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido: a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e tendo en conta o sinalado nos puntos 3.1.1 e 3.4.1 da DIA. A frecuencia das medicións será mensual durante o primeiro semestre, podéndose logo variar en función dos resultados obtidos. b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.3 e 2.2.5 da DIA. c) Resultados do plan de seguimento de avifauna (incluíndo posibles colisións de quirópteros) e informe dos posibles efectos acumulativos, tendo en conta o sinalado nos puntos 3.4.2 e 3.4.3 da DIA. d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, cunetas, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. 3.5. Fase previa ao abandono. No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitirá ao órgano substantivo un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, acompañado, se é o caso, dun informe no que se recollan as posibles variacións respecto do previsto no plan de desmantelamento, xunto coa súa xustificación. 3.6. Fase de abandono. Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, conforme o plan de restauración presentado. Preverase, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. 3.7. Fase posterior ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitirá ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. ANEXO I - Resumo do proxecto O proxecto denominado parque eólico do Ribeiro, promovido pola empresa Energías de Ourol, S.L., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 4 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, para instalar no concello de Ourol (Lugo), concretamente nos sitios A Veiga das Moles e O Cristo de Piñón. Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración. As características básicas do proxecto presentado son as seguintes: Número de aeroxeradores: 4. Modelo: ENERCON E-70. Potencia nominal unitaria: 1.800 kW. Potencia total instalada: 7,2 MW. Altura de torre: 64 m. Diámetro de rotor: 71 m. Investimento previsto: 9.688.691,04 euros (IVE excluído). A conexión coa rede eléctrica realizarase a través dunha liña soterrada de 30 kV que partirá das instalacións deste parque ata o punto de enganche localizado nunha subestación transformadora situada dentro do recinto do parque eólico Pena Ventosa. Os aeroxeradores estarán conectados entre si mediante liñas subterráneas en gabias, en concreto no que respecta á conexión cos aeroxeradores A4 e A3 realizarase nunha gabia que se abrirá no futuro parque eólico de Ourol. O centro de control e protección será compartido con outros promotores eólicos presentes na zona, e é obxecto dun proxecto independente. Para o acceso á zona meridional do parque eólico (aeroxerador A4), utilizarase a estrada existente, que vai desde a localidade de Sixto a Toxoso de Riba, sen necesidade de executar ningún ramal secundario. Para o acceso ao aeroxerador A3 utilizarase unha pista existente executando un ramal de 242 m que partirá desta. Finalmente, para acceder aos aeroxeradores A1 e A2 aproveitarase un camiño existente que será necesario acondicionar ao longo de 393 m, para a incorporación a este tramo acondicionado efecturase un ramal de 181 m desde a estrada existente que une Os Callos con Ourol. Todas as vías terán unha anchura de rodadura de 6 m e estarán dotados de cunetas e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. A lonxitude das gabias que hai que escavar para o soterrado do cableado será, aproximadamente, 1.496 m, cun trazado paralelo e colindante as vías na maior parte do percorrido. Segundo o estudo de impacto ambiental, a vexetación na área de implantación do parque está composta maiormente por matogueira conformada por toxo, breixo e carqueixa e poden aparecer algúns pés de piñeiro. ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada Atmosfera. - Rega das superficies máis afectadas polo paso de maquinaria, cando as obras coincidan co período de estiaxe. - Procurarase o transporte de maquinaria lonxe das zonas habitadas, circulación de maquinaria a velocidades baixas e en horario diúrno, para minimizar as molestias por emisións sonoras. Solo e vexetación. - Respectar ao máximo a vexetación existente na zona, incluída a vexetación arbustiva, non eliminando ningún pé arbóreo ou arbustivo que non sexa estritamente necesario. - Delimitar as zonas de obra, impedindo a circulación de maquinaria e a realización de obras fóra da área. A zona de obra reducirase ao mínimo imprescindible. As zonas e vías auxilares de obra que non formen parte das estruturas do aproveitamento delimitaranse e serán integramente restauradas e revexetadas ao finalizar as obras. - Restauraranse e revexetaranse os terreos afectados polas gabias do cableado, así como os noiros das vías e accesos, levando a cabo o plan de revexetación. - Retirada, amoreamento e conservación da terra vexetal, para ser posteriormente empregada nos labores de restauración. Augas. - Os posibles lavados de cubas de formigón e outras ferramentas non serán nunca realizados nos leitos. - Realización das obras en épocas de menor precipitación, especialmente os movementos de terras nas zonas de máxima pendente. - Canalización das augas mediante cunetas axeitadas e pasos transversais nas novas vías. Nas saídas dos pasos transversais nos que o risco de erosión sexa máis crítico instalaranse disipadores de enerxía, como diques de pedra. - Nos traballos de movementos de terras procurarase reducir a pendente dos amoreamentos de terra e disporanse mallas ou barreiras de retención para evitar que os materiais poidan ser arrastrados polas precipitacións. - Minimización das afeccións á vexetación e inmediata revexetación das zonas afectadas. Fauna. - Procurarase evitar que as obras coincidan co período crítico de reprodución das aves, e a ser posible, dos mamíferos presentes na área do parque. - Delimitación das zonas de obra para evitar cortas de matogueira innecesarias, de xeito que se altere o menos posible o hábitat da fauna terrestre. Paisaxe. Tratamento paisaxístico de vías. - Nas vías empregaranse materiais que non supoñan contraste coas gamas cromáticas do terreo. A anchura da pista non superará os 6 m salvo situacións puntuais e por necesidades excepcionais. - Reduciranse as modificacións do relevo do terreo, evitando a creación de noiros de desmonte e terraplén de considerable altura. - Restauración de noiros dos novos accesos. Control de sobrantes de escavacións. - Os sobrantes xerados na construción das infraestruturas serán transportados a lugar apto para tal fin, distinguindo a xestión entre residuos de obra e terras sobrantes. - En ningún caso se procederá a estender, terraplenar ou verter os sobrantes de escavación en lugares non aptos. Revexetación de noiros. - Restauración de todos os terreos afectados pola execución do proxecto, prevendo a achega de terra vexetal e sementeira con especies adaptadas ao contorno. - Revexetación adicional con arbustivas en zonas de matogueira. - Plan de restauración, que inclúe as fases de obra e desmantelamento do parque. Outras. - As liñas eléctricas irán soterradas nos treitos comprendidos entre aeroxeradores así como no de conexión ao centro de control, restaurándose despois o solo e vexetación afectados. Patrimonio histórico-artístico. - Sinalización mediante balizamento e localización na cartografía da obra do elemento etnográfico O Cristo de Piñón e dos túmulos megalíticos Mámoa da Veiga e Mámoa II da Veiga, así como de outros depósitos arqueolóxicos presentes na zona. - Seguimento e control. - Se durante a realización das escavacións se atopasen restos arqueolóxicos, o promotor dará aviso á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Socioeconomía. - Reduciranse ao mínimo as posibles afeccións a muros de separación de parcelas e suxeición de bancais, repoñendo en todo caso aqueles que resultasen danados. As medidas protectoras e correctoras relativas aos elementos do patrimonio cultural recóllense na memoria de actuación da prospección arqueolóxica intensiva incluída no tomo II do estudo de impacto ambiental.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res04102005.pdf Galego
res04102005.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles