Diario Oficial de Galicia, 06-07-2005, Núm. 129, Páx. 12054
Resolución do 30 de xuño de 2005, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 14 de xuño de 2005, relativa á actuación incluída no Plan Galicia: vía de alta capacidade Carballo-Fisterra. Treito un: estudo informativo Carballo-Berdoias; treito dous: proxecto de trazado Berdoias-Cee e treito tres: estudo informativo da variante de Cee-Corcubión. Clave: AC/04/011.00.
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data do 14 de xuño de 2005, relativa á actuación incluída no Plan Galicia: vía de alta capacidade Carballo-Fisterra. Treito un: estudo informativo Carballo-Berdoias; treito dous: proxecto de trazado Berdoias-Cee e treito tres: estudo informativo da variante de Cee-Corcubión. Clave: AC/04/011.00, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2005.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de data do 14 de xuño de 2005, relativa á actuación: Plan Galicia, estudo da vía de alta capacidade Carballo-Fisterra: treitos: estudo informativo CarballoBerdoias, proxecto de trazado Berdoias-Cee e estudo informativo da variante de Cee-Corcubión, nos concellos de Carballo, Coristanco, Cabana De Bergantiños, Zas, Vimianzo, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave: 2005/0199.
Antecedentes.
A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 2 de marzo de 2004, aprobou provisionalmente a actuación: Plan Galicia, estudo da vía de alta capacidade Carballo-Fisterra, incluído o estudo de impacto ambiental; treitos: estudo informativo Carballo-Berdoias, proxecto de trazado Berdoias-Cee e estudo informativo da variante de Cee-Corcubión; nos concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas, Vimianzo, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra.
A actuación proxectada pretende mellorar as comunicación da zona noroeste de Galicia, unindo a autovía AG-55 coa comarca de Cee-Fisterra.
No anexo I resúmese o contido do proxecto e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.
Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, de 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 9 de marzo de 2004 publícase no DOG (nº 48) a Resolución do 3 de marzo de 2004, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública a actuación: Plan Galicia, estudo da vía de alta capacidade Carballo-Fisterra, incluído o estudo de impacto ambiental; treitos: estudo informativo Carballo-Berdoias, proxecto de trazado Berdoias-Cee e estudo informativo da variante Cee-Corcubión.
Durante este período foron presentadas alegacións por parte dos concellos de Carballo, Camariñas, Zas, Coristanco, Fisterra, Vimianzo, Dumbría, Corcubión e Cee, de diversos particulares, empresas e asociacións. Destas alegacións as que teñen carácter ambiental foron tidas en conta, no que procede, no condicionado da DIA.
Rematado o período de información pública, procedeuse á análise das alegacións presentadas, o que puxo de manifesto a posibilidade de encaixar, en dous treitos concretos, trazados alternativos que non coinciden con ningún dos propostos en marzo de 2004, polo que se considerou adecuado realizar un documento complementario que os inclúa.
O devandito documento complementario foi aprobado provisionalmente por resolución da Dirección Xeral de Obras Públicas de 14 de setembro de 2004, e con data do 22 de setembro de 2004, publícase no DOG (nº 185) a Resolución do 16 de setembro de 2004, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o documento complementario da actuación do Plan Galicia: V.A.C. Carballo-Fisterra (incluído o estudo de impacto ambiental). Treitos: Carballo-Berdoias, Berdoias-Cee, variante de Cee-Corcubión.
Durante este segundo período de exposición ao público foron presentadas alegacións por parte dos Concellos de Zas e Dumbría, dunha asociación de veciños e de diversos particulares. Destas alegacións as que teñen carácter ambiental foron tidas en conta, no que procede, no condicionado da DIA.
Con data do 19 de maio de 2005, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen os certificados das dúas exposicións ao público nas das distintas dependencias, copia das alegacións presentadas en ambos os períodos e os informes das direccións xerais de Saúde Pública, de Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza e de Augas de Galicia, ao respecto da primeira documentación exposta ao público e do documento complementario posterior.
Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 106/2004, do 27 de maio, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) da actuación Plan Galicia, estudo da vía de alta capacidade Carballo-Fisterra: Treitos: estudo informativo Carballo-Berdoias, proxecto de trazado Berdoias-Cee e estudo informativo da variante de Cee-Corcubión, nos concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas, Vimianzo, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra (A Coruña).
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das citadas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen una maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta declaración, non podendo comezar as obras, antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A) Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese a actuación Plan Galicia: vía de alta capacidade Carballo-Fisterra, que comprende os seguintes treitos:
* Treito I: vía de alta capacidade Carballo-Berdoias
* Treito II: acondicionamento a vía de alta capacidade da C-552 Carballo-Fisterra, treito: Berdoias-Cee.
* Treito III: variante de Cee-Corcubión.
Desenvolvidos os treitos I e III mediante un estudo informativo e o II mediante un proxecto de trazado.
Os trazados ámbito desta DIA para os anteditos treitos son:
* Treito I: a alternativa 2, tal como se recolle no plano nº 17 Planta xeral da opción seleccionada" incluído no Estudo de impacto ambiental da vía de alta capacidade: Carballo-Fisterra; treitos Carballo-Berdoias, Berdoias-Cee e variante Cee-Corcubión. Tomo 2 de 5: Treito 1: Carballo-Berdoias. Febreiro 2004, excepto, tal como se indica no Documento complementario. Setembro 2004, no seguinte:
- Subtreito Carballo-A Agualada onde se selecciona a alternativa 6, reflectida no plano nº 4 Planta xeral de alternativas incluído no documento Estudo de impacto ambiental da vía de alta capacidade: Carballo-Fisterra; treitos Carballo-Berdoias, Berdoias-Cee e variante Cee-Corcubión. Tomo 5 de 5: Documento de sínteses. Febreiro 2004.
- Subtreito Vilaseco-Berdoias (concello de Vimianzo) e zona de Denellón (concello de Cabana de Bergantiños) nas que o trazado será o reflectido nos planos nº 1.1. A Planta xeral do novo trazado proposto e nº 1.1.B Planta xeral do novo trazado propuesto, respectivamente, incluídos no antedito documento complementario.
- Nas restantes modificacións indicadas neste documento para este treito.
* Treito II: o trazado reflectido no plano nº 3 Planta xeral incluído no Estudo de impacto ambiental da vía de alta capacidade: Carballo-Fisterra; treitos Carballo-Berdoias, Berdoias-Cee e variante Cee-Corcubión. Tomo 3 de 5: Treito II: Berdoias-Cee. Febreiro 2004, coas modificacións indicadas no Documento complementario. Setembro 2004 para este treito.
* Treito III: a alternativa 3, tal como se recolle no plano nº 17.1 Planta xeral da opción seleccionada, incluído no Estudo de impacto ambiental da vía de alta capacidade: Carballo-Fisterra; treitos Carballo-Berdoias, Berdoias-Cee e variante Cee-Corcubión. Tomo 4 de 5: Treito 3: Variante Cee-Corcubión. Febreiro 2004, coas modificacións indicadas no Documento complementario. Setembro 2004 para este treito.
Pero tendo en conta nos documentos técnicos que se redacten en posteriores fases as seguintes consideracións, indicadas no documento Proposta de aprobación definitiva, resultantes da análise de informes, observacións e alegacións efectuadas durante o segundo período de información pública:
* Proxectar un enlace coa vía local A Piolla-Brandomil. O deseño deste enlace farase de forma que o impacto sobre o conxunto das Mámoas da Piolla sexa moderado ou compatible. Isto leva consigo unha reordenación de enlaces pola que se propón manter o enlace coa estrada AC-423 e eliminar o enlace previsto coa estrada AC-552 no p.k. 13+800.
* Na zona de Denellón (pp.kk. 13+500-14+500), estudar a posibilidade de desprazar o eixe cara a AC-552 de maneira que se minore, na medida do posible, a afección á zona de concentración parcelaria.
* Proxectar un enlace na zona de Torres do Allo, sempre que o impacto sobre o elemento sexa moderado ou compatible.
* Conservar a permeabilidade actual de todas as vías, repoñéndoas con pasos superiores e inferiores e proxectando unha rede de camiños de servizo. Así como as que xurdan do cumprimento dos puntos C.1.1 e C.2.1 da DIA, correspondentes á protección do patrimonio cultural.
B) Condicións xerais.
B.1) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Dada a existencia de numerosas entidades de poboación e edificacións habitadas no contorno do proxecto, co obxecto de minimizar as afeccións sobre estas, terase en conta o seguinte:
* Adaptaranse os estudos acústicos achegados para os diferentes treitos no estudo de impacto ambiental á traza definitiva, e definiranse con detalle e incorporaranse ao proxecto definitivo as medidas correctoras necesarias para minimizar a afección sonora co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas, Vimianzo, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra.
* No deseño das voaduras, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse, para a súa aplicación dun xeito estrito, as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos.
2. Localizaranse as zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, e tal como se especifica no estudo de impacto ambiental procurarase que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.
3. Proxectaranse nas zonas establecidas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria e para as zonas de formigonado, un sistema de recollida, condución e sedimentación da auga procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura destas augas cara ás correntes de auga. Asemade, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.
4. Definiranse as vías auxiliares a utilizar no proceso construtivo, primando o uso da traza fronte a camiños locais preexistentes e, de amba as dúas, fronte á apertura de novas vías.
5. En caso de necesidade de toma de materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin; debéndose evitar, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de toma de préstamo. Neste último caso, deberá atenderse á normativa vixente respecto diso.
6. No caso de que se produzan sobrantes dos movementos de terras, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno.
7. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, e evitaranse as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.
8. Redactarase un proxecto de integración paisaxística no que se desenvolvan detalladamente os labores de revexetación descritos, de forma xenérica, nos puntos:
* 6.3.5 Restauración vexetal e integración paisaxística do tomo 2 do estudo de impacto ambiental.
* 6.3.5 Restauración vexetal e integración paisaxística do tomo 3 do estudo de impacto ambiental.
* 6.3.5 Restauración vexetal e integración paisaxística do tomo 4 do estudo de impacto ambiental.
Así, neste proxecto definiranse os traballos segundo as diferentes zonas que se revexetarán (noiros en desmonte e terrapléns, contorno de embocaduras de pasos de fauna, instalacións e vías auxiliares, superficies baixo viadutos, etcétera).
Ademais, respecto das especies que se utilizarán na revexetación, incluiranse, arbustos e árbores autóctonos propios das sucesións naturais da zona afectada, sobre todo no tocante á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza, no caso de que esta se vexa afectada, co fin de protexer o ecosistema e mellorar a integración paisaxística da actuación.
9. Desenvolverase un novo programa de vixilancia ambiental específico para o trazado final da vía, baseado nas liñas xerais expostas no estudo de impacto ambiental e adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta declaración.
O obxecto deste programa será garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación), a periodicidade dos controis, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
* As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo tanto, faranse naqueles momentos nos que poida existir una afección sobre os aspectos que se van controlar.
* A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán ir xunto con informe asinado polo técnico competente.
* O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá contemplar os labores de restauración e de revexetación.
B.2) Fase de replanteo.
Procederase ao balizamento, ou se é o caso, á sinalización das zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen. Queda expresamente prohibida a ocupación de terreos más alá dos previstos.
B.3) Fase de obras e explotación.
1. Levaranse a cabo as medidas indicadas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas, Vimianzo, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra.
3. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.
4. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais, restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.
5. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra, se é o caso, nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.6 da DIA, deberá contarse cos correspondentes permisos.
6. Ao rematar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se encontren emprazadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente ao remate daquelas.
7. O formigón e o aglomerado asfáltico procederán de planta ou plantas que conten coas súas correspondentes autorizacións.
8. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que está levando a cabo esta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na propia obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.
9. No caso de que se precise material procedente de canteiras para o desenvolvemento das obras, tal como se indica no punto B.1.5 desta DIA, este deberá proceder de canteiras autorizadas.
Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se van utilizar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos xeotecnicamente pouco esixentes, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.
10. A xestión da terra vexetal que se utilizará na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etcétera). Asemade, as moreas disporanse, como máximo, con alturas de ata 2 m e no caso de que o período de almacenamento sexa prolongado, procederanse a realizar labores de mantemento consistentes en regas periódicas, remocións periódicas, achegas de fertilizantes minerais e sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6 % de materia orgánica.
11. Tal como se indica no estudo de impacto ambiental, respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra. Terase en conta que, se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os tocos, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.
12. Os restos vexetais que se xeren deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos sobre o terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.
13. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou a reutilización fronte a vertedura.
Estes residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, que estarán situados na zona de instalacións auxiliares ás obras, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa situación.
Ao remate das obras e antes do inicio da fase de explotación, deberanse ter retirado e xestionado adecuadamente a totalidade dos residuos de obra.
14. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de seren precisas adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser a estendedura de mantas de fibras naturais.
15. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística definidos no proxecto ao que se fai referencia no punto B.1.8 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou faltas que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.
16. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.
17. No caso de afectar a fontes e/ou captacións de auga existentes no ámbito da traza, estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais.
18. Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan utilizadas na execución do proxecto, procedéndose á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.
19. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos.
20. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental indicado no punto B.1.9 desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
21. No caso de producirse ou demostrarse algún imprevisto que ocasione unha afección ao espazo natural protexido Río Anllóns, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para paliar a dita afección, sendo o Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Coruña quen decidirá sobre a conveniencia da solución que se vai adoptar, así como as actuacións precisas para corrixir os efectos provocados. Así mesmo, calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural requirirá o seu informe correspondente.
C) Condicións específicas.
C.1) Fase previa á de redacción do proxecto constructivo.
1. Desenvolverase o indicado nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para esta fase do proxecto.
En calquera caso, no que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, haberá que aterse ao que dispoña a antedita Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
2. Realizarase unha análise pormenorizada da vexetación afectada, propoñendo as oportunas medidas protectoras, correctoras e compensatorias precisas para diminuír as afeccións das obras sobre a cuberta vexetal. Deberá ser remitida á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe.
3. Realizarase un estudo de corredores faunísticos no ámbito da traza co obxecto de propoñer a execución de pasos artificiais e específicos para a fauna (de pequeno, mediano e gran tamaño). Deberá incluírse a adecuada revexetación das embocaduras destes para canalizar a fauna cara as ditas zonas. Para a realización deste estudo, terase en conta o sinalado no primeiro informe emitido durante o trámite de avaliación de impacto ambiental pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza ao respecto de zonas de paso de especies de caza maior existentes no ámbito do proxecto (xabaril, lobo, etc).
Este estudo será remitido á antedita dirección xeral para o seu informe.
C.2) Fase de redacción do proxecto construtivo.
1. Redactarase un programa de actuacións sobre o patrimonio cultural no que se inclúa:
* O sinalado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural respecto o indicado no punto C.1.1 desta DIA.
* O indicado no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, emitido no trámite de avaliación de impacto ambiental, respecto aos aspectos a incluír no proxecto construtivo.
En calquera caso, no que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural estarase o que dispoña a antedita dirección xeral.
2. Consideraranse no deseño do proxecto construtivo as recomendacións derivadas dos informes emitidos pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, en atención aos estudos indicados nos puntos C.1.2 e C.1.3 desta DIA.
3. Evitarase modificar as redes de escorrega para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionaranse adecuadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.
Estas estruturas deberán poder ser utilizadas como paso por parte da microfauna polo que os ditos pasos deseñaranse con largo suficiente e de forma que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, previndo que todas as especies que caian poidan saír.
Así mesmo, nos casos nos que a drenaxe transversal sirva de paso para cursos fluviais con fauna piscícola, utilizaranse estruturas que inflúan o menos posible sobre o ecosistema fluvial, polo tanto e como criterio xeral, sempre que sexa posible, estas estruturas serán pontes ou viadutos, evitando en calquera caso a utilización de marcos ou tubos. Ademais, co fin de protexer a vexetación de ribeira que forma parte do ecosistema fluvial deberanse colocar os estribos ou zapatas das pontes e viadutos a máis de 5 m a cada lado do leito para facilitar o tránsito da fauna terrestre e anfibia, así como permitir o paso dos pescadores.
No que respecta ao subtreito Carballo-A Agualada, pertencente ao treito I: Carballo-Berdoias, cómpre ter en conta que a alternativa seleccionada para este subtreito (alternativa 6), discorre durante máis de 1.600 m paralelo ao río Anllóns, pertencente ao espazo natural protexido Río Anllóns, polo que se procurará afastar a traza o máximo posible, co fin de evitar a súa afección.
Así mesmo, e no mesmo senso, debido a existencia das zonas húmidas de Fornelos e Esmorís próximas á traza do treito I, deberá evitarse a afección sobre estes, procurando afastar o máis posible a traza destes espazos.
4. Ademais de cumprir os condicionados indicados no punto B.1.9 da DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá recoller especificamente os seguintes aspectos:
* Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando metodoloxía, periodicidade e límites que se van impoñer aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona do curso fluvial afectado. Considerase que como mínimo os parámetros que se analizarán son os seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade e aceites e produtos lubricantes.
* Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da vía, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites que se impoñerán, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.
* Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación deste, de xeito que cumpra a súa función dun modo efectivo.
En todos os casos situaranse os puntos de control propostos nun plano a escala 1:5.000 ou maior detalle.
C.3) Fase de planeamento.
1. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico, deberá dispoñerse da autorización oportuna emitida por Augas de Galicia.
2. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo que se procederá ao balizamento ou sinalización adecuada dos tramos dos cursos fluviais afectados polas obras (río Calvar, Abelán, Grande, Vimianzo, Castro, de Cee, rego de Gato, de Esmorís, de Berdoias, etcétera), co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de fornecemento e, en xeral, todas aquelas actividades que puidesen supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.
Ademais, tamén se procederá ao balizamento, ou se é o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto, basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural e en concreto os límites do espazo natural protexido Río Anllóns, localizado no ámbito do treito I, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles.
C.4) Fase de obras.
1. Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación.
En concreto, serase especialmente estrito na aplicación das medidas de protección durante as obras do treito paralelo ao río Anllóns, e na construción do viaducto sobre este, debido ao grao de protección que ten esta zona, así como nas obras próximas ás xonas húmidas de Fornelos e Esmorís.
2. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto construtivo segundo o indicado nos puntos B.1.9 e C.2.4 desta DIA para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan:
a) Trimestralmente:
* Cronograma actualizado das obras.
* Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental que cumpra cos condicionantes da presente DIA. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir xunto cun plano coa localización. Así mesmo, incluirase nesta reportaxe fotográfica o estado dos cursos fluviais afectados pola traza, augas arriba e abaixo do punto onde se estean levando a cabo obras, co obxecto de controlar o posible impacto causado polo arrastre de sólidos en suspensión. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas.
* Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referida aos distintos elementos que as conforman.
b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflicta o cumprimento de todas as medidas correctoras recollidas no estudo así como as impostas pola DIA, en concreto:
* Informe no que se reflicta o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras respecto do proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do punto anterior. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir xunto cun plano coa localización.
* Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.
C.4) Fase de explotación.
A Dirección Xeral de Obras Públicas elaborará anualmente un informe, incluíndo o seguinte:
* Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto construtivo segundo o solicitado nos puntos B.1.9 e C.2.4 desta DIA.
* Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora da toma, así como a localización dos puntos de toma das fotografías nun plano.
* Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.
A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2005.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I: Descrición do trazado avaliado no estudo de impacto ambiental e no documento complementario.
As comunicacións na comarca ámbito da actuación actualmente apóianse na estrada AC-552 (entre A Coruña e Cee) e na AC-445 (entre Cee e Fisterra). Ao longo destas estradas son frecuentes as travesas o que engade perigosidade e aumenta o tempo de percorrido. Dado que a posibilidade de progreso de toda esta área é importante e require a mellora das actuais infraestruturas de comunicación, considerouse a necesidade de estudar os itinerarios posibles que permitan mellorar as comunicacións da zona noroeste de Galicia, unindo a autovía AG-55, coa comarca de Cee-Fisterra.
A actuación divídese nos seguintes proxectos:
* Estudo informativo da obra: Plan Galicia. V.A.C. Carballo-Berdoias (incluída conexión AG-55).
* Proxecto de trazado da obra: Plan Galicia. Acondicionamento á V.A.C. C-552 Carballo-Fisterra; treito Berdoias-Cee.
* Estudo informativo da obra: Plan Galicia; variante de Cee-Corcubión.
Treito I: Carballo-Berdoias.
Neste treito estudáronse seis alternativas de trazado, seleccionando finalmente, despois dun estudo multicriterio, a alternativa 2. Porén, tras a información pública da primeira documentación, efectuáronse unha serie de modificacións recollidas nun documento complementario.
A vía conta cunha lonxitude total de 43,2 km.
Divídese nos seguintes subtreitos:
1.Subtreito Carballo-A Agualada: (trazado modificado segundo o documento complementario: substituíndo a alternativa 2 do estudo informativo pola 6).
O trazado iníciase na remodelación do enlace coa AG-55, atopándose de seguido o viaduto do río Anllóns (p.k. 0+610), dirixíndose a continuación cara ao oeste.
Aproximadamente no p.k. 5+500, o trazado toma dirección sur, localizando no p.k. 5+830 un enlace coa estrada CP-2901 que dá acceso ao núcleo de Coristanco.
A recta anterior está seguida por dúas curvas circulares, atopando preto da primeira o viaduto rego de Gatos (p.k. 7+675). A continuación o trazado bordea o Monte da Rebola.
2. Subtreito A Agualada-zona de Denellón (Cabana de Bergantiños): (mantense o trazado do estudo informativo: alternativa 2).
A continuación, e tras bordear o Monte da Rebola, o trazado ascende entrando no viaduto do río Calvar (p.k. 8+990). Aproximadamente a 500 m deste último viaduto disponse a conexión coa estrada AC-421 con dirección A Agualada e Malpica.
3. Subtreito Zona de Denellón e A Piolla (Cabana de Bergantiños): (trazado modificado segundo o documento complementario).
Á altura de Agrilloi, e despois dunha curva, o trazado crúzase coa estrada AC-423. O final dunha recta, no p.k. 13+800, proxéctase un enlace coa estrada AC-552, e despois dunha curva o trazado toma dirección sur. Desde aquí e ata o final deste subtreito o trazado mantense pola marxe esquerda da vía existente.
A continuación, outra curva afasta o trazado do núcleo da Piolla, despois, no p.k.15+530, o eixe pasa sobre a vía local a Zas. Uns metros máis adiante iníciase unha curva que evita o impacto sobre as Mámoas da Piolla.
4. Subtreito Zona de Denillón e A Piolla-Caxadas (Vimianzo): (mantense o trazado do estudo informativo: A2; excepto no caso dun novo enlace e do desprazamento do trazado nalgunhas zonas).
Comeza coa maior recta de todo o trazado. En medio desta recta está situado un enlace coa AC-552 (p.k. 17+130).
No p.k. 23+930 proxéctase un enlace coa estrada AC-430 para dar acceso polo norte ao núcleo de Baio. A continuación, tras tomar orientación sur para aproximarse de novo á estrada actual, dispóñense tres viadutos sobre o río Grande, concretamente nos p.k. 25+690, 26+940 e 28+020.
Así mesmo, tras analizar a localización do futuro parque empresarial de Vimianzo, inclúese un novo enlace antes do segundo viaduto sobre o río Grande.
A partir do último viaduto citado a traza volve a separarse da AC-552. O seguinte viaduto (viaduto O Foxo) atópase no p.k. 29+770.
Tras cruzar sobre o río Vimianzo (p.k. 31+550) mediante un viaduto, sitúase o enlace coa AC-432 que permite o acceso a Vimianzo polo oeste ao dirixirse cara a Camariñas.
Nesta zona o trazado da alternativa 2 desprázase uns metros cara á dereita (oeste) co fin de permitir o acceso a unha planta de formigón.
Despois o trazado rodea polo oeste o núcleo de Vimianzo, situándose nesta variante o viaduto Somonte. A partir de Caxadas (p.k. 37+224) diríxese cara ao oeste discorrendo sempre pola marxe dereita da actual AC-552.
5. Subtreito Caxadas (Vimianzo)-Berdoias: (trazado modificado segundo o documento complementario).
A finalidade deste cambio de trazado é evitar a superposición do trazado da vía de alta capacidade coa AC-552. Despois de dúas curvas e unha recta sitúase un enlace coa AC-552 (p.k. 39+450).
No p.k. 40+280 o trazado crúzase cun camiño local que comunica Vilaseco con outros núcleos de poboación situados ao oeste do eixe, para despois atopar o viaduto do río Castro no p.k. 41+375.
Na localidade de Bustelo, concretamente no p.k. 42+500, sitúase o último enlace. Este enlace proxéctase sobre a estrada AC-440 (dirección a Muxía). Uns 750 m máis adiante a traza conecta co trazado do proxecto Berdoias-Cee.
Treito II: Berdoias-Cee.
Formúlase a traza indicada no proxecto de trazado, pero con algunhas modificacións indicadas no antedito documento complementario.
A lonxitude total do treito proxectado é de 10,5 km dos cales aproximadamente 4 km son de novo trazado. Dos 6,5 km restantes, aproveitase arredor do 70% da estrada actual en planta e alzado, realizándose unicamente as ampliacións precisas para albergar os novos carrís nas interseccións.
Pódense distinguir dúas zonas desde o punto de vista do trazado en planta, a primeira, ata o p.k. 6+300 consiste na realización de melloras puntuais do trazado.
A partir do 6+300 proxéctase unha vía de novo trazado, seguindo a estrada existente ata o p.k. 8+000 e bordeando a poboación de Bustelo a partir deste.
Ao longo do treito proxectado atópanse as seguintes interseccións a nivel:
- Intersección no p.k. 2+500 da C-552 coa CP-3401 e a CP-3403.
- Intersección p.k. 3+600 da C-552 coa estrada cara a Berdoias.
- Enlace p.k. 5+900 da C-552 coa CP-3404.
- Intersección p.k. 8+240, conexión da variante de Bustelo coa C-552.
- Intersección p.k. 10+040 da variante proxectada, para conectala coa C-552.
Treito III: Cee-Corcubión.
Neste treito estudáronse tres alternativas de trazado, seleccionando finalmente, despois dun estudo multicriterio, a alternativa 3.
Divídese nos seguintes subtreitos:
1. Subtreito límite do termo municipal de Cee-Cee:
Neste primeiro treito, de 3.487 m de lonxitude, a actuación limitarase a un acondicionamento do trazado actual mediante reforzo de firme.
2. Subtreito variante de Cee-Sardiñeiro:
Esta variante presenta unha lonxitude de 4,80 km. Tén dúas conexións pero ningún viaduto. A maior parte do trazado discorre polo concello de Cee, excepto os 350 m finais que se localizan no concello de Fisterra.
O seu punto de inicio localízase nunha glorieta proxectada na AC-552. Tras esta glorieta, o trazado toma dirección oeste cruzándose, no p.k. 0+630, co camiño real San Xulián da Pereiriña.
O punto final localízase nas proximidades da enseada de Sardiñeiro, ao leste do devandito núcleo urbano. Aquí proxéctase unha conexión que une o novo trazado coa AC-445.
O trazado non intercepta ningún leito fluvial ao longo do seu percorrido.
ANEXO II: Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental.
Medidas protectoras.
Protección da atmosfera. Po, gases e ruído.
- Regas periódicas.
- Prohíbese calquera queima de materiais non autorizada.
- Correcto mantemento da maquinaria.
- Prohíbese a realización de obras ou movementos de maquinaria fóra do horario diúrno nos tramos próximos a zonas habitadas.
Control de riscos xeolóxicos.
Consideraranse as recomendacións establecidas no informe específico sobre a xeoloxía e xeotecnia no dimensionamento e deseño das obras.
Protección da paisaxe.
Para a localización das entulleiras, vertedeiros, zonas de préstamos, parques de maquinaria, vía de acceso ás obras, etcétera, clasificarase o terreo en tres categorías: zonas excluídas, restrinxidas e admisibles. Estas zonas seleccionaranse seguindo criterios ambientais, culturais, paisaxísticos, sociais, etcétera.
Protección e conservación de solos.
* Delimitarase o terreo afectado (marcación) polas obras previamente ao comezo destas, de xeito que minimicen a afección do proxecto sobre o territorio.
* Os labores de mantemento da maquinaria de obra non apta para circular por estrada realizarase dentro da zona seleccionada para isto, dispoñendo dos medios necesarios para evitar calquera afección ao solo por derrames accidentais.
* Realizarase un movemento de terras selectivo, e a terra vexetal obtida almacenarase en moreas de altura non superior a 1,5 m, e reutilizarase nas novas superficies creadas, noiros, medianas, etcétera.
* Os residuos xerados durante a execución das obras, xestionaranse conforme a lexislación vixente, primando a súa reutilización e reciclaxe fronte á vertedura.
* Disporanse os oportunos elementos de desaugadura, tanto lonxitudinal como transversal, que minimicen a escorrega sobre os noiros xerados.
Protección da calidade das augas.
* Prohíbese a vertedura de calquera tipo de material ou substancia ás augas superficiais.
* Planeamento e balizamento da zona de traballo no ámbito dos puntos de paso sobre a rede fluvial, quedando prohibida a utilización de marxes, ribeiras e zonas de servidume como lugar para depósito de materiais, parque de maquinaria, etcétera. Así mesmo, disporanse nestes puntos de paso barreiras de retención de sedimentos durante a fase de obras, para evitar a contaminación das augas.
* Disporanse malias ou outros dispositivos que eviten a proxección de materiais aos leitos durante as voaduras.
Protección das formacións vexetais.
* Marcación perimetral de todas aquelas formacións vexetais de maior valor ecolóxico presentes no contorno do espazo afectado polo proxecto.
* Respectarase todo tipo de vexetación existente que non estea directamente afectada pola execución da obra.
* Estableceranse proteccións individuais das árbores.
* Elaborarase un calendario de sinalización, execución e retirada de proteccións e sinalizacións.
* Informarase a todos os operarios da obra da importancia da conservación da vexetación e do significado da sinalización.
Protección de espazos naturais.
Prodúcese o cruzamento co río Anllóns, o leito e as súas marxes catalogadas como LIC salvanse mediante un viaduto sobre este río. Así mesmo:
* Marcación da zona de afección polas obras de construción do viaduto proxectado, co fin de protexer o leito a as súas ribeiras, así como a fauna e vexetación.
* Evitarase a disposición de pías na zona do leito de augas medias, separándose os estribos deste unhas distancias mínimas de 5 m para facilitar a permeabilidade lonxitudinal asociada ao río.
* Co obxecto de minimizar a alteración da calidade das augas, prevese dispoñer sistemas perimetrais ao leito (50 m a cada lado das súas marxes), consistentes en balas de palla, que limitarán a achega de sedimentos aos principais leitos descritos, retirádose unha vez acabado o proceso construtivo.
Protección da comunidade faunística.
* Planificar os calendarios do proceso construtivo, prestando especial interese aos períodos de reprodución e cría das especies faunísticas presentes á hora de programar as voaduras.
* Creación e deseño de pasos para a fauna transversal da vía e adecuación das obras de drenaxe como pasos para fauna.
* Deseño especial dos pechamentos, con reforzo na base nas inmediacións dos pasos.
* Inclusión de dispositivos de escape.
Protección da permeabilidade territorial.
Sinalaranse os itinerarios alternativos ata o fin da obra, cando se repoñerá a vía orixinal.
Medidas correctoras.
Corrección da afección por ruído: determináronse áreas específicas de actuación para minimizar o efecto mediante a colocación de pantallas para a protección acústica.
Integración morfolóxica da obra:
* Procederase ao redondeo das arestas dos noiros.
* Evitarase o refino excesivo da superficie xa que existe un inconveniente para a posterior colonización vexetal.
* Evitaranse as formas verticais acalanadas paralelas producidas polos dentes das pas das máquinas escavadoras, xa que facilitan o proceso de formación de cárcavas.
* Os desmontes escavados na roca deixaranse con formas irregulares que mostren morfoloxías similares ás existentes.
Medidas correctoras por afección ao réxime hídrico.
Prevese unha ampla rede de drenaxe que resolva o problema da circulación de auga e a recollida de pluviais ó longo da nova infraestructura.
Restauración vexetal e integración paisaxística:
* Tratamento de noiros en desmonte e terraplén.
* Tratamento de zonas degradadas e áreas anexas á infraestrutura e de posible revexetación.
* Tratamento nas marxes dos cursos de auga.
* Tratamento de enlaces.
* Tratamento das obras de fábrica.
* Tratamento dos vertedoiros.
Medidas compensatorias no treito II: Berdoias-Cee.
* Retirada de residuos preexistentes nas proximidades ao p.k. 7+700 do tronco, que se xestionarán segundo a lexislación vixente.
* Retirada dos residuos xerados no desmonte de camiños situados en zonas alteradas (aproximadamente nos p.k. 0+940, 2+160, 2+640, 5+340, 5+880, 6+840, 6+960, 7+700, 7+760 e conexión p.k. 10+040), destiñadas a tratamento vexetal. Estes residuos xestionaranse segundo a lexislación vixente.
* Acondicionamento como área de descanso no contorno fluvial próximo ao p.k. 2+200, onde poderá ser estudada, durante proxecto construtivo, a instalación de mobiliario urbano.
Así mesmo, preséntanse medidas correctoras e protectoras co fin de minimizar a afección sobre os elementos do patrimonio cultural.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL