Resolución do 30 de novembro de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se outorga a autorización ambiental integrada e se formula a declaración de efectos ambientais para o proxecto de recuperación de disolventes presentado por Recuperadora Gallega de Disolventes, S.L. (Regadi), no concello do Porriño, provincia de Pontevedra (clave 2003/0276-AEA-IPPC).

Diario Oficial de Galicia, 18-01-2006, Núm. 12, Páx. 993
Resolución do 30 de novembro de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se outorga a autorización ambiental integrada e se formula a declaración de efectos ambientais para o proxecto de recuperación de disolventes presentado por Recuperadora Gallega de Disolventes, S.L. (Regadi), no concello do Porriño, provincia de Pontevedra (clave 2003/0276-AEA-IPPC). Antecedentes de feito Primeiro.- Con data do 1 de abril de 2004, Enrique Casal García, con DNI 35811178-V, en nome e representación de Recuperadora Gallega de Disolventes, S.L. presentou a solicitude de autorización ambiental integrada para o proxecto de recuperación de disolventes usados, que se situará no concello do Porriño (Pontevedra). A documentación indicada no artigo 12 da Lei 16/2002, de prevención e control integrados da contaminación, foi presentada o 17 de novembro de 2004. Segundo.- Dentro da documentación inclúese o informe urbanístico favorable emitido polo Concello do Porriño con data do 31 de marzo de 2004. Terceiro.- Con data do 28 de decembro de 2004 publicouse no Diario Oficial de Galicia (nº 251) a Resolución do 22 de novembro de 2004, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se sometía a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para a instalación obxecto desta resolución, para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e no Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas; así como o estudo de efectos ambientais presentado, para os efectos do disposto no Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia. Cuarto.- Con datas do 21 de febreiro e 1 de marzo de 2005, respectivamente, recibíronse os certificados de información pública emitidos pola Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra e polo Concello do Porriño. Non se ten constancia da presentación de alegacións durante este trámite. Quinto.- Durante o procedemento emitiron informe o Concello do Porriño; a Confederación Hidrográfica do Norte; as direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Saúde Pública, e de Industria, Enerxía e Minas; as subdireccións xerais de Calidade Ambiental, de Avaliación Ambiental e de Tecnoloxía e Control Ambiental; e o Departamento de Enxeñaría Química da ETS de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela. Sexto.- Con data do 14 de outubro de 2005 realizouse o trámite de audiencia, en cumprimento do estipulado no artigo 20 da Lei 16/2002. Durante este trámite o peticionario efectuou unha serie de aclaracións e solicitudes que recolleu en escritos recibidos con data do 25 de outubro e 10 de novembro. Dentro das solicitudes efectuadas nos anteditos escritos, cómpre considerar os seguintes aspectos: - Substitución do gasóleo por gas natural como combustible para a caldeira. - Solicitude de incremento dos límites de emisión de compostos orgánicos volátiles, de xeito que se axusten ao indicado no anexo II do Real decreto 117/2003, do 31 de xaneiro, sobre limitacións de emisións de compostos orgánicos volátiles debidas ao uso de disolventes en determinadas actividades; en concreto, co sinalado nos puntos 16 e 20, relativos a recubrimentos con adhesivos e fabricación de produtos farmacéuticos. Analizadas as anteditas solicitudes, esta dirección xeral considerou: - Estimar a solicitude relativa á substitución do gasóleo por gas natural, por canto supón unha mellora ambiental. - Desestimar a solicitude de incremento dos valores límites de emisión de compostos orgánicos volátiles, por canto o emprego das mellores técnicas permiten acadar valores menores. Sétimo.- Con data do 8 de novembro de 2005, Regadi, S.L. aboou as taxas para a expedición da autorización ambiental integrada. Fundamentos de dereito Primeiro.- A instalación de referencia está afectada pola Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (anexo I, epígrafe 5.1); e polo Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia. Segundo.- De conformidade co disposto no Decreto 16/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente (c.e. do 9 de xuño de 2004), a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental é o órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada (AAI) e para formular a declaración de efectos ambientais (DEA). Terceiro.- A instalación está afectada polo Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas. Cuarto.- De conformidade co disposto no capítulo II do antedito Decreto 2414/1961, correspóndelle ao concello conceder licenza para o exercicio da actividade polo que, conforme o establecido no artigo 29 da Lei 16/2002, recae neste a resolución definitiva para o desenvolvemento da actividade prevista. Á vista do exposto anteriormente, e unha vez completado o procedemento administrativo previsto, RESOLVO: Primeiro.- Formular a declaración de efectos ambientais para a instalación proxectada, considerando que esta é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que figuran nos anexos IV e V desta resolución, ademais das establecidas na documentación ambiental presentada (resumidas no anexo III) en todo aquilo que non contradiga as anteriores. Segundo.- Concederlle a Regadi, S.L. a autorización ambiental integrada co número de rexistro 2003/0276-AEA/IPPC-011, para a instalación de recuperación de disolventes usados proxectada no concello do Porriño, cos requirimentos que se fixan no anexo V desta resolución. Terceiro.- Inscribir a Regadi, S.L. no Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia co nº SC-RP-P-P-XV-09218 na actividade de valorización R2 Recuperación ou rexeneración de disolventes, e nº SC-RP-P-P000015 na actividade de produción. Esta inscrición farase efectiva no momento en que se acredite a constitución do seguro de responsabilidade civil requirido no anexo V e se aprobe a acta de recoñecemento final favorable das instalacións. Cuarto.- Establecer a obriga de que o titular lle comunique á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o fin das obras da instalación, achegando un certificado acreditativo visado polo colexio oficial competente, co fin de que se inspeccione o lugar e as instalacións e se verifique o cumprimento das condicións contidas nesta autorización. Quinto.- Establecer a obriga de que se lle notifiquen á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con carácter anual, nas datas que lle sexan definidas por este organismo, os datos sobre as emisións á atmosfera e á auga, para os efectos da elaboración e actualización do inventario de emisións e fontes contaminantes EPER, de acordo co establecido no artigo 8.3º da Lei 16/2002. Así mesmo, a empresa deberá adaptar o contido da información presentada ao inventario PRTR (European Pollutant Release and Transfer Register) que substituirá o actual inventario EPER. Os valores deberán ser xustificados na declaración segundo os termos que sexan definidos por esta dirección xeral, tanto se esta se realiza mediante datos de medición, cálculo ou estimación. Sexto.- Establecer un prazo de vixencia desta AAI de cinco (5) anos contados a partir do día seguinte ao da súa publicación. Transcorrido o dito prazo, observarase o disposto no artigo 25 da Lei 16/2002. Sétimo.- Establecer a obriga de que o titular lle comunique á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental calquera modificación que se pretenda levar a cabo na instalación, indicando razoadamente en atención aos criterios sinalados no artigo 10.2º da Lei 16/2002, se considera que se trata dunha modificación substancial ou non substancial, xuntando os documentos xustificativos oportunos. Para estas modificacións aplicarase o sinalado nos artigos 10.4º e 10.5º da citada lei. Oitavo.- Establecer a obriga de que o cambio de titularidade lle sexa comunicado á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, presentándose documentación que o acredite. Noveno.- Determinar a posibilidade de modificación desta resolución tanto de oficio, conforme os supostos establecidos no artigo 26 da Lei 16/2002, como por solicitude motivada do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Décimo.- Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia. Décimo primeiro.- Notificarlles esta resolución, para os efectos oportunos, a Regadi, S.L., ao Concello do Porriño e á Confederación Hidrográfica do Norte. Fronte a esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada de conformidade co establecido nos artigos 107.1º, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, na súa redacción dada pola Lei 16/2002, ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución. Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2005. Joaquín Lucas Buergo del Río Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ANEXO I - Datos do expediente Datos da empresa/instalación: Nome: Recuperadora Gallega de Disolventes, S.L. CIF: B-36354462. Domicilio fiscal: estrada de Salceda de Caselas, km 0,7. Poboación: O Porriño. Código postal: 36418. Provincia: Pontevedra. Representante legal: Enrique Casal García. DNI: 35811178-V. Datos do expediente: Clave do expediente: 2003/0276-AEA-IPPC. Tipo de solicitude: nova instalación. Categoría IPPC: epígrafe 5.1) instalacións para a valorización de residuos perigosos cunha capacidade superior a 10 t/día. Categoría AEA: Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia. Descrición da actividade: recuperación de disolventes orgánicos non clorados de orixe diversa. CNAE-93-Rev.1: 24.14. Código NOSE-P: 105.14 (rexeneración/recuperación de residuos (industria de reciclaxe). Seguros e fianzas: - Establécese unha fianza en contía de 25.652 A na forma establecida no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, para responder dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do seu custo de restauración. - Establécese un seguro de responsabilidade civil ambiental por unha contía de 292.107 A, que deberá incluír explicitamente: * As indemnizacións causadas por morte, lesións ou enfermidades das persoas. * As indemnizacións causada por danos ás cousas. * Os custos de reparación e recuperación do ambiente alterado. ANEXO II - Resumo do proxecto Descrición da actividade. A actividade principal de Regadi é a recuperación e reformulación de disolventes a partir de residuos de pintura con disolventes orgánicos non clorados. A instalación está deseñada para procesar en continuo 700 kg/h de residuos. A xestión da produción planifícase en circuíto pechado, de modo que os postos de traballo e máquinas están dispostas na mesma orde que as operacións que se van realizar, co fin de que os ciclos de produción sexan curtos e os stocks en curso moi baixos, ao preparar as liñas referencias completas. Descrición das instalacións. A planta localízase na estrada do Porriño a Salceda de Caselas, no p.q. 0,700, na parroquia de Atios (concello do Porriño, provincia de Pontevedra). A parcela posúe unha superficie de 4.916 m e preténdese ocupar o 37% dela. As coordenadas UTM do seu perímetro son (fuso=29): X Y 531.718 4.664.560 531.778 4.664.492 531.721 4.664.423 531.718 4.664.434 531.739 4.664.462 531.700 4.664.523 A instalación industrial componse principalmente de dous volumes; un destinado ao proceso produtivo -situado ao S da parcela- e outro a servizos -na zona norte-. O primeiro dos edificios é de planta baixa e dentro del estrutúranse tres sectores: almacén de materia prima, produción e almacén de produto terminado; o segundo consta de dúas plantas, nas que se distribúen as diferentes dependencias para as instalacións e demais elementos secundarios de apoio á actividade. Os servizos auxiliares previstos son: sala caldeira, equipamentos de emerxencia, sala compresores, sala mantemento, aseos e vestiarios, laboratorio, torre refrixeración e arrefriadora, instalación tratamento de augas, zonas de carga e descarga, transformador e cadro xeral de baixa tensión. Descrición do proceso. O proceso consiste basicamente na recuperación dos disolventes contidos nos residuos mediante procesos de evaporación, condensación e destilación. Recepción e almacenamento. Os residuos recíbense en camións cisterna e/ou en contedores e son bombeados a tanques de almacenamento. O almacenamento, tanto dos residuos que se van tratar como dos produtos finais, efectúase no interior dunha nave, en tanques aéreos atmosféricos de aceiro inoxidable confinados no interior de cubetos de retención. Evaporación e condensación. Os residuos que se van tratar son bombeados desde os tanques de almacenamento cara a un evaporador no que, coa axuda do efecto baleiro, se evapora o 80% da alimentación, mentres que o 20% restante queda como residuo. Os volátiles son posteriormente condensados en dous condensadores e bombeados a un tanque de almacenamento intermedio. Nesta fase prodúcense residuos sólidos (no fondo do evaporador), que son conducidos a un tanque para a súa entrega ao xestor, e incondensables (no segundo condensador), que son absorbidos por unha bomba de baleiro e enviados a venteo. O balance estimado para este proceso é: Composición (%) Alimentación // Residuo // Condensado Caudal (kg/h) // 700 // 140 // 560 Acetona // 2 // 0 // 2,5 Butanois // 2 // 0 // 2,5 Acetato de butilo // 19 // 0 // 24 Xilenos // 51 // 4 // 63 Naftas // 10 // 16 // 8 Sólidos // 16 // 80 // 0 Destilación. Os condensados son bombeados desde o tanque de almacenamento intermedio a unha torre de destilación, onde a presión atmosférica se destila de forma que polos fondos se obteñen os produtos máis pesados (naftas e xilenos principalmente) e pola cabeza os máis lixeiros. Os disolventes obtidos son bombeados ata os seus correspondentes tanques de almacenamento. O balance estimado para a primeira destilación é: Composición % Alimentación // Residuo // Condensado Caudal (kg/h) 560 145 415 Acetona // 2.5 // 0 // 3,4 Butanois // 2.5 // 0 // 3,4 Acetato de butilo // 24 // 2 // 31,8 Xilenos // 63 // 70 // 60,6 Naftas // 8 // 28 // 0,8 Descrición de recursos e consumos. - Materia prima: principalmente residuos de pintura con disolventes orgánicos non clorados de orixe diversa. Estímanse nuns 15.000 kg/día. - Auga: para a reposición das perdas das instalacións de calefacción e refrixeración (circuíto pechado) e para uso sanitario. Procede da rede comunal de abastecemento, estimándose un consumo de 2.100 l/día. - Enerxía: * Eléctrica: para alimentación da maquinaria da instalación (motores do rotor do evaporador (350 V/50 Hz, 11 kW), bombas de alimentación e descarga (350 V/50 Hz, 5.2 kW), bomba de baleiro (400 V/50 Hz 5.5 kW), panel de control, etcétera). * Gas natural: para a caldeira de vapor. Descrición do contorno. De acordo coa documentación achegada, a zona de implantación ten carácter industrial, marcado pola presenza de canteiras de granito e as súas industrias auxiliares, que teñen modificado substancialmente a súa vexetación e orografía. En concreto, a parcela de implantación estrema por tres laterais coas instalacións de Drogas Vigo, S.L. e polo cuarto cun regato afluente do río Louro (regato Casillas) e con empresas relacionadas coa actividade extractiva. ANEXO III - Resumo das medidas propostas para a protección ambiental Na documentación presentada propóñense, entre outras, as medidas que se indican a seguir: - Medidas fronte ás verteduras: * Canalización cara a unha balsa de decantación das augas de escorrega durante a fase de obras. * Impermeabilización dos sectores de almacenamento e produción, así como das distintas balsas de tratamento e recollida de verteduras. Instalación de cubetos de retención na recepción, produción e expedición. * Instalación de drenaxes para a recolla de verteduras nas zonas de carga e descarga. * Instalación de fosa séptica para as augas fecais e dun sistema de tratamento mediante filtración con carbono activo para as augas procedentes dos patios exteriores. - Medidas fronte ás emisións: * Emprego de maquinaria coa ITV vixente. * Instalación dun lavado húmido de gases para a captación de compostos orgánicos volátiles. * Instalación dunha cheminea para as emisións da caldeira. - Medidas fronte á contaminación acústica: * Control do estado da maquinaria. * Illamento acústico. - Medidas fronte aos residuos: * Acoutamento durante a fase de obras dunha zona no extremo N da parcela, o máis afastada posible do regato, na que se realizará un amoreamento correcto e ordenado, clasificando os entullos e desperdicios en diferentes contedores para a súa posterior retirada por empresas homologadas. * Entrega dos residuos a xestores autorizados. - Outras: * Mantemento axeitado das instalacións de obra. * Retirada de elementos de obra ao finalizar esta. * Protección da zona de almacenamento fronte a focos quentes. * Instalación de condutos de proceso aéreos. * Instalación de placas de identificación nos tanques coa clave e natureza do produto, así como no conduto de aspiración e nas súas válvulas de apertura e peche. * Implantación dun sistema de xestión ambiental. * Realización, durante a fase de abandono, de inspeccións periódicas das instalacións co obxecto de verificar o bo estado e evitar a deterioración. ANEXO IV - Condición da declaración de efectos ambientais Como complemento das medidas sinaladas nos anexos III e V, expóñense a seguir as condicións que deben ser adoptadas para determinar a viabilidade ambiental da instalación. 1.1. Fase de redacción de proxecto construtivo. - Designarase un responsable do control do cumprimento desta resolución, para todas as súas fases, notificándolles o seu nomeamento á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e ao Concello do Porriño. 1.2. Fase de construción. - Previamente ao inicio das obras, a empresa deberá constituír e acreditar a fianza indicada no punto 3 do anexo I desta resolución na forma establecida no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, para responder dos posibles danos que se poidan causar ao ambiente e do seu custo de restauración. A fianza deberá depositarse na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, enviando o xustificante do dito depósito definitivo a esta dirección xeral. Así mesmo, e tamén previamente ao inicio das obras, a empresa deberá contar coa autorización da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra como produtora de residuos de construción e demolición, conforme o disposto no Decreto 174/2005, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia. - Procederase á retirada da terra vexetal para o seu posterior emprego na revexetación das zonas verdes. Esta terra será amoreada, sen mesturar con entullos, e conservada nunha zona previamente seleccionada da parcela. - De coincidir os movementos de terras con períodos de seca, procederase á humectación previa do solo co obxecto de minimizar o levantamento de po. - Previamente á súa incorporación á vía, procederase á limpeza das rodas dos camións de obra, así como á súa cubrición no caso de transporte de materiais poeirentos. - Non se afectará o regato Casillas. Neste senso, prohíbese o lavado de materiais e as verteduras a este agás que se dispoña de autorización previa para isto. - De producirse terras sobrantes de escavación, estas serán depositadas en lugares previamente autorizados para o efecto. 1.3. Fases de explotación e abandono. - Estableceranse e documentaranse protocolos para o correcto manexo, almacenamento e transporte dos disolventes. Estes protocolos serán difundidos entre o persoal que interveña na planta, sendo de obrigado cumprimento. - A instalación contará cun plan de mantemento no que, ademais das medidas recollidas no anexo V desta resolución, se inclúa o mantemento e a limpeza do exterior das instalacións. - Con carácter semestral os dous primeiros anos e anual os seguintes, remitirase ao concello un informe -asinado polo/s técnico/s responsable/s- que, como mínimo, conteña a seguinte documentación: a) Resultados e conclusións relativas aos controis efectuados en cumprimento dos requirimentos efectuados no anexo V desta resolución, especificándose o procedemento empregado para realizar as determinacións. b) Informe sobre as incidencias con repercusións ambientais, indicando expresamente as medidas adoptadas para a súa corrección e a efectividade destas. - Como mínimo seis meses antes do peche da actividade, redactarase un proxecto de abandono en función do uso futuro que se pretenda para a parcela, que será remitido ao órgano ambiental. Este proxecto comprenderá, polo menos, o desmantelamento da maquinaria e a recollida e entrega a xestor autorizado de todos os residuos. - Ao final das accións previstas para o abandono, e dentro dos dous meses seguintes a estas, remitiráselle ao órgano ambiental informe coa descrición detallada das accións con incidencia ambiental e medidas adoptadas. ANEXO V - Requirimentos da autorización ambiental integrada 1. Sobre a atmosfera. 1.1. Valores límite de emisión. - Tendo en conta os niveis de emisión de compostos orgánicos volátiles (COV) acadables neste tipo de instalacións coa adopción de mellores técnicas dispoñibles, pénsase establecer o valor límite recollido na táboa a seguir: Contaminante VLE Compostos orgánicos volátiles (COV)50 mg/Nm - En todo caso, o valor límite de emisión queda supeditado ao mantemento dos niveis de calidade do aire ambiente establecidos regulamentariamente. 1.2. Sistemas e procedementos para o tratamento e/ou minimización das emisións. - Co fin de minimizar as emisións de compostos orgánicos volátiles, adoptaranse as seguintes medidas: * Recollida e depuración en lavador de gases de todas as emisións de COV da instalación. * Ecualización dos camións cisterna cos depósitos de almacenamento durante as operacións de carga/descarga. * Almacenamento dos residuos de proceso en envases impermeables. * Control do proceso de destilación co obxecto de maximizar o seu rendemento. * Captación e condensación dos residuos procedentes da columna de destilación. 1.3. Vixilancia e control ambiental. - O conduto de saída do lavador de gases deberá estar acondicionado para a medición dos contaminantes emitidos, cumprindo co indicado na Orde ministerial do 18 de outubro de 1976, sobre prevención e control da contaminación atmosférica, así como coas características técnicas determinadas polo Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia. - Comprobarase diariamente o estado da totalidade dos puntos críticos de emisión que se identifiquen na instalación. - Controlarase a emisión de COV (expresados como carbono orgánico total) á saída do lavador de gases, coa seguinte periodicidade: * En continuo, se no punto final de descarga se emiten máis de 10 kg/h de carbono orgánico total. * Periodicamente nos demais casos, realizándose como mínimo tres medicións con tres lecturas en cada exercicio de medición. Para determinar este aspecto, presentaranse perante esta dirección xeral, dentro do primeiro mes de funcionamento da instalación, os resultados de tres medicións (con tres lecturas en cada exercicio de medición), especificando a porcentaxe da capacidade da instalación coa que se está traballando no momento das mostraxes. Á vista dos resultados, determinarase a necesidade de empregar sistemas de medición en automático ou manuais, así como da realización dun estudo da inmisión máxima. - A instalación contará co libro de rexistro de emisións correspondente, conforme o estipulado no artigo 33 da Orde do 18 de outubro de 1976. 2. Sobre o nivel de presión sonora e vibracións. 2.1. Valores límite. - Tendo en conta o establecido na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como as características da localización prevista para a instalación, a actividade industrial non poderá emitir nin transmitir niveis de ruído tal que produzan valores de recepción no perímetro da parcela superiores aos que se recollen na táboa a seguir: Horario Valor límite (LpAeq) 8.00-22.00 horas 75 dB(A) 22.00-8.00 horas 65 dB(A) En todo caso, a actividade respectará os niveis de presión sonora legalmente establecidos en función da sensibilidade acústica das zonas afectadas. - Ningún aparello mecánico transmitirá aos elementos sólidos que compoñen a compartimentación do recinto receptor niveis de vibración superiores aos sinalados no anexo da norma ISO-2631-2. 2.2. Sistemas e procedementos para minimizar a contaminación acústica. - A instalación contará co illamento acústico que garanta o cumprimento dos niveis de presión sonora sinalados no punto anterior, observando o disposto no capítulo III da Lei 1/1997. - Realizarase o mantemento preventivo da maquinaria e vehículos da instalación. - Planificaranse as actividades de transporte de forma que se efectúen preferentemente en horario diúrno. 2.3. Vixilancia e control ambiental. - Realizarase o seguimento anual do nivel de presión sonora emitido pola instalación no seu perímetro, en horario diúrno e nocturno, coincidindo con períodos de máxima actividade. Este control deberá ser realizado por unha entidade homologada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, seguindo para iso os procedementos establecidos no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. En relación co anterior, e co obxecto de determinar o nivel de fondo existente, efectuarase unha medición previamente ao inicio da actividade. 3. Sobre as verteduras líquidas. Conforme a declaración efectuada e supeditados ao cumprimento das condicións económico-administrativas impostas pola Confederación Hidrográfica do Norte, autorízanse as verteduras que se indican a seguir: Aseos Vertedura 1 NO3600536 // Escorrega patio Vertedura 2 NO3600537 // Escorrega cuberta Vertedura 3 NO3600538 Tipo // Aseos de industria non asimilable a urbana Escorrega interior á implantación industrial Escorrega interior á implantación industrial Aseos // Vertedura 1 // NO3600536 // Escorrega patio // Vertedura 2 // NO3600537 // Escorrega cuberta Vertedura 3 NO3600538 Nº de habitantes equivalentes // 10 // - // - Forma de evacuación // Directo a curso Medio receptor // Rego Casillas P.q. da vertedura // 10,35 // 10,36 // 10,37 Código de curso // 4400/220 Bacía // Louro P.q. curso codificado // 10,65 Folla 1/50.000 // 04-12 Coordenadas // UTM X=531.734; Y=4.664.511; Fuso=29 3.1. Caudais, volumes e concentracións máximas de vertedura. Vertedura 1 // Vertedura 2 // Vertedura 3 Caudal punta horario // 0,300 m/h (0,083 l/s) Volume máximo diario // 0,900 m Volume máximo anual // 250 m pH comprendido // 6 e 9 // 6 e 9 // 6 e 9 Materias en suspensión (mg/l) // <80 // <25 // <15 DBO (mg/l O) // <40 DQO ao dicromato (mg/l O) // <160 Amonio total (mg/l NH) // <15 Aceites e graxas (mg/l) <20 // <10 Deterxente (mg/l laurilsulfato) // <2 Ao anterior sumarase: - Para a vertedura 2: non se autoriza a presenza de ningunha substancia perigosa en concentracións superiores ao límite de cuantificación analítica. En particular, para os seguintes compostos orgánicos volátiles o límite será: Benceno: < 0,001 mg/l. Etilbenceno: < 0,001 mg/l. Tolueno: < 0,001 mg/l. Xileno: < 0,001 mg/l. Naftaleno: < 0,001 mg/l. - Para todas as verteduras: os límites anteriores estarán supeditados ao cumprimento das normas de calidade do medio receptor, debendo, de ser o caso, instalarse o medio de tratamento axeitado para que a vertedura non sexa causa do seu incumprimento. 3.2. Descrición dos sistemas e procedementos para o tratamento e a minimización de verteduras. As instalacións de depuración ou medidas correctoras das augas residuais axustaranse ao proxecto presentado en novembro de 2004 e en maio de 2005, e constarán basicamente dos seguintes elementos: Vertedura 1: NO3600536 Aseos. - Desbaste. - Separador de graxas. - Fosa séptica. - Leito bacteriano. - Arqueta de control da vertedura. Vertedura 2: NO3600537 Escorrega patio. - Desbaste. - Depósito de homoxeneización e decantación. - Filtración por absorción en carbón activo. - Arqueta de control da vertedura. Vertedura 3: NO3600538 Escorrega cuberta. - Segregación das augas pluviais de cubertas das instalacións do resto das augas residuais de diferente natureza e vertedura independente delas. - Arqueta de control da vertedura. 3.3. Vixilancia e control ambiental. - Disporase dunha arqueta de control para cada tipo de auga residual autorizada, que deberá reunir as características necesarias para poder obter mostras representativas das verteduras. As arquetas estarán situadas en lugar de acceso directo para a súa inspección. - Para a vertedura 2 (NO3600537 Escorrega patio) disporase dos seguintes elementos para o control do efluente, todos eles con rexistro en continuo: caudalímetro, pH-metro e condutivímetro. - Acreditaranse as condicións nas que se verte ao medio receptor mediante a realización dos seguintes controis: Vertedura 1: NO3600536 Aseos: * Para todos os parámetros: dous controis ao ano. Vertedura 2: 3600537 Escorrega patio: * Para os parámetros benceno, etilbenceno, tolueno, xileno e naftaleno: doce controis ao ano. Estes poderán reducirse a un control trimestral, logo de petición, cando se cumpra o establecido no anexo 3 do Real decreto 995/2000. Cada control analítico realizarase sobre unha mostra representativa da vertedura, aplicando neste último caso os métodos de referencia establecidos no anexo 2 do Real decreto 995/2000. * Para o resto dos parámetros: catro controis ao ano. - Os controis serán repartidos a intervalos regulares cada ano e cada un deles realizarase sobre unha mostra composta recollida durante un período de 24 horas proporcionalmente ao caudal vertido. - Cada control -que será realizado e certificado por unha entidade colaboradora (artigo 255 do Real decreto 606/2003)- levarase a cabo sobre cada un dos parámetros autorizados, considerándose que cumpre os requisitos da autorización cando todos os parámetros verifican os respectivos límites impostos. - Os resultados dos controis remitiránselle á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no prazo de dous meses desde a toma de mostras. - Os residuos sólidos e lamas en exceso orixinados nos procesos de depuración deberán extraerse coa periodicidade necesaria para garantir o correcto funcionamento da instalación. 4. Sobre a protección do solo e das augas subterráneas. 4.1. Sistemas e procedementos para evitar a contaminación. - Impermeabilizarase a totalidade das superficies nas que se produza manipulación e/ou almacenamento das materias primas, produtos e residuos da instalación, canalizando as posibles derramas ata os sistemas de tratamento e/ou recollida, conforme o proxectado. - Os condutos do proceso serán facilmente inspeccionables e identificables, non permitíndose condutos soterrados que canalicen residuos ou substancias perigosas. - As conexións das mangas de carga e descarga serán herméticas e estancas. - No caso de aplicarse varias capas de formigón, estas pintaranse de distinta cor co obxecto de indicar visualmente o desgaste. - Disporanse os medios necesarios para explotar correctamente as instalacións de depuración e manter operativas as medidas de seguridade que se van adoptar en prevención de verteduras accidentais, como: * Depósito de almacenamento e homoxeneización de augas residuais pluviais procedentes de patios e explanadas, para o seu posterior envío a tratamento ou -en caso de derramas accidentais- retirada por xestor de residuos autorizado. * Depósito de almacenamento de augas e produtos residuais xerados no laboratorio. * Cubetos de seguridade para derramas accidentais dos depósitos de almacenamento de produtos químicos. * Cubeto de seguridade impermeabilizado mediante zócolo perimetral a toda a nave industrial para almacenamento de augas contaminadas procedentes da extinción de incendios. * Grupo electróxeno de emerxencia. - Non se autoriza a existencia de sistemas by pass nin de desaugamento de fondo nas instalacións de depuración. 4.2. Vixilancia e control ambiental. - Dentro do plan de mantemento da planta incluirase o control do estado do pavimento da planta, co obxecto de detectar fendas ou irregularidades, así como probas periódicas de estanquidade dos condutos e dos tanques, segundo se especifica na regulamentación de seguridade industrial ao respecto. - Realizarase un informe preliminar de situación do solo no que se localiza a instalación, cuxo alcance e contido mínimo será o estipulado no anexo II do Real decreto 9/2005, do 14 de xaneiro, polo que se establece a relación de actividades potencialmente contaminantes do solo e os criterios e estándares para a declaración de solos contaminados. Co obxecto de dispor de datos de referencia, este informe conterá a determinación analítica previa ao inicio da actividade dos seguintes parámetros: Solos // Augas subterráneas Granulometría, pH, materia orgánica, humidade, carbonatos* // pH, condutividade eléctrica* Metais pesados (cinc, chumbo, níquel, mercurio, cobre, cromo, cadmio e arsénico) // Metais pesados (cinc, chumbo, níquel, mercurio, cobre, cromo, cadmio e arsénico) Hidrocarburos aromáticos volátiles (benceno, tolueno, xileno, etilbenceno, naftaleno) // Hidrocarburos aromáticos volátiles (benceno, tolueno, xileno, etilbenceno, naftaleno) Aceite mineral * Parámetros xerais Co obxecto de efectuar estes controis: * Instalaranse dous piezómetros de control para as augas subterráneas, localizados augas arriba e augas abaixo das zonas de proceso e almacenamento. * Efectuarase un número mínimo de catro catas, dúas augas arriba e dúas augas abaixo das zonas de proceso e almacenamento. - Semestralmente repetiranse as determinacións anteriores e, no caso de detectar variacións significativas, estudarase a situación buscando as razóns do cambio, adoptando se fose preciso medidas correctoras e/ou protectoras. 5. Sobre a xestión de residuos. 5.1. Procedementos de xestión. - Estableceranse probas de admisión e caracterización dos residuos que se van xestionar, tendo en conta que: * No caso de residuos xerados de forma regular nun mesmo proceso cunha caracterización coñecida: elaboraranse fichas que inclúan a gama e variabilidade dos parámetros críticos e das propiedades características para que o residuo sexa aceptable no proceso. Na admisión bastará con efectuar probas de conformidade respecto dos ditos parámetros críticos. * No caso de residuos non xerados de forma regular e/ou non xestionados pola empresa con frecuencia: realizaranse probas de admisión para cada lote cos seguintes parámetros: apariencia física, acidez ou alcalinidade, presenza de oxidantes, COT, amoníaco, olor, COV, sulfuros, xofre, metais pesados, PCB, propiedades de combustión. - Adoptaranse as medidas técnicas e economicamente viables para reducir a cantidade de residuos xerados no proceso, así como as medidas correctoras oportunas, co obxecto de que os residuos se almacenen en condicións axeitadas de hixiene, seguridade e segregación, garantindo en todo caso que se impida calquera afección ao ambiente. En relación con estes aspectos, terase en conta: * Que os recipientes de disolventes baleiros se almacenarán sempre pechados. * Que se fomentará a reutilización dos anteditos recipientes para a recollida do disolvente empregado. * No caso de que os residuos sólidos e lodos en exceso orixinados nos procesos de depuración se almacenen, empregaranse depósitos impermeables que non poderán dispor de desaugadoiros de fondo. * No almacenamento dos residuos perigosos cumpriranse as normas técnicas vixentes relativas ao envasado, etiquetaxe e almacenamento, establecidas no Real decreto 833/1988 e no Real decreto 952/1997, do 20 de xuño. - Os residuos urbanos ou asimilables entregaranse ao concello ou empresa adxudicataria da xestión de residuos municipais nas condicións fixadas nas correspondentes ordenanzas. No momento en que esta instaure a recollida selectiva, a planta procederá a segregar, pola súa vez, os residuos producidos. Así mesmo, no caso de que a entidade local xustificadamente obrigue á xestión dalgún tipo de residuos desta natureza á empresa, esta xestionaraos a través de xestores de residuos sólidos urbanos. - Os residuos industriais deberán ser identificados e entregados a xestores autorizados e inscritos no Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia. No caso de existiren empresas xestoras mediante operacións de valorización destes residuos, entregaránselles a estas. O período de almacenamento destes residuos non superará un ano cando o seu destino final sexa a eliminación ou dous anos cando o dito tratamento sexa valorización. - De se produciren residuos perigosos distintos aos declarados (listaxes a continuación), caracterizaranse e notificaráselle inmediatamente a esta dirección xeral, achegando certificado de aceptación por xestor autorizado. 08 01 11* // Residuos de pintura e verniz que conteñen disolventes orgánicos ou outras substancias perigosas. 08 01 13* // Lodos de pintura e verniz que conteñen disolventes orgánicos ou outras substancias perigosas. 14 06 03* // Outros disolventes e mesturas de disolventes. 06 13 02* // Carbón activo usado (excepto o código 06 07 02) - Os traslados dos residuos perigosos realizaranse do xeito indicado no Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 20/1986, básica de residuos perigosos, e/ou no Decreto 221/2003, do 27 de marzo, polo que se establece un réxime simplificado no control dos traslados de residuos perigosos producidos por pequenos produtores de residuos. 5.2. Vixilancia e control ambiental. - Co obxecto de levar a cabo plans de minimización dos residuos industriais, perigosos e urbanos e asimilables, e poder avaliar e controlar as medidas adoptadas, realizarase un rexistro das cantidades e natureza dos residuos. O dito rexistro avaliarase en relación coas cantidades de materias primas consumidas e de parámetros de produción final en períodos anuais. Anualmente presentarase perante este órgano ambiental un balance de xestión de residuos que considere os ditos parámetros e propoña medidas de redución. - O plan de mantemento da planta incluirá revisións periódicas para confirmar que o almacenamento e xestión dos residuos se realiza conforme o estipulado. 6. Seguridade industrial. - Cumprirase coas medidas de seguridade industrial exixidas pola Consellería de Innovación e Industria. 7. Medidas que se deberán adoptar en situacións de funcionamento anormais. - De se detectaren anomalías no funcionamento da planta que deriven no incumprimento das condicións impostas nesta autorización, procederase á determinación inmediata da orixe do problema e, no caso de persistir, paralizarase a actividade causante da anomalía. - No caso concreto de verteduras de augas residuais, ademais do anterior, darase conta inmediatamente por escrito á Confederación Hidrográfica do Norte das verteduras realizadas, indicando as medidas adoptadas para solucionar o problema. - Se estas anomalías implican riscos para a saúde das persoas ou poden prexudicar gravemente o equilibrio dos sistemas naturais, suspenderase inmediatamente a actividade, quedando obrigado a comunicalo a Protección Civil da provincia. - As incidencias seranlle comunicadas inmediatamente a esta dirección xeral. 8. Condicións adicionais. - Previamente ao inicio da actividade constituirase o seguro de responsabilidade civil indicado no punto 3 do anexo I. - As comprobacións que se efectúen en cumprimento do plan de mantemento da instalación serán documentadas, comprendendo a data de realización, persoa responsable, resultados obtidos e medidas adoptadas no caso de que se detecten anomalías. Durante a implantación do Sistema de Xestión Ambiental proxectado teranse en conta estes aspectos. - Tanto a toma de mostras como as análises serán efectuadas por entidades e laboratorios acreditados, agás no que respecta aos controis previos á aceptación dos residuos, que poderán ser efectuados polo laboratorio da instalación. En todo caso, as medicións realizaranse con equipamentos homologados e de acordo con normas EN, UNE-EN, UNE ou outras normas internacionais ou nacionais que garantan a obtención de datos de calidade científica equivalentes. Proponse levar a cabo as boas prácticas recollidas no Manual de buenas prácticas ambientales en la familia profesional: industrias químicas, editado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais en colaboración coa Rede de Autoridades Ambientais. Este manual pode consultarse na páxina web do Ministerio de Medio Ambiente.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res30112006.pdf Galego
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles