Diario Oficial de Galicia, 27-06-2005, Núm. 122, Páx. 11325
Resolución do 17 de xuño de 2005 pola que se aproba o Programa de Xestión de Residuos de Construción e Demolición de Galicia 2005-2007.
Os residuos de construción e demolición (no sucesivo RCD) foron crecendo paulatinamente nos últimos anos, alcanzando en Galicia na actualidade taxas preto de 1 Kg/hab/día.
Se se analiza a xeración de residuos por tipo de obra obsérvase que as obras de construción xeran uns 80 kg/m, as de demolición 1.830 kg/m, movéndose as de rehabilitación nas mesmas cantidades, segundo sexan ampliacións, reformas ou demolicións.
É por iso que cada vez se fai máis necesario un programa específico que defina as actuacións precisas e adecuadas ás características deste tipo de residuos, que teña en conta os seus posibles usos unha vez reciclados e que marque as directrices que se deben seguir para conseguir unha xestión racional e sustentable destes.
As primeiras liñas de actuación para os RCD fixáronse no Plan de Xestión de Residuos Industriais e Solos Contaminados de Galicia 2000-2006 (DOG nº 243, do 18 de decembro de 2001).
As ditas liñas baseáronse fundamentalmente no Programa de construción de vertedoiros comarcais para RCD, o que permitiu limitar notablemente a vertedura incontrolada deste tipo de residuos así como crear unha incipiente cultura social e empresarial ligada aos RCD.
Partindo da base de que é viable, técnica e economicamente, recuperar e reciclar grande parte dos materiais contidos nos RCD, viuse necesario un avance na política ata o momento desenvolvida, o que motivou a elaboración dun novo programa baseado na prevención e o fomento da reutilización e a reciclaxe, ao considerar os RCD non só un residuo senón tamén un recurso.
Así, o obxectivo principal deste novo programa é obter unha xestión racional e sustentable dos RCD, cun modelo de xestión adaptado ao noso ámbito xeográfico, que partindo dunha maior separación en orixe dos residuos, permita inicialmente a recuperación de fraccións tales como a madeira ou os metais e teña como obxectivo final conseguir granulados reciclados de calidade, estimulando a súa oferta e demanda, orientando tanto os xestores das plantas como os usuarios potenciais dos posibles usos dos RCD, nos distintos campos de aplicación en función da natureza e calidade dos residuos.
Así mesmo, nesta liña valorarase positivamente nos concursos de obras públicas a utilización de materiais recuperados ou reciclados, sempre no marco da lexislación vixente.
Igualmente potenciarase o establecemento dunha rede racional de plantas de xestión que dean servizo a toda Galicia, tanto de iniciativa privada como pública, situándose estas últimas naquelas zonas estratéxicas da nosa xeografía onde resulta insuficiente a iniciativa privada.
En canto que a instalación destas plantas estará condicionada á existencia de solo adecuado para a súa implantación, prevese neste programa a tramitación, se é o caso, dos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal que fosen necesarios, tendo en conta o interese xeral destas instalacións e o seu carácter supramunicipal, pola súa contribución ao desenvolvemento sustentable de Galicia.
Por todo o anterior e en desenvolvemento do Plan de Xestión de Residuos Industriais e Solos Contaminados de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia aprobou con data do 9 de xuño de 2005, o Programa de Xestión de Residuos de Construción e Demolición de Galicia 2005-2007.
En consecuencia, en exercicio das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente e o Decreto 106/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente,
RESOLVO
Facer público o Programa de Xestión de Residuos de Construción e Demolición de Galicia co fin de garantir o seu coñecemento aos cidadáns e ás administracións implicadas.
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2005.
José Manuel Barreiro Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente
Programa de Xestión de Residuos de Construción e Demolición de Galicia 2005-2007
1. Introdución.
Neste documento de Programa de Xestión de Residuos de Construción e Demolición de Galicia expóñense os principios e as opcións estratéxicas avanzadas para a xestión deste tipo de residuos así como as condicións do seu desenvolvemento no futuro.
Deste xeito trátase de maneira integrada tanto a problemática que xeran os RCD como a resposta que nesta materia debe darse ás necesidades presentes e futuras de Galicia.
O programa xorde da necesidade de establecer unha ferramenta eficaz para a xestión adecuada dos RCD que garanta a protección da saúde e a conservación do ambiente no seu ámbito de aplicación.
Galicia así segue a apostar polo desenvolvemento susstentable definindo as prioridades e criterios de actuación que permitan orientar o desenvolvemento rexional cara ás pautas do máximo respecto ao medio e da mellora da calidade de vida dos galegos.
2. Ámbito de aplicación.
O ámbito de aplicación deste programa son os residuos incluídos baixo o código 17 da lista europea de residuos, quedando excluídos do seu ámbito de aplicación as terras de escavación limpas.
3. Marco normativo.
3.1. Ámbito europeo.
- Decisión do Consello do 23 de xullo de 2001 pola que se modifica a Decisión 2000/532/CE da comisión no relativo á lista de residuos.
3.2. Ámbito nacional.
- Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.
- Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.
- Real decreto 1481/2001, do 27 de decembro, polo que se regula a eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiro.
- Plan Nacional de Residuos de Construción e Demolición (2001-2007).
- Orde MAM/304/2002, do 8 de febreiro, pola que se publican as operacións de valorización e eliminación de residuos e a lista europea de residuos
3.3. Ámbito autonómico.
- Estratexia galega de xestión de residuos (DOG nº 236 5/12/2000).
- Decreto 298/2000 polo que se regula a autorización e notificación de produtor de residuos de Galicia e se crea o rexistro xeral de produtores e xestores de residuos de Galicia.
- Decreto 352/2002 polo que se regula a produción dos residuos de construción e demolición.
- Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro.
- Programa de Construción de Vertedoiros Comarcais para RCD (ano 2000), desenvolvido pola Consellería de Medio Ambiente.
4. Antecedentes: Xestión de RCD en Galicia no período 2000-03.
Ao abeiro da Estratexia de Residuos de Galicia e do Plan de Residuos Industriais procedeuse á construción dun conxunto de vertedoiros situados ao longo de toda la xeografía de Galicia, que tiña como obxectivo inicial limitar as verteduras incontroladas que se efectuaban deste tipo de residuos. A esta actuación sumóuselle a posta en marcha do Decreto 352/2002, que definiu de forma ordenada os produtores destes residuos.
A partir da aplicación do Decreto 298/2000, atópanse dados de alta un número importante de xestores de RCD, tanto no ámbito do transporte como no da vertedura e/ou tratamento dos residuos.
Deste período debe destacarse:
- Limitouse de forma notable a vertedura incontrolada de RCD ante a necesidade, por un lado, de tramitar administrativamente a produción e xestión dos residuos e, por outro, de existir a posibilidade, aínda que limitada a algunhas zonas, de transportar os residuos a vertedoiros ou xestores autorizados.
- Creouse unha incipiente cultura social e empresarial ligada aos RCD. Tradicionalmente asociados a un problema menor, os RCD pasaron a ser considerados pola sociedade como un problema, na liña das formulacións da Estratexia Galega de Residuos e do Plan de Residuos Industriais.
- Nesta primeira etapa, non obstante, foron poucas as experiencias que promoveron a reciclaxe dos RCD. A creación dunha rede de vertedoiros non foi suficiente para impulsar a necesidade dunha xestión integral inspirada nas directrices internacionais, aínda que as plantas privadas comezaron a promover a saída dos seus residuos cara a aplicacións nas que estes se revelaban útiles e competitivos (fundamentalmente recheos, terraplenados, etc.).
5. Principios inspiradores do Programa de Xestión de Residuos de Construción e Demolición de Galicia
O Programa de Xestión de RCD de Galicia (2005-2007), de acordo co principio de multiplicidade de solucións, pretende actuar en todos os niveis da xerarquía de prioridades ambientais que determina o corpo da doutrina da Unión Europea.
Desde estas consideracións, o programa fixa unha serie de obxectivos de prevención na xeración de residuos, de reutilización, de reciclaxe e de revalorización dos produtos contidos nos residuos, se é o caso, de maneira que se poida diminuír de modo significativo a cantidade de residuos destinada á eliminación final en vertedoiro controlado, tal e como determina a xerarquía de prioridades de xestión dos residuos establecida pola Unión Europea, incorporada ao noso ordenamento xurídico na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos e asumido como tal na Estratexia Galega de Xestión de Residuos.
De acordo coa xerarquía de prioridades ambientais, en canto ás opcións de xestión dos residuos definidas pola Estratexia Comunitaria, así como pola Estratexia Galega de Xestión de Residuos, o programa articula o conxunto das súas actuacións de acordo coa seguinte orde de prelación:
- En primeiro lugar, aposta pola prevención (redución en orixe mediante prácticas construtivas axeitadas),
- En segundo lugar, e cando os residuos xa foron xerados, propón a reutilización levada a cabo polo propio produtor do residuo,
- En terceiro lugar, potencia a reciclaxe dos residuos a través de plantas de tratamento específico,
- En cuarto lugar, propón a revalorización enerxética de determinadas fraccións de residuo
- E, en último lugar, formula a eliminación (vertedura) para aquelas fraccións que non puidesen quedar incluídas nalgunhas das actuacións anteriores.
Así, o programa toma en consideración a necesidade de minimizar a xeración de residuos, invertendo a tendencia actual de xerar cada vez máis residuos, e trata de articular accións de prevención válidas no sector da construción. A aplicación do principio de minimización da vertedura propón, polo tanto, a maximización dos obxectivos de xestión nas escalas superiores da xerarquía de prioridade.
Pero os obxectivos e metas presentados no presente programa só poden alcanzarse mediante unha acción complementaria por parte de todos os axentes implicados que deberán cooperar entre si. O programa aplica este principio, co concepto máis amplo de responsabilidade compartida, baseado na participación, a cooperación e a axuda de todos e cada un dos axentes socioeconómicos implicados en alcanzar con éxito os obxectivos que postula o programa.
O termo de responsabilidade compartida implica non tanto a selección dun determinado axente en prexuízo doutro, senón máis ben unha intervención mixta de axentes e instrumentos sen poñer en cuestión a división de competencias entre a Comunidade Europea, os estados membros, as comunidades autónomas e os concellos.
Especificamente recóllese a suma de accións procedentes da iniciativa pública, desenvolvidas neste programa, e da privada, que este programa desexa potenciar no marco da liberdade económica e a competencia empresarial.
Finalmente o programa baséase na transparencia de prezos entendida como aquela política de prezos que reflicta a totalidade dos custos de xestión dos residuos. Esta é unha aspiración contida tanto nos obxectivos das Nacións Unidas, como nos da Comunidade Europea.
6. Cuestións fundamentais ligadas á reciclaxe e o uso dos RCD
Os RCD son os residuos que proceden da construción, rehabilitación e demolición dos edificios, das obras públicas e das obras de urbanización. Segundo a Lista Europea de Residuos, os RCD inclúen as terras de escavación limpas procedentes das actividades anteriores, aínda que neste programa estas terras non se inclúen, ao non considerarse residuos.
Polo tanto, os RCD pódense agrupar en dous grandes bloques:
- Residuos procedentes da construción, rehabilitación e demolición de obras de edificación (inclúese a reparación domiciliaria, exclúense as terras de escavación).
- Residuos procedentes da construción, rehabilitación e demolición das obras públicas (ferrocarrís, estradas, pontes, viadutos, obras hidráulicas, obras marítimas, obras portuarias, obras xeotécnicas,...) e das obras de urbanización (vías, abastecemento, saneamento, subministración eléctrica, subministración de gas, telecomunicacións e outros).
6.1. Xestión dos RCD.
Os RCD teñen unha composición heteroxénea, aínda que a súa distribución é relativamente uniforme. Os posibles destinos variarán para cada tipo de residuo, aínda que as opcións existentes son:
- Reutilización (sen ningún tipo de transformación): é o caso dos materiais cerámicos, a madeira de boa calidade e o aceiro estrutural.
- Reciclaxe obtendo un produto igual ou similar á materia prima: aquí englóbanse o vidro, o plástico, o papel e todos os metais.
- Reciclaxe obtendo un produto distinto á materia prima: neste grupo atópanse os materiais cerámicos, o formigón, os materiais pétreos e os materiais bituminosos.
- Revalorización: neste bloque están a madeira, os plásticos, o papel e o xeso.
6.1.1. Destinos posibles das fraccións dos RCD.
Tipo de residuo Posibles destinos
Material cerámico Reutilización
Reciclaxe distinto produto
Formigón Reciclaxe distinto produto
Materiais pétreos Reciclaxe distinto produto
Madeira Reutilización
Revalorización
Vidro Reciclaxe produto similar
Plástico Reciclaxe produto similar
Revalorización
Metais Reutilización
Reciclaxe produto similar
Papel e cartón Reciclaxe produto similar
Revalorización
Xeso Revalorización
Materiais bituminosos Reciclaxe distinto produto
6.2. Reciclaxe e uso dos materiais reciclados procedentes dos RCD.
As opcións xerárquicas de xestión pasan por tratar os RCD nunha planta de reciclaxe.
O vidro, o plástico, os metais e o papel recíclanse obténdose un produto de iguais ou similares características, polo que os seus usos son os mesmos que os do material sen reciclar.
Pola contra, os materiais cerámicos, o formigón e os materiais pétreos recíclanse dando lugar a outro material distinto, os granulados reciclados. As características destes granulados, como é lóxico, dependen do material de entrada e da tecnoloxía aplicada na demolición e na planta de reciclaxe.
Os posibles usos dos granulados reciclados son:
- Materiais de recheo.
- Recuperación de canteiras.
- Pistas forestais.
- Xardinaría.
- Vertedoiros.
- Terrapléns.
- Balastros para bases e subbases.
- Granulados para morteiros, formigóns non estruturais, formigóns estruturais, encachados e materiais ligados.
- Así como aqueles aprobados e publicados pola Xunta de Galicia.
7. Estimación da produción de RCD en Galicia.
7.1. Estimacións:
Preséntanse estimacións para a actualidade e para o ano 2007.
7.1.1. Actual.
7.1.1.1. Produción de RCD na actualidade. Resumo Galicia.
RCD no ano 2004
Provincia Kg Kg/hab/ano %
Constru. Rehabilitación Demol. Tot. Constr. Rehab. Demol.
A Coruña // 218.640.047 // 118.055.154 // 160.615.546 // 497.310.747 // 446 // 44,0% // 23,7% // 32,3%
Lugo // 65.042.574 // 39.969.883 // 44.206.252 // 149.218.710 // 417 // 43,6% // 26,8% // 29,6%
Ourense // 45.738.178 // 20.488.135 / 37.644.118 // 103.870.431 // 313 // 44,0% // 19,7% // 36,2%
Pontevedra // 141.565.035 // 84.584.462 // 59.523.196 // 285.672.693 // 310 // 49,6% // 29,6% // 20,8%
Galicia // 470.985.834 // 263.097.634 // 301.989.111 // 1.036.072.580 // 380 // 45,5% // 25,4% // 29,1%
7.1.2. Ano 2007
7.1.2.1. Produción de RCD en 2007. Resumo Galicia

A Coruña // 244.952.117 // 124.344.666 // 179.654.402 // 548.951.185 // 491 // 44,6% // 22,7% // 32,7%
Lugo // 72.920.795 // 41.887.396 // 48.498.612 // 163.306.803 // 464 // 44,7% // 25,6% // 29,7%
Ourense // 51.004.334 // 21.477.415 // 41.735.539 // 114.217.289 // 353 // 44,7% // 18,8% // 36,5%
Pontevedra // 158.430.877 // 89.380.130 // 67.037.470 // 314.848.477 // 340 // 50,3% // 28,4% // 21,3%
Galicia // 527.308.124 // 277.089.607 // 336.926.024 // 1.141.323.754 / 420 // 46,2% // 24,3% // 29,5%
7.2. Composición.
A composición porcentual actual dos RCD é a que a continuación se presenta.
Material Porcentaxe
Formigón 38%
Material cerámico 32%
Metais 9%
Madeira 5%
Plásticos 4%
Xeso 4%
Papel e cartón 4%
Material pétreo 2%
Outros 2%
Total inertes 73%
Total non inertes 27%
7.3. Cantidade de PACH.
A cantidade de residuos de material pétreo e granulados de formigón e de material cerámico (PACH) proporciona a cantidade de residuos que producirán granulados reciclados.
7.3.1. Produción de PACH. Resumo Galicia.
Provincia Toneladas de PACH
Actualidade 2006 2007
A Coruña 365.888 390.682 402.602
Lugo 109.807 116.539 119.534
Ourense 76.634 81.511 83.942
Pontevedra 202.473 216.345 222.291
Total Galicia 754.802 805.076 828.369
8. Programa de xestión de RCD (2005-2007).
Obxectivos do programa:
1. Fomentar a redución en orixe da xeración de RCD para o ano 2007 e promover a reutilización destes mesmos por parte do axente xerador.
Os axentes implicados na industria da construción galega deberán realizar esforzos para reducir a xeración de residuos, actuando nas diferentes fases do proceso produtivo tales como:
- Selección ou substitución de materias primas.
- Melloras nos proxectos construtivos.
- Melloras nos procesos de construción.
- Reutilización de residuos nas propias obras.
A Administración fomentará e promoverá as iniciativas privadas neste sentido sempre que respecten os principios marcados no presente programa, e colaborará na busca das solucións máis adecuadas nos casos en que o sector privado non sexa capaz de resolver os problemas que se presenten.
O programa formúlase como obxectivo reducir e reutilizar ata o 15 % do volume estimado de xeración de residuos no 2007.
2. Garantir unha adecuada xestión dos RCD xerados na Comunidade Autónoma de Galicia creando e impulsando as infraestruturas necesarias para esta xestión e mantendo o rexistro de produtores e xestores de residuos.
3. Impulso de estratexias que, no ámbito público e privado, permitan a reciclaxe destes residuos.
O programa recolle dous tipos de actuacións:
- Favorecer a instalación de plantas de reciclaxe de RCD de iniciativa privada.
- Establecer, a través de concursos públicos, concesións de uso de plantas de tratamento deseñadas desde a Administración de acordo cos principios e estudos deste programa. Estas plantas situaranse por toda a xeografía de Galicia, especialmente naquelas comarcas de menor densidade de poboación nas que sexa máis difícil a instalación de plantas de iniciativa privada. As plantas deseñadas neste programa serán capaces de realizar unha separación selectiva dos distintos tipos de compoñentes dos RCD e permitirán o uso dunha fracción importante de tales residuos.
4. Acondicionar os lugares actuais para garantir que, co estrito cumprimento da normativa vixente, se dispoña de instalacións de vertedura (públicas e privadas) capaces de absorber o 15% restante de RCD.
5. Adecuación e/ou clausura paulatina daqueles vertedoiros non adaptados ao R.D. 1481/2001.
6. Facer efectivo o principio de responsabilidade dos produtores de RCD na xeración dos seus residuos.
A Xunta promoverá a adopción de acordos coas confederacións empresariais provinciais, as cámaras de comercio e outros axentes sociais e económicos para o establecemento de convenios de colaboración para o desenvolvemento do programa.
Os produtores de RCD teñen a responsabilidade de internalizar os custos da xestión destes, así como a de levar a cabo as actuacións oportunas para fomentar a creación de infraestruturas de tratamento segundo o principio de quen contamina paga.
A Administración creará as condicións adecuadas para que os produtores cumpran os obxectivos nun marco técnico e economicamente adecuado que permita a horizontalidade destas medidas para non crear vantaxes competitivas entre os produtores que xestionan os seus residuos correctamente e os que non o fan.
Así, tamén é obxectivo deste programa asegurar que os residuos que se deban tratar nas infraestruturas desenvolvidas para tal efecto cheguen a esas plantas.
7. Desenvolvemento de subprogramas técnicos de reutilización de RCD.
Este obxectivo debe desenvolverse nos dous sentidos. Por unha parte, a Xunta elaborará unhas fichas que plasmen as posibilidades de reciclaxe dos RCD, de acordo coa normativa actual. Por outra, promoverase a implicación do conxunto das administracións públicas no proceso de reciclaxe a través dos pregos técnicos de contratación daquelas obras nas que así poida facerse.
8. Fomentar a investigación en materia de RCD.
A Xunta incluirá os programas de investigación sobre RCD dentro das liñas de interese para Galicia. Isto permitirá fomentar o traballo dos grupos de investigación neste ámbito. Así mesmo, a Xunta de Galicia contará coa asesoría de grupos de investigación no desenvolvemento deste programa e, especialmente, na elaboración dos subprogramas técnicos de reciclaxe.
9. Sensibilizar a opinión pública acerca do problema que supoñen os RCD.
A Xunta axudará ao fomento das actuacións propostas participando en etapas concretas coa posta en marcha dun subprograma que articule ferramentas para promover, divulgar, comunicar e educar estas actuacións.
8.1. Subprogramas de actuación:
8.1.1. Subprograma de redución e reutilización de RCD.
Un obxectivo de especial relevancia na actual política de xestión de residuos en Galicia é incorporar o factor ambiental na sociedade galega.
Isto require un cambio de formulamento nos procesos produtivos, xa que nun futuro próximo será necesario pensar en producir bens conservando os recursos ambientais e xerando a menor cantidade posible de residuos.
As actuacións concretas englobadas dentro do Subprograma de redución son as seguintes:
1. Fomentar a implantación de sistemas de xestión ambiental nas empresas facilitando así, en grande medida, o coñecemento sobre a xeración de residuos como consecuencia do control por parte destas dos seus impactos/aspectos ambientais. Deste modo, conseguirase transparencia na información sobre residuos e facilitará a ordenación do mercado destes.
2. Elaboración de plans de minimización de residuos e reutilización nos procesos construtivos. Para isto elaboraranse guías de boa práctica que os favorezan.
3. Elaboración de guías de demolición selectiva que xeren residuos con compoñentes fraccionados, de forma que se faciliten e abaraten os procesos posteriores de reciclaxe.
4. Cooperación con entidades formativas (universidades) e asociativas cara á consolidación dunha cultura da arquitectura e construción sustentables.
8.2. Subprograma de reciclaxe e revalorización de RCD. Liñas de actuación.
1. Plantas de iniciativa pública.
As plantas situaranse de acordo cos seguintes criterios xerais:
a) Proximidade ás zonas de xeración de RCD.
b) Previsión de non-construción de plantas de iniciativa privada nas ditas zonas.
c) Dispoñibilidade de rede de estradas adecuado para o transporte dos residuos.
As plantas de iniciativa pública inicialmente previstas pola Xunta están situadas nos municipios de Ortigueira, Santa Comba, Vilalba, Lourenzá, Sarria, Quiroga, Valga, Forcarei, Leiro e Sanxenxo.
2. Plantas de iniciativa privada.
A Xunta de Galicia potenciará a creación de plantas de iniciativa privada que se adapten aos obxectivos definidos neste programa. É evidente que a xeración de valor nos RCD non pode depender exclusivamente dun sistema subvencionado pola Administración. En efecto, as actuacións programadas para desincentivar a vertedura (sistema de taxas progresivamente crecente, de acordo coas posibilidades e coa realidade de cada comarca) e fomentar a reciclaxe, deben xerar o marco económico que, ao igual que noutras rexións europeas, faga estable o mercado da reciclaxe.
A instalación destas plantas estará condicionada á existencia de solo adecuado para a súa implantación. Para tal efecto, se é o caso, tramitaranse os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal que fosen necesarios tendo en conta o interese xeral destas instalacións e o seu carácter supramunicipal, pola súa contribución ao desenvolvemento sostible e económico de Galicia.
8.1.3. Subprograma de vertedoiros de RCD.
A actual rede de vertedoiros, con capacidade limitada, será analizada para garantirr o cumprimento da evolución da normativa actual autonómica, nacional e europea. Así só se autorizá a eliminación en vertedoiro daquelas fraccións que non poidesen reciclarse ou valorizarse. Así mesmo, as taxas de vertedura deberán recoller os custos reais de explotación e os derivados da súa ulterior clausura e restauración, previstas cando se alcance o volume previsto de residuo ou o incumprimento da normativa vixente.
As taxas de vertedura fixaranse en cada comarca de acordo a distintos parámetros, que deberán atender en calquera caso a tres cuestións fundamentais:
- Tipo de produtor de residuo (doméstico ou non).
- Número de plantas de reciclaxe no ámbito comarcal e, se é o caso, número e tipo de vertedoiros.
- Distancia das plantas ou vertedoiros ao lugar de produción do residuo.
8.4. Subprograma de información e control.
Estes labores lévanse a cabo mediante procedementos regulados e estandarizados, nos que destacará a posta en servizo dunha estrutura organizada e autorizada de xestores de RCD na comunidade autónoma, garantindo ao mesmo tempo a uniformidade da información recollida e a conseguinte facilidade para o contraste dos diferentes datos.
8.5. Subprograma de responsabilidade compartida.
Este subprograma recolle diversos instrumentos de xestión.
1. Internalización de custos.
As empresas deberán asumir os custos que xera a xestión ambiental dos RCD. Para isto a Xunta desenvolverá documentos e accións formativas nesta liña.
2. Colaboración cos concellos a través dos puntos limpos.
Esta colaboración será importante naquelas comarcas nas que non estea a disposición unha planta de reciclaxe ou un vertedoiro adecuado. Só se contempla esta colaboración no caso dos produtores de tipo doméstico, actuando o punto limpo como centro de transferencia.
3. Investigación de posibles aplicacións e mellora de procesos na reciclaxe dos RCD.
O fomento da reciclaxe dos RCD radica no desenvolvemento de técnicas de reciclaxe optimizadas e, necesariamente, no desenvolvemento de recomendacións e normas que avalen o seu uso. Para isto a Xunta potenciará a súa colaboración actual cos centros de investigación galegos, como base máis desenvolvida do sistema de I+D+I galego.
Para isto reafirmarase ante o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico a liña prioritaria mencionada, promovéndose deste modo o acceso a fondos de investigación galegos, nacionais e europeos por parte dos grupos investigadores.
4. Fomento do acceso dos RCD reciclados ao mercado mediante o desenvolvemento de fichas técnicas.
A Xunta debe liderar un labor exemplarizante na reciclaxe dos RCD. Nesta liña valorarase positivamente nos concursos de obras públicas a utilización de materiais recuperados ou reciclados, sempre no marco da lexislación vixente.
Este labor completarase mediante a creación dun catálogo de fichas técnicas que compendien os posibles usos dos RCD, especialmente dos PACH, orientando, por unha parte, os xestores das plantas e os usuarios potenciais nos distintos campos de aplicación en función da natureza e calidade do residuo e, por outra, reflectindo a normativa que se debe cumprir e as recomendacións para cada uso.
O dito catálogo completarase coa posta á disposición dos sectores implicados da Bolsa de subprodutos de Galicia para os efectos de potenciar os intercambios comerciais.
8.1.6. Subprograma de comunicación.
O Programa de comunicación centrarase nos seguintes principios para o seu desenvolvemento:
- Comunicación.
- Concienciación dos diversos xestores e produtores sobre a necesidade de colaborar activamente no programa, dirixido a preservar o seu contorno ambiental e, xa que logo, a súa calidade de vida.
- Educación.
8.1.7. Subprograma de seguimento e revisión do programa.
Tendo en conta a evolución e desenvolvemento que se vai producir nos próximos anos, tanto a nivel normativo como no relativo á xestión dos residuos, cómpre dotar o presente programa de mecanismos de revisión e control que permitan a súa adecuación ás circunstancias técnicas, normativas e ambientais de cada momento.
Ademais, hai que ter en conta a posible evolución do desenvolvemento empresarial en Galicia, así como a construción de novas infraestruturas ou servizos que afectarán directamente a xestión dos residuos e, polo tanto, os obxectivos e contidos deste plan.
Xa que logo, este subprograma recolle a avaliación periódica do cumprimento e as desviacións respecto á planificación e estimacións realizadas, para proceder, se fose necesario, a unha adaptación destas, a medida que se avanza no período de vixencia do programa.
Procederase a realizar unha revisión do presente programa no ano 2007, desenvolvendo nese momento as directrices para o cuadrienio 2007-2010.
9. Investimentos e actuacións complementarias.
As actuacións propostas recóllense dentro dun marco económico que permite a súa posta en marcha, baseadas nos previsibles investimentos derivados dos subprogramas de actuación.
De acordo co V Programa de acción en materia de medio ambiente e desenvolvemento sustentable, unha vez máis, ponse de manifesto a aplicación do principio de quen contamina paga e, polo tanto, as accións que hai que emprender deben realizarse desde a iniciativa privada.
Malia o anterior, a dita iniciativa privada conta con diversas fontes e instrumentos de financiamento de ámbito europeo, nacional e autonómico para facilitar a posta en marcha destas accións. Así mesmo, a Xunta de Galicia, co obxecto de promover esas iniciativas, poderá achegar fondos propios que se sumarán ao resto de contribucións. Estas fontes de financiamento están tamén abertas para as pequenas e medianas empresas (Pemes) e para os pequenos produtores.
O investimento previsto ascende aproximadamente a 30 millóns de euros, incluíndo os distintos subprogramas nos que se articula o actual programa.
Este investimento divídese entre a contribución do sector público e privado do seguinte xeito:
O 60% dos investimentos considerados neste programa deberán ser realizados pola iniciativa privada, destinándose principalmente a actuacións referidas a infraestruturas de tratamento. O 40% restante será achegado pola iniciativa pública destinándose fundamentalmente a plantas de xestión, investigación e desenvolvemento, así como actividades de comunicación, concienciación e educación.
Dentro das fontes de financiamento autonómico cabe destacar as derivadas do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica e a Consellería de Medio Ambiente para a posta en marcha de medidas de apoio a proxectos ambientais na Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo os investimentos de produtores e xestores de RCD poderán acogerse aos incentivos fiscais que permiten deducir un 10% do investimento destinados á protección do ambiente no imposto de sociedades.
Data norma
Organismo
OUTRAS ADMINISTRACIÓNS
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
RESIDUOS PERIGOSOS