Diario Oficial de Galicia, 04-04-2006, Núm. 66, Páx. 5318
Resolución do 13 de marzo de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico ampliación de Sil, nos concellos de Nogueira de Ramuín e Esgos (Ourense), promovido pola empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A. (Expediente IN661A 04/4-3 A.T.).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data 31 de xaneiro de 2006, relativa ao proxecto do parque eólico ampliación de Sil, nos concellos de Nogueira de Ramuín e Esgos (Ourense), promovido pola empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A. e que se transcribe como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2006.
Anxo Ramón Calvo Silvosa
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas
ANEXO - Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data 31 de xaneiro de 2006, relativa ao proxecto do parque eólico ampliación de Sil, nos concellos de Nogueira de Ramuín e Esgos (Ourense), promovido pola empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A. (Clave: 2005/0289).
Antecedentes.
Por solicitude da empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A., a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Ourense iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dun parque eólico de 49,7 MW de potencia total composto por un total de 26 aeroxeradores (2 de 850 kW de potencia unitaria e 24 de 2000 kW), que se vai instalar nos concellos de Nogueira de Ramuín e Esgos, na provincia de Ourense.
Na Resolución do 6 de maio de 2004 da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2004, incluíuse o parque eólico Ampliación de Sil restrinxindo a súa potencia a 28 MW.
Polo anterior, o promotor decide dividir o proxecto en dúas fases de execución, a primeira de 14 aeroxeradores e a segunda cos 12 restantes. Non obstante, o estudo de impacto ambiental presentado para a tramitación do proxecto comprende a totalidade do parque, especificando na separata titulada Proxecto Parque Eólico ae Sil. Fases de execución das instalacións que corresponden a cada unha das dúas fases de execución.
Dentro do procedemento de autorización administrativa do parque eólico, sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental, dado que está recollido no grupo 3.i do anexo I da Lei 6/2001, de 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.
No anexo I resúmense as características do proxecto e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
Mediante Resolución do 16 de novembro de 2004, da Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Ourense (publicada no DOG nº 236, do 3 de decembro de 2004), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial e o estudo de impacto ambiental das instalacións que comprende a primeira fase do parque eólico, non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.
Posteriormente recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas como órgano substantivo por razón da materia, contendo os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Conservación da Natureza, Obras Públicas, Saúde Pública e Turismo, ademais do emitido pola Confederación Hidrográfica do Norte.
O expediente inclúe, asemade, un exemplar do documento anexo ao proxecto. Parque eólico ampliación de Sil, de xuño de 2004, no que se describen unha serie de modificacións efectuadas para evitar afeccións sobre restos arqueolóxicos existentes na zona e que logon xa foron recollidas na memoria de avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto.
Acompañan ao anterior a separata titulada Proxecto Parque Eólico Ampliación de Sil. Fases de ejecución no que se detallan as instalacións que corresponden a cada unha das dúas fases nas que o promotor dividiu o proxecto, e o documento Proxecto Parque Eólico Ampliación de Sil. Anexo, de febreiro de 2005, no que se describen outras dúas modificacións no proxecto, a primeira consistente no desprazamento do aeroxerador nº 25 para respectar a distancia de 500 m ao núcleo de Cortecadela e a segunda que consiste nunha modificación da poligonal do parque para acoller a localización dos aeroxeradores 16, 21, 25 e 26.
O expediente completouse o 24 de xaneiro de 2006 coa ratificación do informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
Feita a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, para os sós efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico ampliación de Sil, nos concellos de Nogueira de Ramuín e Esgos (Ourense), promovido pola empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou a solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese ao proxecto do parque eólico ampliación de Sil tal e como vén descrito no estudo de impacto ambiental, e que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 49,7 MW de potencia total nos concellos de Nogueira de Ramuín e Esgos (Ourense), constituído por 26 aeroxeradores (2 GAMESA G-52 de 850 kW de potencia unitaria e 24 GAMESA G-80 de 2.000 kW) que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:
Vértice X Vértice Y
607.500 4.694.000
606.000 4.695.560
606.420 4.696.000
607.000 4.696.000
608.000 4.695.610
608.500 4.695.000
Tense previsto executar o parque en dúas fases, a primeira de 14 aeroxeradores e 28 MW de potencia total e a segunda, con 21,7 MW de potencia, composta polos 12 aeroxeradores restantes.
Os aeroxeradores que se van instalar en cada unha das fases do parque serán os seguintes:
1ª fase: 3, 4, 6, 7, 10 ao 13, 15, 17, 18, 20, 23 e 24.
2ª fase: 1, 2, 5, 8, 9, 14, 16, 19, 21, 22, 25 e 26.
A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle nos planos Planta xeral e elementos patrimoniales incluídos no documento Avaliación de impacto arqueolóxico do parque eólico ampliación de Sil, Ourense. Memoria, agás para o aeroxerador nº 25, que se corresponderá coa reflectida nos planos do documento Proxecto Parque Eólico Ampliación de Sil. Anexo, de febreiro de 2005, todo iso sen detrimento do que se derive do punto 3.2.1 desta DIA.
Así mesmo, se como resultado do procedemento de autorización substantiva da 2ª fase fose necesario introducir algunha modificación significativa nas infraestruturas ou instalacións da dita fase respecto do establecido nesta DIA será preciso, para efectos ambientais, o informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
2. Condicións xerais.
2.1. Protección das augas e leitos fluviais.
1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de vías, gabias de cableado...), así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización do organismo de bacía competente, neste caso a Confederación Hidrográfica do Norte, conforme ao establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.
2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se poidan atopar na área de influencia das obras.
3. Á saída das drenaxes transversais previstas no proxecto e nos puntos onde a auga dos foxos se incorpore ao terreo, así como nos tramos de foxo en zonas de elevada pendente, disporanse sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.
Con carácter xeral, terase en conta que o sistema de drenaxe deberá achegar as súas augas cara á rede hidrográfica dun xeito gradual, non poderá facer variar o curso natural das augas en prexuízo do interese público ou de terceiros, ou que a súa destrución pola forza das avenidas poida causar danos a persoas ou cousas.
Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, levando a cabo os oportunos labores de mantemento e adoptando as medidas correctoras necesarias no caso de producirse os citados fenómenos.
4. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de prevenir fenómenos erosivos ou incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega ou calquera outra medida que sexa necesaria para evitar o arrastre de materiais ladeira abaixo.
5. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial.
6. Non está permitido o lavado de maquinaria e útiles nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental.
7. Non estando previsto na documentación presentada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.
2.2. Protección do solo.
1. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estos se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.
2. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao finalizar a obra.
3. Compensarase ao máximo o volume de desmonte co de terrepléns. De existiren sobrantes procedentes do movemento de terras, a selección das posibles zonas para o depósito destes realizarase con criterios ambientais e tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes en zonas con valores ambientais relevantes.
4. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.
2.3. Xestión de residuos.
1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado poderá realizarse nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza.
3. Antes do inicio da fase de explotación do parque deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.
2.4. Protección da fauna e vexetación.
2.4.1. Sobre a fauna.
1. Para levar a cabo os labores de corta e desbroce de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar á fauna.
2. No caso de que nas vías de acceso se instalen pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos.
2.4.2. Sobre a vexetación.
1. Respectarase ao máximo posible a vexetación arbórea existente na área de implantación do parque, especialmente as masas de piñeirais adultos, fundamentalmente as de Pinus sylvestris. En calquera caso, para a corta de arboradura previamente terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme ao disposto no Regulamento de montes. Así mesmo, para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira seguirase o disposto na lexislación vixente de aplicación.
2. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.
2.5. Sobre a integración paisaxística.
1. Se na zona existisen afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras, tanto as de execución de vías e gabias do cableado como as de instalación dos aeroxeradores.
2. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal.
Para tal fin, levarase a cabo o proxecto de restauración incluído no estudo de impacto ambiental, tendo en conta as seguintes consideracións:
- No caso de necesitar achegas externos de terra vexetal, esta deberá proceder de amoreamentos ou zonas debidamente autorizadas, sendo admisible, tamén, o uso de solos artificiais obtidos baixo autorización administrativa da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
- Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración das dúas zonas sinaladas no estudo ambiental como zonas de instalacións de obra e amoreamentos de material. Estipularase o engadido dunha capa de terra vexetal duns 15 cm de espesor e aplicaranse as mesmas técnicas que nas restantes zonas recollidas no proxecto de restauración.
- No caso de que como consecuencia da execución da rede viaria do parque quede algún camiño ou vía morta que na fase de funcionamento non vaia dar ningún servizo, deberase reintegrar na paisaxe, revexetándoo en toda a súa extensión. A non-adopción desta medida nalgún tramo deberá xustificarse adecuadamente.
2.6. Sobre o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.
O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo.
3. Condicións específicas.
3.1. Sobre a protección do patrimonio cultural.
1. Levaranse a cabo as medidas correctoras propostas no documento Avaliación de impacto arqueolóxico do parque eólico ampliación de Sil, Ourense. Memoria, aceptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:
- Cara a evitar posibles afeccións establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens dos xacigas arqueolóxicos Mámoa 1 de Lamagorzos (GA32052004) e Mámoa 2 de Lamagorzos (GA32052005) de 50 m de raio, medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
- Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico, así como a sinalización e balizamento con material non perecedorio dos bens do patrimonio cultural recollidos na memoria da avaliación do impacto arqueolóxico. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso dela, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.
- Non se poderá realizar ningún tipo de mellora da vía existente na zona de cautela de Outeiro dos Cachos (GA32037005).
- Consonte os resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.
- Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.
3.2. Fase previa ao inicio das obras.
1. Co fin de mellorar a integración ambiental do proxecto teranse en conta as seguintes consideracións, que se plasmarán nun documento técnico que deberá contar co informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza:
- O largo da plataforma das vías de acceso aos aeroxeradores de 2 MW deberá reducirse ao mínimo tecnicamente imprescindible, considerándose factible, con carácter xeral, un largo de 6 m salvo que sexa preciso aumentala nalgún tramo puntual por razóns de seguridade ou por motivos técnicos (sobrelargo en curvas para facilitar o xiro da maquinaria de transporte ou montaxe).
- Mellorarase o trazado de certos tramos de vías que presentan un percorrido moi rectilíneo, pouco adaptado á topografía do terreo, o que aumentaría o seu impacto paisaxístico. Vías con estas características se atopan entre os aeroxeradores 17-26 e 16-25, así como o acceso ao aeroxerador nº 22.
- Estudaranse alternativas que eviten as formacións de bosques de frondosas da asociación Holco molli-Betuletum celtibericae, evitando a corta de pés. Tomando como base o plano de vexetación incluído no estudo ambiental, estas formacións atoparíanse representadas entre os aeroxeradores 6 e 11.
- Algúns tramos de vía que discorren polas zonas onde se asentan os bidueirais, concretamente entre os aeroxeradores 6 e 9, presentan uns terrapléns de grandes dimensións. No estudo de alternativas sinalado no parágrafo anterior deberá terse en conta que no deseño das vías se reducirán ao máximo os desmontes e/ou terrapléns.
Para o estudo das alternativas resultantes dos anteriores condicionados terase en conta, para os efectos ambientais, a información contida no estudo de impacto ambiental así como o condicionado establecido nesta DIA, consensuando en todo caso a disposición derradeira das ditas infraestruturas ou instalacións coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
2. Levaranse a cabo as campañas preoperacionais relativas ao Plan de control da calidade das augas e ao seguimento do nivel de ruído, incorporando os resultados das ditas campañas aos sucesivos informes de seguimento ambiental para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.
3. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.
Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 1% do orzamento do proxecto, ascendendo á cantidade de 392.715 euros. Esta proposta poderá ser revisada se o promotor presenta un orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras que estea adaptado á configuración final do parque resultante do punto 3.2.1 da DIA (xustificando adecuadamente o dito extremo) e que ademais teña en conta as consideracións sinaladas no punto 2.5.
Por outra banda, poderase propoñer un aval para cada unha das dúas fases nas que se dividiu o proxecto se o promotor presenta, para cada unha delas, un orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras que cumpra o sinalado no parágrafo anterior. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996.
3.3. Fases de replanteo e obra.
1. En relación co Plan de seguimento do nivel de ruído proposto no estudo ambiental, nesta fase considérase suficiente efectuar unha medición en cada punto de control cando se estean executando obras preto del, e non con carácter trimestral en todos os puntos como se indica no plan presentado.
2. O mesmo será de aplicación aos dous puntos de control propostos no Plan de seguimento da calidade das augas, nos que será suficiente tomar mostras cando se estea executando obra entre os sectores N e W do parque.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:
a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.
b) Resultados do Plan de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas e funcionamento da rede de drenaxe, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.1.3 e 2.1.6 da DIA.
c) Resultados do Plan de seguimento de avifauna e, se é o caso, de quirópteros.
d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co Plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos contemplados nela.
e) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Acompañarase de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.
3.4. Ao final da fase de obras.
1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:
a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque trala finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo das obras e medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do indicado no estudo ambiental e no condicionado desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos establecidos no estudo ambiental e no condicionado da declaración.
b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, foxos e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.
3.5. Fase de funcionamento.
1. Tendo en conta que o parque eólico obxecto desta DIA constitúe unha ampliación do parque eólico de Sil, ocupando o mesmo ámbito xeográfico e compartindo infraestruturas como a subestación e a liña de evacuación, e que nun contorno máis ou menos próximo destes dous parques se atopan os de Meda, Pena da Cruz, Serra do Burgo e as súas respectivas ampliacións, todos eles en funcionamento ou a punto de comezar a súa actividade, levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) sobre a avifauna e os quirópteros entre o conxunto das citadas instalacións así como coa súa liña de evacuación, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.
2. Dada a relativa proximidade do parque eólico obxecto desta DIA ao canón do Sil, será de aplicación a proposta de seguimento específico da aguia real (Aquila chrysaetos) elaborada para o parque eólico ampliación Meda (recollida na documentación adicional solicitada na declaración de impacto ambiental do parque eólico de ampliación Meda. Xullo 2003), tal e como se indica no estudo ambiental e que se vén levando a cabo para o conxunto dos parques existentes neste sector da serra de Meda.
A este respecto cómpre, sinalar que entre as medidas que no seu momento se estableceron para a protección desta especie figuraba un incremento do seguimento no caso de detectarse a súa presenza na área e a parada do funcionamento dos aeroxeradores en días con condicións meteorolóxicas moi desfavorables e de baixa visibilidade, medidas que, se é o caso, serán de aplicación para o parque obxecto desta DIA. Así mesmo, a execución das obras programarase de xeito que respecten os ciclos biolóxicos das especies máis sensibles da zona, entre elas a citada ave rapaz.
3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental a que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes. Este informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido:
a) Resultados do Plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición. A frecuencia das medicións será mensual durante o primeiro semestre de funcionamento; poderase logo variar en función dos resultados obtidos.
b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, do seguimento da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.1.3 e 2.1.6 da DIA.
c) Resultados do Plan de seguimento de avifauna e quirópteros con especial atención á poboación de aves rapaces e ao seguimento específico da aguia real (Aquila chrysaetos) e informe dos posibles efectos acumulativos (aditivos e/ou sinérxicos) tendo en conta o sinalado nos puntos 3.5.1 e 3.5.2 da DIA.
d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co Plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que se deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.
Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben a solicitude motivada do promotor, poderase modificar o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se vaian realizar en anos posteriores.
3.6. Fase previa ao abandono.
No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, acompañado, se é o caso, dun informe no que se recollan as posibles variacións respecto do previsto no plan de desmantelamento presentado, xunto coa súa xustificación.
3.7. Fase de abandono.
Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, conforme ao plan de restauración presentado. Establecerase, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe.
3.8. Fase posterior ao abandono.
Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2006.
Joaquín Lucas Buergo del Río
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
ANEXO I - Resumo do proxecto.
O proxecto do parque eólico ampliación de Sil, promovido pola empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 26 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, a instalar nos concellos de Nogueira de Ramuín e Esgos (Ourense). Por cuestións de limitación da potencia anual que se vai instalar, o promotor dividiu o proxecto en dúas fases de execución, a primeira de 14 aeroxeradores e a segunda cos 12 restantes. Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.
As características básicas do proxecto, considerando as dúas fases, son as seguintes:
* Número de aeroxeradores: 26.
* Modelo: Gamesa G-52 e Gamesa G-80.
* Potencia unitaria: 850 kW (G-52, 2 unidades) e 2000 kW (G-52, 24 unidades).
* Potencia total instalada: 49,7 MW.
* Altura de torre: 55 m.
* Diámetro de rotor: 52 e 80 m.
* Orzamento: 39.271.508,11 euros.
Para a transformación e evacuación da enerxía xerada empregaranse as instalacións do parque eólico do Sil, do que constitúe a súa ampliación e que pertence á mesma empresa promotora. En concreto, farase uso da subestación transformadora 20/220 e da LAT 220 kV que vai desde dita subestación ata a liña 220 kV Santo Estevo-Trives.
A obra civil establece a execución de 7.555 m de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores, cun largo de rodadura de 10 m para os aeroxeradores G-80 e de 4 m para os do modelo G-52. Estarán dotados de foxos e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais, nos puntos onde sexa necesario. Así mesmo, escavaranse uns 12.800 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación e o edificio de control do parque eólico do Sil, cuxo trazado vai paralelo e estremeiro coas vías en boa parte do seu percorrido.
Segundo o estudo de impacto ambiental, a vexetación na área de implantación do parque está composta maiormente por matogueira de toxo e breixo mesturada con algunha xesta, e repoboacións de piñeiro, fundamentalmente Pinus sylvestris. Con menor representación aparecen pequenas formacións de arborado autóctono, asociado principalmente aos cursos fluviais e integrado basicamente por cerquiños (Quercus pyrenaica), carballos (Quercus robur) e bidueiros (Betula celtiberica).
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada.
No punto de medidas protectoras e correctoras do estudo de impacto ambiental inclúense basicamente as seguintes:
1. Sobre o ambiente atmosférico.
a) Contra o ruído.
Fase de construción.
- Posta a punto dos motores da maquinaria co fin de reducir os ruídos xerados polo seu tránsito.
- Limitarase a velocidade dos camións, evitando as aceleracións e frenadas fortes.
- Toda a maquinaria utilizada estará homologada e cumprirá a normativa existente sobre emisión de ruídos. As emisións sonoras deberán axustarse ao establecido no Real decreto 245/1989, do 27 de febreiro, sobre determinación e limitación da potencia acústica admisible de determinado material e maquinaria de obra.
- A realización das obras deberá levarse a cabo estritamente en período diúrno (7 a.m. -22 p.m.).
- No caso de superar significativamente os 65 dB (B) nas vivendas máis próximas, adoptaranse medidas adicionais de corrección, como a instalación temporal de pantallas acústicas portátiles, nos lugares precisos.
- En todo caso seguirase o establecido na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica de Galicia, segundo as limitacións que nela se indican respecto ao confort sonoro.
Fase de funcionamento.
- Revisión dos niveis sonoros comprometidos polo fabricante.
- Correcto mantemento das instalacións.
- Control dos niveis de ruído en poboacións próximas tal como se inclúe no Plan de control dos niveis sonoros (recollido no anexo 4 do estudo ambiental).
b) Contra a emisión de po e gases.
Fase de construción.
- Procederase á rega con auga de todas as superficies de actuación, lugares de amoreamento, accesos, camiños e pistas da obra, de xeito que se evite, na medida do posible, a produción de po. A frecuencia desta regas estará en función da época do ano e da pluviometría real existente durante os meses nos que se leven a cabo as obras.
- Os amoreamentos de terra deberán humedecerse coa periodicidade suficiente, en función da humidade atmosférica, temperatura e velocidade do vento, de xeito que non se produza o arrastre de partículas. En todo caso, se isto non fose suficiente, cubriranse os amoreamentos mediante mallas ou lonas que eviten a emisión de po.
- No transporte de áridos e terras por camións, cubrirase a carga cunha lona para evitar a emisión de po.
- Nos períodos de vento con dirección ás vivendas máis próximas, adoptaranse as medidas necesarias de xeito qe os niveis de partículas sedimentables non superen os límites establecidos polo Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Ley 38/1972, do 22 de decembro, de protección do ambiente atmosférico.
- Revisións periódicas dos vehículos e maquinaria utilizadas durante a execución das obras, levando a cabo a posta a punto daqueles nos que se detecte desaxuste e reparando os que presenten avaría ou rotura nos elementos relacionados coa combustión (carburador, tubo de escape, etcétera).
- Cumprimento estrito do establecido pola Dirección Xeral de Tráfico no referente ao Regulamento sobre inspección técnica de vehículos (ITV), coidando de non superar en ningún caso a data límite establecida para cada vehículo. Para iso, deberase realizar un arquivo simple coas datas nas que cada vehículo debe cubrir a ITV, o que permitirá realizar un seguimento continuo dos vehículos.
2. Sobre o medio edáfico.
a) Medidas xerais.
Fase de construción.
- Antes do inicio das obras, definirase exactamente a localización de depósitos para as terras e lugares de amoreamento, para as instalacións auxiliares e o parque de maquinaria: zonas de mínima pendente, protexidas de riscos de deslizamento, de asolagamento e de arrastres por efecto da choiva, e protexidas de zonas de paso de maquinaria.
- Os materiais sobrantes das escavacións, excedentes de terra e outros residuos, serán xestionados conforme a súa natureza. Segundo a normativa vixente serán entregados a xestor autorizado.
- As tarefas de mantemento de equipamentos e maquinaria móbil realizaranse fóra da zona de obras, en instalacións axeitadas para tal fin.
- Levarase a cabo a correcta xestión dos aceites dos equipamentos e maquinaria ao longo da fase de obras. Estes serán recollidos en contedores axeitados e entregaranse a un xestor autorizado.
- Realizarase unha delimitación exacta das zonas de obra, quedando prohibido invadir terreos fóra dos delimitados segundo proxecto.
- Os desmontes serán revexetados inmediatamente despois de rematar a súa construción, co fin de evitar os arrastres erosivos e as perdas de solo.
Fase de funcionamento.
- Non se permitirá o paso de vehículos fóra das vías deseñadas para o efecto.
- Instalación de cubetos de recollida de aceites nas turbinas para evitar a súa migración ao solo.
- Os aceites usados resultantes do mantemento da maquinaria (aeroxeradores) serán xestionados conforme á súa natureza; segundo a normativa vixente, serán entregados a xestor autorizado.
b) Retirada e amoreamento do solo.
A retirada e amoreamento da capa superficial do solo farase nas condicións que a continuación se indican así como nas que se indican no proxecto de restauración (incluído no anexo 7 do estudo ambiental):
- A capa edáfica ou superficial separada durante as escavacións utilizarase posteriormente na recuperación das superficies alteradas; para iso separarase e amorearase nos lugares indicados, en moreas de altura non superior aos 2 m e coa mínima duración de almacenamento posible para evitar a degradación do recurso. No caso de que este período superase os dous meses, engadirase mulch para mellorar a estrutura de solo e para manter as condicións de oxixenación e que non se produzan apelmazamentos do solo. En todo caso deberase achegar a cantidade suficiente para manter un 6% de materia orgánica nel. Así mesmo, procederase ao estercado e á plantación de especies pratenses (preferentemente fixadoras de nitróxeno) nunha dose mínima e 50 kg/ha que permitan manter a estrutura e composición do solo.
- En ningún caso esta terra vexetal poderá mesturarse cos estériles procedentes da escavación ou con calquera outro tipo de residuo ou entullos, garantindo, ao mesmo tempo, que non se deteriore por erosión hídrica ou compactación polo paso da maquinaria.
c) Control da compactación.
- Levaranse a cabo os labores necesarios para descompactar aqueles solos nos que se producisen fenómenos de compactación por mor das obras e todos aqueles sobre os que estean previstas medidas de restauración e revexetación.
- As vías de obra e superficies ocupadas polos distintos elementos serán os estritamente necesarios, evitando traxectorias reiterativas e poñendo especial coidado en que non se transite fóra das ditas áreas.
- As ocupacións de terreo permanentes e temporais balizaranse, cinguíndose os movementos e ocupacións de obra á superficie autorizada. Se por circunstancias excepcionais fose necesario salir deste perímetro, solicitarase permiso motivado.
d) Loita contra a erosión.
Fase de construción.
- Realizarase un deseño coidadoso dos traballos de roza que evite a eliminación de parte da cobertura vexetal.
- Nos desmontes a pendente será a axeitada para evitar a erosión de ladeiras e movemento de masas así como a perda de solo nelas. Tamén, se instalarán mallas ou redes nos casos necesarios para evitar corrementos.
- A configuración de formas e pendentes dos noiros permitirá acadar a restauración neles, evitando os fenómenos erosivos superficiais, empregando para iso exclusivamente medios vexetais, hidrosementeiras e plantacións. En todo caso, levarase a cabo o acondicionamento e revexetación de noiros, terrapléns e superficies núas.
- Sempre que o permita o terreo, os movementos de maquinaria necesarios para a execución das diferentes obras realizarase seguindo as curvas de nivel da zona afectada, sendo prioritarios os trazados que non xeren noiros con excesiva pendente.
- Evitarase, na medida do posible, que a actividade construtiva coincida cos períodos de elevada pluviosidade.
- En caso necesario utilizaranse medios físicos (mallas antierosión) para evitar calquera proceso deste tipo.
Fase de funcionamento.
- Realizarase o axeitado mantemento das obras de drenaxe tanto lonxitudinais como transversais.
- Vixiarase a evolución da restauración efectuada na fase de construción.
3. Sobre as augas.
Fase de construción.
- Deseño das vías coas obras de drenaxe necesarias para non comprometer a rede de drenaxe natural e permitir o fluxo normal de augas.
- A achega das drenaxes transversais dos camiños á rede hidrolóxica farase gradualmente, de xeito que non se modifique o caudal habitual dos regos, evitando erosión, deposición de sólidos ou inundación nas traxectorias de incorporación aos cursos naturais. Para iso, nesta fase de obra e de ser necesario, colocaranse mallas ou trampas de sedimentos, que haberán de limparse con asiduidade, evitando a obstrución da rede de drenaxe e a incorporación de sedimentos aos cursos fluviais.
- Non se permitirá que as formigoneiras descarguen o sobrante de formigón nin limpen o contido da cubas nas zonas de obras non autorizadas.
- Evitaranse os períodos máis chuviosos, co fin de minimizar o risco de achega de partículas ao medio fluvial.
- Levaranse a cabo os controis indicados no Plan de control da calidade das augas (incluído no anexo 6 do estudo ambiental).
Fase de funcionamento.
- Efectuarase unha vixilancia periódica das obras de drenaxe e foxos.

4. Sobre a vexetación.
Fase de construción.
- Só se eliminará a vexetación que sexa imprescindible e mediante técnicas de roza axeitadas que favorezan a revexetación por especies autóctonas nas diferentes zonas afectadas polas obras.
- En xeral, as rozas, cortas e rareos de superficies con vexetación, non poderán levarse a cabo mediante incendios controlados, independentemente da localización e calidade ecolóxica da vexetación presente.
- O tránsito da maquinaria realizarase exclusivamente polas áreas marcadas para o efecto.
- Unha vez finalizadas as obras de infraestrutura e, no posible coincidindo con elas, procederase á revexetación das superficies afectadas mediante a descompactación, remodelado e reposición da capa de solo previamente reservada e posterior plantación de especies propias da zona tal e como se inclúe no Plan de restauración elaborado ao efecto (anexo 7 do estudo ambiental).
Fase de funcionamento.
- Comprobarase a eficiencia, viabilidade e adecuación das sementeiras realizadas.
5. Sobre a fauna.
- Evitaranse, na medida do posible, os ruídos intensos e vibracións na época de cría e reprodución das especies nidificantes na zona elixindo, para efectuar as obras que entrañen estas afeccións, as épocas estivais como as máis axeitadas para iso.
- Levaranse a cabo as medidas relacionadas coa recuperación da cuberta vexetal para que se recolonicen por especies faunísticas o antes posible.
6. Sobre a paisaxe.
Fase de construción.
- No que respecta á xeomorfoloxía, os noiros serán o máis tendidos posible e os cortes redondeados nos extremos dos desmontes, deseñando o acabado final deles de xeito que non se cree unha superficie totalmente lisa que contraste coa textura dos noiros naturais e dificulte a colonización da vexetación. Neste senso, o contratista evitará a aparición de formas xeométricas de ángulos vivos ou arestas marcadas.
- As instalacións provisionais situaranse en zonas pouco visibles e a súa cor será pouco chamativa.
- Cumpriranse expresamente as medidas arriba indicadas referentes á revexetación e restauración dos terreos e á xestión dos residuos producidos.
- Evitarase a dispersión de residuos polo lugar e o contorno, principalmente de envases de plástico e restos metálicos.
Fase de funcionamento.
- Usaranse tons mate nos aeroxeradores para unha maior integración cromática co medio.
- Levarase a cabo o proxecto de restauración redactado para o efecto, de xeito que as zonas afectadas recuperen a súa situación actual o antes posible.
7. Sobre o patrimonio arqueolóxico.
- Levaranse a cabo as medidas preventivas e correctoras establecidas no estudo que se realice para o efecto o técnico arqueólogo competente.
8. Sobre o medio socieconómico.
- Planificarase axeitadamente o fluxo de vehículos para o transporte de materiais, maquinaria, etcétera, co fin de incidir o menos posible sobre as poboacións polas que discorre a rede de estradas comarcais de acceso a zona.
- O anterior suporá evitar o transporte nocturno e os días festivos, respectar as sinalizacións existentes, controlar o estado do vehículo e cubrir con lonas os materiais transportados, para evitar emisións de po.
- Facer un parque aberto, promovendo visitas concertadas, elementos de información e explicación sobre a interacción entre a enerxía eólica e o medio natural.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL