Resolución do 12 de xullo de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico singular de Carnota, no concello de Carnota (A Coruña), promovido por Carnotavento, S.L.

Diario Oficial de Galicia, 31-08-2005, Núm. 167, Páx. 14950
Resolución do 12 de xullo de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico singular de Carnota, no concello de Carnota (A Coruña), promovido por Carnotavento, S.L. En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 22 de xuño de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico singular de Carnota, no concello de Carnota, promovido por Carnotavento, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución. Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2005. P.D. Orden do 30 de xuño de 2005 (DOG nº 126, do 1 de xullo) Jesús Vázquez San Luis Secretario xeral da Consellería de Innovación, Industria e Comercio Declaración de impacto ambiental Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última. Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores. As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral. 1. Ámbito da declaración. Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto do parque eólico singular de Carnota, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 2,6 MW de potencia total no concello de Carnota (A Coruña), constituído por 2 aeroxeradores IZAR-BONUS de 1.300 kW de potencia nominal unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM: Vértice X Vértice Y 495.028,79 4.741.375,29 Límite do termo municipal 495.780,57 4.742.758,62 495.683,39 4.742.854,23 495.350,31 4.742.304,77 494.825,78 4.742.304,77 494.825,78 4.741.301,25 494.942,85 4.741.301,25 A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ao parque eólico singular será a que se recolle no plano distribución xeral. Accesos e gabias. Plano nº 07 do estudo de impacto ambiental, agás para o que puidera derivarse dos puntos 3.1.1 e 3.1.2 da DIA. 2. Condicións xerais. 2.1. Protección da atmosfera. 1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. 2.2. Protección das augas e leitos fluviais. 1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de viais, gabias de cableado...), así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización do organismo de conca competente, neste caso Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. 2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras. 3. Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe e de disipación de enerxía previstos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, co obxecto de comprobar se se producen fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos nestes puntos, en cuxo caso adoptaranse as medidas correctoras oportunas. 4. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga. 5. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo ambiental. 6. Non estando previsto na documentación presentada a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conte coas debidas autorizacións. 2.3. Protección do solo. 1. Procederase á delimitación das distintas zonas de obra mediante o seu balizamento, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras e ser retirado cando estas finalicen. 2. Na realización de voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado. 3. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase aos viais e zonas acondicionadas para o efecto. 4. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao finalizar a obra. 5. De existir sobrantes procedentes dos movementos de terras, deberán ser retirados e depositados en lugar autorizado por órgano competente. En ningún caso se depositarán en zonas con valores ambientais relevantes. 6. Para a localización da zona destinada a casetas de obra, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, etcétera, seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica. 7. A realización do proxecto deberá respectar a Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, no que se refire ao uso e defensa destas. En concreto, calquera posible afección relacionada coa estrada AC-400 (antiga AC-403) deberá contar con informe favorable do Servizo Provincial de Estradas da Coruña. 8. No caso de deterioración de estradas, camiños, sendeiros ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras. 2.4. Xestión de residuos. 1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da construción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. 2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado realizarase nunha zona acondicionada para tal fin, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presenza. 3. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras. 4. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra. 2.5. Protección da fauna e vegetación. 2.5.1. Sobre a fauna. 1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna. 2. No caso de que nos viais de acceso se instalen pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer un foxo cun ou os dous laterais abertos. 3. Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores, tanto do parque avaliado como os do seu contorno. Para tal fin, levarase a cabo un plan de seguimento de avifauna, elaborado por técnicos especialistas, baseado nas seguintes directrices: - A metodoloxía será similar á desenvolvida para outros parques existentes no contorno e que pertencen ao mesmo promotor e detallará os controis para efectuar e a súa frecuencia para a detección do efecto baleiro, caracterización do comportamento das aves ante os aeroxeradores e detección de morte por colisión. - No referente á busca de aves accidentadas por colisión, as visitas terán como mínimo unha frecuencia mensual co obxecto de diminuír a perda de cadáveres por acción dos animais preeiros e en cada unha revisaranse os dous aeroxeradores instalados. O raio que hai que revisar será de 60 m como mínimo, tendo en conta do tamaño do aeroxerador que se prevé instalar. - Definiranse limiares de risco (de alerta e inadmisible) por colisión e aparición do efecto baleiro, e contarase cunha proposta de medidas correctoras a adoptar en función das situacións de risco indicadas no punto anterior, ou ante a manifestación de efectos acumulativos. 2.5.2. Sobre a vegetación. 1. A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ao estritamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza no caso da matogueira. 2. Previamente á corta de arboradura terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes. 3. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas. 2.6. Protección do patrimonio cultural. 1. No que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, rexerá o disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tanto no relativo á localización final de infraestruturas e instalacións como ás medidas de control e seguimento arqueolóxico e calquera outra para adoptar ao longo das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución de terreos, en todo o ámbito do parque eólico. 2.7. Sobre a integración paisaxística. 1. Se os afloramentos rochosos existentes na zona tiveran interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras. 2. O acabado exterior da caseta que albergará a estación de manobra será acorde co contorno, de acordo co sinalado no estudo ambiental. 3. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes dos viais, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levarase a cabo o plan de restauración incluído no estudo de impacto ambiental, tendo en conta as seguintes consideracións: - Deberán engadirse especies de toxo e breixo á mestura de sementes para empregar na revexetación, co fin de favorecer unha mellor integración das zonas restauradas no contorno. As ditas especies terán que ser autóctonas e existentes na zona. - Para o conxunto da mestura, a proporción de cada grupo de especies axustarase, con carácter xeral, ás seguintes porcentaxes: 70% para as gramíneas, 20% para as leguminosas e 10% para as arbustivas. - Deberá realizarse un seguimento da efectividade dos labores de restauración en todas as fases, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións efectuadas. Incrementarase a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación, levando a cabo medidas adicionais de restauración se o éxito desta non é o axeitado. - Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada. 2.8. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental. O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas. No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaráselle inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Asemade, co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificándolle o seu nomeamento ao órgano substantivo. 3. Condicións específicas. 3.1. Fase previa ao inicio das obras. 1. Co fin de minimizar a afección sobre o solo e a vexetación, deberá axustarse o trazado do tramo inicial da gabia de cableado de interconexión dos aeroxeradores coa subestación de Recarea, para que discorra adxacente ao vial existente que se vai acondicionar como acceso ao parque, evitando o trazado monte a través cara á estrada AC-400 (antiga AC-403). 2. Os viais de nova execución axustaranse o máximo posible á topografía do terreo, evitando trazados rectilíneos (como pode ser o do acceso ao aeroxerador nº 2) co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura viaria. 3. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 1% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de 19.123,56 euros. A dita proposta poderá ser revisada se o promotor presenta un orzamento de execución por contrata dos labores de restauración asociados á fase de obras, que teña en conta as cuestións sinaladas nos puntos 2.7 e 3.1 desta DIA. Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996. 3.2. Fases de replanteo e obra. 1. Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de potencial afección á rede hidrolóxica, zonas hidromorfas e demais hábitats de interese identificados no estudo ambiental e na documentación complementaria, así como á zona húmida denominada Campo da Lagoa, recollida no Inventario das Zonas Húmidas de Galicia. Neste sentido, adoptaranse todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación, prestando especial atención ao balizamento e/ou sinalización de ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra. 2. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído, á vista da información achegada no estudo ambiental e da escasa entidade e duración das obras, non se considera preciso a realización de medicións de ruído durante esta fase. 3.3. Ao final da fase de obras. 1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.8 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo: a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos e o estado final do parque tras a finalización das obras, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo de acordo co estudo ambiental e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos previstos no estudo ambiental e no condicionado da declaración. b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado dos viais, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. c) Plano «as built», a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras. 3.4. Fase de funcionamento. 1. O plan de seguimento do nivel de ruído para esta fase poderá restrinxirse a un punto de control no núcleo de Arriba, no que será suficiente a realización dunha medición con frecuencia semestral. 2. Tendo en conta que o parque eólico obxecto da presente DIA situarase no mesmo ámbito xeográfico que o conxunto do aproveitamento eólico Paxareiras, compartindo incluso infraestruturas e instalacións (subestación e liña de evacuación) levarase a cabo un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos sobre a avifauna debido á presenza das citadas instalacións, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de vixilancia, téndose que adoptar as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos. 3. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle anualmente ao órgano substantivo, un informe de seguimento ambiental que incluirá, como mínimo, o seguinte contido: a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, tendo en conta o sinalado no punto 3.4.1. b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, do seguimento da calidade das augas, de acordo co sinalado nos puntos 2.2.3 e 2.2.5 da DIA. c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e informe dos posibles efectos acumulativos, tendo en conta o sinalado nos puntos 2.5.1.3 e 3.4.2 da DIA. d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado dos viais, cunetas, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto (indicando datas das visitas), así como a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización. Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase modificar o contido ou frecuencia dos controis e informes para realizar en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento. 3.5. Fase previa ao abandono. No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, contemplando, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e a estación de manobra, restauración dos viais creados para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación de todas as zonas alteradas pola desmontaxe. Acompañando a esta documentación presentarase o cronograma estimado das ditas actuacións. 3.6. Fase de abandono. Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo todas as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior. 3.7. Fase posterior ao abandono. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación. ANEXO I: Resumo do proxecto O proxecto denominado parque eólico de Carnota, promovido pola empresa «Carnotavento, S.L.», consiste na instalación e explotación dun parque eólico singular composto por 2 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se vai instalar no concello de Carnota (A Coruña). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración. As características básicas do proxecto presentado son as seguintes: - Número de aeroxeradores: 2. - Modelo: IZAR-BONUS 1.3. - Potencia nominal unitaria: 1.300 kW. - Potencia total instalada: 2,6 MW. - Altura da torre: 55 m. - Diámetro do rotor: 62 m. - Investimento previsto: 1.912.356 euros. A obra civil prevé a execución de 260 m de viais de acceso aos aeroxeradores, cunha anchura de rodadura de 5 m e dotados de cunetas e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Asemade, escavaranse uns 1.655 m de gabias (con trazado paralelo e lindante cos viais en boa parte do seu percorrido) para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación 30/66 kV de Recarea (en terreos do Parque Eólico Paxareiras I e II A), desde a que se realizará a evacuación da enerxía producida, a través dunha liña eléctrica a 66 kV existente. Prevese tamén a instalación dunha estación de manobra, que irá localizada no interior dunha caseta prefabricada de formigón, para operar coa enerxía producida polo parque antes de achegala á liña de 30 kV que chega á subestación de Recarea. O sistema de evacuación soterrado e a estación de manobra serán de uso conxunto co futuro parque eólico singular de Muros, lindante co de Carnota. Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta maiormente por matogueira de toxo e breixo, sometida a aproveitamento gandeiro, e repoboacións recentes de piñeiro e eucalipto. Con moita menor representación aparece vexetación asociada a rochedos, pasteiros de gramíneas nas zonas de matogueira aclarada e vexetación asociada a acumulacións de auga. ANEXO II: Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada Protección da atmosfera. - Rega das superficies cando as obras coincidan co período de estiaxe. - Realización dun control das emisións de ruído e introdución dun apantallamento en caso necesario. Protección do solo. - Disposición das gabias do cableado paralelas e lindantes cos viais en boa parte do seu percorrido. - Determinación da localización das instalacións auxiliares de obra utilizando na medida do posible as áreas de menor valor ambiental á vista dun experto. - Control topográfico dos límites de escavación e redución do uso de terras de recheo. - Reducir ao estritamente necesario o movemento de terras e a ocupación derivada dos labores de obra civil. - Realizar os amoreamentos de terra vexetal e outros préstamos cunha altura máxima de 1,5 m e con criterios de mantemento que garantan a conservación das súas propiedades e grao de humidade. - Humectación continua en tempos de seca, tanto dos amoreamentos como das zonas de explanación. - Estabilizar inmediatamente os noiros, terrapléns e materiais mobilizados, empregando mallas para evitar desprazamentos. - Minimizar a superficie ocupada polas instalacións necesarias durante esta fase. - Adecuar a superficie de ocupación das plataformas eólicas á topografía da zona, e reducir na medida do posible a dita superficie, evitando o sobredimensionamento e aproveitando os viais existentes e os de nova construción. - Minimizar a compactación tanto nas plataformas eólicas como nas zonas non ocupadas directamente polas instalacións, pero que poidan ser empregadas para a manobra da maquinaria. - Controlar o diámetro de perforación nas voaduras e evitar o sobredimensionamento. - Revexetación de todas as zonas desprovistas de vexetación, incluíndo noiros pedregosos. - Control e vixilancia continuado durante a fase de obras, especialmente durante a apertura de viais, construción das zapatas e instalación dos aeroxeradores. - Control de eficacia das medidas correctoras adoptadas. No caso de que durante a fase de construción se comprobase a existencia de formacións que requirisen especial preservación, procederase ao replanteo dos labores de execución de obra civil. - Acondicionamento e rehabilitación das zonas afectadas, redistribuíndo os amoreamentos procedentes dos movementos de terras, recuperación da morfoloxía superficial, acabado e sustentación de terrapléns e noiros. Plan de recuperación de solos e vexetación. - Na fase de abandono, retirada dos aeroxeradores, inutilizar o cableado soterrado e acondicionamento e rehabilitación de todas as zonas que fosen afectadas polos labores de desmantelamento da instalación. Protección da rede hidrológica. - Preservar os cursos hidrográficos, adoptando as medidas correctoras recollidas para o tratamento dos solos. - Instalaranse trampas de sedimentos ou mallas para controlar a escorrega, reducirase ao mínimo o uso de materiais de recheo e construiranse cunetas amplas. - Evitar no posible as afeccións a leitos superficiais, restituíndo a achega de caudais ás vertentes orixinais, evitando a aparición de canles de drenaxe. - Evitar a afección á charca temporal de Campo da Lagoa, bordeándoa e aproveitando un dos camiños existentes na zona de instalación dos aeroxeradores. Ese trazado máis curvo favorece a integración paisaxística do vial. Protección da vegetación. - Manter o hábitat existente, reducindo de forma sistemática o grao de ocupación e compactación derivado de calquera obra civil. - Emprego de técnicas adecuadas de roza da vexetación, que favorezan a revexetación polas especies da zona nas áreas afectadas polas obras. - Aínda que as instalacións do proxecto non modifican substancialmente as formacións de vexetación da zona, deberán terse en conta as medidas correctoras propostas para o solo, co fin de evitar efectos indirectos non desexados. - Durante a fase inicial do plan de vixilancia levaríase a cabo un recoñecemento de detalle de evolución estacional das especies e comunidades de interese, co fin de afinar a eficacia das medidas correctoras propostas e evitar os efectos das accións de proxecto que puidesen transformalas. Protección da fauna. - Deseño das torres e pas dos aeroxeradores de xeito que diminúan a posibilidade de colisión de aves. Tecnoloxía de control e funcionamento para evitar os episodios de colisión de aves e quirópteros. - No caso de detectarse un elevado número de colisións, atrasarase a entrada en funcionamento dos aeroxeradores máis conflitivos. - Realización dun seguimento da incidencia do parque sobre a avifauna. Sobre a paisaxe. - Aproveitamento de viais existentes na medida do posible. - Medidas no deseño dos aeroxeradores (diminuír a sección das pas, torres de baixa solidez) e emprego de cores pouco rechamantes no seu acabado, de tons mate.
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
res12072005.pdf Galego
res12072005.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles