Boletin Oficial Provincial, 02-10-2006, Núm. 227
REGULAMENTO MUNICIPAL DOS VERQUIDOS NON DOMÉSTICOS DE AUGAS RESIDUAIS Á REDE DE SUMIDOIRO
De conformidade co establecido no artigo 49 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, faise público que transcorrido o prazo de trinta días hábiles de información pública do acordo plenario de 27 de xullo de 2006 de aprobación provisional do Regulamento Municipal dos verquidos non domésticos de augas residuais á rede de sumidoiro, sen que durante dito período se presentase reclamación algunha, queda automaticamente elevado a definitivo o citado acordo coa redacción que de seguido se transcribe no referente ós aspectos modificados:

TÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.- O presente documento regula os verquidos non domésticos de augas residuais á rede municipal de sumidoiros procedentes das actividades que se desenvolvan no termo municipal de Burela (Lugo).
Os efectos do presente regulamento, considérase verquido non doméstico toda materia residual sólida, pastosa, líquida ou gaseosa, incluíndo as augas de refrixeración, de lavado ou de proceso, resultantes da actividade manufactureira ou industrial ou do desenvolvemento, recuperación ou procesamento de recursos naturais.
Artigo 2.- As normas contidas na presente ordenanza serán aplicables, a tódalas instalacións, establecementos, actividades, industrias ou almacéns, susceptibles de efectuar verquidos non domésticos de augas residuais, sexan públicas ou privadas, calquera que sexa o seu titular, existentes ou que no futuro se establezan, cando estean enclavadas no termo municipal, e que se denominarán xenericamente “actividades”.
Artigo 3.- Contense neste regulamento as condicións e limitacións dos verquidos non domésticos tendo en conta a súa afección á rede de sumidoiros, estacións depuradoras, medios receptores e o posible aproveitamento dos subprodutos, así como impedindo a xeración de riscos para o persoal encargado do mantemento das instalacións e para a saúde pública.
Artigo 4.- Serán así mesmo aplicables ós dispositivos de evacuación de verquidos, ás acometidas á rede de sumidoiros, e en xeral ás instalacións establecidas para esta finalidade, tanto as normas contidas nos instrumentos de planeamento urbanístico ou de urbanización, como ás regulacións sectoriais que lle afecten. En especial, toda actividade que use a rede pública de sumidoiros para evacua-los verquidos líquidos deberá dispoñer da correspondente identificación industrial.
TITULO II: CONDICIÓNS DOS VERQUIDOS
CAPÍTULO I.- VERQUIDOS PROHIBIDOS.
Artigo 5.- Queda totalmente prohibido verter directa ou indirectamente á rede de sumidoiros augas residuais ou calquera outro tipo de refugallos sólidos, pastosos, líquidos ou gaseosos que, por razón da súa natureza, propiedades e cantidade causen ou poidan causar, por si só ou por interacción con outros refugallos, algún ou varios dos seguintes efectos sobre a rede de sumidoiros.
a).- Formación de mesturas inflamables ou explosivas.
b).- Efectos corrosivos sobre os materiais constituíntes da rede municipal de sumidoiros, as súas instalacións, as instalacións e equipos das estacións depuradoras ou a alteración ou destrución dos procesos de depuración.
c).- Creación de condicións ambientais molestas, nocivas, tóxicas ou perigosas que impidan ou dificulten o acceso ou a labor do persoal encargado da limpeza, mantemento ou funcionamento das instalacións, ou poidan ocasionar calquera molestia ou perigo público, e en concreto a formación de gases tóxicos nos colectores que superen as concentracións máximas que se recollen no Anexo II do Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas.
d).- Produción de sedimentos, incrustacións, ou outras obstrucións físicas que dificulten o libre fluxo da auga polos colectores, obstaculicen os traballos de limpeza, conservación e arranxo da rede de sumidoiros, como cinzas, borralla, area, barro, palla, labra, vidro, plásticos, trapos, plumas, alquitrán, madeira, lixo, esterco, pezas metálicas, desperdicios de animais, pelo, vísceras, pezas de vaixela, amianto, envases de calquera material e outros análogas, sexan enteiras ou trituradas por motivos de desperdicios.
Artigo 6.- Queda prohibido verter á rede de sumidoiros calquera dos seguintes produtos:
a).- Gasolinas, naftas, petróleo, e produtos intermedios de destilación, benceno, tolueno, xileno e calquera disolvente ou líquido orgánico inmiscible en auga e combustible ou inflamable.
b).- Todo tipo de aceites industriais con base mineral ou sintética, lubricantes que se volvesen inadecuados para o uso que se lles asignara inicialmente e, en particular, os aceites usados dos motores de combustión e dos sistemas de transmisión, así como os aceites minerais lubricantes, aceites para turbinas, sistemas hidráulicos e outras emulsións.
c).- Residuos que polas súas concentracións ou características tóxicas ou perigosas requiran un tratamento específico ou control periódico dos seus efectos nocivos potenciais, e en especial os regulados na lexislación de Residuos Tóxicos e Perigosos, os residuos líquidos ou augas residuais que conteñan policlobifenilos )PCB) ou policloreterfenilos (PCT).
d).- Augas residuais cun valor de pH inferior ó 6 ou superior ó 10.
e).- Disolventes orgánicos e pinturas, calquera que sexa a súa proporción e cantidade.
f).- Carburo cálcico e outras substancias sólidas potencialmente perigosas (hidruros, peróxidos, cloratos, percloratos, bromatos, nitruros, sulfuros, etc.).
g).- Refugallos, isótopos ou produtos radioactivos que superen os límites establecidos no Real Decreto 2519/82, de 12 de agosto, que aproba o Regulamento sobre protección sanitaria contra radiacións ionizantes e na súa modificación aprobada por Real Decreto 1753/87.
h).- Residuos procedentes da limpeza de fosas sépticas.
i).- Tódolos residuos ou mesturas que conteñan substancias que non poidan ser eliminadas cos procesos de tratamento das estacións depuradoas de augas residuais urbanas ou que non sexan verquidos tolerados ou atípicos, conforme os artigos seguintes.
CAPÍTULO II.- VERQUIDOS TOLERADOS.
Artigo 7.- Tódalas actividades que vertan ou poidan verter á rede de sumidoiros substancias contaminantes as que fai referencia a relación I do Anexo ó Título III do Regulamento do Dominio Público Hidráulico deberán declara-las concentracións de verquidos das devanditas substancias ós efectos de autoriza-lo verquido á rede de sumidoiros.
Permitirase o verquido á rede de sumidoiros municipal a aqueles efluentes que atendidas as súas características non superen o establecido a continuación para os seguintes parámetros físico-químicos.
Parámetro // Unidade // Máximo instantáneo
Temperatura // ºC // 40
Sólidos en suspensión // mg/l // 600
Sólidos sedimentables // mg/l // 5
pH // unidades // 6-10
DB05 // mg/l // 600
DQO // mg/l // 1.500
Aceites e graxas // mg/l // 100
Fenois // mg/l // 5
Deterxentes aniónicos // mg/l // 12
Aldehídos // mg/l // 4
Pesticidas // mg/l // 0,2
Cloruros (CI.) // mg/l // 2.000
Sulfatos (SO42-) // mg/l // 2.000
Sulfatos (503 2-) // mg/l mg/l // 10
Fluaruros (F-) // mg/l // 10
Cianuros (CN-) // mg/l // 1
Amoníaco (NH3) // mg/l // 30
Nitratos (NO3-) // mg/l // 20
Nitróxeno total Kjeldhl // mg/l // 50
Fosfatos (PO4 3-) // mg/l // 60
Aluminio (AI) // mg/l // 10
Arsénico (As) // mg/l // 1
Bario (Ba) // mg/l // 20
Boro (B) // mg/l // 5
Cadmio (Cd) // mg/l // 0,2
Cobalto (Co) // mg/l // 0,2
Cobre (Cu) // mg/1 // 0,5
Cromo total (Cr) // mg/l // 4
Cromo hexav (Cr6+) // mg/l // 0,5
Ferro (Fe) // mg/l // 10
Manganeso (Mn) // mg/l // 2
Mercurio (Hg) // mg/l // 0,5
Molibdeno (Mo) // mg/l // 0,2
Niquel (Ni) // mg/l // 2
Chumbo (Pb) // mg/l // 0,7
Selenio (Se) // mg/l // 0,5
Estaño (Sn) // mg/l // 5
Zinc (Zn) // mg/l // 5
Sulfuros // mg/l // 5
Prata (Ag) // mg/l // 2
Os límites para os metais entenderanse como metais totais e non como metais disoltos.
Artigo 8.- Co fin de garantir un réxime de verquidos regular e continuo, quedan prohibidos aqueles verquidos periódicos ou espontáneos cando a súa concentración ou caudal excedan durante un prazo de quince minutos en mais de cinco veces o promedio da concentración o caudal de verquido durante a xornada laboral.
Cando resulten necesario para o cumprimento do presente artigo, deberán instalarse pretratamentos de homoxeneización e neutralización, e en particular depósitos de regulación.
O disposto nos apartados anteriores non afectaría ó necesario respecto das demais esixencias contidas neste regulamento.
CAPÍTULO III.- VERQUIDOS ATÍPICOS.
Artigo 9.- Serán obrigatoria a adopción de medidas axeitadas para evita-las descargas accidentais de verquidos que infrinxan o establecido no presente regulamento.
Se se producise situación de emerxencia ou de risco inminente, de producirse un verquido inusual, a persoa titular da actividade comunicará automaticamente ó Concello de Burela tal circunstancia a fin de adopta-las medidas oportunas de protección das instalacións públicas e dos medios receptores. Seguidamente remitirá ó Concello un informe detallado no que se conterán os seguintes datos:
- Características físico-químicas do verquido.
- Volume do verquido.
- Duración.
- Lugar da descarga.
- Causas que se orixinaron.
- Medidas adoptadas e correccións para evita-la súa reprodución no futuro.
O Concello investigará as causas que motivaron a situación de emerxencia ou de risco sen prexuízo das responsabilidades en que incorrese a persoa titular da actividade.
TÍTULO III: AUTORIZACIÓNS DE VERQUIDO
CAPÍTULO I.- AUTORIZACIÓNS DE NOVAS INSTALACIÓNS.
Artigo 10.- Tódalas solicitudes de licenza municipal de actividades e instalacións que orixinen ou poidan orixinar verquidos de augas residuais non domésticas á rede de sumidoiros deberán acompañarse da correspondente autorización de verquido e dunha copia da declaración de verquidos feita á concesionaria da xestión integral do Servizo Municipal de Abastecemento de Auga e Saneamento de este Concello.
A autorización de verquido será concedida pola concesionaria conforme á declaración de verquidos subscrita polo peticionario e o técnico redactor competente, tendo un carácter xeral para tódolos verquidos líquidos producidos pola actividade.
A información descritiva a aportar na declaración de verquidos de augas residuais á rede de sumidoiros incluirá os seguintes apartados:
a).- Datos xerais: Nome da empresa, dirección, actividade, número C.N.A.E. (3 díxitos), clase de actividade segundo o Regulamento do Dominio Público Hidráulico (R.D. 849/86), quendas de fabricación, días produtivos/ano e N.I.F.
b).- Subministro de auga: Caudal total anual, medio diario e máximo horario para os casos de abastecemento municipal ou abastecemento de augas superficial ou subterránea.
c).- Materias primas, produtos e procesos: Cantidades anuais de materias primas principais, produtos principais e aditivos empregados, denominación e descrición dos procesos que empregan auga, usos da auga, caudais e tempo de uso.
d).- Efluentes líquidos de verquido continuo: Augas fecais, augas de refrixeración, augas de proceso e augas de lavado.
e).- Efluentes líquidos de verquido discontinuo: Descrición de verquido líquido residual, proceso que o xenera, cantidade producida e horario das descargas.
f).- Sistema de seguridade para o caso de descargas accidentais.
O Concello de Burela deseñará os modelos de impreso para o desenvolvemento da Declaración de Verquidos.
A concesión de autorizacións de verquido á rede de sumidoiros estará condicionada á obtención da licenza municipal de instalación á actividade de que se trate e ó control preventivo do cumprimento do presente regulamento.
A tal fin, nos proxectos de instalación de actividades afectadas polo R.A.M.I.N.P. que orixinen ou poidan orixinar verquidos non domésticos de augas residuais á rede de sumidoiros, a declaración de verquidos incluirá un estudio xustificativo sobre as medidas correctoras previstas para que os verquidos de augas residuais cumpran o estipulado no presente regulamento.
Este estudio conterá como mínimo:
a).- Usos da auga.
Baixo este epígrafe terán que reflectirse, como mínimo, cada un dos distintos usos industriais da auga:
1.- Caudais e características físico-químicas de cada un dos efluentes líquidos residuais sen tratar.
2.- Localización dos efluentes líquidos residuais (punto de conexión co saneamento ou coa instalación correctora), sinalando no plano de planta.
b).- Medidas correctoras aplicadas.
Xustificaranse sempre que as características do total dos caudais empregados nas instalacións obxecto do proxecto de actividade, non cumpran os límites tolerados relacionados no artigo 7 do presente regulamento.
Esta xustificación conterá, cando menos, os seguintes apartados:
1.- Tipo de tecnoloxía a empregar.
2.- Descrición das instalacións de depuración ou eliminación para os efluentes líquidos xenerados.
3.- Localizacións das instalacións de depuración e eliminación, da arqueta ou rexistro individual, e do verquido líquido final ó saneamento municipal, grafiados en plano de planta.
4.- Características físico-químicas do verquido unha vez tratado.
c).- Información sobre os residuos perigosos xerados:
1.- Residuos fangosos.
2.- Aceites usados.
3.- Outros residuos tóxicos e perigosos.
4.- Destino que se lles dan ós subprodutos orixinados na depuración, se os houbese, en función das súas características, segundo o estipulado no R.D. 833/1988, de 20 de xullo.
Cando os datos consignados na declaración de verquidos non estean debidamente acreditados ou existan indicios racionais de anomalías nos datos presentados, poderá requirirse ó interesado ou peticionario para que presente unha análise do verquido feito por un laboratorio homologado. O técnico redactor competente e o peticionario serán responsables dos datos consignados na declaración de verquidos.
As actividades clasificadas que orixinen ou poidan orixinar verquidos directos de augas residuais a leitos ou augas subterráneas, ou dende terra ó mar, deberán solicita-la autorización de verquido de augas residuais ó órgano administrativo competente, con carácter previo á solicitude da licenza municipal de actividades e instalacións, debendo adxunta-lo xustificante correspondente coa mesma.
Artigo 11.- A autorización de verquido á rede de sumidoiros estará condicionada á comprobación do establecemento e eficacia das medidas correctoras contidas no proxecto de instalación ou fixadas na licenza de instalación para o que deberá dispoñerse de licenza de apertura ou autorización de posta en marcha e de acordo no seu caso, co procedemento establecido para a concesión de licencias de actividades clasificadas.
As solicitudes de autorización de verquido formuladas polos interesados resolveranse nun prazo máximo dun mes e coa maior celeridade posible. Na autorización de verquido poderán establecerse limitacións e condicións con respecto ós valores máximos e medios permitidos nas concentracións de contaminantes, características físico-químicas das augas residuais verquidas, límites de caudal de verquido, horario das descargas, instalacións de depuración, frecuencia de mostraxe e medicións, mantemento, informes técnicos, libro de rexistro e condicións complementarias que garanten o cumprimento do presente regulamento.
A comprobación da declaración de verquidos líquidos é vinculante para a posta en marcha e funcionamento de cada actividade ou industria clasificada, tendo a devandita autorización de verquido carácter provisional ata a realización de dita comprobación polo Concello. Dita comprobación realizarase por persoal competente (persoal municipal acreditado e/ou persoal técnico (a concesionaria do servizo), para o cal o peticionario da licenza de actividade ou industria clasificada dispón dun prazo de vinte días para solicita-la logo da concesión da alta de abastecemento e saneamento pola concesionaria.
Cando sexa desfavorable a comprobación de verquidos líquidos, a concesionaria dará de contado de baixa do servizo a actividades mentres non se subsanen as deficiencias observadas. A declaración de verquidos, a autorización de verquido e a comprobación de verquidos líquidos son os documentos básicos para o control dos verquidos non domésticos de augas residuais. Coa comprobación de verquidos poderán anularse, modificarse ou ampliarse as condicións e limitacións impostas na autorización de verquido. Toda a información acadada será incluída no correspondente inventario ou rexistro de verquidos á rede de sumidoiros conxuntamente coa identificación industrial.
Artigo 12.- Cando pola natureza do verquido se precisen ensaios posteriores ou comprobación do funcionamento das instalacións, e previa solicitude do titular, fixarase o prazo para efectua-los ensaios ou comprobacións e á súa finalización a persoa interesada solicitará a autorización do verquido.
Durante o indicado prazo poderanse conceder permisos provisorios de subministro de auga. Non obstante, tódalas autorizacións de verquido á rede de sumidoiros son revisables como máximo cada catro anos, podendo ser revocadas en caso de incumprimento das súas condicións, para o cal deberán ser semellantes os datos procedentes do control municipal e aqueles procedentes do autocontrol da empresa.
Para poder realizar cambios no verquido con respecto ós datos declarados deberase solicitar novamente autorización. O Concello de Burela poderá en calquera momento esixi-los datos do autocontrol ás actividades cun caudal de abastecemento e/ou de autoabastecemento de auga igual ou superior os 3.000 m3 no último ano, estando obrigados a levar un rexistro con cando menos os parámetros explicitados tanto na autorización de verquidos e como na comprobación de verquidos líquidos durante os últimos catro anos, para verificar que os verquidos non superen as limitacións establecidas no presente regulamento. Para isto, o titular da autorización de verquido tomará as mostras e realizará as análises correspondentes coa periodicidade fixada, remitíndoos anualmente ó Concello de Burela durante os primeiros catro anos.
Artigo 13.- A existencia de autorización de verquido será necesaria para formaliza-los contratos de subministro de auga ás actividades e para a concesión da licenza municipal de actividades e instalacións.
CAPÍTULO II.- INSTALACIÓNS EXISTENTES.
Artigo 14.- As instalacións en funcionamento e que dispoñan de licenza municipal de actividades e instalacións no momento da entrada en vigor do presente regulamento, deberán axustarse ós límites e condicións de verquido da mesma no prazo DUN ANO prorrogable por outro ano máis presentando previamente o proxecto de adaptación e se existen razóns que así o xustifiquen. Durante o indicado prazo deberán respectarse os límites fixados na normativa vixente con anterioridade.
Artigo 15.- As actividades ás que se refire o artigo anterior disporán dun prazo de seis meses para presentar no Concello e a través da concesionaria, unha declaración de verquidos na que se inclúa un estudio sobre o caudal e o seu réxime, concentración de substancias e características para as que se establecen limitacións no presente regulamento, así como as medidas correctoras necesarias para adaptarse ás determinacións do presente regulamento, conforme ó sinalado nos artigo 10 e 11.
As instalacións en funcionamento e que dispoñan de licenza municipal de actividades e instalacións no momento de entrada en vigor do presente regulamento, que pretendan verter ó saneamento de nova construción, deberán presentar con carácter previo a correspondente declaración de verquidos, ós efectos da posible autorización do verquido non doméstico, conforme ó sinalado nos artigos 10 e 11.
Tódalas actividades en funcionamento sen licenza municipal de actividades e instalacións que orixinen ou poidan orixinar verquidos de augas residuais que pretendan verter á rede de sumidoiros deberán solicita-la correspondente licenza municipal de actividades e instalacións, tramitándose conforme ó sinalado nos artigos 10 e 11, e sen prexuízo do cumprimento da legalidade urbanística, especialmente no caso daquelas actividades sometidas ó regulamento sobre actividades clasificadas.
CAPÍTULO III.- MODIFICACIÓNS DE INSTALACIÓNS.
Artigo 16.- Non poderán autorizarse ampliacións ou modificacións a instalacións existentes de non se respectaren no conxunto das instalacións ampliadas ou modificadas as condicións esixidas para as novas instalacións.
Artigo 17.- Calquera modificación que o/a titular dunha instalación desexe introducir nas materias primas, maquinaria, proceso produtivo, sistema de depuración ou de saneamento que poida afecta ó réxime de verquidos á rede de sumidoiros deberá poñerse en coñecemento do Concello para autorizala ou impoñer no seu caso as correccións oportunas.
Artigo 18.- En todo caso, o Concello poderá requiri-las actividades instaladas para que procedan a corrixi-las deficiencias que observasen a fin de cumpri-las esixencias contidas no presente regulamento e nas mesmas condicións que as novas instalacións.
TÍTULO IV: CONTROL DE VERQUIDOS
CAPÍTULO I.- INSPECCIÓN DE VERQUIDOS.
Artigo 19.- O Concello de Burela, a través dos seus servizos de inspección e da concesionaria do Servizo Municipal de Abastecemento de Auga e Saneamento, exercerá de oficio a inspección e vixilancia periódicas das actividades que vertan á rede de sumidoiros.
A inspección e vixilancia alcanzará ás instalacións das actividades que poidan afecta-la calidade do verquido, e en especial as arquetas de rexistro, as conducións de saneamento, os procesos produtores de verquidos e as plantas de pretratamento u depuración de augas.
Artigo 20.- As visitas de inspección xiraranse por persoal inspector competente (persoal municipal debidamente acreditado ou persoal técnico da concesionaria) sen que se requira a previa advertencia ó titular da actividade.
Os/as titulares das actividades deberán facilita-la práctica da inspección, e a tal fin, estarán obrigados ás seguintes actuacións:
a).- Facilita-lo acceso do persoal inspector ás distintas instalacións relacionadas co verquido así como a montaxe do equipo e instrumental de control.
b).- Permiti-la utilización de cantos instrumentos utilice a empresa coa finalidade de autocontrol, especialmente aqueles destinados para medida de caudais, toma de mostras e análises correspondentes.
c).- Poñer á disposición do persoal inspector os datos, partes de traballo, análises, libro de rexistro e canta información requiran en relación coa inspección.
Da inspección levantarase acta por triplicado que asinarán ou o inspector e a persoa reponsable da actividade no momento de realizarse a inspección e farase constar no libro de rexistro de visitas.
O libro rexistro de visitas será facilitado polo Concello de Burela e a persoa titular da actividade deberá gardalo e poñelo a disposición do persoal inspector competente cando así o soliciten en cada visita.
Poderase recoller unha mostra do verquido de augas residuais por triplicado que quedará precintada e etiquetada. Neste caso, conxuntamente entregarase ó interesado co exemplar da acta de inspección, unha das mostras tomadas, deixándose outra mostra en depósito para a posible análise dirimente. Se no momento da inspección non estivese presente a persoa titular ou responsable da actividade ou se negase a toma-la devandita mostra do verquido, esta quedará en depósito dispoñendo ó interesado de 24 horas a partir da recollida oficial para retira-la.
Transcorrido este prazo decae no dereito de face-la análise contraditoria por tratarse dun produto que pode modifica-las súas características físicas, químicas e biolóxicas co paso do tempo. No caso de face-la análise contraditoria, deberá presentarse nas instalacións municipais co técnico analista designado nas 24 horas seguintes á recolleita oficial, portando a mostra que obra no seu poder.
Transcorrido este prazo tamén decae no seu dereito a facer dita análise. Os parámetros analíticos serán os especificados na comprobación de verquidos líquidos ou, no seu defecto, na autorización de verquidos, pero en todo caso deberán ser cando menos os seguintes: pH, condutividade, sólidos en suspensión, DB05, DQO e aceites e graxas.
Artigo 21.- Os titulares das actividades deberán remitir ó Concello un informe periódico no que se sinale a definición da carga contaminante que verten e incluirán os caudais de verquido, a concentración de contaminantes, a duración e demais elementos necesarios para a súa definición.
A periodicidade do informe será establecida en cada caso pola Alcaldía en atención ós resultados das inspeccións practicadas polo Concello e dos niveis de carga contaminante que se comproben, así como do caudal verquido.
CAPÍTULO II.- MOSTRAXE DE VERQUIDOS.
Artigo 22.- Serán obrigatoria a existencia de saneamento independente para cada actividade ata conectar coa rede municipal de sumidoiros; e a tal fin, nas operacións de división de pavillóns existentes mantendo a unidade parcelaria ou nas edificacións apegadas nunha mesma parcela deberán establecerse saneamentos independentes para cada unha das unidades edificatoria.
Artigo 23.- Con independencia doutras arquetas comúns e antes destas, tódalas actividades, instalacións industriais ou industrias que vertan á rede municipal de sumidoiros, disporán dunha única arqueta ou rexistro individual para o verquido das augas residuais, que recolla todas aquelas que proveñan da actividade, e que deberá estar situada dentro da súa parcela, augas abaixo do derradeiro verquido, nun lugar accesible dende o exterior para os servizos de inspección, libre de todo obstáculo e atoparse en adecuado estado de limpeza para a súa función.
As súas dimensións e características deberán ser tales que permitan ós Servizos Técnicos Municipais tanto a recollida de mostras como a determinación do caudal verquido para o cal o Concello de Burela establecerá unha arqueta-tipo para o control individual de efluentes industriais, debendo axustarse a mesma.
Artigo 24.- As actividades en funcionamento á entrada en vigor da presente ordenanza disporán dun prazo de seis meses para a instalación da arqueta para toma de mostras nas condicións establecidas no presente regulamento. Esta esixencia deberana cumprir estritamente tódalas actividades que pertenzan a algún dos grupos seguintes:
1.- Actividades cun caudal de abastecemento e/ou de autoabastecemento igual ou superior a 3.000 m3 no derradeiro ano.
2.- Actividades que superen, ou poidan superar, nalgún momento algunha das limitacións contempladas no artigo 7 deste regulamento.
Este prazo ampliarase a un ano para aquelas actividades que precisen realizar obras de independización de redes de saneamento común a varias actividades, ou que precisen realizar obras para unifica-los verquidos dunha soa actividade nunha única arqueta.
Artigo 25.- Cando o caudal e a carga contaminante do verquido o fagan aconsellable para un control continuo de determinadas actividades especialmente contaminantes, o Concello esixirá a instalación dos equipos de medición de aforo, toma de mostras e control precisos.
Estes equipos de alerta, que serán propiedade dos titulares das actividades e se instalarán no lugar que o Concello sinale, deberán atoparse en adecuado estado de conservación.
Artigo 26.- A técnica na toma de mostras variará segundo a determinación a realizar. Para verquidos prohibidos, a toma de mostras poderá ser instantánea, tomada en calquera punto da instalación de saneamento e en calquera momento.
Para verquidos tolerados, a toma de mostras realizarase na arqueta final de verquido, terá unha duración mínima de unha hora e proporcional ó tempo de verquido e farase de acordo co estándar internacional ISO 5667-10 ou norma equivalente.
CAPÍTULO III.- CONTROL ANALÍTICO DE VERQUIDOS.
Artigo 27.- As mostras recollidas polos servizos municipais de inspección analizaranse inicialmente no laboratorio municipal. Non obstante, o persoal inspector poderá determinar “in situ” aqueles parámetros que poidan ser analizados deste xeito mediante técnicas normalizadas, o cal reflectirá na correspondente acta.
Artigo 28.- As análises para comproba-las características dos verquidos efectuaranse de acordo cos métodos patrón adoptados polo laboratorio municipal, conforme ó disposto na lexislación sobre métodos oficiais para augas, ou no seu caso no Standard methods for the examination of water an wastewater.
Artigo 29.- No caso de disconformidade cos resultados da mostra inicial, a persoa interesada poderá realizar unha análise contraditoria coa mostra que obra no seu poder debidamente precintada.
A tal fin a/o interesada/o disporá dun prazo de oito días dende a recepción dos resultados obtidos no laboratorio municipal para notificar que un laboratorio homologado ou admitido previamente polo Concello aceptou a mostra, ou que o laboratorio elixido é o laboratorio municipal.
Cando o laboratorio fose un laboratorio homologado, a persoa interesada disporá dun prazo dun mes dende a notificación da análise inicial para presentar ó Concello os resultados analíticos. Se non se presentase a análise en dito prazo estarase ó resultado da análise inicial.
Se a análise contraditoria se fixese no laboratorio municipal, o interesado poderá designar técnico competente para estar presente nos ensaios pertinentes, e o resultado entregarase ó/á interesado no prazo de un mes dende a notificación da análise inicial.
Artigo 30.- Caso de que os resultados da análise inicial e da contraditoria non sexan coincidentes en canto ó cumprimento ou non dos límites de verquido fixados neste regulamento, procederase á práctica dunha análises dirimente.
Esta análise practicarase no laboratorio homologado que designe o Concello ou naquel sen estar homologado acorden o Concello e a persoa interesada.
A análise realizarase sobre a mostra dirimente precintada que obre en poder do Concello conforme ó procedemento a que se refiren os artigos 20 e 26.
Os resultados desta análise determinarán o cumprimento ou incumprimento dos límites marcados no presente regulamento, sendo o seu custo aboado por quen presente unha análise que non coincida coa análise dirimente.
TÍTULO V: SUSPENSIÓN DE VERQUIDOS E DE ACTIVIDADES, INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 31.- O Alcalde poderá ordenar motivadamente a suspensión inmediata do verquido dunha actividade cando careza da autorización de verquido, o verquido incumpra as condicións establecidas na autorización de verquido ou na comprobación de verquidos líquidos, ou motivadamente cando os verquidos supoñan unha situación de risco grave para as instalacións públicas de saneamento, a saúde pública ou o medio ambiente.
Igualmente, poderá aplicarse cando as actividades realicen verquidos contaminantes ás augas superficiais ou subterráneas, ou dende terra ó mar que supoñan un risco grave ou danen os recursos naturais e o medio ambiente do termo municipal de Burela.
Poderá precintar a actividade, dala provisionalmente de baixa do Servizo de Abastecemento de Auga e Saneamento e adoptar conxuntamente outras medidas que permitan asegura-la efectividade da suspensión cautelar. A actividade causante do verquido deberá axeita-lo seu verquido ó presente regulamento e ás condicións particulares da autorización de verquido e da comprobación de verquidos, así como á lexislación ambiental aplicable vixente.
Consideraranse faltas ó presente regulamento as seguintes infraccións:
a).- A carencia de autorizacións ou permisos para o exercicio da actividade e posta en marcha e funcionamento das instalacións, así como o incumprimento das condicións esixibles nas devanditas autorizacións.
b).- A utilización da rede de sumidoiros sen a autorización de verquido, o incumprimento das condicións fixadas na autorización de verquido e na comprobación de verquidos líquidos ou o incumprimento da obriga de declara-las concentracións de calquera das substancias contaminantes os que fai referencia a relación 1 do anexo ó título III do Regulamento do Dominio Público Hidráulico.
c).- A resistencia ou demora para á instalación dos elementos correctores que fosen esixidos na aplicación do presente regulamento.
d).- O incumprimento dos prazos de adaptación das actividades existentes ás esixencias que para unha axeitada inspección se establecen nos artigos 15 e 24.
e).- A posta en funcionamento de aparellos ou instalacións prohibidos ou clausurados.
f).- A emisión de verquidos prohibidos ou que incumpran os límites para a súa tolerancia, así como a superación dos límites fixados para verquidos periódicos ou esporádicos no artigo 8.
g).- A falta de advertencia ó Concello da existencia dunha situación de emerxencia ou de risco inminente para as instalacións da rede de sumidoiros ou de depuración, así como a falta de remisión do oportuno informe posterior á situación de emerxencia ou risco.
h).- A omisión das medidas procedentes para diminuí-las descargas accidentais por enriba dos límites do presente regulamento.
i).- A obstaculación do labor inspector en relación coa vixiancia do cumprimento do presente regulamento.
j).- A falta de mantemento das instalacións de verquido que dificulten as labores de inspección.
Artigo 32.- As faltas serán sancionadas con multa de ata 3.000 euros e clausura temporal ou definitiva das instalacións.
A sanción de clausura temporal ou definitiva soamente poderá ser imposta logo da imposición de tres multas, coa excepción de que a falta cometida fose a carencia de autorizacións ou permisos para o exercicio da actividade, ou o incumprimento de calquera das condicións que sexan esixibles nas devanditas autorizacións. En tal caso, poderase impoñer a clausura ata que se concedan as autorizacións ou sexan cumpridas as condicións que fose esixibles.
Artigo 33.- A sanción de clausura levará implícita a suspensión temporal ou definitiva no subministro de auga e do saneamento á actividade de que se trate ou polo tempo en que dita clausura sexa acordada.
Artigo 34.- A imposición de sancións non exclúe en ningún caso a obriga da persoa titular da actividade de repara-lo dano causado e de responder dos danos producidos ás instalacións municipais. Neste último caso, a reparación será desenvolta polo Concello de Burela a costa do infractor. Se non se puidesen repoñer o seu estado anterior, o infractor deberá indemnizar polos danos e prexuízos ocasionados.
TÍTULO VI: NORMAS ADICIONAIS DE PROTECCIÓN. REXISTRO DE VERQUIDOS. RÉXIME FISCAL
Artigo 35.- Na elaboración de plans que desenvolvan o Plan Xeral de Ordenación urbana de Burela que afecten a zonas onde se localicen actividades industriais, será preceptivo un estudo técnico sobre a previsible contaminación por verquidos residuais.
Artigo 36.- A non presentación da oportuna declaración de verquidos non exime de obrigatoriedade de establece-las medidas correctoras que procedan, esixible de acordo coa normativa xeral e as normas contidas neste regulamento.
Artigo 37.- O Concello de Burela elaborará un inventario ou rexistro de verquidos conforme ás declaracións de verquidos. Autorizacións de verquido e comprobacións de verquidos co obxecto de identificar, clasificar e regula-los verquidos non domésticos de augas residuais.
De acordo co anterior rexistro e o que resulte das comprobacións efectuadas, o Concello de Burela cuantificará periodicamente as diversas clases de verquidos. A concesionaria do Servizo Municipal de Abastecemento de Auga e Saneamento devolverá as devanditas funcións de control rutinario, en comunicación permanente cos servizos técnicos municipais competentes.
Artigo 38.- Mediante a correspondente Ordenanza Fiscal Municipal, os titulares de verquidos de augas residuais satisfarán a taxa ou canón de verquido que se fixe.
Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, de 13 de xullo, Reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativo, no prazo de 2 meses, contados dende a data de publicación, sen prexuízo do exercicio de calquera outro recurso que estime oportuno.
Burela, 20 de setembro de 2006.- O Alcalde, José González Barcia.
Data norma
Organismo
OUTRAS ADMINISTRACIÓNS
Ámbito Normativo
Local
Rango legal
Outros
Clasificación
AUGAS CONTINENTAIS

| NOME DO DOCUMENTO | TÍTULO | DESCARGAR | Sen datos dispoñibles |
|---|
| TÍTULO | DATA PUBLICACIÓN | Sen datos dispoñibles |