Diario Oficial de Galicia, 24-04-2007, Núm. 79, Páx. 6582
Orde do 20 de abril de 2007 pola que se regula a concesión de subvencións aos concellos de Galicia para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico.
A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, que constitúe o marco normativo vixente nesta materia, ten entre os seus principais obxectivos mellorar substancialmente a calidade da ordenación urbanística coa finalidade de favorecer un desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.
A devandita lei estableceu a obriga de que o planeamento urbanístico fose adaptado ás súas previsións, dentro dos prazos que a dita norma contempla. Concluídos os prazos de adaptación, a maioría dos instrumentos de planeamento actualmente en vigor non foron adecuados ás previsións da Lei 9/2002.
Os diferentes plans de ordenación urbanística, que constitúen os instrumentos adecuados a través dos cales se materializa un modelo territorial determinado, implican un importante esforzo orzamentario para que os concellos galegos procedan á súa redacción.
Malia o anterior, a consideración do urbanismo como unha materia en que as competencias son compartidas, constitúe a causa de que a Administración autonómica, por medio da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, participe no labor de adaptación do planeamento ás previsións da devandita Lei 9/2002, estimándose como mecanismo máis adecuado para tal finalidade o establecemento dunha liña de subvencións dirixidas a contribuír ao financiamento necesario para a redacción dos instrumentos de planeamento urbanístico máis relevantes.
Dúas son as notas que caracterizan as bases reguladoras de tales subvencións e que se establecen nesta orde. Primeiramente, e no que atinxe ao seu ámbito de aplicación subxectivo, as subvencións para redacción de plans xerais de ordenación municipal teñen como destinatarios os concellos de Galicia cunha poboación que non supere a cifra dos 50.000 habitantes. Para os que superen esta cifra, as axudas poderán concederse mediante a sinatura dun convenio de colaboración, no cal se establecerán as súas específicas condicións. Así mesmo, tamén poderán ser obxecto de convenio aqueles outros instrumentos de ordenación urbanística de iniciativa pública, de xustificado interese público e urxente necesidade, independentemente da cifra de poboación do concello. Tal cifra tampouco resulta aplicable aos demais instrumentos de planeamento que, diferentes dos devanditos plans xerais de ordenación municipal, son susceptibles de seren subvencionados ao abeiro desta orde.
En segundo lugar, no relativo ao procedemento de concesión das anteditas subvencións, debe destacarse a inexistencia da concorrencia competitiva, dado que as bases reguladoras non parten da comparación das solicitudes recibidas senón do cumprimento por cada concello solicitante dos requisitos establecidos para a obtención da subvención, polo que se considera non necesario avaliar outras cuestións.
Consecuentemente co exposto, logo dos informes favorables da Asesoría Xurídica, Intervención Delegada nesta Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Dirección Xeral de Planificación e Fondos Comunitarios e Dirección Xeral de Calidade e Avaliación de Políticas públicas; e no exercicio das facultades que teño atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo 1º.- Obxecto e beneficiarios.
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan en 2007 a convocatoria e a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións que poida conceder a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para redacción dos instrumentos de planeamento urbanístico que detalla o artigo 2º.
2. Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta orde os concellos de Galicia, así como as agrupacións de concellos a que alude a alínea 1-b) do artigo 2º.
Artigo 2º.- Instrumentos de planeamento susceptibles de seren subvencionados.
1. Poderá ser obxecto de subvención a redacción dos seguintes instrumentos de planeamento:
a) Plans xerais de ordenación municipal dos concellos de Galicia cunha poboación que non supere a cifra dos 50.000 habitantes.
b) Plans xerais de agrupacións de concellos que formen unha unidade de planeamento homoxénea, sempre que acrediten o cumprimento das condicións que establece o artigo 82 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
c) Plans especiais definidos nos artigos 69 e 72 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
d) No suposto de plans xerais de ordenación municipal ou de plans especiais en execución, a elaboración da documentación necesaria para dar cumprimento aos trámites exixibles a teor do previsto pola Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.
e) A redacción de plans xerais de ordenación municipal daqueles concellos cuxo planeamento urbanístico xeral estea suspendido ou con acordo de inicio de suspensión ditado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, segundo establece o artigo 96.2º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, así como o que, estando en vigor, resultase anulado en virtude de sentenza xudicial.
2. Tamén poderán ser obxecto de subvención os instrumentos de planeamento, de entre os contemplados nos anteriores números que, á data de entrada en vigor desta orde, estivesen xa contratados ou en fase de contratación e que aínda non acadasen a súa aprobación definitiva.
Artigo 3º.- Solicitudes.
1. As entidades previstas no número 2 do artigo 1º, interesadas en obter as subvencións reguladas por esta orde, deberán presentar a correspondente solicitude, subscrita por quen exerza a súa representación legal, de conformidade coas previsións do artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo o modelo que se publica como anexo I.
2. A solicitude, dirixida á Dirección Xeral de Urbanismo, acompañarase da documentación sinalada no artigo 5º e poderá presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
3. Para os efectos do previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, mediante a presentación da solicitude de subvención, así como coa sinatura do anexo I, a entidade solicitante presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para que esta inclúa e faga públicos nos referidos rexistros e páxina web os datos relevantes relativos ás subvencións recibidas e ás sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a solicitante poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición mediante escrito dirixido á Consellería de Economía e Facenda.
Artigo 4º.- Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo para a presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e concluirá o 31 de outubro de 2007.
Artigo 5º.- Documentación.
Xunto coa solicitude a que alude o artigo 3º, as entidades interesadas en obter as subvencións obxecto desta orde, deberán achegar a documentación que deseguido se indica, en orixinal ou por medio de copias compulsadas:
a) Memoria explicativa da finalidade da subvención que se solicita e, se é o caso, referencia ás circunstancias específicas que, a xuízo da solicitante, concorran na súa solicitude.
b) Para os casos expresados no artigo 2º, números 1-d) e 2 desta orde, documentación acreditativa dos antecedentes de contratación dos traballos e do seu estado actual de execución, así como valoración xustificada do importe dos traballos complementarios exixibles a teor do previsto pola Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.
c) Cronograma que recollerá as previsións de execución dos traballos para os cales se solicita a subvención, segundo o modelo que se xunta a esta orde como anexo II.
d) Orzamento base estimado subvencionable (OBES): no caso de solicitudes presentadas para obter subvención para a redacción dun Plan Xeral de Ordenación Municipal, o OBES será o resultado de aplicar os criterios que se indican no inciso primeiro da alínea a) do artigo 12º.2 e no anexo A desta orde. Para estes efectos a entidade solicitante deberá achegar debidamente cuberto o anexo III.
No suposto de solicitudes recibidas para a redacción de calquera dos restantes instrumentos de planeamento susceptibles de seren subvencionados ao abeiro desta orde, segundo determina o segundo inciso da alínea a) do citado artigo 12º.2, achegarase unha valoración xustificada do custo da súa redacción con base na finalidade, extensión e complexidade dos traballos que se van realizar, que deberá ser subscrita por técnico competente.
e) A que acredite a personalidade e o apoderamento suficiente e subsistente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante certificado expedido para tales efectos pola secretaría xeral do concello solicitante.
f) Certificado expedido pola secretaría xeral do Concello en que se recolla o acordo do Pleno do Concello de solicitar as subvencións previstas nesta orde e a concreta finalidade para a cal se solicitan.
g) Declaración do representante legal do concello solicitante en que conste o conxunto das axudas, subvencións, recursos económicos ou mesmo ingresos, solicitados, aprobados, concedidos ou mesmo pendentes de resolución, para a mesma finalidade para a que solicita a subvención á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, das distintas administracións públicas, entes público ou privados, nacionais, da Unión Europea ou mesmo internacionais, seguindo o modelo que se xunta como anexo IV.
h) Autorización do representante legal da entidade solicitante para que a Xunta de Galicia poida utilizar o documento de planeamento obxecto da subvención, publicalo de xeito convencional ou a través de páxina web, así como para que poida percibir, de ser o caso, os importes para resarcimento dos custos derivados da publicación e/ou venda de contidos do documento de planeamento subvencionado, utilizando o modelo do anexo V desta orde.
Artigo 6º.- Normas de instrución do procedemento.
O procedemento de concesión das subvencións que regula esta orde substanciarase de conformidade coas normais xerais aplicables aos procedementos administrativos iniciados por solicitude dos interesados, así como polas seguintes previsións:
a) De conformidade co establecido no artigo 1º, as subvencións contempladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia non competitiva e ata esgotar o crédito orzamentario destinado ao seu financiamento. Consecuentemente, serán concedidas sen comparación con outras solicitudes.
b) O procedemento considerarase iniciado para a solicitante na data en que tivese entrada a súa solicitude no correspondente rexistro.
c) As solicitudes de subvención que cumpran os requisitos exixidos por esta orde, acompañadas da correspondente documentación, atenderanse pola orde cronolóxica de presentación.
d) Será competente para a instrución do procedemento e formular a correspondente proposta de resolución a Subdirección Xeral de Urbanismo.
Artigo 7º.- Resolución.
1. O prazo para ditar e notificar a resolución que proceda será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da entrada da correspondente solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.
2. A resolución favorable pola que se subvenciona o instrumento de planeamento de que se trate conterá, como mínimo, os seguintes puntos:
a) Finalidade concreta para a cal se concede.
b) Importe da subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.
c) Previsións temporais e importe das anualidades e dos aboamentos parciais.
d) Calquera outra especificación que se considere oportuna en cada caso concreto.
3. Transcorrido o prazo dun mes sen que se lle notificase a resolución expresa, a solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, de conformidade co disposto no parágrafo 2º do artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
4. Sen prexuízo do previsto no artigo 13º desta orde, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou mesmo internacionais, poderá dar lugar a unha nova resolución que modifique as condicións e importe da subvención.
Artigo 8º.- Réxime de recursos.
As resolucións dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra delas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para a solicitante a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Malia o anterior, por ter a recorrente a condición de Administración pública, poderá facer uso do requirimento previo a que alude o artigo 44 da antedita Lei 29/1998.
Artigo 9º.- Financiamento.
1. As subvencións outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.521A.760 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, destinándose para tal finalidade tres millóns de euros (3.000.000 de euros). De resultar necesario, esta cantidade poderá ser incrementada en función das dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, destinaranse á finalidade desta orde os importes que, se é o caso, se produzan coma consecuencia da renuncia e/ou anulación de subvencións concedidas ao abeiro de ordes de anos anteriores.
2. As subvencións poderán ser de carácter plurianual cos límites e porcentaxes establecidos no artigo 58.3º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
3. Para o suposto de que a subvención concedida non alcance o 100% do custo de redacción do instrumento de planeamento, a entidade solicitante
deberá achegar certificación que acredite a aplicación de fondos propios ao financiamento da actividade subvencionada.
4. De conformidade co previsto no artigo 40.1º do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, as subvencións obtidas ao abeiro desta orde non poderán ser aplicadas á finalidade distinta para aquela que foron concedidas.
Artigo 10º.- Compatibilidade de axudas e subvencións.
1. As subvencións previstas nesta orde decláranse compatibles con outras axudas, subvencións, recursos económicos ou ingresos que a entidade beneficiaria obteña das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou mesmo internacionais para a mesma finalidade para a cal lle foi concedida a subvención pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. Malia isto, a suma total de tales recursos económicos percibidos pola beneficiaria non poderá superar o 100% do orzamento total que require a actuación subvencionada. Neste caso, a subvención concedida ao abeiro desta orde reducirase ata acadar o cumprimento da condición establecida anteriormente.
2. A obtención por parte da beneficiaria dos recursos económicos declarados compatibles coa subvención concedida deberá ser comunicada tan pronto como se coñeza á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.
Artigo 11º.- Subcontratación.
1. Para os efectos do previsto no artigo 29.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, expresamente se autoriza as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde para que subcontraten ata o 100% do importe dos traballos necesarios para a redacción dos instrumentos de planeamento susceptibles de seren subvencionados. Tal autorización considérase concedida sen prexuízo do previsto na alínea b) do artigo 18º desta orde, así como, se é o caso, do cumprimento das previsións que establecen os números 3º e seguintes do devandito artigo 29.
2. A autorización prevista no parágrafo anterior entenderase concedida con carácter retroactivo para os supostos de que a redacción do instrumento de planeamento subvencionable estivese contratada ou en fase de contratación.
Artigo 12º.- Cálculo da contía da subvención.
1. Os límites dos importes das subvencións que poida conceder a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para a realización das actividades susceptibles de seren subvencionadas ao abeiro desta orde, estarán determinados pola aplicación dos criterios que se determinan nos seguintes números.
2. Para determinar o importe da subvención que se poida conceder, observaranse as seguintes regras:
a) Primeiramente establecerase o OBES:
- Os criterios para determinar o OBES de plans xerais de ordenación municipal, serán a poboación do concello (C1), a súa superficie en quilómetros cadrados (C2), o número das súas entidades de máis de cinco vivendas segundo o nomenclátor (C3), poboación do seu núcleo máis poboado (C4), número dos seus núcleos de máis de mil habitantes (C5) e tipo do seu planeamento vixente (C6). A cada criterio corresponderá un valor, obtido en función dos datos e baremo que figuran no anexo A desta orde. O importe do OBES será o resultado de realizar a seguinte operación aritmética:
C1xC2xC3xC4xC5xC6x142.000 A.
- O OBES para os restantes instrumentos de planeamento estará determinado pola valoración xustificada do custo da súa redacción con base na finalidade, extensión e complexidade dos traballos a realizar, que deberá ser subscrita por técnico competente.
b) Ao importe do OBES seranlle aplicadas as porcentaxes que máis abaixo se indican, establecidas en función da poboación do concello solicitante, e o seu resultado determinará a subvención, sen prexuízo das previsións contidas no artigo seguinte.
- Concellos cunha poboación que non supere a cifra dos 5.000 habitantes, así como aqueles que estean comprendidos nas circunstancias que menciona o artigo 2º.1, alínea e): 100%.
- Concellos cunha poboación comprendida entre os 5.001 e 20.000 habitantes: o 90%.
- Concellos cunha poboación comprendida entre os 20.001 e 50.000 habitantes: o 80%.
3. Para os efectos do previsto na alínea b) tomaranse como referencia as cifras oficiais de poboación a data 1 de xaneiro de 2006, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.
4. A Subdirección Xeral de Urbanismo verificará a correcta aplicación dos criterios establecidos para determinar o OBES de redacción de plans xerais de ordenación municipal, ou conformará a valoración xustificada do custo da redacción dos restantes instrumentos de planeamento a que alude a alínea d) do artigo 5º.
5. No suposto de discrepancia na aplicación dos criterios para determinar o OBES ou desconformidade coa valoración achegada, o concello solicitante disporá dun prazo de dez días hábiles para formular alegacións.
Artigo 13º.- Modificacións do importe da subvención inicialmente aprobada.
Cando o importe do contrato subscrito pola entidade beneficiaria co equipo redactor dos traballos para os que se concedeu a subvención sexa inferior ao OBES, procederase á modificación da subvención aprobada mediante a aplicación ao dito importe contractual das porcentaxes previstas na alínea 2-b) do artigo anterior. O seu resultado será a contía definitiva da subvención concedida; figurará nunha nova resolución do órgano competente para resolver e seralle comunicada á entidade solicitante.
Artigo 14º.- Pagamento das subvencións.
O pagamento das subvencións concedidas ao abeiro desta orde terá lugar mediante aboamentos parciais logo de que a entidade beneficiaria o solicite e xustifique documentalmente o cumprimento dos trámites e requisitos que se detallan nos artigos seguintes ou de oficio pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, por corresponderlle, segundo a normativa urbanística aplicable, algún dos trámites detallados nos artigos seguintes.
Artigo 15º.- Aboamentos parciais.
Os aboamentos parciais das subvencións concedidas estarán en función das previsións temporais, importes e traballos necesarios para a redacción do planeamento de que se trate segundo a correspondente resolución de concesión, e que, en todo caso, se axustarán ás seguintes pautas e porcentaxes sobre do importe da subvención concedida:
a) Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM):
1º aboamento: logo da sinatura do contrato de redacción do plan: 20%.
2º aboamento: emitido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes o informe preceptivo, previo á aprobación inicial do plan, e sempre que non sexa desfavorable: 20%.
3º aboamento: certificada a aprobación inicial do plan polo órgano municipal competente, así como a inserción dos anuncios de exposición pública: 20%.
4º aboamento: certificada a aprobación provisoria do plan polo órgano municipal competente: 20%.
5º aboamento: aprobado definitivamente o plan pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes: 20%.
b) Plan especial de protección previsto no PXOM, agás os que estean previstos para establecer a ordenación pormenorizada de solo urbano consolidado:

2º aboamento: certificada a aprobación inicial do plan polo órgano municipal competente, así como a inserción dos anuncios de exposición pública: 50%.
3º aboamento: certificada a aprobación definitiva do plan polo órgano municipal competente e logo da remisión á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes dos exemplares exixidos pola lexislación urbanística: 30%.
c) Plan especial de protección non previsto no PXOM e plan especial de protección que estableza a ordenación detallada do solo urbano consolidado:

2º aboamento: certificada a aprobación inicial do plan polo órgano municipal competente, así como a inserción dos anuncios de exposición pública: 30%.
3º aboamento: emitido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes o informe preceptivo e vinculante, previo á aprobación definitiva, e sempre que non sexa desfavorable: 30%.
4º aboamento: certificada a aprobación definitiva do plan polo órgano municipal competente e logo da remisión á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes dos exemplares exixidos pola lexislación urbanística: 20%.
d) Plans especiais de protección, rehabilitación e mellora do medio rural:

3º aboamento: certificada a aprobación provisoria do plan polo órgano municipal competente: 30%.
4º aboamento: aprobado definitivamente o plan pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes: 20%.
Artigo 16º.- Xustificación.
1. Para proceder aos aboamentos parciais mencionados no artigo anterior, vinculados a trámites que corresponden á beneficiaria, será necesario que o concello, previamente e sen prexuízo de que achegue orixinal ou copia compulsada da correspondente documentación, remita certificado expedido pola secretaría xeral do concello en que conste, segundo proceda:
- As principais características do contrato de redacción do plan de que se trate co equipo redactor (identificación do adxudicatario, data de sinatura, importes total e parciais, forma de pagamentos, cronograma de redacción dos traballos, etc), así como a referencia ao pagamento ao dito equipo dunha cantidade non inferior ao importe do primeiro aboamento que corresponda segundo as porcentaxes indicadas no artigo anterior.
- O contido do correspondente acordo de aprobación adoptado polo órgano municipal competente e a referencia a que se produciu a inserción dos anuncios de exposición pública, con expresión do lugar e data de tales insercións.
2. Considerarase cumprido parcialmente o obxecto e finalidade para que foi concedida a subvención cando a entidade beneficiaria xustifique a realización dos trámites indicados no artigo anterior e que segundo a normativa urbanística sexan da súa competencia. Malia isto, a acreditación da sinatura do contrato de redacción dos traballos non terá a consideración de cumprimento parcial.
3. En todo caso, antes de proceder ao último aboamento parcial a beneficiaria deberá acreditar a aplicación da totalidade dos fondos recibidos á finalidade para a cal lle foi concedida a subvención, así como os fondos propios que destinou a tal fin.
4. Xunto coa documentación necesaria para cada un dos aboamentos parciais que corresponda, a entidade beneficiaria achegará á Dirección Xeral de Urbanismo copia en soporte dixital dos traballos efectuados, nas condicións especificadas nos correspondentes pregos de contratación.
Artigo 17º.- Coordinación.
1. A Dirección Xeral de Urbanismo, co obxecto de comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos para a obtención das subvencións que regula esta orde, supervisará a execución e desenvolvemento dos traballos de redacción do instrumento de planeamento subvencionado.
2. Para tal finalidade, así como para unha adecuada coordinación coa referida dirección xeral, o concello beneficiario da subvención concedida deberá comunicar o nomeamento dun director dos traballos. Será o interlocutor ante as unidades administrativas da dita dirección xeral que asuman a concreta supervisión do desenvolvemento e execución tanto material como temporal da redacción do instrumento de planeamento subvencionado.
Artigo 18º.- Obrigas.
As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumpriren as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:
a) Realizar as actividades para as cales se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que poidan desenvolvela.
b) Incorporar nos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na contratación do equipo redactor do instrumento de planeamento urbanístico subvencionado, as prescricións aprobadas para tal finalidade pola Dirección Xeral de Urbanismo.
c) Entre os vogais das mesas de contratación constituídas para adxudicar os contratos de redacción dos instrumentos de planeamento urbanístico susceptibles de subvención, figurará un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, designado por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo. Para estes efectos, a beneficiaria deberá solicitar da dita dirección xeral tal designación.
d) Acreditar ante a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida coa finalidade de verificar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.
e) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás previstas na lexislación do Consello de Contas ou Tribunal de Contas e, para o suposto de cofinanciamento coa Unión Europea, ás que poida efectuar o Tribunal de Contas da Unión Europea.
f) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública e logo de que estea definitivamente aprobado, que o instrumento de planeamento de que se trate foi elaborado coa subvención da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.
Artigo 19º.- Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención.
1. De conformidade co previsto no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, o incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria das obrigas establecidas nesta orde, así como na demais normativa aplicable con carácter xeral ás subvencións públicas que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, orixinará, tendo en consideración a natureza e causas do incumprimento, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de subvención máis os de demora producidos desde o momento do seu pagamento.
2. Os aboamentos parciais que correspondan a acordos de aprobación definitiva adoptados polos órganos municipais competentes quedarán condicionados ao control de legalidade que sobre de tales acordos debe exercer á Xunta de Galicia en virtude do previsto pola lexislación urbanística, así como pola de réxime local.
3. Antes de producirse o derradeiro pagamento parcial, a beneficiaria deberá achegar unha declaración complementaria do conxunto das axudas, subvencións, recursos económicos ou mesmo ingresos,
solicitados, aprobados, concedidos ou mesmo pendentes de resolución, para a mesma finalidade para a cal lle foi concedida a subvención pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou mesmo internacionais.
Se da correspondente comprobación deriva que a beneficiaria percibiu recursos económicos superiores ao 100% do orzamento que require a actividade subvencionada, procederá ao reintegro á comunidade autónoma do exceso obtido e dos xuros de demora correspondentes, segundo dispón o artigo 37.3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Artigo 20º.- Fiscalización e control.
1. A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas nas lexislacións do Consello de Contas e Tribunal de Contas.
2. Os beneficiarios e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou a xustificación estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como polos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro, que para esta finalidade terán as facultades que lle outorga o artigo 78.11º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 21º.- Réxime sancionador.
As infraccións administrativas cometidas en relación coas subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como polo previsto no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.
Artigo 22º.- Publicidade.
As subvencións concedidas ao abeiro desta orde serán obxecto de publicación na forma e prazos establecidos polos artigos 18, da Lei 38/2003, do 13 de novembro, xeral de subvencións, e 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e nas condicións que determina o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
Disposicións adicionais
Primeira.- Delégase no director xeral de Urbanismo o exercicio das competencias necesarias para resolver a concesión ou denegación das subvencións solicitadas ao abeiro desta orde, así como autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer ao conselleiro de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos que procedan.
Segunda.- Pola natureza das actuacións subvencionables ao abeiro desta orde, e de conformidade co previsto no número 2º do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 41 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, as entidades locais quedan exentas de xustificar que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias de carácter estatal e autonómico ou coa Seguridade Social, así como de non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma. Así mesmo, en virtude do previsto polo artigo 43, parágrafo 2º da referida Lei 14/2006, a presentación das solicitudes para obter as subvencións reguladas por esta orde, comporta a autorización da entidade solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditacion do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.
Terceira.- Se como consecuencia das resolucións de concesión das subvencións previstas nesta orde se esgotar o crédito orzamentario destinado ao seu financiamento, as solicitudes non atendidas, se cumpren os requisitos establecidos para tales efectos, incorporaranse á primeira resolución de concesión da convocatoria seguinte, aspecto este que se poñerá en coñecemento das solicitantes.
Cuarta.- A Dirección Xeral de Urbanismo poderá realizar, durante o prazo de vixencia da orde, os reaxustes das anualidades orzamentarias que considere necesarias, logo de analizado o ritmo de execución dos traballos subvencionados. Os referidos reaxustes non poderán variar o importe total da subvención concedida, o seu réxime xurídico ou mesmo modificar, no seu conxunto, as porcentaxes que sobre o investimento plurianual establece o artigo 58.3º, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. De tales actos darase traslado ao concello afectado.
Disposición transitoria
Única.- As corporacións locais beneficiarias de subvencións concedidas para a redacción do planeamento urbanístico ao abeiro de ordes de anos anteriores, poderanse acoller aos beneficios desta orde sempre que xunten á correspondente solicitude o acordo do órgano municipal competente en que se recolla expresamente a súa renuncia ás cantidades pendentes de libramento da axuda vixente no momento da nova petición. Neste caso, a resolución de concesión da nova axuda ou subvención determinará as deducións que, en función dos libramentos anteriores, proceda aplicar en cada caso.
Disposicións derradeiras
Primeira.- Autorízase o director xeral de Urbanismo para ditar no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.
Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2007.
María José Caride Estévez
Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes
ANEXO A
(Artigo 12.2-a da orde)
Criterios para determinar o orzamento base estimando subvencionable (OBES) para redacción de plans xerais de ordenación municipal (PXOM):
Datos correspondentes ao concello solicitante: Valor resultante
C1 - Poboación segundo as cifras oficiais de poboación á data do 1 de xaneiro de 2006, publicadas polo Instituto Galego de Estatística:
- Ata 5.000 habitantes: 0,80
- Entre 5.001 e 8.000 habitantes: 0,90
- Entre 8.001 e 12.000 habitantes: 1,00
- Entre 12.001 e 20.000 habitantes: 1,20
- Entre 20.001 e 50.000 habitantes: 1,50
C2 - Superficie en km:
- Ata 10 km: 0,75
- Máis de 10 km ata 30 km: 0,80
- Máis de 30 km ata 80 km: 0,95
- Máis de 80 km ata 130 km: 1,00
- Máis de 130 km ata 200 km: 1,10
- Máis de 200 km ata 300 km: 1,30
- Máis de 300 km: 1,50
C3 - Número de entidades de máis de 5 vivendas segundo o Nomenclátor:
- Ata 20: 0,80
- Entre 21 e 40: 0,85
- Entre 41 e 80: 0,95
- Entre 81 e 130: 1,00
- Entre 131 e 200: 1,10
- Entre 201 e 300: 1,15
- Máis de 300: 1,25
C4 - Poboación do núcleo máis poboado:
- Ata 500 habitantes: 0,90
- Entre 501 e 1.000 habitantes: 1,00
- Entre 1.001 e 2.000 habitantes: 1,05
- Entre 2.001 e 5.000 habitantes: 1,10
- Entre 5.001 e 15.000 habitantes: 1,25
- Entre 15.001 e 50.000 habitantes: 1,50
C5 - Número de núcleos de máis de 1.000 habitantes:
- 1 ou ningún: 1,00
- Entre 2 e 5: 1,10
- Entre 6 e 10: 1,25
- Máis de 10: 1,50
C6 - Tipo de planeamento vixente:
- PXOM aprobado con posterioridade a 1997: 1,00
- Outras situacións: 1,20
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Rango legal
Orde
Clasificación
ENERXÍAS RENOVABLES E EFICIENCIA ENERXÉTICA
ESPAZOS NATURAIS E PATRIMONIO FORESTAL
LOITA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS
CONTAMINACIÓN
MEDIO AMBIENTE XERAL
ORDENACIÓN DO TERRITORIO E URBANISMO
INVESTIGACIÓN AMBIENTAL
AXUDAS E SUBVENCIÓNS
EDUCACIÓN E FORMACIÓN AMBIENTAL
CAZA, PESCA E MARISQUEO
ECOAUDITORÍAS/ECOETIQUETADO

| TÍTULO | DATA PUBLICACIÓN | Sen datos dispoñibles |
|---|