Orde do 18 de xullo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras, así como a súa convocatoria para os anos 2007-2008, de subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Diario Oficial de Galicia, 09-08-2007, Núm. 154, Páx. 13595
Orde do 18 de xullo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras, así como a súa convocatoria para os anos 2007-2008, de subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O artigo 19.1º da Lei 5/2007, do 3 de abril, da rede de parques nacionais, establece que, coa finalidade de promover o desenvolvemento sustentable destes espazos, as administracións públicas, dentro do seu ámbito competencial e conforme as dispoñibilidades orzamentarias, poderán conceder axudas técnicas, económicas e financeiras nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais. O Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro, polo que se regulan as subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parque nacionais, recoñece expresamente que a tramitación e resolución dos procedementos de concesión destas subvencións lle corresponde ás comunidades autónomas. Este real decreto sinala no seu artigo 5 que a concesión de subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais require convocatoria anual previa pública por parte daquelas comunidades autónomas que dispoñan no seu territorio dalgún parque nacional, convocatoria que debe conter as especificacións mínimas que determina o mencionado precepto. O procedemento ordinario de concesión das subvencións tramitarase no réxime de concorrencia competitiva, sen prexuízo de que as comunidades autónomas poidan aplicar outros dos procedementos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Galicia conta cun parque nacional que agrupa os arquipélagos de Cortegada, Sálvora, Ons e As Cíes, e recibe o nome de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Este parque inclúe superficies pertencentes aos concellos de Vigo, Bueu e Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra, e Ribeira, na Coruña. Esta orde de convocatoria de subvencións responde á necesidade de contribuír ao desenvolvemento socioeconómico da poboación sita no ámbito de influencia do parque nacional. A regulamentación de usos e actividades permitidos no interior do parque nacional é en ocasións certamente restritiva, pois a fraxilidade e interese dos valores naturais que se protexen así o exixe. Porén, isto non debe ser obstáculo para fomentar e lograr o crecemento económico da zona de influencia socioeconómica do parque de xeito harmonioso e compatible cos obxectivos de conservación. É obxectivo tamén desta orde o cumprimento das premisas de publicidade e transparencia especificadas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro. En virtude do exposto, cos informes previos oportunos, no marco da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no uso das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, DISPOÑO: Artigo 1º.-Obxecto das axudas. 1. Esta orde ten por obxecto, de acordo co establecido no Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro, establecer as bases reguladoras, así como efectuar a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para os anos 2007-2008 das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. 2. De acordo coa Lei 15/2002, do 1 de xullo, pola que se declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entenderase por área de influencia socioeconómica do parque nacional a área ocupada polos concellos que teñen parte da súa superficie no parque nacional, é dicir, a superficie dos concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo. 3. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, tal como vén establecido no artigo 78.8º a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Artigo 2º.-Iniciativas subvencionables. Poderán ser obxecto de subvencións as seguintes iniciativas: 1. Os investimentos na área de influencia socioeconómica do parque nacional referidos a: a) Iniciativas públicas tendentes á modernización das infraestruturas urbanas, periurbanas e rurais destinadas ao uso xeral, así como á diversificación e mellora dos servizos prestados pola Administración local, cando garden unha relación directa coas finalidades e obxectivos que establecen a norma da declaración do parque nacional ou os seus instrumentos de planificación. b) Iniciativas públicas ou privadas destinadas á conservación ou restauración do patrimonio natural, sempre que presenten un manifesto valor ecolóxico. c) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á eliminación de calquera tipo de impacto sobre os valores naturais ou culturais que xustificaron a creación do parque nacional, incluído o impacto visual sobre a percepción estética deste ocasionado por infraestruturas preexistentes. d) Iniciativas públicas ou privadas dirixidas a garantir a compatibilidade das actividades e dos usos tradicionais coa finalidade e obxectivos dos parques nacionais. e) Iniciativas públicas ou privadas destinadas á conservación ou restauración do patrimonio arquitectónico, así como aquelas que contribúan á recuperación da tipoloxía construtiva tradicional, sempre que presenten un manifesto valor histórico-artístico ou cultural a escala local. f) Iniciativas privadas destinadas á posta en marcha de actividades económicas relacionadas co parque nacional, en particular, as relacionadas coa prestación de servizos de atención a visitantes e a comercialización dos produtos artesanais. g) Iniciativas privadas destinadas ao mantemento ou á recuperación da tipoloxía construtiva tradicional dos edificios que teñen un uso directamente relacionado coa actividade produtiva asociada ao sector primario. 2. Non se subvencionarán os gastos de adquisición de edificios nin terreos, nin os gastos xerais de funcionamento ou equipamento dos solicitantes, senón os propios do desenvolvemento das actividades e actuacións obxecto das axudas. 3. Todas as accións, obras ou traballos deberán atoparse situados dentro do perímetro do parque nacional ou da zona de influencia socioeconómica, e terán prioridade as accións que se realicen dentro do perímetro do parque sobre aquelas que estean fóra. Artigo 3º.-Contía da subvención e créditos orzamentarios. 1. A contía máxima que pode alcanzar a subvención que se outorgue fixarase en función das dispoñibilidades orzamentarias. 2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde serán compatibles con outras axudas para a mesma actividade provenientes doutras administracións públicas ou de entidades privadas, sen que, en ningún caso, se supere, pola concorrencia destas, o cen por cento do investimento que se realice. 3. A dotación de crédito total para os anos 2007 e 2008 das liñas de subvención contidas no artigo 2º desta orde é de 215.500,68 euros para cada anualidade, financiadas con cargo ás partidas orzamentarias que a continuación se indican, que se distribúen entre os distintos tipos de beneficiarios segundo as porcentaxes e importes seguintes: a) Para entidades locais: o 60% do crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 15.02.541-B.760.2 (2006 00597) por importe total de 129.300,41 euros para o ano 2007 e a mesma cantidade para 2008. b) Para entidades empresariais: o 25% do crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 15.02.541-B.770.0 (2006 00598) por importe total de 53.875,17 euros para o ano 2007 e a mesma cantidade para 2008. c) Para particulares e asociacións sen fin de lucro: o 15% do crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 15.02.541-B.780.0 (2006 00599) por importe total de 32.325,10 euros para o ano 2007 e a mesma cantidade para 2008. A dita distribución terá carácter indicativo, para os efectos do disposto no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. 4. O IVE non será subvencionable na medida en que sexa recuperable da Facenda pública. A porcentaxe definitiva da subvención fixarase de acordo cos criterios sinalados no artigo 8º. 5. De acordo co disposto no artigo 31.3º da Lei 8/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o gasto subvencionable supere os 30.000 euros, no caso de obras, ou 12.000 euros nos restantes supostos, o solicitante deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Artigo 4º.-Beneficiarios. 1. Poderán resultar beneficiarios das subvencións: a) Entidades locais. 1º Os concellos dos municipios situados na área de influencia socioeconómica dos parques nacionais (Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo). 2º As entidades locais menores pertencentes aos devanditos concellos. 3º As entidades de carácter supramunicipal de que formen parte un ou varios dos devanditos concellos, e fosen creadas pola comunidade autónoma no exercicio das súas competencias en materia de réxime local. b) Entidades empresariais. 1º As entidades empresariais que teñan a consideración de pequenas e medianas empresas, cuxa sede social estea radicada na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e cuxa actividade principal se desenvolva nesta área. 2º Os empresarios autónomos nos seguintes supostos: -Cando a súa residencia e actividade se localicen na área de influencia socioeconómica dun parque nacional. -Cando residan na área de influencia socioeconómica dun parque nacional e pretendan implantar a súa actividade nela. -Cando non residan na dita área de influencia socioeconómica pero veñan realizando no interior do parque nacional actividades produtivas de carácter artesanal ligadas ao sector primario, sempre que tales actividades fosen especificamente reguladas nos instrumentos de planificación. c) Persoas físicas: as persoas físicas residentes nas áreas de influencia socioeconómica. d) Institucións sen fins de lucro. As fundacións e asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e cuxa sede social ou a dalgunha das súas seccións ou delegacións radique na área de influencia socioeconómica dun parque nacional, sempre e cando entre os seus fins estatutarios figure expresamente a realización de actuacións en materia de conservación ou uso sustentable dos recursos naturais, de protección do patrimonio histórico-artístico ou de promoción da cultura tradicional. e) As entidades de dereito público constituídas ao abeiro dalgunha lexislación sectorial en materia de recursos naturais renovables e cuxa actividade estea relacionada co aproveitamento ordenado destes recursos na área de influencia socioeconómica do parque nacional. 2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Artigo 5º.-Presentación de solicitudes. 1. As solicitudes de subvención, subscritas polo solicitante ou polo representante da entidade solicitante, realizaranse cubrindo correctamente o modelo que figura no anexo I, dirixiranse á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e irán acompañadas, de ser o caso, da documentación administrativa e técnica que se especifica no artigo 6º. 2. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nas súas delegacións provinciais ou a través de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. 3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. 4. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá solicitar aclaracións ou ampliacións de información, así como condicionar a concesión das subvencións á aceptación das modificacións que se establezan sobre a actuación proposta. 5. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado, segundo o artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras. Artigo 6º.-Requisitos e documentación administrativa e técnica. 1. O solicitante deberá engadir, anexa ao impreso de solicitude e por duplicado, a documentación que se relaciona a continuación con carácter xeral, sen prexuízo da que, tras a comunicación da resolución, sexa requirida para determinadas actividades e que será necesaria para a correcta finalización do expediente. Para todo interesado: a) Documentos que acrediten a personalidade do solicitante e identificación fiscal, debidamente compulsados e, se procede, acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito, de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. b) Certificado de empadroamento. c) Certificación bancaria orixinal. d) Declaración xurada de non atoparse o solicitante incurso en ningunha das circunstancias que dan lugar á inhabilitación para a obtención de subvencións ou axudas públicas a teor do disposto no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro). e) Memoria descritiva da finalidade para a que se solicita a subvención, cun orzamento suficientemente detallado desta e previsión dos prazos de execución da actividade ou investimento. Conterá, como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, planos de situación e detalle, orzamento detallado co IVE desagregado, calendario e prazo aproximado de execución. f) Cando a actuación se localice nun lugar concreto, achegarase un plano de situación desta, sen prexuízo dos demais planos de detalle que exixa a definición técnica da actuación. g) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas concorrentes na actuación, das distintas administracións públicas, ou de que non se ten solicitado ningunha. h) De ser o caso, acreditación de dispoñer de todas as licenzas e autorizacións necesarias para o exercicio da actividade ou de estar en trámite de conseguilas. Neste caso deberase dispoñer da autorización ou licenza antes da finalización do prazo de xustificación da subvención. 1.2. Deberase xuntar, ademais, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza do beneficiario: a) Cando se trate de actuacións sobre terreos ou bens inmobles concretos, certificación acreditativa da plena dispoñibilidade dos devanditos bens para executar a actuación. b) No caso de arrendatarios, documento que acredite a condición. c) No caso de montes veciñais en man común, certificación acorde coa asemblea xeral, conforme autoriza a xunta reitora para solicitar axudas e certificado do Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común de posuír os estatutos en regra, en que figure a composición da xunta reitora actualizada. d) Cando proceda, documentación acreditativa de que o beneficiario non pode deducir, compensar ou obter o reembolso do imposto sobre o valor engadido (IVE). e) Para entidades locais, privadas e institucións sen ánimo de lucro, documento acreditativo do acordo adoptado pola entidade para efectuar a solicitude de subvención, así como da representación das persoas que a subscriban. f) Para institucións sen ánimo de lucro, certificado de inscrición da institución sen ánimo de lucro no rexistro público correspondente, e copia dos estatutos. g) No caso de asociacións, acordo da xunta de goberno ou figura similar para solicitar axudas á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, certificación de estar inscritos no Rexistro de Asociacións e certificación do concello, ou documento semellante, que acredite que máis do 50% dos socios residen nalgún dos concellos do parque nacional. h) No caso de empresas ou autónomos: -Documento acreditativo que xustifique estar de alta no imposto de actividades económicas (IAE), cando proceda. No caso de que proceda, certificado do concello conforme realiza a súa actividade no parque nacional. -Acreditación de posuír a sede social nalgún concello do parque nacional. i) No suposto de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varios copropietarios, deberase presentar: -Acreditación da titularidade do terreo de cada propietario. -Documento que acredite o consentimento de todos os copropietarios. -Representación do solicitante para realizar a acción obxecto da subvención. j) Se a construción está catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio, deberán presentar autorización por parte desa dirección xeral da dispoñibilidade para realizar as obras solicitadas. 2. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá requirir motivadamente, conforme prevé o artigo 54 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, calqueira documentación aclaratoria necesaria en relación coas subvencións que se outorguen, que considere conveniente. 3. Conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que, no prazo de 10 días, repare a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 de dita lei. 4. A presentación da solicitude de concesión da axuda ou subvención polo interesado segundo o artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras. A devandita comprobación efectuarase tanto antes de ditar a resolución de concesión como na tramitación do pagamento. Artigo 7º.-Instrución do procedemento de concesión de subvencións. 1. A instrución das axudas recollidas no artigo 2º desta orde efectuaraas a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. 2. No proceso de instrución darase traslado das solicitudes recibidas á Comisión de Valoración, que elaborará unha proposta de distribución das axudas. 3. Cumpridos os trámites anteriores, elevaranse as correspondentes propostas de resolución ao director xeral de Conservación da Natureza quen resolverá por delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Artigo 8º.-Criterios de valoración dos proxectos. 1. Para a asignación das subvencións que se recollen nesta orde terase en conta a proposta da dirección do parque nacional e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza sobre o grao de adecuación de cada solicitude aos obxectivos do parque nacional (alta, media ou baixa). 2. A asignación das citadas subvencións farase en virtude da baremación realizada pola Comisión de Valoración. Esta comisión estará composta polo subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, que a presidirá, actuando como vogais o xefe de servizo de Conservación de Espazos Naturais e o director-conservador do parque nacional. Exercerá como secretario o xefe de sección de Conservación de Ecosistemas. Así mesmo, asistirá ás reunións o persoal técnico e administrativo que sexa requirido en cada ocasión. 3. A puntuación máxima que poderán obter os solicitantes das axudas é de 100 puntos. Os proxectos serán subvencionados nunha porcentaxe equivalente ao número de puntos que obteñan na baremación. 4. A dispoñibilidade orzamentaria asignada nesta convocatoria limitará o número de expedientes que se aproben. Para iso ordenaranse os investimentos solicitados de acordo cos criterios do baremo indicado, e aprobaranse os investimentos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento. 5. Os criterios de avaliación e baremación de proxectos serán os seguintes: Ver referencia pdf "15400D010P055.PDF" Artigo 9º.-Inspección previa. En todas as solicitudes consideradas subvencionables, o persoal técnico do órgano xestor do parque nacional realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica. Artigo 10º.-Resolución e notificación. 1. O prazo máximo para a resolución do procedemento será de tres meses contados desde a terminación do prazo de presentación das solicitudes fixado na convocatoria. 2. Transcorrido o prazo previsto no parágrafo anterior sen que lles fose notificada a resolución aos interesados, esta entenderase desestimada por silencio administrativo de conformidade co disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente de acordo co disposto no artigo 42.1º do mencionado texto legal. 3. A competencia para resolver corresponderalle ao director xeral de Conservación da Natureza quen resolverá por delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. 4. A resolución do procedemento notificaráselles de forma individual aos adxudicatarios. Na notificación indicarase o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención e o programa e crédito orzamentario a que se imputen. 5. Fronte á resolución de concesión ou denegación da subvención, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes desde a recepción da notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose, que ben cabe impugnar directamente o acto ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses. 6. Cando a subvención teña por obxecto o financiamento de actividades a desenvolver polo solicitante e o importe da subvención, atendendo aos criterios de outorgamento e ás dispoñibilidades orzamentarias, poida ser inferior ao que figura na solicitude, poderase instar o beneficiario á reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención que se outorgue, dentro dos límites de mantemento do obxecto, condicións e finalidade da subvención e dos criterios de valoración. Artigo 11º.-Aceptación. O beneficiario deberá manifestar, expresamente por escrito, a aceptación ou renuncia da axuda outorgada no prazo máximo de dez días hábiles contados desde a notificación da resolución correspondente. Se así non o fixese no prazo indicado entenderase que renuncia á axuda. Artigo 12º.-Publicidade. De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza publicará no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde; e incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade, con pleno respecto e observancia do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, pola que se regula a protección de datos de carácter persoal. Artigo 13º.-Obrigas do beneficiario. 1. As obras obxecto da subvención deberán axustarse á lexislación vixente, e en particular aos instrumentos de planificación e xestión dos parques naturais en cuestión. Neste mesmo sentido, o interesado deberá contar no momento de inicio coas licenzas e autorizacións preceptivas. 2. No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, o período durante o cal o beneficiario deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención non poderá ser inferior a cinco anos no caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens. No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes extremos de inscrición no rexistro público correspondente. 3. Os investimentos obxecto de subvención deberán respectar os prazos e a distribución inicial de anualidades aprobados na resolución de adxudicación. Xustificadamente, poderá solicitarse unha prórroga que non excederá a metade do prazo concedido, de conformidade co disposto no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes de prórroga incluirán un cadro coas accións prorrogables, os custos inicialmente aprobados para cada unha; a nova distribución de custos coa prorroga e o novo calendario de execución. O director xeral de Conservación da Natureza poderá conceder a prórroga, mediante resolución motivada, naqueles casos en que a solicitude sexa tramitada coa suficiente antelación para que permita concedela antes de que remate o prazo das actuacións que se pretenden prorrogar e polo menos cun mes de antelación. En todo caso deberá ser previa á data límite para a xustificación dos gastos establecida no artigo 14.4º e estará condicionada á dispoñibilidade de créditos suficientes. 4. Son obrigas do beneficiario as que se establezan con carácter xeral na normativa de aplicación en materia de subvencións, e en particular: a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións. b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que motivou o outorgamento da subvención, de conformidade co disposto nesta orde e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, así como calquera outras de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto estatais como autonómicos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. e) Estar ao día no cumprimento da súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, tanto no momento de concesión da axuda como no da xustificación do gasto realizado. f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como de cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, sen perxuízo da exixencia por parte da Administración dos correspondentes xuros de demora, cando se perda o dereito ao cobramento. Artigo 14º.-Xustificación da actividade e pagamento desta. 1. O servizo técnico do órgano xestor do parque nacional deberá certificar, na inspección final, que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada. Tras esta certificación poderá tramitarse o pagamento das axudas. 2. No momento da xustificación da execución total ou parcial do proxecto, con anterioridade ao pagamento, o beneficiario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. 3. O pagamento da subvención realizarase logo da xustificación polo beneficiario da realización da actividade, da execución do proxecto ou DO investimento ou da consecución do obxectivo para o que se concedeu, de forma que a súa falta de xustificación ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas na normativa en materia de subvencións determinará a perda do dereito a cobramento. 4. A xustificación previa ao pagamento das axudas deberá efectuarse con data límite do 15 de novembro de 2007 e o 30 de setembro de 2008 para os gastos incorridos respectivamente nas anualidades de 2007 e 2008. 5. Os ritmos de investimento e de execución das actuacións deberán corresponderse co programa de execución e calendario aprobados e a súa xustificación económica deberá referirse aos gastos incorridos neste período ou, de ser o caso, ao período formalmente prorrogado conforme os termos sinalados no artigo 13.3º desta orde mediante resolución. Non será conforme nin se entenderá xustificado o incumprimento dos prazos ou a introdución de modificacións das condicións de execución sen a aprobación do órgano concedente. 6. O incumprimento do dito prazo ou das obrigas previstas nesta orde producirá a perda total ou parcial das axudas recibidas, debendo o beneficiario reintegrar á Administración a cantidade que percibise cos xuros que correspondan sen prexuízo da posible incoación do correspondente procedemento sancionador cando os feitos motivadores do reintegro constituísen infracción administrativa. 7. Para realizar o pagamento deberá presentarse a seguinte documentación: a) Memoria-resumo da actividade subvencionada, de ser o caso, detalle de cal foi o alcance do investimento finalmente executado e, se as houbese, as variacións sobre a solicitude inicial. b) No caso de particulares, montes veciñais ou empresas: xustificación, documentada mediante facturas dos gastos e pagamentos realizados, con indicación da factura emitida polo contratista e do número de conta corrente en que debe realizarse o aboamento. Ademais, o beneficiario deberá presentar xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que incorreu, mediante copia da transferencia bancaria ou xustificante bancario de ingreso na conta do contratista que figura na factura. No caso de particulares que realicen os traballos subvencionados con medios propios, cando non existan facturas polos traballos realizados, os gastos xustificaranse mediante declaración xurada en que consten claramente os custos soportados, segundo o orzamento que se achegase coa solicitude de axuda e que servise de base para a súa concesión. Isto non eximirá os beneficiarios de presentaren facturas para xustificar o importe dos materiais adquiridos para a obra. c) No caso de municipios ou entidades de dereito público, a xustificación das actuacións realizarase conforme o establecido no parágrafo 2º c) do artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. d) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas concorrentes na actuación, ou de que non se solicitou ningunha outra. 8. Poderanse realizar dous pagamentos parciais, ata o máximo do 80% do importe da axuda concedida, correspondentes ás anualidades de 2007 e 2008, respectivamente. Cando o importe da subvención concedida supere os 30.050,60 euros, os beneficiarios deberán garantir o importe do pagamento parcial nos termos previstos no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. 9. Para os efectos do establecido no artigo 29 da Lei 8/2003, do 17 de novembro, os beneficiarios poderán subcontratar a totalidade do custo da actuación subvencionada. Artigo 15º.-Control das subvencións. 1. O control e avaliación das axudas reguladas nesta orde axustaranse ao disposto na lexislación de orzamentos, de facenda e contabilidade da Comunidade Autónoma de Galicia e, con carácter xeral, á normativa básica estatal que resulte de aplicación. 2. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza velará polo cumprimento das condicións exixidas para a concesión das axudas económicas e pola correcta realización dos investimentos previstos. Para tal efecto poderá realizar as inspeccións e comprobacións oportunas, así como demandar do beneficiario a información que se considere necesaria relativa á actividade obxecto da subvención concedida. 3. Nos supostos de falsidade, inexactitude ou omisión nos datos subministrados para a solicitude das subvencións, de incumprimento das condicións impostas na concesión, ou calquera dos recollidos na normativa estatal ou autonómica, producirase a perda total ou parcial das axudas recibidas, debendo o beneficiario reintegrar á Administración a cantidade que percibira cos xuros que correspondan, sen prexuízo da posible incoación do procedemento sancionador cando os feitos motivadores do reintegro constitúan infracción administrativa. Artigo 16º.-Revogación. 1. Son causas de revogación: a) O destino das axudas concedidas a unha finalidade diferente daquela para a cal foron concedidas, despois da súa comprobación. b) A non realización da obra ou traballos obxecto da subvención. c) A non presentación, ou presentación fóra de prazo, de calquera documentación requirida en calquera momento da tramitación. d) A existencia de modificacións das accións previstas de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde. e) A ocultación, manipulación, falseamento de datos ou entorpecemento de forma deliberada do labor de inspección e control. f) A perda da titularidade dos terreos ou a perda de personalidade xurídica das empresas ou asociacións, se o novo titular non se subrogase expresamente. g) O incumprimento polo beneficiario de calquera das condicións establecidas tanto nesta orde como no resto da normativa aplicable. h) O incumprimento de calquera dos prazos establecidos nesta orde. i) O incumprimento de calquera das disposicións vixentes. 2. O incumprimento total ou parcial das obrigas asumidas polo beneficiario levará consigo o reintegro, total ou parcial, do importe recibido, xunto cos xuros de demora, ao abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Artigo 17º.-Obriga de facilitar información. Ademais da documentación complementaria que os órganos competentes poidan exixir durante a tramitación do procedemento, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga, conforme o artigo 78.11º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea. Artigo 18º.-Outras obrigas. 1. Para tal efecto, en toda actuación subvencionada, farase constar que esta se realiza cunha axuda proveniente de fondos estatais, a través da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, empregando o logotipo de imaxe corporativa da Xunta de Galicia, que se pode descargar en: http://www.xunta.es/identidade-corporativa/. 2. O cartel de publicidade da subvención, que será por conta do beneficiario, deberá presentar en todo momento as adecuadas condicións de imaxe, e obrígase o adxudicatario a mantelo en perfecto estado e substituílo no caso de que sufrise unha deterioración significativa. Transcorridos cinco anos o adxudicatario poderá retirar o cartel. 3. Para as axudas na colaboración de edición de material impreso e actividades de divulgación e formación en materias ambientais, farase constar no tamaño e lugar adecuado, acorde coas normas de identificación gráfica da Xunta de Galicia e o logotipo de parques nacionais, o logotipo oficial do parque nacional co nome de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Disposicións adicionais Primeira.-Axudas de minimis. 1. As axudas a empresas e particulares que se poidan conceder ao abeiro desta orde, sométense ao réxime de minimis, polo que cada beneficiario non poderá recibir máis de 200.000 euros, de axudas sometidas ao antedito réxime, durante calquera período de tres exercicios fiscais. 2. Para tal efecto, os posibles beneficiarios indicados nas alíneas b) e c) do artigo 4.1º desta orde, deberán xuntar, coa súa solicitude, declaración sobre calquera outra axuda sometida ao devandito réxime de minimis recibida nos dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio en curso. 3. Na resolución de concesión farase constar o importe da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, así como sobre a súa natureza de mínimis, segundo o Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro. Segunda.-Delegación de funcións. Delégase no director xeral de Conservación da Natureza o exercicio da competencia para resolver as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 10.3º, conforme o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Disposicións derradeiras Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde. Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2007. Manuel Vázquez Fernández Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible Ver referencia pdf "15400D010P055.PDF"
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
ESPAZOS NATURAIS E PATRIMONIO FORESTAL
ORDENACIÓN DO TERRITORIO E URBANISMO
AXUDAS E SUBVENCIÓNS

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
O18072007.pdf Galego
O18072007.pdf Castellano
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles