Diario Oficial de Galicia, 23-03-2007, Núm. 59, Páx. 4692
Orde do 14 de marzo de 2007 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de subvencións a empresas que realicen investimentos encamiñados á prevención e redución da contaminación a través de melloras tecnolóxicas aplicadas a procesos, cambios nas materias primas e/ou produtos, á reutilización ou valorización non enerxética, e se fai pública a convocatoria para o ano 2007.
O desenvolvemento sustentable é o piar sobre o que se ten que levar a cabo calquera iniciativa.
O sexto programa da Unión Europea en materia de ambiente ten como título: Ambiente 2010: o futuro está en nosas mans; a liña estratéxica que define para cumprir os obxectivos propostos neste indica que para poder resolver os problemas ecolóxicos actuais é preciso superar a concepción exclusivamente lexislativa e adoptar un enfoque estratéxico para inducir os cambios necesarios nos modelos de produción e consumo.
Débese apoiar e impulsar o desenvolvemento dun mercado máis respectuoso co noso ambiente para que as empresas situadas no territorio de Galicia, que cumpren coas normas ambientais, co obxectivo de protexer e mellorar a calidade ambiental, respondan con innovacións tecnolóxicas e de xestión que estimularán o crecemento, a competitividade, a rendibilidade e a creación de emprego.
Disponse de instrumentos e medidas para influír sobre as decisións que toman as empresas, impulsando o establecemento de actuacións para minimizar e reducir as emisións das instalacións industriais na atmosfera, a auga e o solo que permite alcanzar un maior nivel de protección do ambiente, considerado no seu conxunto, e en particular en Galicia.
Para a consecución destes obxectivos ambientais, tendo como base a experiencia de anos anteriores, e para promover a utilización das mellores técnicas dispoñibles, a Administración autonómica de Galicia, no ámbito das súas competencias, pode establecer instrumentos de carácter económico e medidas de incentivos.
A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, pola que se regula o réxime xurídico xeral de subvencións outorgadas polas administracións públicas, modificada pola Lei 24/2005, do 18 de novembro, establece uns preceptos básicos nesta materia, e motivou a adaptación do réxime xeral de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia ao seu contido básico a través da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, que procede, nos seus artigos 12 e 13, á modificación da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no que respecta ao réxime xeral de axudas e subvencións, infraccións, sancións e réxime de responsabilidades.
A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, consciente da importancia que supoñen as melloras ambientais ás empresas galegas que realicen investimentos encamiñados á prevención e redución da contaminación a través de melloras tecnolóxicas aplicadas a procesos, cambios nas materias primas e a produtos, e reutilización ou valorización non enerxética, establece unha liña de subvencións para a súa implantación e mantemento.
Na súa virtude, e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible,
DISPOÑO:
Capítulo I - Disposicións xerais
Artigo 1º.- Obxecto e ámbito de aplicación.
1. Esta orde ten por obxecto, conforme os principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, a concesión de subvencións a empresas que realicen investimentos para novas instalacións, ampliación ou modificación das existentes, para o fomento da protección do ambiente, co fin de minimizar a contaminación sobre o medio, e obter melloras ambientais a través de cambios tecnolóxicos nos procesos, produtos ou nas materias primas, na súa utilización, e reutilización en fábrica dos residuos xerados.
2. Estas subvencións concederanse para a realización de investimentos en instalacións para a prevención e redución da contaminación do ambiente.
3. Serán susceptibles de subvención as actuacións comezadas a partir do 1 de xaneiro de 2007. As actuacións obxecto desta orde deberán estar finalizadas antes do 30 de setembro de 2007.
Artigo 2º.- Beneficiarios.
1. Poderán acollerse a estas subvencións as empresas legalmente constituídas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Unha empresa con personalidade xurídica que reúna as cláusulas seguintes:
- Que empregue a menos de 250 traballadores.
- Que teña un volume de negocios inferior a 50 millóns de euros ou un balance xeral inferior a 43 millóns de euros.
- Que non estea participada nun 25% ou máis da súa capital por unha empresa que non cumpra os requisitos anteriores.
b) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e materializar o proxecto obxecto de subvención no ámbito territorial de Galicia.
c) Estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
d) Non ter contraídas débedas coa Xunta de Galicia.
e) Posuír personalidade xurídica propia, suficiente capacidade para obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.
f) Non ter ningunha sanción imposta mediante resolución en firme en materia ambiental, no último ano.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das subvencións previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo fondo Feder, debéndose someter as empresas ao cumprimento das obrigas relacionadas coas medidas de publicidade impostas polo Regulamento da Comisión (CE) número 1159/2000, do 30 de maio.
4. Así mesmo, esta orde acóllese ao establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 27-12-2006).
Artigo 3º.- Solicitudes e prazos.
1. As solicitudes, coa súa documentación necesaria, poderase presentar na forma elixida de entre as que se detallan:
a) Presentación en soporte papel. As empresas deberán solicitar as axudas segundo o modelo normalizado que figura como anexo I desta orde. Estas solicitudes irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de subvención presentaranse preferentemente no rexistro da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en Santiago de Compostela, ou no das respectivas delegacións provinciais. Así mesmo, tamén se poderán acadar na páxina web desta consellería http://medioambiente.xunta.es/formularios.js. Estes modelos valerán tanto para a presentación en papel coma para a presentación telemática. Co fin de facilitar a súa formulación, as ditas solicitudes poderán cubrirse directamente nos formularios publicados na páxina web, imprimíndoos ulteriormente para os efectos da súa presentación. Así mesmo, tamén poderán cubrise á máquina ou á man, pero, neste ultimo caso, con caracteres lexibles.
b) Presentación telemática. Aqueles solicitantes que posúan certificado dixital baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, poderán presentar a solicitude, coa documentación necesaria que se sinala, transmitíndoas por vía telemática ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante a dita sinatura electrónica avanzada, no enderezo da internet http://www.xunta.es/rexistro-telematico. Neste caso, os solicitantes formularán unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que lle poida ser requirida a exhibición do documento orixinal en calquera momento do procedemento. O representante legal que formule presentación telemática deberá posuír o dito certificado orixinal.
2. Para calquera das formas de presentación, o prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
3. Unha vez presentada a solicitude revisarase a súa documentación e se esta no reunise os requisitos exixidos requiriráselle ao solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixese, poderase considerar desistida da súa petición e arquivala sen máis trámites, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 4º.- Documentación xeral que hai que presentar.
Coa solicitude, que se indica no anexo I, achegaranse os seguintes documentos:
1. Acreditación da personalidade (Orixinal ou copia compulsada).
1.1. Persoas xurídicas:
a) Certificación do rexistro onde conste a súa constitución e os estatutos vixentes.
b) Documento acreditativo do poder co que actúa o representante en nome da entidade, en caso de que tal poder non conste na certificación, e copia compulsada do seu documento nacional de identidade.
c) Tarxeta de identificación fiscal.
1.2. Persoas físicas (Orixinal ou copia compulsada).
a) Documento nacional de identidade do titular ou titulares solicitantes, así como do seu representante, se é o caso.
b) Declaración censual de alta en obrigas tributarias (modelo 037) na Axencia Estatal Tributaria, referida a todos os titulares, se é o caso.
2. Declaración, segundo modelo anexo II, de non atoparse afectado por ningún dos supostos considerados no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Esta declaración deberá ser presentada coa solicitude e coa xustificación de investimento realizado.
3. Identificación da empresa e declaración ambiental, conforme anexo III.
4. Certificación expedida pola entidade bancaria, que acredite a existencia da conta da empresa, indicando o número de conta onde deberá facer o ingreso da subvención, en caso de ser concedida.
5. Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.
6. Certificados emitidos pola Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas con ningunha delas; de non presentar os certificados, autorízase o órgano xestor para solicitalos segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras.
7. Declaración de todas as axudas de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.
8. Documentación técnica requirida no artigo 8º desta orde.
Capítulo II - Obxecto, documentación e avaliación
Artigo 5º.- Actuacións subvencionables.
1. Concederanse subvencións a aqueles investimentos destinados ás instalacións para a prevención e redución da contaminación do ambiente. Poderán ser beneficiarios de subvención aqueles proxectos que ambientalmente propoñan:
a) Redución da incidencia ambiental da empresa, mediante a implantación de sistemas innovadores.
b) Melloras tecnolóxicas da instalación: redución de emisións; minimización de residuos.
c) Cambio nas materias primas ou produtos da empresa.
d) Reutilización ou valorización non enerxética na propia industria.
2. Cando o importe do gasto que se subvenciona supere os 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario, segundo dispón o artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción de compromiso para a prestación do servizo ou á entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos que se subvencionan non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, no seu caso, na solicitude de subvención, realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, quedando xustificada expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
3. Para a realización das actividades subvencionadas, permitirase a subcontratación da totalidade das actuacións, agás as que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao contido desta.
Artigo 6º.- Gastos non subvencionables.
Non se considerarán subvencionables os seguintes conceptos:
1. IVE satisfeito pola adquisición de bens e en xeral calquera outro imposto pagado pola entidade.
2. Gastos financeiros derivados do investimento.
3. Gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, como poden ser estudos, proxectos, etc., así como gastos non imputables directamente ao investimento.
4. Gastos de adquisición de terreos e adquisición ou construción de naves, así como aluguer de maquinaria ou leasing.
5. Gastos de persoal, tanto propio como externo.
6. Gastos imputables ao cumprimento dos requisitos exixidos pola lexislación ambiental vixente.
Artigo 7º.- Contía.
1. As subvencións poderán alcanzar ata un 50% do investimento subvencionable. En ningún caso esta subvención poderá ser superior a 60.101 euros.
2. Así mesmo, segundo o establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 28-12-2006), a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 A, durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Artigo 8º.- Documentación técnica que hai que presentar.
1. Proxecto de mellora ambiental, conforme o indicado no anexo IV. Pódese presentar en papel, en formato dixital, ou remitido por correo electrónico ao enderezo: tecnoloxia.ambiental.cma*xunta.es.
O modelo indicado no anexo IV pódese descargar na páxina web: http://medioambiente.xunta.es/formularios.js.
2. Factura pro forma de cada un dos conceptos orzamentarios.
3. Calendario de prazos de execución.
4. Así mesmo, farase constar se a empresa dispón dun sistema de xestión ambiental mediante adhesión ao sistema EMAS ou certificado conforme as normas internacionais ISO 14001.
Artigo 9º.- Criterios de avaliación.
1. As solicitudes avaliaranse en réxime de concorrencia competitiva e para avaliar a prioridade entre elas teranse en conta os seguintes criterios enumerados por orde decrecente de importancia:
1.1. Investimentos dirixidos á redución da incidencia ambiental da empresa e o seu carácter innovador.
1.2. Investimentos dirixidos á mellora tecnolóxica ambiental da instalación.
1.3. Investimentos dirixidos ao cambio de materias primas ou produtos.
1.4. Investimentos dirixidos á reutilización ou valorización non enerxética na propia industria.
2. Considerando os anteriores criterios, a comisión de avaliación creada polo artigo 10º desta orde estudará as solicitudes presentadas e avaliará estas tendo en conta os números 1), 3), e 4) da documentación a que se refire o artigo 8º, puntuando do seguinte xeito:
Epígrafe 1): ata un máximo de 10 puntos.
Epígrafe 3): ata un máximo de 2 puntos.
Epígrafe 4): ata un máximo de 2 puntos se a empresa dispón dun sistema de xestión ambiental mediante adhesión ao sistema EMAS e de 1 punto se dispón dun certificado conforme as normas internacionais ISO 14001.
As solicitudes que non obtivesen unha puntuación mínima de 7 puntos entenderanse desestimadas.
3. A porcentaxe que se subvenciona de cada proxecto, tendo en conta que a contía máxima non poderá superar o establecido no artigo 7º, determinarase do seguinte modo:
3.1. Adscribirase cada solicitude admitida a un dos grupos definidos no número 1 deste artigo, adxudicando, segundo ao grupo ao que pertenza, un coeficiente de ponderación polo que se multiplicará a puntuación obtida en valoración de cada solicitude. Deste modo asignarase á totalidade dos proxectos, a orde de prioridade establecida no número 1 deste mesmo artigo.
Coeficiente de ponderación // Grupo de priorización
Redución da incidencia ambiental da empresa e o seu carácter innovador: 1
Mellora tecnolóxica ambiental da instalación: 0,80
Cambio de materias primas ou produtos: 0,60
Reutilización ou valorización non enerxética na propia industria: 0,40
3.2. Para realizar o cálculo da porcentaxe a subvencionar de cada solicitude, establecerase unha relación lineal de proporcionalidade, considerando as puntuacións máximas e mínimas do conxunto de solicitudes, e asignando a porcentaxe máxima de subvención á solicitude que obteña a máxima puntuación. A porcentaxe mínima será asignada ao proxecto que logre a cualificación mínima ponderada na valoración, e pertencente ao grupo de priorización máis baixo. Finalmente, calcularanse as porcentaxes correspondentes aos restantes proxectos con cualificacións intermedias de tal forma que a cantidade orzada indicada no artigo 18º sexa distribuída na súa totalidade entre todas as solicitudes de subvención admitidas.
Capítulo III - Comisión de valoración, tramitación, resolución, xustificación e pagamento
Artigo 10º.- Comisión de valoración.
1. Para o estudo e selección das solicitudes de axudas constituirase unha comisión de valoración, presidida polo subdirector xeral de Tecnoloxía e Control Ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e composta polos seguintes membros:
O subdirector xeral de Avaliación Ambiental.
O subdirector xeral de Calidade Ambiental.
O xefe do Servizo de Tecnoloxía Ambiental, que actuará como secretario.
2. Cando, por calquera causa, no momento en que a comisión teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e, sempre que sexa posible, este nomeamento deberá recaer noutro funcionario da mesma subdirección xeral.
3. A comisión de valoración rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigo 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXAP e PAC), relativo aos órganos colexiados.
4. A comisión de valoración, á vista da documentación presentada e dos criterios de valoración establecidos no artigo 9º, emitirá informe proposta que servirá de base ao director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para ditar resolución.
5. Esta comisión de valoración formulará a correspondente proposta de concesión ou denegación das axudas; proposta que se axustará ao disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
6. Se na consulta que realice esta Administración para comprobar a ausencia de débedas tributarias, coa Axencia Tributaria Estatal, a Seguridade Social, e coa Xunta de Galicia, obtivese informe negativo dunha empresa, por constar débedas pendentes con algún dos citados organismos, comunicaráselle ao solicitante, concedéndolle un prazo de vinte (20) días para a emenda de tal defecto, procedéndose ao arquivo da solicitude se transcorrido o devandito prazo, non consta por medio do correspondente certificado que o defecto detectado fose emendado.
Artigo 11º.- Resolución de concesión.
1. As solicitudes de subvención serán resoltas polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nos termos previstos no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo máximo de catro meses desde a publicación da convocatoria segundo o disposto no artigo 42.3º a) da dita lei.
Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, conforme o disposto no artigo 2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente as devanditas solicitudes conforme prevé o artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.
2. O outorgamento da subvención debe ser aceptado polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas nesta orde. En caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, a subvención outorgada considerarase desestimada.
Artigo 12º.- Alteracións das condicións da subvención.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.
Artigo 13º.- Publicidade das axudas.
1. Coa finalidade de garantir o cumprimento dos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación, de conformidade co previsto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas outorgadas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.
2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, número 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.
3. Ademais a solicitude de axuda implicará a autorización á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para incluír os datos dos posibles beneficiarios nos rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, desenvolvidos polo Decreto 132/2006, do 27 de xullo.
4. Por outra banda, o beneficiario deberalle dar a publicidade axeitada ás actuacións subvencionadas, ao abeiro do disposto no artigo 18.4º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, de modo que quede claro que estas as financia a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, na antedita publicidade deberá indicarse que as actuacións as cofinancia o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
Artigo 14º.- Control e seguimento.
1. Constitúese unha comisión de seguimento integrada polos mesmos membros da comisión de valoración, que se encargará do control da execución da actividade obxecto da subvención.
2. A referida comisión poderá solicitar, en calquera momento e de xeito motivado, cantas aclaracións e informes sexan necesarios e convenientes e, no suposto de non ser formalizados nun prazo de 10 días, a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme prevé o artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, considerarase decaído no seu dereito ao trámite correspondente, segundo prevé o parágrafo 3º deste artigo 76.
Artigo 15º.- Acreditación de traballos realizados.
Para proceder ao cobramento das subvencións será indispensable a presentación, antes do 30 de setembro de 2007, de dúas (2) copias da seguinte documentación:
a) Informe final dos traballos realizados e investimento.
b) Copia compulsada das facturas, xustificantes bancarios dos pagamentos realizados ou outros xustificantes do investimento solicitado previstos, que deberán estar debidamente acreditados ante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que outorgará a súa conformidade.
c) No momento da xustificación da execución do proxecto o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para un mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Resolución do 30 de novembro de 1999, no que se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación das subvencións públicas).
d) De non autorizar a consulta de estar ao corrente das súas obrigas tributarias coa Axencia estatal Tributaria, coa Seguridade Social e coa Xunta de Galicia, achegará as correspondentes certificacións de non ter débedas pendentes cos devanditos organismos ou administracións.
e) Declaración de non se achar incluso en ningún dos supostos previstos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
f) Deberá acreditar o beneficiario da subvención o compromiso de manter o investimento de que se trate ou emprego ligado a este durante o período mínimo de cinco anos, así como non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas pola normativa europea.
Artigo 16º.- Pagamento.
Acreditados os traballos realizados, no prazo e na forma prevista no artigo anterior procederase a tramitar o pagamento correspondente, tendo en conta que o beneficiario deberase atopar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e non ter débedas coa comunidade autónoma, tanto no momento de ditarse proposta de resolución de concesión coma con anterioridade ao seu pagamento.
Artigo 17º.- Redución do pagamento.
No suposto de que o investimento ou a actividade realizada tivesen un custo inferior ao inicialmente previsto, a subvención concedida verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.
Artigo 18º.- Aplicación orzamentaria.
Para a concesión das subvencións convocadas nesta ode destinaranse ata un máximo de 750.000 euros que se imputarán na aplicación orzamentaria 15.03.541D.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2007.
Artigo 19º.- Compatibilidade de subvencións.
1. Serán compatibles con estas subvencións as convocadas pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para implantación dun sistema de xestión ambiental mediante adhesión ao sistema EMAS comunitario ou certificado conforme as normas internacionais ISO 14001.
2. No caso de solicitar ou obter outras subvencións doutros organismos, estas fixaranse tendo en conta os límites establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, na que se sinala que o importe das subvencións non poderá en ningún caso, illada ou conxuntamente con outras, superar o custo do investimento que vai desenvolver o beneficiario, e de conformidade cos límites establecidos na normativa comunitaria.
3. En calquera caso, todos os investimentos realizados ao abeiro desta orde deberán manterse durante un período mínimo de cinco anos.
Artigo 20º.- Reintegro.
1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións reguladas nesta orde e dos xuros de mora reportados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, modificada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.
2. Non se poderá exixir o pagamento da subvención ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de mora devengados desde o pagamento, nos casos seguintes:
a) Incumprimento da obriga de xustificación.
b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para á súa concesión.
c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.
d) Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou subvención pública.
3. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas subvencións a que se refire o artigo 19º supere o custo do investimento que vai desenvolver o beneficiario.
Artigo 21º.- Obriga de facilitar información.
Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, os beneficiarios das subvencións previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control, segundo o indicado no artigo 78.11º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo, e o artigo 46 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Artigo 22º.- Recursos.
A resolución da axuda porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpor consonte dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo; ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional
Primeira.- Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seranlles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo, así como as previsións contidas no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o citado decreto lexislativo.
Disposicións derradeiras
Primeira.- Facúltase o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para ditar cantas disposicións complementarias sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.- En todo o non previsto nesta orde rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, coas particularidades introducidas a través da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, pola que se adapta o tratamento xurídico aplicable ás subvencións segundo o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Terceira.- Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2007.
Manuel Vázquez Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
ANEXO IV - Guía para a elaboración do proxecto de mellora ambiental
Esta guía ten por obxecto facilitarlles ás empresas a preparación e presentación das memorias de solicitude á convocatoria, debéndose entender como unha proposta sobre a cal as empresas poidan engadir toda a información adicional que consideren.
Así mesmo, o seguimento destas directrices na elaboración das memorias facilitaralle á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a súa valoración, aplicando o principio de concorrencia competitiva.
2.1. Título do proxecto:
2.2. Perfil ambiental da empresa/instalación:
2.2.1. Estratexias de mellora ambiental para os próximos tres anos: tendo en consideración a situación actual da planta en que estratexias se apoiará para a mellora ambiental (por exemplo: redución de emisións de CO; eficiencia enerxética; uso sustentable da auga... Cada empresa debe establecer as súas propias). Para cada unha das liñas estratéxicas expoña cal é o seu plan de acción e os seus obxectivos de forma cuantitativa (por exemplo: reducir en tres anos o consumo de auga en proceso nun 15% mediante a instalación dun sistema de recirculación). Indicar obxectivos cuantificables, prazos e orzamentos e solucións tecnolóxicas previstas.
2.2.2. ¿Dispón dun sistema de xestión ambiental implantado ou en fase de implantación?. Indique se é UNE-EN-ISO-14001, Regulamento EMAS 761 ou outro:
Si 0 // Non 0 // En fase de implantación 0
2.2.3. ¿Existe departamento de medio ambiente? En caso de que si exista, ¿cal é a súa composición en número de persoas?
Si 0 // Non 0
Composición:
2.3 Análise da situación de partida e da problemática ambiental que se pretende mellorar.
2.3.1. Análise do proceso produtivo sobre o que se pretende aplicar a mellora.
Estudaranse os diferentes procesos que teñen lugar na empresa, dividíndoos en procesos principais (aqueles onde se fabrica o produto) e procesos auxiliares (aqueles que non interveñen na fabricación do produto, pero que fan posible a súa fabricación, como, por exemplo, a limpeza das instalacións, a fabricación propia dun compoñente do produto, a depuración de efluentes, etc). Unha vez analizado o sistema produtivo da empresa en procesos principais e auxiliares, hai que proceder á división destes nas súas etapas e subetapas. Aconséllase realizar unha división moi minuciosa nas etapas, asignándolles un número de orde e un código de identificación que se manterá ao longo da memoria.
Esquema I: para representar as etapas do proceso produtivo; sinale en cal aplicará a mellora ambiental:
Unha vez analizado o proceso en etapas, identificaranse aquelas en que se van realizar as melloras e analizaranse as entradas e saídas indicando a procedencia de cada entrada e o destino final das saídas, para, desta forma, identificar os impactos ambientais que xera esa etapa do proceso produtivo. Do mesmo modo, deberanse citar as posibles problemáticas existentes e repercusións das melloras ambientais a levar a cabo a nivel interno, local ou co contorno da instalación (por exemplo: redución de olores nas inmediacións, menor caudal de vertedura a un río...).
Lenda do esquema II (para la realización da análise ambiental dunha etapa do proceso. Realización do diagrama de fluxo para cada etapa do proceso):
(1) Indíquese o código do proceso e nº da etapa considerada.
(2) Orixe:
Para subministración eléctrica indicar:
Externo: se procede de rede eléctrica.
Interno: se procede de coxeración, enerxías renovables.
Para abastecemento de auga indicar:
Externo se procede de rede pública ou de captación directa.
Interno: se procede de acuíferos propios (pozos, etc.).
Para o resto de materias e subministracións indicar:
Externo: se proceden de provedores.
Interno: se proceden de subprocesos internos da empresa.
En caso de non ser ningunha das opcións anteriores, indicar especificamente.
(3) Entradas: indíquese a relación de todas as entradas da etapa en estudo. (Materias primas, enerxía, aditivos, etc.).
(4) Saídas: indíquese a relación de todas as saídas da etapa en estudo. (Produtos, emisións, verteduras, etc.).
(5) Destino final: indíquese cun dos seguintes destinos, o destino final que se lle dá á saída considerada:
- Produto, elemento o destino do cal é a entrada na seguinte etapa, ou a súa disposición no mercado.
- Subproduto que se reintegra ao proceso produtivo.
- Subproduto que se comercializa como materia prima para outras empresas.
- Residuos entregados a xestor autorizado.
- Residuos entregados ao sistema de recollida municipal.
- Residuos sen xestión específica.
- Emisión atmosférica sometida a procesos de depuración.
- Emisión atmosférica sen tratamento.
- Efluente enviado a procesos de depuración na propia empresa.
- Efluente vertido á rede de saneamento municipal que posúe depuradora.
- Efluente vertido á rede de saneamento municipal que carece de depuradora.
- Efluente vertido directamente ao medio receptor.
2.3.2. Valores ambientais actuais.
Para o proceso, ou subproceso, sobre o que se pretende aplicar a mellora, indique cal é a situación ambiental actual, tanto en termos de xestión (como se está a facer) coma de resultados (indicadores e parámetros de residuos, emisións, etc). Pódense incluír resultados de analíticas ou ensaios.
Do mesmo modo, mencione os beneficios esperados detallando se favorecerán á propia instalación, traballadores, ámbito próximo, etc.
2.4. Análise da mellora que hai que implantar:
2.4.1. Estado da técnica (expoña, para o problema ou necesidade que pretende resolver na súa instalación, cal é a situación das tecnoloxías que se están a usar a nivel nacional e internacional). No caso de que dispoñan de BREF sectoriais (documentos en que se expoñen as mellores técnicas dispoñibles para diversos sectores industriais adoptados ben pola UE, ou ben polo Ministerio de Medio Ambiente), débese facer referencia a eles. Pódense achegar catálogos de provedores ou artigos/informes técnicos.
2.4.2. Descrición das solucións/alternativas valoradas no caso concreto da súa instalación e xustificación da solución seleccionada. Pódense achegar catálogos ou proxectos de provedores en formato papel ou CD).
2.4.3. Beneficios esperados da implantación da mellora. Expoña cales son os resultados esperados, tanto dende o punto de vista produtivo (custos de operación, enerxéticos...) como ambiental (valores de referencia de residuos, de emisións...). Efectúe unha comparativa en termos absolutos e relativos (por exemplo respecto á produción da planta ou ao volume de materias consumidas), da situación ambiental antes e despois da implantación da mellora.
2.4.4. Valore se a mellora que se implanta, ou as solucións avaliadas, son exportables a outras instalacións propias ou do sector. Indique se ten previsto efectuar actividades de presentación ou difusión (xornadas, artigos...) da solución adoptada.
2.5. Plaos e/ou memorias técnicas do proxecto:
Achegue, no caso de ser necesario, o proxecto de enxeñaría e os plans da solución. (En formato papel ou CD).
Data norma
Organismo
CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Rango legal
Orde
Clasificación
ACTIVIDADES INDUSTRIAIS
TECNOLOXÍA AMBIENTAL
AXUDAS E SUBVENCIÓNS

| TÍTULO | DATA PUBLICACIÓN | Sen datos dispoñibles |
|---|