Orde do 11 de febreiro de 2005 pola que se fixan os períodos hábiles de pesca e as normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2005.

Diario Oficial de Galicia, 18-02-2005, Núm. 34, Páx. 2813
Orde do 11 de febreiro de 2005 pola que se fixan os períodos hábiles de pesca e as normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2005. De acordo co disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, nos artigos 46º e 47º do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio) e na Orde do 20 de xaneiro de 2000, pola que se fixan as normas xerais de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia, DISPOÑO: Artigo 1º.- Períodos hábiles e cotas totais de captura para a pesca do salmón (Salmo salar). Do 20 de marzo ata o 31 de xullo nos coutos de Abres, San Tirso e A Pontenova (río Eo). Do 1 de maio ata o 31 de xullo nos coutos de Betanzos (río Mandeo), Celeiro (río Masma), Sinde (río Ulla), Couso (río Ulla), Ximonde (río Ulla), Monte Porreiro (río Lérez) e Frieira (río Miño). Nas restantes masas de auga da comunidade autónoma non se autoriza a pesca do salmón. As cotas anuais de captura (número total de salmóns capturados en toda a tempada) serán as seguintes: - Río Masma: 40 salmóns. - Río Mandeo: 5 salmóns. - Río Lérez: 7 salmóns. - Río Miño: 5 salmóns. - Río Ulla: 40 salmóns. En todos os casos adiantarase o peche da tempada cando se complete a correspondente cota. No río Eo non se establece cota anual de captura. Artigo 2º.- Períodos hábiles para a pesca do reo (Salmo trutta trutta). Do 1 de maio ao 21 de agosto con carácter xeral, sen prexuízo do disposto nos réximes especiais de cada provincia (anexos III, IV e VI desta orde). Do 1 de maio ao 30 de setembro nos lotes 2 e 3 do couto de Celeiro (río Masma), nos lotes 2 e 3 do couto de Viveiro (río Landro), nos coutos de Ribeiras (río Sor), Segade (río Sor), Xubia (río Xubia), Ombre (río Eume), Lambre (río Lambre), Betanzos (río Mandeo), Ponte do Porto (río Grande), Noia (río Tambre), Sinde (río Ulla), Couso (río Ulla), Ximonde (río Ulla), Monte Porreiro (río Lérez) e Ponte Arnelas (río Umia). Do 15 de maio ao 15 de agosto nos coutos de Abres, San Tirso e A Pontenova (río Eo). Artigo 3º.- Períodos hábiles para a pesca da troita (Salmo trutta fario). Do 19 de marzo ao 21 de agosto con carácter xeral, sen prexuízo do disposto nos réximes especiais de cada provincia (anexos III, IV e VI desta orde). De conformidade co disposto no artigo 1 da Orde do 20 de xaneiro de 2000, nas masas de auga salmoneiras ou de reo, por mor de protexer a baixada cara ao mar destas especies migradoras, aprázase ata o 1 de maio o inicio da tempada para a troita e outras especies. Nos tramos e coutos de pesca sen morte ou de pesca intensiva alóngase a tempada ata o 30 de setembro. Artigo 4º.- Períodos hábiles para a pesca de especies distintas dos salmónidos. - Cangrexo de río (Austropotamobius pallipes pallipes). Non se autoriza a súa pesca. - Cangrexo vermello americano (Procambarus clarkii). Autorízase a súa captura nas datas e lugares especificados nos réximes especiais de cada provincia (anexos III, V e VI desta orde). As normas de pesca serán as que figuran no anexo VI da Orde do 20 de xaneiro de 2000. Prohíbese a comercialización das capturas e establécese a obriga de sacrificar os cangrexos no lugar de pesca, quitándolles o apéndice central da cola, de tal xeito que se extraia tamén parte do tubo dixestivo do animal. - Reñosa (Rutilus arcasii) e espiñento (Gasterosteus aculeatus). Non se autoriza a súa pesca. - Anguía (Anguilla anguilla). Do 19 de marzo ao 21 de agosto, con carácter xeral, sen prexuízo do disposto nos réximes especiais de cada provincia (anexos III, IV, V e VI desta orde). - Angula ou meixón. Do 1 de novembro ao 31 de marzo, nas zonas establecidas nos réximes especiais (anexos III e IV desta orde) e coas normas de pesca que figuran no anexo VII da Orde do 20 de xaneiro de 2000. - Lamprea (Petromizon marinus). A súa captura nos ríos Tea e Ulla regularase de conformidade co disposto nas resolucións do 11 de outubro de 2004 da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Pontevedra (Diario Oficial de Galicia nº 212, do 30 de outubro; páxinas 14.767 e 14.768). Prohíbese a captura desta especie en todos os demais ríos galegos. - Saboga e sábalo ou zamborca (Alosa spp). Do 1 de maio ao 12 de xuño no tramo do río Ulla comprendido entre 1 km augas abaixo do límite inferior do couto de Couso e a desembocadura, e no tramo do río Umia comprendido entre o límite superior do couto de Ponte Arnelas e a desembocadura. Fíxase unha cota de captura de 5 exemplares por pescador e xornada. No resto das masas de auga da comunidade autónoma non se autoriza a pesca destas especies. Outras especies. Do 19 de marzo ao 21 de agosto con carácter xeral, sen prexuízo do disposto nos réximes especiais de encoros e zonas de desembocadura (Orde do 20 de xaneiro de 2000 e anexos desta orde). Artigo 5º.- Prescricións especiais para engados. - Salmón. Poderanse empregar todos os engados autorizados (artigo 4 da Orde do 20 de xaneiro de 2000) ata o 31 de maio. Do 1 de xuño ata a fin da tempada prohíbese a culleriña. Desta prohibición exceptúase o couto de Frieira. - Outras especies. Con carácter xeral prohíbese a utilización de anzois con dimensións menores que as que se establecen no anexo I desta orde, equivalentes aproximadamente ás do número 10, para a pesca con engado natural en todos os ríos de Galicia. Desta prohibición poderanse excluír os encoros sometidos a réxime especial, nos cales se poderán autorizar anzois doutros tamaños. Autorízase cebar as augas para a captura de ciprínidos naqueles encoros en que se permite a pesca destas especies durante todo o ano. Esta ceba das augas poderá levarse a cabo con engados vexetais ou pensos. Para a captura do black-bass ou perca negra autorízanse os seguintes engados específicos: peixes artificiais, engados de superficie (comunmente coñecidos como poppers e plugs) e engados de materiais plásticos ou semellantes (comunmente coñecidos como vinilos). Artigo 6º.- Dimensións mínimas e cotas de captura no caso da troita. De conformidade co disposto no artigo 71 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio) e nos artigos 2 e 3 da Orde do 20 de xaneiro de 2000, fíxase con carácter xeral o tamaño mínimo de captura da troita en 19 cm e a cota de captura en 10 troitas por pescador e xornada. Así mesmo, establécense as seguintes excepcións á anterior norma de carácter xeral: Fóra destes coutos con tamaño mínimo de 17 cm non se poderá permanecer á beira do río estando en posesión de troitas de tamaño inferior a 19 cm, agás no caso de que o pescador estea de paso polo tramo, conte cun permiso de pesca vixente nun destes coutos, teña todos os aparellos e engados recollidos e, se é o caso, as canas pregadas. Nestes coutos e tramos con tamaño mínimo de 21 cm non se poderá estar en posesión de troitas de menor tamaño, mesmo cando fosen pescadas noutro tramo, agás no caso de que o pescador estea de paso, teña todos os aparellos e engados recollidos e, se é o caso, as canas pregadas. Artigo 7º.- Xornadas hábiles. Decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Nos tramos do río Navia compartidos coa Comunidade Autónoma de Asturias e nos coutos de Abres, San Tirso e A Pontenova serán inhábiles os xoves, agás festivos nacionais. Artigo 8º.- Horas de pesca. De conformidade co disposto no artigo 31.3º da Lei de pesca fluvial, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. Dez minutos antes do comezo e dez minutos despois da finalización da xornada de pesca todos os aparellos e engados deberán estar recollidos e, se é o caso, as canas pregadas. Artigo 9º.- Vedas e réximes especiais. Apróbanse as vedas e os réximes especiais provinciais que figuran como anexos nesta orde. Artigo 10º.- Masas de auga salmoneiras ou de reo. Modifícase o anexo I da Orde do 20 de xaneiro de 2000 de tal xeito que terán a consideración de masas de auga salmoneiras as seguintes: - As que se inclúen no citado anexo I da Orde do 20 de xaneiro de 2000. - O tramo do río Lérez que figura no anexo II da Orde do 20 de xaneiro de 2000. - O último quilómetro, augas abaixo, de todos os afluentes das masas de auga citadas nos dous puntos anteriores. Modifícase o anexo II da Orde do 20 de xaneiro de 2000 de tal xeito que terán a consideración de masas de auga de reo as seguintes: - As que se inclúen no citado anexo II da Orde do 20 de xaneiro de 2000 con excepción do río Lérez. - O tramo do río Miñor comprendido entre o actual límite inferior e a ponte da Xunqueira (límite entre os concellos de Nigrán e Gondomar). - O tramo do río Verdugo comprendido entre a presa da central do Inferno (concello de Ponte Caldelas) e o actual límite superior. - O último quilómetro, augas abaixo, de todos os afluentes das masas de auga citadas nos tres puntos anteriores. Disposicións adicionais Primeira.- No caso dos coutos de salmón nos cales remate a tempada ao chegar á cota anual, os pescadores que teñan permisos expedidos con anterioridade poderán solicitar a devolución do importe ou trocalos por permisos para troita ou reo en calquera outro couto. Segunda.- Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde. Terceira.- Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para modificar as normas de funcionamento dos coutos de pesca durante as xornadas reservadas de conformidade co disposto no artigo 30 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio). Estas modificacións requirirán unha solicitude da entidade titular da reserva de permisos e o informe favorable do Servizo Provincial de Conservación da Natureza. Disposición derradeira Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterase vixente ata a publicación da orde correspondente á tempada do ano 2006. Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2005. José Manuel Barreiro Fernández Conselleiro de Medio Ambiente ANEXO II - Vedas Nas táboas deste anexo inclúense os tramos fluviais que permanecerán vedados durante toda a tempada de pesca. Nos límites de cada tramo inclúense entre parénteses os concellos nos cales se atopan os citados límites. Na columna titulada «km» figura a lonxitude aproximada do tramo expresada en quilómetros. Cando a veda inclúe todos os afluentes existentes no tramo, na columna titulada «Obs.» (observacións) figura o texto «Afluentes»; nesta mesma columna tamén se fan constar, se é o caso, algunhas outras particularidades da veda. ANEXO III: Réximes especiais da provincia da Coruña 1. Prescricións especiais. - Lagoa de Sobrado. O período hábil será o comprendido entre o 20 de marzo e o 30 de xuño. - Río Ulla e afluentes. No curso principal augas abaixo da presa de Portodemouros e no último quilómetro de todos os afluentes que verten neste tramo, a pesca rexerase polos réximes especiais da provincia de Pontevedra, agás o río Sar. 2. Réxime especial de encoros e lagoas. - Lagoa da Frouseira (Valdoviño). Autorízase a pesca durante todo o ano. Fóra da tempada hábil para salmónidos só se poderán capturar especies de esteiro: robaliza, muxe, solla e anguía. 3. Réxime especial do cangrexo vermello americano. Autorízase a pesca do cangrexo vermello americano durante todo o ano no encoro de Sabón e nos tramos non vedados do encoro de Cecebre. Autorízase a pesca do cangrexo vermello americano durante a tempada hábil da troita no encoro da Fervenza e no tramo do río Xallas comprendido entre a presa de Ventín e o encoro da Fervenza. 4. Réxime especial da angula ou meixón. A angula ou meixón poderá capturarse nas zonas de desembocadura delimitadas na Orde do 20 de xaneiro de 2000. ANEXO IV - Réximes especiais da provincia de Lugo 1. Prescricións especiais. Río Cabe e afluentes. Prohíbese a pesca os xoves non festivos no couto de Monforte de Lemos. A partir do día 1 de xullo, prohíbese o engado natural para a pesca da troita en toda a bacía. Autorízase a pesca de ciprínidos ata o 1 de novembro desde a presa do Cubano (concello de Monforte de Lemos) ata a ponte vella de Canaval (concellos de Sober e Pantón), nunha lonxitude aproximada de 7,8 km. Río Eo e afluentes. A tempada da troita comezará o 19 de marzo no tramo do couto de Vilarmide comprendido entre a pasarela da Volta da Teixeira e a presa da Treita. A tempada da troita comezará o 15 de maio e rematará o 15 de agosto nos coutos de Abres, San Tirso e A Pontenova. A partir do día 1 de xullo prohíbese o uso de engado natural para a pesca da troita e do reo desde o nacemento do río ata o límite superior do couto de Vilarmide, tanto no curso principal coma en todos os afluentes que verten neste tramo. A partir do 1 de xuño, e desde o límite superior do couto de Vilarmide ata a desembocadura do río, a troita e o reo só se poderán pescar con mosca artificial, saltón ou grilo. Tramo libre de pesca sen morte: desde a ponte da Pontenova ata a ponte do Pico (vila da Pontenova), nunha lonxitude aproximada de 0,5 km. Nos coutos de Abres, San Tirso e A Pontenova poderá pescarse a anguía durante a tempada hábil da troita e do reo. Para a captura desta especie utilizarase unicamente aparello de liña sen anzol. Con motivo da Festa da Troita na Pontenova autorízase un concurso de pesca o día 1 de maio nos coutos de Vilarmide (augas abaixo da presa da Treita), Xinzo, Salmeán e A Pontenova (lotes 1, 2 e 3), así como no tramo libre da Pontenova. Neste tramo, só poderán pescar os participantes no concurso. Río Ladra. No couto de Begonte, a partir do 1 de xullo prohíbese o uso de engado natural. Río Landro. Prohíbese o uso de engado natural para troita e reo entre a presa de Salto do Can (concellos de Ourol e Viveiro) e a ponte de Portachao (concello de Viveiro), nunha lonxitude aproximada de 5 km. A partir do día 1 de xuño, no mesmo tramo, prohíbese o uso da culleriña. A partir do día 1 de xullo prohíbese o engado natural para a troita e o reo entre a desembocadura do regato de Balsadas (concello de Ourol) e a presa de Salto do Can (concellos de Ourol e Viveiro), nunha lonxitude aproximada de 3,6 km. Río Loio. A partir do 1 de xullo prohíbese o uso de engado natural entre o nacemento (concellos de Sarria e Paradela) e a desembocadura no encoro de Belesar (concello de Paradela), nunha lonxitude aproximada de 20 km. Río Lor e afluentes. A partir do 1 de xullo prohíbese o uso de engado natural en toda a bacía, exceptuándose o tramo comprendido entre a ponte da estrada Monforte de Lemos-Quiroga no km 503 (concellos de Bóveda e Quiroga) e a desembocadura no río Sil, cunha lonxitude aproximada de 6,1 km, e o tramo comprendido entre a ponte de Froxán (concello de Folgoso do Courel) e a desembocadura do regato Loureiro en Paramedela (concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Bóveda), cunha lonxitude aproximada de 5 km. No tramo 1 do couto do Courel só se poderá practicar a modalidade de pesca sen morte. Río Lóuzara. A partir do día 1 de xullo prohíbese o engado natural en todo o río. Río Madalena. Tramo libre de pesca sen morte: entre Ponte de Rañego (concello de Vilalba) e Ponte dos Pasos (concello de Vilalba), nunha lonxitude aproximada de 0,5 km. Río Masma. A partir do 1 de xuño prohíbese o uso da culleriña, peixes artificiais e semellantes entre a ponte de Cazolga (concello de Lourenzá) e a ponte da Espiñeira (concellos de Barreiros e Foz), nunha lonxitude aproximada de 11,2 km. Desde a ponte de Cazolga ata a desembocadura, nunha lonxitude aproximada de 16 km, prohíbese o uso do engado natural para troita e reo. No tramo comprendido entre o pozo dos Cantos (concellos de Barreiros e Foz) e a ponte da Espiñeira prorrógase ata o 30 de setembro a pesca de robaliza, muxe, solla e anguía con xorra (Nereis sp.), pulga de mar ou miolo de pan. Río Miño. Autorízase a pesca de ciprínidos durante todo o ano no tramo comprendido entre a presa do Rei Chiquito (concello de Lugo) e A Aceña do Vilar (concello de Lugo), nunha lonxitude aproximada de 5 km. Tramo libre de pesca sen morte: entre o Caneiro de Vilar (concello de Lugo) e a depuradora de auga de Lugo (concello de Lugo), nunha lonxitude de 2 km. Prohíbese a recollida de anguías turbinadas no tramo comprendido entre a presa de Belesar e a ponte vella da estrada Chantada-Monforte de Lemos, cunha lonxitude aproximada de 1,5 km. Augas abaixo da ponte vella a recollida non se poderá facer pola noite. Río Búbal. Prohíbese a pesca con engado natural desde o 1 de xullo ata o final da tempada Río Navia e afluentes. No tramo compartido coa Comunidade Autónoma de Asturias, a cota máxima de capturas será de 8 troitas por pescador e día. Neste mesmo tramo, a tempada hábil iniciarase o 20 de marzo e finalizará o 15 de agosto. Tramo de pesca sen morte no couto de Penamil: entre a desembocadura do río Ser e o dique do prado de Penamil, nunha lonxitude aproximada de 1,5 km. A partir do día 1 de xullo prohíbese o uso do engado natural en toda a bacía. Río Neira e afluentes. Autorízase a pesca de ciprínidos durante todo o ano entre a ponte de Neira (concello do Páramo) e a desembocadura no río Miño, nunha lonxitude aproximada de 4 km. A partir do 1 de xullo prohíbese o uso de engado natural en toda a bacía, agás no tramo autorizado para a pesca de ciprínidos, no couto de Pobra, no tramo do río Sarria augas abaixo da ponte da estrada de Samos (rúa Calvo Sotelo do núcleo urbano da vila de Sarria) e no río Tordea. Río Sil e afluentes. Prohíbese a pesca con engado natural desde o 1 de xullo ata o final da tempada en toda a bacía, excepto nos tramos incluídos no réxime especial de encoros, nos cales rexerán as normas específicas. Río Bibei. Prohíbese a pesca con engado natural desde o 1 de xullo ata a fin da tempada. 2. Réxime especial de encoros e tramos autorizados durante todo o ano. Nos encoros e tramos fluviais onde se autoriza a pesca de ciprínidos ou black-bass todo o ano, ademais das normas específicas de cada masa de auga, teranse en conta as seguintes prescricións fóra da tempada hábil de salmónidos: Para a pesca de ciprínidos poderanse empregar anzois de calquera tamaño con engados vexetais ou asticot, quedando prohibidos outros engados. Para black-bass ou perca negra empregaranse só engados específicos. Río Mao. Autorízase a pesca de ciprínidos e de black-bass todo o ano no encoro de Vilasouto (concello do Incio). Río Miño. Amplíase o réxime especial do encoro de Belesar ata a ponte de Areas (concellos de Guntín e O Páramo) no curso principal do Miño e ata a presa do encoro de Galego (concello de Portomarín) na desembocadura do río Ferreira. Modifícanse as normas de pesca do réxime especial do encoro de Belesar de tal xeito que a autorización para pescar ciprínidos durante todo o ano se aplicará en toda a masa de auga incluída no devandito réxime especial. Así mesmo, autorízase a pesca do black-bass ou perca negra durante todo o ano. Autorízase a pesca de ciprínidos e black-bass durante todo o ano nos tramos do encoro dos Peares incluídos no réxime especial de encoros da Orde do 20 de xaneiro de 2000. Río Sil. No encoro de Santo Estevo cámbiase o límite superior do réxime especial de encoros (actualmente na ponte da estrada N-120) pola ponte vella de San Clodio (concello de Ribas de Sil). A lonxitude do tramo sometido ao réxime especial de encoros pasa a ser de 42 km. Amplíase o réxime especial do encoro de San Martiño cun novo límite inferior establecido na presa do encoro (concello de Quiroga). Amplíase o réxime especial do encoro de Sequeiros cun novo límite superior establecido na saída do túnel de Montefurado (concello de Quiroga). 3. Réxime especial da anguía. Nos caneiros autorizados nos concellos do Páramo, Portomarín, Guntín e Paradela, os períodos hábiles serán os que estableza a Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente. 4. Réxime especial da angula ou meixón. A angula ou meixón poderá capturarse nas zonas de desembocadura delimitadas na Orde de 20 de xaneiro de 2000. Estas zonas amplíanse, unicamente para a captura desta especie, ata o final do lote 9 do couto de Abres no río Eo, ata a ponte de Barral no Masma e ata a ponte vella de Fazouro no Ouro. ANEXO V - Réximes especiais da provincia de Ourense 1. Prescricións especiais. Prohíbese a pesca de salmónidos con asticot ou becho branco durante toda a tempada hábil en todas as augas. Prohíbese a pesca de salmónidos con engado natural desde o día 1 de xullo ata o final da tempada hábil en todas as masas de agua da provincia agás nas que a seguir se relacionan: - Encoros incluídos no réxime especial de encoros da Orde do 20 de xaneiro de 2000. - Encoros de Penarrubia (río Sil), Cenza (río Cenza), Leboreiro (río Mao), San Agustín ou Pías (río Bibei). - Río Miño: curso principal. - Río Sil: curso principal. - Río Avia: entre a presa de Albarellos e a desembocadura no río Miño. - Río Támega: entre a ponte da estrada N-525 e a fronteira con Portugal. - Río Arnoia: entre a desembocadura do río Orille e a desembocadura no río Miño. - Río Arenteiro: tramo de pesca intensiva do couto do Carballiño. Río Arenteiro. O tramo do couto do Carballiño, comprendido entre a presa de Xesteira e a presa da piscifactoría da Xunta de Galicia, cunha lonxitude aproximada de 3,7 km, estará sometido ao réxime de couto de pesca intensiva. Á altura das plataformas existentes no tramo anterior, resérvanse 150 m para uso exclusivo por pescadores minusválidos. O período hábil no tramo non intensivo do couto do Carballiño rematará o día 10 de xullo. No couto do Carballiño serán inhábiles para a pesca os luns e xoves, agás festivos nacionais ou autonómicos. Río Arnoia. No segundo tramo do couto dos Medos, comprendido entre a ponte de Froufe no camiño Froufe-Os Milagres e a ponte do campo de fútbol en Penouzos, prohíbese o uso de engado natural durante toda a tempada hábil. No couto dos Medos serán inhábiles para a pesca os luns e os xoves, agás festivos nacionais ou autonómicos. Tramo de pesca sen morte: desde o final do couto dos Medos ata a pasarela da piscina de Baños de Molgas, no concello de Baños de Molgas, nunha lonxitude aproximada de 0,7 km. No couto de Allariz o período hábil finalizará o 31 de xullo. No couto de Allariz serán inhábiles para a pesca os luns e os xoves, agás festivos nacionais ou autonómicos. Autorízase durante todo o ano a pesca de ciprínidos no tramo comprendido entre a presa Acearrica (concello de Allariz) e a presa do Buraco (concello de Allariz), nunha lonxitude aproximada de 0,7 km. No couto de Celanova prohíbese a pesca de calquera especie utilizando como engado o asticot. No couto de Celanova serán días inhábiles para a pesca os luns e os xoves, agás festivos de carácter nacional ou autonómico. No couto de Celanova, os días 15 de maio, 12 de xuño, 17 de xullo e 7 de agosto só se permitirá a pesca de carpas na baira de Pontefechas, coas condicións xerais do réxime especial de encoros. Río Deva. No couto de Pontedeva expediranse permisos de cuarta categoría a partir do 1 de xuño e unicamente para o tramo comprendido entre a presa situada augas abaixo da ponte do Cantiño e o final do couto. Río Maceda. Tramo de pesca sen morte: desde a presa de Luz ata a desembocadura no río Arnoia, no concello de Baños de Molgas, nunha lonxitude aproximada de 1,3 km. Río Mao. Tramo de pesca sen morte: entre a ponte de Gavín e a ponte de Mazaira (couto de Montederramo), no concello de Montederramo, nunha lonxitude aproximada de 1,05 km. A tempada de pesca finalizará o 21 de agosto. No encoro de Leboreiro (couto de Montederramo) permítese o uso de dúas canas ao parado. Río Miño. Desde o remate da tempada hábil ata o 31 de outubro autorízase exclusivamente a pesca sen morte entre a presa de Velle (concello de Ourense) e a pasarela da illa de Maimón (Reza-concello de Ourense), nunha lonxitude aproximada de 5,6 km. A partir do 1 de novembro permítese a pesca de ciprínidos e black-bass ou perca negra desde a beira do río, no tramo comprendido entre o viaduto do ferrocarril (concello de Ourense) e a ponte novísima (concello de Ourense), nunha lonxitude aproximada de 1,2 km. No couto de Frieira só se expedirán permisos de primeira categoría. Río Navea-Queixa. No tramo libre comprendido entre o regato Torneiros e a Ponte de Santa Cruz, no concello de Chandrexa de Queixa, dunha lonxitude aproximada de 4 km, a cota máxima de capturas será de 6 troitas por pescador e día. Río Sil. Autorízase a pesca de criprínidos e black-bass ou perca negra durante todo o ano no tramo comprendido entre a ponte de San Fernando (concello do Barco de Valdeorras) e a depuradora (concello do Barco de Valdeorras), nunha lonxitude aproximada de 2,5 km. Río Viñao. No couto de Boborás prohíbese o uso do asticot como engado para todas as especies. No couto de Boborás serán días inhábiles para a pesca os luns e os xoves, agás festivos de carácter nacional ou autonómico. 2. Réxime especial de encoros e tramos autorizados durante todo o ano. Nos encoros e tramos fluviais onde se autoriza a pesca de ciprínidos ou black-bass todo o ano, ademais das normas específicas de cada masa de auga, teranse en conta as seguintes prescricións fóra da tempada hábil de salmónidos: * Para a pesca de ciprínidos poderanse empregar anzois de calquera tamaño con engados vexetais ou asticot, quedando prohibidos outros engados. * Para black-bass ou perca negra empregaranse só engados específicos para a súa pesca. Río Sil. Amplíase o réxime especial do encoro de San Martiño cun novo límite inferior establecido no límite da provincia de Ourense (concello de Larouco). 3. Réxime especial do cangrexo vermello americano. Autorízase a pesca durante todo o ano nos ríos Sil e Bibei, nas canles e charcas da antiga lagoa de Antela, nas charcas dos Milagres (concello de Maceda), nas charcas de Rioseco (concello de Paderne de Allariz), nas charcas de Niñodaguia (concello de Xunqueira de Espadanedo) e nas graveiras de Oímbra (concello de Oímbra). ANEXO VI - Réximes especiais da provincia de Pontevedra 1. Prescricións especiais. Río Loira. O límite inferior do couto de Seixo fíxase na ponte da praia de Loira. Río Pontiñas (afluente do Deza). Autorízase a pesca de ciprínidos durante todo o ano no tramo comprendido entre a parte superior do lago do Auditorio (límite superior) e a Ponte da Devesa (límite inferior) no concello de Lalín. Río Tamuxe. Aprázase a apertura da tempada ata o 1 de maio no tramo comprendido entre Ponte Urgal (concello do Rosal) e a desembocadura no río Miño (concello do Rosal), cunha lonxitude aproximada de 3,5 km. Río Tea e afluentes. O tramo de pesca sen morte do couto de Mondariz establécese entre Ponte Vilar e a depuradora de Mondariz-Balneario, nunha lonxitude aproximada de 1 km. O número de canas do tramo sen morte será de 4 e no resto do couto será de 10. Río Ulla. No tramo desde a ponte de Catoira á ponte da estrada N-550 en Pontecesures, nunha lonxitude aproximada de 10 km, poderase pescar desde embarcacións ou artefactos boiantes. Desde o 1 de maio ao 22 de agosto poderase utilizar xorra no tramo comprendido entre a ponte de Catoira e a ponte da estrada N-550 en Pontecesures para a pesca de especies propias de esteiros (robaliza, muxe, anguía, solla, etc.). Río Uma. Aprázase a apertura da tempada ata o 1 de maio en todo o curso principal do río. Río Vea. No couto de Souto de Vea expediranse 4 permisos diarios. Río Verdugo. Aprázase o inicio da tempada ata a data de celebración da Festa Municipal da Troita no tramo do couto de Ponte Caldelas, comprendido entre a presa da piscina fluvial (área recreativa) e a presa de Parada, dunha lonxitude aproximada de 0,8 km. Unha vez rematada a devandita festa, no tramo citado expediranse 3 permisos diarios de pesca sen morte, quedando o resto do acoutado con 15 permisos diarios. Río Oitavén. No tramo encorado do couto de Eiras autorízase a pesca desde embarcacións ou artefactos boiantes sen motor. 2. Réxime especial de encoros. Nos encoros e tramos fluviais onde se autoriza a pesca de ciprínidos ou black-bass todo o ano, ademais das normas específicas de cada masa de auga, teranse en conta as seguintes prescricións fóra da tempada hábil de salmónidos: Para a pesca de ciprínidos poderanse empregar anzois de calquera tamaño con engados vexetais ou asticot, quedando prohibidos outros engados. Para black-bass ou perca negra empregaranse só engados específicos para a súa pesca. Encoro de Zamáns. Na época hábil para salmónidos funcionará como couto troiteiro cunha cota de 5 exemplares por pescador e día. Encoro da Baxe (Caldas de Reis). Autorízase a pesca de ciprínidos durante todo o ano coas seguintes normas: - O réxime especial só é aplicable nas augas encoradas e quietas. - O límite superior fíxase a 100 m augas abaixo do punto onde rematen as augas correntes, tanto no curso principal coma en todos os afluentes que verten ao encoro. - O límite inferior fíxase na presa do encoro. - Os salmónidos só se poderán capturar durante a súa tempada hábil. - Non se autoriza a pesca desde embarcación. - Autorízase o emprego de dúas canas desde a beira, a unha distancia máxima do pescador de 3 m. 3. Réxime especial do cangrexo vermello americano. Autorízase a pesca durante todo o ano nos seguintes afluentes do Baixo Miño: Furnia, Hospital e Pego, en todos os casos desde a estrada C-550 (Tui-A Guarda) ata a desembocadura no río Miño.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
Ámbito Normativo
Autonómica
Clasificación
CAZA, PESCA E MARISQUEO

Documentos
NOME DO DOCUMENTO TÍTULO DESCARGAR
pescafluvial2005.pdf Galego
Normas derogadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Normas relacionadas
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modificada por
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles
Modifica a
TÍTULO DATA PUBLICACIÓN
Sen datos dispoñibles