Aínda que os residuos perigosos representan unicamente pouco máis do 6% do volume en peso do total dos residuos industriais xerados en Galicia, os seus especiais requirimentos no que se refire a súa xestión obrigan a consideralos particularmente.
A cantidade de residuos perigosos xerados en Galicia no ano 2022, excluíndo as cinzas xeradas na planta de valorización enerxética de RU de SOGAMA, foi de 218.560 toneladas. Esta cifra supón unha diminución de case un 8 % con respecto á produción no ano 2021. A xeración de residuos perigosos en Galicia, no período 2009-2022 recóllese na seguinte táboa, xunto coa súa variación anual total e durante o período escollido.
Xeración de residuos perigosos e a súa variación
| Ano | Xeración absoluta (toneladas) | Incremento anual absoluto (%) |
| 2009 | 181.660 | 0 |
| 2010 | 179.674 | -1,09 |
| 2011 | 158.138 | -11,99 |
| 2012 | 159.240 | 0,7 |
| 2013 | 168.478 | 5,8 |
| 2014 | 162.020 | -3,83 |
| 2015 | 168.459 | 3,97 |
| 2016 | 176.425 | 4,73 |
| 2017 | 186.415 | 5,66 |
| 2018 | 201.787 | 8,25 |
| 2019 | 203.025 | 0,61 |
| 2020 | 178.697 | -11,98 |
| 2021 | 237.058 | 32,66 |
| 2022 | 218.560 | -7,8 |
| Variación periodo 2009-2022 | 36.900 | 20,31 |
Xeración absoluta de residuos perigosos

Fonte: Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
É de destacar que case o 73% dos residuos perigosos xerados no ano 2022 se concentran en 12 tipos de residuos, estando o resto desa produción dispersa en 155 tipos de residuos.
Na seguinte táboa preséntanse os residuos perigosos producidos en maior cantidade na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2022:
| Descrición | Toneladas |
| Vehículos ao final da súa vida útil | 49.190 |
| Aceites de sentinas recollidos en peiraos | 21.700 |
| Aceites minerais non clorados de motor, de transmisión mecánica e lubricantes | 18.138 |
| Residuos que conteñen hidrocarburos | 13.625 |
| Materiais de construción que conteñen amianto | 8.737 |
| Baterías de chumbo | 8.293 |
| Lodos de tratamentos fisico-químicos que conteñen substancias perigosas | 7.973 |
| Concentrados acuosos que conteñen substancias perigosas | 7.757 |
| Lodos, procedentes doutros tratamentos de augas residuais industriais, que conteñen substancias perigosas | 7.124 |
| Residuos sólidos, do tratamento de gases, que conteñen substancias perigosas | 5.821 |
| Lixiviados de vertedoiro que conteñen substancias perigosas | 5.569 |
| Lodos de separadores de auga/substancias aceitosas | 5.141 |
Valoracións Finais
Indicador
R-3 Produción de Residuos Perigosos Industriais
Obxectivo
Mellorar a xestión dos residuos perigosos xerados polas industrias.
Tendencia
Cabe sinalar que durante os anos 2011 a 2015 a produción de residuos foi menor, debido probablemente a unha menor actividade económica. A partir de 2015 vaise voltando a valores de produción de residuos perigosos similares aos anteriores a 2011. No ano 2020 houbo un descenso considerable na produción de residuos perigosos que pode explicarse pola menor actividade industrial durante a pandemia. No ano 2022 obsérvase un lixeiro decrecemento, en contraposición coa tendencia a alza dos últimos anos.
- Mostrar Ficha
R-3 - Produción de Residuos Perigosos Industriais
Definición
Volume anual de residuos perigosos industriais.
Área temática / Tema / Sector
Residuos.
Relevancia ambiental
Coñecer a situación de recollida dos residuos perigosos industriais.
Periodicidade
Anual
Series temporais
2009-2022
Estándares, normas ou directrices para o cálculo do indicador
Datos extraídos das Memorias Anuais dos Xestores e Produtores de Residuos e dos Documentos de Control e Traslado de residuos.
Metodoloxía para o cálculo do indicador
Indicador calculado a partir da recollida de datos estatísticos procedentes das Memorias anuais dos xestores.
Unidade de medida
Toneladas
Mostra as tendencias no tempo
Sí
Obxectivos/limiares/valores de referencia ambientais
Evolución na recollida dos residuos perigosos xerados polas industrias.
Claves para a interpretación
O incremento da cantidade de residuos perigosos recollidos reflicte un maior control da súa adecuada xestión.
Tipoloxía
Presión/Resposta.
Data de actualización dos datos
Xullo 2024
Observacións
Datos recollidos nas memorias anuais de produtores e xestores de residuos e dos documentos de traslado.
Defínense os Residuos industriais como os residuos resultantes dos procesos de produción, fabricación, transformación, utilización, consumo, limpeza ou mantemento xerados pola actividade industrial como consecuencia da súa actividade principal.
Así mesmo, serán Residuos perigosos aqueles residuos que presentan unha ou varias das características de perigo enumeradas no anexo I e aquel que sexa cualificado como residuo perigoso polo Goberno, de conformidade co establecido na normativa da Unión Europea ou nos convenios internacionais dos que España sexa parte. Tamén se comprenden nesa definición os recipientes e envases que conteñan restos de substancias ou preparados perigosos ou estean contaminados por eles, a non ser que se demostre que non presentan ningunha das características de perigo enumeradas no anexo I.
No tocante aos residuos industriais, son as empresas as encargadas de xestionar os residuos que producen, facendo separación das distintas fraccións, é dicir, clasificando os seus residuos que son xestionados a través de xestores autorizados.
