A política enerxética da UE persegue tres obxectivos principais: seguridade de abastecemento, competitividade e sustentabilidade.
A Unión Europea, na Directiva (UE) 2023/2413 do Parlamento Europeo e do Consello, de 18 de outubro de 2023, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, fixa o obxectivo de conseguir unha cota do 45% de enerxía procedente de fontes renovables no consumo final bruto de enerxía da Unión Europea, dos que o 42,5% son obrigatorios e o 2,5% orientadores.
O consumo final bruto de enerxía procedente de fontes renovables en cada Estado membro calcularase como a suma do:
- consumo final bruto de electricidade procedente de fontes renovables
- consumo final bruto de enerxía procedente de fontes renovables no sector da calefacción e refrixeración
- consumo final de enerxía procedente de fontes renovables no sector do transporte.
O valor do "consumo final bruto de enerxía" NON ten porqué coincidir en cada ano coa suma do consumo en calefacción e refrixeración, electricidade e transporte, xa que, o gas, a electricidade e o hidróxeno, débense contabilizar unha soa vez no total. A título de exemplo, unha parte da electricidade pode aparecer tanto en "electricidade" como no "transporte", xa que se consome tamén no transporte. Así, para evitar a dobre contabilización, habería que subtraela, unha vez, do total (consumo final bruto de enerxía).
En España, a Lei 7/2021, de 20 de maio, de Cambio Climático e Transición Enerxética (LCCTE) establece o obxectivo mínimo de acadar, no ano 2030, unha penetración de enerxías de orixe renovable no consumo de enerxía final de, polo menos, un 42%, o mesmo do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030.
No ano 2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais presenta a Axenda Enerxética de Galicia 2030, unha folla de ruta cos obxectivos de converter Galicia nunha rexión neutra en carbono no ano 2050, diminuír a dependencia enerxética do exterior, descarbonizar os sectores económicos e sociais, posicionar a Comunidade como polo enerxético innovador e consolidar unha industria eficiente e sostible.
O obxectivo da Axenda Enerxética de Galicia, para o ano 2030, é unha penetración de enerxías de orixe renovable no consumo de enerxía final do 58%. As Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020 marcaban un obxectivo para Galicia no ano 2020 do 45%, e acadouse o 46,2%.
En Galicia o consumo final de enerxía procedente de fontes renovables increméntase dun 24,5% no ano 2005 a un 44,7% no ano 2022, superior ao 42% marcado como obxectivo no PNIEC 2021-2030 para o ano 2030.
A metodoloxía para calcular o consumo final bruto de enerxía procedente de fontes renovables é diferente a partir do ano 2021. No intervalo de 2005-2020, aplícase o cálculo indicado no Directiva 2009/28/CE, mentres que os resultados dos anos 2021 e 2022 seguen as disposicións da Directiva (UE) 2018/2001. A partir do ano 2023, realizaranse os cálculos segundo a Directiva (UE) 2023/2413.
Na seguinte gráfica pódese observar a porcentaxe de participación das enerxías renovables no consumo de enerxía final bruto en Galicia e España.
Consumo final bruto de enerxía procedente de FER (%)

Fonte: Elaborado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) a partir de distintas fontes. Calculado segundo indica a Directiva 2009/28/CE no intervalo 2005-2020 e aplicando a Directiva UE 2018/2001 a partir do ano 2021.
Valoracións Finais
Indicador
E-4 Consumo final bruto de enerxía renovable
Obxectivo
Aumentar a porcentaxe de enerxía consumida procedente de fontes de enerxía renovables e acadar, no ano 2030, o obxectivo do 58% da Axenda Enerxética de Galicia 2030.
Tendencia
O consumo de enerxía obtida a partir de fontes renovables presenta unha tendencia crecente e sempre superior ao obxectivo do 20% para o ano 2020 e, nos últimos anos, superior ao obxectivo do PNIEC 2021-2030 do 42% para o ano 2030 (no ano 2022 Galicia acadou o 44,7%).
E-4 - Consumo final bruto de enerxía renovable
Definición
Esta porcentaxe calcúlase como a proporción entre o consumo final bruto de enerxía procedente de fontes renovables e o consumo final bruto de enerxía.
Enténdese por consumo final bruto de enerxía procedente de fontes renovables a suma do consumo final bruto de electricidade procedente de fontes de enerxía renovables, o consumo de enerxía final bruto de enerxía procedente de fontes renovables para a calefacción e a refrixeración, e o consumo de enerxía final procedente de fontes renovables no sector do transporte.
Enténdese como consumo final bruto de enerxía a suma do consumo de electricidade bruto, o consumo en transporte segundo o artigo 27.1.a) da Directiva (UE) 2018/2001, e o consumo en calefacción e refrixeración.
Área temática / Tema / Sector
Sector enerxético. Centrais eléctricas e caldeiras térmicas. consumo de combustibles convencionais, fontes de enerxía renovable e electricidade en todos os sectores.
Relevancia ambiental
A intención é que este indicador mostre unha tendencia a utilizar fontes de enerxías renovables, de xeito que diminúan as emisións de gases contaminantes e de efecto invernadoiro.
Periodicidade
Anual
Series temporais
2005-2022
Estándares, normas ou directrices para o cálculo do indicador
Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello de 11 de decembro de 2018 relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables. Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC 2021-2030).
Metodoloxía para o cálculo do indicador
Consumo final bruto de enerxía renovable (%) = 100*consumo final bruto de enerxía procedente de fontes renovables / consumo final bruto de enerxía.
Unidade de medida
Porcentaxe
Mostra as tendencias no tempo
Sí
Obxectivos/limiares/valores de referencia ambientais
Aumentar a porcentaxe de enerxía consumida procedente de fontes de enerxía renovables e acadar o obxectivo do 58%, para o ano 2030, da Axenda Enerxética de Galicia 2030. O Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC 2021-2030) establece o obxectivo do 42% para o ano 2030. A Directiva (UE) 2023/2413 establece o obxectivo do 45%, dos que o 42,5% son obrigatorios e o 2,5% orientadores.
Claves para a interpretación
Canto maior sexa o indicador, tendo en conta que o consumo final bruto de enerxía non aumenta moito, maior será a enerxía consumida procedente de fontes renovables e, polo tanto, menor a dependencia enerxética de Galicia do exterior e de fontes contaminantes.
Tipoloxía
Indicador de estado.
Data de actualización dos datos
Setembro 2024
