CCLI-1 Emisións de Gases Efecto Invernadoiro (GEI)

Neste indicador analízanse as emisións en Galicia dos gases de efecto invernadoiro considerados pola Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático e o Acordo de París:

  • Dióxido de carbono (CO2)
  • Metano (CH4)
  • Óxido nitroso (N2O)
  • Hidrofluorocarbonos (HFC)
  • Perfluorocarbonos (PFC)
  • Hexafluoruro de xofre (SF6)
  • Trifluoruro de nitróxeno (NF3)

A maior parte das emisións en masa corresponden ao CO2, aínda que o denominado potencial de quentamento por unidade de masa (que mide a intensidade específica de produción de gases de efecto invernadoiro) é superior no resto dos gases. Así, para obter un dato máis fiable acerca da contribución relativa ao efecto invernadoiro das emisións dos distintos gases, a forma máis adecuada é expresar os resultados en toneladas de CO2 equivalente. Para transformar as unidades másicas das emisións dos distintos contaminantes en equivalentes másicos de CO2 deben multiplicarse os resultados obtidos para as emisións dos distintos gases por un factor que varía co tipo de gas e que figura na táboa seguinte:

Potencial de quentamento dos gases de efecto invernadoiro 

Gases (fórmula)Potencial de quentamento
Dióxido de carbono (CO2)1
Metano (CH4)28
Óxido nitroso (N2O)265
Hidrofluorocarburo HFC-23 (CHF3)12.400
Hidrofluorocarburo HFC-32 (CH2F2)677
Hidrofluorocarburo HFC-41 (CH3F)116
Hidrofluorocarburo HFC-43-10mee (C5H2F10)1.650
Hidrofluorocarburo HFC-125 (C2HF5)3.170
Hidrofluorocarburo HFC-134 (C2H2F4 (CHF2CHF2))1.120
Hidrofluorocarburo HFC-134a (C2H2F4 (CH2FCF3))1.300
Hidrofluorocarburo HFC-152a (C2H4F2 (CH3CHF2))138
Hidrofluorocarburo HFC-143 (C2H3F3 (CHF2CH2F))328
Hidrofluorocarburo HFC-143a (C2H3F3 (CF3CH3))4.800
Hidrofluorocarburo HFC-227ea (C3HF7)3.350
Hidrofluorocarburo HFC-236fa (C3H2F6)8.060
Hidrofluorocarburo HFC-245ca (C3H3F5)716
Hidrofluorocarburo HFC-245fa (CHF2CH2CF3)858
Hidrofluorocarburo HFC-365mfc (CH3CF2CH2CF3)804
Perfluorometano PFC-14 (CF4)6.630
Perfluoroetano PFC-116 (C2F6)11.100
Perfluoropropano PFC-218 (C3F8)8.900
Perfluorobutano PFC-410 (C4F10)9.200
Perfluorociclobutano PFC-318 (c-C4F8)9.540
Perfluoropentano PFC-512 (C5F12)8.550
Perfluorohexano PFC-614 (C6F14)7.910
Perfluorodecalin PFC-1018 (C10F18)7.190
Perfluorociclopropano PFC-216 (c-C3F6)9.200
Hexafluoruro de azufre (SF6)23.500
Trifluoruro de nitrógeno (NF3)16.100

Fonte: Quinto Informe de Avaliación sobre Cambio Climático do IPPC (AR5).

No ano 2022 as emisións de G.E.I. en Galicia ascenderon a 19,5 millóns de toneladas de CO2 equivalente, o que supón que as emisións totais aumentaron un 2,5 % con respecto ao ano 2021.

Emisións de GEI en Galicia 

CCLI-1 Emisións de Gases Efecto Invernadoiro (GEI) .

Fonte: Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

Na seguinte gráfica reflíctense as emisións de G.E.I. en Galicia expresadas como CO2 equivalente e presentadas en forma de índice respecto do ano 1990.

Emisións de GEI en Galicia (Índice de CO2eq) 

CCLI-1 Emisións de Gases Efecto Invernadoiro (GEI) .

Fonte: Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

Nota: calculado como (emisións ano n/emisións ano 1990) x 100

No 2022, as emisións de gases de efecto invernadoiro situáronse en Galicia un 33,0 % por debaixo das emisións do ano 1990.

Dentro das emisións de gases de efecto invernadoiro que se producen na nosa comunidade, unha parte importante son debidas á produción de enerxía eléctrica por vía térmica convencional. As emisións de G.E.I. procedentes das centrais termoeléctricas de uso público en 2022 foron 2,9 millóns de toneladas de CO2eq o que representa unha diminución dun 79 % respecto do ano 1990.

Emisións centrais termoeléctricas de uso público 

CCLI-1 Emisións de Gases Efecto Invernadoiro (GEI) .

Fonte: Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

Dende o ano 2005 aplícase na nosa comunidade a Directiva 2003/87/CE (1), pola que se establece un réxime para o comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro na UE. Esta normativa afecta a grandes focos de emisión en sectores tales como a xeración de electricidade, o refino, o cemento, ou a produción cerámica entre outros.

As instalacións afectadas polo comercio de dereitos de emisión teñen a obriga de entregar anualmente un informe verificado por unha entidade independente na que declaran as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (2). Este informe é avaliado polo organismo competente - na Comunidade Autónoma de Galicia é a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático - que, no caso de consideralo válido, inscribe o dato declarado no Rexistro comunitario de dereitos de emisión.

No ano 2022 as emisións reguladas polo comercio de dereitos de emisión (sector directiva) situáronse en 6,0 millóns de toneladas de CO2eq o cal representa un aumento do 5,1% respecto do ano anterior. Este dato, sen embargo non é directamente comparable cos datos dos anos anteriores ao 2013 debido a que o ámbito de aplicación do réxime de comercio de dereitos de emisión modificouse a partir do 1 de xaneiro de 2013 (3), incrementándose de 9 a 29 o número de categorías de actividades afectadas. Isto propiciou a entrada no sistema de instalacións pertencentes, entre outros, aos sectores da fabricación de aluminio ou a produción de ferroaliaxes. Por outra banda, a nova normativa tamén permitiu a exclusión do sistema dalgunhas instalacións de pequeno tamaño, polo que sectores como a fabricación cerámica viu notablemente reducido o numero de instalacións participantes no sistema. O profundo cambio experimentado imposibilita, polo tanto, facer unha análise axeitada da evolución das emisións dende o ano 2005 no que se instaurou este sistema.

(1) Esta directiva foi incorporada ao ordenamento xurídico español a través da Lei 1/2005, de 9 de marzo, pola que se regula o réxime de comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro.

(2) As instalacións sometidas ao réxime de comercio de dereitos de emisión declaran no informe anual soamente as emisións dos gases incluídos no ámbito de aplicación da Directiva 2003/87/CE.

(3) Directiva 2009/29/CE pola que se modifica a Directiva 2003/87/CE para perfeccionar e ampliar o réxime comunitario de comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro integrada no ordenamento xurídico español a través da Lei 13/2010, do 5 de xullo.

Emisións reguladas polo comercio de dereitos de emisión - sector directiva. Período 2005-2012 

CCLI-1 Emisións de Gases Efecto Invernadoiro (GEI) .

Fonte: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático Emisións reguladas polo comercio de dereitos de emisión - sector directiva. Periodo 2013-2022 

CCLI-1 Emisións de Gases Efecto Invernadoiro (GEI) .

Fonte: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Valoracións Finais

Indicador

CCLI-1 Emisións de Gases Efecto Invernadoiro (GEI) .

Obxectivo

Reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Tendencia

As emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia aumentaron durante o 2022 un 2,5% respecto do ano 2021, quedando situadas en 19,5 millóns de toneladas de CO2 equivalente; isto é, un 33,0% por debaixo do valor de 1990.

Mostrar Ficha

CCLI-1 - Emisións de Gases Efecto Invernadoiro (GEI) .

Definición

Emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) expresadas como millóns de toneladas de CO2 equivalente.

Área temática / Tema / Sector

Cambio Climático.

Relevancia ambiental

A concentración de Gases de Efecto Invernadoiro na atmosfera capta a radiación infravermella emitida dende a superficie da terra e impide a súa saída ao espazo, elevando a temperatura das capas da atmosfera máis próximas á superficie e provocando, entre outros efectos, o aumento da temperatura media do planeta.

Periodicidade

Anual

Series temporais

1990-2022

Estándares, normas ou directrices para o cálculo do indicador

No marco do Acordo de París, a Unión Europea estableceu como obxectivo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro en 2030, diminuír un 55 % respecto do ano 1990. Pola súa banda, España definiu na Lei 7/2021, do 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética, o obxectivo de reducir no ano 2030 as súas emisións de G.E.I. nun 23% respecto do nivel de 1990. Para dar cumprimento a este compromiso internacional, España mostra para cada ano o fluxo anual de emisións de gases efecto invernadoiro (G.E.I.) a través do Inventario de Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro. O Inventario Nacional de Gases de Efecto Invernadoiro elabórase seguindo as directrices do IPCC e empregando os valores de potencial de quentamento recollidos no Quinto Informe de Avaliación sobre Cambio Climático do IPCC. En calquera caso, e de acordo coas normas establecidas por Nacións Unidas para a elaboración dos inventarios, en cada edición do inventario español revísase a serie completa dende o ano 1990 ata a actualidade incorporando á mesma todos os cambios metodolóxicos e melloras implantadas. Os datos de emisións por Comunidades Autónomas supoñen unha desagregación do resultado nacional a cal está condicionada, na súa exactitude e precisión, pola dispoñibilidade de información de base desagregada a este nivel territorial.

Metodoloxía para o cálculo do indicador

O dato constitúe a suma das emisións GEI procedente dos seguintes sectores: procesado da enerxía, procesos industriais, agricultura e tratamento e eliminación de residuos.

Unidade de medida

Millóns de toneladas de CO2 equivalente.

Mostra as tendencias no tempo

Obxectivos/limiares/valores de referencia ambientais

Rebaixar as emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia.

Claves para a interpretación

Combinación ponderada dos gases incluídos na Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático e o Acordo de París.

Tipoloxía

Indicador de presión

Data de actualización dos datos

Xuño 2024