Para estudar a evolución da Calidade do Aire no ambiente de contornas urbanas, emprégase un indicador calculado a partires dos índices de Calidade do Aire (ICA) das cidades de Galicia.
Os parámetros empregados para o cálculo do ICA son os seguintes: dióxido de xofre (SO2), dióxido de nitróxeno (NO2), partículas en suspensión menores de 10 micrómetros (PM10), partículas en suspensión menores de 2,5 micrómetros (PM2,5) e ozono (O3).
Na seguinte gráfica reflíctense os días de ICA obtidos durante 2023 nas estacións urbanas seleccionadas para facer o seguimento da situación fronte aos valores de referencia establecidos na lexislación vixente para a protección da saúde humana.
Calidade do aire urbano - 2023

Fonte: Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
De xeito xeral, no ano 2023 predominou a Boa e Favorable calidade do aire urbano en Galicia.
En case todas as estacións se superou un 80% de días do ano cunha calidade do aire Boa ou Favorable agás nas estacións de Torre de Hércules, Ourense e na de Vigo – Coia.
A estación da Coruña - Torre de Hércules, ao igual que anos anteriores, ten días de ICA Moi mala debido ás achegas do aerosol mariño, tal coma vén reflectido no informe “Influencia do aerosol mariño na concentración de PM10 en A Coruña en 2020”, dispoñible no seguinte enlace:
https://www.meteogalicia.gal/datosred/infoweb/caire/informes/ESTUDIO/ES/AerosolMarino_2020.pdf
Cabe salientar que desde 2020, pese a influencia do aerosol mariño, non se chegou a exceder o número de superacións máximas do valor límite diario de PM10 na estación Torre de Hércules.
No caso de Vigo - Coia, os datos víronse influenciados polas festas que se realizan no barrio de Coia durante o mes de xullo, así como os episodios de intrusión de masas de aire sahariano do mes de febreiro.
Cabe sinalar tamén que todas as perdas de datos durante o 2023 foron debidas a cortes puntuais ou fallos de equipos.
| Estación / ICA | Boa | Favorable | Regular | Mala | Moi mala | Pésima |
| A Coruña - A Grela | 81 | 237 | 35 | 11 | 0 | 0 |
| A Coruña - Riazor | 47 | 296 | 12 | 10 | 0 | 0 |
| A Coruña - San Pedro | 213 | 146 | 2 | 2 | 0 | 0 |
| A Coruña - Torre de Hércules | 7 | 235 | 48 | 62 | 2 | 0 |
| Ferrol - A Cabana | 15 | 315 | 34 | 0 | 0 | 0 |
| Ferrol - Reina Sofía | 36 | 315 | 9 | 2 | 0 | 0 |
| Lugo - Fingoy | 31 | 284 | 16 | 17 | 0 | 0 |
| Ourense - Gómez Franqueira | 25 | 266 | 32 | 40 | 0 | 0 |
| Pontevedra - Campolongo | 87 | 260 | 8 | 3 | 0 | 0 |
| Santiago - Campo de Fútbol | 266 | 79 | 4 | 1 | 0 | 0 |
| Santiago - Campus | 32 | 307 | 21 | 5 | 0 | 0 |
| Santiago - San Caetano | 71 | 261 | 21 | 6 | 0 | 0 |
| Vigo - Coia | 29 | 245 | 41 | 42 | 5 | 0 |
| Vigo - Este - Estación 1 | 81 | 172 | 30 | 37 | 2 | 0 |
| Vigo - Lope de Vega | 35 | 300 | 20 | 9 | 0 | 0 |
Fonte: Diección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Valoracións Finais
Indicador
AI-3 Calidade do aire urbano
Obxectivo
Informar sobre o estado sobre a calidade do aire en cada unha das estacións distribuídas por todo o territorio galego nas grandes cidades, sobre a base dunha escala de cores de fácil identificación para a cidadanía.
Tendencia
Dende a creación no ano 2005 da rede de estacións urbanas de calidade do aire de Galicia, a tendencia representativa do ICA urbano é favorable, tendendo a ampliar o número de equipos e cuns valores da calidade do aire ao longo dos anos moi destacables.
- Mostrar Ficha
AI-3 - Calidade do aire urbano
Definición
Indicador global calculado a partir dos niveis de dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, ozono, partículas menores a 10 micrómetros e partículas menores a 2,5 micrómetros (Índice de Calidade do Aire, ICA) das estacións situadas nas grandes cidades.
Área temática / Tema / Sector
Calidade do aire / Saúde
Relevancia ambiental
É un indicador de presión sobre a saúde humana.
Periodicidade
Anual
Series temporais
Ano 2023
Estándares, normas ou directrices para o cálculo do indicador
R.D. 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire
Metodoloxía para o cálculo do indicador
O ICA calcúlase cos datos en tempo real emitidos por todas as estacións da Rede de Calidade do Aire de Galicia, xa sexan de titularidade pública ou privada. O ICA amosa a situación nas estacións para as que dispoñemos de datos de acordo ao seguinte promedio temporal:
- Para NO2 , O3 e SO2 empréganse concentracións horarias.
- Para PM10 e PM2,5 empréganse as medias móbiles das derradeiras 24 horas.
No caso de que unha estación non dispoña de datos para algún dos contaminantes, o índice calcúlase cos datos dos restantes contaminantes. Non se empregan no seu lugar datos obtidos mediante modelización.
O resultado do ICA vén dado sempre pola situación máis desfavorable na que se atope cada un dos contaminantes respecto aos seus intervalos de concentración (en µg/m3) definidos na seguinte táboa:

Unidade de medida
Non dimensional
Mostra as tendencias no tempo
Sí
Obxectivos/limiares/valores de referencia ambientais
Non superar os obxectivos a curto prazo establecidos para a calidade do aire.
Tipoloxía
Presión
Data de actualización dos datos
Xuño 2024
Observacións
O ICA (índice de calidade do aire) consiste en representar a calidade do aire mediante un código de cores. O ICA informa sobre o estado da calidade do aire en cada unha das estacións distribuídas por todo o territorio galego, sobre a base dunha escala de cores de fácil identificación para a cidadanía. A definición desta escala de cores vén dada polo intervalo de concentración dos contaminantes no aire ambiente (expresada en µg/m3), de xeito que poidamos coñecer o seu estado sen dispoñer de coñecementos previos sobre o tema.
