Que documentación hai que presentar para solicitar unha autorización ou realizar unha notificación?
Información sobre a documentación que debe presentar e os formularios necesarios pode consultalo no apartado trámites.
Que hai que facer no caso de cambio de domicilio social, NIF, baixa de actividade, etc?
A empresa debe comunicalo á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e achegar a documentación pertinente:
No caso de nova razón social e mesmo NIF/CIF, achegarase a acta de constitución da nova empresa.
No caso de nova razón social e novo NIF/CIF, achegarase a acta de constitución da nova empresa e novo CIF/NIF (copias compulsadas), e tramitarase como unha nova solicitude.
No caso de que teña depositada unha fianza ambiental, deberá constituír unha nova fianza e solicitar a devolución da que estaba depositada.
Como e onde se deposita a fianza ambiental?
A fianza poderá constituírse de calquera das seguintes formas:
En metálico
En títulos da Débeda Pública do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia
Mediante aval outorgado por un establecemento de crédito (banco, caixa de aforros, cooperativa de crédito ou sociedade de garantía recíproca, debidamente autorizados e inscritos no rexistro que lle corresponda)
Os documentos acreditativos dos avais depositaranse, ata a súa cancelación, na Caixa de Depósitos da Consellería de Facenda ou en calquera das súas delegacións territoriais.
Dispón de máis información sobre a fianza ambiental no apartado trámites.
