Este vindeiro domingo, 21 de setembro, o voluntariado ambiental galego ten unha cita cos ríos do país. A XVIII Limpeza Simultánea de Ríos, impulsada pola organización ecoloxista ADEGA a través do seu Proxecto Ríos, celebrarase nesta edición nun total de 51 concellos de toda Galiza, e nela participarán case 70 entidades, entre asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas ou centros de ensino, moitas delas asiduas nestas limpezas e outras tantas que se suman por primeira vez a esta décimo oitava edición.
Baixo o lema "Móllate polos ríos", estas limpezas mobilizan todos os anos centos de persoas voluntarias que de xeito simultáneo desenvolven unha acción colectiva e de concienciación social ao pé dos ríos, co obxectivo de contribuír á súa limpeza. Calquera persoa interesada pode participar contactando coas entidades organizadoras locais.
Na web de Proxecto Ríos está dispoñible a listaxe de concellos e asociacións participantes.
